Page 1


BEARIZ DE MONTES ASPECTO ANTROPOLOXICO, HISTÓRICO E CULTURAL DUN POBO.

Xesús Antonio Gulías Lamas. 1992


CAPITULO I XEOGRAFIA HUMANA DE BEARIZ DE MONTES


O municipio de Beariz de Montes está situado no extremo noroccidental da provincia de Ourense. Separano da provincia de Pontevedra, pola parte norte os montes do Testeiro, e pola banda de occidente os montes do Suido. Linda ó norte cos municipios de Forcarei e Lalín; ó sur con Avión, ó este con Boborás e O Irixo e ó oeste coas terras do municipio da Lama e Forcarei. Ten arredor de 52 Km2. e unha poboación de 1.883 habitantes según o censo de 1991.

Foto 1. Nacemento do río Avia. Na Portela da Cruz, nos lindes de Ourense a Pontevedra, deitan as fontes do Avia, que foi o río que delimitou as Terras de Montes.


Os montes mais importantes son Marcofán con 940 metros de altitude, Porto de Bois con 800 m., o Pico do Val do Chau con 761 m., Costoia con 768 m., O Coto da Ermida con 820 m., O Porto do Carro con 811 m., O Pico Blanco con 774 m., Portela da Cruz con 770 m., O Alto da Puza en Amelas con 868 m., A Puza da Lambea con 819 m., O Neveiro en Santo Domingo con 848 m. e O Outeiro Grande con 844 m. Hai una lenda según a cal no Outeiro Grande que está na parroquia de Xirazga hai un monumento megalítico, concretamente un dolmen "co tesouro debaixo". Beariz dista do Carballiño, que é o partido xudicial ó que pertenece, 29 Km., 40 Km. a Ribadavia, 60 Km. a Ourense, 72km. a Santiago de Compostela, cidade coa que tivo antigamente grande relación; 58 Km a Pontevedra e 20 Km. a Ponte Caldeias. A estrada mais recente é a que comunica Beariz coa N541 Barbantiño-Pontevedra, á altura da Ermida que ten 6 Km. e pasa por Lebozán. O río mais importante é o Avia que delimita as terras de Montes. O río Avia que nace nas estribacións da Portela da Cruz, xúntanselle outros que veñen pola esquerda das faldas dos montes de Xirazga e a Bouza, e un pouco mais abaixo tamén recibe pola esquerda o que nace nas brañas da Ermida e pasa por Lebozán e Beariz. Este río ó seu tempo tamén recibe un pequeno regato que nace na Chancela e atravesa Beariz . (Foto 1) Tentarei de demostrar que é precisamente o río Avia o que nace nas estribacións da Portela da Cruz, e ningún outro dos que baixan das ladeiras do Suido cara as terras do Ribeiro, baseándome nun documento histórico. Para min a proba máis contundente e clara, coido que é a carta de Dona Urraca ó arcebispo Xelmírez do ano 1115, na que se lle fai doación de " terram Montium usque ad Aviam". Por tanto as terras de Montes que pertenceron ó arcebispado de Santiago, ata o ano 1955, son as que delimita este río. O mesmo sucede na orde xurídica e administrativa. Este río é o que separa os términos municipais de Beariz de Montes e Avión. Segundo autores como Vicente Risco, chámalle Avia ó río que nace na Portela de Lamas, nos lindes de Ourense e Pontevedra (1), e percorre os municipios de Beariz de Montes, Boborás, Avión, Leiro, Beade e Ribadavia. Pasa por Lebozán, Beariz, Pazos de Arenteiro, Gomariz, San Clodio, Leiro, Beade e Ribadavia. (2). Penso que Vicente Risco nisto estaba errado, precisamente por non ter en conta o punto histórico no que nós nos queremos apoiar (1) Geografía del Reino de Galicia. Vieente Risco, Paxs. 438-439. (2) Geografía del Reino de Galicia. Vicente Risco, Paxs. 123-134.


para clarificar con verdadeira precisión documental o verdadeiro río Avia e non un afluente, como sucede no caso de Risco, e de moitos outros autores. Como xa dixemos antes, Beariz está atravesado por un pequeno regato, que nace na Chancela. Ten diversos nomes segundo por onde vai pasando. Ó pasar por Beariz, chámaselle río da Ponte da Pedra, e vai buscando ó Avia pola esquerda. Antes de desembocar nel, ten grandes precipicios, que no seu momento foron aproveitados para que as súas augas moveran un número importante de muíños, algún forno de fundición e tamén algún aserradeiro. Na actualidade non pasan de media ducia os muíños que están en activo, non obstante a mediados deste século, antes da emigración masiva a México, só na parroquia de Beariz había 10 muíños de maquiá e 35 de herdeiros. Os de maquia moían para os que non tiñan muíño de seu, e os de herdeiros para os que tiñan parte neles.(foto 2 e foto 3).

(Foto 2). Interior dun muíño sito en Magros e que aínda hoxe está en funcionamento.


(Foto 3). Muíño de Magros.

RELEVO Os montes das terras de Beariz teñen un promedio de 800 metros de altitude e son de doado ascenso. Neles nace abundante toxo común, que nalgúns casos o fan impenetrables. O toxo, foi durante anos motivo de pelexas e pleitos entre os pobos e parroquias que se discutían, tanto os lindes dos montes, como sobre todo os dereitos de apañalo. Co gando que o pacía erase máis flexible. Concretamente os lugares do Candedo, a Bouza e Albite, que son da parroquia de Beariz, tiñan con bastante frecuencia disputas e "peterrías", sobre todo cos vecinos da parroquia de Pardesoa. As vacas xuntábanse sin maiores problemas. As dificultades xurdían"cando alguén apañaba unhas gavelas de toxo". Isto viña propiciado pola falta del. Hai anécdotas moi curiosas como as que contan de Don Benito VázquezGulías, que era mestre, aínda que nunca exerceu esa profesión. Natural do Candedo, "un home fortachón, que morreu solteiro. Cando íbamos pró Pico do Val de Chau ó toxo e ás carqueixas, el tamén iba moitas veces, aínda que non precisaba, porque era de casa rica...


Pero iba canda nós prá defendernos... Ó míllor estabamos apañando, ou xa tiñamos o carro feito, e ala, viñan os de Pardesoa con gallas e páus, e nós tiñamos que fuxir....Como non se sabía ben cal era o monte de cada quen, e tamén como había pouca leña, andabamos así... Pero se estaba Don Benito, entón non había medo. ¡Abundaba el só prós que viñeranl.Tíñanlle tanto medo, que cando deciámos ¡aí ven Don Benito!, os de Pardesoa, ou de Lamas, ou de onde foran petaban cos pés no cú a correr.... É que, pau que daba, home que caía... Levaba sempre unha vara gorda de carballo cerquiño, e daba sen dor. Foi o millor defensor que tuvemos dos nosos montes." (1) (foto 4). Na actualidade os montes producen moito carrasco, carqueixa, toxo molar, arnal, xesta e uz. A árbore que mellor se adaptou ó terreo montañoso é o pino común. En poucos anos, os montes quedaron repletos despois da repoboación forestal. Pero a árbore autóctona por excelencia é o carballo. Hai carballeiras frondosas dunha beleza indescriptible. Hai carballos venerables, ergueitos cara ó ceo como bisavós eternos, que nos alou miñan coa súa sombra e coa súa nobreza de arbore cabaleiro e centenario. (foto 5).

(Foto 4). Pico do Val do Chau e Pico de Lamas. Ambolos dous foron testemuñas de pelexas entre as parroquias de Beariz e Pardesoa por gallo do toxo. (1) Esta anécdota foi recollida no lugar do Candedo


(Foto 5). Carballeira de Cotopereira, hoxe convertida en área recreativa o mesmo que a Carballeira de Barcia.

Á beira dos ríos abundan tamén os bidos, os salgueiros, os amieiros e os sanguiños. Hai pouco eucalipto, anque no ano 1957 cortaron, quizais un dos exemplares máis grandes de toda a bisbarra. Chamábanlle o "eucalipto de Merelles", porque estaba nunha finca que fora del nalgún tempo. Este exemplar medía 2.3ms. de diámetro. Aquí os ríos son rápidos. Acaban de nacer. Parecen que buscan con ansiedade o remanso do Miño, por iso os vales son estreitos e alongados. (foto6) A forza humana ó través dos anos foi facendo terras productivas nas ladeiras máis insospeitadas por medio de muros de pizarra, ou de granito; de chantas e de lousas. Así pódense ver hortas, veigas e ata campos, onde nun tempo só foi unha canteira. Este traballo realizado hai anos era motivado pola acuciante necesidade de supervivencia. Había moita xente e pouca terra productiva. De ahí que xurdiran as estivadas. Tódolos montes que só daban carrascos e tiñan dous palmos de terra negra eran propicios para producir centeo e ó ano seguinte patacas, por iso "nesta terra anque pobre, nunca niguén morreu de fame". "....Pasamos moitas.... había moitos rapaces que criar, pero fomos indo".


"... O que se di fame, nunca houbo". Houbo iso sí necesidade. Quen máis quen menos tuvemola toda".".... As patacas e o pan de millo fóronnos sacando adiante". ¡Os montes!. ¡Que podemos dicir dos montes desta terra!. Os montes foron todo para a xente. "Despois da guerra se non foran os montes, que sería de nós". É verdade. Ali sempre houbo traballo. Primeiro as minas. Despois as repoboacións forestais, a mediados da década dos cincuenta ata os sesenta. Hai montes como Marcofán, que están indiscutiblemente vencellados ás galerías, ós pozos, ós lavadeiros, ó Wolfran, e ó "metal", que deles se arrincaron. ¡E as estivadas!. ¡Canta fame sacaron as estivadas!."O lugar de Muradás traía das estivadas da Chancela, carros e carros de centeo". "Media vida pasabamola na Chancela". "Onde hoxe son chousas de toxos e pinos, antes foron estivadas e veigas de patacas". Os montes son inaccesibles por gallo de tanto toxo. Só os incendios forestais se encargan de facer a "limpa" arrasadora e indiscriminada, como o que asolou en 1989 todo o Coto de Marcofán. Os mesmos campos e veigas estanse a convertir en verdadeiros matorrais. Beariz, que é a capital do municipio do mesmo nome está ubicado a 618 ms. de altura sobre o nivel do mar. O municipio segundo o censo de 1991 ten 1883 habitantes. Destes 848 son homes e 1.035 son mulleres.

(foto 7). Vista aérea de Beariz (capitalidade do Concello) e Muradás.


(foto 8). Beariz visto desde o Castro de Garfián hai mais de 40 anos.

Só a capital ten 510 habitantes. O resto da poboación repártese entre os núleos habitados. Os máis grandes son Magros con 225 habitantes, Doade con 165 habitantes, Muradás (158), Lebozán (117), A Ermida (135) e Bouza (133). As entidades mais pequenas son: Adrián onde non vive ninguén, Ventelas, con 13 habitantes, Garfián e Ricobanca. (fotos 9 a 17) Hai que suliñar aquí un feito un tanto estraño que acontece co lugar de Albite, no que hai vinte anos vivían arredor de 25 familias, na actualidade viven, e non permanentemente, non mais de dúas. Pódese falar do abandono total do pobo, sen que houbera razóns aparentes para facelo, dado a boa ubicación que ten o lugar. O éxodo empezou coa emigración e rematou ó facer os emigrantes as novas casas, non en Albite, senón, sobre todo en Beariz. (foto 20) Esta poboación é sensiblemente maior nos meses de verán. Os emigrantes, sobre todo de México, voltan coas súas familias para celebrar as festas patronais, como se toda esta comarca da Terra de Montes recibira unha saiba nova. No outono volta á normalidade. Así ata o ano que vén. "Anque duns anos para acá, dende que México se puxo mal, a xente vén menos..., pero xa parece que a situación se está repondo". Beariz está tan vencellado a México, que os bearicenses, atoparon neste país a súa segunda patria. Imos dar unha serie de datos que nos chaman a atención para darnos unha idea do que supuxo a emigración para Beariz de Montes. En 1989 rexistráronse2nacementoso14defunc¡óns. En 1990 rexistráronse 6 nacementos e 20 defuncións.


(foto 9). As Ventelas, pobo da parroquia de Leboz谩n, encravado nunha das ladeiras do Marcof谩n Destaca neste pobo o seu conxunto de h贸rreos construidos case todos eles de pizarra.

(foto 10). Amelas, tranquilo e apacible lugar situado 贸 outro lado do coto da Ermida.


(foto 11). Ratel: un lugar pequeno que perteĂąece a dĂşas provincias e a dous municipios.

(foto 12). Adrian, un pobo totalmente abandonado.


(foto 13). Ricobanca, fermoso lugar do concello de Beariz. A melrande parte das súas casas están feitas de pedra de cantería.

(foto 14). Vista de Xirarga, onde se pode observar o seu verde val, rodeado de fermosas e frondosas carballeiras. O carballo é a árbore que mais abunda nesta zona.


(foto 15). Vista de Garfián, un pobo pequeno e tranquilo que produce de todo, ou case todo. Só o canto dun que outro paxaro, rompe de vez en cando esa paz que dá o verdor das árbores e o ceo azul e limpo.

(foto 17). Fermosa imaxe dunha parte da localidade de Os Liñares. Destaca o conxunto formado pola fonte e lavadeiro púbricos e mais polo cruceiro asentado no que foi un pé dun muíño albeiro.


(foto 16). As Santas é un lugar de encrucillada. Pertence a tres municipios: Beariz, Irixo e Boborás. E paso obrigado dende tempos inmemoriais entre Ourense e Pontevedra. Na zona de Beariz destaca a base da "mesa dos obispos". Da famosa mesa só quedan na actualidade o que foi a base, e alguna pedra das banquetas onde se sentaron os bispos de Lugo, Ourense e Santiago. Aquí tamén foi o linde das tres

dióceses.


Se nos volvemos uns cuarenta anos para atrás, por exemplo en 1948, rexistráronse 48 nacementos e 35 defuncións. ¿ A que se debe isto?. Moi sinxelo. As persoas en idade de producir están emigradas. Só pasan aquí tempadas máis ou menos longas.Volvendo aínda mais atrás atopamos que según o censo de 1920 Beariz tiña 2.600 habitantes (1.070 homes e 1.530 mulleres). Según Madoz, en 1848 aparecen 524 veciños e 2600 almas. Se contrastamos estes datos cos do censo de 1752, na parroquia de Beariz, censáronse 225 veciños. Eran canteiros 66 homes. Abre a lista Aleixandre Hermida de 52 anos e pechaa Tomás de Arriba, de 30 anos. Había 18 carpinteiros. Empeza a lista con Agustín de Muradás de 44 anos e remata con Marcelo de Muradás, tamén de 44 nos, casado e con tres fillos. Tecedeiros e tecedeiras había 10. (oficio desaparecido na actualidade na Terra de Montes), 5 xastres, 4 zapateiros, 2 costureiras, 1 ferreiro e 1 taberneiro. Os demáis censados eran labregos, tratantes de gando, arrieiros de viño e sal, cereiros e algún pobre. (1) Na parroquia de Lebozán censánronse o 24 de novembro de 1752 87 veciños. Deles, 16 eran canteiros de oficio. Abre a lista Diego de Muradás, casado e con tres fillos. Pecha a lista Salvador Troitiño Gulías, 18 anos, filio de Tereixa, solteiro. Dous carpinteiros, 3 xastres, 1 ferreiro, un cesteiro. Os demáis eran tratantes de gando, porqueiros, arrieiros, cereiros e mercadores de grans. (2) Na parroquia de Xirazga, tamén en 1752, censáronse 150 veciños. Tiñan oficio de canteiros 52 homes. Había tamén un carpinteiro, 2 ferreiros, 7 xastres, 5 costureiras, 4 tecedeiras, 2 cardadeiras, 5 encubadores de viño, 3 taberneiros, 3 arrieiros de viño, 20 carboeiros, 2 porqueiros e un ferralleiro. Eran 111 os veciños que desarrollaban oficio. Os demáis eran labregos, arrieiros de neve e muiñeiros. A neveira máis grande era de D. Gaspar Mosquera de Pontevedra e estaba en Santo Domingo. (3) Podemos ver aquí a gran cantidade de canteiros desta terra. Era o oficio máis extendido e estimado: "¡Eran tan bos canteiros, como eran xente de ben!". E temos constancia de que foi este o oficio máis importante ata despois da guerra civil, en que o oficio de canteiro por moitas razóns, entre elas a falta de cartos por parte dos contratantes, foise desviando, primeiro cara os traballos nas minas (4), logo áalbañilería, ata que pouco a pouco foise esvaindo por gallo da emigración. (1) Rodríguez Fraiz. Canteiros e artistas da Terra de Montes, paxs. 497-498. Tamén libro de Oficios do Arquivo de Pontevedra (2) Rodríguez Fraiz. O.C. pax. 484. (3) Rodríguez Fraiz. O.C.pxs. 497 a 498. Marg. Ensenada. Libro de Oficios. Caíxa 5641. Arquivo Histórico de Pontevedra. (4) Os canteiros usando unha palabra moderna tiveron que reconvertirse por decilo dalgún xeíto, para poder subsistir, unha vez que o seu traballo non podía pagar. A falta de cartos no pobo trouxo a crise ó sector.


Pódese dicir que hoxe non hai canteiros en activo na parroquia de Beariz. (1). Hai media ducia de fontaneiros, un ferreiro, dous carpinteiros e uns cantos albañiles, que fan un pouco de todo. Desapareceron por completo toda esa gama de oficios tan fermosos e variados que tiveron algunhas persoas destas terras, dos que hoxe so podemos imaxinarnos, como poden ser: zoqueiros, tecedeiras, cardadeiras, croceiras, carboeiros, cesteiros, cereiros, muiñeiros etc. Beariz ten un colexio publico de EXB e foi inaugurado no ano 1974. Concéntranse aquí, ademáis de tódalas escolas do municipio, os do Regueiro e a Candosa perteñecentes a Boborás e ó Irixo, as de Liñares, Córcores, Baíste, Rubillón, Penedo e Acebedo que perteñecen a Avión. Hai servicio escolar de autobuses para os nenos de fóra e o mesmo que comedor.Ó lado do grupo escolar atópanse ubicadas as diversas instalacións deportivas: pavillón polideportivo cuberto, campo de fútbol A Goberna, campo de tiro e pista polideportiva. Ten ademais casa cuartel da Garda Civil. A Garda Civil, por tradición mantivo sempre boas relacións cos veciños. (1) Non quere dicir esto que xa non haxa homes que saiban o oficio de canteiros, ¡porque esto non se esquece!,"o que ben se aprende".

\

(foto 20). Vista panorámica de Albite. Un pobo prácticamente abandonado


"An tes de facer as vivendas e o cuartel novo, eran como uns veciños mais". "Vivían nas casas alquiladas, por todo o lugar, e algunhas das mulleres deles botaban veigas de patacas e puñan hortas para ter algo de todo". No ano 1987 construíuse a nova casa do Concello (pois antes era alquilada). É un edificio moderno, feito con pedra de cantería, moi ampio. Ademáis das oficinas ten lugar para sala de xuntas, salón de reunións do concello e lugar para unha biblioteca. (foto 21). Ó lado, empregando o lugar das antigas escolas, construíuse ó ano seguinte: Centro de Saúde. Aqui consulta o médico municipal e hai ademáis servicio de practicante. O concello tamén dispón de dous centros sociais, un en Muradás construído aproveitando a estructura dunha antiga casa escola e outro en Xirazga. Na actualidade hai unha farmacia para todo o municipio. Hai tamén veterinario municipal. No pobo de Beariz hai só catro bares, podemos contabilizar seis en toda a parroquia. Ós bares van os homes normalmente despois de comer para tomar café e botar a partida tanto á baralla como ó dominó. As mulleres non soen faceio como norma xeral, aínda que hai mozas que o fan con frecuencia, cousa que está "permitida" e "tolerada". (Hai anos, isto sería seriamente censurado). O comportamento da xente é moi similar ó de calquera pobo galego. Hai anos en Beariz había dúas panaderías. Hoxe só hai unha. Veñen ademais polas portas, vendendo pan outros panadeiros da bisbarra.

(foto 21). A Casa do Concello foi inaugurada o 28-12-1987 polo actual presidente da Xunta de Galicia D. Manuel Fraga Iribarne.


(foto 22). Vista panorámica do agro de Beariz (1974).

Algo semellante acontece co pescado fresco. Non hai pescadería, pero polas mañáns ven un furgón que o trae desde Marín. Para en tódolos lugares convidos e fai soar a bocina para chamar a atención das mulleres que van correndo cun plato nunha man e os caitos na outra. Hai en Beariz unha carnicería que leva traballando moitos anos e que ten sona en toda a bisbarra de ter a mellor carne fresca de toda a Terra de Montes. Ten ademáis oito tendas onde se poden mercar comestibles, roupas, artigos para o fogar, mobles e outros artiluxios. Pero o que chama máis a atención en Beariz son os bancos. Hai oito entidades bancarias contando a Caixa Postal.

Agricultura. Ata hai poucos anos en Beariz producíanse abundantes patacas, millo, centeo e fabas. Facíanse plantacións de verdura, tanto para o consumo humano, como gandeiro. Na actualidade, xa non son tódalas familias as que sementan patacas para o consumo. Son moi escasas as que sementan millo, fabas e centeo. Hai moitas razóns que poden explicar todo isto, pero unha das máis fundamentais é o feito de non haber case vacas, os costos fanse altos por ter que comprar hasta o esterco, e logo pagar tódalas labouras para chegar a ter o froito na casa.


(foto 23). Na Avda. do Xeneralísimo hai mais de 30 anos había a un lado e a outro da rúa unha gran cantidade de cerdeiras.

Non hai un tipo de árbore frutal que poidamos considerar autóctono, anque hai maceiras centenarias, sobre todo nunha cerca do Candedo e algunhas en Albite. As cerdeiras bravas que houbo nalgún tempo nas beiras das estradas e nos camiños fóronas cortando, ben para anchear a vía pública ou porconsideralas un estorbo. Hoxe as poucas que hai, o mesmo que as pereiras e outros frutais son os criados en viveiros e logo transplantados. Á volta duns anos a árbore faise vella e hai que arrincala e poñer unha nova. (foto 23). Estanse a plantar na actualidade en fincas que foron campos de herba nogueiras e castiñeiros. De todo isto haberá que agardar resultados para ver como se adaptan e oque producen e o que aturan. En Albite consérvanse aínda castiñeiros vellos, de boa castaña, anque son os menos. A gran parte produce castaña pequena e pouco doce. (Foto 24). Ata os anos cincuenta, polo mes de outubro viñan da bisbarra de Amiudal, xentes con carros cargados de mazás e trocábanas nos pobos de Beariz, por patacas: un culeiro de mazás por un de patacas. Iso danos idea da pouca froita que aquí se collía.


Hai unha cantiga popular que recolle o feito e que dí: "¡Velai ven os de Amiudal!, cos culeiros das mazás. ¿Cambiamosllas por patacas ou encirramoslle os cas?." A razón primordial de todo isto é o clima. O frio, a neve e as xeadas son enemigos destas árbores sumamente sensibles e delicadas. Outra razón é que todo o terreo precisábase para botar froito máis duradeiro e seguro. Ó pé dunha casa era mellor plantar un carballo que unha cerdeira, "porque o carballo de verán daba sombra e de inverno pólas para o lume e se un tiña sorte de que medrara dereito podia dar co tempo unha trabe ou unha viga, e dar puntóns, congos... mentres que unha cerdeira, se daba cereixas duraban unha semana, e aínda por riba había que andalas gardando, podíanche traer enemistades co gallo dos rapaces se che ían a elas..." É o senso práctico desta xente.

(foto 24). Souto de Castiñeiros en Albite.


Quero suliñar algo que considero importante. De entre as árbores de especies raras e outras en perigo de extinción, podemos admirar en Beariz, unha plantación de buxos centenaria, nunha cerca que hai no Candedo, coñecido como a Cerca dos Vaquez-Gulías". Os buxos están plantados en ringleira, teñen unha altura prominente e forman unha especie de túnel longo, que servía de lugar de paseo e de descanso para os donos, onde hai bancos de pedra para poñerse á sombra ou botar unha sesta no tempo de verán. Esta familia, ademáis de facer aquí esta plantación e outra de árbores frutais, fixo plantacións moi importantes de carballos, sobre todo na Cepeira, no Val do Lodeiro e no Val do Chau, esta última, talada totalmente hai poucos anos. Podemos atopar tamén fermosos exemplares de faia e aínda queda algún que outro acivo por Albite, Magros, e Lebozán sobre todo. No municipio de Beariz de Montes celebranse ó mes dúas feiras. Unha en Beariz, na carballeira de San Pedro tódolos días 19, e outra na carballeira de Doade os días 9 de cada mes. (foto 26, foto 49).

(foto 26). Capela do Carme, encravada na fermosa carballeira de Doade, onde se desenrolan as feiras os días 9 de cada mes.


A de Beariz pódese dicir que xa non é feira. Só unha ou dúas pulpeiras de Arcos lembran a data. En Doade aínda se fai boa feira. A xente non só vai á feira por comer o pulpo, o churrasco ou a carne ó caldeiro. Vai tamén por mercar. Mércase de todo: porcos, repolo galiñas, telas, zapatos, ferralla... cantidades de tendas expoñen ó público multitude de cousas a precios "baratos". Os productos soen Ser os que se chaman de batalla e que teñen pouca calidade. E hai cousas que só é posible mercalas na feira como poden ser timueiros, estrobos, pexas, brochas para o xugo, ou sogas . Todo o demáis non pasa de ser unha especie de día de festa, onde o mercar as coles ou as cebolas para plantar no tempo, leva ós feireantes a picar uns rabos de pulpo, á distensión e bo humor. Beariz ten comunicación directa e diaria con Pontevedra-Vigo por medio da liña M. García, con viaxe de ida e volta. Dúas con Ribadavia-Ourense co Auto Industrial, co Carballiño por medio da Empresa a Montañesa e con Santiago de Compostela por medio da Empresa A Estradense.

(foto 49). Na carballeira de Doade atópase ubicado o único peto de ánimas de todo o Concello.


CAPITULO II HISTORIA DE BEARIZ DE MONTES


Na orixe do topónimo BEARIZ, ademáis de haber algunha lenda popular que explica o seu significado, hai dúas explicacións de tipo lingüístico. O primeiro documento que atopamos data do ano 1034, onde aparece o topónimio como VIARICI. Un pouco máis tarde, no ano I053 atopamos UIARICI e UIARIZ, e finalmente en 1220 xa atopamos VEARIZ. Como podemos ver, sempre escrito con "V". Parece ser que a grafía deriva do xermánico WlD, que no idioma galego perde o "D" e que significa "guía", ou "xefe". O sufixo RIZ, moi extendido en Galicia, ven de REIKS, que ven a significar "rico". Se xuntamos os dous termos WI(D)-RIZ = xefe-rico, foinos dando coa evolución do tempo VIA-RIZ, para rematar tal e como a coñecemos hoxe: BEARIZ. Hai tamén outra explicaión que sería a seguinte: "A unión de ámbolos dous termos deu "VIARICUS", en xenitivo "VEARICI", sobreentendendo VILA (casa) da que era dono un tal "VIARICUS". Eu recollín unha fermosa lenda, que ma contaron uns vellos, unha noite de ruada, ó pé da lareira no lugar do Candedo, que explica dun xeito sinxelo a orixe do topónimo BEARIZ. Contáronme que "viñan unha vez dous frailes desde San Clodio a Acibeiro. Un era galego, e o outro castelán. Por coller un atallo chegaron á cima do Coto de Marcofán; cansados de subir, cando viron o val que había no fondo, ós seus pés, quedaron abraiados, e puxéronse a contemplar toda aquela beleza. Entón ó cabo dun bo pouco o fraile castelán díxolle ó galego: -¡Vea!. Ó fraile castelán causoulle gracia o extasiado que estaba o fraile galego, e botouse a rir cheo de gozo e satisfacción. Entón díxolle o fraile galego: -¿Ris? -Sí, repuxo o castelán. Pois ben, dixo o galego, como este lugar non ten nome ímoslle chamar: VEA-RIS, porque foron as primeiras palabras que pronunciamos cada un de nós, cando vimos esta terra por primeira vez". Do período Paleolítico, que comprende entre os anos 100 mil e 8 mil A. C., e que está dividido en superior, medio e inferior, temos gue dicir que non hai ningún resto nin vestixio que nos poidan servir como indicio de que estas terras foran poboadas nese tempo. Da época do Neolítico, conservamos, anque en estado deplorable máis dunha ducia de mámoas. Todas elas foron saqueadas, parece ser que a finais do século pasado. Deberían tomar cartas neste asunto os organismos competentes para poder facer os estudios necesarios neste monumentos arqueolóxicos e podelos conservar como patrimonio que son da humanidade. Sobre as mámoas e os obxectos que nelas se atoparon cando as esca-


varon hai moitos ditos e tradicións, que eu nunca puiden contrastar e comprobar: xugos de ouro, nas do Val do Lodeiro; cazolos de barro e outros utensilios, como pendentes, aneis, pulseiras e cadeas, nas de Albite. Cando lles preguntei ás familias das que decían que eran ricas a conta de vender esas xoias, dixéronme, que todo iso acontecera cando eles aínda non naceran, que quen o contaban eran seus avós e que a eles a súa vez, llo contaron os seus. Pero as mámoas aínda que esquilmadas, están aí, e son testemuña da presencia do home en Beariz na época do neolítico. Algo similar acontécenos coa época do Bronce. Anque non temos elementos demostrativos por falla de estudios nesta bisbarra, temos que supoñer que esta épocativo que ser rica ef lorecente, dada a cantidade de metal (estaño e wolfran) que hai nos montes de Beariz. Tanto o Coto de Marcofán, como os montes de Magros, Xirazga como o Chau da Veiga (Rubillón) foro.n explotados posiblemente dende a época do bronce. En canto á arte rupestre dixéronme que hai unha pata de cabra esculpida nun penedo.Disto falarei máis adiante como parte dunha fermosa lenda que recollín en Magros, pero nunca puiden comprobar, nin siquera cun mínimo de posibilidades de que ese gravado fora rupestre. Todo me parece fermoso, pero sen pasar de ser unha invención popular e non un petroglifo, que era o que eu ía buscando (1). Da época do ferro, que comprende desde o 700 A.C., temos un castro en Magros, que aínda que está na súa máis grande parte desfeito, porque as súas pedras son hoxe, balados de campos e chousas, o que queda está sen excavar nin estudiar. Eu coñezo parte dunha moa de muiño, e seguindo un pouco cos ditos, contáronme que "moitas casas están feitas, cando menos en parte coas pedras do Castro, e teñen nas paredes, moas e pés de muíños de man, cornisas e outras pedras traballadas" (2). (fotos 28 e 29) Da romanización consérvanse na actualidade parte do que foi unha calzada romana e unha ponte sobre o río Verdugo no lugar de Ricobanca. Esta calzada romana é posible que forme parte da que se atopa na parroquia de Barcia de Xeixo e que ten anacos moi ben conservados. (foto 30) A ponte está feita con grandes bloques de cantería e foi restaurada hai pouco tempo polo Concello de Beariz, e penso que con bon acerto, porque non só se respetou a súa estructura, senón tamén a súa beleza primitiva, (foto 31) Pero para adentrarnos un pouco na historia do Beariz actual temos que meternos na historia da Terra de Montes. (1) De tódolos xeitos, aínda non perdo a esperanza de atopalo algún día, porque me chegóu a interesar moito a narración da lenda. (Nota do autor) (2) Nota recollida no lugar de Magros. Decembro de 1974.


(foto 28). Castro de Magros. As lendas dos mouros arredor do castro envolven a este pobo.

(foto 29). Detalle dunha moa de muĂ­Ăąo, atopada no Castro de Magros.


(foto 31). Puntas de lanza romanas atopadas no Concello de Bearlz.

Non se entendería a historia se desvencellamos esta terra, que está máis ó sur de Montes onde o Avia é o que delimita as posesións que perteñeceron por diversas donacións reais ó Arcebispado de Santiago, de tódalas demais TERRAS da bisbarra. É tamén o mesmo arcebispado, o que por medio dunha decisión persoal do Cardenal Quiroga Palacios, no ano 1955, o que cede as parroquias de Beariz, Xirazga e Lebozán, á diócese de Ourense. É así como Beariz, pouco a pouco, primeiro xurídicamente, no ano 1822, e despois eclesiásticamente en 1955, pasa a perteñecer á provincia de Ourense. (fotos 32,33,34) Según Rodríguez Fraíz, citando a Frai Xerónimo Román, "Montes foi doado por Alfonso II á sede episcopal de Iria". Pero a primeira doación da Terra de Montes, que incluía posesión e absoluto señorío, failla Dona Urraca ó Arcebispo Xelmirez no ano 1115. Concédelle ás súas igrexas o dereito de pór saión, aguacil, rollo ou picota, e demáis atribucións señoriais á "terram Montium usque ad Aviam". Hai outra doazón que data do 23 de outubro de 1176 ó Arcebispo de Santiago que fai o rei Fernando II.


Esta doazón pode considerarse como a que completa a totalidade das Terras de Montes, segundo se desprende dun contido da carta: "In nomine Domini: Ego, Rex Fernandus, dono et concedo aeclesie compostellane carisime archipiscope et succesiribus vestris imperpetuum medietatem de tota terra illa quedicitur MONTES cuios vos alteram medietatem iam habeatis. Ut deincepes habeatis eam totam cum ómnibus directuriis et pertenentis suis..." (1). Disto despréndese que ata a fecha o arcebispado de Santiago era dono da metade das terras coñecidas coma "Montes". Dende este intre, e gracias a esta carta é dono da totalidade. Beariz, igual que toda a terra de Montes foi gobernada polos arcebispos composteláns a través dos "xuices-merinos", nomeados por eles, que tiñan a sede e residencia no Castro de Montes, en San Miguel de Presqueiras. Había ali unha fortaleza e unha torre, da que hoxe só quedan ruinas. Esa torre-fortaleza, mandara construir Xelmírez, e estaba situada nunha especie de península que forma o río Castro, afluente do Lérez e foi derrubada polos irmandiños no ano 1476. Os 13 xuíces-merinos que residían nela mudáronse despois para Soutelo de Montes. Permañeceron en Soutelo ata o remate dos señoríos, no ano 1811. É neste ano precisamente cando se forman os primeiros municipios. Alguns deles terán moi curta duración. Na terra de Montes formáronse os seguintes municipios ou tamén chamados distritos: Tabeirós, Beariz, Quireza, Dúas Igrexas, Cerdedo e Soutelo. (1). López Ferreiro, A Ha de la Santa A m. Iglesia de Santiago de Compostela, Ns XLIX, Tomo IV.

(foto 32). Igrexa parroquial de San Salvador de Xirazga. No adro brilla con luz propia o cruceiro, obra do mestre Cerviño.


A capitalidade do partido constitucional estaba na Bemposta. En 1833, os municipios de dúas Igrexas e Soutelo pasaron a formar o municipio de Forcarei. Pero xa antes, no ano 1822, na ordenación das provincias que se fixo ese ano, Beariz pasa a formar parte da provincia de Ourense.(1) Non teñen en conta os que fan esta ordenación territorial nin a historia das concesións señoriais, nin o carátcter comarcal, porque de ningún xeito podía desvencellarse a Beariz da Terra de Montes. Neste ir e vir de acontecementos, Beariz só perteñeceu ó Partido da Bemposta desde 1811 ata 1822. No ano 1833 tamén desaparece a Bemposta como partido constitucional. Pero non foron só os arcebispos de Santiago, por medio dos xuícesmerinos os que rexiron a Beariz e a toda a Terra de Montes. O 4 de febreiro do ano 1135, é dicir, 20 anos despois da doazón de Dona Urraca, fúndase o Mosteiro de Acibeiro. Este Mosteiro parece ser unha especie de regalo e paga ó mesmo tempo, do rei Alfonso VIl, ó arcebispo Xelmírez, por habelo coroado rei en Galicia. (1) Según R Fraiz, O.C. pax 476 di: "Beariz pertenece á provincia de Ourense dende 1834."

(foto 34). Praza púbrica de Lebozán coa igrexa parroquial de Santa Cruz ó fondo. Preside este fermoso conxunto o castiñeiro con mais de douscentos anos de antigüedade.


O primeiro abade deste mosteiro foi un tal Don Pedro. Débeselle a el a igrexa, que é de estilo románico, e que aínda hoxe está case intacta. As primeiras doazóns que recibe o Mosteiro por parte do entón arcebispo de Santiago, Martín Martínez, podémolas ubicar cara o ano 1160, aínda que a primeira doazón, que inclue a xurisdicción plena do coto, que económicamente foi do Mosteiro, ata 1835, fíxoa Alfonso VIl. Houbo outras importantes doazóns que fixeron do Mosteiro de Acibeiro un dos máis ricos de Galicia. A primeira particular que podemos considerar importante débeselle ó segundo abade do Mosteiro, chamado Pedro Martínez, ó que fixeron "Cabaleiro da Terra de Montes". Os bens del formaron parte do patrimonio do Mosteiro entre os anos 1150-1155. Outras doazóns que se lle fixeron ó Mosteiro foron de Dona Urraca Fernández, filia do Conde de Traba o 3 de agosto de 1199; a de Dona Treixa láñez de Deza, mullerde Alfonso Suarez de Deza, que pideu ser sepultada en Acibeiro e deixoulle cama, roupa, utensilios da casa e o seu casal da Portela, e herdades en Delles, parroquia de Millerada. Na bula de Anastasio IV, "In eminenti", do 8 de abril de 1854, sendo arcebispo de Santiago Don Pelaio Camundo, nómbrase o Mosteiro de Acibeiro, seguido do de Sobrado dos Monxes.Un dos ingresos importantes que parece que tivo o Mosteiro de Acibeiro, que non fosen directamente de impostos ou donacións foron os provenientes das neveiras.Foi unha das fontes de ingresos máis saneadas do Mosteiro e adicaronse a esta laboura sobre todo veciños dos que son hoxe os concellos de Beariz e Forcarei. Cando outros cabildos, como o de Santiago, fixeron as súas neveiras, o negocio foi indo a menos. Pero chegaron a valer nalguns anos por riba dos mil ducados. Según Frai Tomás de Nieva, archiveiro de Mosteiro, "a feligresía de Acibeiro gañaba moito por portá-la neve.... Ganaba máis polos portes da neve có que lle pagaban por foros". É moi posible que a neveira que houbo en Santo Domingo, nun principio dependera dos frailes de Acibeiro, porque fálase de que tiña o Mosteiro "dúas neveiras". En Beariz, nos séculos XVII e XVIII, cónstanos que había xente co oficio de "arrieiros de neve", sobre todo na parroquia de Xirazga. Acibeiro chegou ó cúmio da riqueza no século XVIII. Tiña bens, encomendas, cobranza de diezmos, anales, ofrendas, foros, obrigas de manter ós frades, que xa pouco despois da fundación chegou a ter cento seis. Tiña propiedades e foros en tódalas parroquias de Montes, que eran máis de trinta. O poder de recaudación de tributos chegaba ata os Mosteiros de Melón e Oseira. Tina tamén propiedades e bens en Zamora e León. Entre as parroquias que tiñan presentación e patronato gue como xa dixemos pasaban de trinta estaban as de Santa María de Beariz, San Salvador de Xirazga e Santa Cruz de Lebozán.


Para comprender moitas destas cousas debemos ter en conta de que as concesións que tanto os bispos como os señores, lles facían ós mosteiros eran sempre como pago de favores. O de Acibeiro non puido ser menos. É por iso que as xentes, as persoas que aquí vivían víanse as máis das veces obrigados con todos eles: cregos, señores poderosos e frades. O Mosteiro tivo pleitos co arcebispado de Santiago, cos xuíces-merinos de Montes e cos rectores das parroquias, sobre todo de Beariz, Xirazga, a Madanela e Forcarei polo cobro de tributos. Podemos dicir que a Terra de Montes foi repoboada a partir do ano 1135 polas xentes traídas polos frades do Mosteiro de Acibeiro. Non podemos esquecer nin descartar unha poboación que xa estaba asentada e que vivia máis que nada do pastoreo e da agricultura. Gracias ós frades, os cristiáns vellos, chamadas así as persoas que traían eles, e tamén a xente que xa vivía alí, aprenderon a traballar mellor o agro, a plantar árbores, sobre todo carballos e castiñeiros, e a coidar o gando: ovellas e vacas. Pero o que foi máis importante para esta terra, por parte do Cister foi o ensino da cantería: a arte de labrar pedra, e facer un milagre de fermosura cun bloque de granito. De Beariz, ese pequeno anaco da Terra de Montes, saíron riadas de canteiros de primeira liña. Fixeron igrexas, pontes, túneles, edificios civís, cruceiros, estátuas, cemitérios, verdadeiras maravillas de pedra que aínda hoxe podemos admirar. Tamén lle ensinaron os frades o comercio. As feiras de Doade, Cachafeiro, Beariz, Soutelo e Acibeiro, débenselle a eles. A máis grande parte da documentación do mosteiro de Acibeiro dende as súas orixes está recollido no "Tumbo Grande", manuscrito no que se sinalan os acontecementos máis importantes do mosteiro: foros, rendas, e outros pormenores. Este manuscrito está na actualidade no mosteiro de Oseira, en Cea. Despois de haber visto algo da historia da fundación do Mosteiro de Acibeiro, feito, ó que sin dúbida se lle debe fora como foi, hai que facer unha referencia á historia e cronoloxía da construcción da igrexa de Santa María de Beariz de Montes, que é para este pobo o seu monumento máis significativo. É para min a construcción desta igrexa a que lle da principio, unidade e senso á historia deste pobo de xente nobre e labouriosa. Parece ser que a primeira ubicación, tanto da igrexa parroquial como do lugar de enterramento en Beariz, estivo onde é hoxe a capela de San Pedro, no lugar de Muradás. A capela actual é moi sinxela. Está chantada no medio da carballeira e data do século pasado, non obstante hai un San Pedro feito en Pedra de estilo románico que posiblemente perteñeza ó século XII. Da construcción da actual capela de San Pedro e do cemiterio que alí había tradicións oráis que coinciden plenamente coa realidade histórica, baseada na documentación que podemos consultar. Eu recollín unha no ano 1964, no lugar do Candedo.


(foto 35). Vista parcial da torre e da igrexa parroquial de Santa María de Beariz.

Era dunha señora de máis de oitenta anos e transcribo o que anotei: "....cando fixeron a capeia de San Fedro, decía miña nai que toparon moitos ósos, porque decían que alí fora o cemiterio vello e mais a primeira igrexa parroquial.... (referíndose á súa nai), ela acordábase de cando fixeron a torre da igrexa de Beariz, que a fixo Cerviño Cerviño foi moi bo canteiro.... Fixo tamén a torre da igrexa de Xirazga e o cruceiro que está na entrada... traballou moito por aquí... Tamén se acordaba de cando caeu a torre vella, que foi un día de trono. Unha chispa tirou coa torre e queimou dúas campanas. Se sobes ó campanario veras como as dúas campanas pequenas ten cada unha súa rachadela. Seica non as puideron fundir de novo, ou algo parecido... trataron de soldalas como puderon, pero soan moi mal, ó contrario das dúas grandes que é un gozo oilas....


Eu aínda nunca vin unhas que soaran tan ben..." (1). É presumible polos datos históricos que temos, que este lugar cando menos, fora xa antes de 1135, data da fundación do Mosteiro de Acibeiro, tanto o lugar da igrexa como ó cemiterio dos poboadores da bisbarra. Dende aquí, ata despois de 1612, ano en que empezaron as obras da actual igrexa parroquial do Santa María de Beariz de Montes, é seguro o lugar da igrexa parroquial. Ó facer a nova capela, debeuse a que co tempo deteriorouse a vella, e ademais tivo que arranxarse por gallo de que unha chispa derrubou a mediados do século XIX a torre da igrexa parroquial. (foto 36). Durante o tempo que duraron as obras, a capela de San Pedro volveu a ser sede parroquial de Santa María de Beariz. De entre tódolos monumentos, tanto da parroquia de Beariz, como de todo o seu concello, destaca con moito e brilla con luz propia a que é a actual igrexa parroquial. (1) Gulías L.X., Beariz, O quince 90

(foto 36). Capela de San Pedro, no lugar de Muradás.


É sen dúbida o expoñente máis claro, non só da arte deste pobo de canteiros, senon tamén da fe e do sacrificio que esta obra supuxo. A obra en sí, é todo un portento de fermosura. ten unha soa bóveda de cañón e tres arcos de medio punto. No centro da bóveda ten unha claraboia, pechada na actualidade. O ábside é cuadrangular. Saen catro nervos, un de cada esquina para rematar coa figura dun evanxelista. De cada unha destas figuras saen outros catro nervos que conflúen no centro, onde está Cristo cos apóstolos: é o cume desta cúpula semiplana de oito metros de altura e cuarenta metros cadrados de base. Ten catro contrafortes que sosteñen toda a estructura arquitectónica. Esta xoia monumental é obra de Domingo de Castro, un cantei ro, nado en Cameixa. As obras comenzaron no ano 1612 e remataron en 1624, ano en que o mestre canteiro, recibeu de Xilgorio Vázquez, que foi o fabriqueiro, "cincuenta y cuatro ducados... que el sobre dicho pagó para en parte de pago de las obras y altar de dicha iglesia de Veariz, en que está atendiendo... los cuales dichos cuarenta y cuatro ducados son en dinero, además de la dicha baxa que queda de fuera, que el sobre dicho para la obra de la iglesia diecha que la tengo que pagar..." (1) A sacristía construeuna Carlos da Riva. Era veciño de Xirazga, onde naceu, aínda que non podemos precísalo con exactitude, cara o ano 1675. En principio, a primeiros do ano 1704, a construcción da sacristía foralle concedida polo rector Manuel Rodríguez e o fabriqueiro Xilgorio Cendón da Bouza, ó mestre canteiro Xosé de Barro. Pero por non axustarse ás disposicións diocesáns de Compostela, non puido empezar a obra, que máis tarde saeu a subasta pública, e quen a puxo máis barata foí Carlos da Riva. Cobrou pola obra dous mil quinientos reais. As condicións foron as seguintes: a sacristía tiña que estar arrimada ó altar maior e do lado do evanxelio. Debía facer unha porta na parede de catro cuartas e medio de ancho e nove de alto. Debía rematar a obra cunha bóveda que tivera catro varas de ancho e cinco de altura. A cornisa tiña que ser de "pedra ben labrada e lisa". A obra dou comenzo o 28 de abril de 1704 e rematou en outubro do ano seguinte. Esta sacristía que a única reforma que sufreu polos anos sesenta foi no piso, onde se lle fixo un recheo, para poñela case ó nivel do presbiterio, ó que antigamente se accedía por medio de dúas escaleiras de pedra. A bóveda é semiplana, e de cada esquina parten catro nervos que conflúen no centro. Cara a parte do nacente ten unha pequena pía adosada á parede e unha fiestra estreita por onde recibe a luz do exterior.

(1) Alonso de Ogando, N° 1711-12.-Arq. Hist. de Pontevedra.


O retablo é de estilo barroco.É obra de Francisco de Vega, natural de Ribadavia, mestre tallista que acudeu a Beariz coa planta do retablo e co presuposto máis baixo: 4370 reais de vellón, que foi o que cobrou pola obra e por cinco imaxes máis: San Benito, San Bernardo, San Miguel, San Roque e San Xosé, e sobre o baldaquino onde está Nosa Señora, un neno Xesús. O que non se lle encomendou foi a imaxe da Patrona.(foto37). No contrato, do que foron fiadores Pedro e Ambrosio Rascado, veciños de Pedre e Ambrosio Fernández, a obra do retablo tiña que ser feita de "madera de castaño de la buena", e déronlle de prazo un ano para rematala e cobrando o acordado en catro prazos. Esta obra saeu a subasta por primeira vez o 3 de outubro de 1732, que era domingo, e por derradeira o 17 do mesmo mes. Por esta data era o prior e párroco de Santa María de Beariz, Frai Atilano Sanchez. A pintura orixinal e o dourado deste fermosísimo retablo foille encomendado ó mestre pintor Ignacio González, que o realizou no ano 1754. A cruz de prata é unha fermosa obra de orfebrería que sae nas procesións os días de festa. Fíxoa o prateiro compostelán Xurxo Cedeira, nos primeiros anos de 1700.".. .unha cruz de prata que se lle encomendou para Santa María de Beariz de trece marcos de pesol". (1) . Esta é a obra máis importante que fixo este prateiro na Terra de Montes. A actual torre da igrexa foi a derradeira obra que se fixo do que é o conxunto actual da igrexa parroquial, e da que como dixen anteriormente aínda acadamos tradicións orais. A obra data de mediados do século XIX. Diseñouna e realizouna o famoso escultor e canteiro Xosé Cervino, natural da parroquia de Augas Santas, filio de outro afamado canteiro: Ignacio Cervino González. Xosé Cerviño e tamén autor da torre e do Cruceiro de Xirazga, do Cristo da Morte de Cangas e do Cruceiro do Ío. Iste canteiro morreu na súa casa de Augas Santas o 4 de xaneiro de 1922. En canto ás campás a máis antiga, é a máis pequena, que está para a parte norte. Foi feita no ano 1776. Séguelle a que está para o medio día e foi feita en 1782. No ano 1839 fáise a grande. Fabricouna "Taboada", sendo crego de Beariz Don Francisco Biejo. Esta campá ten unha lenda en latín, e dí tamén en castelán: "Soy de Santa Maria de Beariz". Finalmente no ano 1906, é fabricada por Melchor Ocampo, en Arcos de la Condesa, a mediana, que está cara ó nacente. (1) Pablo Pérez Constanti. Dicc. de Artistas. Pax. 112.


(foto 37). Retablo da igrexa parroquial de Santa María de Beariz, obra de Francisco de Vega. A bóveda é obra de Domingo de Castro.


CAPITULO III A RIQUEZA


Hoxe pódese dicir que a riqueza de Beariz de Montes está baseada na emigración e no que isto desencadeou despois. A inmensa maioria da xente en idade de producción, segue emigrada, e ben, invertindo as ganancias, no país a onde emigrou, ou nalgunhas cidades de Galicia, sobre todo Vigo, Santiago e a Coruña. Outra boa parte destes caitos foronse para o Carballiño e non podemos esquecer as inversións feitas tamén en Madrid. Estas inversións soen ser case sempre en bens inmobiliarios e no comercio. Antes da emigración masiva, sobre todo a México, que a podemos situar a mediados dos anos cincuenta, a riqueza estaba asentada na posesión das terras. Era rica a familia que tiña "veigas", pero sobre todo a que as tiña productivas. Non contaban, ó contrario do que acontece na actualidade, os valores dos chamados "solares". Un dos símbolos da riqueza era o hórreo. Un hórreo grande era o sinal de que nesa casa non se pasaba fame. O ter máis ou menos cabezas de gando era tamén outro sinal. Pero non tódolos que tiñan moitas vacas eran ricos. Eran ricos os que tiñan moitas vacas e boas. "As vacas conocense polo pelo". Unha vaca ben mantida e lustrosa saía dunha boa corte, pacía en bos campos e andaba por boas mans.

Hórreo de catro claros no lugar de Ricobanca.


O ter veigas era o potencial para ter unha boa anada: millo, patacas e centeo. Estes tres foron os cultivos principais de Beariz, que xunto coas fabas e coas hortalizas fixeron a comida básica durante séculos. Temos que engadir aquí os porcos. Se ben, non houbo criadores, sí porqueiros, sobre todo nas parroquias de Lebozán, que os comercializaban nas feiras, ou vendíanos polas casas. A xente mercabaos de pequenos para cebalos durante o ano. Iste vello costume aínda se segue a usar hoxe. A xente merca os porcos pequenos polos meses de marzo e abril, para matalos polas Navidades. Hai tamén quen non quere ter tanto traballo e mercaos polo mes de agosto. A estes porcos chamanselle achegotes. Xa son grandeiros e apurándolle un pouco á lavadura, e se non enferman, poden converterse nuns bos porcos. Nin vacas nin veigas son na actualidade signos de riqueza, pero son, iso sí, signos de xente traballdora. De 1960 a 1990, descendeu o número de cabezas de gando dun xeito asombroso. Por poñer un exemplo, en 1960 había no lugar do Candedo arredor de 60 vacas. Na actualidade non pasan de 6. Podemos situar o descenso arredor do 90%. E aínda hai varios lugares, como é a Forxaou onde está a igrexa, onde non hai unha soa vaca. Estas vacas, como é lóxico, están ben mantidas, sóbralles a herba dos campos e non proban monte. A maioria dos veciños que non teñen vacas están dispostos a darlles os campos e as veigas a pacer a quen as teñen, para que non se lle convertan en toxeiras e silveiras. O que sementa, patacas faino para o consumo, Hai xente que xa non as cultiva porque se lle encarecen moito. O feito de non ter vacas ponlle moitos.atrancos ó cultivo da pataca, porque hai que comprar o esterco, pagar por levalo, pagar por labrar a terra, por sachalas, por apañalas, e por carrexalas para a casa. Todo isto encarece o producto de tal xeito que non resulta económicamente rentable."... como hai que comprar todo e pagar por todo, se un bota contas, empeñase un tres veces máis do que valen se se foran a vender". "San moito máis baratas compradas e non leva un traballo polo verán adiante". O millo é unha cantidade mínima o que se sementa. Outro tanto sucede co centeo. "Hai xente que bota algun millo e centeo para darlle ás galiñas, aínda que iso sai carísimo". Na actualidade unha malla "grande, feita por unha malladora dura vinte, minutos, ou aínda non. "Hai trinta anos, unha máquina mallaba medio día ou máis para unha casa". Eran os tempos das estivadas.(foto 40).

As estivadas facíanse nos montes comunais ou nas chousas que son montes cerrados e particulares. O primeiro ano era o máis duro. Había que desermar a terra. Se o monte tiña pinos limpábaselle o toxo de arredor para que non arderan, e logo plantábaselle lume case sempre por dous frentes, para que se atoparan no medio.


Unha vez queimado o monte, viña o traballo do cambote. Había que cavar a terra a eito cunha eixada grande, chamada eixada de cambote, para distinguila doutra máis pequena, chamada eixada do toxo, que se usaba para apañar o toxo e as carqueixas. As pedras que ían aparecendo, arrincábanse e botábanse nun lugar onde non estorbasen. Este traballo facíase a principios da primavera. Unha vez que a terra non tiña pedras labrábase cun arado furón, despois de habelas sementado.

ARADO

DE

PAU

Arado de pau. Unha modalidade é o Furón.

(foto 40). Malla celebrada no lugar de Alén hai aproximadamente 30 anos.


Vista da Igrexa e da torre de Santa María de Beariz de Montes. A mediados dos anos cincuenta a Torre de Cerviño aínda non tiña reloxo. Por eses anos, dende a torre podíanse ver como o millo medraba en tódalas veigas do agro bearicense.


Nos anos seguintes o que se facía era queimar o restrollo que quedaba do centeo, e logo estarrigábase a tella, ou borralla, que era o que servía de esterco para poder sementar de novo o centeo. O furón so se usaba para labrar as estivadas. É un arado romano feito de pau de bido, portanto moi lixeiro con cabazo e albeacas pequenas, para que afondara pouco a terra, e deste xeito non levantar pedregullo, ó mesmo tempo aminoraballe o traballo á xugada. Hai que ter en conta que o centeo precisa que a terra estea traballada, pero vai sementado á cima. Só cómpre que a terra tape o gran para faceio xerminar. Este arado soe ter o temón máis longo do normal e con varias furas para a chavella. Canto máis atrás se poña a chavella menos afonda o arado. Ademáis o cabazo pódese baixar ou subir por medio dunhas cuñas que suxetan a quilla ó temón. Unha xugada de vacas tiraba por el, indo unha no rego anterior e outra por fóra para facelos paralelos, mentras unha persoa íao sostendo por medio da rabeia. Por gallo das estivadas moitas chousas foron cerradas, con muros de pizarra dun promedio de metro e medio de alto, para que o gando non entrara nelas. "... Despois da guerra, gracias ás estivadas moita xente non pasou fame". Polas estivadas, as mallas de centeo eran moi grandes. "Había algunha meda de ata quince carros de centeo". O centeo unha vez segado levábase para a eira onde se empilaba nunha meda durante uns días. Mentres tanto o gran collía corpo, rafacíase. Logo, antes de empezar a mallar, que tiña que ser un día de moito sol, e moita calor, asolábase o centeo, se se mallaba á man. íanse sacando os mollos da meda (nesta bisbarra soese usar máis a palabra morea) para poñer as espigas coidadosamento ó sol. Así unha vez quente o centeo debullábase dun xeito máis doado. Púñase na eira, despois de limpala ben e barrela, unhas lousas grandes ó xeito de lavadeiro, nas que se petaba coas espigas do mollo de centeo. Así, golpe a golpe e mollo a mollo, íase facendo a malla. As arganas limpábanse un día de vento. A este labor de limpa chámaselle alzar o centeo. Buscábase un lugar onde houbera corrente e deixar caer o centeo, estarrigando antes unha manta no chan, dende unha altura como de medio corpo. O vento leva as arganas e a pallugada pequena deixando o gran totalmente limpo. Pero de tódolos traballos agrícolas o máis importante era o do millo. O millo significou durante anos a fartura. Xa dixemos que o hórreo era un signo de riqueza. Os esforzos mais grandes; as mellores veigas; o mellor esterco; as presas de auga para regar; os pasos ceifais; os bandos dos alcaldes que lle puñan tope ó comenzo da colleita; as enemistades nas partillas, todo isto e moito máis eran por gallo do millo e das veigas de millo.


Este cereal foi o sustento e o pan de cada día da xente desta terra. Foi o seu ancello sublime. ¡O centeo era a mestura, pero o pan era de millo!. Con isto está dito todo: ",...ía un para o monte todo o día cun cacho de pan na faltriqueira". O esterco arrincábase nas cortes no mes de abril. Púnase nunha morea para que afervecera. Logo levábase ás veigas onde se ía a botar o millo. Quero aclarar que en Beariz úsase o verbo botar en xeral e sementar en contreto. Así díse: "vou botar esta veiga de millo". Enténdese que lle pensa sementar ese cereal. Pero cando alguén ten que esparexer a semente na veiga, díse: "sementa tí, ou semento eu". O feito de sementar concretiza, individualiza e ubica o acto, tanto na persoa que o fai como no lugar. Ademáis a persoa que sementa exerce esa responsabilidade, porque se considera que o fai mel Ior que os demáis que están alí. Hai na sementeira do millo tres labouras que deben estar ben feitas: labrar ben a terra, sementar mellor e logo mondar sen medo. Se a terra queda dura a semente non nace. Se se sementa mal quedan murreiras (anacos onde non nace o millo). Se se monda pouco cando ven a calor o sol alampa o millo. O esterco lévase á veiga en carros e vaise descargando en pequenos motecos que facilitan o traballo de extendelo. Logo lábrase a terra cun arado de ferro que fai que o esterco quede dentro da leuva. Para labrar o millo como para botar as patacas úsase unha xugada boa. O seguinte paso é gradar a terra, para esta laboura úsase a grade. A grade é un cadro de madeira de forma rectangular. Soe ter unhas dimensións de 0.80 X 1.10. Leva dous travesaños no medio paralelos á parte máis longa. Nos travesaños pónselle uns dentes ou ben de ferro, ou ben de madeira, que é cos que desfai a terra. Amárrase ó es trobo por medio do suliño. Para este traballo sóese usar a mellor vaca da casa 'ó' xugo cunha xubenca: "é o tempo de amansar as becerras". É por esta época cando as vacas novas toman por primeira vez contacto co xugo. A labor de gradar, ó contario das outras pódenas facer os rapaces. Consiste en darlle voltas á veiga coa grade ata conseguir que quede chaira, e a terra desfeita. Feito esto, agárdase que o millo teña palmo e medio de alto. Ven entón a monda. Vanse arrincando os milleiros que se consideren por demáis, ó mesmo tempo que se lle dá a primeira sacha. Con intervalo dun mes, volvese a sachar de novo. Este traballo chámase "arrendar", ou arredar. Arríncanselle as herbas e arrímaselle a terra. A mediados de agosto botase a ferrá. Con ese gallo, vólveselle a dar outra pequena sacha. No mes de ou tubro ségase. Atase en mollos de quince a vinte canas e lévase para a palleira. Ás noites faise a esfolla. É un dos tempos máis típicos e gozosos da xente. Ver como o hórreo se vai enchendo de espigas de millo que serán a fartura, tanto das pesoas, como dos animais da casa. O millo garantizará pan na artesa cada día. Diante dunha anada de millo o esforzo de todo un ano, dase por ben cumplido.


A esfolla xuntaba ós vecinos pola norte. Era ademais un traballo para todos. Participaban nel dende os vellos ata os nenos. Irlle axudar a esfollar a calquera veciño era como unha obriga leda. Entre contos e algunha que outra cantiga, ían indo as espigas cara o hórreo. Cando a estalla se fai con chuvia, hai que agardar un bo día de sol para botar a asolar o millo, para que non aferveza dentro do hórreo. A gran maioria da xente pon nas moas do hórreo, por debaixo, uns cantos dentes de allo, o mesmo que no cumio da porta e entre as lousas do tellado. É o remedio contra as bruxas, que sempre da resultado. En canto á gandería temos que suliñar que na actualidade hai moi pouco gando lanar. O gando cabrío non chega a duascentas cabezas de femias para a recría. Sen embargo, toda a terra de Beariz de Mon tes ata hai poucos anos mantivo moitas ovellas e cabras. Os montes, como xa dixemos, producen moito carrasco e carqueixa, alimento barato, pero importante para a mantenza deste tipo de gando. O feito de haber grandes extensións sen a repoboación forestal, permitía que o traballo do coidado e dos traslados, non fora dificultoso. Coa chegada da repoboación masiva e indiscriminada dos montes obrigou á xente a desfacerse dos rebaños. Había varios rebaños de duascentas e trescentas cabezas cada un. Normalmente soían ser de dúas ou tres familias, que se turnaban cada día, ou cada semana, para gardar as ovellas. De gardalas deste xeito ven a palabra "adío", que se emprega nesta bisbarra como sinónimo de rebaño. Ó chegar ó pobo apartábanse os animais para que cada un fora durmir a súa corte. Ó que se lle aproveitaba ás ovellas era só a lá e unha tanda de años, que se feireaban cando deixaban de mamar. O leite non se usaba nin para comer nin para queixo. Os rebaños tiñan tamén dereito a pacer nas veigas de todos unha vez que se segaba a ferrá, e antes de labralas para sementarlles o millo. Este era un dereito recoñecido por todos. Algo semellante pasaba coas galiñas. Estes animais debían e aínda hoxe deben estar pechados nos currales dende o mes de maio ata que se colla o millo. Fora diste tempo as galiñas poden picar nos camiños, eiras ou veigas. A persoa que planta unha horta xa procura cercala con arame de tea por gallo de que lle vaian acabar con ela. Ata hai poucos anos anos había un garda municipal, que lle chamaban "das galiñas". Era o que vixiaba que as galiñas non anduveran por fóra picando en veigas de millo. Tamén se lle encargaba que vixiara, tanto ós cazadores, como ós troiteiros. Pedíalles a licencia, e tanto a caza como a pesca había que faceia nos tempos permitidos. Na actualidade, tanto a caza como a pesca están controladas pola garda civil e por ICONA. Ó mesmo tempo os cotos de caza soen contratargardas xurados para que vixíen os seus térmos, non permitindo


entrar neles ós que non son socios. Os socios pagan unha cuota á sociedade de caza, que lles da dereito a matar un número de pezas non superior ás marcadas nos estatutos. Se un cazador trasgrede as normas pode ser multado e tamén expulsado da sociedade. Cando non había auga corrente nos pobos, as fontes desempeñaban un papel importante. Son coñecidas a "fonte da Carrola" en Lebozán, "fonte do Farauto" no campo da feira de Doade, a "fonte de Brais" no iglesario e a "fonte da saúde "na Forxa". Hai anos no lugar onde está ubicada a fonte da saúde nacía unha fonte que se chamaba "fonte da nugalla" pola pouca auga que deitaba. Hai una lenda moi fermosa sobre a "fonte das Costiñas" en Ratel, da que "sai unha cobra mui grande cun carabel na boca. Quen lle poida dar un bico no caravel, trocarase nese intre nunha rapariga de ouro". Había fontes que se prestaban achegar ós pobos por medio de presas, como sucedía na Bouza, coa auga que viña de Costoira (na actualidade esta auga está canalizada e entubada para as casas). Cando a auga era pouca, canalizábase por medio de regos, como sucedía coa fonte do Candedo. Para aproveitala íanse facendo pías, para que o gando bebera nas beiras dos camiños. Había todo un estatuto de normas, que salvo excepcións, soíanse respetar. Estas normas anque non estaban escritas, eran coñecidas de todos. Deste xeito repartíase a auga para que chegara ó pobo, para beber a xente, os animais e para regar. En Beariz os agros están moi aproveitados. Os camiños públicos son poucos e estreitos. Na maioria malamente pasa unha xugada cun carro de toxo. Hai ademais agros totalmente cerrados, como o da Portela, con dúas entradas e as leiras moi repartidas. As porteiras están abertas nos tempos de ceifas para facer as sementeiras. Logo péchanse ata a colleita. Hai veigas que por lei de herdade teñen que lle dar paso a outras. Así, se unha veiga non ten saída ó camiño, a que está diante, ten que lle dar paso. Este paso, só é obrigatorio no tempo de ceifas; non cando o veciño que estea detrás se lle antoxe. Así, nos agros, isto ademais axuda a que os paxaros, como pode ser no caso do centeo ou do millo, repartan entre tódalas veigas sementadas as súas "depredacións". Dentro das producción desta terra, que son mais ben de autoconsumo ou autoabastecemento tiveron grande importancia as canteiras. As terras de Beariz de Montes non son só, terras de bos canteiros, son tamén de boas canteiras. Ata hai uns trinta anos que se empezou a usar o ladrillo e a tella case como elementos únicos na construcción das vivendas, a pedra e a madeira eran os dous materiais que caracterizaban e configuraban


non só as vivendas, senón todo o entorno que lle daba figura e forma ós pobos desta bisbarra; que os facía distintos ós de outras terras. Así a pedra de pizarra non era só o elemento máis común na construcción das paredes das casas, servía ademáis para facer os lousados, os corredores, as solainas, as cociñas. As cortes e currales tiñan o piso de pizarra. As eiras eran de pizarra; os tellados dos hórreos eran de pizarra. As calzadas facíanse de pizarra, postas ó xeito de chapacuña. Os muros das chousas, as chantas e os espetos dos campos, os marcos das veigas eran de pizarra. Ter unha boa canteira de pizarra, saber arrincar a pedra, e logo asentala, era o que cumpria para que a casa e as terras fixeran fermosas extremas. Hai fundamentalmente dous tipos depizarra. A pizarra rubia que abunda principalmente na Goberna, é unha pedra que soe ter moito cuarzo nas vetas, o que fai doada, boa de arrincar e ó mesmo tempo resistente á humidade, por ser pouco porosa. Usase moito para facer chantas e muros de casas. O outro tipo de pizarra é a gris. Dentro da gris hai unha dura que ten bastante cuarzo. Esta pedra é moi resistente, pero ó mesmo tempo moi sensible ós golpes. Soese usar para muros de fincas. Hai tamén outra pizarra gris moi blanda, debido a grande cantidade de mica que contén, e ó mesmo tempo moi resistente ós golpes secos. Pódese furar cun martelo de pico, especial para iso que se chama martelo de louseiro. Esta pedra, que tamén é máis lixeira que as outras dúas, é a máis usual nos lousados. Como veremos, cando tratemos da vivenda os teitos das casas eran de lousa, por eso se chaman lousados. A tella é un elemento totalmente novo na construcción, e alleo a esta terra. Cada familia, e noutros casos, cada canteiro, tiña a súa canteira. Aínda hoxe se di:"onde a canteira de fulano", ou "onda canteira de citano", cando queremos sinalar algunha cousa, que queda cerca, dese lugar. A pizarra, unha vez descuberta a pedra, vaise arrincando por capas. Nas beiras procuraseunha veta, logo mediante o pico e os cinceles fáiselle a entrada para as cuñas. As cuñas son de madeira de carballo, ben seco. Unha vez que están introducidas bótaselle auga para que inchen, deste xeito fan estalar a lousa. Cando as pedras son moi grandes, móvense cunha palanca. Cando se quere arrincar pizarra para muros ou lousas, que non teñan que ser necesariamente grandes pódese usar a dinamita. A dinamita fai escachar a pizarra en anacos máis ben pequenos. Despois será a arte do conteiro a que faga encaixar os cachelos nos muros e paredes. A pedra de cantería ou granito foi en Beariz transcendental. Os canteiros de Beariz non só sabían labrar a pedra, senón que sabían tamén arrincala, cortala e cargala. Sabían cal era a adecuada para cada cousa, e para cada caso. Así, unha pedra caliza era mellor para facer unha pía, o crisol, e ós fornos de fundición.


Esta pedra, que é a máis resistente ó lume, non atura ós invernos de chuvia e vento, por ser moi porosa. Por iso non serve para facer cruceiros, lumieiras, corredores, columnas ou escaleiras. O perpiaño de Beariz, na súa máis grande parte, é de cor moi branco, con pintiñas negras e brilantes. Agás de algunha canteira en Penamarela, que é bastante calizo, todo o demáis é duro con grande cantidade de cuarzo, o que o fai especial para a construcción de exteriores, e firmes de estradas. As canteiras máis grandes están en Penas Ferreiras e na Picota. Para facer un perpiaño hai que facer na canteira un corte liso. Márcase na pedra a medida que se lle quere dar de grosor a todo o longo da pedra, logo vanse facendo as entradas para as cuñas máis ou menos, cada vinte ou trinta centímetros. Neste caso as cuñas teñen que ser do carballo ben seco. Feitas as entradas, métenselle as cuñas ata quedar apretadas. Logo a cada cuña váiselle botando auga, a poder ser quente. Este sistema fai que as cuñas inchen e corten a pedra, case como se fose cunha serra. O mesmo sistema úsase para facer despois ós perpiaños na medida que se lle quere dar. Os cachos que sobran chámanselle cachotes. Usanse sobre todo para facer as bases, cimentacións, muros baixos e firmes de estradas. Asi temos que os firmes das estradas: Beariz-Ponte Caldelas; BearizRibadavia; Beariz- A Hermida e Beariz-Brués, foron arrincados na súa maior parte das canteiras de Penas Ferreiras e Piñeiros. As Pedras da igrexa e da torre de Santa María de Beariz son de Penas Ferreiras. A máis grande parte dos pés e móas dos muíños que están nas marxes dos ríos que nacen na Chancela e Ermida, sobre todo, son de Penas Ferreiras. As fachadas e columnas do moimental cemiterio de Beariz, son tamén de Penas Ferreiras. ¡De Penas Ferreiras foi pedra para moitos sitios!. iHoxe as canteiras están dormindo un longo sono á sombra dos pinos e toxos que as acochan co seu eterno verdor!. Mención aparte merecen as minas. As minas de estaño e wolfram foron durante moitos anos as que permitiron que a xente poidera gañar unha peseta, agás dos canteiros. No traballo da mina non se requería a arte do canteiro. Eiqu í só era preciso o traballo; o esforzo para picar nas galerías, e carrexar a terra para despois lavala. Por iso nas minas non traballaban só homes, ían tamén os rapazotes e as mulleres. Case que toda a terra de Beariz de Montes é rica en minerais. As minas máis importantes e máis grandes son as de Valcobo, que están no Marcofán, e teñen algunha delas, como a Mina Blanca, que foi das mais abundantes, tres galerías: unha en cada capa. Dentro das minas de Valcobo, ademáis da Mina Blanca que xa suliñamos, foron moi abundantes a Mina Rubia e a Mina Vella. Todas estas minas son de filón, é dicir, o metal atópase dentro, sempre en filóns ou vetas.


Para eso é preciso picar na rocha é cando e moi dura hai que empregar dinamita. Outro tipo de minas son as chamadas minas de aluvión. O metal a traveso dos séculos foi arrastrado pola auga e os movementos telúricos ós lugares máis baixos. Os mellores sitios son as vaguadas onde confluían as forzas das augas incontroladas, que baixan dos montes. A mina máis abundante de aluvión é a da Chaira do Río. Era unha especie de mina a ceo aberto onde se cavaba a terra para logo lavala nunha corrente de auga. A forza da auga arrastraba a terra, que é máis lixeira e deixaba no lavadeiro o metal que pesa moito máis. Este tipo de mina explotárona hai poucos anos unha compañía asturiana nos montes de Rubillón. Era unha mina de aluvión a ceo aberto. Unha pala levaba a terra no cazo ó lavadeiro que estaba situado nunha forte corrente para que arrastrara a terra río abaixo e deixara o metal limpo. Hai que suliñar que o metal case sempre vai mesturado con pedra. A depuración, ou separación faise primordialmente por medio da fundición. Á mina Vella, que é unha das mais grandes, podía ir traba llar a ela quen quixera. Houbo un tempo que tivo unha especie de explotación mixta. É dicir: ía quen quería traballar para sí, e o metal que collía vendíallo a quen mellor lle convira, ó mesmo tempo había quen traballaba para un patrón a soldo. Un dos patróns desta mina foi o cura Pontes, coñecido na bisbarra de Beariz polo seu apelido. Este cura, famoso, ademáis por outras cousas, fora ferreiro, antes de ser crego, e tamén tiña algúns coñecementos de canteiro. Foi el o que puxo as pías da auga bendita á entrada das dúas portas da igrexa de Santa María de Beariz. Voltando ó caso das minas, os seus obreiros cobraban un soldo, e estaban obrigados a entregarlle a el o metal recollido, pa ra logo el comercialízalo. Deste mesmo estilo foron as minas de Alfredo de Magros, unha das máis importantes de filón, e que está en Pena Mareia, e tamén a mina do Bouzo. Esta derradeira, moi ben montada, pero moi escasa. A compañía que a abríu, tivo que pechala e con moita perda para ela; de aí o dito popular: "traballar pro Bouzo". Pola contra, como xa dixemos, a de Alfredo de Magros foi abundante. Este home tivo a vantaxe de que non só explotou a mina, senón que el mesmo fundía o metal atopado, no seu propio forno, ademáis compráballo a outros mineiros. Na mina dos Charcos estivo unha compañía franco-alemana. Esta mina tiña proxectos para convertirse nunha grande empresa, pero o comenzo da segunda guerra mundial, dou con ela ó traste, ó ter que retirarse a compañía. Desta mina ven unha boa parte da auga que se consume en Beariz. Na actualidade chega ó depósito auga de outros manantiais, pero nun principio,


cando se proxectou a traída coidábase que a auga desta mina sería suficiente para todo o consumo da poboación bearicense. Tamén as veigas que están na baixada da capela de San Pedro, foron na meirande parte minas de filón. Cada dono traballaba a súa veiga, aínda que dun xeito moi rudimentario. As derradeiras minas que estiveron abertas foron as de Doade. Como dixemos, tanto as persoas particulares, como as compañías vendíanlle o metal a quen mellor o pagase. Os que máis se adicaban a mercalo eran os fornos. Os precios eran moi variables. Entraba en xogo a calidade do metal, a liquidez do forno ou a presa do mineiro. E dicir: un metal con menos pedra era máis ben pagado. Cando o dono do forno tiña cartos podia pagar na man, e se o mineiro non tiña apuros podía vendelo máis caro esperándolle un tempo o do forno, ou vendéndollo a outro que nese intre tivera menos con que pagar. As mellores operacións de compraventa facíanse os días de feira, como e lóxico, quen precisaba carros para mercar na feira vendíalle a quen lle pagara na man. Os fornos máis afamados dos derradeiros tempos foron o do "tío Xosé", o do "tío Demetrio" o de Alfredo de Magros. Tamén tivo a súa importancia o de "Francisco" que estaba na serrería de "Xosé" e o "de Otero". Este último en Magros igual que o de Alfredo. Anterior a todos estes, e tamén en Magros houbo o coñecido como "forno de Merelles", do que hoxe aínda quedan as paredes. Tódolos fornos tiñan un título, ou matrícula. Cada quen tiña os seus moldes para o vaciado, que levaban o nome do fabriqueiro, anque moitos deles, á vista de que eran mellor pagados os lingotes coa inscripción de "Cordero y Bandera", de Inglaterra, optaron por deixar o seu nome orixinal, poñer o carneiro e a bandeira inglesa no fondo do molde. Os que mercaban estes lingotes sabían perfectamente que se trataba dun "fraude", pero como a calidade era tan boa como a de "Cordero y Bandera", no mercado confundíase, e pasaba como se fose. En canto ás variñas, que tamén eran dunha calidade superior, levaban unhas a lenda: "Santa María de Beariz de Montes", e outras: "Nuestra Señora del Carmen de Couso de Avión". Os lingotes facían se de 10 ou 15 quilos. O precio deles despois do ano 1941 era de tasa: 15 pesetas por quilo fundido. Ademáis era obrigado o venderllo ó estado. O precio no mercado de estraperlo era de 80 pesetas o quilo, e ás veces máis. Estes fornos de fundición dos que estamos a falar eran bastante rudimentarios, anque cumprían á perfección o seu cometido: a fundición era de moi alta calidade e o custo da mesma, baixo. O forno era de pedra. A pedra máis idónea e unha que hai sobre todo en Penamarela, que é bastante caliza, e por conseguinte, atura altas temperaturas sen estalar. Facíase o xeito de embudo cunha base de 30X20 cms. para rematar en 40X30 cms. na cheminea. A carga efectuábase por arriba.


No fondo do forno estaba unha pía, tamén de pedra, na que caía o metal licuado. Cunha culler, íase botando nas formas para facer os lingotes. Xusto, enriba da pía había dous buracos. Un por onde caía o metal derretido á pía, e outro para que entra o aire que avivaba o lume dentro do forno. O aire producíase pola caída da auga. Ó par do forno facíase un cubo de pedra. O cubo tiña no medio da base unha pedra cadrada ou redonda, onde a auga se escachaba con forza contra ela. Á al tura do cume desa pedra había unha saída para o aire que producía o aire ó cair, e que ía directamente ó fondo do forno, por medio dun tubo. Este aire era o que mantiña a calor desexada para lograr a fundicion do metal. A auga saía por un buraco pequeno situado no fondo do cubo de tal xeito que nunca había demasiada auga, que tapara o tubo do aire, nin tan pouca que permitira que o aire se perdera. Así era todo encauzado cara o forno. A ventilación podíase regular cerrando ou abrindo máis ou menos o tubo do ventilador. A carga facíase por unha abertura entre a cheminea e o forno. A proporción para lograr unha boa fundición era de tres paladas de carbón por media de estaño. Como xa dixemos mais atrás tiñan unha licencia ou guía para poder fundir o metal. Despois do ano 1941, asignáronlleunhatasa, como tamén xa dixemos, de 15 pesetas por quilo fundido. Os fornos seguiron funcionando, pero vendendo os lingotes no mercado negro, porque coa "lei de tasas" non só eran rentables, senón que perdían diñeiro. Este foi o primeiro paso para acabar cos fornos de Beariz. O segundo e definitivo foi o precinte de todos por "inoperantes" aludindo que non "facían ben o fundido!" e que "se perdía na fundición moito metal". Tódolos donos víronse entón na obriga de vender as guías. A maioria compráronas industriais de Vilagarcía. O precio da guía andaba arredor das 250.000 pesetas. Parece ser que os únicos que aínda conservan a guía de fundición son os herdeiros do forno co ñecido como do "tío Xose".

Forno de fundición.


CAPITULO IV ROMARIAS, LENDAS E CURAS DE ALGUNHAS ENFERMIDADES


Falar da terra de Montes é falar de romarias. En Beariz a me flor romaria que se fai é a de Nosa Señora, na parroquia do mesmo nome, e a de Santo Domingo, na parroquia de Xirazga. Hai que suliñar algo importante. Beariz, considera coma súas, outras da bisbarra, como son a das Ermitas, a do Cristo de Xende, a do Pelete ou a de San Benito de Pardesoa. A xente ofrécese durante o ano, por moi diversos motivos a ir á romaria, e moitas veces, a pé. Chegado o día, cúmpreselle a promesa ó santo. Ademais da xente que vai á romería por devoción, ou obriga, a máis, vai pola romaria mesma, polo que é a festa na carballeira, polas empanadas á hora de xantar, pola xuntanza cos amigos, por unha tarde espallada á sombra dos carballos, que ademais nesta terra, teñen un meigallo especial. Quero centrarme só en dúas romarias, primeiro na de Santo Domingo e logo na de Nosa Señora de Beariz. A romería de Santo Domingo non ten desperdicio. Hai unha fermosa capela chantada no medio dunha carballeira, fontes de auga fresca, e unha herba campía que parece que foi cortada para que os romeiros gozaran dela. Non se pode pedir mais para a vista nin para o repouso do corpo. A carballeira e a capela están coroando o cume dun monte, onde está a nacer ou a morrer, segun se mire, a serra do Suido. A estrada sobe curveando por entremedias de outras carballeiras. E sobe a xente cedo o día de Santo Domingo, coas cestas cheas de comida para xantar e para cear mentras descansan. Soben tamén os ofrecidos a pé. Levan pernis, galos, velas eoutras ofrendas para o santo, pero levan sobre todo fe e agradecemento. Eu penso que a xente desta terra segue tendo fe no seu santiño. Despois da misa "grande" sacan a Santo Domingo á procesión pola carballeira e arredor da capela. Hai foguetes, e música de banda e de gaiteiros. A parroquia de Xirazga é a encargada de correr coa festa. Santo Domingo é un santo milagreiro nesta terra, aínda que non tanto como San Benito de Pardesoa, que lle cura as espullas a quen llo pide, e hai quen dí que indo ofrecido, antes de pasar a Ponte de Barcia, mirou para os dedos e xa non tiña as espullas. A Santo Domingo rézaselle todo o ano e pédeselle por todo en xeral. Un xeito de agradecerlle ó santo todo o ben que lle fixo a un, é ilo visitar o día da festa, e compartir á súa beira un bon xantar e unha sesta á sombra dos carballos, mentras estoupan os fo guetes e se escoitan os acordes dunha banda de música. Hai devotos que van ofrecidos a pé dende as súas casas e hai tamén quen vai ofrecido a ir de xeonllos arredor da capela. (foto 43). En canto a romaría de Nosa Señora de Beariz, podíanse escribir milleiros de páxinas contando historias, lendas e tradicións.


Ten unha devoción tan grande que para os bearicenses, dende sem pre foi unha data para sinalar cando tiñan que estar na terra. É o día máis senlleiro do ano, e con moito, por enriba de todos. Os nosos canteiros que percorreron toda España, saían a percura de traballo despois do 15 de agosto, e voltaban, mellor dito, tiñan que voltar, para estar para a festa do quince. Ese día era especial, e segue a ser especial: ¡é o Quince de agosto!. Tamén os segadores, que saían ó comenzo do verán viñan todos, con poucos cartos, pero cheos de traballo e a fouciña debaixo do brazo, para o Quince de agosto. ¡E na actualidade os emigrantes!. ¿Quén non pensa en terras mexicanas estar en Beariz o Quince de agosto?. ¿Quén dos que non poidan estar, non se lembran da festa de Nuestra Señora?. Coido que non hai un bearicense que o Quince de agosto, estea en Beariz, ou estea fora, non viva dun xeito especial ese día. Os veciños invitan a xantar ós amigos de outros lugares. Acondicionan os garaxes con mesas, porque quedan pequenos os comedores e as cocinas das casas. ¡E faise comida de abondo!. "Hai anos agardaba un ó Quince de Agosto para comer un caldo con máis compango e chimparlle por riba un plato de papas de arroz..."

(foto 43). Ermita de Santo Domingo, encravada nunha fermosa carballeira onde se celebra unha famosa romaría os días 4 de agosto de cada ano.


Imaxe de Nosa Señora de Beariz, que sae á procesión o día da festa, o quince de agosto.

Os que non veñen de invitados, traen as cestas coa comida e sentanse nos campos, a beira do rio e á sombra dos amieiros. A noite do 14 de agosto, bótase o folión. Os fogos artificiais teñen unha parte moi importante na festa, e a xente agarda ata ben entrada a noite, para ver como arden e alumean os foguetes de cores os ceos deste terra, e logo facer comparacións con anos anteriores. Ata mediados dos anos oitenta a festa de Nuestra Señora, como así se lle chama, costeaba unha soa persoa. Despois da crise económica que sufreu México, a festa volveu a ser pagada portódolos veciños da parroquia, como ata os anos cincuenta. Hai un maiordomo e uns vocais que se encargan dos diversos trámites para celebrar a festa: recaudar o diñeiro, tirar os permisos, encargar os foguetes, contratar a música, e outros detalles de moi diversa índole como concursos culturais e deportivos.


O domingo seguinte á festa elixese a nova xunta que vai ter un ano por diante para preparar a festa. O aspecto máis importante da festa está centrado no relixioso. Durante nove días ténselle a novena á Virxe. Neste tempo hai foguetes; repican as campás; fánselle ofrendas florais dos diversos lugares da parroquia, cantos relixiosos e gaiteiros. A novena é fes teira e é coma un anticipo do que van ser as festas. A imaxe da Virxe báixana do baldaquino onde es tá durante o ano para colocala un pouco máis atrás do presbiterio. Os devotos prendenlle velas que arden día e noite ós pés da Virxe. Colócanlle billetes no manto, cadeas no pescozo e pendentes e pulseiras. E logo o día da festa sae en procesión. Abre a procesión a bandeira de Cristo Rei, seguida da Cruz de prata, logo outros estandartes e as imaxes dos Sagrados Corazóns e San Antonio, e detrás a imaxe da Virxe que pasa de ombreiro en ombreiro dos devotos. Á entrada da igrexa párase a imaxe de Nosa Señora para facer o poxo. A xente garda silencio e o sacristán con voz entoada di: "¡Devotos de Nuestra Señora...!", e logo unha cantidade que se lle pon como valor a cada banzo. Así vai puxando a xente e o que pague máis é quen mete a Santa. Co poxo, e coa Virxe dentro da igrexa remata a festa relixiosa. Houbo unha tradición case inenterrumpida ata os anos setenta na parroquia de Beariz, que coa emigración masiva foise perdendo, e que merece ó meu ver unha reseña aparte, aínda que sexa pequena: é a festa de San Antonio e o xeito de axudar a costeala. Esta festa foi, e segue a ser costeada polos veciños do que noutro tempo foron algo así, coma barrios diferenciados:Beariz e a Forxa. E unha festa moi popular, porque moi popular é o santo a quen festexan: San Antonio. E é unha festa pobre, pero ano tras ano vai aparecendo, ainda que sexa a última hora, porque ninguién quere que morra. Como dixen antes, ata os anos setenta, ninguén se cuestionaba o tela, ou non tela, porque con mais ou menos esforzos económicos tíñase coa cooperación de todos. Había daquela, unha fermosa tradición moi ben aceptada entre os veciños. Consistía en que un devoto de San Antonio mercara un porquiño pequeno, que o regalaba, para que cando medrara, comendo nas casas dos veciños, fora vendido en subasta pública, para axudar a costear os gastos da festa do Santo. O porco, coñecido coma "Porco de San Antonio", dormía nun cortello de algún veciño, e levaba ó pescozo, un esquilón, coma se fora unha xubenca.


Unha persoa, que soía ser a que o donaba, abríalle a porta do cortello polas mañáns, para que fora por tódalas casas do pobo pedindo comida. Deste xeito, o porco afacíase a ter un percorrido diario á percura da comida. Os veciños tratabano moi ben, por aquelo de que era o porco do santo. E o porco ata parece que sentía un certo agradecemento e deixábase rañar e ata acariciar coma se fora un can. Xa dixen que se lle puña un esquilón ó pescozo para que cando chegara a unha casa chamara a atención dos veciños e saíran para darlle a comida. O porco subastábase no mes de decembro e os cartos recibíaos a comisión de festas e gardabaos para a próxima festa. Na actualidade, parece ser, que San Antonio non ten ferventes devotos, que lle merquen un porquiño, e contribuindo toda a vecin dade., porque é aquí, onde radica o grande, do que foi durante moitos anos, unha tradición: tódolos veciños sentíanse comprometidos na mantención do porco, e non había unha casa habitada, onde chegara o porco, e fixera soar o esquilón, e non saíran co caldeiro da comida. A festa de San Antón, celébrase o 17 de xaneiro na Ermida e o día 13 de xuño en Beariz. (Foto 45) Ademais da romaria de Santo Domingo, do Quince de Agosto e da festa de San Antón, debemos destacar como festas locais tradicionais no Concello de Beariz as seguintes: A Candelora (2 de febreiro en Lebozán), Santa Cruz (3 de maio en Lebozán), Santa Rita en Os Liñares (22 de maio), San Xoan en Magros (24 de xuño), o Carme en Doade (16 de xullo), San Pedro (Muradás, Albite, Candedo) o domingo seguinte ó quince de agosto e San Bartolomeu na Bouza o día 24 de agosto. (fotos 46,47,48)

As Lendas Nestas terras hai unha gran cantidade de lendas con temas moi diversos, como son as lendas dos mouros, as lendas de algúns portais nos cruces dos camiños, de fontes, de carballeiras, de casas ilíadas; as lendas das ánimas e da pantalla (nome que se usa en Beariz, sinónimo de pantasma); lendas sobre personaxes que a xente chegou a mitifícalos. As lendas cóntanse nas ruadas no tempo de inverno, arredor da lareira. Onde se atopan máis variedade e nas lendas de mouros, e no lugar onde se poden recoller máis e en Magros. Unha lenda moi coñecida é a que contan estes veciños e din que un veciño foi un día ó Castro para ver de cerca o ouro que punan as mulleres dos mouros a asolar e que se vía relucir dendo o coto de Marcofán. Cando ía chegando viu unha moza moura tan fermosa que se enamorou dela non máis vela. Enteráronse os mouros porque o viron falar coa moza e condenarono a morte. A moura que


(foto 45). Capela da Ermida onde se celebra a festa de San Antón, un santo milagreiro, en tocante ós casamentos, tanto de mozas como de vellos

tamén se namorou do mozo, por salvalo da morte, botoulle un meigallo e converteuno en pino. Deste xeito a moura podía estar sempre onda el sin que os mouros nin os do pobo se decataran. O mozo desapareceu de Magros e a moura pasaba os días arrimada a un pino, na ladeira do Castro. E ali morreu, arrimada ó seu amor. Despois tamén secou o pino. Entre as lendas de ánimas hai unha que di que unha moza moi guapa aparecíase de noite na "Volta de Penas Ferreiras". A moza era alta. A xente víaa pasar e cando alguén tentaba de seguila, non a daba alcanzado, porque avantaba balados sen sentilo, como se fose unha sombra. Decía a xente gue era a alma en pena dunha moza que morrera e os seus familiares non lle cumpriron as promesas que ela tiña feitas. Hai persoas que teñen unha especie de poder e díse que "andan coa pantalla". Agustín da Terraza era un vello que morreu hai moitos anos. Tiña un burro e decían que andaba coa pantalla.


(foto 46). Capela de San Xoan en Magros (século XIX)

A xente tíñalle unha especie de entre medo e respeto, de tal xeito que cando batía nunha porta pedindo unha esmola , ninguén lla negaba, "non fora o demo que á noite fora un ver a pantalla". A pantalla pódese manifestar de varios xeitos pero sobre todo, e case sempre o personaxe vai vestido cunha especia de sabana branca e cunha luz (unha vela) na man. Non se lle pode tocar nen acadar. Poucas veces se pode escoitar e case nunca con claridade. O rostro soe ser medio borroso, pero o que sí son claros son os sinais máis acentuados do corpo e o xeito de andar e de moverse, suficientes para saber de quen se trata. Hai unha lenda tamén que dí que a Virxe se lle apareceu unha vez no Val do Chau a unha velliña, que tiña moita sede. Onde se apousou a Virxe agurgullou unha fonte, por iso se chama a Fonte de Nos a Señora.


(foto 47). Capela de Os Liñares, unha ermida nova, feita de cantería do país, onde se celebra a festa de Santa Rita.

En canto ós portais vellos e ás encrucilladas dos camiños, hai a típica lenda tan común en Galicia: a trabe de ouro e a trabe de alquitrán. Todo o mundo sabe que onde está o portal do curral do tío Demetrio, que está nun cruce de camiños, hai unha trabe de ouro. O que lograra dar co ouro sería rico, pero corre o risco de atopar a"trabe de alquitrán", tamén chamada "trabe de lume", e quedaria queimado no mesmo intre, ó tempo que ardería o mundo. Por ningén se atreve a buscala. Hai tamén carballeiras de "medo", como a de Vilalón. Nesta carballeira din que se oen voces; que se senten campaniñas repicar e que se escoitan tamén cantos de coros, como se fora xente en procesión. Din que son as ánimas que veñen descansar as noites de calor, ó fresco dos carballos. Mentras, a curuxa e o moucho berran nalgunha pola desta carballeira, deitada ó pe do cotode Marcofán e séntese bater a auga como unha tola ó escacharse contra as pedras.


(foto 48). Case de cara á cima do lugar, e rodeada de casas, sempre de pizarra, está a ermida de San Bartolomeu, ermida pequena e sinxela, de construcción típicamente popular, que según unha lenda, levantouna unha moza cristiá, axudada por seu pai, dende a posta de sol á rompida da aurora.

A bruxería e o meigallo son "acontecementos" moi correntes nesta bisbarra. O embruxo é un maleficio que padece unha persoa, un animal ou unha cousa por culpa dunha bruxa. Asi pode ser embruxado un home cando a bruxa, ou esa persoa que din que é bruxa, mira para el dun xeito determinado. Tamén se lle chaman "mal de ollo". Calquera cousa ruín que lle aconteza, considerase que é por culpa da bruxa. O mesmo pode acontecer cun animal. Asi hai quen, cando merca un porco na feira non quere que llo vexa algunha persoa que consideran bruxa. E se, pondo por caso, o porco enferma, é que o viu alguén que non lle quere ben e que o embruxou para que enfermara. Non digamos nada, cando morre.Cando había moitas vacas era frecuente verlles os cornos cunha corda cruzada, para alonxarlles as bruxas, ou cunha bolsiña de terra que se arrabañaba na igrexa no mesmo intre que estaba a alzar o cura.


O máis común era poñerlles uns dentes de allo atados a un corno e restregarlles a cabeza tamén con allos machacados, sobre todo cando ían co carro. O que se segue a usar aínda moito, é poñer dentes de allo, sobre todo nos buracos das paredes, tanto nos cortellos de porcos coma nos dos galiñeiros. Moitas mulleres, cando saen da casa, solen levar nos bolsos de man algún que outro dente de allo, aínda que non lles agrada que se lle vexan, ou que se saiba. Tamén hai quen os leva nos petos dos mandiles. Para evitar "mal de ollo" o mellor é que a persoa á que considera "bruxa", non vexa o que poidera ser alcanzado polo seu poder "maligno". Hai veces que o "meigallo" (efecto da bruxería) é tan grande que hai que ir a outra bruxa para "tíralo". Aqu i tamén hai xente que sabe desembruxar e ten poderes para facelo, por tanto con esta xente cómpre sempre estar a ben, porque tanto poden facer unha cousa coma outra.

AS ENFERMIDADES Hai algunhas enfermidades que non as curan os médicos. Só al gunhas persoas saben de qué se trata e teñen o remedio para curalas. Unha enfermidade ata hai poucos anos moi corrente era o "enganido" nos nenos, hoxe a punto de desaparecer, gracias á mellor alimentación. Os síntomas eran que o cativo estaba fraco, des colorido e sen gañas de comer. Entón agarrábano e levábanllo a unha persoa que soubera 'tirar o mal". Metíanse na cociña a madriña do pequeno con tres mulleres máis, que se chamaran María. Espían ó neno e púñanlles as mans por enriba do corpo. Postas de xeonllos pasábano por debaixo dunha artesa, ou no seu defecto, da mesa de comer, unhas ás outras mentras decían: -¡Aí che vai María! (mostrándolle o neno por debaixo da artesa). E unha delas contestaba; -¿Qué me das, María?. - Douche o enganido. (Mientras íalle pasando o neno). - Eu o enganido non cho quero, que che quero ó neniño. (Chamándolle polo nome á criatura). No nome de Dios e da Virxe María, un padrenuestro e unha Ave María. (E rezaban). A outra María recibía o neno e recitaba o mesmo ensalmo. Así tres veces seguidas. Dábanllo á madriña, que llo levaba á casa á nai é se o enganido non curaba, había que buscar outras tres Marías distintas.


Algo moi semellante acontece en San Benito de Coba de Lobo, preto de Ourense. Ali pasan ó cativo por debaixo dunha pena. En Beariz todo o milagre realízase na cociña e debaixo dunha artesa, a poder ser. Outra das enfermidades que non saben curar os médicos é levantar a paletilla". Os síntomas da "paletilla" caída, é o afundimento do estómago e das derradeiras costelas. A persoa que a ten caída, non ten fame, anda desganada, cunha especie de vacío nese lugar do corpo, e ó mesmo tempo sono: "un sono día e noite, coma se un tivera moita nugalla..." Hai persoas que "saben levantar a paletilla" sen decir palabras, anque ó final debese rezar sempre, cando menos un padrenuestro e unha Ave María. Para levantala sen palabras agarran un vaso e pono pola boca no lugar onde está o vacío do estómago, mentras quentan o cú do vaso cunha vela. Dentro do vaso vaise formando un vacío, que fai que a carne se vaia metendo dentro del, producindo o mesmo efecto que unha ventosa. A persoa que sofre o mal ten que andar con conta para que non lle volva a caír. Onde eu atopei moitas dificultades para acadar a fórmula do ensalmo, é coas persoas que a usan. Se revelan as palabras, o que as aprenda quédase, co "poder" de levantar a paletilla, e a persoa que llas dí, perde a "súa espinela". Por iso non lle poden dicír a ninguén as "palabras". Tódalas persoas que eu consultei dixéronme o mesmo:"... as palabras non chas digo porque senón perdo a miña espinela e pásache a ti. Eu despois xa non lla podo levantar a ninguén, porque cha pasei a ti..." -¿ A vostede quén lla dou?, pergunteille. - Douma Fulano, (díxome o nome e o apelido da persoa que lla dera. Esta persoa xa está morta). Quedou el sin ela por ma dar a min. A min caíame moitas veces a paletilla. Agora cando me cai tamén ma levanto eu. A ti heicha de dar antes de que morra... Aquí aínda veu o outro día unha moza, disque pra alá de Ourense, e levanteilla. Non volveu e parece ser que debeu quedar ben... Antes xa lla levantara a un cuñado dela... Pero eu as palabras non llas podo decir a ninguén, porque se non perdo a miña espinela. Outra das enfermidades é o "frenillo". Din que o rapaz ten un freno na lingua porque non se solta a falar. A nai ten que agarrar ó rapar e darllo a madriña, ou a unha parenta, que ben pode ser unha tía. Esta botao a cahaspernas do pescozo e vai petando en tódalas portas para que os vecinos lle dean unha pouca fariña, e di: "u nha presa de fariña, prá curar esta meniña" e tamén "unha presiña de sal pra curala do seu mal". Cando xa teña percorrido tó dalas casas, chega á cociña, pousa o meniño e ponse a facer unha bica na lareira.


Ó acabala de cocer parte un anaco coa man e dallo ó rapaz, que o ten que comer todo para curar. Hai algo que me chama máis a atención e que se segue a usar na actualidade moito: é a "bendición das pezoñas". As pezoñas máis coñecidas e temidas son as producidas por pintas, sapos, cobras e lagartos. O antídoto da pezoña da pinta, é a mesma pinta, a poder ser. Agarrase a pinta, e frítese nunha tixola. A graxa solta bótase nun botixo que ten auga bendita, aceite, mel, sal vinagre, loureiro, oliveira, e outras "herbas mediciñales", ademais do "secreto". (O "secreto" soe variar nas fórmulas. As máis das veces é algo que lle da á medicina o poder sobrenatural e máxico, como pode ser unha pequena pedra á que se lle atribue unha forza porque estivo durante un tempo, poñamos por caso, debaixo dun altar ou debaixo dun santo. Tamén pode ser un anaco pequeno dunha imaxe, como unha coroa, unha man, ou outra cousa semellante). Logo úntase o membro enfermo cunha pruma grande de galiña, como as que se usaban hai tempo para escribir. Cando alguén ten unha enfermidade destas, e os médicos non a dan curado hai que levar o enfermo onda unha persoa que "saiba bendecir". A persoa que vai "bendecir" séntase enfrente da enferma e mostralle o lugar da pezoña. Unta a pruma na menciña e empeza a facer cruces sobre a parte afectada mentras dí: "- Por aquí pasou Cristo antes que este mal fora visto: sea pinta, sea pintón, sea sapo, sea sapon, sea araña, sea arañón, sea culebra, sea culebrón, sea lagarto sea Iagartón...., sea bicho de mal nación, un padrenuestro e unha Ave María á Nuestra Señora á Virxe María". Logo envolvese a parte enferma cun pano limpo para que o medicamento quede facendo efecto. Hai pezoñas moi reacias e duras como poden ser as das "pintas machos", chamados "tourós" que ó millor cómprelles o tempo dun novenario, ou máis para curalos. En moitos casos, sobre todo, cando non se trata de pezoñas, digan "graves", podese usar só auga bendita con herbas mediciñais, ou tinta.


Pero é fundamental que a persoa que "bendice", "saiba bendecir", dito de outro xeito: ten que saber a fórmula e as palabras adecuadas para cada caso. Do contrario non hai curación, porque non basta só o medicamento. Cómpre tamén a forza da palabra. Sempre que se realice a bendición dunha pezoña hai que lle ter unha vela acendida a un santo e crer que a pezoña pode curar. Do contrario a "bendición" pode non surtir efecto.


CAPITULO V CANTAS, CHASCARRILOS E CANCIONS.


Quero terlle nas páxinas deste libro unha especie de homenaxe a tódolos poetas e músicos desta terra e de toda Galicia. Recollín polos lugares de Beariz toda unha morea de cantas, de cancións, chascarrillos e desafíos. Hai moitas cantas coñecidas en toda Galicia, pero hai tamén moitas feitas en Beariz, e para Beariz. Hainas tamén populares e acomodadas ós topónimos de aquí. Algunhas retírense a aldeas, sitios, persoas e circunstancias concretas. Recollín tamén outras con referencias moi persoais. Algunhas non se publicarán por se puideran ferir a sensibilidade dos familiares, anque coido que no seu intre, dixéronse sinxelamente e sen mais transcendencia ca de pasar un tempo agradable. Moitas delas, sobre todo, chascarrillos están incompletas, o mesmo que cancións. Recoñezo que cheguei tarde para poder recoller mellor toda unha literatura popular, que estaba aí, só na mente de algunhas persoas privilexiadas, que cunha fidelidade de imprenta, transmitíronme verbalente todo un mundo, que eu xa coidaba esquecido. A canta faille loubanza ós lugares; ás mozas, ós mozos ou a certas situacións. É algo case romántico e nostálxico ó mesmo tempo A canta é para cantala, recitala e recrearse con ela. Velaquí unha escolma de cantas en galego que fun recollendo dende neno, e tamén despois de grande, co meu maior agradecemento a tódolos que mas contaron. Sen eles e sen elas isto non sería posible. Hainas de todo tipo e so pretendo que esta literatura, que nunca foi escrita non se perda, a lo menos a pouca que puidemos recoller.


Todo furado por dentro ese alto Marcofán, ten a barriga de wolfran, e os ollos ten de metal.

Á Virxe de Beariz teño que comprarlle un manto para que así as malas lenguas de min non se acorden tanto.

Dende Beariz a Valcobo teño os pasos ben contados, dende Valcobo a Beariz téñochos ben repasados.

A Virxe de Beariz foi tres anos muiñeira, tiña a palanquiña de ouro e a vasoira de oliveira.

Eu son mineiro nas minas de Marcofán na ladeira; e a miña moza en Valcobo é a mellor lavadeira.

O Carme está en Doade e en Magros está San Xoán, Santa Cruz e a Candelora estanvos en Lebozán.

i Ai ás minas de Valcobo!, ¡canto metal lle tiramos! ¡Ai que cancións e que aturuxos, nos camiños botábamos! .

Hei de meter a San Pedro, heino meter se non morro, hei de meter a San Pedro, que ten as chaves do ceo.

Pena Mareia é un monte, e a Picota é un montiño, para subir a Marcofán hai que andar medio camiño.

¡Ai San Pedro, queridiño, amigo dos segadores!, despois do quince de agosto botarémosche os foguetes.

Os canteiros de Beariz cando veñen de Castela non venen polo Paraño, veñen por Pena Marela.

San Bartolomeu da Bouza ten a ermida nun outeiro, que lla fixeron de noite unha muller e un canteiro.

Vexo Beariz e o Candedo dende o alto Marcofán; vexo ós canteiros que veñen de traballar de Canfrán.

Eu pasei Pena Marela por ir ó San Xoán de Magros, atopeime cos de Liñares que viñan facendo estragos.

No Candedo hai boas mozas, na Forxiña coma elas, en Muradás pequeniñas e en Albite, todas vellas, e na Bouza carantoñas, e en Garfián carantoñelas, en Magros dan polos brazos, no Igrexario polas pernas.

San Salvador en Xirazga, e o Carme en Doade, e Santo Domingo foise, pró monte, porque era frade. San Pedro é quen ten as chaves, San Pedro é o chaveiro San Pedro é quen ten as chaves, do ceo e do seu carreiro.


San Pedro e quen ten as chaves, San Pedro e o chaveiro San Pedro e quen ten as chaves, do ceo, no seu peteiro.

Fun de Beariz a Acibeiro cun chover que era arroiar. Estaba a cair en Soutelo o diluvio universal.

Teño unha moza na Ermida, que lle reza a San Antonio, para que a case comigo, aínda que son un demonio.

¡Quen me dera, quen me dera, quen me dera o que non teño, unha veiga en Lebozán e os amores en Soutelo.

San Antoniño da Ermida, díxolle a San Xoan de Magros: se non che caso eu as mozas, ti non das unha no clavo.

Fun de Beariz a Soutelo cun chover que era arroiar, baixando cara Cerdedo empezoume a aluviar.

San Antoniño da Ermida, e tamén o de Cambeses, dous santos casamenteiros, mais guapos que caraveles.

Fun de Beariz a Soutelo cun chover que era arroiar, cando cheguei e Santiago era hora de cear.

Como as mociñas da Bouza non as hai no mundo enteiro, saben traballar de todo tamén de carpinteiro.

De Lebozán a Xirazga fun polo monte a través, cando pasei por Costoia xa non podía cos pés.

Na miña vida vin outra, na miña vida vin outra, un pé de muíño colgado nun castiñeiro da Bouza.

Ir desde as Santas á Ermida un día de vendaval, é para chegar sen monteira, e se é crego sen canal.

Carreteriña da Bouza chapreada de pizarra para pasaren de noite os mociños da Cabada.

Adios feira de Doade, feira de pasá-lo tempo onde se van pasear catro cabezas de vento.

Quen veña á corrida de Magros que veña ben preparado, que ó mellor ven de galiño e vai co lombo escaldado.

Adios feira de Doade onde se perden as dores, as casadas os seus homes, os solteiros os amores. Pasei o Cotopereira, pasei o Cotopereira, olliños que ben me queren quedan no campo da feira.


Pasei a ponte Baíste, paseina nunha carreira; pensei pillar unha lebre e pillei unha costureira.

O lugar do Candediño na cima ten un loureiro, cando paso por alí, ¡alomeame, luceiro!.

Fun á feira de Doade, merquei un porco con rabo, cando o metín no cortello o porco estaba rabelo.

Pillei una borrachera onda fonte da Nugalla, como a fonte non deitaba, botáronme vino a esgalla.

Baixa amodo, baixa amodo, río da Ponte Freixeira, baixa amodo, baixa amodo, non leves tanta carreira.

Pillei unha borrachera onda fonte da Nugalla ¡déronme viño por auga!, adeus fonte da Nugalla.

Río da Ponte da Pedra, baixa amodo e ven mansiño, deixa que me chegue enxoito de Magros o meu cariño.

Maruxiña da Revolta, Maruxiña da Revolta, o teu cantar Maruxiña, o teu cantar non ten volta.

Río da Ponte da Pedra, baixa amodiño pró Avia, que se baixas á carreira non podo beberche a auga.

Á carballeira de Barcia, dígolle ¡adiós! dende o Outeiro. Á carballeira de Barcia, ¡hai que tirarlle o sombreiro!

Teño unha moza en Xirarga; teño outra en Lebozán, e para ver á de Beariz, vou pola ponte Garfián.

¡Qué carballos repoludos, que cocos tan feituquiños, ten os carballos de Barcia, onde as aguias fan os niños!

Os canteiros de Beariz, ¡teñen a sona e a fama!, pois non hai no mundo enteiro quen pique mellor a pedra.

¡ Ai que carballos tan altos, Vos ten esta carballeira! carballos tan feitos, nin que foran da Cepeira!

No medio do Candediño hai unha pedra cadrada que a fixeron os mozos, coa punta dunha navalla.

Pasei a Ponte Liñares, paseina todo mollado, e fun chegando a Beariz, cos zocos case enxugados.


Fun a pé desde Beariz, rezarlle ó San Saturniño, cando cheguei ó Regueiro, a auga soubome a viño.

Tecedeiras, tecedeiras, tecedeiras de Beariz, o voso tecer ben feito, xa vos vén dende a raíz.

Azoutaba un vento tolo cando pasei polas Santas. ¡Nin que alí se arrexuntaren, tódolos ventos das Santas!.

¡Na Alta ten uns Liñares, Beariz, o do bos canteiros!

Din que as galiñas das Santas ten o rabo revirado, porque van poñer o ovo sempre debaixo do carro. Anque somos da Candosa, sabemos facer as cestas, non somos coma os de Magros, que son un fato de bestas. (Toubes) Seica as galiñas das Santas, ten o rabo revirado, que llo revirou o vento, como a rabela do arado.

Tecedeiras de Beariz, tece, no liño, que tece, o voso tecer, tecer, venvos así dende o berce. ¡Que carballos repoludos!, ¡Ai que loureiros tan verdes!, ¡Ai que eucalipto tan alto!, hai na cerca de Merelles. Ricobanca, Ricobanca, tenche envidia Compostela, se ela ten a catedral, ti té-la ponte de pedra.

Bateume a neve na testa, cando pasei polas Santas, e os ventos do Suido cortaban como navallas.

O que queira sentar plaza, no Candedo hai bandeira. Tomasa a capitana, María, a coronela, e a que manda o batallón é a filia da Sieira.

Disque as galiñas das Santas, seica ten o rabo torto, ¡quén o aguantara dereito cando se pasa este porto!

Santa Isabel de Liñares, é nai de San Xoán de Magros, sendo parentes cal sodes, ¿por que pelexades tanto?.

O Candedo ten a sona, de ter as millores mozas, e Rubillón e Baiste, de tecer millor as corozas.

Santa Isabel de Liñares, é nai de San Xoán de Magros, sendo tanto da familia, hai que ter millores tratos.

Coma os da Terra de Montes, non hai no mundo canteiros,

O río da Ponte Inés, ten a ponte moi estreita, presínanse os carreteiros, para pasala á primeira.


As mociñas de Beariz, ten á gala ser de Montes. Na Forxiña non hai mozas, que as levou a xeada: quedaron as marrucheiras debaixo dunha ribada. A carballeira de Barcia ten un carballo cerquiño, debaixo dese carballo arrúloche ó meu meniño. Carballeira da Meimoa, ¡que carballos tan floridos!, conozovos un por un, todos sodes meus amigos. Cando saín de Beariz, os meus ollos eran fontes, ¡Adios montes de Beariz!. ¡Adios Meu Beariz de Montes! Cando saín de Beariz pola ponte das Coireiras, cantaban no monte os grilos e o cuco nas carballeiras. Pasei a Ponte Pedriña tapado cun carapucho, a auga chegaba á cima do campo do tío Corrucho. Cando saín de Beariz andaba ás apalpadelas, como non se vía nada fun bater na túa cancela.

Teño unha gorra pequena, teño unha gorra, gorriña, ¡canto frío me tirou! alá por Beariz arriba. As campanas de Beariz cando repican, alegran e cando morre un veciño mesmo parece que choran. ¡Viva, Beariz porque ten!, calexós de cara ó norte ¡Vivan as mozas solteiras! que os pasean pola noite. Fun ás mozas a Baiste, pillei unha molladura, aínda así cheguei contento, ¡xa está a mazá madura!. Cando pasei por Soutelo os meus ollos eran fontes. ¡Adios montes de Soutelo! ¡Adios Soutelo de Montes!. Petoleiras de Baiste ¿que lle facedes ós de Montes?. -Dámoslle petolo quente e auga de tódalas fontes. ¡Velaí vén os de Amiudal! cos culeiros das mazás. ¿Cambiámosllas por patacas, ou encirramoslle os cas? Quen teña amores en Montes, quen teña amores non durma que xa veñen os canteiros subindo o Paraño arriba,


Se chove deixa chover se neva deixa nevar, que eu ben sei dun abriguiño onde me hei de ir abrigar.

Se queres que o carro cante coma a gaita do gaiteiro bótalle o eixe de bido e as dentoiras de amieiro.

¡Ai que piñeiros tan altos, que pinas tan amarelas, que palabras din os mozos! ¡quen se lles fiara delasl!

Amieiro prende de póla, e salgueiro de ráiz, tamén prenden os meus ollos no lugar de Beariz.

Canta ti que té-la sona. ¡Canta ti, que té-la sona!. Se non cantas coma min, ¡mala centella te coma!.

Costureiriña bonita dame un alfiler de plata para quitar unha espiña do corazón, que me mata.

Eu quería cantar ben e a garganta non me axuda, heina de mandar untar cunha naranxa madura.

Costureiriña bonita, ¿onde tes o teu dedal? -Naquela casiña blanca, na rala de Portugal.

Se queres que vaia e veña, meniña ó teu lugar, tes que prender á cadela que non tai senón ladrar.

Miña nai deume unha tunda e despois deume un abrazo, de alí a pouco acariñoume cos mesmos dentes do angazo.

Os pendientes nas orellas, tamén leva o meu can, cando vai atrás da lebre, vai mirando se lle can.

Miña nai doume unha tunda co aro dunha peneira, e despois doulle vergonza, que viña a xente da feira.

Canta cuco, canta cuco, na rabeia do arado. As mociñas, as de agora, ¡zúmbaselle un pouco o nabo!.

Miña nai, ¡miña naiciña! ¡coma miña nai ningunha, que me qentou a cariña co calorciño da súa!.

Paxariño piador ¿onde vas facer o niño? -ó carballo da Portela, ó máis alto ramalliño!

Tiña un caravel na horta, e leveino pra ventana veu o aire e levouno, ¡adiós caravel da alma!.


O río cando vai grande leva carballos e follas, tamén podía levar as lenguas marmuradoras.

Pasei pola túa porta, e mirei polo cerrollo, e a parva (bruxa) de túa nai, meteume un pau por un ollo.

Pica canteiriño, pica, pica na muller allea, pica, canteiriño pica, que outro picará na túa.

Sempre te andas alabando de que teu pai é moi rico, e a riqueza de teu pai, levaa un corvo no pico.

Repoliño, repoliño repoliño, repolado, ¡quen te me dera repolo, na miña horta plantado.

Alá na porta do muíño, púxenme a considerar, as voltas que deu a roda e aínda as que ten que dar.

O amor que ha de ser meu ten que ter o cú de pau, a barriga de pantrigo, e a cara de bacallau.

Ven o airiño de riba, Diolo revire de abaixo, para que veñan chegando os mociños de alá abaixo.

San Antonio de Cambeses, dasamenteiro das vellas, ¿por que non casá-las mozas? ¿que mal che fixeron elas?.

Ven o airiño de baixo, Diolo revire de riba, pra que veñan baixando, castellanos a Castilla.

As mociñas, as de agora, non é unha que son todas, pon a dous pares de medias prá facer as pernas gordas.

Castellanos de Castilla, ¿vistes, alá meu irmau? -Quédache en Serra Morena, cunha fouciña na mau.

Chamáchesme moreniña, á vista de tanta xente, e agora vaime quedando, moreniña para sempre.

Miña nal e maila túa quedan no río berrando, por culpa dunha galiña, que ten amores cun galo.

Morenlña doenche os ollos, tamén che me doen os meus, vainos lavar ó río, onde a troita lava os seus.

A muller de Nequetreque está bailando na eira, Nequetreque está mirando como a muller se peneira.


O cariño que che teño e mailo que che hei de ter ha caber na flor dun toxo e aínda non o hei de encher.

Aparte loureiro verde, deixa clarexar a lúa, que estou no medio do monte e non vexo cousa ningunha.

As meniñas, as de agora teñen o color do leite, comen o caldo sin unto e as sardiñas sin aceite.

De Portugal me mandaron, tres peras nun ramalliño. ¡Ai quen me dera saber quen me ten tanto cariño!.

A raíz do toxo verde é mui mala de arrincar, e os amoriños primeiros son mui malos de olvidar.

Vexo Vigo, Vexo Vigo, tamén vexo Redondela, Vexo a Ponte de San Paio, camiño da miña terra.

O raposo vai pró monte pola rodeira do carro leva os ollos na cabeza e o cú debaixo do rabo.

Agora que ven o inverno, ¡casamentos que ha de haber! Hase de xuntar a fame coas ganas de comer.

Santa María de Couso e tamén de Rubillón, traeme diante os meus ollos quen teño no corazón.

Estou rouca, estou rouca, estou rouca e arroucada cun vaso de viño tinto que me dou miña cuñada.

Este pandeiro que toca é de pelica de ovella, onte pacía na herba e hoxe toca que rabea.

Non sei que ten a morena, non sei que a morena ten, non sei que ten a morena, que todos lle queren ben.

O muiño de meu sogro eu ben lle sei o tempero, cando está alto, baixalo, e cando está baixo, erguelo.

Unha pera, dúas peras, non tiña mais a pereira unha pera fixo un xastre co amor da costureira.

Serra, compadre, serra comadre, na serrería do señor abade.

O amor da costureira era papel e mollouse agora costureiriña o teu amor acabouse.


O meu amor é Manuel, o seu amor é Manuel, todos me din que o traio na punta do caravel.

Maruxiña, Maruxiña, teñoche o ollo botado, ou te has de casar comigo ou te ha de partir un raio.

Miña nai por me casare, meu pai por me dar o dote, armaron un zafarrancho, partíronlle os pés ó pote.

O candil que non alumea non se colga no pontón, e o amor que non é firme non se trae no corazón.

Esta noite hei de ir alá, meniña non teñas medo, deixame a porta trancada cunha palla de centeo.

Con esa que entrou no baile, con esa que entrou agora, con esa que entrou no baile hei pasar a noite toda.

A saia da Carolina ten un lagarto pintado cando a Carolina baila o lagarto dalle ó rabo.

As meniñas, as de agora, pequeniñas e redondas, subidas no campanario botan peídos coma bombas.

Maruxiña dame un bico, que che hei de dar un pataco. Non quero bicos dos homes que me cheiran a tabaco.

Petoleiras de Baiste -¿que lle dades ós de Montes? -Dámoslle carne cocida (dámoslle petólo quente) e auga de tódalas fontes.

Unha noite no muíño, unha noite non é nada, unha semaniña enteira, esa sí que é muíñada. O cantar dos arrieiros é un cantar moi baixiño, cántano en Ribadavia e case no Carballiño. O meu amor trata en peras, compra a oito e vende a nove, e coa ganancia das peras, o meu amor ha ser home.

Maruxiña ti élo demo sempre me andas tentando, ou no río ou na fonte, sempre te atopo lavando. Bailá, rapazas bailá, rompé medias e zapatos, que despois de casadiñas non vos faltarán traballos. Na túa porta Maruxa, hai un lagarto con crista. Canta en tódalas portas, ¡baila que Dios nos asista!.


Todos din que ¡viva, viva! o caravel no sombreiro eu tamén digo que viva, o lugar de Prexigueiro.

Tes o cabelo amarelo, amarelo deica a punta, o día que non te vexo ceo e terra se me xuntan.

Carballeira de San Xusto, carballeira de enrramada, naquela carballeiriña perdín a miña navalla.

Métete dentro da casa, díxolle o sol cara a lúa, que a muller que anda de noite non debe ser cousa boa.

Casadiña de tres días xa levaches unha tunda, se o saben as solteiras non se vai casar ningunha.

Anque estou aquí cantando, ¡quen sabe o meu corazón! que o teño tan amarelo coma as paras dun limón.

Casadiña de tres días ¿onde che van os colores? -Vanche dentro das almohadas e tamén dos cobertores.

Ben te vin entrar na misa, Ben te vin arrodillar, e coa presa de te ver non me puiden persinar.

As meniñas, as de agora cando van de cara á misa entran na corte das cabras a rillar palla maisa.

Un corazón de madeira, teño que mandar facer, que non sufra nin padeza, nin saiba o que é querer.

¡Ai que ventanas tan altas!, que non as podo subir, bótame ti, Maruxiña as trenzas do teu mandil.

Vilagarcía de Arousa, ben te podes alabar: Santiago de Compostela non che ten porto de mar.

Debaixo da túa ventana pegoume o sono e dormín, e despertáronme os galos cantando o quiquiriquí.

Ven comigo deica o muiño, será-la miña muiñeira, comerás o pan que eu coma, morrerás do mal que eu morra.

Os teus ollos son luceiros a túa cara unha custodia, os teus beizos escaleiras para subir deica a gloria.

Miña nai xa mo decía, tamén meu pai mo decía, que a cabra que tira ó monte, sempre ha ser cabra montía.


Miña nai xa mo decía, tamén meu pai mo decía, que non hai pastor no mundo que garde a cabra montía.

Retírate da ventana, non sexas tan ventaneira, que a cuba que ten bo viño non precisa de bandeira.

Cada vez que vou á misa e que o Señor mo perdone, non fago senón mirar onde o meu amor se senta.

Ti é-la media laranxa, ti é-la laranxa enteira, ti é-la media laranxa que ten esta laranxeira.

Eu vou á fonte por auga, vou á horta por verdura, e á casa de teus pais vou por ver a túa fermosura.

Ti té-lo cabelo loiro, tendidiño pola cara, parece-la Magdalena cando polo mundo andaba.

Se pasa-lo río, non beba-la auga que a envenenaron teus ollos, morena.

Paxaro que vas voando, e no pico levas flores, damas, que as quero poñer diante á Virxe das Dolores.

¡Ai se as pedras dos camiños! ¡ai se se volveran diñeiro! pra pagarmos os impostos, pois somos primos primeiros.

A fermosura dos ceos cando Dios a reparteu, debías de estar moi cerca, porque moita che tocou.

Ti, Manuela, ben o sabes, ti, ben o sabes, Manuela, que non podo ir á túa casa se non prende-la cadela.

Este cantar non me gusta, este cantar non me agrada, este cantar non me gusta, gustame quen o cantaba.

Manueliña, ti ben o sabes, ti, ben o sabes Manuela, non vou ir á túa casa porque me morde a cadela.

O día que eu nacín, naceron tres cousas boas, naceu o sol e a lúa, e naceron as estrelas.

Polos altos, canta o cuco, polos baixo a cigüeña, a galiña no curral e o borracho na taberna.

Canteiriño pica e canta, deixa en paz a costureira, que ela perde de coser, e ti de picar na pedra.


Tódolos Manueles son, lindos coma caraveles, eu, que non son moi xeítosa, mórrome por dous Manueles.

O gaiteiro de Soutelo mala centella cho mate non quere tocar a gaita se non lle dan chocolate

Farruco, por ti me arrisco, e por ti me hei de arriscar, o primeiro fillo que teña, Farruquiño se ha chamar.

Maruxiña do Portelo, Maruxiña do Portelo, á túa nai xa llo dixen, e a teu pai téñolle medo.

Engañoume unha mulller, Virxe da Soledá, engañoume unha muller, outra non me engañará.

Somo primos, somos primos, somos e non o negamos, e en calquera romería somos nós os que pintamos.

Namoreime de noite, dunha loira panadeira, que coas calores do forno íbase pondo morena.

Miña nai, miña naiciña, aprendeume a costureira, chuvia e neve non me mollan, vén o sol e non me queima.

Teño un amor na montaña, teño un amor montañés; Teño un amor na montaña, no ribeiro teño tres.

Heicho de dar, queridiña, heicho de dar, que o teño: o viño da cuba grande, papas do pote pequeno.

O muíño troula que troula, a auga faino troular, e as mociñas, as de agora, rabean por se casar.

Solteíriña, non te cases, non deixe-la boa vida, que eu sei de moitas casadas que choran de arrepentidas.

Nosa Señora do Carme, pequeniña e ben feita, que me bote a bendición coa súa man dereita.

Se vas ó San Benitiño, non vaias ó de Paredes, vai ver ó de Pardesoa, que aínda é mellor co de Lérez.

O cariño é o demo e polos ollos se mete e ó chegar ó corazón dá puñaladas de morte.

A miña muller é vella; de vella non pode andar, heina de pór de cancela na entrada do lugar.


A miña muller é vella; de vella caille o coiro, hei de facer un pandeiro para correr o entroido. Unha vella nun curral estaba asando un coello; saltoulle unha charamuga e mandou tocar a fogo. As mociñas, as de agora, eu direi como elas son: collen ó pai polas barbas, ¡anda pra aquí meu castrón!. O páxaro cando canta, mete o rabo na silveira: así fan as boas mozas cando non hai que as queira. ¡Axúdame, axúdame! Dádeme unha axudiña, que non podo cantar máis con esta miña gargantiña. Algún día fuches miña, agora véñote ver, mais véñoche preguntar se queres volver a ser. As mociñas, as de agora, eu direi como elas son: delgadiñas de cintura e alegres de corazón.


O DESAFIO O desafío nasce cando andaban os mozos a pasear por unha banda e as mozas por outra. Se alguén coñecía un "percance" ó que se lle poidera quitar fío, o grupo trataba de facerse o encontradizo e así empezaban a lanzar os versos "desafiantes". A cuestión era sempre non perder o tino para poder dicir o que se pretendía, sempre en verso improvisado. As persoas que formaban os grupos soían colaborarcon ideas para que os autores dos dous bandos foran tendo material, sobre a marcha. Este desafío, que está case completo, e que ten a súa historia, recollino no lugar do Candedo. Data de principios de século.


DESAFIO H.- Ahí vos vai o desafío pola banda do Candedo; ahí vos vai o desafío, a ver se non tendes medo. M.- ¿Quén falou aquí de medo habendo tanto hospital?, medo terédelo vós, caras de bica sin sal. H.- Nos queremos desafío, e tamén volo vamos dar e non hamos de ser nós quen nos hamos de gabar. M.- Vós si non vos gabaredes, coitados piros sin plumas, como non tendes de que, han de vir vosas aboas. H.- Non precisamos ninguén prá decir o que nós somos, prá falar do que fixemos e tamén do que faremos. M.- ¡Eso sí, que che ten tripas!, se un non sabe, ou non soubera, e por vergonza calara, fiarase un de calquera. H.- Pois falando de fiarse, foi o raposo ás galiñas, parece ser que esta noite, a un galiñeiro que as tiña. M.- A galiña que ti dis, aínda está co rabo erguido, e ainda o eixo está medrando, no cañoto do seu bido. H.- Ese bido que ti dís, e do que andas a falar vai andar dentro de pouco nos camiños a rodar.

M.- Ti podes dormir tranquilo que non es ti o carpinteiro que vai cortar ese bido, nin tampouco o carreteiro. H.- Quixera saber quen é, carreteiro ou carpinteiro, porque oín ladrar os cás, e eu a ti vinte primeiro. M.- Quen te vin fun eu a ti. Facendo lume no chau, cos teus zoques a correr petabas cos pés no cu. H.- Velaquí está o meu cu, e os meus zoques aquí están, o cu non está gastado, e os zoques de ir polo chan. M.- Xa non lles queda unha chapra a eses zoques prá un remedio, porque as pillaron as vacas alá nas chousas do Medio. H.- Non sei de que Medio falas. ¡Mozas, ídevos lavar!, Que aquí millor morra a cousa, e nós botemos a andar. M.- ¡Eso chamase falar!. Mociños non vos metades en camisas de once varas prá que as chapras non perdades. Idevos, pois retirando, non nos fagades falar, metédevos na cociña, ponde a lengua a remollar.


O Chascarrillo é un verso que dunha situación real e da vida cotiá, dúas persoas recitando, van dicindo picardías, ben delas ou ben de outras persoas que o público que escoita coñece perfectamente . Atopamos referencias ós chascarrillos tamén na literatura castelá. Pérez de Ayala, cóntanos como "naquelas tertulias departíase alegremente de todo, e referíanse mil chascarrillos. Os mellores chascarrillos que se facían en Beariz e quizais en toda a Terra de Montes son os de Magros. Botábannos o día da Corrida, que era sempre o domingo de Corredor (o domingo anterior ó entroido). A derradeira corrida que se celebrou en Magros foi no ano 1960, e fixerona, como cousa excepcional, o domingo de entroi do. A Corrida escenificabase na eira do Naval, cuns entremeses, ás veces en castelán, pero sempre en verso. Coma no teatro grego, só actuaban homes. Ó final dos entremeses botábanse os chascarrillos e por parellas. Cada parella ía facendo referencias á súa vida ou a algún acontecemento que tivera relación con ela . Os versos dos chascarrillos encargábanselle normalmente a algunha persoa que os soubera facer. Contábaselle a historia do que se trataba, e el, púñaa en verso. Era moi importante que todo isto non transcendera, para que tivera "gracia" por decilo de algún xeito, o día que se escenificaba. Non é doado recoller chascarrillos enteiros. A maioria dos que compuñan estos versos xa morreron, e aínda que foron escri tos para que os "actores" os aprenderan, non se conserva ningún documento orixinal. Todo canto recollín foi gracias á memoria dos que os recitaron e de algúns oíntes, que non só lembran o verso, senon tamén ós que os botaban, e o que é moi importante: o "motivo" que era o que o facía que o chascarrillo fora gracioso. Ás veces no chascarrillo tratábase un tema, poñamos por caso o da "xusticia". Un actor introducía o tema, mentras no escenario levábase a cabo unha especie de escenificación. Así empezaba un, mentras entraban na Eira do Naval os actores nun carro de vacas: Na miña vida vin outra, nesta eira do Naval: a un carro con dúas vacas, ¡chamarlle coche oficial!. Outras veces era un animal o que causaba gracia. Parece ser que había un burro, que ó ruxirlle uns grans de millo metidos nunha lata, botábase a ornear. Isto ó público causáballe moita risa. Recollín o comenzo deste chascarrillo: Veño dun viaxe largo, desa feira da Golada, e o probre do animal venvos sen probar cebada.


¡Arre burro, ou demonio!, seica non queres andar, pois mira que se me baixo de min haste de acordar. As veces era unha situación familiar á que daba pé ó chascarrillo. -Válgame Dios de los cielos, ó que chegou o luseiro, eu a vestir as enaguas e meu irmau co caldeiro. -Moito fixen rir a xente porque vin aquí de cura, aínda van rir outro pouco, co foliño da mestura. En Beariz de Montes, chámaselle mestura á fariña de centeo que se moe para facer unha fornada. Un dos temas mais tratados foi sempre o tema das mozas. Aínda que incompleto, recollín este que data do ano 1960 e que considero moi fermoso. -Andan decindo no pueblo que teño pouco xuício porque me quero casar, antes de ir ó servicio. -Sodes moito á patallana esa casa dos Calzados, seguramente que fuches onda a dos labios pintados. -Non che tiña solo os labios, que tiña tamén as uñas, e na volta do pescozo tiña pieles de garduña. -Bueno, compañeiro, bueno, logo ibas arreglado, pra sosteñer tanto vicio aí xa non dabas ganado.


-Porque a muller que é borracha, é pior ca un mexacán, despois que perde o xuício é de todos cantos van. -Teño unha alegría grande, dentro do meu corazón, non sei se será dunha galiña ou se será dun capón. Outro dos temas favoritos eran os sacados da vida cotiá. Contábase en verso o que lle acontecía a cada un. Veleiquí un chascarrillo completo. Dous mozos van contando os avateres que lles vai deparando a vida tódolos días.


-Botámo-los chascarrilos domingo de carnaval, e ás mociñas, ás presentes que non lles pareza mal.

-Eu non che llas conto boas, co mentras que han traballar, porque as mociñas agora todas queren embarcar.

-¡Domingo de Carnaval! eu xa o notei na cacheira, porque miña irmá Remedios fíxoma tragar enteira.

-Eu queríame casar e véxolle pouca traza, porque miña nai non quere xente do aire na casa.

-¿E ti prá onde ibas, meu primo? ese día de granizo, ¿ibas pola Costa arriba, ou ivas cara o Cachizo.

-Así pasoucheme a min por iso che estou solteiro, e pra mirar se me queren, voume meter sardiñeiro.

-Eu non iba pró Cachizo, ¡e non me trates de coña!. ¡Ivache ver unha moza, a ese lugar de Vecoña!.

-Se te metes sardiñeiro, co mentres que has levar unha, ¡de modo que che lle gustan! has de levar unha ducia.

-Se ti vas cara Vecoña, eu hei de ir cara ó Paraño, e hei traer unha rapaza anque non son mexicano.

-Unha ducia non a quero, e tampouco che quero unha, pra facer o meu traballo non che preciso ningunha.

-Non te cases no Paraño, dígocho, meu compañeiro, casémonos aquí en Magros, ¡anque sexa no Loureiro!

-Eu non vos digo mociñas que casés cun sardiñeiro, pero antes de vos casar, mira ben se está solteiro.

-Se te casas no Loureiro, eu casarei mais arriba, hei de mirar se atopo no lugar da Aldea-de-Riba.

-O mesmo llo digo eu, e que non sexan tan burras, só teñen habilidá pra che botar nas pinturas.

-Cásate na Aldea-de-Riba, e anque sea na Cubela tes que traer unha moza que che veña pra onda Amelia.

-E con isto das pinturas, damola por acabada, alá nos van as comedias, e tamén a entremesada.

(Recollido no lugar de Magros. Data do Carnaval de 1960).


As Corridas, como xa dixemos facíanse en Magros, pero tamén os mozos dos outros lugares da parroquia tiñan oportunidade de botar alí os seus chascarrilos. Recollín un moi fermoso en Beariz, no lugar do Igrexario e que dí así: -Voume meter taberneiro, e non hei volver ó muiño, e os pais das mozas solteiras pódenlle ter unha festa a un santo que hai no Corpiño. -Se te metes taberneiro, ¡Nosa Señora Do Carme!, has ter que por de cuartillo a nosa campana grande. É de ver a familiaridade con que nos versos se tratan ós santos venerados na parroquia. Sirva de exemplo este pequeno romanciño recollido no Candedo. San Antonio como é mozo foi ás mozas co Corrucho, e pra que non se mollara, prestáronlle un carapucho. San Antonio veu enxoito e meteuse no altar vello, e o Corrucho molladiño foise enxugar ó Cornello. Foi tocar o crego á misa e viu triste a San Antonio. -¿Pra onde me iría este mozo?. ¡Foi troular con ese demonio!.


CANCIONS. CANCION ¿Cántas che mandaron dare?, nena que vendé-las peras, ¿cantas che mandaron dare?. - Para ti, meu queridiño, ¡ai!, non mas mandaron contare. Non mas mandaron contare.

CANCION O galo cando canta é día, María, María. O galo cando canta é día. Vaiche de varanda de noite e de día. (Recollida en Magros)

Ai le lo, ai le lo, ai le lo, la, la. Coa punta do pano fóra, nena que estás na ventana, punta do pano fóra, xa faí falta verche a cara, co pano, ¡ai!, non me enamora, co pano non me enamora. Ai.... Vinde lavar ó meu río, pra pasar a lá de riba. Vínde lavar ó meu río, que anque a auga non é miña ¡ai!, nace no meu labradío, nace no meu labradío. Ai (Recollida en Magros)

AS TELLAS DO TEU TELLADO E as tellas do teu tellado, botan auga sen chover. ¿Como queres que te queira?, trai, la ra, la, ¿Como queres que te queira, se ti non me ves a ver?. (Recollida en Magros)


E, para rematar este capítulo non podíamos baixo ningún concepto esquecer as pandeiradas de Doade e Xirazga. Según o párroco D. Eladio Rodríguez, recordan os mais vellos que se facía ós xoves, Sábados e Domingos a rolda na casa de cada moza do lugar, quen se non podía, pedíalla prestada a algunha compañeira, pero aló polo ano 1945 pasaron a facerse na "casa da obra", hoxe convertida en Centro Social como lugar fixo. O único instrumento de acompañamento eran de tres a cinco pandeiretas. As mozas e mulleres desengranaban distintas cántigas: de xotas, muiñeiras, pasodobles, basilisa, tremelique, ou tarrantantan, que cantaban e bailaban, podendo pasar ata as dúas da mañá coas rondas dos mozos debaixo da ventá da sua na morada. Como se sabe, todo isto desenrolábase baixo a luz do candil de gas e fogo de carburo, sendo isto motivo de varias pelexas cos mozos doutros pobos, de maneira singular cos de Pardesoa e Soutelo, que se achegaban a apagar o Candil ou romper o pelexo das pandeiretas das mozas, pero case que sempre todo quedaba en bauzallamento de amigos, ó lado dunha taza de viño. Co paso de tempo somente se facían pandeiradas o día da feira de Doade, 'todos os noves do mes, diante da capela do Carme, e se o tempo non o permitía, na "casa da Francesa", sendo as derradeiras que se fixeron, aló polo ano 1958.


CANTIGAS DOS ENCONTROS DE DOADE

DOS

CANTIGAS AMORIOS

Canta rula, canta rula na rabeia do arado, onde hai camiños hai cruces meniñas tende coidado.

O corazón dunha pulga, quen o soubera guisar daba xantar e merenda e cea para cear.

Pola Portela cantando, pola Portela cantando mociños os de Doade, quedan na Braña xogando.

O carabel cando nace, chámanlle carabeliño tamén os fillos do cura chámanlle o pai señor tío,

Pola Portela cantando, pola Portela cantando as mociñas de Doade, quedan no rio lavando.

Carabel, carabeliño, caravel, caraviñol o día que eu non te vexo para min non raia o sol.

Doadiño para cantar, Doadiño para cantar anque non altea moito sábeno adoneirar,

Nosa señora do Carmen e mais a da Conceupción tráeme diante dos meus ollos a quen teño no corazón.

Arriba pola Portela miña leal camarada, arriba pola Portela, que polo camiño hai lama,

Nosa señora do Carmen, alabada sea Ela Ela é a miña madriña, eu son afillado dela.

Arriba pola Portela, arriba calahei de ir a colle-la fror de maio, e a de abril deixala ir.

Criticaches da Virxen sendo doncella no parto anque critiques de min malas lenguas, non me espanto.

Miña nai, miña naiciña como a miña nai, ninguna que me quentou a cariña co calorciño da sua.

Heichas de dar queridiño, eichas de dar, que as teño eichas de dar, queridiño, papas do pote pequeno.

Miña naiciña querida que xa non me quere o home voume pola carretera que me mate un automoble.

Eiche de dar viño tinto por arriba pan valorante, non me sigas as pisadas mira que perdes o tempo.

Arriba, o monte, a leña, arriba, o monte, a leña eu arriba non vou mais que teño a corda pequena.

Os curas e os taberneiros teñen moito de parecido, os curas bautizan nenos e os taberneiros o viño.


CANTIGAS DOS DESAFIOS

CANTIGAS DE AFASTAR

Asubiáche de lonxe anque eu fora un can perdido eu non son can de caza que entende polo asubío.

Da tua porta á miña ai o salto dunha cobra inda lle ei de chamar a tua nai: miña sogra.

Chamáchesme pouca roupa se tes moita e teu proveito teñoche menos traballo a noite cando me deito.

Ti deixácheme por pobre eu por rico te deixei vale mais pobre con honra que rico de mala lei.

O meu amor e pequeno se e pequeno e porque eu quero con cuarta e media de tela xa o poño de caballero.

Ti deixáchesme, eu deixeite corvos che piquen os ollos, o día que me deixaches xa tomei amores novos.

Chamáchesme trigo limpo inda che teño algún xoio para discutir contigo faime falta ter de todo.

Pensaches que te quería porque eras vincoleiro un mellor galo ca tí xa cantou no meu poleiro.

Chamáchesme pera podre eu a ti mazán podrida a pera podre se come a mazán con ela se tira.

Polo mar abaixo vai un barquiño de alfileres as mentiras son dos homes as verdades das mulleres.

Chamáchesme moreniña blanquiña vaite lavar pensas que non teño amores inda chos ei de prestar.

Os amores dalgún día o meu regalo era velos agora tanto me da amalos como perdelos.

Non me mires, non me mires que ven miradiña vou o galán que me pretende a tanto non reparou.

Algún día por te ver abrin portas e ventanas agora por non te ver todas as teño pechadas.

Non me mires tan de lado que é mirada de traidor mírame cariña a cara que é mirada de amor.

Pasei pola tua porta e mirei polo ferrollo o raio da túa nai meteume un pao por un ollo.

Todos me din que te esqueza que me vas dar mala vida onde vai boi que non are senón a cortaduría.

O cantar do arrieiro e un cantar moi baixiño cantano en Doade e resoa no Eixido.


CANTIGAS DOS DESEXOS Teño uns zapatiños novos outros dados a solar de Doade para a Cavada todolos hei de gastar. Solteiriña non te cases mira que che ha de pesar a vida das solteiriñas e moi mala de olvidar Casadiña de tres días xa levaches unha tunda se cho saben as solteiras non che se casa ninguha. O amor de costureira era papel e mollouse agora costureiriña o teu amor acabouse. Castañetas de sanguiño quen nas soubera tocar os mociños de Doade sabenas repenicar. Chove e mais non hai orvallo, chove e mais non hai orvallo amor que ha de ser meu non tera tanto traballo. Din que me vas a dar unha puñalada, prenda dasma no corazón onde remedio non teña. Por que non te casas Pepe por que non te casas Xoán porque as morenas non as quero e ás bonitas non mas dan.

CANTIGAS DAS DESPEDIDAS Pola Portela da Cruz meus suspiros van correndo adiós lugar de Doade tan lonxe te estou querendo. Adiós casa de meus pais ventana e corredores adiós lugar de Doade todo cuberto de frores. Adiós feira de Doade feira de pasalo tempo onde se van pasear catro cabezas de vento. Adiós muelle de Vigo muelle da embarcación onde os meus ollos choraron lágrimas do seu corazón. Inda vaias que non volvas nen aparecido sexas nen encontre lo que buscas nen logres o que desexas. Canta o cuco, canta o cuco na rabiza do arado as mociñas de Doade pegoulle-la mosca no rabo. Rosiña, Rosiña, Rosa Rosiña do torovisco o que che puxo Rosiña moitas rosas tiña visto. Adeus doadiño, adeus as costas che vou virando a despedida e hoxe a volta sabe Deus cando.


Coa presente colaboración na publicación deste libro intenta mos favorecé-la expansión da cultura e achegala un pouco mais ós veciños ó tempo que afondar no coñocemento da nosa historia. Cando a Comisión de Cultura alá polo verán de 1.991 encargou a Xesús Antón Gulías a celebración dunha conferencia sobre a Historia de Beariz, na sua realización demonos conta de que era necesa rio a publicación dun libro sobre a historia do Concello, polo que agradecemos a Xesús Antón a súa colaboración por escribir este libro, no que dunha maneira clara e amena nos introduce sobre os as pectos xeográficos, históricos, antropolóxicos, culturais e literarios do Concello de Beariz. Coa súa lectura esperamos que a xente esté de acordo connosco o que corroboraría que estamos no camiño acertado e xa apuntado na edición da revista "O QUINCE 92". Queremos finalmente manifestar o noso agradecemento á Deputa ción Provincial de Ourense e a Caixa Galicia polo seu apoio económico que fai posible a publicación do libro.

COMISION DE CULTURA DO CONCELLO DE BEARIZ


Pobo de Magros.


Localidade de Bouza.

Doade. A esquerda pode observarse a carballeira onde se celebran as feiras.


Beariz de Montes  

Aspecto Antropolóxico, Histórico e Cultural dun Pobo

Read more
Read more
Similar to
Popular now
Just for you