Page 61

ballar en fábricas de municións e a coidalos feridos, tamén demándalles ás mulleres ter unha actitude de indiferenza, por exemplo, ante a palabra patria pois, coma se pregunta Virginia Woolf, que nos deu ás mulleres a patria ó longo da historia se sempre nos tratou coma escravas e denegounos a educación e o compartir as posesións da patria e, isto é tanto así que ela conclúe que na súa condición de muller non ten patria e que a súa patria en todo caso é o mundo enteiro. Mais desta indiferenza seguiranse algúns actos, coma o de non participar en manifestacións patrióticas, non dar a aprobación a forma algunha de loubanzas nacionais, non asistir ás exhibicións militares, etc. Tamén propón Virginia para esta Sociedade das Estrañas que se comprometan a gañarse a vida para ter unha independencia, pero, como non podía ser doutro xeito, aínda hai mais, e así, a nosa autora demanda do Estado que lle pague un soldo a aquelas mulleres que teñan coma profesión o matrimonio e a maternidade, que cobren un verdadeiro soldo para lograr acadar que os seus maridos teñan que traballar menos e deste xeito o traballo quedaría equitativamente distribuído e, finalmente, o home tería unha opción para a

liberdade, para transformarse nun home enteiro. As estrañas tamén obrigaranse a adquirir un coñecemento total das profesións e a denunciar os casos de tiranía ou abuso das súas profesións, comprometeranse asimesmo a abandonar toda competencia, negaranse a exercer profesións contrarias á liberdade, en concreto, a de fabricar ou mellorar inxenios bélicos, tamén rexeitarán cargos ou honores que limiten a liberdade, investigarán as actividades de tódalas institucións públicas coma a da Igrexa e as universidades. Esta Sociedade das Estrañas ten a finalidade última de velar pola igualdade, a liberdade, e a paz, pero, coa diferenza de que pretende alcanzalas por outros medios, como son o dun sexo diferente, unhas tradicións diferentes, unha educación e valores diferentes que se puxeron á nosa disposición. Antes de rematar este artigo, quixera facer unha serie de reflexións e de preguntas a nós mesmas. En primeiro lugar, quero chamar a atención sobre a actualidade plena que ten este libro, malia estar escrito no ano 1938, o cal concédelle un valor enorme a este texto, pois non é perecedoiro, senón que nos tempos que corren cobra máis valor se cabe lamentablemente, en plena campaña neste

país tivemos que soportar programas electorais que non aseguraban unha renda básica ás amas de casa coma propuña Virginia. Por outra banda, pregúntome tamén se coñecedes algunha universidade na que non se fomente a competitividade coma propuña Virginia. Estaremos aínda a tempo de construírmos esa «Sociedade das Estrañas»? A que estamos dedicando as nosas enerxías e cartos as mulleres ou máis ben, que intereses estamos a defender con eses actos cotiáns? Cantas mulleres coñecedes que se deixan condecorar e falan en público? A que obedecen todos eses premios que se nos conceden? Por que cada vez hai máis mulleres que traballan para as Forzas Armadas e nos estaleiros? Finalmente, pregúntome se seremos quen de conquerir un novo mundo tendo presente este libro e sabendo que non vivimos nun mundo en paz na súa acepción máis pura. Leamos a Virginia e traballemos a partir do que nos di, é a miña mensaxe de esperanza. ⠧

61

Andaina 45  

Andaina nº 45. Revista galega de pensamento feminista. Outono do 2006.

Read more
Read more
Similar to
Popular now
Just for you