Page 39

Con 17 anos, Rosario ingresou voluntaria nas filas do Quinto Rexemento, durante meses participou na defensa de Madrid. O 15 de setembro de 1936 perdeu a súa man dereita mentres lanzaba cartuchos de dinamita contra o autodenominado exército nacional, levaba semanas fabricando bombas en latas de leite condensado recheas de dinamita, cristais, cravos e parafusos. Durante toda a contenda a xove Rosario traballou ao lado do bando republicano, nese mesmo período casou polo civil e queda embarazada. O seu compañeiro marchou á fronte e as súas cartas deixaron de chegarlle. Rematada a guerra, Rosario, acusada de adhesión á rebelión, sufriu prisión en distintos cárceres españois, finalmente conmutáronlle a pena de morte por 30 anos de reclusión. Cando logrou reunirse coa súa filla descubriu que o seu marido estaba vivo e que volvera casar con outra muller, o réxime de Franco invalidara as vodas polo civil realizadas durante a República. A nosa protagonista non se rendeu e só ao final desta apaixonante historia logrou volver reunirse co que fora o seu home.

NÚÑEZ, Mirta: Mujeres caídas: Prostitutas legales y clandestinas en el franquismo, Madrid, Oberon, 2003 Na época franquista non todas as mulleres foron amantes nais e submisas esposas, a catedrática da Universidade Complutense Mirta Núñez amósanos neste estudo a realidade dunhas mulleres que buscan na prostitución unha saída á miseria que a longa posguerra impuxo en moitos fogares. Até 1956 a prostitución foi un medio lícito de gañarse a vida en España, sempre e cando se realizase en lugares pechados. As prostitutas máis humildes víanse obrigadas a exercer por libre, o que motivaba que fosen perseguidas e encarceradas. As caídas necesitaban, segundo o réxime, ser redimidas e rexeneradas. Coa colaboración de sacerdotes e ordes relixiosas o hipócrita sistema da época creou en 1941 a Obra de Redención de Mulleres Caídas. Invención que obrigou as prostitutas detidas a catequizarse e a traballar de balde para o Estado sen reducir condena co seu traballo. Unha vez abolida a prostitución foi necesaria a creación dunha singular Comisión Coordinadora dos Problemas de Moralidade Pública, dependente directamente do Ministerio de Xustiza.

CUEVAS, Tomasa: Presas: Mujeres en las cárceles franquistas, Barcelona, Icaria, 2005 (Mujeres, voces y propuestas) A autora deste libro naceu en Guadalaxara fai agora 89 anos. Con nove entrou a traballar nunha fábrica de tecidos, apenas cinco anos despois comezou a militar nas Xuventudes Comunistas. En 1931 Tomasa, como tantas outras mulleres, converterase nunha activa e comprometida defensora da República e das súas ideas. Rematada a guerra civil, detivérona e condenárona a pasar trinta anos en prisión, dos que cumpriría cinco. Nesta primeira estancia nos humillantes cárceres de Franco, coñecería a historia de moitas mulleres presas. Non tardou en decidir que había que contar a verdade do que sucedeu. En 1945 volvérona apresar e, despois de sufrir torturas e vexacións, ingresou de novo en prisión e reafirmou a súa vontade. En 1974, con 57 anos cumpridos, decidiu coller unha gravadora e percorrer España en busca das súas antigas compañeiras de cárcere. Cando as atopaba animábaas para que contaran o que viviron, fíxoo sendo plenamente consciente da importancia da denuncia e da inxustiza do silencio que paira sobre a nacente transición española. Durante anos logrou reunir máis de trescentos testemuños doutras tantas mulleres, coa axuda de Vázquez Montalbán e Teresa Pàmies publicáronse en tres tomos. A obra, actualmente esgotada, non tardou en converterse nun referente para todos os estudosos da guerra civil española. O libro que aquí presentamos é unha reedición condensada deste singular e valente traballo.

39

Andaina 45  

Andaina nº 45. Revista galega de pensamento feminista. Outono do 2006.

Read more
Read more
Similar to
Popular now
Just for you