Issuu on Google+

#00


Equipo

SUMARIO

Redacción Daniel Lavesedo Paula Fernández Xose Manuel Rodríguez

3 Editorial

Fotografía Lety GF Lavesedo Lucía Mallo Xabicas Deseño gráfico e maquetación Xose Manuel behance.net/xose Tipografía Mais Grotesk [Marcos Dopico] Imprime Rodi Artes Gráficas [Ourense] Web ouve.gal Redes twitter.com/ouvefanzine facebook.com/ouvefanzine

Ouve! Haiche moita tola aquí metida, non nos facemos responsables do que trousa esta xente. Estamos a favor da vida non prohibimos copias, reproducións, transmisións orais…traballamos baixo licenza CC BY así que reprodúzanse!

4 Comezamos 5

O meu primeiro concerto [Antonio Pazos]

8

Os 15 mellores discos da música galega do s. xxi [Miguel Duarte]

14 [Entrevista] Os Cuchufellos [Zema] 20 Na Galiza da festa O ano festivaleiro [Lavesedo] 24 Vivimos das subvencións? [Saínza Murias] 30 Keltoi, sons da rúa [Brais Arroutado] 32 Unha vida en 20” [Brais Arroutado]


Somos OUVE! E somos raras. Decidimos montar un fanzine en papel, gratuíto, sobre a música galega, desde o Castro de Caldelas para a terra toda. Non se nos pode negar a orixinalidade e a visión de futuro. Porén, desde a máis absoluta marxinalidade prometemos caer nas túas mans sempre que a situación o requira para che revirar un pouco os sentidos coa actualidade musical do país. Declarámonos fillas non recoñecidas da revista Bravú!, netas guerrilleiras do Cuco de Velle, e irmás pequenas do estourido da música galega do século XXI. Porque Galiza é un país que ferve en festivais, en grupos de música, en seareiras que demostran que temos unha escena musical potente. Dentro dos nosos limitados medios mais con toda a ilusión e o agarimo que lle temos á música galega, en OUVE! atoparás reportaxes sobre festivais, reseñas das novidades musicais, entrevistas e moitas cousas máis. Agora xa o sabes, velaquí nos tes preparadas para facerche ouvir o que mellor soa na Galiza. Fai bo uso de nós, lenos de cabo a rabo ou empréganos para acender o lume da lareira. OUVE! val pra todo. S


4 | comezamos

#00 Cos petos cheos de ilusión e pouco financiamento, puxémonos o traxe de buscar Cuchufellos e arrancamos ao monte editorial para berrar e facernos ouvir a aquela que nos queira ler.

COLABORA Cres que isto da noxo velo? Ti pódelo facer mellor? Pois colabora, ordia! Cóntanos o que sabes facer e despois xa veremos… pode ser que saia no seguinte númaro se é que o hai.

AFÍLIATE! Tes un negocio relacionado coa cultura, sodes un festival, unha sala de festas, unha disco tasca… anúnciese señora! Temos un espazo reservado para usté.


ouve!

|5

O meu primeiro concerto [Antonio Pazos]

Son o pequeno de tres irmáns. Como é sabido os irmáns maiores sempre inflúen nos máis novos. No tema musical dáme pavor analizar a influencia que puideron ter sobre min, porque un deles tiña un lote de cintas de música relixiosa e cancións de misa e o outro tiña un feixazo de vinilos de heavy metal ochentario. Non é broma. No medio desa esquizofrenia sonora cheguei eu á adolescencia. Pola banda católica, apostólica e romana, lembro que había moitas cancións que me fascinaban, tiñan melodías bonitas e arranxos francamente chulos. É máis, no Para unha vez que saímos dos Caamagnos hai un

tema cun coro medio inspirado/ fusilado-vilmente dunha canción destas que falo, «Ven, Espíritu Santo». Tiña un toque melódico como de spaghetti western que a min resultábame esmedrellante e aí quedou gravado a lume nas miñas neuronas. Débolles moito a estas cancións, tanto como que aprendín a tocar a guitarra con elas, para maior desgraza da raza humana. Pero pola banda herexe, renegada e infiel, aqueles temas de heavy metal total parecíanme un horror: as portadas dos discos eran máis feas que pegarlle a un pai cun calcetín cheirento, as pintas que sacaban os protagonis-


6 | ouve!

Juntos como hermanos miembros de una iglesia…

tas non me podían resultar máis ridículas e os agudos alaridos que saían polos altofalantes do meu irmán parecían unha competición de gatos apaleaos. Resumindo, unha macarrada satánica e hortera. E o caso é que finalmente, ao primeiro concerto que lembro que asistín por vontade propia, foi ao dun grupo que contiña trazas de todo este inferno musicado que tanta urticaria pre-adolescente me producía. O ano debeu ser ao redor do 94, o marco incomparable foi o mitiquérrimo Karaoke-Pub Brétema de Sigüeiro e os sufridos obreiros do rock’n’roll que viñeran executar os seus pesados ritmos eran D’Instinto, unha banda de hard rock de Santiago que —creo que— chegaran a facer un himno

para a SD Compostela. Para un rapazusco que practicamente só escoitaba Siniestro Total desde que se erguía ata que se deitaba o plan non podía ser máis abominable. Só unha cousa me motivaba con furor adolescente: a rapaza que me facía tolón-tolón estaba esa noite no mesmo grupiño de xente ca min. Que pasará!? Que misterio habrá!? Chegada a hora alí se lanzaron os protagonistas da noite a facer o rock —que diría o Tomás Ageitos— e a despregar todo o seu ritual pagán de raca-raca dun xeito que a min parecíame interminable e insufrible. A agonía continuou ata que o baixista decidíu emular ás grandes estrelas do rock niso de maltratar ao teu propio instrumento musical, pero levándoo a un

Marchei para a casa, noxo de vida, co corazón encollidiño

terreo máis ben cromañónico: no medio dun tema pousou o baixo no chan e, para delirio do respectable, comezou a pegar chimpos enriba del coa saña dun concursante de Humor Amarillo intentando superar a proba das Zamburguesas. Chamádeme rancio pero aquilo pareceume fatal. Non sei o que custaría o baixo pero estou seguro que daquela moi barato


o meu primeiro concerto

|7

Os Judas Priest traballando no metal

non puido ser, e para un adolescente sen un peso, cunhas ganas tolas de montar unha banda e anoxado con media humanidade, ese acto de macarrismo beodo resultaba ata ofensivo. Aínda que, ben mirado, ao final case llo agradecín porque despois diso, oh sorpresa, o baixo deixou de soar e o concerto rematou de xeito abrupto. Pero, coidado co can, que o peor estaba por chegar, porque cando o baixista saíu fóra botar o cigarro de rigor aló foron catro ou cinco rapazas en excitada manifestación de hormonas para felicítalo e garatuxeiralo tras a proeza roqueril coa que nos acababa de deleitar, o cabrón. E si, a rapaza pola que eu chuflaba os ventos alí foi tamén, entusiasta como a que máis. De verdade, roíanme

os diaños por dentro cousa loca. Non teño palabras para describir a miña desolación e amargura teenager. Marchei para a casa, noxo de vida, co corazón encollidiño. Os anos foron pasando e os meus gustos e opinións foron mudando. O heavy metal xa non me parece tan terriblemente espantoso, hai temas do xénero que me gustan moito e a estética metaleira, dalgún enfermizo xeito, xa me cae máis simpática. Pero sobre todo co que me quedo, botando a vista atrás, é que aqueles homes e mulleres que formaban bandas no século XX, coma os propios D’Istinto, era auténticos TITÁNS DO PUTO ROCK. Todas e cada unha desas bandas amateurs, mirando as condicións nas que traballaban, merecen unha pensión vitalicia

concedida pola fodida e maldita Consellería do Puto Rock’n’Roll. Me cago nas estrelas! Se é hoxe aínda lle prendo eu mesmo o cigarro ao energúmeno baixista dos D’Istinto cando se botou fóra despois do concerto! «E a rapaza esta que che chistaba, que?» Preguntarédesvos enchidas e enchidos de malsá curiosidade lareteira. Pois non pasou absolutamente nada. Andei un algo atrás dela pero a verdade é que non me deu moita bóla, así que nada, tan amigos. Non son rancoroso e considérome unha persoa educada, que feo quedaría que me puxera a falar mal dela! Non hai nada máis noxento que escoitar á xente falando…ERA UNHA MONONEURÓNICA. ANDA E QUE A ROIA UN CAN. u


8 | ouve!

Os mellores discos da música galega do século xxi

[Miguel Duarte]

Pese a que apenas levamos 17 anos de século XXI, resulta complexo e supón unha gran responsabilidade facer unha escolma cos 15 mellores discos da música galega, deste século xa que desde o ano 2000 vimos experimentando unha explosión de creatividade musical das bandas galegas que nos deixa máis discos en 15 anos que en tódo o século XX. A quen lle toque facer esta lista aló polo 2099 esperalle unha dura tarefa, xa non só pola cantidade, senón porque cada ano a calidade dos discos galegos publicados aumenta unha barbaridade, así que ogallá nos libros electrónicos das escolas do futuro se fale do XXI como o Século Dourado da Música Galega. Estes son desde o meu humilde punto de vista os discos imprescindibles para entender os últimos 17 anos de música en galego, agardo que vos preste!


ouve!

|9

Lume (Para que saia o Sol) //2005// - Lamatumbá -

Capetón //1999 // - Os Diplomáticos de Montealto Dicían do London Calling dos Clash que foi o mellor disco da década dos 80, a pesar de saír no 1979. Do mesmo xeito ocorre co Capetón dos Diplomáticos, que abre esta lista, xa que en certo modo marcou o camiño para a nova música que estaba por vir. Os Diplos tráennos un disco máis serio do habitual cunha temática común: historias de mariñeiros, tabernas, portos e viaxes ao Gran Sol. Entre os as súas liñas atopamos pezas que se converteron en clásicos de todas as festas como Nordés —con Mercedes Peón—, Berbés ou Estrume, xunto outras pezas que inxustamente pasaron a segundo plano como son Ardentía, Raíña de Galicia e Os vellos, que conteñen algunhas das melodías máis melancólicas que fixeron nunca os da Coruña, dotándoas coa teatralidade necesaria para que esas historias do mar acadasen a eternidade.

Con este disco os Lamatumbá modernizaron a festa galega coa súa mistura explosiva de música tradicional, reggae, cumbia e o que se botase por diante. Lume (para que saia o sol) fixo que a banda ourensá se afianzase e se convertese nun referente da escena, pero máis alá de iso, deixanos pezas imprescindibles en calqueira festa como son Lume, Licor Café, Dolores ou San Benitiño.

A Ferro e Lume //2006// - Skacha Quizais non tan coñecido coma os dous discos anteriores, pero para min igual de imprescindible. Aquí xa pasamos ao punk combativo e comprometido, A ferro e lume é deses discos dos que todas as pezas son himnos. Lémbrome a primeira vez que o escoitei, flipei coa calidade das pezas e pareceume que estaba moi por enriba de calqueira disco punk feito ata o momento, con melodía e agresividade como principais armas. Afundido no Lixo, O son do Martelo, A ferro e Lume, Os tempo son chegados —con Evaristo Páramos— ou o pseudo-reggae Alento de Lamento son unha mostra da calidade que desprende este traballo.


10 | ouve!

TRES //2007// - The Homens -

SIGUE E DÁLLE XÉNESE //2006// - Zënzar //2006// - Dios Ke Te Crew Non podía faltar un disco dos Padriños nesta escolma. Sigue e dálle supón un punto de inflexión na carreira dos de Cerceda, coa marcha de Manuel Silveira, a incorporación de Paco Cerdeira e un xiro musical achegándose máis ao rock que ao heavy que viñan facendo. Deste xeito déixannos moitas das súas mellores cancións: Tiven un Bar, Doutor, Dálle ou Arrastrado. O traballo é unha ollada optimista fronte ao novo camiño que teñen por diante, como reflicte a portada, un camiño que seguen percorrendo a dia de hoxe coa mesma convicción que sempre.

Disco de vital importancia para a música galega, xa que foi o primeiro disco de hip-hop longa duración realizado integramente en galego. Anos antes xa comezaban a xurdir bandas deste estilo: Non Residentz, 5 Talegos ou Ghamberros que abriron camiños que converxen neste Xénese, un traballo que fixo que a música galega se popularizase máis alá do círculo habitual e gañase novos ouvintes, modernizando a escena e dándolle máis riqueza, demostrando que non só de música tradicional ía o asunto, senón que tamén se pode facer rap en galego contanto realidades cotiáns do que ocorre aquí. Botádelle unha escoita a Herdeiros da Ditadura, Vas de Verde, Apagha a Tele ou Política de Asfalto —se non o fixestes xa—.

Outro sopro de aire fresco para a escena galega. Se os Dios Ke Te Crew facían rap en galego, por que non se pode facer power pop? Atopámonos ante o primeiro longa duración da banda compostelá, que viñan de editar dous EP´s —#1 e #2— onde xa nos amosaban a súa adictiva proposta de melodías pop e agresividade guitarreira —non debemos esquecer que os membros de The Homens viñan todos da escena punk—. Gravado nos estudos Ultramarinos na Costa Brava, Tres inclúe pezas como La Colombiére, Cen dias, Opositora ou Calamar, co seu impresionante videoclip de ficción animada.


os 15 mellores discos

| 11

FLUZO //2010// - Fluzo -

KOSMOGONÍAS

XIGANTES //2008// - Ruxe-Ruxe Non é fácil ser obxectivo neste caso, pero sempre dixen que para min o mellor disco de Ruxe foi o Xigantes xa que nel se capturou a esencia da banda, tanto na mensaxe como na parte musical, ademais de ser o disco co que os coñecín. Neste traballo o son móstrase variado pero ao mesmo tempo sólido e duro, mirando ás veces ás bandas dos anos 70. Deste xeito atopamos pezas rockeiras como Xigantes, Corvos ou Rock and Roll, cancións festeiras como Paifoco ou Gurb, colaboracións de luxo con Bocixa Zënzar, García MC e Xurxo Souto, momentos máis íntimos en Ferrallas, Feliz e Colección de Ideas Cativas e mesmo experimentos coa electrónica en Matemáticas. É un disco para disfrutar e escoitar con calma para apreciar os matices que nel se atopan.

De todos os proxectos no que anda enleado o Hevi —Malandrómeda, Fodi & Barbaconna, Non Residentz etc.— quedo con este. É posible que non sexa o traballo máis popular que fixo, pero penso que é dos máis vangardistas realizados nunca na escena galega. Fluzo son Javi e Hevi, e misturan bases de electronica, chiptunes, hip-hop, Mariano Ozores con Regreso al Futuro creando unha imaxinería única. Neste disco atopamos Mundo Verde, que debería ser asignatura obrigatoria na escola, Polaroids co seu hipnotico videoclip, Amiga Conductor ou No hay escuela más vieja que tu vieja, das que perdín a conta das veces que escoitei.

//2010// - Berrogüetto Derradeiro disco de estudio de Berrogüetto, unha das bandas máis experimentais e vangardistas da música folk galega. Este traballo convida a botar unha ollada ao firmamento e reflexionar sobre a humanidade e o universo, unha temática que aparece ao longo de todo o traballo. Kosmogonías súpón tamén un cambio na banda, coa incorporación de Xabier Diaz e a baixa de Guadi Galego. Deste xeito atopamos un traballo de escoita lenta e atenta, con pezas como Alalá de Noite —con letra de Manuel Rivas—, Astrea, Planeta Can, a épica Danza de Meirol ou Ataque de Jota. Gustaríame recomendar tamén o dvd O Pulso da Terra, que recolle o concerto desta xira no Auditorio de Galicia onde interpretan pezas do Kosmogonías ao vivo xunto outros clásicos de Berrogüetto.


12 | ouve!

BRONCODILATADOR

GRECIA

//2011// - Terbutalina -

//2013// - Das Kapital -

Tampouco é tarefa sinxela escoller un disco dos Terbulatinos, pero decanteime por este xa que é o xerme de todo o mal. O Broncodilatador é o primeiro medicamento en formato disco da historia e apostou por un modo de distribución de descarga online totalmente gratuíta co que continuaron os seguintes discos da banda. Para min o broncodilatador contén os «clásicos» de Terbutalina: Cartos, Filloa, Canto Moderno, Juapo, R.A.J.O.Y. e algunha rareza como Rubia ou Cheiras ao Bravo, que se mostran máis próximas a outros estilos polo que non apostaron nos seguintes traballos.

Co seu primeiro traballo, O Ruído Negro, Das Kapital sorprenderon coa súa proposta de electrónica escura. En Grecia levaron esta proposta a un novo nivel, deixando atrás toda melodía e posible ritmo de baile para volverse máis escuros, creando ambientes industriais e atmosferas angustiantes, poñendo ao ouvinte nunha catarse sensorial e mostrándose máis próximos a proposta artística poética que un grupo de electrónica convencional. Pese ao arriscado proxecto, Grecia chegou a trascender máis alá das nosas fronteiras levando a aclamación da crítica dos principais medios musicais estatais. O disco coincide co momento de máis solidez da banda, déixanos pezas como Unidade, Grecia ou a versión dos Saicos Demoler.

ENSAIO SOBRE O SILENCIO //2012// - Machina Ensaio sobre o silencio consolida o son de Machina, quizais menos variado que no seu anterior traballo Post-Bravú pero máis coherente e cunha liña máis marcada, desbordante de actitude, forza e espirito renovador do rock en galego. O disco foi producido por Pablo Iglesias e gravado dun xeito moi directo, dándolle crueza á cancións, trallazos onde a raiba e a melodía conflúen como no caso de Apandar, Equilibrio, Cada un ao Seu ou Silencio: As variantes/A Ruptura. Como valor engadido, atopamos unha edición física feita a man e de tirada limitada a 200 copias, cunhas postais e unha caixa ben chula da cal teño a sorte de posuír a #001.


os 15 mellores discos

| 13

DISCO VERMELLO //2014// - Ataque Escampe -

CANCIÓNS DE AMOR E LIBERDADE //2013// - Nao Título moi apropiado para este disco xa que resume non só o contido do CD senón tamén a esencia do que é Nao e ser o seu disco definitivo. Financiado a través do micromecenado, este traballo consolida o son do grupo, a formación, e a súa estreita relación co público, que mostrou unha gran resposta a partir desta etapa. Vemos unha portada con tintes clásicos pero que mira de levar o rock galego cara adiante, con compromiso coa súa mensaxe. Os catro primeiros temas son do mellor da discografía de Nao, tamén temos Heroes da Resistencia, canción cunha impresionante acollida, colaboracións con MARS de Habeas Corpus en Os medios son o fin e outras cancións que desde aquí convido a volver a escoitar para reflexionar sobre o bos que son: É triste e Nova Poesía Galega II.

Ata o momento, para min o mellor traballo das Ataque Escampe. Despois do irregular «Noites de Agosto...» deron un empurrón cara arriba con este disco, deixándose de cumbias e boleros para facer o que realmente saben facer ben: pop. Ademais de estar máis enfocado estilisticamente, o disco ofrece como novidade a consolidación nas voces do outrora batería Roi Vidal, grazas ao cal as letras gañan en dramatismo e credibilidade e o traballo gaña máis variedade en xeral. Baixo a excelente producción de Arturo Vaquero, os temas conflúen no indie/pop, pero cunha chea de matices de electrónica, dub, hip-hop e momentos máis experimentais. Nas letras, coma sempre, deixan o seu selo persoal e inimitable, con historias tan reais que levan sempre a unha reflexión por parte do ouvinte. Destacan especialmente Arder, Horas Extra, Orde e Progreso ou Os problemas Crecen. É un deses discos máxicos que enredan ao que escoita levándoo cara ao final do disco e deixándoo con ganas de ouvilo outra vez máis.

LÚAS DE OUTUBRO E AGOSTO //2014// - Guadi Galego Para rematar escollín este traballo de Guadi Galego de 2014, no cal da un xiro musical de 180º na súa carreira, tras o íntimo Benzón. En «Lúas» achégase ao indie e ao pop, sen deixar de lado sons próximos á música tradicional galega. Foi toda unha sorpresa a verdade, pero parece que este cambio foi acertado xa que o disco tivo unha grande aceptación por parte do público e da crítica. Destacan pezas como Mergullei, Chea de Vida, Aromas de Terra e Matriarcas.


14 | ouve!

Os Cuchufellos [Zema]

Presentar a xente impresentable non ten xeito pero por se alguén non os coñecía que os poña no Youtube, que iso aínda existe porque os Cuchufellos xa quedaron na memoria. Un carpinteiro, un mestre, un deputado…transmitiron durante 20 anos festa e calor do Mazico Central polo mundo para dar o último espectáculo na casa, o día 18 de novembro do 2016 deixaron de quentar escenarios, palcos e remolques de trator co seu ritmo frenético e inclasificable. Venres 13 de xaneiro 2017. 00:00 hora Zulú. Local da Rebusca, Manzaneda. Fóra unha xeada quinindiós dentro ao calor do barril da cervexa xuntámonos con 5 dos Cuchufellos (Pacheco, Rubén, Baloira, Marcos e Davide) e algúns veciños e amigos para conversar sobre 20 anos de festa moi auténtica. Como dixo Xurxo Souto pasaron de ser un grupo a ser lenda.


ouve!

| 15

non eran Cuchufellos. Ían tocar no Gelfi. E entón dixeron: «vamos facer uns carteis, para anuncialo e tal» e marcharon a unha imprenta a Trives, e foi alí onde dixo o Chute: «a ver como lle poñemos?» e dixo o Gerardo ponlle Cuchufellos e ao carallo, e Cuchufellos lle quedou. Bueno, el dicía Cochofellos pero despois derivou en Cuchufellos coma o Latín noutras linguas. Aquel primeiro concerto do Gelfi, xa apareceu Cuchufellos no cartel. —— E a cousa comezou entre 2 e logo foise xuntando xente cada un da súa punta… Que vos uniu ba: En realidade non era o que os unía senón o que os desunía. [risas] Foi polo que empezaron, por non pegarse de hostias vamos a tocar xuntos e vía. ma: Comezar comezamos o Andrés [Cacharro] e Donato coa gaita, eu co bombo e a caixa e o Chute que tocaba o acordeón. —— Uniuvos o instrumento entón? ma: Si, como tamén tocabamos na banda de gaitas e ese rollo, pois de aí viña todo ese tema. ba: Si, ao principio era iso: as cancións da banda de gaitas dadas 100 mil voltas, coma se colles o disco e fas fsssssssss [xiro rápido de man], vamos, con velocidade. davide: Gaitas, porros e bocadillos de nocilla. [risas]

Fotos de Lavesedo na Rebusca 2016

—— Como e cando comezou a historia do grupo? marcos: No 96, un día que nos aburriamos bastante o Cacharro e eu, e como nos gustaba o tema da música e tal… quixemos montar un grupo e así comezou entre os dous unha tarde. E logo comezou a chegar máis xente. Cunha gaita, un bombo tradicional, unha caixa enriba dunha cadeira… e a tocar muiñeiras máis que nada. —— Por que Cuchufellos? baloira: Iso sei eu a historia máis ou menos, ou o que me contaron… Dicía o Jorgito da Trivia que fora el o que o inventara, pero resulta que o Gerardo do Gelfi [un pub de Trives] explicoumo un día no Pendón [bar de Manzaneda] como foi a historia, resulta que o Chute [antigo integrante] e el foron facer uns carteis porque era o primeiro sitio onde ían a tocar os Cuchufellos pero aínda

—— Aínda que sexades unha mistura de varios sitios do país representades unha zona moi concreta. Que é Manzaneda para os Cuchufellos? rubén: É coma o Pizjuan para o Sergio Ramos. pacheco: É a casa! Coma Ciudad Juárez! ba: Pois é onde vivimos e o que levamos por aí adiante, onde imos, creo que hai poucos grupos que o fagan. Sempre estivo nas presentacións dos Cuchufellos, sempre se dixo: «Aquí vimos os da serra de Manzaneda…» e levouse por diante de onde eramos, con orgullo. ma: Ademais, dábannos un forfait por dicilo e sidra el Gaitero! [risas]. —— E os Cuchus que foron para Manzaneda? Credes que achegastes algo? todos: Nada, Cero! Non achegamos nada, ninguén é profeta na súa terra. Avergonzábanse de nós. ma: En realidade foi por iso porque o deixamos, porque os veciños non estaban contentos con nós [risas]. —— A outra cousa que estades moi vinculados é á Rebusca. Que foi a Rebusca na vida dos Cuchufellos? ba: Si, a Rebusca creouse pola necesidade dun festival. Os Cuchufellos íamos tocar a todo os


16 | entrevista

lados e viamos que noutros sitios se facían festivais… e porque non iamos ter un aquí en Manzaneda? Foi unha idea que xurdiu dos Cuchufellos. Incluso o nome foi idea de Cacharro. Logo estivemos en case todas as edicións «arrepresentando», aburrindo e arreando [risas] por iso tamén decidimos facer o último concerto na Rebusca, e así foi. —— Ou sexa que algo achegastes a Manzaneda… todos: Ruído [risas], Ruído e poucas noces. —— É no ruído ese onde encaixariades o estilo musical dos Cuchufellos? ru: Encaixariámolo aí nunha estantería. [risas] Pois en todos os sitios e en ningún, porque é un estilo que non está definido. ba: Non se dixo ao final música da Galiza? ru: É autóctona, Manzanedina. ma: Ao principio si que eramos máis folkies, logo chegou Davide coa guitarra [Viñeron os hippes!!] e xa dicían que eramos coma os Wolfstone, entre os Wolfstone e os Chieftains [Pronúnciese coma Feijoo], e logo cada un que veu ao grupo traía cousas novas e para nós iso xa era a hostia porque como non sabemos música… [risas] Un que tocaba diferente, diciamos buhh! Vamos por este lado. ba: Si, chamábase o vento fresco da serra. ma: Bueno, eu sempre tocaba o mesmo porque como era ska sempre puncha puncha, eu non mellorei nada sempre igual, cómprenme outros 20 anos para o pasodobre. —— Entón, algunhas influencias musicais? todos: La Pantoja, Pepiño de Sobrado, Os Tumba Palleiros, Bisbal, Bustamante, a Melody cos Go-

rilas tamén [risas] Iso foi un antes e un despois. Unha transhumancia ou como se di iso do cambio da ditadura a democracia [risas]. —— Moita xente medrou con vós, e vós medrastes tamén… Que recordos tedes deses anos? da: Acordámonos

de pouco. Moitos quilómetros e cartos gastados, pero pasámolo ben. ru: Si, a verdade e que eu case non me acordo de nada. [risas] Si daba para escribir un libro pero... ba: Eu estiven menos anos pero os outros que andaba atrás deles foron moi traballosos porque lle apañaba a bota, e sabes que traballo é iso! [mentres Marcos pide outras doses á barra]. —— Porque os disfraces? Entroido todo o ano, vergoña, quizais? todos:

Nooon, vergoña noon!

—— É estilo? ma:

Claro!

da: Si, pero ponlle que é polo entroido que está ben. ba: A

ver, o do Cacharro coas gafas de sol pode ser un pouco de vergonza que tiña ao principio. Aí o que máis axudou foi o Marcos de Neda que é o que máis lle gusta disfrazarse, o Mortadelo dos Cuchufellos [risas], e se vas sen disfrazar, a min díxomo cantidade de veces: «Pero vas saír así sen disfrazarte?» Tiña 50.000 camisas na casa, inda lle regalei eu das vellas que morrían na residencia [risas] Bueno, bueno isto bórrao, pero si foi verdade. Tiña unha caixa grande. ru: E invitaba. ba: Si, invitaba «toma unha perruca toma un non sei que»


os cuchufellos

—— As gafas do Cacharro entón non eran para pasar desapercibido, era estilo. ba: Si, acabou sendo o seu papel: Cacharro de noite. ru: Era para que non se supera onde estaba mirando. —— Porque cego non está, non? todos: [risas] Pero poñíase! Era para que non se lle visen os ollos e o evidente non eran os ollos, senon o estado en xeral. —— Que pensades dos festivais estes aos que ides, os que apostan polos grupos en galego. Credes que serven para algo? da: Os que organizan son uns valentes. Claro que serve, é a nosa cultura temos que cantar niso. ba: Na terra dos lobos hai que oulear coma eles. da: O que si que non é normal, e que concertos que organizan que van grupos en castelán que teñan se cadra máis subvencións que outras asociacións que fan concertos e festivais en galego. Se cortasen iso era unha boa medida, e meter ao Feijóo no pilón [risas]. —— Pensades que os festivais en galego son a evolución das romerías galegas? Ou a evolución son as festas coa Panorama? ba: Ultimamente é así. ru: Iso é o penoso e o triste. da: Si, a evolución é cara aos festivais onde hai actividades, música de todos os estilos pero que sexa en galego. ma: Igual podes bailar unha muiñeira que despois atoparte un grupo como eran os Cuchufellos da: Ou Ana Kiro. ba: Eu creo que hai que falar como se fala nas bodegas, e como falas na bodega, falas no festival e falas onde sexa.

| 17

—— Cal foi para vós o mellor concerto, xira ou evento como Cuchufellos? ma: Eu, para min, todos! Non me vou mollar máis que dicir todos e vía. da: Eu diría o último da Rebusca, e non é que tocásemos moi alá pero foi moi emotivo. ma: Si, porque ti desde arriba velo diferente que os de abaixo. Ti estás aí dándoo todo e pensas que o fas moi ben, e ao mellor o que esta abaixo dirá: «joder qu’os pariu, que malos son!», pero como nos o pasabamos ben arriba pois era o que contaba. ba: Podo dicir un eu? Deixádesme? E que non tocaba eu aínda, pero fora un que tocarades en Valboa, pero nun principio de todo, onde estaba o Chute tamén e eu dixen: «estes homes, diooo! Que bos son!» da: Pero que hora era? [risas]. ba: Ao mellor estaba sensible eu pero gustoume moitísimo. da: Pacheco estas aí? ru: Alá es grande [risas]. ba: Valboa para ser un sitio de León, pois si que foi un trampolín para os Cuchufellos. ma: Antes tocabamos moito na zona do Bierzo, cando eramos máis folkies gustáballe moito por alí. ba: E falábase máis galego alí, que en moitos festivais aquí. E querían que falases en galego. —— Quedades coa última Rebusca entón? todos: Si ma: Si, ao ser o máis recente tamén. da: Si, e as viaxes que fixemos así xuntos: Lisboa, Francia, a xira balcánica… no Maycar en Compostela [risas]. ma: Si, Lisboa, as que fomos lonxe fora de aquí tamén molaban. ba: Estes teñen moi idealizado o de Lisboa, aproveitaron que estaba operado eu, para marchar todos e pasalo de puta madre, e agora sempre din: hostia, Lisboa, que ben estivo!! ma: E noutra Rebusca tampouco estabas que estabas operado das moas, e que ti… es daltónico, bueno, hemofílico [risas]. —— E un grupo co que dixestes: hostia! Estamos tocando con estes fulanos! ru: Cos Suaves alí vomitando na papeleira [risas]. da: Con moitos! ma: Si, tivemos a sorte de compartir escenario… desde Kepa Junkera, La Raíz… da: Tivemos sorte porque chegamos tarde pero tocamos co Jarbanzo Negro, cos Diplomáticos,


18 | entrevista

cos Rastreros, cos Papaqueixos… eu quédome con eses. ma: Eramos os máis ruíns peros iso… mola ir a un festival e estar nese cartel. O Castañazo Rock foi moi bo tamén. da: Aah!! E estivemos co do Pío Pío como era? Tío Parra [risas]. ma: Si, iso foi para morirse. —— Nos últimos anos medrastes moito musicalmente. É unha retirada na cima? da: Non, musicalmente non, levabamos 4 anos estirando. [risas] Empezabamos a involucionar rápido. ba: Eu vía a gaita cada vez máis grande, cheguei a ter unha gaita da virgen [risas]. ma: O noso era máis un pasatempo por divertimento que en serio, eu creo que si nos pomos en serio eramos a hostia, pero… non foi así. —— Entón… Rematastes para sempre ou é unha retirada temporal indefinida, e volver despois para petalo? ma: Vai ser difícil, pero iso non se sabe da: Si, pór na entrevista o de volver para petalo tamén está ben aínda que sexa mentira. ma: Hai un descanso aí un pouco longo, non se sabe ao mellor mañá toca a lotería non temos nada que facer e dicimos que imos facer da nosa vida pois beber e tocar. ba: Pero non foi unha promoción como pensa moita xente. da: Gañamos pasta pero non foi promoción [risas] ma: Daranse de conta o verán que vén… dirán: hostia, pois é verdade que non tocan, falta algo… da: Falta ruído. ru: Así que os fillos xa teñan carné que nos leven aos festivais volvemos. —— Que vai ser de cada un de vós? [Risas e Lamentos] ma: Non, hai quen se colocou ben! [Davide mira para Marcos] [risas] Eu sigo no ferro a soldar bisagras, pero é o que hai. ru: O primeiro en caer o Cacharro, iso está claro! ma: Ise colocouse ben. ba: Ahhh agora o pillo [risas]. ma: Non, agora en serio, que vai ser de nós? Non se sabe. ba: Imos seguir pola nosa liña. ru: Vamos comezar proxectos individuais. ma: Si, cada un vai facer un disco en solitario como fan os grandes músicos, sabes? Mecano separouse, a Torroja fixo unha cousa, o outro é da ópera…

e nós igual. Non, bueno, eu voume adicar á apicultura que é o que me gusta [risas]. da: Eu mandeille o Currículo aos Bertolini, e leváronme un día de proba pero aínda non contestaron [Baloira faise o longui, risas]. —— Como dixo Xurxo Souto pasastes a ser un grupo a ser lenda, que eran ou son/serán os Cuchufellos? ma: Coidado aí, esta hai que pensala. ba: Mmm que son? Agora quedáronse en nada. E que eran? Pois eran un grupo que o pasaba ben tocando e xa está. E que serán? Pois o mesmo que son [risas] agora mesmo unha incógnita. ma: Un grupo de amigos que agora seguiremos sendo e xogando o dominó, a brisca… —— Hai relevo na zona? Ou hai que esperar a que se armen os Cuchufillos? da: Os Cuchufillos, os Cuchufillos! ba: Si, os Cuchufillos! ma: Uuui ata que cheguen o noso nivel quédalle eh! Nivel musical non pero nivel de juerga… «yo no se lo deseo» «no quiero ver a mis hijos en estas circunstancias» da: Cuchufillos e Cacharro. ma: Cacharro seguirá como Luis Cobos, será o director da orquestra. ba: Esa pregunta non a fixeches, pero Cacharro quere seguir. Foi o único que dixo que somos uns capullos e tal por deixar o grupo porque el nunca o quixo deixar. pa: Eu tampouco o quero deixar. ma: Claro! Porque tu levas 5 anos machiño pero 20… ba: Non chegamos a pelexar pero dixo non non, sodes uns cabróns e tedes que pagarme unha indem-


os cuchufellos

nización e todo o rollo e entón dixémoslle: «toma unha caña» «vale» e xa esta acabouse [risas]. ma: Eu creo que é dos que máis o sentiu eh. ru: Se chorou na Rebusca. ba: Sí si, chorou vomitou… fixo de todo [risas]. ma: O que viña acostumando a facer. da: Tiña as gafas postas non sabemos se chorou ou non. —— Cal foi o sitio onde vos quedastes coas ganas de ir tocar? todos: O Luar!, bueno non quixemos ir ma: Puidemos ir mais non quixemos, nós en playback non tocamos e para tocar en directo había que ir as 3 da tarde… [risas] eu non podo perder de traballar. ru: Bueno na televisión de Lugo aquela. ma: Aaah! Si, nunha televisión de Lugo tamén o fixemos moi ben, porque fomos tocar en playback e despois cada un tocaba o instrumento que non era, menos eu porque claro a batería é mais complicado no playback. —— Iredes tocar algún día ao Parlamento? da: Noon! non. ma: Pois estaría ben unha sala de fiestas alí [risas]. da: Non o vexo. ba: Non quixemos ir ao Luar vamos ir ao Parlamento. ma: Moito tirou por nós o Gayoso. —— Unha banda galega que vos mole ba: A banda de Alí Babá. da: Eu Diplomáticos e os Rastreros. ma: Joder é unha soa! Así xa me fodiches a miña. da: E o Jarbanzo.

| 19

ma: Sí claro e a ensaladilla Rusa [risas], si gústannos todas, non nos vamos a mollar. ba: E os tres trebóns. da: E Ulträqäns, e Ruxe Ruxe, e Zurrumalla, e Quempallou, e os Labregos…

—— Tedes algo máis que engadir? ru: Sempre se nos ocorrerá algo máis! ma: Si, desglosa con sentidiño. da: Veña agora facemos a entrevista en serio ba: A conclusión é que non está todo escrito, porque non somos de letras. E xa está. da: Creo que a conclusión é que chegamos a onde chegamos porque fomos unha banda de amigos, en 20 anos nunca tivemos malos rollos, cada vez que iamos tocar a un sitio era mellor. Unha risa unha festa… non eramos músicos profesionais pero eu creo que a xente lle transmitiamos iso, que eramos colegas. ru: E non hai grupo por aí que poida dicir o mesmo da: Agora que rematamos non cres confrontación con outros grupos [risas]. ba: Nunca chegamos a discutir que nos acordásemos ao día seguinte [risas]. da: Igual chegamos a discutir e non nos acordamos! Pero si recordar que aparte dos que estabamos agora, fora do escenario con Álvaro, pasou polo grupo Telú, Nato, Fenoe, Robleda, Chute, Farruco… ma: Que aínda viven todos eh! (tranquilizando) Sentímonos moi queridos pola xente toda, polos grupos. da: Non sabemos se por pena ou porque lle caïamos ben j


20 | artigo

Na Galiza da festa

O verán festivaleiro galego [Daniel Lavesedo]

Na Galiza da festa, cóntoche a miña vida, cantaba O Jarbanzo Negro cando comezaba o século. O que non podía imaxinar este grupo de punk e mestizaxe da Coruña e arrabaldes é que, apenas 15 anos despois, máis de 200 festivais de música ían asolagar o mapa galego, convertendo cada recanto do país nun altofalante da explosión de creatividade que vive a música galega. Probablemente, exista unha relación directa entre estes dous feitos, este rexurdimento da música en galego, con ducias de grupos de todos os estilos e mais ese abrollar de festivais en moitísimos lugares do país. Porque, a pouco que observemos quen


ouve!

| 21

SonRías 2016. Fotos de Xabicas

Sés no Armadiña Rock.

está detrás destes novos festivais veremos a mesma rapazada da Xeración Xabarín que conforma as novas bandas da música galega. As e os que eran nenos nos anos 90 do século pasado e merendaron decote co Xabarín Club obviamente nin se formularon aquelas irrisorias cuestións de se o galego era óptimo ou non para facer rock, rap ou merengue que sobrevoaban a música galega xusto dez anos antes. Medraron escoitando con absoluta normalidade música en galego de todos os estilos, de aí sen dúbida a posibilidade de gozarmos hoxe de Sés, Familia Caamagno, Ataque Escampe ou Rebeliom do Inframundo. E tamén xorde

con seguridade desa exposición directa e nada idiotizante á música que sufriron aqueles cativos a vaga de festivais de que gozamos na actualidade. O feito de posuíren referentes musicais próximos, o eclecticismo —relativo— da proposta ou a importancia —novedosa na altura— do audiovisual foron alicerces na creación dun público que demanda e consome música do país con total naturalidade. Se a isto lle engadimos a practicamente nula presenza das nosas músicas nas programacións culturais «oficiais», xa que agás contadas excepcións nin os medios públicos, nin as distintas institucións, están a reaccionar a tempo diante deste

feito, semella máis entendible o xurdimento de ducias de festivais ao longo do país, autoxestionados nunha gran maioría, organizados por asociacións xuvenís e culturais de aldeas, vilas e barrios das grandes cidades. Só hai que ollar os mapas festivaleiros de GZmúsica para vermos como en practicamente cada concello do arco atlántico galego hai cando menos un festival autoorganizado, con notable presenza da música do país. Só na contorna de Vigo, no 2016 celebráronse o Morrasound, O Millo Verde, O Sons da Lameira, a Festa 13-14, o Xovenau, a Festa Folc de Vilariño, o Revoltallo, o Freixo Rock, o Son das Mámoas,


22 | ouve!

Medraron escoitando con normalidade música en galego de todos os estilos, de aí sen dúbida a posibilidade de gozarmos hoxe de Sés, Familia Caamagno… o Arde Rande, o Son do Pazo, a Noite da Lúa Meiga, o Festival Reggae de Vigo e varios máis. E isto sen termos en conta outro tipo de festivais máis profesionalizados, como o SinSal San Simón, o SonRías Baixas ou o PortAmérica. Cómpre lembrar que a pesar de non haber na Galiza ningún macrofestival alén do Resurrection ou quizais Ortigueira, existen varios que contan con milleiros de asistentes. Así, ao carón de clásicos coma Pardiñas, Zás ou o Asalto ao Castelo, hoxe en día tamén o Revenidas, o Nordestazo, o Castelo Rock ou os devanditos SonRías e PortAmérica son citas que atraen moitas persoas de todo o país e tamén de fóra, as máis das veces na procura dun tipo de lecer que combina música, natureza, praia e gastronomía. Ademais, nas comarcas do interior veñen apostando con acerto pola desestacionalización. A Candeloria, Castañazo e Rebusca conseguen arrastrar xente con propostas ben distintas entre si pero que comparten unha idea: no outono e no inverno é viable montar un festival na Galiza interior.

Manuele Caamagno. Foto de Lety GF

Falperrys no Revenidas. Foto de Lucía Mallo


o ano festivaleiro

| 23

Todo moi bonito… ou non?

Terbutalina queimando escenario no Armadiña Rock. Foto de Xabicas

O que soou no 2016 nos festivais galegos Entre os concertos máis interesantes deste ano, hai que destacar o paso de Soziedad Alkohólika pola Candeloria, de Gabriel o Pensador ou Fanfare Ciocarlia polo Revenidas de Vilaxoán, de Molotov polo Castelo Rock de Muros, de Banda Bassotti polo Armadiña Rock de Combarro, de Steve’n’Seagulls pola Carballeira de Zás, de La Raíz polo Castañazo ou de La Vela Puerca polo SonRías Baixas de Bueu, de falarmos de bandas non galegas. E centrándonos na música de aquí, sen dúbida Sés, Dakidarría, Terbutalina, Nao, Poetarras, Xabier Díaz & Adufeiras do Salitre ou Familia Caamagno foron dos grupos que arrastraron máis xente nos seus numerosos concertos. Mais para

alén destes nomes de máis sona, o verán deixounos cousas como a volta dos Falperrys, cun soberbio concerto no Revenidas ou a descuberta nese mesmo festival dos novísimos Brinkadelia Troupe, que de certo van dar moito que falar o vindeiro ano. Aínda houbo tempo para gozar da contundencia do metal rural de Deseqilibrio Mental no Rockin’Vila e para ollar a transformación no directo que lle deu á Banda Crebinsky a entrada na voz de Serxio Zearreta. Tamén as citas festivaleiras permitiron constatar o bo momento que atravesan bandas como Agoraphobia —potentísimas no Armadiña Rock—, Sokram, The Lákazans, Ruxe Ruxe ou no eido folc Anxo Lorenzo, Riobó, Quempallou e Pelepau.

Malia a calidade, malia a cantidade, a pesar de podermos escoller entre festivais de balde, baratiños ou megafestivais, o certo é que non todo é perfecto no entramado festivaleiro nacional. Se comparades a lista do que soou no 2016 que tedes neste artigo cos cartaces que xa se van coñecendo neste 2017, veredes que a cousa é parecida. E se lle botades unha ollada ao que tocou polo país no 2015 ou no 2014, pois tres cuartes partes do mesmo. Sexan empresas ou asociacións as que organizan, o certo é que depender nunha porcentaxe elevadísima de entradas/barra para facer viable o festival fai que poucas se atrevan a arriscar e traernos cousas novas. Así, só desde o enfoque máis alternativo en que se moven as Brétemas ou o festival da Liberdade coñecemos cousas como Tremenda Jauría ou Mafalda. No 2016 non houbo Reperkusión, un festival que se caracterizou por descubrirnos cousas como Dubioza Kolektiv ou Russkaja, e tamén hai anos que a Rebusca non celebra a edición de verán, na que sempre había un oco para algún grupo portugués interesante ou para cousas como Figli de Mare Ignota. M


24 | ouve!

A música galega vive das subvencións? Verdades e mentiras sobre o apoio das institucións á música do país

[Sainza Murias]

Un dos estigmas que de cando en vez lle outorgan á música galega —no fondo, a calquera manifestación artística das culturas minorizadas— é o de «vivir das subvencións». Aínda a finais do ano pasado, nun suplemento, disque cultural, do maior medio de desinformación escrito do país, xurdía de volta a idea nunha conversa entre varias persoas relacionadas coa música galega. «Se non cantas en galego, non levas cartos das subvencións»; «Hai moitos festivais que se manteñen polo

apoio institucional»; «Se quitasen 2 anos as subvencións, os que viven das axudas desaparecen»; «Subvenciónanse os festivais que leven grupos que canten en galego»; «Se non cantas en galego, non entras en certos festivais ou estruturas». Alén da falsidade destas afirmacións, que imos tentar demostrar neste artigo, o preocupante é escoitármosllelas a persoas que viven desde dentro o mundo da música en Galiza. Queiramos ou non, é evidente que nos teñen chuchados os cerebros.


ouve!

Para facer esta análise, imos traballar cos datos das axudas da AGADIC, a Axencia Galega das Industrias Culturais, accesibles na súa web. Ben sabemos que deputacións e concellos tamén colaboran con festivais e grupos, se ben as cantidades adoitan ser polo xeral moito menores. E cando a contía é elevada, como no caso das axudas de Deputación de Pontevedra a través da marca Rías Baixas Fest, os beneficiarios son exactamente os mesmos que aparecen nas liñas de axuda da AGADIC.

«Hai moitos festivais que se manteñen polo apoio institucional»

«Se non cantas en galego, non entras en certos festivais ou estruturas»

| 25


26 | ouve!

Comecemos polos festivais. A Xunta através de AGADIC sacou unha liña de axuda no 2012 para festivais de música de pago, profesionalizados, que leva repartido 180.000€ nese ano e no seguinte, 210.000€ no 2014 e no 2015 e 220.000€ o ano pasado. Ademais, no 2013 e no 2014 houbo unha liña de subvencións para festivais afeccionados, 40.000€ cada ano, á que podían concorrer festivais de música e de artes escénicas. De vermos as bases das axudas do 2016, as dos outros anos son semellantes, o feito de programar grupos galegos dá como máxi-

mo o 5,51% dos puntos, sempre que haxa un mínimo dun 40% de grupos do país. Fálase ademais de grupos galegos, non de grupos que canten en galego. De feito, non hai unha soa liña de texto nas bases onde se mencione o idioma, até o punto de non ser preciso nin facer cartelaría, comunicación en redes sociais, etc. en galego. Nada. E para mostra da falsidade desa ladaíña de «os cartos van para os festis que meten grupos que canten en galego», listaxe dos festivais que recibiron maiores contías nestes 5 anos:

«Se non cantas en galego, non levas cartos das subvencións»

2012

2015

1º Brincadeira 25.615€

1º Resurrection Fest 41.937€

2º Derrame Rock 25.226€

2º PortAmérica 41.937€

3º Resurrection Fest 21.153€

3º Festival do Norte 33.693€

2013

2016

1º Resurrection Fest 29.512€

1º Resurrection Fest 50.000€

2º Reperkusión 28.160€

2º Festival do Norte 35.052€

3º Festival do Norte 26.012€

3º Festival de la Luz 21.289€

2014 1º Resurrection Fest 29.133€ 2º PortAmérica 25.446€ 3º Brincadeira 18.218€

Botando unha ollada aos cartaces destes festivais, pódese ver que ningún deles ten máis dun 25% de grupos que canten en galego. De feito, apenas o Brincadeira e o Festival de la Luz no 2016 se achegan a esa cifra e incluso Resurrection e PortAmérica, que levan un 40% por certo das axudas nos últimos 3 anos, nin teñen grupos que canten no noso idioma nin empregan o galego en cartaces, comunicación ou publicidade.


vivimos das subvencións?

Ben é certo que hai festivais subvencionados como o Revenidas, Cantos na Maré ou Festigal que apostan pola música en galego, mais as cantidades que reciben son mínimas. E de todo eles, só o Festigal aposta por un cartaz 100% en galego. Pola contra, FIV Vilalba, Festival do Norte ou Resurrection e PortAmérica,

como xa dixemos, non contan nunca con bandas que canten no noso idioma. Semella obvio que, de haber un idioma que pecha as portas a aparecer nos cartaces dos festivais, este é o galego. De valorarmos todos os festivais subvencionados nos anos 2015 e 2016 o reparto das axudas é o seguinte:

«Subvenciónanse os festivais que leven grupos que canten en galego»

Reparto porcentual axudas AGADIC a festivais. Anos 2015-16

9,3%

90,7%

Festivais con 50% ou máis de grupos que canten en galego

| 27

Festivais con menos de 50% de grupos que canten en galego


28 | ouve!

Axudas aos músicos A música galega, ao contrario ca o teatro ou o audiovisual, non conta con axudas á produción por parte da Xunta. O enorme potencial da música feita no país non merece a atención das nosas administracións e o único xeito de optar ás subvencións para unha banda é no apartado de axudas á distribución para as industrias culturais. Isto ten varias consecuencias. Por unha banda, a estas axudas optan empresas teatrais, de títeres, etc. ademais de empre-

sas do sector musical, co que a competencia é maior. Por outra, as subvencións son para as propias empresas, non para o grupo en si o que provoca que sexan subvencionables xiras de bandas non galegas se a súa produtora si é galega. Daquela, xa non é que as axudas vaian para «os grupos que cantan en galego» senón que, por exemplo nos anos 2013 e 2014, aparezan entre as maiores contías as xiras estatal e iberoamericana de Vetusta Morla, 7.000€ un ano e

2013

18.874€ o seguinte, porque a súa produtora, Esmerarte Industrias Creativas SL, é unha empresa galega. Ademais, as axudas son para a distribución fóra de Galiza, co que as beneficiarias son bandas consolidadas, con proxección no exterior ou polo menos co apoio dunha produtora potente detrás. Así é o top 5 das axudas ás xiras de grupos, non galegos (Vetusta Morla obviamente non o son), senón con produtoras radicadas no país.

2016

1º Luar na Lubre

69506,07€

1º Carlos Núñez

40.000€

2º Xoel López

9657,99€

2º Luar na Lubre

32.400€

3º Vetusta Morla

7.000€

3º Budiño 10.223,52€

4º Budiño 3110,63€

4º Xabier Díaz

10.100€

5º Berrogüetto

5º Furious Monkey House

9.718,63€

3019,14€

2014

Destes datos destacan sen dúbida os

1º Carlos Núñez

40.000€

arredor de 150.000€ que recibiu Luar na

2º Luar na Lubre

25.209€

Lubre nestes 4 anos. Ademais, a súa produ-

3º Vetusta Morla

18.874€

tora, Mar Maior Produccións SL, que tamén

4º Roi Casal 17.740€ 5º Jamila Purofilin

2.250,19€

organizou as xiras de Xabier Díaz ou Radio Cos, xunto a Esmerarte (Vetusta, Furious Monkey House, Xoel López ou o festival PortAmérica) e Keltia Produccións SL (organiza as xiras de Carlos Núñez) superan en

2015

conxunto os 400.000€ de axudas.

1º Carlos Núñez

40.000€

2º Luar na Lubre

29.350€

3º Radio Cos

10.650€

4º Budiño 6.065€ 5º Xoán Curiel

2.314,65€


vivimos das subvencións?

| 29

Trobadores do s.xiii solicitando subvencións a Afonso X

Con todo, o obxectivo deste artigo non é cuestionar se Xoel López ou Carlos Núñez leven axudas por parte da administración. De feito, débenas levar. Pódese estar máis ou menos de acordo coas contías, cos requisitos para a adxudicación, coa repartición efectuada e desde logo débese botar en falta a existencia de axudas á produción musical, mais entrar neses aspectos sería materia doutro artigo. Aquí simplemente tentamos constatar, con datos e non con apreciacións subxectivas propiciadas por análises superficiais ou directamente malintencionadas, que non existe ningunha discriminación positiva cara ao galego na música nin ningunha burbulla inchada desde a administración, máis ben todo o contrario. O apoio das administracións á

música feita en Galiza é miserento cantes no idioma que cantes e non se fai nada por mellorar a situación. E, desde logo, os máis prexudicados dese desleixamento institucional son os grupos que cantan en galego e os festivais alternativos, tentando sobrevivir nun Estado onde goberno, medios de comunicación e sociedade teñen en xeral unha estraña alerxia á diversidade lingüística e cultural. Xa que logo, hai pouco de artificial ou de sobredimensionado no estourido da música en galego no século XXI. Outro conto é se, sen o apoio das institucións co que contan outros sectores económicos e sen un entramado preparado e disposto a apostar por ela, a música galega se vai poder consolidar como un referente cultural e económico do país. m

[…] non existe ningunha discriminación positiva cara ao galego na música nin ningunha burbulla inchada desde a administración


30 | ouve!

Keltoi, sons da rúa [Brais Arroutado]

Aqueles ovarios e fachenda da cultura obreira 29 de Decembro de 2009, unha multitude ruídosa que botaba bafo pola boca ao falar, encollida entre abrigos e sometida tras capas e capas de gorros e bufandas ateigaba os soportáis do estadio de San Lázaro para ver 69 anos despois á nosa selección. Eu nin sequera podía dicir que fora, máis ben tería que dicir que me levaron tras conseguir unha entrada in extremis mentres os directores xerais e os conselleiros as repartían amigablemente nos hoteis dos arredores. Na man un xornal, o Vieiros. E diante un xornalista, X.M.P., que estaba a falar dunha maqueta dun grupo de punk de Vigo que decidira separarse aquel ano ou algo polo

estilo. «Ti sabes quen é ese?» preguntoume. Era Nacho. O grupo, Keltoi! Nada por aquel entón parecía indicar que once anos despois de escoitar eses dous nomes por primeira vez volverían a cruzarse. Facía tempo que se comentaba que os Keltoi! Estaban a argallar un novo traballo, fixéronse esperar, pero non decepcionaron. En decembro do 2016 saía «Sons da Rúa», 14 cortes de Oi! e unha autoversión acústica directos, sen concesións, 15 temas que teñen un aquel a taberna e cántico pero sobre todo a asfalto, a selva urbana e a humidades, suor e latas de cervexa baleiras nun local de ensaio. Punk-Rock de inverno patrio e reunión cas colegas nalgún bar ou na mesma rúa onde fai anos xogaban ao fútbol imaxinan-

do porterías onde só había postes ou, con moita sorte, algunha árbore supervivinte aos plans de urbanismo. E é que neste disco os vigueses souberon rodearse de compañías tan boas como pouco recomendables, polas cancións de «Sons da Rúa» circulan voces provintes de grupos como Non Servium, Inadaptats ou Falperrys, que manteñen unha presenza case constante no disco. Os de Sime dan un paso adiante con este álbum situándose como un dos mellores grupos de Oi! do estado (para min e salvando as distancias) xunto cos cataláns CRIM e os madrileños Rude Pride. Son os nosos Cock Sparrer. Por inesperado que pareza, «Sons da rúa» é tamén para min un disco que fala de educación. Ademáis das temáticas que


ouve!

sempre abordou o grupo, como todo o relativo á cultura skinhead, o antifascismo, o amor ao seu clube, o Celta, ou a unidade de clase e outros máis novidosos, como as tatuaxes e un tema adicado ao pirata Benito Soto, este disco fálanos de valores e de identidade, dunha educación que se aprende máis na rúa que na escola e que marca para sempre. «Sons da rúa» parece interpelar precisamente a unha xeración criada en barrios de asfalto na que semella que certos valores se perderon, valores de unidade, de solidaridade ou de amizade. Un dos temas centrais do disco, Reencontro, e o consecutivo Oes ti!, cantado sobre a base de New age dos Blitz, son unha mostra disto. Valores que, nun mundo de smartphones e niveis de aliena-

ción nunca imaxinados, parecen só conservarse en bares como o Casa Antonio do Vista Alegre compostelán, onde conviven as conversas de barra co viño tinto e as camisolas dos Manu Boys coas fotos de Nacho. Ese Nacho precisamente que representaba os valores daqueles noventa de Umbro e Adidas Samba nos que os Keltoi! Comezaron a tocar e que hoxe ate se ollan con certa nostalxia. Nacho, o xogador que nunca puido xogar coa selección galega e que renunciou sen renunciar á española. Un obreiro (cualificado si, pero un obreiro ao fin e ao cabo) do fútbol tabernario. Cantante eventual cos Xenreira naquel Selección xa! Da revista Bravú. Referente esquecido nun mundo onde mandan os cartos e as televisións.

| 31

Hoxe subo ao bus, de volta das prácticas, e escoito aos Keltoi! nada máis tomar asento. Observo a portada do disco e vexo catro nenos, as portadas nunca son inocentes e supoño que este é un disco para eles. Xusto hoxe, que un d@s nen@s que cando cheguei á escola quería ser Messi nos partidos do recreo me dixo «eu hoxe xogo na banda esquerda, porque quero ser Nacho». Supoño que só é unha forma como outra calquera de consolarse pensando que dixamos algo, referentes ou cancións, para que @s que veñen recuperen aqueles vellos valores. E que non caian nas mesmas trampas nas que outr@s caimos, nin cometan os mesmos erros que outr@s cometimos. Que nunca deixen caer o testigo, e menos por medo. H


32 | ouve!

Unha vida en 20” [Brais Arroutado]

Hai pouco lía un texto de Esteban Girón, guitarrista de Toundra, no que falaba de cómo con 13 anos chegara ás súas mans o So Long And Thanks For All The Shoes de NOFX e como ese disco lle mudara e, dalgunha forma, lle salvara a vida. Aquela tarde chuviosa e aburrida de inverno no que a miña tía me trouxo Comercial dos Ruxe Ruxe ocorreu algo parecido. Resulta absurdo tentar ser obxectivo cando falas do grupo da túa vida. E non falo do teu grupo preferido, nin do grupo que máis veces escoitaches, falo do grupo da túa vida. Ese grupo co que creciches, ese grupo co que te fixeches un esguince

nun concerto, o grupo que che descubriu o quen e o por qué de Joe Strummer, o grupo co que comezaches a escribir, o grupo que querías ser cando te metiches por primeira vez nun local de ensaio, o grupo que aínda decora as paredes da túa habitación, ese grupo co que choraches, co que loitaches, co que durmiches, co que te namoraches, o que che espantou as pantasmas e che deu un refuxio no que sentirte protexido cando só eras un adolescente que veía pasar a vida sen apenas motivacións nun barrio no que soamente esas cancións te comprendían. O grupo que, dalgunha forma, che salvou a vida.


ouve!

| 33

Ruxe Ruxe na Capitol. Fotos de Lucía Mallo

Debe ser a quinta vez seguida que escoito 20” esta mañan, pésame o aire ao respirar e sinto as pápebras febrís. Son dezasete cancións no fío da navalla, na velocidade, dezasete volantazos conducindo cara adiante pero mirando polo retrovisor. Miro a portada e recórdame inevitablemente a aquela de Na terra dos comentos pero a aquel corazón saíronlle espiñas vermellas cos anos e dez extremidades coma dez vidas que protexen unha vela de aniversario inzada de dinamita. Así estamos nós e así é este disco, mantendo unha tensión a piques do estoupido que carga de plomo o aire e aumenta a temperatura

corporal. 20” é tamén un mapa de pistas, en cada esquina hai anacos de álbumes anteriores, cristais rotos agochados entre as letras do disco que o fan sangrar. Se abrimos a guanteira do Dodge Charger no que os Ruxe nos contan cómo viviron estes últimos vinte anos atoparemos unha manchea de caixas de cedés para o camiño. Veñen cos deberes feitos e cos temas estudiados, por primeira vez en moito tempo atopo a Motorhead máis aló da mirada de Lemmy vixiando os ensaios no Cortelho pero, sobre todo, parece que os de Aríns decidiron meterse a arbitrar un combate de loita libre entre Tim

Armstrong e Mike Ness coas hostias perfectamente pactadas, se ben coido que este disco ten máis de Social Distortion que de Rancid. Podemos dicir que Mike gaña estampándolle a Tim na cachola unha botella de Jameson. Persoalmente creo que este disco é no que finalmente Miguel pasa a formar parte do xenoma do grupo. As súas guitarras teñen máis peso que nunca na forma en que se estruturan e sonan as cancións, dándolle unha perspectiva diferente, máis californiana, que a min me sabe moito aos mellores Propaghandi. Cómo se integran o saxo e a gaita neste esquema podería parecer complicado, para


34 | unha vida en 20´´

Fotografía de ArinsPunk

outros, para eles non, simplemente fano con naturalidade, empastando perfectamente os sons e sacando a estes dous instrumentos do papel de complemento ao que parecen estar condenados noutras bandas. A orde das cancións tamén resulta fundamental para manter a tensión do disco, de feito crean unha atmosfera de concerto, falando moitas veces desa sensación de totalidade, dese abismo que supón subir a un escenario a deixar pel, miolos e corazón en forma de ruído, con eses dous estalos finais: Bar Tolo como festa post-concerto e homenaxe a onde precisamente tantas veces ten rematado a banda logo de tocar ou ensaiar e Non temos medo, a versión acústica daquel terceiro corte do homónimo disco que a banda fora grabar a Madrid e que podería ser a última cervexa no Galicia, contando a historia das nosas vidas mentres comeza a saír o sol.

20” é unha historia, a historia dos Ruxe, sí, pero tamén a nosa. E cóntannola xusto cando máis falta nos facía, cando parece que xa non hai fío narrativo que conduza a nosa vida. Cando todo sucede de forma deslabazada chegan eles e explícannos, ordenan os sucesos de forma que todo parece ter un sentido. Cousas do destino ou da casualidade, xusto o día anterior á saída deste disco conseguín a última entrada para ver Eroski Paraíso, dos Chévere, unha historia que fala precisamente sobre cómo contar unha historia. Sobre a importancia de elixir ser dalgures e desde alí relatar o que somos ante o absurdo dunha vida que pasa rápido, facendo eleccións inmediatas, decisivas e absurdas igual que nun supermercado ata que un día nos descubrimos observando as estanterías baleiras, coma nós ou coma esqueletes de formigón de edificios inacabados nas beiras

das estradas. Na obra fálase dun álbum de fotos que en vez de imaxes o que ten son descricións escritas das fotografías que alí había. 20” para min é ese album, cancións que susbstitúen fotos do que fomos ou do que sempre quixemos ser, cancións que contan a nosa historia xusto cando xa nin nós lembramos quen somos. Se teño que escoller ser dalgún sitio, escollo este, o lugar onde os soños non terminan, o lugar onde poido contarvos historias. Escollo Ruído Xerminal, Ingravidade ou Para sempre. Cando te pos a escribir sobre un grupo ao que lle debes tanto acojona, témblanche os dedos, sabes que nunca vas estar á altura. Pero imaxinádevos poder escribir sobre o grupo da vosa vida. Merece cando menos ese sorriso complacente de cando miras atrás no camiño e estás orgulloso do qué e do cómo pasou, aínda que pareza que todo sucedeu en tan só 20 segundos. p


Non dรก igual que leite mercar

@deleitegalego


Ouve#00