Page 1

Entrevista a Nuria Trigueros, catadora de viño. Por Coral Heredia, Natalia Mocho e Andrea Rocha

Cando e por que empezaches a catar viño? A verdade é que foi unha cousa un pouco estraña. Unha vez fixéronme chegar a oportunidade de facer un curso de cata. Para min era unha afección e decidín facelo, e a partir de aí ofrecéronme a posibilidade de catar para a Denominación de Orixe Monterrei. E agora estou facendo catas de viños para eles. Canto tempo levas realizando esta actividade? Debo levar seis ou sete anos para a denominación de orixe... Que utilidade ten catar viño? Na miña situación é considerar que un viño que presentan como Denominación de Orixe Monterrei é válido para beber ou non. De feito nós no panel de catas o que facemos é detectar defectos, e se un viño ten algún defecto temos que comunicalo e, daquela, non poderá levar a etiqueta da Denominación de Orixe Monterrei. Tería que ser corrixido para volver a pasar a cata e, no caso de estar ben, poder levar esa etiqueta. Son necesarias calidades especiais para ser catador de viño? Eu creo que a principal calidade é ser sistemático. A cata non é simplemente coller un viño e dicir se está bo ou malo. Tes que ir mirando a nivel visual, a nivel olfactivo, a nivel gustativo... describindo determinados parámetros. Cómpre ser sistemático, hai que practicar para poder adestrar eses aspectos que tes que valorar. Onde se encontra o mellor viño? O mellor viño... de que? De España, de Galicia, de Europa, do mundo...? Non sei, porque ao final o mellor viño é o que máis che gusta. Cal é o mellor viño? Cada ano é un diferente.


E o peor? Pois pasa exactamente o mesmo. O peor viño é aquel que está avinagrado, que non podes beber. Depende... Aos catadores/as tenlles que gustar o viño? Non necesariamente. Cando ti catas o único que fas e tomar un pequeno grolo, mover o líquido na boca para detectar os defectos que ten ou as súas calidades. Pero non ten por que ser algo que realmente che guste. Nalgunha ocasión cataches viño a desgusto? Non, porque cando vou catar é porque quero. Hai algún catador/a na túa familia? Non, eu son a primeira. Que características debe ter un bo viño? A primeira de todas é que poida ser bebido. Se un viño ten algún tipo de defecto grave, ou ben porque cheira mal, ou ben porque sabe mal, porque está picado ou avinagrado, entón está claro que iso non podes bebelo. Ademais do teu padal, empregades algún outro instrumento? Empregamos a vista e o olfacto. E tamén, nalgunhas ocasións, o oído, porque, por exemplo, cando unha persoa abre unha botella, moitas veces o son pode permitirche saber cousas sobre o viño. E tamén cando botas o viño na copa. Ás veces o son pode indicarche se é un viño máis novo, máis vello... Cal foi o viño ao que lle puxeches a nota máis alta? Por que? Aquí debemos ter coidado. Porque poñer a nota máis alta quere dicir que é un mal viño. Eu cato no panel de cata da denominación de orixe, os viños que teñen maior puntuación son os peores viños porque teñen algún defecto. Daquela imaxino que a pregunta é ao revés: cal é o mellor viño. Non sabemos, porque catamos ás cegas. Nunca sei o viño que estou catando (non sei de que bodega é, de que bodegueiro). Simplemente é unha botella sen etiqueta. Entón ti tes que catar o líquido que hai dentro, pero non sabemos de quen é. Con que idade cres que se podería iniciar unha persoa como catadora de viño? A lexislación obriga a que sexa a partir de 18 anos, xa que con idade inferior non podedes beber alcol. Pero para aprender a catar, poderiades facelo a calquera idade, mais non o viño, senón outras cousas. Por exemplo, cando ti catas un viño tes que identificar que tipo de olores e gustos detectas. Daquela, ti podes empezar catando lambetadas, de diferentes sabores (sen saber de que sabor é) e dicir ao final “este é de piña, este é de mazá...” É unha boa forma de empezar a catar. Realmente o que vas buscando é distinguir sabores co padal, ou ben olores co nariz.


Que opinas dos caldos da zona de Monterrei? Que son fantásticos, sobre todo os brancos. Os tintos teñen máis problemas. depende do ano. De feito o 70% da produción en denominación de orixe Monterrei é viño branco. É un viño moi bo, moi bo e apreciado fóra de Galicia, mesmo fóra de España (en Norteamérica). Os viños tintos? Tamén son bos, pero comparados con outros que hai en España, se cadra, carecen dalgunhas particularidades. Pero tamén son bos viños. De feito, o último viño catalogado como mellor viño de Galicia era Denominación de Orixe Monterrei. Entón, algo bo debe de ter. Moitas grazas polas respostas e pola túa atención.

Entrevista a Nuria Trigueros, catadora profesional.  

Tres alumnas de 3º ESO: Coral Heredia, Natalia Mocho e Andrea Rocha realizáronlle unha entrevista a unha catadora da Denominación de Orixe M...

Entrevista a Nuria Trigueros, catadora profesional.  

Tres alumnas de 3º ESO: Coral Heredia, Natalia Mocho e Andrea Rocha realizáronlle unha entrevista a unha catadora da Denominación de Orixe M...

Advertisement