Page 1

CRÓNICA DO BIComun_OU María Masaguer


Vai un mes dende que puxemos os cartaces BIComun na praza da vila de Ourense, foi un sábado de calor abafante, día 6 de Xullo. Pero como nunha crónica sempre hai que contextualizar os acontecementos imos falar do antes, o durante e o despois. Antes: Coa emoción da experiencia que fora o Bicomun_Bueu01, e despois de ter redactado as primeiras conclusións, comecei a pensar a quen podía interesarlle axudarnos a facer outro. O Bicomun é unha sementeira, así que había que atopar un lugar fértil para a nosa recén descuberta semente. Nas redes sociais atopei a Xeitura, enviei un mail coa proposta, houbo boa vibración e decidimos falar cun café. Un café que levou a outro, e que nos levou a unha mesa que medraba implicando a xente activa da cidade. As ideas enredáronse en sete libretas, cada unha cunha proposta, cunha historia, cunha tarefa por facer. Ao mesmo tempo, os documentos compartidos ían definindo o Bicomun na rede e a mesa de café expandíase. Estabamos a coñecernos e abraiados coas posibilidades que ían aparecendo nestas conexións.

Traballo colaborativo e intelixencia colectiva. Cheguei a Ourense dous días antes. Había que preparar as cousas e desfrutar da experiencia. Iso doume tempo a compartir en físico nervios e debates co resto das libretas enredadas e pulsar a cidade para poder despois conversar e interactuar con ela. Debates previos, impresión de cartaces, embolsado de pegatinas…facerse co acento, cos xiros locais, entender o contexto. Descubrir a cidade a través dos ollos dos que habitan nela.

A investigación-acción como unha mestura de espazos-experiencias formais e informais. Durante: Sábado 10.00 chegan os cartaces e todo o dispositivo, colgamos un fío de corda e voilá...unha galería patrimonial na rúa. Se vai moito calor non pasa nada despegamos e colgamos noutro espazo reciclando e conquistando a praza en 5 minutos. O importante é que sexa visible, que as 10 fotografías ben descritas e documentadas ocupen a praza para ocupar aos viandantes.


Observar e coñecer o patrimonio. Difusión e educación patrimonial na rúa como aula expandida. Os dispositivos-cuestión comezaban a pasar de man en man. “non quererá axudarnos poñendo unhas pegatinas de cores sobre o que pensa dos bens das fotografías?”. Mirada de complicidade e acto seguido unha explicación do mecanismo de funcionamento, das lendas e códigos de cores. Empatía, conversa, paseos por diante das fotos falando e pensando en alto, compartindo ideas co home que estaba no cartel 3, a muller do 4 e cos amigos que xa ían polo 7. Risas, acordos e desacordos, postas en común das cousas comúns, patrimonio-saberes-memoria. Espazo de intersección entre o esquencido e o non vivido, datos que proveñen de arquivos, libros e pedras, de experiencias actuais, de memorias de nenos-vellos.

O espazo público como unha conversa-acción sobre o pasado, presente e futuro. Preguntas-respostas que invitan-fan posible comezar a xestionar o patrimonio xuntos. As cores íanse distribuíndo formando collages improvisados que impregnaban os cartaces, algúns ían vestíndose con cores cromáticas dominantes. Pero e as pegatinas brancas? Esas son as miñas favoritas. Son as que falan dende a reflexión-vinculación subxectiva, as que opinan, as que fan críticas ácedas, retoman sentimentos ou mesmo achegan a poesía. Son as que lle dan alma ao Bicomún e as que nos recordan que eses bens tamén sinten a través de nós, a través das múltiples subxectividades, respiran e teñen alento. Son unha amalgama de ideas interconectadas.

Unha galería emocional que vibra e na que vibramos. Enerxías das capas temporais: memoria, experiencias e soños. Despois: Xa está enredado o fío ainda que descolgados da praza os cartaces. Agora deben encher os muros do Trampitán e despois viaxar á sala de Exposicións da Universidade. Colleron vida na rúa e son nómadas por natureza así que viaxarán en físico e en dixital. Disque tamén nos dous formatos poden abrirse de novo a novas conclusións. Todo é posible, son pillos, non paran ^_^ O Bicomún é unha fracción de tempo que abre outras posibles. É


unha idea que libremente se expande, da que a xente se apropia e reinventa, reinterpreta, define. Unha experimentación conxunta que vai comezando a ter capacidade de acción. A terra de Ourense ten todas as vitaminas e nutrientes das que precisa esta semente. Destacaría dúas, profesionalidade e paixón. Mil grazas a todos pola aprendizaxe compartida. Seguimos!!!

Crónica BIComun Ourense (GL)  

María Masaguer

Read more
Read more
Similar to
Popular now
Just for you