Page 1

Nยบ 2 Abril


No número 1 de Mulleres Boiro destacamos o papel da muller traballadora en Boiro, no mundo e incluso na historia. Unha de tantas facetas que as mulleres poden mostrar na actualidade, sen medo. Precisamente este mes, dous temas tradicionalmente tabús constitúen o centro do contido da nosa revista. Por unha banda, destapamos aspectos descoñecidos da sexualidade da muller: desde como funcionan os mecanismos para activar o desexo ata os últimos avances en anticonceptivos e xoguetes eróticos. A psicóloga e sexóloga Olga Núñez, protagonista da nosa portada, axúdanos a desbotar falsos mitos. Por outro lado, a nosa compañeira María Santos abriunos o seu corazón para relatarnos unha experiencia de crecemento e superación. Ela conseguiu dicir basta ao maltrato físico e psicolóxico na súa parella. A

violencia machista está presente tamén na nova sección que inauguramos neste número, Cine con nome de muller. Da man da nosa redactora máis nova, Jessica Hermo, recordamos o filme Solo mía, protagonizado por Paz Vega. Acabar coas diferenzas entre sexos é un dos principais cometidos que deben afrontar as sociedades do século XXI. A educación dos máis pequenos é un instrumento indispensable para acadar esa igualdade plena e utópica, tal e como vos mostramos no artigo Os xogos, desigualdade entre sexos?, escrito pola compañeira Loli Gª Tarela. Mostrarlles aos nenos que poden ser o que queiran é o mellor camiño para construír unha sociedade máis libre. Quizais eles, os que levan o futuro por bandeira, poidan facer desta utopía unha realidade. ◘


Fotografía: Olláparo

Loli Gª Tarela / Boiro

Hai moitas faladurías sobre o traballo que exercen as mariscadoras. As mariscadoras son mulleres que se levantan cada mañá, para traballar e conseguir un soldo digno. Traballan só cinco horas, dúas e media antes da baixamar e dúas e media despois dela. Pero durante esas cinco horas teñen que traballar moi duro para poder face-lo tope, e non lles vale calquera marisco. Collen o mellor (grande), xa que é co que se pode gañar algo. Por iso, ás veces, as cinco horas quédanlles pequenas. Todas as mariscadoras teñen que pasar por un control de pesaxe ao pé de praia. Alí

pesan o marisco e deixan o que lles sobra. Faise unha revisión de capachos e caldeiros por se algunha persoa intenta levar marisco ás agachadas. Choiva, vento, frío No inverno non o pasan ben. Traballan debaixo da choiva e con vento. Só en caso de forte temporal marchan para a casa. O que levan peor no inverno é o frío. Chega un momento no que as mans quédanlles como conxeladas e teñen que batelas contra o corpo para poder seguir traballando. Se traballan na auga é moito peor. Co frío, as mans molladas doen coma se queimaran. Unha dor que fai que non sexan capaces de articular ningún

dos dedos. Esta dor provoca que non sexan capaces de articular ningún dos dedos. Pero hai que seguir traballando, polo que non teñen máis opción que mollar as mans de novo ou batelas contra o corpo, para chegar a senti-los dedos, e continuar co seu labor. O verán tampouco é unha gloria. Traballar cinco horas baixo a calor dun sol abrasador faise peor que o inverno. As mariscadoras poden chegar a ter queimaduras. Mesmo prodúcese algún desvanecemento, por ter que faenar baixo o sol con traxes de neopreno (tamén coñecidos coma „babeadores‟).


Moito máis que mariscar Estas mulleres non traballan só para gañar un salario. Tamén teñen que coidar o que teñen. Hai épocas nas que, por exemplo, fanse traslados de marisco. Cando o marisco desova e medra nun lugar concreto de forma masiva faise necesario este traslado, posto que deixar o marisco novo no lugar de desove provocaría a súa morte. As mariscadoras van a rarealo e a sementalo nas praias onde o necesitan. Cando chega o argazo ás praias, as mariscadoras téñeno que limpar para evitar que o seu sustento morra. Tras pedir autorización á Xunta de Galicia, estas mulleres poden botar días e días na praia, limpando, en ocasións ata ben entrada a noitiña, ou mesmo os sábados pola mañá. Algunhas mulleres xuntan o argazo en moreas, outras con forcadas, e bótanas ao tractor. “Moitos turistas, homes, quixeron probar a ver que traballo era, e á segunda palada non querían saber máis”, sinalan algunhas mariscadoras sobre o duro traballo que supón a limpeza do argazo.

A xente adoita pensar que as subvencións que reciben as confrarías serven para pagarlle ás mariscadoras o seu labor de traballo. Non é así. As subvencións chegadas á confraría úsanse para alugar tractores, camións e pas que retiren o argazo xuntado na mallante, e tamén para pagar a algúns dos vixiantes. As mariscadoras non ven un peso. Protexer recursos

os

nosos

Ademais de mariscar e limpar, o labor destas mulleres tamén abarca a vixilanza dos areais. Vixiar é o que peor levan, porque a xente non comprende que este é un traballo, e que as mariscadoras coidan dos seus recursos para poder traballar o seguinte ano. Nalgunhas praias botan de seis a oito horas vixiando, recorrendo o anaco de praia que lles toca constantemente. Intentan, algunhas veces sen resultado, que a xente comprenda que hai familias que viven deste traballo, e que deben de respectalo. A cada muller tócalle vixiar cada dous ou tres días, sexa

domingo, sexa festivo ou sexa algunha celebración especial. É común perderse aniversarios de fillos, nais e pais. Unicamente un xustificante médico pode eximilas de cumprir esta tarefa. Se unha mariscadora abandona o lugar de vixilanza antes de recibir a orde, a directiva da confraría abrirá un expediente disciplinario. A vida das mariscadoras non é doada e, ao contrario do que a maioría cre, non gañan tanto. Estas mulleres teñen que pagar do seu peto a Seguridade Social, ademais de teren que pagar a Facenda de forma trimestral e anual. O peor é o paro biolóxico, xa que non se traballa nin se recibe ningunha compensación económica. Por riba, a maioría da xente non valora nin respecta o seu traballo, xa que á primeira de cambio son moitos os que van coller dous ou tres kilos de berberecho ou ameixa para a paella, para a empanada... Multiplicando esta cantidade pola xente que se pode xuntar nunha praia, son demasiados kilos. Kilos que ás mariscadoras lles custa moita suor coidar durante todo o ano, e que poden comprometer o traballo destas mulleres a longo prazo. Empecemos a valorar o traballo do mar e a respectar ás que viven del. ◘

Fotografía: Sara Outeiral


A nosa compañeira en Mulleres Boiro, María Santos, tivo unha vida moi difícil. Foi, durante moitos anos, unha muller maltratada. Pero nunca é tarde para saír a buscar un novo futuro. Despois duns anos moi tristes, hoxe María encontrou a luz e pode dicir ben alto que é unha muller feliz, libre, íntegra, valorada e independente. Coñezamos a súa historia da súa propia boca. Norma Pereiro / Boiro

MULLERES BOIRO: Nalgún momento te sentiches soa? Algún membro da túa familia che proporcionou o seu apoio durante estes anos de malos tratos? MARÍA SANTOS: Sentíame soa moitas veces, máis soa que acompañada. O meu home non me deixaba nin sequera ter amigas. Para el, iso eran tonterías. E por suposto, eu non podía quedar con ninguén fóra de casa nin podía recibir visitas. Non, de ningunha maneira. A verdade é que durante estes anos non tiña ningún tipo de apoio, pero agora si, por parte do meu fillo Antonio e da miña nora. Estou moi ben. MB: Como foi a túa vida na casa e cos teus? Sentíaste cuestionada ou desvalorizada como muller? MS: Foi un inferno día tras día, noite tras noite. O meu home insultábame e ocupábase de facerme sentir coma un lixo. Ademais das ameazas e os insultos, el incluso chegou a pegarme. Nunca conseguía ver cousas positivas en min: todo o facía mal segundo el. Foi unha etapa horrible, insoportable, e non lla desexo a ninguén. Realmente, sentíame coma se eu non valera nada, coma se non tivera dereito a nada. Por este motivo moitas veces vivía amargada, e preguntábame moitas veces que razón había para vivir. Sentía que non encaixaba en ningún sitio. MB: Sentíaste controlada? MS: Cando estaba con el non tiña liberdade. Era unha prisioneira na miña casa e sentíame vixiada todo o tempo. Para o meu home, eu non merecía nada, e o meu maior temor era chegar a crermo. Porque eu non tiña vontade para loitar por min mesma, polo meu benestar. Esta

situación estaba acabando comigo, desgastándome. E sobre todo, acabei por sentirme insegura, moi insegura. MB: Falábamos antes de sentirse valorada polos teus. Como mudou a túa situación nestes anos? MS: Foi un xiro de 180º. O meu marido non valoraba nada: non importaba o que fixese, porque nunca estaba conforme. Pero agora a miña situación cambiou, e gracias a Deus agora si que podo dicir que me sinto valorada por parte do meu fillo e por parte da miña nora. Valóranme non só polo meu traballo, senón tamén como persoa. Nesta nova etapa da miña vida síntoma feliz e, sobre todo, tranquila. MB: Algunha vez tiveches que pedir axuda? Sabías naquel momento que existen mecanismos de apoio ás mulleres maltratadas? MS: Si, tiven que pedir axuda. En primeiro lugar, á Garda Civil, para que me defendera cando xa non podía aguantar máis. Grazas a dar ese primeiro paso puiden pedir axuda á Xunta de Galicia e á asistenta social. Porque pola miña parte non sabía que tiña que facer, nin me sentía con forzas para intentar nada. MB: Pensaches algunha vez en fuxir e cambiar de vida? Intentaches expoñer a túa situación a algún/ha psicólogo/a? MS: Pensei en fuxir moitísimas veces, pero entón pensaba no meu fillo, o meu único fillo, e desistía. Acudín dúas veces á consulta dunha psicóloga para que me orientara sobre como podía saír daquel pesadelo e, sobre todo, unha vez fóra, que podía facer coa miña vida. Para nada foi fácil intentar cortar coa miña situación. MB: Como estás agora, es feliz? En que cambiou a túa vida? MS: Desde que deixei ao meu home todo cambiou. Agora podo facer plans e non teño medo. Agora podo dicir que son feliz xunto ao meu fillo, a miña nora e a miña neta. Agora podo dicir ben alto que SI, que son feliz e libre para facer o que queira coa miña vida. Síntome libre para vivir a vida á miña maneira, coa compañía da miña familia. Agora podo ser eu mesma. ◘


Este artigo anónimo pretende dar conta dunha experiencia coa que moitas mulleres se sentirán identificadas

Chámase Raquel, e durante moitos anos foi unha muller maltratada física e psicoloxicamente. Esta é a historia da súa vida. Todo empezou cando coñeceu a Xoán a través da súa irmá, que era unha das súas mellores amigas. A primeira vez que se viron foi nunha discoteca. Foi todo un frechazo. Empezaron a saír e todo era moi bonito: ían ao cine, á discoteca... a Raquel encantáballe estar con Xoán. Todo ía moi ben ata que quedou embarazada e foron vivir xuntos. A sogra non aceptaba a Raquel, polo que a familia buscaba calquera motivo para criticala e predispoñer a Xoán en contra dela. En moitas ocasións Xoán cría estas faladurías. Raquel non sabía o motivo do seu comportamento. Só sabía que cando o seu home bebía máis da conta empezaba o inferno: insultábaa, pegábaa. En definitiva, humillábaa. Naqueles tempos Raquel non podía ter amigas, nin practicamente saír da casa. Só podía saír para facer as compras, e sen tardar demasiado. Do contrario, ela xa sabía o que lle esperaba ao chegar a casa. A causa do comportamento de Xoán, a Raquel quitáronlle ao seu neno. Déronlle a elixir entre internalo nun colexio ou darllo aos avós. Ela decidiu que o neno quedara cos avós, posto que o seu sogro sempre fora moi bo con ela. Ao neno nunca lle faltaba de nada: ía tódolos días

co seu avó a almorzar ao bar e mercáballe moitos xoguetes. A traxedia chegou co accidente do pai de Xoán. El volvía de Madrid para celebrar o seu aniversario, mais o do seu neto, cando sufriu un accidente de tráfico. Morreu no acto. A partir dese momento as cousas cambiaron para Raquel: a súa sogra impedía en moitas ocasións que puidera ver ao seu fillo. Este feito marcouna profundamente. Pero temos que pensar que esta vida todo cho devolve. Uns ano máis tarde, a sogra de Raquel tivo que ser operada do corazón. Con todo, Raquel nunca lle gardou rancor, e cando lle tocaba ir coidala ao hospital facíao. Así foron pasando os anos, ata que Raquel comezou a comprender o que estaba pasando. Reaccionou, e cansada de todo enfrontouse a Xoán e díxolle que se non cambiaba ela ía marchar cos nenos. Ante o temor de perder á súa familia, el foi cambiando, pouco a pouco. Se Xoán pretende facer a súa vontade nalgún momento, agora Raquel pode frearlle os pés. Hoxe en día Raquel ten os seus nenos con ela, pode saír da casa e mesmo ter amigas. Conseguiu apartarse un pouco da súa familia política e lévase mellor coa súa sogra. Xuntas descubriron que hai que respectar, se ti queres que che respecten a ti. A súa relación con Xoán tamén mellorou moito. Agora Raquel comeza a ser un pouco máis feliz. ◘

A nosa compañeira María Santos comparte connosco a súa experiencia co traballo ao longo dos anos

María Santos / Boiro

Meus pais, ao igual que o resto da miña familia, eran labradores. Meu pai tamén traballou ao longo da súa vida de canteiro. Meus irmáns máis eu traballábamos a terra, ata que o meu irmán maior foise ao mar e a miña irmá fíxose costureira. Eu tamén cambiei o campo polo monte e as fábricas, ata que casei. Fun dar a unha casa de labradores novamente. O meu sogro era mariñeiro, polo que a miña sogra o meu marido máis eu encargabámonos das terras. Cando naceu o meu fillo pasei a ocuparme da casa,

pero cando cumpriu catro anos volvín a traballar no agro. Despois de moito tempo volvín á fábrica. A día de hoxe podo dicir que me sinto moi ben cos meus compañeiros de traballo. Son uns chicos e chicas moi especiais para min. Como compañeiros, axúdanme cando non sei algo, e explícanme como se fai o traballo. Teño moito que agradecerlles. Entre esas persoas especiais gustaríame incluír ao encargado xeral, ao que lle podo pedir consello e contarlle todo o que me pasa. El escóitame como encargado, pero tamén como compañeiro. ◘


Ana e Sergio (non son os seus verdadeiros nomes) forman un matrimonio moi peculiar: ela é xitana e el é paio. Ana casou dúas veces, a primeira tamén cun paio. Agora, a súa vida ao carón de Sergio xerou un cambio moi grande, posto que é máis feliz e recoñece que a súa vida é máis estable. Os dous desexan que a súa historia de integración e superación se coñeza. Mª Dolores Fernández / Boiro

MULLERES BOIRO: Que prexuízos poden ter as familias xitanas e paias cando se da un matrimonio entre persoas destes dous mundos? ANA: É moi difícil para unha muller xitana casar cun paio. Con frecuencia a familia non o acepta, polo que a parella vese obrigada a escapar unha tempada fóra da casa. Ademais, non poden falar con ningún membro da familia ata que o patriarca os volva aceptar. No noso caso non houbo ese problema, porque de feito o meu primeiro matrimonio xa fóra con outro paio. SERGIO: Pola parte de meus irmáns houbo moito rexeitamento. Non querían que casara con ela e, pola contra, pola parte dela non tivemos ningún problema. MB: Como se coñeceron e cando casaron? A: Coñecémonos a través dunha amiga, facendo visitas a diario para tomar café. Así comezamos unha relación moi bonita. Foi un gran cambio despois da relación conflitiva co meu primeiro marido, pois recibía malos tratos. S: Casamos en Santiago de Compostela, polo xulgado, o 30 de novembro de 2011. MB: Que educación recibe unha muller xitana? A: Unha muller xitana non pode saír da casa sen permiso dos pais. Tampouco pode ir a bares ou discotecas, non lle está permitido fumar nin andar con rapaces. O control dos pais vai ata o tema da imaxe, posto que a muller xitana non pode poñer minifaldas ou escotes, nin tampouco pode maquillarse.

MB: Un neno xitano ten problemas para integrarse na escola? Existen inconvenientes á hora de escolarizalos? A: No caso dos meus fillos integráronse moi ben no colexio, pero á hora de coller amigos lévano moi mal, porque aínda hai moito rexeitamento. Os demais nenos insúltanos por ser xitanos. Incluso teñen chegado a chamalos piollentos. En relación co tema dos profesores, todo depende de quen lle toque, e co director pasa o mesmo. Hai moitos profesores que se portan ben con eles, pero en xeral depende de quen lle toque. MB: Que inconvenientes tendes á hora de pedir axudas? S: Os requisitos que se piden para solicitar axudas teñen que ver moito cos rapaces, posto que se esixe, entre outras cousas, que os nenos vaian aseados ao colexio. Tamén temos que ter a casa limpa, non vivir en chabolas nin coller comida dos contedores. Nós vivimos nun piso e pagamos un aluguer, polo que nese aspecto nos consideramos totalmente integrados. Pero noutros ámbitos non nos sentimos tan integrados. Na sociedade aínda hai moito racismo cara os xitanos e nós tan só queremos ser tratados como iguais, nin máis nin menos. A: O problema é que cando pedimos axuda benéfica ás veces dannos pouca cantidade e mírannos con mala cara, polo que nos vemos na obriga de coller comida dos contedores para alimentarnos. Nalgunha institución benéfica dixéronnos que si queríamos seguir recibindo alimentos, tiñamos que deixar de coller comida do lixo. Posto que non deixamos de facelo, retiráronnos a axuda. Estamos acostumados a facer as cousas á nosa maneira, por iso á veces temos complicacións á hora de pedir e de manter as axudas. ◘


Contan que na mitoloxía grega existían doce deuses poderosos, dos cales seis eran mulleres, cun peso no Olimpo moi determinante. Inés España / Boiro

A deusa que máis poder tiña era Hera, a deusa dos deuses e muller de Zeus. Para o soberano dos deuses non foi doado conquistar a Hera, pois tivo que botar man de moitas estratexias. Un día, camuflado de paxariño, puido chegar ao seu corazón e, por fin, conquistala. Deusa do matrimonio, protectora das mulleres casadas e da maternidade, Hera foi retratada polos fabulistas como ciumenta, violenta e vingativa, por causa das continuas infidelidades de Zeus, que vía como unha ofensa. Outra das divindades máis importantes foi Atenea, considerada a deusa da sabedoría. Deusa das conselleiras, protectora da cidade de Atenas e das institucións políticas, atribúenselle os inventos da frauta, a trompeta, o arado, o xugo para os bois, o carro, o barco e a ola de barro para cociñar. Tamén lle ensinou aos homes os números, e ás mulleres as artes da cociña, o tecido e o fiado. Era filla de Zeus e Metis, personificación da prudencia. Conta a lenda que durante o embarazo, Zeus enguliu a Metis, por medo a que esta dera a luz a un varón que o destronara. Cando chegou o momento do parto, Zeus comezou a sentir unha intensa dor de cabeza, polo que lle pediu a Hefesto, o

O italiano Sandro Botticelli retratou no século XV O nacemento de Venus

deus do lume e da metalurxia, que lle fendera a fronte cun hacha. Desta ferida naceu Atenea, a súa filla favorita, xa adulta. Xunto con Atenea, Afrodita é unha das deusas con máis relevancia. É a deidade do amor, da beleza e da fertilidade, considerada a criatura máis fermosa que pisou a terra. Unha lenda sinala que Cronos cortou os órganos sexuais do seu pai, Urano, e lanzounos ao mar. Da espuma do mar xurdiu Afrodita. Porén, a lenda homérica afirma que Afrodita naceu da unión de Zeus coa deusa Dione. De todas formas, cóntase que cando a deusa veu a luz do sol, tódolos seres da terra comezaron a gozar da beleza, a alegría e o amor con plenitude. Foi conducida á illa de Chipre. Descendeu do carro completamente núa e escorreu a auga dos seus cabelos. Ao tocar a area, a auga converteuse en belos caracois. Por medo a que fora causa de violencia entre os demais deuses, casou a Afrodita con Hefesto, o deus do lume feo, coxo e malhumorado. A pesares do seu matrimonio, destacou o seu romance con Ares, o deus da guerra.

Deméter, filla dos titáns Cronos e Rea, era a deusa das colleitas e do millo. Atribúenselle as estacións e era famosa entre as xentes do campo, xa que lles ensinou as artes da agricultura: sementar, arar, a recolección... A lenda pola que máis se coñece a Deméter é pola súa filla Perséfone, froito da súa relación con Zeus. Perséfone, deusa das terras fértiles e da agricultura, foi raptada por Hades, deus dos mortos, e levada ao inframundo para casar con ela. Deméter buscou á súa filla incansablemente, descoidando a terra e provocando que a fame devastara o universo, ata que Zeus obrigou a Hades a ceibar a Perséfone, convertida agora en deusa dos mortos. Antes de devolvela á súa nai, Hades doulle a comer á súa amada unhas sementes de granada, un encantamento que a faría retornar ao submundo catro meses ao ano –seis segundo outras lendas-. O florecemento da primavera e o verán evoca, segundo esta lenda, a época na que Deméter e Perséfone están xuntas, mentres que a desolación do inverno


séquito dunha deidade superior, como Artemisa, e dicíase que só con contemplar a súa beleza podían provocar nos homes unha cegueira irreversible, ou incluso a morte. Ademais de destacar a súa beleza, tamén eran consideradas intelixentes e enxeñosas. Nesta vasilla, exposta no Louvre, represéntase o nacemento de Atenea

identifícase coa época na que retornaba ao Hades. Artemisa, deusa da caza, era filla de Zeus e de Leto, e irmá xemelga de Apolo. Tamén rexía os partos, protexía aos animais salvaxes –especialmente aos osos-, as colleitas e as virxes. Ía armada cun arco e frechas, coas que castigaba aos mortais. Nalgunhas lendas é laureada por dar unha morte doce ás mulleres novas que falecen durante o parto. Sempre gardou a súa virxindade, calidade que lles esixía ás súas acompañantes. Hestia, deusa do fogar e da familia, era a primoxénita de Cronos e Rea, así como a primeira en ser devorada polo seu pai ao nacer. Apolo e Poseidón intentaron seducila, pero ela sempre se mantivo virxe. Por esta razón, Zeus concedeulle os mellor lugar en tódalas casas – o fogar- e a primeira víctima nos sacrificios públicos. Outras divindades Pandora, a primeira muller sobre a terra, foi creada por Hefesto por mandato de Zeus.

Atenea vestiuna, Hermes deulle a capacidade da fala e a beleza, mentres que Afrodita proporcionoulle encanto amoroso. O rei dos deuses quería vingarse do titán Prometeo, que proporcionou o segredo do lume á humanidade. Por isto, casou a Pandora con Epimeteo, irmán de Prometeo. Epimeteo quedou prendado da beleza de Pandora, polo que desoíndo o consello do seu irmán, aceptou a caixa que ela levaba, como obsequio procedente do Olimpo. A curiosa Pandora abriu a caixa, desatando así todos os males do mundo. Intentou pechar a caixa, pero no fondo tan só quedaba a Esperanza, o único capaz de confortar á humanidade ante a desgraza. Noutras lendas, a caixa de Pandora contiña toda clase de bens que, por culpa da curiosidade, ela deixou escapar. As Ninfas eran divindades secundarias, representadas como fermosas doncelas que habitaban os bosques, as campiñas, as fontes, ríos e mares. Detestan a fealdade e o mal, e relaciónanse coa fecundidade e a vida. Adoitaban pertencer ao

As tres Furias ou Erinias eran deidades vingadoras que habitaban o mundo inferior e tiñan como misión perseguir e castigar aos homes. Tamén vixiaban a porta do mundo inferior, para castigar aos que non pagaban os seus crimes no mundo mortal. A maioría das lendas sinalan que Cronos emasculou a Urano, e do sangue que caeu na terra naceron as Erinias. Noutras fábulas son consideradas fillas da Noite. Tisífone, a máis coñecida, era a vingadora do crime, Megea era a vingadora dos celos e sementaba a discordia entre os mortais, mentres que Alecto, a sempre encolerizada, castigaba aos malfeitores coa loucura. Eran xustas, pero desapiadadas, e non había apelación posible o seu castigo. O aspecto das Furias era horrible, cunha cabeleira formada por serpes retorcidas e sangue manando dos seus ollos. Cando comezaron a mostrarse misericordiosas cambiaron o seu aspecto e convertéronse nas Euménides, protectoras dos suplicantes. ◘


Jessica Hermo / Boiro

matrimonio van en aumento, ata que un día Joaquín enfádase máis que outras veces e propínalle unha paliza a Ángela. Despois de situacións parecidas á previamente citada, Ángela decide divorciarse de Joaquín, pero encóntrase cunha falta de sensibilización por parte da xustiza para coas mulleres maltratadas.

Sinopse Solo mía conta a historia de Joaquín e Ángela, unha parella que contrae matrimonio despois de coñecerse e saír uns meses. Coñecéronse cando Ángela traballaba de secretaria na empresa de publicidade na que traballaba Joaquín. A pesares de que non se coñecían moito antes de casar, eran felices. Unha felicidade que queda colmada cando nace a súa primeira filla. Pero uns meses despois de nacer a filla, Joaquín empeza a mostrar a súa verdadeira cara, comportándose de forma violenta e agresiva. Unha cara que Ángela descoñecía. As tensións do

Co apoio da súa familia e da súa amiga Andrea, Ángela pasa páxina e empeza a saír adiante coa súa vida. Pero Joaquín non pensa renunciar a ela, polo que ameázaa e persíguea sen descanso. Ángela, asustada e desesperada, busca sen éxito axuda na Xustiza. Nun derradeiro intento por recompoñer a súa vida intenta facer as paces con Joaquín, pero decátase de que non o pode perdoar. No punto álxido do filme Joaquín e Ángela discuten e Andrea intervén para axudar á súa amiga. A película remata mostrándonos a unha Ángela feliz e segura de si mesma. Cos seus dous fillos visita a Joaquín, que está paralítico debido a un disparo que recibiu cando estaba

forcexando con Ángela e Andrea.

Un filme moi real Nesta película pódese ver a insensibilización por parte da sociedade cara as mulleres maltratadas, como se lles aconsella aguantar semellante maltrato físico e psicolóxico por mor do “que dirán”. Incluso na actualidade as mulleres viven non tanto en prisións físicas, pero si en prisións mentais impostas pola sociedade. As culpables somos en moitas ocasións as propias mulleres. Si, as culpables somos nós mesmas cando permitimos que se siga crendo que unha muller non ten ningún valor sen un home ao seu lado. A mellor maneira de combater estes pensamentos é mediante a educación aos máis novos, para que non crezan con pensamentos machistas. Ensinarlles, en definitiva, que homes e mulleres son exactamente iguais, cos mesmos dereitos e deberes, e que ningún ten supremacía sobre o outro. ◘

Ficha Técnica Director: Javier Balaguer Actores: Paz Vega, Sergi López e Elvira Mínguez Ano de producción: 2001


Mónica Núñez / Boiro

Hoxe en día as mulleres temos algo máis de poder do que tiñamos no pasado. Isto pode servirnos para ver ata onde chegamos, malia que falta moito camiño por andar. Hai un ámbito moi curioso no que a muller foi acadando unha maior presenza. Trátase da industria cinematográfica, na que ata hai poucas décadas o protagonismo das mulleres estaba moi limitado. En contraste cun pasado no que só os homes podían ser os heroes de famosas sagas de aventuras e de acción (Indiana Jones, Rambo, A xungla de cristal ou Arma Letal, entre moitas outras), agora elas tamén poden salvar o mundo. A muller comeza así a ter papeis máis destacados no mundo do cine, e nos xéneros de aventuras e acción especialmente. Un dos primeiros títulos de acción nos que unha muller leva o peso da película é Alien, unha saga na que Sigourney Weaver tiña que fuxir do famoso octavo pasaxeiro. Máis recentes son Tomb Raider, Underworld, Resident Evil, Ultravioleta, Van Helsing ou Kill Bill. As actrices que as protagonizaron son mundialmente coñecidas, en gran parte gracias a estes papeis de heroínas, como Angelina Jolie, Kate

Sigourney Weaver acadou a fama mundial en 1979 grazas ao seu papel no filme de Ridley Scott Alien, o octavo pasaxeiro

“Estas mulleres teñen moita máis importancia na loita pola igualdade do que se poidan imaxinar”

Uma Thurman ratificou o seu papel de musa de Tarantino coa saga Kill Bill

Beckinsale, Milla Jovovich ou Uma Thurman. Son mulleres que tiveron que traballar moito e ter moito autocontrol para facer este tipo de películas. Moitas delas tiveron que aprender de moitas disciplinas antes de rodar unha película de acción: desde estudar artes marciais ata mesmo aprender a disparar un arma, materias nas que algunhas chegaron a converterse en expertas.

Malia que as actrices teñen que demostrar aínda moito máis que os homes, e malia o estres que pode provocar estar sempre no punto de mira de prensa e curiosos, eu dígolles a todas elas que sigan sendo as heroínas que son. Que sigan adiante, porque a moitas de nós fannos sentir aínda máis fortes e teñen moita máis importancia na loita pola igualdade do que se poidan imaxinar. Un saúdo a todas e a seguir loitando. ◘


Teriámonos que empezar preguntando se nós, os adultos, estamos ensinando da mellor forma aos nosos fillos. Por desgracia, nós somos a principal causa de discriminación de xénero entre os rapaces, tanto cos xogos coma cos xoguetes.

Loli Gª Tarela / Boiro Deberiamos darnos de conta que desde que un sabe que vai ser pai, xa empezamos a diferenciar os sexos coas cores: os nenos en azul as nenas rosas. É o que facemos todos, pero ata que punto pode influír todo isto nos nenos e na sociedade? Un estudo demostra que os nenos a partires dos 18 meses xa asocian que os coches son de nenos e as bonecas de nenas. Isto conleva, co tempo, a que desenvolvan nun futuro unhas ideas tradicionais entre os sexos. En concreto, a un neno resúltalle máis difícil adaptarse a todo. Por exemplo, mesmo que un neno chore leva a un certo grao de presión por parte dos maiores, xa que sempre se di que os nenos non choran, iso é cousa de nenas. Isto denomínase presión social, e aínda é un problema bastante estendido.

“Os nenos a partires dos 18 meses xa asocian que os coches son de nenos e as bonecas de nenas”

É necesario superar os tradicionais roles de xénero, representados nesta imaxe, xa desde a infancia.

Cousas de nen@s Se unha nena xoga ao fútbol, aínda hoxe en día, pode escoitar algunha cousa coma que iso é xogo de nenos. Pero se a un neno o ven xogando cunha boneca salta unha alarma entre os adultos, posto que consideran que é algo que non é normal entre os propios nenos chegando a tachalo de mariquita. Esta situación vergonzosa chega a un punto no que o neno queda marxinado e ridiculizado. O sentimento de inferioridade que pode experimentar o neno só remata cando os outros rapaces se aburren de humillalo ou maduran.

“O cambio ten que empezar en nós, as persoas adultas, que debemos ensinarlles aos rapaces que os xoguetes non teñen sexo”

Todo isto ten que cambiar. Pero o cambio ten que empezar en nós, as persoas adultas, que debemos ensinarlles aos rapaces que os xoguetes non teñen sexo. Todos poden xogar con todo, sen sentir medo de que alguén se burle do neno. Educar desde os medios Nesta concienciación social contribúen moito os medios de comunicación, que


fomentan estes estereotipos a través de programas, revistas e publicidade. Tamén nos medios esta situación ten que dar un xiro de 180 graos. Na maioría dos anuncios vense moi definidos os roles de xénero. Na publicidade de coches, por exemplo, sempre se representa aos nenos ou pais, en tanto que as nais e as nenas ven omitida a súa presenza. Pola contra, cando se anuncia algunha boneca sempre se ven nenas xogando. Poderían empezar a mostrar a nenos e nenas xogando nos anuncios, sen discriminación de xénero.

“Habería que empezar a mostrar a nenos e nenas xogando nos anuncios, sen discriminación de xénero”

As películas para nenos, pola contra, comezan agora a variar. As pelis de princesas de agora mostran acción, aventuras e, o máis importante, protagonistas femininas intrépidas que non necesitan que un heroe as rescate. Un bo exemplo sería „Enredados‟, filme da factoría Disney que tivo un grande éxito o pasado ano. A protagonista, Rapunzel, encarna a esta nova muller valente e dura, coa que nenos e nenas se poden sentir identificados de igual maneira.

opcións: pais do mesmo sexo, familias monoparentais...

Ecos dun cambio social

Hoxe en día, aínda que non se crea, hai diferenzas nos xogos e nos xoguetes e temos que remedialo. Por iso temos que tomar conciencia de ensinar aos nosos fillos sen ter en conta os desiguais roles de xénero tradicionais. Á larga serán mellores persoas e terán unha visión de igualdade que agora nós non temos.◘

Hai que decatarse de que os tempos cambiaron. A muller non nace para ser escrava da súa casa, senón que é independente: ten o seu traballo e a súa vida propia. Por outra banda, as familias de agora non só están compostas por unha nai e un pai. Existen múltiples

Aínda que non nos decatemos, seguimos a fomentar esa desigualdade nos xoguetes e nos xogos.

“Os tempos cambiaron. A muller non nace para ser escrava da súa casa, senón que é independente.”

A educación en igualdade continúa sendo tarefa pendente para nais e pais. Os maiores temos que deixar de distinguir entre xogos de nenos e xogos de nenas. / Fotografía: Getty Images


Certame de relatos curtos ‘A muller máis importante da miña vida’

2ª clasificada: Uxía Rubio Blanco

Para este conto tan especial estiven pensando na miña avoa ou na miña irmá. Pero despois de pensar e pensar ocorréuseme unha muller que é, e sempre foi, unha muller moi querida para min. A muller que sempre me apoia cando teño problemas, a muller que me criou a min e aos meus dous irmáns. Foi unha muller que pasou malos tragos e agora sigue adiante coa súa vida. É unha muller que empezou a traballar con vinte e cinco anos, e agora, con catro décadas e non digo máis detalles dos anos, ou senón enfádase un pouco comigo, segue traballando nunha fábrica de conservas. Falo, nin máis nin menos, que da miña nai. Miña nai é unha muller bastante alta e redondiña. Ten uns cabelos de cor castaño, un castaño moi parecido ao dos seus ollos. A parte de ser castaños, son uns grandes ollos que sempre teño ao meu carón. Habedes de pensar que por fóra non sexa perfecta, pero eu sempre penso que a beleza non está no exterior, senón no interior, porque aínda que

sexa algo despistada sempre está contenta. Non sempre estivo tan alegre, xa que, como dixera ao principio, pasou malos tragos: cando o seu pai morreu ela tiña trinta e tres anos e foi un duro golpe porque estaba moi unida a el. Pouco a pouco foi saíndo do bache, en gran parte porque tiña dous rapaces que a necesitaban. Despois cheguei eu, que segundo ela foi como se empezara unha nova vida, unha vida na que a miña nai puido saír do bache completamente. Sempre a quixen moito: cando era un pouco máis pequechiña que agora, sempre quería que me levara a miña nai á escola. Eu sempre a esperaba inqueda a que chegara de traballar para que me dera o bico de boas noites, que sempre me daba no medio da miña fronte, e ata que non mo dera non era capaz de quedarme a durmir. Aínda agora gústame que me siga dando ese biquiño pola noite. Cando ela me vén buscar ao colexio póñome contenta, porque teño máis tempo para falar do que me pasou ese día. Sempre me axuda a estudar para os exames ou tamén para facer

traballos. Sempre se preocupa por min e adoita recordarme, cando me deixa alí na porta do colexio, que estude moito para poder ter unha boa carreira, pero por moito que lle conteste que si, cada día estamo a recordar. O que me gusta moito dela e que ten un bo sentido do humor e sempre que me fago dano ou teño dor, ela me saca algún sorriso na cara. É unha muller golosa e gústalle moito o chocolate, ¿e a quen non? Gústalle tanto, que cada día toma unha pastilla, di que para estar máis contenta, pero eu penso que é unha escusa para que non lle prohiba comelo. Gústame moito que estea ao meu lado porque así síntome segura. “Cando era pequechiña sempre esperaba a que miña nai me dera o bico de boas noites” Espero que elixan esta historia da miña nai, que ao principio foi un pouco triste, pero ao final saíu ben. Sei que teño moita sorte de coñecer a esta muller e aínda máis de tela como nai. ◘


Certame de relatos curtos ‘A muller máis importante da miña vida’

Finalista: Jorge Bermúdez

Piñeiro

Era unha mañá fría de inverno. Eu quíxenme levantar pero sentíame moi mal. Non tiña forzas para erguerme. Oía a voz de miña nai, como me chamaba para almorzar, pero eu non era capaz de contestarlle. Só recordo que miña nai díxome “canta febre tes fillo, non te movas, déixate aí”. Logo quedei durmido e empecei a soñar e a soñar cousas sen sentido, ata que empecei a lembrar o que a miña nai me contaba da súa avoa, é dicir, da miña bisavoa. Fai moitos anos, cando a xente andaba descalza e apenas había para comer, nunha aldea onde a miseria convivía coas persoas como algo normal, naceu unha nena fermosa e moi valente.

“Quedei durmido e empecei a soñar cousas sen sentido, ata que empecei a lembrar o que a miña nai me contaba da miña bisavoa”

Ós poucos días de nacer morreu a súa nai por problemas no parto. Isto era moi frecuente, pois tiñas que ter moita sorte e

non coller unha infección. Ese bebé, xunto con outro irmán que tiñan, fóronse criando co seu pai. Un día, seu pai decidiu ir a vivir con outra muller e aí empezaron os problemas, porque ela non quería criar a estes nenos e seu pai viuse na obriga de separalos.

“A miña bisavoa pensaba que as mulleres eran iguais que os homes, pero naquel tempo ter eses pensamentos era ser unha persoa rebelde”

Seu irmán foi a vivir cos avós paternos e a ela deixouna cunha tía que vivía soa noutra aldea. Con esta tía nunca pasou fame, pero tivo que traballar moito. Daquela tiña moitos deberes pero poucos dereitos, porque era tratada como unha escrava. O tempo pasou e ela fíxose unha muller adulta que non entendía moito a sociedade na que tiña que vivir. Súa tía ensináralle a facer todas as labores sen necesidade da axuda de ningún home. Por iso, ela pensaba que as mulleres eran iguais que os homes,

pero naquel tempo ter eses pensamentos era ser unha persoa rebelde. Isto causoulle moitos problemas e moitos enfrontamentos, porque naquel tempo o home estaba considerado moi superior á muller. Tivo que casar cun home do cal non estaba namorada, pero por xuntar terras fixéronlle o casamento. Aínda así, nunca abandonou a súa casa porque así ela non estaba baixo o mandato do seu home. El vivía polo día na súa casa e pola noite viña durmir na casa dela. Eran tempos moi difíciles, nos que apenas había para comer, pero ela traballaba as súas terras, criaba o seu gando e non dependía de ninguén para sobrevivir. “Non abandonou a súa casa porque así non estaba baixo o mandato do seu home. Nunca dependía de ninguén para sobrevivir.” Viviu os tempos da guerra, sufriu a marcha do seu home, pero aínda así nunca se derrubou. Cando a guerra pasou ela tivo tres fillos. Un deles


Certame de relatos curtos ‘A muller máis importante da miña vida’

morreulle cando era pequeno. Loitou moito coa enfermidade deste fillo, pero non foi posible porque naquel tempo a medicina estaba moi atrasada.

“Transmitiunos os seus pensamentos de xeración en xeración: loita pola túa igualdade”

Ela contábanos que sufrira moito porque tivera que criar aos seus fillos sen darlle o cariño dunha familia unida, porque o home e ela vivían en casas distintas. A miña bisavoa defendía os seus pensamentos e foi o que nos transmitiu de xeración en xeración: loita pola túa igualdade e polos teus pensamentos. Aínda que eu non vivín con ela lémbroa cada instante, por transmitirnos

eses pensamentos e esas ideas día a día. Grazas avoíña. “De repente espertei nunha cama que non era a miña, que me estaba pasando?”

De repente espertei. Estaba nunha cama que non era a miña, que me estaba pasando?. Non vía a ninguén e empecei a chamar por miña nai, logo por meu pai, pero de seguida apareceu unha muller que polo aspecto era unha enfermeira. Ela logo me puxo ao día do que me estaba acontecendo. Un pouco máis tarde apareceu un médico e díxome que xa pasara o peor, xa podía dicir que estaba curado. Eu non entendía nada, só me viña á cabeza o que

estivera soñando. Lembraba que viaxara moi lonxe no tempo, a unha época que non me gustaría que ninguén vivise, nin que ninguén sentise esa discriminación. Eu póñome triste cando lembro que nalgúns lugares do planeta vívense situacións moi similares e desexo que haxa mulleres que sigan loitando pola súa liberdade e igualdade, como o fixo a miña bisavoa. Nós témola sempre moi presente nos nosos sentimentos e pensamentos. Eu coas miñas forzas grito VIVA A LIBERDADE E A IGUALDADE DOS SERES HUMANOS! ◘

En posteriores números de ‘Mulleres Boiro’ publicaremos os restantes relatos finalistas do certame ‘A muller máis importante da miña vida’


Olga Núñez, licenciada en Psicoloxía e Máster en Sexoloxía, axúdanos a botar abaixo ideas preconcibidas sobre sexo. Segundo a súa opinión, concibimos a sexualidade cunha óptica ‘xenitalizada’ e ‘coitocéntrica’. Explorar todas as posibilidades que nos ofrece o noso corpo, sen medo nin censuras, pode abrir a nosa experiencia sexual a un mundo de posibilidades. Na variedade está o gusto. Loli Gª Tarela / Boiro

Anticonceptivos MULLERES BOIRO: Que tipos existen de DIU? Poden influír as alteracións do peso na súa fiabilidade? OLGA NÚÑEZ: Existe un DIU que libera hormonas e outro de cobre que non é hormonal. O Dispositivo Intrauterino debe colocalo o xinecólogo, e funciona da seguinte maneira: ao alterar o estado interno do útero, aínda que o óvulo sexa fecundado non terá opción de saír adiante, xa que non pode pegarse ás paredes. As alteracións moi bruscas de peso fan perigar a fiabilidade do DIU. Tamén poden influír os medicamentos que alteran as hormonas e certas doenzas, coma tumores no útero ou nos ovarios, malformacións e embarazos ectópicos. Ademais das revisións anuais no xinecólogo, a usuaria debe comprobar mensualmente que está ben situado, introducindo os dedos na vaxina e verificando que os dous fíos que saen polo cérvix non se moveron. De todas formas o DIU, ao igual que o resto de métodos anticonceptivos, deben ser recomendados polo médico, non por amigos ou coñecidos. MB: En que consiste o anel vaxinal? ON: É un método anticonceptivo hormonal. Trátase dun anel de plástico que se introduce na vaxina. Ten unha importante vantaxe respecto á píldora anticonceptiva, posto que a pastilla ten que pasar polo fígado, algo que non é necesario co anel vaxinal. Polo tanto, as posibles consecuencias para a saúde son menores. O diámetro do anel é o mesmo para tódalas mulleres. Debe introducirse de maneira que non resulte incómodo. Se aparecen molestias, pode deberse a que tes que introducilo máis fondo. Tamén pode moverse por unha masturbación,

A psicóloga e sexóloga Olga Núñez aconsella non guiarse por amigos ou coñecidos para utilizar un método anticonceptivo, senón atender sempre ás recomendacións do xinecólog@ / Fotografía: Sara Outeiral

por exemplo, pero mentres non moleste nin doa non hai motivos para preocuparse. O anel colócase durante tres semanas e retírase para a menstruación. Cada mes utilízase un anel vaxinal novo. Non entra pola Seguridade Social é ten un custo duns trece euros. MB: Que fiabilidade ten o novo aparato dixital, anunciado en televisión, que indica os días nos que se poden ter relacións sexuais e os días que non? ON: Este método baséase no seguimento do ciclo menstrual. Trátase dunha aplicación informática de técnicas que existían hai tempo: os métodos naturais, coma o de Ogino ou o da temperatura basal. A aplicación ten en conta un ciclo menstrual „ideal‟ de 28 días, algo que non temos todas as mulleres. A partir do primeiro día da menstruación cóntanse catorce días, que é cando se produce a ovulación. Tendo en conta que os espermatozoides sobreviven 24 horas na vaxina, e que o óvulo ten unha duración de vida de 48 horas, debemos considerar os tres días anteriores e os dous posteriores á ovulación coma o período de máxima fertilidade da muller. Fóra deses días considérase que non existe risco de embarazo. Pero o corpo da muller non funciona como unha máquina: pode producirse unha ovulación espontánea fóra deses días fértiles. En definitiva, a fiabilidade deste aparello


depende, ao igual que a do resto dos anticonceptivos, dun rigoroso seguimento das instruccións. MB: Por que os homes lle teñen pánico á vasectomía? É irreversible? ON: En primeiro termo, por incertidume, por descoñecemento. E ao non saber o que é, prodúcense falsos mitos, como pensar que lles vai repercutir na erección e na exaculación, ou mesmo no pracer. Son estas falsas ideas as que lles fan ter medo, pero o certo é que un home, despois de pasar por esta intervención, pode ter unha relación sexual plena e satisfactoria. Este procedemento agora pode ser reversible, pero non está garantido ao 100%. Pola contra, a ligadura de trompas é irreversible. MB: Pode influír anticonceptiva na sexual?

a toma ausencia

da de

píldora desexo

ON: É algo que se escoita moitas veces, pero a realidade é que pode influír nun grao moi, moi pequeno, practicamente imperceptible, xa que o nivel de hormonas que libera é moi baixo. O noso desexo sexual é principalmente un proceso psicolóxico, non depende dun estado físico. E no plano mental hai moitas cousas que poden afectar ao desexo sexual, como as preocupacións, o estres, o cansazo... MB: Que tipos de anticonceptivos, descoñecidos pola maioría da xente, lle gustaría destacar? ON: En primeiro termo quero mencionar a píldora masculina, malia que aínda xera moita desconfianza, xa que polo xeral a muller aínda non se fía de que a súa parella recorde tomala tódolos días.

Hixiene, enfermidades e disfuncións MB: É certo que as compresas e os tampóns emiten sustancias tóxicas para a muller? ON: Resulta nocivo ter colocada unha compresa ou un tampón máis de oito horas, xa que o fluxo contido altera a flora vaxinal. Se isto se fai máis veces pode chegar a provocar o chamado Síndrome de Shock Tóxico ou a aparición de fungos. E se unha muller ten fungos, xa é propensa a telos máis veces ao longo da súa vida. Por esta razón, o recomendable é cambiar con maior frecuencia a compresa ou o tampón. A hixiene é moi importante tamén. Na zona xenital debemos utilizar un xabón cun PH inferior ao neutro (5.5) que utilizamos para o resto do corpo. MB: Que é a copa menstrual? Como funciona e como hai que esterilizala? ON: A copa menstrual, coñecida baixo o nome comercial de Mooncup, é un vaso de silicona que sirve para recoller o fluxo da menstruación. Custa arredor dos trinta euros e pódese utilizar uns quince anos. Basicamente é coma un tampón, coa diferenza de que non é desbotable. Debemos introducir a copa na vaxina durante a regra. O tempo que debe estar colocada varía coa cantidade de fluxo, pero o óptimo son catro horas. Se a copa ten perdas pode ser porque está chea e hai que baleirala, ou porque está mal colocada, algo moi frecuente as primeiras veces que se utiliza. En canto á hixiene, cada vez que se baleira e tamén cando remata a menstruación hai que lavala só con auga. De vez en cando tamén hai que darlle unha fervedura para esterilizala.

Tamén se está xeralizando o uso do parche, un anticonceptivo hormonal que se cambia de sitio cada semana. Utilízanse tres parches por ciclo – un por semana- e descánsase unha semana para a menstruación. Tamén temos os implantes, que se colocan no brazo a través dunha incisión e teñen unha duración de entre tres e cinco anos. Se non te decides polos implantes podes recorrer aos inxectables, que se cambian cada tres meses. A copa menstrual, comparada con diferentes tamaños de tampóns


Olga Núñez explicou ás asistentes ao obradoiro Mulleres Boiro os novos avances en anticonceptivos, métodos innovadores para que a menstruación nos resulte máis cómoda, e mesmo como educar aos nenos en sexualidade. / Fotografía: Sara Outeiral

MB: Como é o tratamento dos fungos? ON: Se o médico nos da pastillas non podemos esquecernos de pedirlle tratamento para a nosa parella, xa que son contaxiosos. Ademais, os homes non toman a mesma píldora que as mulleres. Nos homes os fungos son moi perigosos, xa que a miúdo non experimentan síntomas e, co tempo, poden chegar a ser crónicos e irreversibles. MB: A diabetes pode influír no apetito sexual? E a idade? ON: A diabetes e a hipertensión adoitan dar problemas dese tipo, non por causa da enfermidade en si, senón polos medicamentos que se utilizan para paliala. En canto á idade, non se ten que perder o apetito sexual en toda a vida, pero si se nota certo descenso, porque a forma de ver a sexualidade tamén varía co paso dos anos. É máis evidente nos homes, porque as ereccións son diferentes. Tamén se nota na muller coa menopausa, sobre todo se foi educada nun fogar no que se vía a sexualidade como reproducción. Pero tamén hai mulleres que a partires dos 40 experimentan o seu período cúlmen sexual. MB: Unha muller que tivo unha histerectomía ten a mesma excitación sexual ou pode chegar a experimentar dor durante o coito? Se a paciente foi operada sendo aínda fértil, seguirá ovulando? ON: Pode ter problemas de lubricación, por exemplo. A nivel de desexo vai experimentar moitas cousas, pero teñen máis que ver coa educación que recibiu ao longo da súa vida. Pode estar nalgúns casos marcada por falsos mitos, e chegar a pensar que por ser estéril é

menos muller. Neste senso, referirse á histerectomía con termos como „baleirada‟ poden xerar traumas. En canto á ovulación, seguirá producíndose, pero o óvulo será reabsorbido polo corpo ao final do ciclo. MB: Que outras enfermidades de transmisión sexual debemos ter en conta ademais do SIDA? Hai algunha que sexa incurable? ON: Hai moitísimas enfermidades de transmisión sexual (ETS), como a sífilis, a clamidia, a gonorrea... Por iso é moi importante a utilización do preservativo. O virus do papiloma humano é incurable, pero existe unha vacina para as rapazas que aínda non tiveron a súa primeira relación sexual. MB: Por que algúns exaculación precoz?

homes

sofren

ON: En realidade non é o home o que ten a exaculación precoz. É un problema da parella. Moitas veces escoitamos que o home ten unha exaculación precoz, pero ao mellor é a parella a que tarda moito en ter un orgasmo. En cambio, se a parella ten orgasmos antes ca el, onde está o problema? Isto dificulta moito definir que é a exaculación precoz: non se pode determinar por tempo nin por empuxes, porque moitos casos escapan desta definición. Chegouse á conclusión de que é un trastorno que che fai exacular antes do que ti queres. De todas formas, para enfrontarse a este problema habería que comprobar as causas. É dicir, se a exaculación precoz é de tipo primario –existe desde sempre- ou secundario –houbo un detonante-. O tipo primario adoita aparecer en persoas que viviron en ambientes con restriccións sexuais: rapaces que non tiveron


habitación propia ou que tiñan que masturbarse con urxencia para non ser descubertos. A secundaria xorde pola presión que experimenta o home para que a muller chegue ao orgasmo. Esta actitude ten que cambiar: a muller ten que facerse responsable do seu propio pracer. MB: Que técnicas recomenda para retardar a exaculación? ON: Nas terapias de parella facilítanse posturas. Recomendamos que o home coloque os pés cara dentro cando el está arriba, para non facilitar o empuxe e, en consecuencia, a urxencia exaculatoria. Tamén se lle ensina a recoñecer as sensacións que se producen no seu corpo antes do orgasmo, isto é, a fase de non retorno –na que terá que exacular de todas formas- e as fases previas. Tamén funciona o control da respiración e as técnicas de presión no glande, no perineo e na base do pene. Hai que ter coidado coa presión do perineo, xa que o home pode chegar a perder a erección. Educación MB: Cales son as fases sexuais? ON: A resposta sexual pasa polas fases de desexo, excitación, meseta, orgasmo e resolución. O desexo é o desencadeante de todo. É un mecanismo psicolóxico, mentres que o resto de fases son fisiolóxicas. Tra-la fase de desexo chega a excitación, que se identifica pola erección no home e a lubricación na muller, o rubor sexual, etc.

Chegamos entón á fase de meseta, que pode ser máis longa ou curta dependendo da parella coa que esteamos, o noso propio ritmo... Despois prodúcese o orgasmo, o momento de pracer máximo, e finalmente a resolución. Nos homes a resolución produce un período refractario, no que non haber unha nova erección nin unha exaculación. A duración deste período depende do estado de saúde e da idade: os homes novos poden tardar uns minutos en recuperar a erección, pero ás persoas maiores lévalles horas ou incluso días. As mulleres, pola contra, podemos ter varios orgasmos seguidos, o que se coñece como multiorgasmo, dependendo da estimulación que se aplicara antes. MB: A que idade se educan os nenos na sexualidade? ON: Os nenos experimentan a sexualidade xa no ventre materno, polo que resulta lóxico educalos nesta materia desde que nacen. Nos nenos observamos como se empezan a tocar, coma un principio da masturbación. Non podemos ver estas experiencias como algo restrictivo, como un pecado. Desaconsello utilizar expresións como “iso non se fai, cochin@”, porque pode ser traumatizante. É preferible ensinarlle aos nosos fillos que ese tipo de condutas hai que realizalas en privado. Tamén hai que conciencialos de que estes xogos conlevan os seus riscos e que non crean todo o que len en Internet, por exemplo. Pero en xeral, a masturbación é beneficiosa, xa que favorece o crecemento sexual e libera estres. MB: A que idade lle recomendas a unha adolescente tomar a píldora? ON: Nunca lle recomendaría a unha adolescente tomar a píldora anticonceptiva. Na adolescencia existe fundamentalmente o medo ao embarazo, pero non o medo ás enfermidades de transmisión sexual ou ETS. Para esas idades só recomendo o preservativo, porque a promiscuidade está máis latente. MB: Como se lle pode explicar a un fillo como se pon un preservativo? ON: Primeiro e ante todo, se os nosos fillos nos plantexan unha dúbida que non sabemos responder, teremos que asesorarnos para poder explicarlles as cousas como son en realidade. De feito, non é difícil aprender a utilizar un preservativo. Hai que soprar e desenrosca-lo

Fonte: Elaboración propia


condón enriba do pene apertando a punta, coidando que non quede aire no glande. Ademais, hai que revisar a caducidade, ter coidado ao abrilo –non debemos utilizar os dentes nin tesoiras- e o lugar onde o gardamos. Non é recomendable telos na carteira nin na guantera do coche, senón nun lugar freso e seco, coma por exemplo dentro dun caixón. Prácticas sexuais MB: Por que aos homes lles atrae o sexo anal? ON: Isto débese a que hai que acceder a través do ano para chegar ao punto P. Se ao home se lle aplica presión na próstata –de aquí ven o punto P- o orgasmo e a exaculación chegan a ser moi abundantes. Porén, moitos homes teñen medo a que esta práctica lles guste, porque pensan nun estereotipo relacionado coa homosexualidade. Pero heterosexualidade, homosexualidade e bisexualidade non son compartimentos estancos. Son un continuo, de forma que se un heterosexual ten unha experiencia con alguén do seu mesmo sexo, non implica un cambio de orientación. MB: En canto ao punto G, provoca o orgasmo en tódalas mulleres? ON: O punto G está na cara anterior da vaxina, a uns cinco centímetros da entrada. Cando comezamos a estimular esta zona con suaves movementos en círculo, atopamos unha especie de boliña que vai crecendo e facéndose máis redonda. Non tódalas mulleres o teñen, nin a todas lles gusta a súa estimulación. Menos coñecido é o punto A, tamén denominado cul-de-sac. É unha zona situada no fondo da vaxina, que se estimula cun movemento circular ou de arriba a abaixo. Adoita estar máis accesible en mulleres que tiveron fillos. Incidindo nesta zona obtense unha lubricación extra. MB: Que xogos recomenda sen chegar á penetración? ON: É importante incidir nos xogos sen penetración, xa que tendemos a considerar a sexualidade baixo unha óptica reproductiva, xenitalizada e coitocéntrica. A sexualidade é moitísimo máis, e desta carencia veñen tódolos problemas, coma por exemplo ridiculizar a exaculación durante os preliminares. Hai moito

máis mundo, como as prácticas sen penetración, coñecidas como peeting. O corpo está cheo de zonas eróxenas e a principal non está entre as pernas: está no cerebro. Mentres que a estimulación do home é máis visual, a da muller é sonora e táctil, así como máis imaxinativa. É importante a variedade, xa que non sempre queremos o mesmo e da mesma forma. O que nos apeteza en cada momento depende de todo o que pasa antes, durante e despois da relación sexual. Por exemplo, restrinxindo o sentido da vista cunha venda, podemos potenciar os outros sentidos. MB: Por que os homes fantasean coas orxías e os tríos? ON: Que os homes teñan esa fantasía non significa que queiran facela realidade. Moitos pensan que pode perderse o valor excitante, ou que nunca serían capaces de levala a cabo. As fantasías alimentan o desexo, polo que todo está permitido. MB: Como unha persoa se pode estimular a través da dor? ON: Estas prácticas reciben o nome de parafilias, antes chamadas desviacións sexuais. Ata hai uns trinta anos o cunnilingus e a felación eran consideradas desviacións. Todos temos certa parafilia, porque a todos nos gusta de vez en cando vernos no espello, facer o amor con zapatos de tacón ou que nalgún momento nos digan unha palabra forte. As parafilias son consideradas como trastornos mentais cando se converten en obxecto único de desexo, é dicir, cando non permiten que te excites doutra forma. Pero se non conleva ningún problema psicolóxico e a túa parella o acepta, quen pode dicir que é algo que non é normal? ◘

FE DE ERRATAS Cristina León, entrevistada no nº 1 de Mulleres Boiro, non pertence á categoría profesional dos xerocultores. Tampouco é tarefa dos traballadores sociais prestar apoio psicolóxico aos pacientes de Alzheimer.


A palabra tabú designa unha conduta ou costume prohibido pola sociedade, grupo humano ou relixión, por motivos relixiosos, económicos, políticos, sociais ou culturais. Romper un tabú e considerado como unha falta imperdoable pola sociedade que o impón. Algúns tabús son, en efecto, delictos castigados pola Lei. Aínda a día de hoxe as persoas ven o sexo como algo escandaloso ou antinatural ,cando non hai nada máis natural que iso. Precisamente da existencia de tabús para falar de sexo vén o descoñecemento. Moitas persoas confunden o sexo coa penetración, cando as prácticas sexuais abarcan moito máis: un bico apaixonante ou unha doce caricia tamén son sexo. Contamos coa colaboración da psicóloga e sexóloga Martina González Veiga, dona do centro de sexoloxía Con mucho gusto! sito en Santiago de Compostela, para botar abaixo falsos mitos. Celia Herbón / Boiro Posturas e prácticas sexuais Existen diferentes prácticas sexuais, algunhas orixinais ou peculiares, que chaman a atención do ser humano e, o máis importante, axudan na súa excitación. Aquí van algunhas das máis curiosas. Voyeurismo: Baséase na contemplación de persoas practicando algunha actividade sexual ou simplemente persoas denudas sen ser visto. Dogging: Esta práctica consiste en ter sexo ao aire libre. Quinunolagnia: Excitación ante unha situación de perigo. Pungofilia: Excitación ao ser pinchado. Latronudia: Excitación ao denudarse diante do médico, facéndose pasar por enfermo. Hierofilia: Excitación polas cruces. Así como hai moitas prácticas sexuais, tamén hai un gran número de posturas que a maior parte da xente adoita coñecer, aínda que se soe recorrer ás máis

pracenteiras e cómodas. A preferencia de moitos homes polas posturas nas que eles están enriba suscita o noso primeiro interrogante. “Posiblemente débese a que neste tipo de posturas o home ten máis liberdade e control sobre os movementos, e así resúltalle máis fácil marcar o ritmo que lle resulte máis pracenteiro”, sinala a sexóloga Martina González. Con todo, recoñece que este tipo de posturas non teñen que ser sempre as preferidas polo xénero masculino: “existen tantas maneiras de vivir a sexualidade como persoas”. Outra práctica que acende o interese dos homes é o sexo anal. No tocante ao sexo anal practicado por un home a unha muller, Martina González responde que “hai un punto de morbo, tal vez en parte influenciado polo cine porno. É certo que a presión sobre o pene é maior, o cal pode resultar pracenteiro”. Pero que o home sexa o que reciba a estimulación a través do ano tamén resulta extremadamente pracenteiro: “os homes contan co punto P, chamado así porque se estimula a próstata, unha zona altamente eróxena que pode provocar orgasmos moi intensos e que se atopa a

Eliminar tabús é un paso indispensable para vivir unha sexualidade plena / Fotografía: Getty Images

uns 4 centímetros da entrada do ano”. Xoguetes eróticos Durante moitos anos o papel das mulleres reducíase a meros obxectos sexuais. Resultaba impensable que unha muller tomara parte activa no sexo. Moito menos na busca do seu propio pracer, asumido en ocasións cun irracional sentimento de culpa. Deixando atrás tabús e prexuízos, poderemos coñecer un mundo marabilloso que nos permitirá gozar de nós mesm@s ou en parella. Estámonos referindo ao extenso mundo da xoguetería erótica. Martina González sinala que son as mulleres as que máis adoitan mercar este tipo de accesorios: “as mulleres comezan a reivindicar o seu pracer, queren gozar,


Introducir novos estímulos no dormitorio pode ser unha maneira moi eficaz para combater a rutina en parellas de longa duración

coñecerse e saber”. O sector erótico, consciente desta demanda crecente, orienta cada vez máis os seus produtos e, sobre todo, a forma de presentalos, ao sector feminino. “En lugar dos sexshops agora proliferan as tendas eróticas, onde os xoguetes exhíbense con naturalidade e as mulleres séntense máis cómodas”, recoñece a sexóloga. Ser solteir@ ou ter parella tamén condiciona o que busca o usuario. Artigos de cosmética erótica como aceites de masaxe, pinturas corporais ou accesorios como vendas, esposas ou plumas están concibidos para o disfrute en parella. En moitos casos, os homes que viven en parella non lle regalan ás súas compañeiras vibradores con forma fálica, xa que os ven como unha especie de „competencia’ no dormitorio, decatándose polos masaxeadores e vibradores con formas menos explícitas. Outro éxito de ventas constitúeno os ovos masturbadores, concibidos para o disfrute en solitario do home. Nembargante, “os novos formatos dos masturbadores masculinos

pretenden xogos de plantexan diferentes sinala.

incorporarse aos parella, xa que outras prácticas á penetración”,

Para relacións de larga duración, é recomendable introducir novos estímulos na nosa relación de parella. Neste senso, os xogos e xoguetes eróticos conseguen combater a rutina e manter o desexo. O feito de plantexarnos introducir os xoguetes sexuais na parella depende moito da comunicación. Martina González recomenda organizar un tuppersex ou acudir a unha tenda erótica especializada: “pode ser esta unha maneira lúdica para sacar o tema e á vez aprender e informarse”, explica. As bólas chinas Xeran unha estimulación do rego sanguíneo, factor que facilita a tonicidade muscular. Entón, non son soamente un xoguete sexual, senón que tamén proporcionan innumerables beneficios para a nosa saúde. Son un método sinxelo e económico para fortalecer o solo pélvico, é dicir, a musculatura que exerce de sostén ao útero, a vexiga e o recto. Desta

forma, “son unha boa ferramenta para previr a incontinencia urinaria, a incontinencia fecal e de gases e o prolapso. O seu uso antes do embarazo facilita o parto, e tras dar a luz axudan a recuperar o ton muscular. Ademais, favorecen a lubricación e unhas relacións sexuais máis pracenteiras”, revélanos a sexóloga. Sen dúbida, a sexualidade e a saúde están intimamente relacionados: “a satisfacción sexual repercute positivamente na nosa saúde, tanto física como mental”, recoñece Martina González. Afrodisíacos A palabra afrodisíaco provén da cultura grega, da deusa do amor, Afrodita. Tamén coñecida como Venus na cultura romana e como Isis na exipcia, representaba valores como a fertilidade, a fecundidade, o amor, ou a sensualidade. Os seus símbolos son, entre outros, a cuncha, a pomba ou o cisne. Podemos entender como afrodisíaco calquera sustancia, obxecto ou sensación que estimula ou aumenta o desexo sexual, a potencia e tempo no desenvolvemento das prácticas sexuais, ou incluso a sensibilidade durante as mesmas. Realmente, a maioría dos afrodisíacos actúan pola suxestión psicolóxica. Neste caso Martina González sinala que “os mellores afrodisíacos somos nós mesm@s”, e que a clave afrodisíaca está en potenciar a intimidade, as actividades que impliquen


emocións positivas e que nos acerquen á nosa parella. Dependendo das crenzas e tradicións de cada cultura, no pasado pensábase que certos alimentos e plantas eran afrodisíacos. Na nosa cultura, a maior parte das froitas son consideradas afrodisíacas, coma o plátano, os figos, o tomate, a sandía, a fresa ou a framboesa. Á cebola, espárragos, rúcula, mandrágora e aos fungos tamén se lles presupoñen este tipo de propiedades. Máis coñecido é o chocolate ou certas bebidas alcohólicas. Certos condimentos, como a canela, a noz moscada, o anís, a vainilla, o xenxibre e a pementa, teñen estas atribucións estimulantes. Menos coñecidos son a maca andina, o ginseng e a soia. A sexóloga sinala que “calquera alimento, aroma, textura ou son que estimule os nosos sentidos e nos resulte erótico pode ser un afrodisíaco”, pero advirte que “non existe ningunha sustancia milagreira, e se así fose probablemente perdería a graza”. Por outra banda, existen actualmente moitas fragrancias que conteñen feromonas, que aseguran que a persoa que nos ula non poderá resistir o seu poder de atracción. Hai que ter en conta que este tipo de

sustancias inflúen no comportamento dos animais, “pero non existe ningún estudo que demostre que esto é así nos seres humanos”, sinala a sexóloga. “A capacidade de atracción ten máis que ver con cuestións como a seguridade, a autoestima e a actitude positiva”. Neste senso, este tipo de perfumes poden axudar a darnos unha sensación de seguridade en nós mesm@s. Sexo cos 5 sentidos Gusto: Non é un dos principais sentidos con respecto ao estímulo sexual, pero utilizar alimentos sobre algunhas partes do corpo pode contribuír a unha maior excitación para algunhas persoas. Olfacto: Ás veces é tan determinante que pode excitar ou inhibir a resposta sexual dependendo de se o olor do noso amante ou do entorno nos resulta agradable ou non. Vista: Trátase dun sentido que inflúe de maneira decisiva na excitación sexual. Por exemplo, gústanos ver á nosa parella con roupa que nos resulta atractiva, contemplar a súa desnudez ou incluso ver como se quita a roupa. Ademais, as imaxes eróticas ou pornográficas poden producir unha excitación de forma rápida.

Tacto: É o sentido que produce efectos máis directos na excitación, xa que a nosa pel permítenos sentir temperatura, presión ou dor. Un bo masaxe ou os bicos e agarimos, ademais de incluír unha práctica tan íntima como o corpo a corpo, producen fontes inesgotables de pracer. Oído: Ten moita influencia na excitación sexual. Normalmente, os sons que proveñen da parella, xa sexan susurros, indicacións de pracer ou xemidos, producen un aumento notable da excitación na parella. A moitas persoas estimúlalles a linguaxe „sucia‟ (utilizar palabras malsoantes ou unha linguaxe vulgar). Tamén a música pode ser estimulante: certas melodías ou cancións producen efectos eróticos nalgunhas persoas. Para a estimulación dalgúns dos sentidos hai tintas comestibles para escribir no corpo. Estas tintas poden utilizarse para espertar o gusto e o tacto, ao botalas no corpo da parella. Martina González sinala que as que máis éxito teñen son os packs de pinturas de chocolate que incorporan un pincel para debuxar sobre o corpo. “Un xogo interesante pode ser vendar os ollos e tratar de adiviñar que é o que a túa parella debuxa ou escribe”, recoméndanos. ◘


As compañeiras Carmen Buceta e María Santos explícannos, desde ópticas diferentes, o que significa ser avoa. Mentres Carmen incide na forza que tiñan as mulleres de antano, María cóntanos como a relación coa súa neta enche a súa vida. Carmen Buceta / Boiro

Recordo a unha avoa que traballaba de sol a sol. Eu ollaba tódolos días para ela, tratando de aprender da súa forza e determinación. Traballaba na terra, en casas alleas, e tamén era redeira. Aprendeu por si soa e fíxose a si mesma. A miña avoa non tiña título ningún. Hoxe en día resulta imposible traballar en funcións tan dispares. Por que, vos preguntaredes? Pode ser que as mulleres de antes tiveran unha forza coa que as novas xeracións non contamos? Non ten nada que ver con iso. A determinación das mulleres de agora é tan forte precisamente polos bos referentes cos que crecemos. A resposta, en realidade, é ben sinxela.

Hai unhas semanas fun a unha entrevista de traballo para un posto de limpadora. A entrevistadora ollou o meu currículum con certo escepticismo, e sen prácticamente levantar a vista do papel, díxome que non tiña experiencia no traballo que pretendía solicitar. Nese preciso momento, pensei para min que se unha ama de casa non está capacitada para limpar unha oficina, ou as aulas dun colexio, realmente quen o está? Teremos pois que estudar un „Máster de Limpeza‟ para poder utilizar unha vasoira? Á miña avoa, esa muller que aprendeu por si soa e que se fixo a si mesma, non lle fixo falta. ◘

María Santos / Boiro

Teño unha neta pequeniña coa que me encanta estar. A miña relación con ela é moi boa. Respectámonos mutuamente e ela é unha nena moi doce. Como se adoita dicir, é un „primor‟ de nena. Gústame facer cousas por ela. Por exemplo, ás veces lévoa ao colexio, e cando vou de volta para buscala lévoa ao parque. Fágolle o almorzo e a comida, doulle de cear e ás veces durmimos xuntas. Síntome moi unida a ela, Por iso, cando marcha os fins de semana para visitar aos seus outros avós, é moi fácil botala de menos. ◘

As institucións, gobernantes, ou quen queira coller esta „pataca quente‟, non fan máis que poñerlle obstáculos á señora pobreza. Parece ser que a doenza que nos aqueixa chámase „Titulitis‟, pois doutra maneira non che dan cabida no mundo laboral. Dito dunha maneira máis directa: „es un ninguén‟.

As avoas encarnan a imaxe de muller todoterreo, unha xeración feita a si mesma e con innumerables tarefas no agro, na casa e fóra dela / Fotografía: Arquivo

Olláparo


Continuamos un número máis ofrecéndovos receitas fáciles e económicas, nas que toda a familia pode colaborar. A pizza é un prato doado de facer e que sempre adoita gustar. Os nenos poden participar de maneira activa na súa elaboración. Unha boa idea sería animalos a deseñar estas minipizzas coas formas que eles gusten. Carmen Buceta / Boiro

Ingredientes Pan cortado ou pan de molde Ketchup ou salsa de tomate Xamón cocido ou calquera outro embutido que guste Unha bolsa de 4 queixos raiado Cogomelos Orégano

Esta receita resulta moi útil para aproveitar ingredientes que teñamos xa na casa.

Elaboración 1

Temos que tostar o pan no torrador –se non dispoñemos del podemos dourar uns minutos o pan no forno-, para que adquira certa consistencia.

2

Estendemos a salsa de tomate enriba de cada tostada e seguidamente engadimos o queixo raiado. No mercado existe unha gran variedade de queixos para pizzas, que derreten moi ben. A continuación engadimos o embutido que teñamos na casa –tamén podemos utilizar salchichas ou bacon-. Engadimos os cogumelos, que ben poden ser de lata, e un pouco de orégano picado.

3

Introducimos as pizzas no forno precalentado previamente, ata que o queixo se derreta. Nese momento as minipizzas estarán listas. ◘

Non só a cociña é unha arte. Preparar un cóctel require de moita experiencia previa, de probas de ensaio e erro, ata chegar á fórmula perfecta. Desde Mulleres Boiro animámosvos a descubrir cousas novas. Inés España / Boiro

Ingredientes Ron branco ou dourado (neste último caso, mellor Negrita) Azucre moreno 1 rama de menta Xeo picado 1 lima

Elaboración 1

Nun vaso de ancho poñemos a menta e o xugo da metade da lima. Coa axuda dun pao de morteiro picamos os ingredientes.

2

Engadimos a outra metade da lima cortada en dous cachos e xeo picado. En último lugar engadimos o azucre e o ron ao gusto.

3

Removemos suavemente para que os sabores se mesturen. Servimos con dúas palliñas e unha folla de menta. ◘


Por qué atopamos en nós mesmas a nosa peor inimiga? Non confiar nas nosas posibilidades e desvirtuar a propia imaxe é un mal que nos atinxe a moitas mulleres. Unha actitude que só conseguirá perpetuar vellos estereotipos e crenzas propias de ignorantes, como que a beleza só está na delgadeza ou na xuventude, ou que as ideas dunha muller valen menos que as dun home. O segredo da felicidade é aceptarnos tal como somos. É de xustiza. Norma Pereiro / Boiro

1

Comezar a valorarnos: Debemos intentar cada día repetirnos, malia que nos custe e non o creamos de momento, frases que aumenten o noso ánimo. Dicirnos a nós mesmas “eu podo”, “son importante”, “merezo outra oportunidade” ou “podo facelo” son só o primeiro paso para recuperar a propia estima.

2

Mirarnos ao espello: Refírome non simplemente ao feito de poñernos fronte ao espello. Temos que mirarnos tal e como somos, indo máis alá do plano físico. A nosa beleza non se basea unicamente no que vemos no espello, senón no que podemos aportar desde o noso interior. Non somos soamente unha imaxe e, malia que resulte difícil, temos que atrevermos a coñecernos a nós mesmas.

3

Aprender a querernos: Moitas veces pecamos de autocrítica. Parece que para nós mesmas só atopamos malas palabras, como “son fea”, “estou gorda”, “teño demasiadas engurras” ou incluso o típico “ningunha prenda me senta ben”. Debemos facer todo o contrario, mimarnos, coidarnos e mesmo repetirnos “son atractiva” ou “teño bo tipo”. Pode soar a broma, porque é moi probable que non creamos estes cumpridos, pero pola miña experiencia persoal asegúrovos que esta é a actitude adecuada. Cambia o teu look e coida a túa imaxe persoal. Aínda que en moitas ocasións non che apeteza, este é o comezo.

4

Aceptarnos tal como somos, para que tamén nos acepten os demais: Somos as nosas peores inimigas. Ademais da autocrítica da que falabamos no anterior punto, adoitamos pensar que non merecemos pedirlle nada á vida. Temos que romper con este círculo dunha vez por todas porque, se non nos queremos a nós mesmas, como esperamos que nos valoren os demais? Cantas veces espantamos aos demais por culpa da nosa actitude negativa? Proba a aceptarte tal e como es, cos teus defectos –que non son tan grandes como pensas- e as túas virtudes –que deberías potenciar e valorar-. Verás como comeza a aumentar a aceptación dos demais cara a ti a medida que ti aprendes a verte tal como es.

5

Chegar a comprender que non valemos menos que os demais: Cústanos moito chegar a entender esta idea, porque moitas veces é a propia sociedade a que nos sitúa un paso por detrás: por ser muller, por ser ama de casa, por non ter certo status social... As razóns poden ser moitas, pero ningunha é válida. Dentro de ti agóchase unha triunfadora e se ti tes a determinación, podes lograr o que queiras, asegúrocho.


6

Botar fóra o negativo: Malia que teñamos defectos, temos que cambiar a nosa actitude respecto a todo o que se refire a nós mesmas e ao noso físico. Podemos superar os nosos defectos, convéncete. O que nunca debemos deixar é que os nosos defectos nos superen. Propoño cambiar algo negativo por algo positivo, intentando sempre avanzar. Se algo non se nos da ben, por que non intentar aprender a facelo mellor?

7

Repetirnos as frases “eu podo”, “eu quero estar ben”: En máis dunha ocasión sentinme triste, baleira e verdadeiramente insatisfeita comigo mesma, ata que un día recoñecín que merecía estar ben e ser feliz. Non só porque pensaba que o merecía, senón porque realmente quería, necesitaba estar ben. Hai que propoñerse este obxectivo, só así poderás acadalo. Sei que non é doado, pero tes que superar a batalla que estás labrando contra ti mesma. Atréveste a intentalo?

8

Cambiar a nosa maneira de vernos e a nosa forma de pensar: Este é un paso máis respecto aos puntos anteriores. Vernos con outros ollos, ser positivas e recuperar as ganas de vivir son parte indispensable dun camiño moi complicado: o noso coñecemento persoal.

9

Non permitirnos a nós mesmas, nin permitir a ninguén que nos desvalorice: Debemos ter determinación cando se trata de defender o noso. Primeiramente, temos que comprender que se non queremos que nos pisen, non nos pisemos nós mesmas. Podemos conseguir o que queiramos e podemos enfrontarnos ao que sexa. Se consegues verte segura de ti mesma, a ver quen se atreve contigo...

10 Saír á rúa con seguridade, coméndonos o mundo: Este punto é billete cara a túa nova vida. Implica deixar marchar a esa muller insegura, desvalorizada e que non cría en si mesma nin nas súas posibilidades. Significa deixar aflorar a unha muller forte, segura e atrevida, coa mirada firme e que non agocha a cabeza. Esa muller que sempre estivo dentro de ti. ◘

Ti podes ser o que desexes!

Está na nosa man poder facernos valer ante os demais. Deixarnos guiar pola corrente e asumir un ideal de beleza irreal só pode levarnos á frustración. Os nosos defectos e virtudes fannos únicas. Por outra banda, as mulleres non somos simples manequíns. Poñer en valor as nosas ideas é unha tarefa difícil, pero imposible de eludir se queremos seguir o camiño da nosa propia aceptación. Fotografía: Creative Commons

No vindeiro número de Mulleres Boiro reflexionaremos sobre as chamadas „dietas milagre‟ e os problemas de imaxe na adolescencia


Para os interesados noutras linguas e culturas, o obradoiro Aula Linguas Vivas dispón de profesores de nivel nativo en inglés, francés e alemán, así como castelán e galego para estranxeiros. Infórmate no Centro Social de Boiro!


Concello de Boiro Plaza de Galicia s/n 15930 Boiro (A Coru単a) www.boiro.org

Mulleres Boiro  

Revista mensual sobre as mulleres de boiro

Read more
Read more
Similar to
Popular now
Just for you