Fernando Botero, pintor e escultor, é un dos artistas vivos máis importantes da nosa época. Botero naceu en Medellín, Colombia, en 1932. O seu pai era vendedor de mercadorías e percorría as montañas da súa terra levando os seus produtos de pobo en pobo a lombo de mula. Cando Fernando e os seus irmáns eran só uns nenos, o seu pai faleceu, polo que a súa nai tivo moitas dificultades económicas para darlles educación. Fernando comezou a debuxar desde moi novo e os seus primeiros temas foron as corridas de touros, ás que asistía cun tío. Botero pintaba acuarelas de temas taurinos e vendíaas nas portas da praza de touros. Mentres era estudante de secundaria, escribiu un artigo nun xornal local chamado: Picasso e o non conformismo na arte. Por mor das ideas que expuxo e das ilustracións que acompañaban o artigo, foi expulsado do colexio. Aos 16 anos vinculouse co mesmo periódico como ilustrador e co diñeiro que recibía, puido pagar a súa educación. Dous anos máis tarde realizou a súa primeira exposición con outros pintores da cidade. Aos 19 anos presentou a súa obra en Bogotá e grazas á venda dalgúns cadros foise a Europa a estudar. Viviu en España, Francia e finalmente en Italia, onde ademais dos seus estudos dedicouse a visitar museos e a aprender dos grandes mestres. Aos 24 anos casou e foise a vivir a México, alí comezou a pintar as súas primeiras formas redondeadas que son a característica principal tanto da súa pintura como da súa escultura.
Caderno de pintores da Biblioteca do Rato