Page 1

NA PROCURA DUNHA PAISAXE PROTOHISTÓRICA: INTERVENCIÓN ARQUEOLÓXICA E INTERPRETACIÓN MATERIAL DO CASTRO DA COROA DE LOBOSANDAUS (SAN XOÁN DOS BAÑOS DE BANDE, OURENSE)

RESUMO Co gallo do estudo do rexistro material que o Laboratorio de Arqueoloxía da Universidade de Vigo está a desenvolver sobre o espolio arqueolóxico das intervencións levadas a cabo polo Catedrático emérito da Universidade de Santiago Compostela, Antonio Rodríguez Colmenero, no castro de Lobosandaus (Bande) nos anos 80 do pasado século, preténdese realizar unha intervención arqueolóxica reinterpretativa que solvente as deficiencias informativas propias da “praxis” arqueolóxica do momento, procurando unha restitución científica da paisaxe protohistórica da comarca da Baixa Limia ourensá.

1


XUSTIFICACIÓN E ESTADO ACTUAL DO TEMA A comarca da Baixa Limia –concellos de Bande, Lobeira, Entrimo, Lobios e Muíños– sita no sector suroccidental da Provincia de Ourense é actualmente vencellada de xeito axiomático á riqueza natural da súa orografía, que posibilitou a declaración no ano 1993 como Parque Natural da Serra do Xurés, amosa tamén unha indubidable potencialidade arqueolóxica que materializa e enche de sentido as relacións homemedio dende tempos prehistóricos ate a actualidade. Deste xeito, son numerosas as intervencións arqueolóxicas que se veñen facendo nos últimos vinte anos entre as que cabería sinalar, entre outras, as referidas ó fenómeno megalítico, baixo a dirección do hoxe arqueólogo provincial X. Mª Eguileta Franco, recentemente incluídas dentro do “Plan de protección de xacementos megalíticos” da Consellería de Cultura para seren declarados BIC, así como ás referidas á posta en valor da calzada romana Via Nova e mansion Aquis Originis baixo a guía do arqueólogo M. Xusto Rodríguez, ou a incansable labor do grupo Larouco, co xa citado catedrático A. Rodríguez Colmenero á cabeza, na contorna do campamento romano de Aquis Querquennis, actuando como pulo dinamizador non só no eido da investigación e interpretación histórica dos restos arqueolóxicos, senón que tamén na propia reactivación da comarca, en claro retroceso demográfico dende inicios do século pasado mor á emigración e o descenso da natalidade, servindo de foco de atracción turística e atraendo ata 7.118 visitas no ano 2008 (segundo datos proporcionados pólo Centro de Interpretación da Via Nova). Con base en todo o comentado con anterioridade, ponse de manifesto o valeiro existente tanto no eido da investigación como no da revalorización dos numerosos xacementos tipo castro presentes en toda a comarca. Así, deste modo, as únicas referencias que contamos para poder restituir e coñecer a realidade da evolución na paisaxe da Baixa Limia dende tempos prehistóricos ate a romanización, vencéllanse á pioneira labor de prospección e catalogación das terras de Lobeira por parte de Florentino Cuevillas nos anos trinta do pasado século, algúns achados illados como a aparición de numismas recollida por M. Cavada Nieto en 1972, as intervencións no

2


xacemento da “Coroa de Lobosandaus” en S. Xoán dos Baños de Bande por parte de A. Rodríguez Colmenero entre os anos de 1982 e 1984, ou as breves descripcións propias do inventariado do patrimonio arqueolóxico ou da “arqueoloxía de xestión” a fíns do século XX. Deste modo, tan só a intervención no citado xacemento da “Coroa de Lobosandaus” aporta unha lectura material sobre a caracterización particular da comarca no contexto da tradicionalmente considerada como uniforme Cultura Castrexa do Noroeste. Así, con esto, e dentro da liña de investigación “Hábitat, ocupación do espacio e infraestructura do territorio na Gallaecia romana”, e seguindo o fío dos recentes traballos do Laboratorio de Arqueoloxía da Universidade de Vigo (LAUV), comenzáronse a estudar os materiais cerámicos aportados polas citadas intervencións amosando unha deficiente información estratigráfica que limita as posibilidades de análise á caracterización tipolóxica mediante paralelos con outras zonas mellor estudadas, o que reforzaría a tradicional descompensación historiográfica litoralinterior, así como imposibilitaría a pretendida restitución paisaxística da comarca.

3


OBXECTIVOS Con base nos antecedentes citados, plantéase a necesidade da intervención directa no xacemento catalogado como “tipo castro”, toponímicamente coñecido como a “Coroa de Lobosandaus” e sito na parroquia de San Xoán dos Baños de Bande, Ourense, na procura dos obxectivos que a continuación se sintetizan: • Intervención arqueolóxica reinterpretativa nas áreas de escavación dos anos 80 do pásado século, localizando espacialmente os cadros e cortes orixinais en base a coordenadas UTM tomadas con GPS, así como a elaboración de pequenas sondaxes perimetrais que posibiliten unha nova lectura estratigráfica que permita un posterior rexistro interpretativo para o material actualmente descontextualizado.

• Prospección intensiva de superfície, incluindo pequenas sondaxes, que delimiten a zona habitacional e defensiva do xacemento como paradigma de ocupación do espazo na Idade do Ferro na Baixa Limia ourensá, así como tamén posibiliten a toma de mostras polínicas que, con posterioridade ó tratamento en laboratorio, amosen unha restitución paisaxística da comarca que deberá ser interpretada en futuros traballos de investigación.

• Posta en valor dos xacemento “tipo castro” completando o discurso patrimonial histórico-arqueolóxico da contorna, namentres se prende a mecha cara a futuras intervencións similares na procura dunha posible musealización que actúe como novo pulo dinamizador socioeconómico e cultural.

4


PLAN DE TRABALLO A planificación e cronograma dos traballos a realizar no proxecto podería ficar establecida do seguinte xeito: 1. Preparación do xacemento e previsión de infraestructuras para a intervención arqueolóxica. 2. Tala e roza da coroa do castro susceptible de ser obxecto da intervención de campo. 3. Pospección intensiva superficial con GPS para proceder a unha delimitación real do xacemento, así como a unha restitución virtual do conxunto en base a tecnoloxía SIX (Sistemas de Información Xeográfica). 4. Escavación arqueolóxica perimetral á área de intervención de Rodríguez Colmenero, consistente en retracción de perfís estratigráficos ou pequeña valas de sondaxe (área escavada non superior ós 20 m² de superficie) que permita a redefinición estratigráfica e unha primeira mostra polínica do conxunto. Estas sondaxes irán acompañadas dun número variable (en función dos resultados do punto 3) doutras sondaxes repartidas polo xacemento, na procura dunha confirmación do rexistro estratigráfico e edafolóxico. Evidentemente toda execución material da escavación irá acompañada dos preceptivos labores de rexistro e documentación (topografía, planimetría, estratigrafía, etc.). A escavación terá unha duración máxima de 3 semanas, a executar durante o mes de Setembro de 2009. 5. Tódalas zonas escavadas, unha vez garantida a súa conservación, serán protexidas e marcadas con xeotextil e reenterradas de xeito controlado, do mesmo xeito que serán xeorreferenciadas baixo coordenadas UTM na memoria final. 6. Traballo de laboratorio pos-escavación: lavado, siglado, inventario, debuxo e estudio do material moble atopado; analítica das mostras

5


tomadas (estratigrafía, palinoloxía e paleobotánica, analíticas de materiais); estudo de estructuras e unidades estratigráficas (planos, alzados, informes, etc.); redacción da memoria de intervención. 7. Labores de estudio e interpretación histórica dos datos e materiais mobles recuperados na intervención así como tamén das informacións e materiais fornecidos pola escavación dos anos 82-84.

As necesidades de equipamento material están cubertas cos medios e equipos existentes actualmente no LAUV. A nivel de recursos humanos será necesario contar, amáis dos membros da equipa de investigación que participan no proxecto (4 persoas), co persoal suplementario seguinte * Contratación de 2 peóns locais para os labores de tala e roza así como para apoio nos movementos de terras da escavación. * Participación voluntaria de ata 6 estudiantes de Historia nos labores da intervención de campo. * Contratación de 2 bolseiros de investigación para desenvolver labores técnicas durante a intervención e, especialmente, os estudios de estructuras e materiais derivados da mesma.

6


FIGURAS

Fig. 1 Localizaci贸n xeoespacial da Comarca da Baixa Limia.

Fig. 2 Restituci贸ns da comarca da Baixa Limia ourens谩 en base a Modelos Dixitais de Elevaci贸ns.

7


Fig. 3 Área de intervención arqueolóxica.

8


Lámina 1 Vista xeral da intervención 1984.

Lámina 2 Planimetría restituída dixitalmente da área de intervención do ano 1984.

Lámina 3 Vista actual da colonización vexetal do xacemento.

9


Plano 1 Localizaci贸n do xacemento no relevo da Comarca da Baixa Limia ourens谩.

Plano 2 Localizaci贸n do xacemento no marco dos concellos de Bande e Lobeira.

10

Intervención arqueolóxica e estudio do material cerámico do castro de Lobosandaos  

Bande-Lobeira, Ourense (Galiza)

Advertisement