Memoria MARCO 2011

Page 81

PRESIDENTA AAM Cada ano, na preparación da Memoria de Actividades, procuro buscar unha nova maneira de dirixirme a vós, e ao mesmo tempo penso que un sinxelo ‘grazas’ segue sendo a palabra que mellor expresa o noso recoñecemento a todos os Amigos do MARCO, por seguir apoiando este proxecto aínda en momentos difíciles. Proba diso é o número de persoas que son membros da Agrupación, e que continúan participando de forma estable nas actividades e programas postos en marcha dende o Museo. No que se refire ao ano 2011, e ademais dos ciclos xa habituais como as visitas ás exposicións, as citas do MARCO Extramuros, os percorridos guiados ‘Coñeces a túa cidade, coñeces o teu contorno?’ ou as sesións do Café Voltaire, quixera destacar moi especialmente a viaxe a Italia, que nos levou primeiro a Xénova para a celebración do XIV Congreso Mundial de Amigos dos Museos —era a segunda vez que a nosa Agrupación participaba nun Congreso Mundial— e a continuación a Venecia, para visitar a 54ª Bienal de Arte, ILLUMInazioni. O obxectivo do Congreso foi debater sobre o futuro dos museos e os seus Amigos a través de varios aspectos importantes como a arquitectura ou as novas tecnoloxías, entre outros. A calidade do programa paralelo foi excelente, e puidemos percorrer os Museos de Strada Nuova, patrimonio da UNESCO, gozar dunha cea de gala en Vila dello Zerbino, realmente inesquecible —incluída algunha situación ‘inesperada’ e divertida que se sumou ao repertorio de anécdotas da viaxe—, e visitar o Palazzo Doria, que normalmente está pechado ao público, acompañados de membros da propia familia. A excursión a Le Cinque Terre, e sobre todo a estadía en Venecia, a visita á Bienal e os percorridos pola cidade, completaron os contidos dunha viaxe que resultou ser especialmente frutífera, e da que todo o grupo volveu moi satisfeito. Outra mención especial neste ano 2011 é para o numeroso grupo de Amigos do MARCO que, de forma voluntaria e desinteresada, cun entusiasmo que só se explica per amore all’arte, colaborou na produción da obra de MARTIN CREED nas salas da planta baixa, tal como se pode ler nas páxinas correspondentes á exposición nesta Memoria de Actividades. Afortunadamente somos moitas as persoas que cremos e valoramos as iniciativas culturais, aínda máis no contexto que nos toca vivir, e o noso desexo é continuar cos programas de visitas, cos ciclos habituais e con novas propostas para os anos que virán. Remato pois, cunha mensaxe de agradecemento a todas as persoas que a través do seu traballo fan posible o mantemento e o éxito das nosas actividades, e dende aquí envíovos un saúdo moi cordial, coa seguridade de que continuaremos xuntos en 2012.

Daniela Sarraino Presidenta Agrupación de Amigos do MARCO

MARCO, MUSEO DE ARTE CONTEMPORÁNEA DE VIGO 79


Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.