Page 20

EXPOSICIÓNS EXPOSICIÓNS TEMPORAIS

A principal liña de programación do MARCO consiste na organización de exposicións temporais encamiñadas ao coñecemento e difusión da arte e da cultura contemporáneas, e para cumprir este reto organizamos durante o ano 2005 un total de nove mostras, ampliando a oferta en relación a anos anteriores, nos que o número de exposicións nunca superara as oito anuais. Este incremento foi, en parte, consecuencia das actividades que albergou o Espazo Anexo, inaugurado en setembro de 2004, e no que en 2005 se puideron ver tres exposicións. As dúas primeiras de dous novos artistas galegos, Fran Herbello e Carlos Rodríguez-Méndez, que presentaron sendas instalacións realizadas ex profeso para este lugar. En Souvenir, Fran Herbello tapizou literalmente de céspede o chan da sala principal, e colocou uns altofalantes debaixo do mesmo polos que soaba o canto duns grilos; Herbello invitaba ao espectador a interactuar co espazo descalzándose e camiñando pola herba; ademais, co paso do tempo o céspede foi colonizado por outros pequenos hóspedes, esta vez reais –formigas, moscas e algún que outro insecto. En contraste, na parte oposta da sala, amosábase unha proxección dun can durmindo que ladraba alporizado ao achegarse o espectador. Pola súa banda, Carlos Rodríguez-Méndez invadiu a sala cunhas enormes columnas realizadas con turba, entre as que o visitante podía deambular, ademais das series de fotografía e vídeo que documentan as accións que realiza en contornas urbanas, apropiándose de ocos e foxos ou realizando construcións efémeras con materiais de refugo abandonados nas rúas. Por último presentouse, en colaboración coa Facultade de Belas Artes de Pontevedra, a mostra colectiva Aberto por obras, unha reflexión sobre a propia actividade creadora, que foi evolucionando durante os tres meses de exhibición por medio da participación do público e a través do propio proceso creador. MUSEO DE ARTE CONTEMPORÁNEA DE VIGO MARCO | 19

Profile for MARCO Museo de arte contemporánea de Vigo

MARCO Memoria anual 2005  

Memoria de actividades do MARCO Museo de arte contemporanea de Vigo, ano 2005

MARCO Memoria anual 2005  

Memoria de actividades do MARCO Museo de arte contemporanea de Vigo, ano 2005

Advertisement