Page 1

O noso centro é un Colexio Público de Educación Infantil e Primaria, conta con seis unidades: unha de Educación Infantil (3, 4 e 5 anos) e cinco de Educación Primaria. Situado nunha zona eminentemente rural, no Sureste da provincia de Ourense, está enclavado no Concello de Oímbra ó que se chega pola N-525 ou ben pola A-52. Ten dúas zonas ben diferenciadas: o val e a montaña. No val atopamos catro pobos: Oímbra, capital do Concello (onde está ubicado o edificio escolar), O Rosal, San Cibrao e Rabal. A zona de montaña ten as seis localidades restantes do Concello: Videferre, Espiño, Bousés, Casas dos Montes, A Granxa e As Chas. Limitan territorialmente con Portugal: Videferre, Bousés, Casas dos Montes, San Cibrao e Rabal, característica que vai incidir nos hábitos de convivencia e relación social da xente do concello (matrimonios, inmigración...). Cun nivel económico baixo (nos últimos anos, coas pensións de xubilación, viuvez, desemprego e a substitución do traballo do campo, que a penas aportan beneficios e polo traballo asalariado en construcción, fundamentalmente, tense elevado algo o nivel das familias) é unha zona de emigración (Suíza, Alemaña,..., Cataluña, País Vasco, Canarias..., Ourense, Verín...) que conleva á despoboación das aldeas, existindo de sempre unha grande diferencia no grao de benestar entre o val e a montaña, aínda que hai unha tendencia crecente a equilibrar o nivel. A única industria de transformación existente é unha graveira que dá emprego a algúns veciños do concello; logo soamente quedan pequenas explotacións familiares que dan posto de traballo a pouca xente (aserradeiros, invernadoiros, almacéns de patacas, carpinteiros, canteiros, pizarreiros...). A economía familiar está baseada na explotación agrícola a nivel familiar coa axuda dalgunha pensión ou traballo temporal. Os productos máis importantes que podemos salientar son o viño, a pataca, a castaña, os productos de horta, invernadoiros (pementos, tomates, flores...), algo de centeo e millo, etc. En servicios anda tamén moi escaso; exceptuando o Concello, o Centro de Saúde, os carteiros, os bancos e os empregados no colexio non existe outro tipo de servicio público; hai taxis, liña regular de transporte diaria, servicio de recollida de lixo e pouco máis. Bares, casas para comer, tendas, supermercados..., o normal é que exista un por pobo. O resto de comercios e tendas teñen que ir buscalo a Verín, onde se celebra, tres días ó mes, unha boa feira. O comercio con Portugal tamén é moi frecuente. O nivel sociocultural podémolo considerar tamén bastante baixo. A xente que vai acadando uns estudos mínimos (graduado escolar, titulacións medias...) marcha da zona,


buscando outros lugares onde as perspectivas de saír adiante sexan máis reais. Van quedando, normalmente, os vellos e a xente que non logrou acadar uns estudos mínimos. Como visión xeral de como se atopa o Concello a nivel cultural e de ocio e esparcemento, podemos falar da existencia dunha Biblioteca Municipal de recente creación, ademais da propia do Centro. A prensa non se atopa máis que nalgún bar ou tenda, non hai librarías; hai unha asociación cultural tamén recente. O Concello non fai ningún tipo de publicación periódica. En canto á emigración, nos últimos anos prácticamente desapareceu. Hoxe en día o traballo búscase no propio entorno comarcal. Da emigración de anos atrás podemos salientar que os lugares de destino dos veciños de Oímbra (moitos están regresando) eran, en España, Cataluña, País Vasco e Madrid; no estranxeiro: Andorra, Suíza e Alemaña. Hai que facer notar o progresivo aumento de inmigrantes portugueses (hai un bo número de alumnado descendente de portugueses). O analfabetismo é bastante elevado en idades a partir de setenta anos. Nos últimos cursos, na comarca, estase a promocionar a Educación Permanente de Adultos, sen moito éxito. Os títulos académicos máis frecuentes son os de Graduado Escolar e Certificado de Escolaridade, con poucos títulos universitarios. Podemos sinalar que aproximadamente un 25% do alumnado remata os estudios de ESO ou FP. As aspiracións da maioría dos que rematan estudios son as de facer algunha oposición e atopar traballo deseguida. Moitos colócanse nas empresas familiares da zona (aserradeiros, carpinterías, marmolistas, talleres mecánicos, construcción, etc.). As perspectivas de traballo a nivel Concello son máis ben escasas. Como xa indicabamos anteriormente, a xente vai buscar traballo a Verín ou zonas próximas (Xinzo, Ourense...). Estase intentando promocionar o turismo rural a través das rutas dos muíños, aínda que non existe no concello ningunha casa adicada a este fin. En canto ós servicios públicos municipais, están tódolos pobos do Concello perfectamente equipados en canto a alcantarillado, traída de augas, electrificación, teléfono, recollida de lixo, estradas, etc. Sanitariamente, está cuberto o servicio por un médico e unha A.T.S., que atenden á xente no Centro de Saúde, ubicado en Oímbra. Existe ademais un hospital con tecnoloxía avanzada en Verín. O veterinario é o mesmo da Mancomunidade de Monterrei, que auna varios concellos comarcais (Verín, Monterrei, Oímbra, Castrelo e Laza). O transporte público (autobuses) chega a tódolos núcleos de poboación do Concello, con servicios diarios a Verín e Ourense. Hai taxis en tódolos pobos.

Localizacion  

caracteristicas del centro

Read more
Read more
Similar to
Popular now
Just for you