Page 1

Ruta do Xabriña TERRA moura das montañas! Boa terra que dás auga E teis auga nas entrañas! Uxío Novoneyra (Os eidos)

A cita era ás dez e media da mañá do sábado 6 de abril no Ceip Frián. A noite anterior ía un frío do demo e os partes metereolóxicos pronosticaban neve por enriba dos cincocentos metros. A terra estaba enchoupada das incesantes choivas da invernía que xa obrigaran a suspensión desta andaina programada para o mes de marzo. Mais esta vez o ceo agasallounos cun sol radiante que nos acompañou todo o día pola ruta do río Xabriña (afluente do Tea) nas terras de Paraño, parroquia do concello de Covelo. Que regalía para o corpo, para os sentidos e, sobre todo, para o espíritu! Era como se todo se desentumecese, como un volver á vida despois do letargo invernal. Antes do xantar e para abrir o apetito, fixemos o percorrido pola beira do río guiados polo Presidente da Comunidade de montes de Paraños. O Xabriña, como serpe prateada e brillante, ruxía con froza ás veces, como na Poza do demo; fervía en cachoeiras branquísimas, outras e, de cando en vez, remansaba para darlle acougo ao espíritu. Espallados polo seu percorrido non podían faltar os muíños, as grandes industrias doutros tempos vencelladas ao cultivo do millo. Habíaos grandes e pequenos, esborrallados e restaurados, entre eles o do Paquito e o do Roupeiro, que se puxo en funcionamento para nós permitíndolles aos máis cativos encher os petos de fariña e aos non tan cativos encher a alma co arrecendo dotros tempos. Chegara a hora do xantar merecido. Un tapiz verde quentado polo sol do mediodía de abril a carón do Centro Cultural franqueado para nós como hóspedes honoríficos, estendíase aos nosos pés invitándonos a desplegar o pícnic e botar unha sesta imperdoable. Mentras tanto os pequenos disfrutaban dunha pista de fútbol cun balón esfarrapado aparecido alí como por arte de maxia. Era perfecto. Pero a andaina aínda non rematara e o máis novedoso estaba por descubrir: o lagar da cera, o museo Favum e as eiras da cera que nos permitiron, da man de Lolo, achegarnos aos traballos dos cereiros, profesión desaparecida na parroquia a mediados do século XX coa introdución da parafina. Asistimos á elaboración de candeas e exvotos e mesmo algúns fixeron os seus das súas propias mans. E todo isto aí pertiño, á beira da estrada N-120 pola que tantas veces transitamos algúns, especialmente os vigueses e viguesas de Ourense. É o malo de ir sempre no coche e sempre de paso. Por iso estamos tan agradecidos a todas as persoas que organizaron esta andaina e fixeron posible achegármonos un pouco máis a nós mesmos descubrindo un anaquiño da nosa terra, pois como dicía o poeta da Terra Chá, Manuel María: Ando a pé, e por iso é polo que vexo o mundo tal cal é.

ruta Xabriña  

O ANPA do Ceip Frian Teis realiza unha ruta pola Xabriña.

Read more
Read more
Similar to
Popular now
Just for you