Page 1

Os Castro: unha alternativa atlantista na Galicia do s. XIV (A.

LÓPEZ

CARREIRA)

Varios lances amorosos adornan momentos decisivos das relacións entre Galicia e Portugal. Desde que na primeira metade do século XII o condado portucalense se escindía da vella Gallaecia para dar nacemento ao Reino de Portugal, ata que na segunda metade do XV o Reino de Galicia perdía a súa autonomía política e se integraba na Monarquía castelá dos Reis Católicos houbo episodios biográficos de variable intensidade emocional, protagonizados por membros das elites aristocráticas galegas, ás veces elevados (¿ou degradados?) á categoría de mitos. No despegue do Reino de Portugal son coñecidos os amores (non hai acordo sobre o seu grao de lexitimidade) entre a viúva condesa-raíña Tareixa e o galego Fernando Pérez de Traba, intromisión condal galega mal vista pola nobreza menor dos infanzóns portucalenses e conimbricenses, que se rebelaron contra ambos e proclamaron rei ao fillo de ela (e de Henrique de Borgoña), Afonso Henríquez, primeiro monarca do novo reino. Tras o asunto amoroso agochábase o debate entre o tradicional predominio da alta aristocracia galaica, tanto leiga (a dita casa de Traba) como eclesiástica (da que Xelmírez era o máis cabal representante) e os señores da terra portugueses, en sintonía co clero bracarense, postergada por Compostela. No remate da Idade Media, Isabel a Católica, apoiada por Aragón, accedía ao trono tras vencer pola forza á súa sobriña Xoana. Esta contaba pola súa parte co soporte de Portugal, e interésanos aquí o feito de que o conde Pedro Álvarez de Soutomaior estaba do seu lado e casara cunha dama portuguesa (Tareixa de Tábora), mais non se pode obviar que esta apariencia persoal agocha conveniencias económicas recomendadas polo tráfico marítimo atlántico, notablemente desenvolto e moi precisado da amizade portuguesa. O conde de Soutomaior implicouse a fondo (e pagouno caro), pero Galicia en xeral (é dicir, outros nobres e outros sectores sociais) non o fixo. Certamente non estaba en condicións de facelo, tras o fracaso da Revolución Irmandiña e o subseguinte caos interno do reino. Polo contrario, no século XIV, en condicións históricas decisivas e ben máis favorables, ese camiño alternativo de alianzas emprendeuse de forma consistente e duradeira. Talvez por iso o episodio biográfico que o personifica acadou a dimensión de mito e alimentou unha notable inspiración artística, desde o propio túmulo que se lle labrou a Inés de Castro xa nese mesmo século ata unha produción literaria que remonta ata o mesmo Camões. Non imos nós repetir os detalles do drama de Inés e Pedro, dabondo coñecidos. As estilizacións dos mitos encerran, máis ou menos camuflados, feitos históricos de pegada profunda. Certamente neste caso camufláronse en exceso, ocultando un debate político de enorme trascendencia para o país. Tras o nome de Inés de Castro bule un acontecer histórico intensísimo, no que determinados sectores da sociedade galega procuraron unha orientación política diferente da que finalmente se impuxo, e nunhas datas nas que Galicia ocupaba aínda unha posición influínte no seu contexto, foi quen de influír de maneira moi sensible na evolución interna de Castela e de Portugal. Sen embargo, a historiografía española dominante abstívose de colocar no seu debido lugar o protagonismo da liñaxe dos Castro en acontecementos de tanta trascendencia como foron a sucesión de Pedro I (de Castela e de León-Galicia) e a subseguinte imposición da dinastía Tastámara, a revolución portuguesa de 1383 e a entonización da casa de Avís nese reino e as alianzas de Portugal e Inglaterra. Deixouse de lado o papel que Galicia desempeñou nesa


conflitividade, e polo tanto ignorouse a maneira en que o seu resultado configurou o novo mapa político e social do Reino e das súas relacións exteriores. O tratamento non foi mellor por parte da historiografía oficial portuguesa. Oliveira Marques entende –polo demais de forma asaz parcial– que o achegamento de Inés de Castro ao infante Pedro foi «pretexto para a influencia castelhana em Portugal», e que «Inês de Castro pertencia a uma poderosa familia de terratenentes de Castela». Para colmo especula con que «ao que parece D. Pedro converteu-se em joguete nas suas mãos»1, xustificando así tacitamente o aleivoso asasinato. Galicia, como se ve, fica fóra de calquera consideración, subsumida no bipolarismo Portugal-Castela, segundo o esquema acuñado. Galicia e Portugal durante o século XIV Non é cousa de remontarse agora máis atrás do s. XIV. Dabondo demostradas estarían as estreitas relacións entre Galicia e Portugal a principios do s. XII, posto que o novo reino portugués naceu a partir de Galicia, e son notorias as implicacións mútuas dos sectores aristocráticos de ambos lados do Miño, encarnados á perfección por Fernando Pérez de Traba e a condesa Tareixa. Nesa altura sería artificioso atopar diferencias marcadas entre galegos e portugueses. Os contactos entre as nobrezas dos dous reinos seguirán a ser íntimos, con lazos de familiaridade ata os máis elevados niveis, ao longo de toda a Idade Media. Foron estudados por H. Baquero Moreno. Mais no s. XIV, en medio dos importantes acontecementos anteriormente sinalados, acadaron unha especial intensidade. En 1230 os reinos de Galicia-León e de Castela uníranse persoalmente baixo a común coroa detentada por Fernando III (fillo do monarca galego-leonés Afonso VIII), o cal implicou o relegamento doutra opción, encarnada polas infantas Sancha e Aldonza e orientada cara a Portugal, triunfando a que preferiu a confluencia con Castela, patrocinada por un importante sector aristocrático, en especial o episcopado galego. Sen embargo, xa a finais desa centuria facíase de novo patente a persistencia dunha liña contraria á unión con Castela, sensible aos intereses atlánticos de Galicia e favorable, por tanto, á aproximación a Portugal, sostida por representantes destacados dunha nobreza con múltiples vínculos transmiñotos, sen que nos sexa de momento posible avaliar a participación de sectores burgueses ligados ao comercio marítimo. Un característico representante desta posición era Paio Gómez Chariño, Adiantado de Galicia no tránsito do século XIII ao XIV, Almirante con intervención decisiva na conquista de Sevilla (1248), ademais de poeta.

1

A.H. Oliveira Marques, Breve História de Portugal (Lisboa, 2003), 113.


No contexto da sucesión de Sancho IV e minoridade de Fernando IV o infante Xoán (fillo de Afonso X) foi recoñecido como rei de Galicia-León, contando co apoio do rei Denís de Portugal e, en Galicia, co de Fernando Rodríguez de Castro, sucesor de Gómez Chariño no cargo de Adiantado2. Non logrou o seu obxectivo e o conflito resolveuse desfavorablemente, renunciando á súa pretensión en 1301. Entre os múltiples factores que explican este resultado compre considerar a correlación de forzas entre a nobreza e o clero de Galicia, sendo este (en particular o episcopado) monoliticamente favorable á solución castelá representada por Fernando IV e a súa nai María de Molina. Por tal motivo é natural que na súa dimensión interna a opción atlantista e pro-portuguesa coincida coa hostilidade contra o poder eclesiástico, no que desde esas datas se ve militar con nitidez ao grupo dirixente da nobreza condal, co que axiña coincidirá a burguesía dos concellos urbanos. A cabeza máis visible desta entente era, naturalmente, o Adiantado de Galicia. Paio Gómez Chariño morreu violentamente, en medio da conflitividade recén sinalada. Sucedéuno no cargo Fernando Rodríguez de Castro, que recolleu a súa política e transmitiulla á súa liñaxe. Ao longo de toda a centuria os Castro levaron adiante o empeño máis decidido nese sentido, dirixido a un mesmo tempo contra a hexemonía episcopal e a favor da orientación atlantista da política galega, aproximándose a Portugal e a Inglaterra. Os intereses atlánticos de Galicia Debería ser supérfluo insistir na natural proxección atlántica de Galicia, condicionada pola xeografía e dabondo ilustrada ao longo da Historia. Taboada Chivite ten especulado con contactos paleolíticos coas Illas Británicas, mais é incontestable que a inclusión nun marco cultural atlántico (proto-céltico e céltico) se funde no tempo, segundo confirman estudos recentes desde enfoques variados3. Alonso Romero puxo documentadamente de relevo as variadas conexións marítimas na Idade do Bronce (IIº milenio a.C.), tanto en dirección norte como cara ao Mediterráneo. Na época castrexa os testemuños son variados, avalando a arqueoloxía as noticias escritas proporcionadas por Estrabón, Avieno e Plinio. A incorporación de Galicia ao Imperio Romano posibilitou a expansión e regularización do tráfico marítimo e da explotación pesqueira, actividades ambas que perviviron aínda durante o reino suevo (s. V-VI) e no período visigodo (s. VII), constándonos entón a permanencia dos contactos coa fachada atlántica de Francia, dirección esta na que non houbo motivos de interrupción, ao contrario do acontecido no Mediterráneo, cara a onde aínda eran intensos en época sueva, pero que se viron negativamente afectados polo repregamento bizantino a finais do s. VI e deixaron de funcionar cando os musulmáns monopolizaron ese mar no s. VII. A partir de entón exténdese un dilatado período de recesión extrema dos contactos marítimos, pois o Atlántico pasou a estar dominado por flotas hostiles de sarracenos e normandos, segundo nos informan fontes variadas, entre elas –e con especial plasticidade– a Historia Compostellana, asegurándonos que aínda a principios do s. XII as costas galegas eran lugar inseguro, de onde a poboación fuxía por moitos meses e onde, en consecuencia, era imposible un asentamento estable. Cadro en extremo pesimista que non obstante debe ser matizado a partir doutros datos discrepantes e complementarios, como puidera ser o posible efecto producido polo 2

E. González López, Historia de Galicia (A Coruña, 1980), 129. Vid. F. Benozzo e M. Alinei, “A área galega na Prehistoria lingüística e cultural de Europa”, A Trabe de Ouro, 71 (2007). 3


tránsito de flotas “cruzadas” (unha destas acode á conquista de Lisboa en 1147), ou o mesmo testemuño da Historia Compostellana asegurando que en Galicia, se ben non había tradición construtora de naves de guerra, si que a había na de mercantes. De feito a pesca seguía a ter importancia e non se restrinxía exclusivamente ao marco do autoabastecemento (o mosteiro de Celanova, por exemplo, tiña intereses en Bueu, Carnota, etc.), senón que nutría os mercados interiores, como se aprecia no Foral de Castro Caldelas (cuxa redacción galega é xa de 1228, pero coñécese unha latina de 1172). A propia constitución do reino medieval de Galicia e, aínda máis, a transformación feudal dos séculos XI-XII denotan a impronta francesa, o cal non fai senón reafirmar a vixencia dos antigos contactos, que daquela seguían preponderantemente a vía terrestre (o Camiño Francés), sen por iso descartarse a marítima cara á propia Francia, a Inglaterra e ao Canal. Ao longo do s. XIII a maior parte dos reinos andalusíes do sur peninsular foron anexionados ao ámbito cristián, facilitándose o acceso a costas situadas na entrada e na saída do Estreito de Xibraltar (reinos de Murcia no Mediterráneo e de Sevilla no Atlántico), mais foi no XIV cando tivo lugar un cambio de gran importancia estratéxica: a conquista de Alxeciras no ano 1344, na que significativamente participou Pedro Fernández de Castro O da Guerra, morto de enfermidade no cerco desa praza. Co dominio de Alxeciras o Estreito de Xibraltar abríase á directa circulación dos navíos cristiáns entre o Atlántico e o Meditarráneo, restablecéndose o tráfico, longamente interrompido, no que nun distante pasado asentara a próspera economía exportadora galega. É nesta conxuntura onde se contextualiza a intensa actividade política desenvolta pola liñaxe dos Castro e os personaxes afíns a eles, co obxectivo de constituír un marco territorial capaz de extraer beneficios das novas circunstancias. Durante ese século e o seguinte a orientación marítima da economía galega non fixo máis que medrar, forzando a aproximación entre Galicia e Portugal, así como a consolidación das rutas cara ao norte, contrastando coa política exterior elexida pola Coroa de Castela desde finais do s. XIV, coa entronización da dinastía Trastámara, que optaba xustamente pola dirección contraria, conducente ao enfrontamento con Portugal e Inglaterra. En contraste coa liña trastamarista, plenamente asentada en Galicia desde 1387 e oscilantemente vixente ao longo do s. XV, as relacións de Galicia con Portugal mantivéronse de forma precaria ao longo da baixa Idade Media. Durante ese período localízanse galegos asentados nas illas atlánticas portuguesas, relacionados coa importación de sal e ocupando postos de confianza (H. Baquero), e entre ambos reinos mantense unha permeabilidade xeneralizada no tráfico humano e de mercadorías, ben distinto do que acontece noutros lugares fronteiros da Coroa (na zona leonesa, extremeña ou andaluza), onde existe unha mútua prevención e hai amplos espazos deshabitados. A ambas bandas da raia galega a nobreza presenta un marcado carácter transfronteirizo. A finais do s. XIV triunfou a opción trastamarista, nunha Castela próxima a Francia e dominada polos intereses económicos dos latifundistas feudais, pero o ascenso ao trono de Pedro I en 1350 ofrecía un poder rexio proclive á opción atlantista, cuxos representantes en Galicia eran os Castro, firmes aliados do novo monarca e xestores das alianzas con Portugal e Inglaterra. Eles protagonizan nas catro décadas seguintes o máis resolto esforzo de Galicia a favor desa alternativa, frente ao conxunto da aristocracia castelá e o señorío episcopal de Galicia.


A liñaxe dos Castro A principios do s. XIV os máis relevantes cargos existentes en Galicia concentrábanse xa en Fernando Rodríguez de Castro, Adiantado do Reino, señor de Lemos e Trastámara, Pertigueiro de Terra de Santiago e Comendeiro da Catedral de Lugo, todos eles altamente significativos desde o punto de vista político, perfectamente ilustradores do papel desempeñado polo seu detentador. Tanto a pertiguería de Santiago como a encomenda de Lugo poñían nas súas mans a capacidade de exercer o seu poder sobre ambas igrexas, en calidade de protector militar das mesmas, oficios que recibían dos respectivos prelados, pero precisamente debido á debilidade deles, o que colocaba ao señorío eclesiástico baixo a tutela do máis poderoso señor condal de Galicia. Aínda que en virtude deste contrato ambas partes aparentaban estar en sintonía, en realidade ponse de manifesto a competencia entre os dous sectores do señorío galego, nuns términos favorables para a nobreza. Pertiguería e encomendas serán sempre soportadas de mala gana polos bispos, ao longo de toda a baixa Idade Media, e con eles van manter unha tensión contínua os sucesivos Castro. Os señoríos dos condados de Trastámara e de Lemos elevábaos ao cumio da nobreza galega e incorporábaos ao grupo hexemónico dos señoríos dos reinos de Galicia-León e de Castela, con ampla capacidade de intervención na orientación política da Coroa. Os Castro entroncaran familiarmente coa vella casa de Traba e Estevo Fernández de Castro († 1290) obtivera de Afonso X ambos señoríos 4. Posto que o condado de Lemos incluía, ademais da Terra de Lemos, as veciñas de Sarria e axiña as do Bierzo (cando reciban os títulos de señores de Cabreira e Ribeira), a liñaxe dos Castro non só posúe títulos de relevancia política, senón tamén unha plataforma de efectivo poder territorial, cuxa xurisdición atravesa Galicia lonxitudinalmente polo centro. O título de Adiantado, recoñecemento da confianza rexia, outorgáballes un notable respaldo institucional que remachaba a súa preeminencia política sobre o resto dos señores galegos. A mediados do s. XIV acadaban tamén (concretamente Álvaro Pérez de Castro) os máximos títulos de Portugal (conde de Arraiolos e primeiro condestable do Reino), co que o poder político da liñaxe apenas merece máis comentario. Fernando Rodríguez de Castro (casado con Violante, filla natural do rei Sancho IV) apoiou a pretensión do infante Xoán, coroado en 1296 en León como rei de GaliciaLeón, co respaldo de Portugal. Morreu en batalla en 13075 e a a triunfante Coroa de María de Molina incorporou todos os seus dominios, entregados ao infante Felipe. A caída de Fernando Rodríguez de Castro sentou as bases da enorme influencia dos seus descendentes en Portugal. Desherdado e inseguro en Galicia, o seu fillo Pedro Fernández de Castro, aínda neno, foi enviado ao reino veciño, onde se criou na propia Corte de don Denís, xunto co fillo deste, o futuro rei Afonso IV, con quen polo visto non mantiña boas relacións. Fixo, en cambio, unha brillante carreira política ao lado de Afonso XI (de Castela e de León-Galicia), que acadaba a maioría de idade en 1325. Con el acode á campaña do Estreito na primavera de 1341, acompañando ao arcebispo Berenguel de Landoira na súa calidade de Pertigueiro de Terra de Santiago 6, e a súa notable actuación válelle o alcuño de O da Guerra, con que foi coñecido. Morreu de enfermidade en xuño de 1342 (tense dito que de peste, aínda que a gran epidemia non chegou ata 1348), durante o cerco de Alxeciras. Nun primeiro testamento redactado en 1337 en Allariz 4

E. González López, op. cit., 132. López Ferreiro (Historia de la S.A.M. Iglesia de Santiago, V, 77) dátaa en 1306. 6 Ibid., VI (Santiago, 1903), 122. 5


mandaba ser enterrado na igrexa do mosteiro de Sobrado, e noutro, outorgado en 1340 – pouco antes da súa partida para a guerra–, elixía San Martiño Pinario, «so o leedoyro da porta u están os tres reys magos», detrás do Coro 7, mais non foi finalmente soterrado en ningún deses lugares, senón no panteón recén feito no trascoro da Catedral compostelá8. Este Pedro Fernández, moi ligado por tanto á Corte portuguesa e optimamente situado na castelá, é o pai dos catro Castros que concentran a intensidade do período histórico que nos ocupa, tidos con dúas mulleres diferentes: Fernando Ruíz e Xoana (fillos lexítimos, con Isabel Ponce de León, señora de Vilanova das Infantes), e Álvaro Pérez e Inés (fillos naturais, coa portuguesa Aldonza Suárez de Valadares), ademais de outra filla, Milia, de menor significación política. Xoana (A Malcasada) casou efemeramente con Pedro I (de Castela e de LeónGalicia) e Inés (Colo de Garza) protagonizou a dramática historia amorosa co infante Pedro de Portugal. Fernando Ruíz de Castro e Álvaro Pérez de Castro dirixiron respectivamente a estratexia de apoio ao rei lexítimo (Pedro I) e de alianza con Portugal e Inglaterra. Os Castro e Pedro I A morte violenta de Fernando Rodríguez de Castro en 1307 frente ao infante Felipe e a súa caída en desgracia, que conlevou a perda, entre todos os demais, do cargo de Pertigueiro, só interrompía temporalmente unha delongada tradición de detentación dese importante posto militar por parte da liñaxe. A nómina remóntase a principios do s. XIII, cando recaía en Fernando Gutiérrez de Castro (1223-1238), continuando ao longo de toda a centuria en Andreu Fernández (1250-1255) e Estevo Fernández (1284-1289). Despois da paréntese subseguinte a Fernando Rodríguez e tras a morte do infante Felipe, a pertiguería foi recuparada por Pedro Fernández (1328-1342) e transmitida ao seu fillo Fernando Ruíz (1345-1369)9. En virtude desta capacidade de intervención na Terra de Santiago os Castro mantiveron todos eles unha tensión contínua cos arcebispos (malia seren estes quen formalmente proveían o cargo) e en xeral co señorío episcopal de Galicia, representando por iso –como ben observa Camilo Nogueira– unha «solución de poder político laico»10. As relacións complementariamente enfrontadas ou de compromiso entre nobreza e episcopado funden as súas raiceiras na mesma orixe da sociedade señorial. A exacerbación social provocada pola crise do s. XIV conducía á nobreza condal galega polo camiño confluínte de apoiar unha política monárquica tendente ao fortalecemento do Estado en detrimento das xurisdicións episcopais e de aproximación aos concellos urbanos, desde os que os burgueses facían frente a ese mesmo poder feudal (posto que a gran maioría das cidades galegas eran de señorío episcopal), tamén eles en nome do rei. Resumindo os datos do cronista Pérez de Ayala, Vicetto comproba que xa a principios do s. XIV Fernando Rodríguez de Castro, que ademais era Adiantado de Galicia, apoiaba aos cidadáns de Ourense en disputa contra o bispo, e da mesma maneira se comportou o seu fillo Pedro Fernández O da Guerra nun contencioso contra o de Mondoñedo, auxiliando tamén aos veciños 11. En Compostela a continuidade desta alianza fica ilustrada na morte do arcebispo Sueiro de Toledo en presencia do propio rei Pedro I e de Fernando Ruíz de Castro a mans de Fernando Pérez Churruchao e Gonzalo 7

Ibid., 117. Ibid., 123. 9 Ibid., 77; M. González Vázquez, El arzobispo de Santiago, Sada, 1996. 10 C. Nogueira, A memoria da nación (Vigo, 2001), 268. 11 B. Vicetto, Historia de Galicia, V (Ferrol, 1872), 267 e 296; E. González López, op. cit., 145. 8


Gómez Galiñato en 1366, pois isto non deixaba de ser venganza polo ominoso asasinato dos membros do Concello en 1320 a mans do arcebispo Berenguel de Landoira e os seus secuaces no castelo da Rocha. O acollemento dispensado polos concellos galegos a Fernando I de Portugal en 1369 e o levantamento de Compostela en 1371 a voz de Fernando de Castro ilustran esa mesma liña de coincidencia política entre os Castro e a burguesía urbana. En consecuencia, os Castro foron colaboradores íntimos nas políticas monárquicas (castelá e portuguesa) orientadas nese mesmo sentido. O revés sufrido por Fernando Rodríguez de Castro na súa oposición a María de Molina supérao o seu fillo Pedro Fernández O da Guerra, que se converte en home de confianza de Afonso XI, por quen é armado cabaleiro en 1332 e de quen obtén o señorío de Monforte12, ademais de nomealo Adiantado de Galicia; non lle restituía, en cambio, o condado de Trastámara, que tamén ocupara o infante Felipe e agora o rei entregaba ao seu propio fillo Henrique. A pertiguería concedíalla o arcebispo Berenguel de Landoira en 132813, polo que –como fica dito– foi con el a Andalucía, onde ambos morreron, e logo o propio monarca. Fernando Ruíz de Castro continúa a liña do seu pai, como soporte principal de Pedro I (1350-1369), nun programa político de amplas miras que se emprendeu coa máxima firmeza e se levou ata as súas últimas consecuencias, en conexión con Portugal e Inglaterra e abandeirando o concomitante movemento urbano. O fracaso final deste esforzo significará a frustración dun auténtico proxecto nacional de Galicia, se atendemos á súa coherencia, ampla dimensión social e ás consecuencias que se derivaron. Era aínda menor de idade cando Pedro I o elevou ao cargo de Mordomo Maior. Desde entón a colaboración vai ser contínua e a súa fidelidade extendeuse moito máis alá da morte do rei en 1369, salvando –polo que parece– un momentáneo apartamento comprensiblemente provocado polo abandondo de Xoana de Castro por parte do rei. En realidade, e á marxe de toda outra especulación, o matrimonio de Pedro I coa irmá de Fernando Ruíz, efectuado (e segundo se di, rematado) nunha noite de verán de 1355, desde o punto de vista político expresaba e consolidaba a relación íntima entre o rei e os Castro, pois malia a ruptura persoal ficaban establecidos vínculos sólidos, ao facer raíña a Xoana (que así se titula na súa sepultura compostelá) e introducir aos seus irmáns, Fernando Ruíz e Álvaro Pérez, no marco familiar do monarca. Un e outro constituirán, de feito, o seu soporte máis consistente no conflito con Henrique de Trastámara. Por se tal relación non fose abondo, a reconciliación confírmase mediante outro matrimonio, agora o de Fernando Ruíz con Isabel Henríquez, en 1357, do agrado de Pedro I, rubricado ademais pola concesión do ansiado condado de Trastámara. A irregular proclamanción de Henrique de Trastámara en 1366 en Burgos obtivo o respaldo case unánime da aristocracia (de quen era candidato), mais non o dos Castro. López de Ayala certifica que tras a cerimonia todos recoñeceron ao usurpador como monarca «salvo Fernando de Castro, que estaba en Galicia»14. Forzado Pedro I a un longo periplo pola presión dos oponentes, desde Andalucía atravesa Portugal ata o norte, escoltado todo o tempo por Álvaro Pérez de Castro. Logo, a ausencia forzada do seu irmán Fernando fixo recaer nel a dirección dos anti-trastamaristas exiliados en Portugal e desde o principio apoiou a intervención de Fernando I en Galicia. En 1366 Pedro I chegaba a Compostela, onde –co seu beneplácito– se daba morte ao arcebispo Sueiro e ao chantre da Catedral, notorios trastamaristas. Nesa 12

A. López Ferreiro, op. cit., VI, 93. Ibid., VI, Apéndice, doc. 20, 86-90. 14 López de Ayala, Crónica del Rey Don Pedro (ed. C. Orduña, Buenos Aires, 1997), II, 129. 13


ocasión (corría o mes de xuño), antes de embarcarse cara ás posesións inglesas de Aquitania, Pedro I depositou toda a súa confianza en Fernando de Castro, quen en privilexio do 8 de setembro dese mesmo ano pode exhibirse como «Fernando Ruíz de Castro, señor de Castro, conde de Trastámara e de Lemos e de Sarria e señor de Cabreira e de Riveira et Pertigueiro Maior de Terra de Santiago et Alférez Maior e seu Endeantado Maior en Terra de León e de Asturias e de Galizia» 15. Os títulos condais e o adiantamento recibíaos despois de Pedro I desposuír deles ao rebelde irmán seu, Henrique; coa pertiguería facíase co dominio das fortalezas arcebispais. A resultas de todo iso Galicia afirmábase como bastión lexitimista. O ano seguinte (Pascua de 1367) Henrique vai contra el e cércao en Lugo, chegándose a establecer capitulacións para a entrega da cidade, mais o anuncio de que Pedro acudía con tropas inglesas provocou a retirada do pretendente. Desta maneira consolidábase a posición de Fernando de Castro en toda Galicia e se fortalecían as posicións dos sectores petristas, como o propio Cabido catedralicio compostelán, que mantivo o recoñecemento de Pedro I16. En 1369 Fernando de Castro estaba cercado con Pedro no castelo de Montiel, e tras o asasinato do rei caiu preso en mans de Henrique de Trastámara, fuxindo para o lado portugués en Guimerães en 1370, cando xa Fernando I de Portugal desistira do seu intento de dominar Galicia e se retiraba ao seu reino. Por tanto Fernando de Castro non puido participar nese breve pero interesante acontecemento17. Malia o fracaso de Fernando I de Portugal, Fernando Ruíz de Castro mantiña unha notable capacidade para impedir o asentamento do poder trastamarista en Galicia, mesmo cando este non tiña xa obstáculos en Castela. En 1371 (só A Coruña se mantiña aínda por Fernando I) pasa de Portugal a Galicia, domina axiña o reino e estimula a rebelión do Concello de Santiago contra o señorío do arcebispo Rodrigo de Moscoso, quen unha vez triunfante atrévese entón a privalo da pertiguería 18. A derrota de Fernando de Castro en Porto de Bois (perto de Lugo) obrígao ao exilio definitivo, sen por iso desistir nunca da súa causa. Desde entón participa na organización da intervención inglesa, pero a morte sorpréndeo en Aquitania. En 1374 emitía aínda desde a Baiona vasco-francesa (territorio baixo a soberanía do rei de Inglaterra) un documento de nomeamento de alcaldes19. Pouco despois (ese mesmo ano ou o seguinte) morría alí mesmo. Os Castro e Portugal A intensa implicación dos Castro nos asunto transmiñotos insírese na delongada tradición da nobreza condal galega, proxectada por esas terras coa naturalidade que lle porporcionaba a integración de ambos espazos nun mesmo reino desde tempo inmemorial. A ruptura provocada pola independencia de Portugal no s. XII era inicialmente un asunto interno que respondía aos intereses contrapostos duns sectores hexemónicos que, ao cabo, eran todos galegos. Os Traba representaran naquelas datas a unha alta nobreza condal galega, desprazada do condado portucalense pola nobreza menor. A conexión familiar entre os Traba e os Castro e a obtención subseguinte por parte destes do condado de Trastámara de mans de Afonso X –que llo concedeu a 15

B. Vicetto, op. cit., V, 332-333, tomándoo de España Sagrada, t. XLI.. A. López Ferreiro, op. cit., VI, 179-182. 17 Aínda que o cronista Fernão Lopes chegue a dicir (contradicíndose a si mesmo) que si participou (Crónica do senhor rei Dom Fernando, ed. S. Dias Arnaut, Porto, s/d., XXV, 75-76). 18 A. López Ferreiro, op. cit., VI, 194. 19 Arquivo Ducal de Alba, Cª. 344-1 (2 de xaneiro de 1374). 16


Estevo Fernández20– transmitiulle a esta casa a liña política seguida por aqueles, e o fracaso das súas pretensións ao respecto, consumado coa revolución portuguesa de 1383, así como a paralela crise da liñaxe (e con esta a da alta nobreza condal galega), trouxo consigo a crise das relacións con Portugal. Paralelamente, o apoio prestado á política de Fernando I de Portugal constitúe a outra cara da mesma moeda en que se acuña a fidelidade a Pedro I (de Castela e de Galicia), por canto ambas entrañan a oposición á hexemonía que en Galicia detentaba o episcopado, rival dos Castro. Así pois, a coincidencia de ambos factores explica a intensificación da política filo-portuguesa en Galicia durante a segunda metade do século XIV. Sen necesidade de remontármonos a tal tradición secular, o posicionamento de Fernando Rodríguez de Castro en favor do infante Xoán na súa pretensión ao trono de Galicia (e Léon), no tránsito do s. XIII ao XIV, que á súa vez contaba –como xa se dixo– co respaldo de don Denís de Portugal, ilustra á perfección o rol dos Castro. A morte de Fernando Rodríguez (en 1307) fronte aos que desde Castela defendían a política contraria, non fixo senón reafirmar a opción portuguesa da familia, pois o aínda neno Pedro Fernández (logo alcumado O da Guerra) houbo de ser enviado a Portugal, onde se criou, no propio ambiente dos monarcas dese reino. A consanguinidade dos Castro coa casa real portuguesa –e a familiaridade dalgún outro nobre galego, como Xoán Fernández de Andeiro– ofrecerá a posibilidade de eles mesmos constituiren unha dinastía portuguesa, personalizada precisamente na descendencia de Inés de Castro. O compromiso dos Castro con Portugal fixérase xa patente con motivo da guerra entre Afonso XI (de Castela e Galicia) e Afonso IV de Portugal. Pedro Fernández de Castro mantiña polo visto malas relacións co portugués (fillo de don Denís) e en cambio moi boas con Afonso XI, que o armara cabaleiro en 1332 e de quen era Adiantado de Galicia, pero en 1336-37 mostrouse remiso e non se opuxo ao portugués cando este entrou por Galicia e asediou Salvaterra, alegando a débeda de gratitude que tiña coa dinastía portuguesa21, fidelidade feudal que foi comprendida polo monarca castelán. Pedro Fernández O da Guerra casara con Isabel Ponce de León, señora de Vilanova das Infantes, coa que tivo a Fernando Ruíz e a Xoana de Castro, e coa portuguesa Aldonza Suárez de Valadares tivo a Álvaro Pérez e a Inés, que por tanto eran medio portugueses por nacemento. Esta orixe, unida á proxección do primoxénito, Fernando Ruíz, na Corte de Castela e á súa función hexemónica en Galicia, deixou en mans de Álvaro Pérez a dirección da política portuguesa da liñase, que vai vehiculizar por medio de Inés. Entra esta en escena en 1340 formando parte do séquito de Costanza (filla de don Xoán Manuel) cando acode a Portugal para casar co infante Pedro, fillo de Afonso IV. A relación amorosa que de inmediato se establece entre Inés e o infante contrariaba por completo os plans do rei, que forza o exilio de Inés. Pero Costanza falece en 1345, e Inés retorna, instalándose en Coimbra co infante e os fillos de ambos. Se nesa ocasión casaron ou non é algo que se debatiu intensamente. Máis tarde, sendo xa rei, Pedro asegurará que si, xustificando a tardanza do recoñecemento público polo temor á oposición feroz do seu pai cando este aínda reinaba. Coñecemos os seus argumentos só por boca do máis autorizado detractor da voda, o doutor Xoán das Regras, quen nas Cortes de Coimbra de 1385 desprega todo o seu arsenal dialéctico (paralelo á diplomacia e á forza) en favor dos presuntos dereitos de Xoán de Avís 22, para

20

E. González López, op. cit., 132. A. López Ferreiro, op. cit,, VI, 100-101, seguindo a Crónica de Alfonso XI. 22 Fernão Lopes, Crónica de D. João I (ed. H. Baquero Moreno e D. Sérgio, s/d), 395 ss. 21


o que era preciso demostrar a inexistencia do matrimonio de Inés e Pedro e, polo tanto, a ilexitimidade dos seus fillos, os infantes Xoán e Denís. Os alambicados argumentos carecen de maior interese, tendo en conta que a solución do asunto dependía en última instancia da correlación de forzas e non da veracidade das razóns, que ademais de embarulladas semellan imposibles de confirmar. En todo caso o tema da lexitimidade é nesta caso irrelevante, pois o propio mestre de Avís era el mesmo fillo natural do rei Pedro, quen unha vez morta Inés non quixo nunca máis casar, conformándose con ter «amigas», unha delas precisamente a galega Tareixa, de quen naceu o dito Xoán, mestre de Avís, que por certo foi criado polo tamén galego Nuño Freire de Andrade, mestre da Orde de Cristo en Portugal 23 e outro dos grandes valedores da opción portuguesa en Galicia. Por algo boa parte da opinión portuguesa reclamaba aos fillos de Inés e Pedro como lexítimos herdeiros da Coroa: «o candidato do povo era o infante D. João»24, que á sazón se atopaba daquela en Castela, en poder de Xoán I, circunstancia que deixou a porta aberta ao ascenso do seu medio irmán, o mestre de Avís. Non obstante, a súa candidatura mantívose nas referidas Cortes de Coimbra, e unha vez morto (1387) a dignidade sucesoria foi transmitida ao seu irmán Denís25, falecido dez anos despois. A pretensión de entronizar en Portugal unha dinastía procedente de Inés de Castro vai parella á defensa da lixitimidade de Pedro I en Castela-Galicia, e cabe identificar detrás desta política ao sector social da nobreza laica, oposta ao señorío episcopal, contando coa aquiscencia da burguesía urbana galega, beneficiaria da alianza portuguesa e inglesa. En ambos proxectos coincidentes os Castro exercen unha función dirixente, e niso se implican indistintamente as dúas cabezas da liñaxe, Fernando Ruíz e Álvaro Pérez. Sen embargo percíbese un reparto de funcións, ao que non son alleas as afinidades familiares. A relación vasalática de Fernando Ruíz co rei Pedro I, así como a común filiación (paterna e materna) que compartía con Xoana (efémera muller de Pedro I), comprometérono de maneira moito máis intensa nesta dirección, converténdoo no máis firme puntal do monarca, ata o mesmo episodio de Montiel (1369), e na posterior defensa dos dereitos da filla do rei, ata a súa propia morte en 1376. Atopamos eses mesmos factores na persoa de Álvaro Pérez, pero neste caso con respecto á política portuguesa, da que el foi máximo soporte. Non se esqueza que a filiación materna compartíaa con Inés de Castro e que, por tanto, os infantes fillos dela eran seus directos sobriños. Os vínculos vasaláticos coa monarquía portuguesa eran fortísimos. O ascenso político de Álvaro Pérez consúmase durante o reinado de Fernando I (1367-1383), cando obtén o título de Conde de Arraiolos, polo visto a instancias de Leonor Télez, esposa do rei26. Fátima Regina Fernandes puntualiza que xa en decembro de 1361 «é beneficiado» en Portugal27. A culminación da súa carreira pódese ilustrar coa concesión do título de Condestable de Portugal, sendo el quen por primeira vez o ostenta, costume que Portugal adoptaba de Inglaterra 28. Cando en 1377 Henrique II de Trastámara avanzaba sobre Lisboa, Álvaro Pérez a defendía en calidade de alcaide 29 e cando prevé o ataque de Xoán I de Castela contra Fernando I de Portugal, encárgaselle a 23

Ibid., Crónica de D. Pedro (ed. A. Borges Coelho, 1977), 46. Ibid., Crónica de D. Fernando, XX. 25 Ibid., XXI. 26 Ibid., Crónica de D. Fernando, cap. LXV, 172. 27 F. Regina Fernandes, “Os exilados castelhanos no reinado de Fernando I de Portugal”, En la España medieval (Madrid, 2000), 103. 28 Fernão Lopes, Crónica de D. Fernando, cap. XL, 416. 29 Ibid., cap. LXXIV, 197. 24


el como fronteiro a defensa da zona de Elvas 30. Asimesmo, no acordo asinado entre Portugal e Castela, ratificado coa voda da filla de Fernando I, Beatriz, con Xoán I de Castela, Álvaro Pérez está entre os que reciben por parte portuguesa a cerimonia de pleito e homenaxe31. A fidelidade de Álvaro Pérez a Fernando I non admite dúbida. Foi o principal animador da intervención deste en Galicia tras o asasinato de Pedro I en Montiel (1369), e acompañouno na expedición. Sen embargo, unha vez morto Fernando I tiña proxectos propios desde a súa alta posición na Corte (e dise que tamén pola súa íntima relación coa raíña, xa antes de esta enviuvar) para a sucesión ao trono portugués, respaldado por unha ampla presencia de galegos (e de casteláns) en Portugal, ocupando postos importantes, o cal concitaba as críticas dos representantes das cidades, que pedían á raíña rexente Leonor «que ajaes em vosso comselho naturaes destes regnos, e nom gallegos nem castellãos»32. Neses proxectos campa a idea de confluencia das coroas de Castela-Galicia e Portugal, na cabeza dun candidato favorable á sinalada política atlantista e comercial. Desde a súa chegada a Portugal en 1353 asegura López Ferreiro 33 que apoiou a candidatura do infante Pedro, o probable marido da súa irmá Inés (coa consabida oposición do pai deste, Afonso IV), polo que a súa postura semella coherente. En cambio, a morte de Pedro I (de Castela-Galicia) en 1369 e posteriormente a de Fernando I (de Portugal) en 1383 deixaba expédito o camiño, que consistiría na entronización non da filla de Fernando I e Leonor, Beatriz, daquela casada con Xoán I de Castela, senón dos fillos de Pedro e Inés, para o cal contaba co beneplácito de moitos portugueses «por que o Regno de Portugal sempre fosse regno sobre si apartado» 34, conforme a reiterada e intensa oposición á unión con Castela por parte do estamento popular portugués e unha parte da nobreza. Precisamente o infante Xoán, que anteriormente fora acollido en Castela xunto coa súa irmá Beatriz e se lle concederan os señoríos de Alba de Tormes e Real de Manzanares, foi apresado por Xoán I en canto morreu Fernando I de Portugal, por temor á súa previsible reclamación dos dereitos ao trono, que Xoán I quería para sí como rei consorte35. A solución sucesoria proposta por Álvaro Pérez tería suposto o inicio dunha dinastía dos Castro en Portugal36, mais obviamente non progresou. A defensa deste proxecto nas complicadas circunstancias dos anos 80 dese século explican certas dúbidas que o cronista Fernão Lopes insinua acerca do comportamento do propio Álvaro Pérez e o cambio experimentado logo polo seu fillo Pedro de Castro respecto ao mestre de Avís. Na primavera de 1384 a flota castelá chega sobre Lisboa e Álvaro Pérez está ao mando da nave portuguesa Estrela. En xuño morre, cando a cidade está cercada, tendo encomendada a defensa dun trozo de muralla37, e foi soterrado no convento de Santo Domingo38. Por iso cando o cronista fai relación dos que axudaron ao mestre a defender o Reino, inclúe o nome de Álvaro Pérez 39. Sen embargo ao seu fillo Pedro de Castro colócao entre os que lamentablemente estiveran co inimigo40. ¿Debemos pensar nun 30

Ibid., cap. CXVI, 330; cap. CXVIII, 333. Ibid., cap. CLXVII, 460. 32 Ibid., cap. CLXXIII, 479; Crónica de D. João I, cap. XIX, I, 42. 33 A. López Ferreiro, op. cit., 145. 34 Fernão Lopes, Crónica de D. Fernando, cap. CLXXV, 484; a mesma idea en Crónica de D. João I, cap. XIV, I, 33. 35 Ibid., Crónica de D. João I, cap. LIII, I, 106. 36 C. Nogueira, op. cit., 275. 37 Fernão Lopes, Crónica de D. João I, cap. CXXXVIII, I, 272-274. 38 Ibid., cap. CXVI, I, 226. 39 Ibid., cap. CLIX, I, 342 e cap. CLXI, I, 346. 40 Ibid., cap. CLX, I, 344 e cap. CLXXV, I, 373. 31


contraditorio, tal vez oportunista cambio de bando?. Non semella ser esta a simple explicación. En 1384 Pedro de Castro está xunto co seu pai na defensa de Lisboa, aínda que segundo o cronista xa se sospeitaba da súa inclinación en favor de Xoán I de Castela41, chegando mesmo a ser momentaneamente detido por temor a que quixese facilitar a entrada dos casteláns, sendo non obstante axiña exonerado42. Situación certamente confusa, de ser verídico o que reflicte Fernão Lopes, pois ao mesmo tempo Beatriz, filla tamén de Álvaro Pérez, está coa muller de Xoán I de Castela (Beatriz), mais animándoa a abandonalo e acollerse ao mestre43. Por fin os acontecementos se precipitaron e Pedro de Castro participou nunha conspiración para asasinar ao mestre de Avís 44. Úrdese isto a finais de 1384 e é xa en 1385 cando se descubre e se frustra, fuxindo entón Pedro a refuxiarse en Santarén, que estaba en poder de Xoán I de Castela45. E non é o único da liñaxe implicado no asunto, senón tamén a súa nai (a condesa María), viúva xa de Álvaro Pérez, e sorprendentemente o conde Pedro Henríquez de Castro, sobriño do propio Henrique de Trastámara e marido doutra filla de Álvaro de Castro, Isabel de Castro46. A participación destes personaxes, en efecto, non deixa de sorprender, porque Pedro Henríquez era home de confianza dos trastamaristas, ata o punto de que, casado con Isabel de Castro, recibía o título de conde de Trastámara, tras ser privado del Fernando Ruíz de Castro por Henrique II, pero pasárase a Portugal cando viñera contra Coimbra coas tropas de Xoán I en 1384, camiño do cerco de Lisboa. Ven aquí ao caso sinalar o ataque paralelo efectuado polo arcebispo compostelán Xoán García Manrique, ao mando de tropas galegas trastamaristas, que cobran Braga en nome de Xoán I 47. A crónica de Fernão Lopes narra «como os do Porto sahirom fora da çidade pera pellejar com os gallegos»48, que por certo portaban «bamdeira temdida dos sinaes de Santiago»49. O cambio de bando de Pedro Henríquez nese momento é tan convincente que se lle encomenda o comando da flota portuguesa que ese mesmo ano contraataca percorrendo toda a costa de Galicia, en singradura que paga a pena resumir: tocan primeiro Baiona, «castello fraco e pequeno», que evita o incendio da súa desprotexida Pescadería entregando un rescate de catrocentos francos; no estaleiro de Muxía, «que he pescaria sem fortelleza», queiman dous navíos; A Coruña avense a pagar seiscentos francos para salvar a súa Pescadería; seis galeras parten despois para Ferrol e incéndiano todo menos a igrexa; Neda fai preitesía por catrocentos francos; logo toda a armada vai a Betanzos, «boa villa castellada», onde queiman dúas naves, unha delas precisamente cargada de enxeños destinados ao cerco de Lisboa, apresan a galera de nome Volanda e poñen cerco á cidade50. Sen embargo, a defección de Pedro Henríquez e de Pedro de Castro, así como as desconfianzas cara ao mesmo Álvaro de Castro, fanse perfectamente lóxicas desde o momento en que o mestre Xoán de Avís optou por postularse el mesmo como rei de Portugal, e non xa como mero defensor dunha dinastía portuguesa oposta aos Trastámara casteláns. Ata que iso se fixo explícito, nas Cortes de Coimbra de 1385 (obviamente decidido con antelación), toda a descendencia do rei Pedro de Portugal (o 41

Ibid., cap. LXXV, I, 145. Ibid. cap. CLXXV, I, 374. 43 Ibid. cap. LXXIX, I, 151-152. 44 Ibid. cap. CLXXV, I, 375. 45 Ibid. cap. CLXXVII, I, 379. 46 Ibid. cap. CLXXVIII, I, 383. 47 Ibid. cap. LXVIII, I, 132. 48 Ibid. cap. CXIX, I, 232; CXX, I, 233; CXXI, I, 235. 49 Ibid. cap. CXXI, I, 235. 50 Ibid. cap. CXXIV, I, 243. 42


xa morto Fernando I, os fillos de Inés, e o mestre de Avís) estiveron unidos, pero a partir dese momento é evidente que os obxectivos do mestre e os dos Castro discorren por camiños antagónicos, que representan –como xa dixemos– diferentes alternativas sociais: a candidatura de Xoán de Avís conta co soporte das burguesías urbanas, en especial a de Lisboa, en tanto que a dos Castro presenta un matiz nobiliar máis marcado, o cal explica certas connivencias e acabará por precipitalos, cando se evidencie o seu fracaso, nos brazos trastamaristas, onde procuraron refuxio. De feito xa o infante Denís (primoxénito de Inés e Pedro) viñera a Portugal desde Castela, e logo foi o seu irmán, Xoán, quen acudiu con Xoán I e participou nos cercos de Trancoso e Elvas51. A intervención de Fernando I de Portugal en Galicia (1369-1370) Fernando Ruíz de Castro permaneceu por forza alleo ao momento máis intenso deste acontecemento: en 1369 estaba con Pedro I no castelo de Montiel cando este foi morto polo seu medio irmán Henrique II, e el ficou preso; cando recuperou a liberdade xa Fernando I se retirara de Galicia. A morte de Pedro I permitiu a entronización de Henrique de Trastámara en Castela, mais non en Galicia, onde predominaba o partido de Fernando de Castro, e onde seguramente (non hai constancia, mais así o suxiren os feitos posteriores) os concellos urbanos se impuñan neses momentos aos prelados trastamaristas. Vai ser entón Álvaro Pérez quen asuma a dirección anti-trastamarista e anime a intervención do rei portugués en Galicia, para o que se contaba cos oportunos argumentos xenealóxicos, pois Fernando I resultaba ser bisneto de Sancho IV e a súa lexitimidade, por tanto, podía ser constrastada coa ilexitimidade de Henrique de Trastámara, fillo natural de Afonso XI ademais de rexicida. Non esquezamos, de paso, que Fernando I, fillo do rei Pedro de Portugal, entroncaba tamén familiarmente cos Castro e que o propio Álvaro Pérez (fillo de Pedro e Inés) víñalle sendo medio tío. No mesmo ano 1369 (o da morte de Pedro I de Castela e de Galicia) Fernando I arma doce galeras e entra en Galicia, acompañado por Álvaro Pérez de Castro e Nuño Freire de Andrade. Rapidamente percorre o Reino de sur a norte, por terra e mar, sendo en todas partes favorablemente acollido. Na Coruña úneselle Xoán Fernández de Andeiro, que comeza así a súa exitosa e finalmente tráxica carreira política en Portugal. Fernão Lopes cita tamén a Sueiro Anes de Parada, Men Rodríguez de Seabra e Afonso Gómez Churrichao entre os destacados cabaleiros que engrosan o seu bando, e entre os lugares que toman partido por el destaca Tui, Padrón, a fortaleza da Rocha, A Coruña, Salvaterra, Baiona, Allariz, Milmanda, o castelo de Araúxo, Ourense, Ribadavia, Lugo e Santiago52... practicamente toda Galicia. Pero a rápida chegada das tropas ao servizo de Henrique II provocou a retirada de Fernando I desde A Coruña 53. Na súa ofensiva Henrique II penetrou por Portugal, e foi no cerco de Guimerães onde Fernando Ruíz de Castro, que estaba preso, atopou ocasión de fuxir, parece ser que coa excusa de parlamentar cos sitiados, aproveitando para refuxiarse na cidade54. A continuación foi Fernando Ruíz quen entrou por Galicia pola súa conta, pronunciándose por el Santiago, Lugo e Tui, ademais de permanecer aínda A Coruña 51

Ibid. cap. CLXXXVII, I, 409. Ibid., Crónica de D. Fernando, cap. XXV, 75-76. 53 Ibid., cap. XXXII, 88-89. 54 Ibid., cap. XXXIV, 93-94. 52


fiel ao rei portugués55. Nesas circunstancias reavivouse a resistencia urbana galega frente ao Trastámara. Na primavera de 1371 producíase o levantamento da cidade de Santiago contra o arcebispo Rodrigo de Moscoso, e facíase explicitamente en nome de Fernando de Castro e do rei de Portugal 56. Henrique II envía contra Fernando de Castro ao seu Adiantado, Pedro Ruíz Sarmento, e a Pedro Manrique 57, que o derrotan en Porto de Bois (1371), obrigándoo a retirarse a Portugal. Sen embargo nese mesmo ano a paz de Alcoutim recoñecía o final e fracaso da pretensión de Fernando I de Portugal, por máis que Tui tivese que ser asaltada por Pedro Ruíz Sarmento en 137258 e A Coruña, abastecida por mar desde Portugal e defendida por Nuño Freire de Andrade, só acatase ao Trastámara un ano despois 59. Nesa paz, ademais da voda de Fernando I con Leonor, filla de Henrique II, que levou como dote Monterrei e Allariz60, estipulouse tamén que a familia de Fernando Ruíz de Castro marchase con el a Portugal61. Os trastamaristas fíxeronse entón fortes en Galicia e Fernando de Castro xa nunca puido volver ao seu país. Algunhas medidas de gobernación adoptadas por Fernando I durante o breve perídodo da súa intervención en Galicia confirman a frase da crónica de que pretendía manter sobre este Reino un dominio duradeiro, máis alá dun episodio circunstancial, pois «entendía de possuir longamente» as prazas galegas 62. En efecto, suprimiu as aduanas entre ambos e asegurou o abastecemento das cidades galegas, restaurou murallas e correxeu as moedas acuñadas en Tui e na Coruña, omónimas das portuguesas (barbudas, graves, pilartes e fortes) pero de peor lei63. O elevado volume da emisión desta moeda fernandina en Galicia fica de manifesto na disposición das Cortes de Lisboa do ano 1371, que deciden ampliar o prazo para o cambio desa moeda pola de curso en Portugal64. O remate definitivo deste capítulo asinábase en 1373, na paz de Santarén 65, concedéndose entón o abandono da Coruña por parte de Portugal e mesmo a expulsión deste reino de Fernando Ruíz de Castro e outros destacados anti-trastamaristas 66, aínda que esta cláusula só se cumpliu reticentemente máis tarde, expirado xa o prazo que se acordara e ante as reiteradas esixencias castelás67; entón Fernando de Castro dirixiuse por mar ata Valencia, logo de pasar por Granada, e desde alí acadou as posesións inglesas de Aquitania68. Xa non voltaría a Galicia. A expedición do duque de Láncaster

55

López de Ayala, II, 307. ACS, Tombo C-2, 341. 57 Ibid., XL, 106. 58 López de Ayala, II, 329. 59 Ibid., 299. 60 Este aspecto enmendouse despois ao excusar Fernando I a dita voda e renunciar por tanto ás citadas prazas (Fernão Lopes, Crónica de D. Fernando, LIX, 159). 61 Ibid., LIII, 140-141. 62 Ibid., XXXI, 87. 63 Ibid., LVI, 150. 64 Ed. A.H. Oliveira Marques e N.J. Pizarro Pinto Dias (Lisboa, 1990), Cortes Portuguesas. Reinado de D. Fernando I (1367-1383), I, 31. 65 “Chronicon Conimbriense”, España Sagrada, XXIII, 351. 66 López de Ayala, II, 345. 67 Fernão Lopes, Crónica de D. Fernando, cap. LXXXIV, 222. 68 Ibid., LXXXVI, 228. 56


O último capítulo da política atlantista impulsada polos Castro excede a vida dos nosos protagonistas e por tanto tamén a nosa actual exposición, polo que só nos cabe deixarmos constancia do mesmo. Fernando Ruíz de Castro falece cando se estaba fraguando. A implicación de Inglaterra nos asuntos concernentes a Galicia alongaba as súas raiceiras ata bastante antes dos acontecementos recén narrados; acada os prolegómenos da mesma guerra civil que enfrentou a Pedro I (de Castela e Galicia) contra Henrique de Trastámara. En 1363, cando era evidente a conspiración aristocrática contra Pedro, este asinou unha alianza con Eduardo III de Inglaterra, pola que recibiría o auxilio de tropas inglesas comandadas polo Príncipe de Gales (o chamado Príncipe Negro)69, todo isto – lémbrese– no contexto do macroconflito da Guerra dos Cen Anos entre Inglaterra e Francia. A participación de Fernando de Castro neste teatro de operacións, como home de confianza de Pedro I, salta á vista no seu encontro co Príncipe Negro en Burgos en 1367 70 . E a implicación de Xoán de Gante, duque de Láncaster, fillo terceiro de Eduardo III de Inglaterra, prodúcese en 1367, cando participa na batalla de Náxera71, notable victoria das forzas petristas. Despois da morte de Pedro I en 1369 (e prisión temporal de Fernando de Castro) a alianza anti-trastamarista con Inglaterra foi urdida por Álvaro Pérez e os exiliados galegos en Portugal, con posterioridade á paz de Alcoutim, e tiña un obxectivo dobre e coincidente: o de procurarlle un auxilio defensivo a Portugal frente a Castela, mais tamén o de destronar aos monarcas Tratámara (primeiro a Henrique II e logo a Xoán I) mediante a candidatura do duque de Láncaster, que enarbolaba a súa lexitimidade por estar casado, desde 1371, con Costanza, filla de Pedro I e polo tanto herdeira das coroas de Castela e de Galicia. O 30 de xaneiro de 1372 o Council inglés outorgaba o seu beneplácito ao plan, autorizando ao duque a exhibir as armas de Castela-León e en febreiro Costanza (nova duquesa de Láncaster) era recibida na súa calidade de raíña. O seu selo adquiría uso legal e as súas armas se incorporaban ao escudo heráldico 72. Coida Russell que no mes de marzo dese mesmo ano o título real de Castela e León/Galicia se uniu ao do ducado de Láncaster73. O tratado específico para a intervención militar inglesa que había de entronizar aos duques de Láncaster asinábase en xuño de 137274, pero pouco despois (1376) morría Fernando Ruíz de Castro na Baiona vasco-aquitana, praza baixo soberanía inglesa. Parece ser que foi enterrado no claustro da catedral desa cidade, sendo seguramente a súa algunha de entre as varias tumbas anónimas góticas que hoxe podemos ver nese lugar. Esta circunstancia, xunto con outras de índole político-militar, tales como as propias mortes de Henrique de Trastámara en 1379 e do monarca portugués Fernando I en 1383, así como o decurso dos acontecementos bélicos en Francia, foron dando ao traste coa empresa, e se non a liquidaron definitivamente si que a adiaron durante quince anos. A supervivencia da idea debeuse de aquí en adiante á iniciativa de Xoán Fernández de Andeiro, «natural da Crunha», quen despois de chegar a Portugal con 69

López de Ayala, II, 79. Russell, The english intervention in Spain and Portugal in the time of Edward III and Richard II (Oxford, 1955), 179. 71 Fernão Lopes, Crónica de D. Fernando, cap. VI, 23. 72 Russell, op. cit., 175-177. 73 Ibid., “Juan Fernández de Andeiro en la Corte de Juan de Láncaster”, BRAG, t. 23 (1942-1943), 361. 74 Ibid., 361; o texto do tratado en Fernão Lopes, Crónica de D. Fernando, cap. II, 25. 70


Fernando I, se moveu entre este reino e Inglaterra, reorganizou a alianza antitrastamarista e fixo realidade o plan de intervención do duque de Láncaster en Galicia75. A actividade diplomática de Andeiro culmina no envío de dúas expedicións inglesas á Península. A primeira en xullo de 1381, cando chegan corenta e oito naves a Portugal, comandadas por Edmundo de Langley, irmán do duque de Láncaster, e co propio Xoán Fernández de Andeiro a bordo76. Non semella que fosen de gran utilidade, e máis ben provocaron problemas coa poboación lisboeta; retiráronse con máis pena que gloria. En 1386, por fin, arribaba á Coruña o propio Xoán de Gante, duque de Láncaster, coa súa muller a raíña Costanza, iniciándose a breve e finalmente frustrada campaña destinada a entronizalos a ambos como reis «de Castella e de Leom e de Tolledo e de Galliza»77. Os acontecementos evolucionaban inicialmente de maneira favorable, cunha boa acollida en Galicia que lles permitiu instaurar Corte en Compostela e actuaren como reis de Galicia durante cousa de un ano. Finalmente retirábanse en 1387 e a paz de Baiona asinada o ano seguinte sancionaba, contra certas compensacións económicas e políticas (por exemplo o matrimonio de Caterina de Láncaster, filla dos duques, con Xoán II de Castela), a renuncia ás súas pretensións rexias. Desta maneira cerrábase un longo capítulo, expresamente aberto a principios do s. XIV, no que a liñaxe dos Castro dirixiu unha orientación exterior de Galicia en pos duns intereses económicos e políticos que miraban cara ao Atlántico e estreitaban os vínculos deste reino con Portugal.

75

Fernão Lopes, op. cit., CXV, 325-326 Ibid., CXXVIII, 358. 77 Ibid., LXVII, 177-178. 76

Os Castro: unha alternativa atlantista na Galicia do s. XIV  

Os Castro: unha alternativa atlantista na Galicia do s. XIV. (A. López Carreira)

Read more
Read more
Similar to
Popular now
Just for you