Issuu on Google+

INFORMÁTICA Durante o curso que remata, os medios informáticos dispoñibles para uso pedagóxico e profesional estiveron distribuídos nos seguintes puntos: Aula de informática Biblioteca Sala de profesores portátiles Había tamén equipos na aula de música, PT, AL e Orientación, ademais dos de uso administrativo de Secretaría. AULA INFORMÁTICA Como en anos anteriores, estableceuse un horario para o uso desta aula de maneira que tódolos cursos tiveran reservada unha sesión durante a semana á súa disposición. Con carácter xeral, foron os titores os responsables de levar aos alumnos á aula, aínda que nalgúns casos, por necesidades organizativas, foi doutro xeito. Por outro lado, reserváronse oito sesións para mantemento, que coincidían con horas de Alfonso e Fernando. Estas horas tiveron algunha modificación para facilitar horarios dalgúns grupos, tendo en conta que as horas disponibles de Alfonso tamén eran para tarefas fóra da aula (equipos na sala de profesores, mantemento das páxinas web... Noutros momentos utilizouse a aula puntualmente, segundo dispoñibilidade e oportunidade. O traballo realizado estivo ao criterio dos profesores respectivos, e debemos sinalar as dificultades presentadas en distintos momentos: Polo non control por parte dos titores no uso de INTERNET, aparecían sistemáticamente programas e accesos directos non desexados nos ordenadores. Os cambios e renovacións de equipos provocaron tamén problemas na administración da rede, con dificultades en momentos para o acceso a internet, ou á impresora compartida. Implementáronse equipos con sistema operativo GNU-Linux, tendencia que previsiblemente se irá incrementando paulatinamente, por razóns de operatividade dos equipos antiguos, e sobre todo, polo feito de non ter que pagar licenzas de sistemas operativos privados. Realizouse un protocolo nos equipos da aula co obxectivo de poñer a disposición dos usuarios ferramentas informáticas de distribución libre, así como unha estandarización dos escritorios e programas básicos de seguridade. SALA DE PROFESORES Estiveron instalados catro ordenadores nesta sala,un deles funcionando con GNU-Linux. Polo regular funcionaron correctamente, aínda que houbo incidencias por virus e sobre todo, polo acceso ás impresoras. Esta é unha dificultade recurrente, que provocou moitas intervencións das persoas responsables do mantemento da rede. Resultou moi evidente a relación entre o uso de dispositivos de memoria portátil (pen-drives) e propagación de virus informáticos. Recoméndase a prudencia no uso destes dispositivos, e a implementación de hábitos de utilización de recursos na rede (correo electrónico, discos durons “na nube”, etc.)


EQUIPOS MÓBILES Os equipos portátiles disponibles no centro foron utilizados para xestión por parte do equipo directivo (director e xefe de estudios), así como para utilización por parte do coordinador das TIC (Alfonso), o equipo de Normalización Lingüística (Rosa) e a coordinadora da biblioteca (Mónica) RENOVACIÓNS Quedou sen completar durante o curso a distribución dos equipos de proxección recibidos no centro, instalándose as pizarras blancas, e co obxectivo de adquirir uns mobles que permitan transportar de maneira segura os proxectores polas diferentes zonas do colexio. Así pois, cos recursos actuais, o que se pretende con relación aos proxectores é o seguinte: Fixos na aula de informática e na de video. Un disponible para circunstancias especiais (aula natureza, festivais...) Os outros cinco para distribuir nas zonas, para os que deberemos dispor tamén de portátil, carro de transporte, e demáis accesorios necesarios. Respecto ao traballo de mantemento, un ano máis temos que dicir que non foron suficientes as horas adicadas, xa que houbo moitos momentos de mal funcionamento dos equipos. Deberemos reflexionar sobre a fórmula máis axeitada para unha óptima disposición dos equipos informáticos, tendo en conta que a atención a estas tarefas precisa de moito tempo, pero tamén que a externalización do servicio pode resultar moi cara para os presupostos do colexio. Hai que sinalar que onde se adica máis tempo é no mantemento dos equipos de xestión ou uso do profesorado (sala profesores, orientación, etc). Foi nestes equipos onde máis dificultades apareceron por motivos xa de configuración, xa de funcionamento dos periféricos (impresoras), xa de acceso á rede... Finalmente, temos que facer mención da nosa integración no proxecto ABALAR, polo que dous grupos de 5º, no vindeiro curso, estarán funcionando con equipos individuais para cada alumno, así como unha pantalla dixital interactiva na aula, e ordenador portátil para o profesor/a. Isto traerá repercusións concretas que afectan indirectamente a todo o colexio: Previsible mellora do servicio de internet no colexio Consecuencias na aula de informática: os alumnos de 5º non precisarán a súa utilización sistemática, polo que quedará liberado un maior horario. Adicación preferente das horas de atención TIC ás aulas ABALAR, por ser un proxecto en fase experimental, e coa máxima prioridade para a Consellería CONSIDERACIÓNS PARA O VINDEIRO CURSO Con respecto á aula de informática: 1. Procurar o compromiso do profesorado na vixilancia e cuidado dos ordenadores pois hai nen@s que controlan bastante de informática e dedícanse a cambiar fondos de pantalla ou configurar distintos programas (páxina de inicio de internet....). 2. Procurar que os alumnos utilicen sempre o mesmo ordenador. 3. Numerar todos os ordenadores segundo a súa IP (no caso de que se manteñan as IP fixas). 4. Ver a posibilidade de comprar e utilizar algún programa que permita restrinxir ou bloquear a configuración.


Con relación aos equipos de uso profesional: 1. Debemos ter precaución co uso de memorias portátiles (pendrives) que traiamos de casa, causantes moitas veces da propagación de infeccións na rede. 2. O uso para fins persoais dos equipos estará supeditado á disponibilidade dos mesmos, sendo sempre prioritaria a utilización para cuestións profesionais, e tendo en conta tamén o non consumo de recursos propios o a seguridade contra infeccións. 3. Utilizar algún programa que permita restrinxir ou bloquear a configuración. 4. Temos que valorar entre todos cal é a necesidade de equipos disponibles para que poidamos estar servidos no noso traballo, e que ao mesmo tempo, non queden ordenadores infrautilizados neste espacio. 5. Procurar sacar o maior proveito dos novos recursos que se nos brindará coa incorporación á rede ABALAR: posible acceso wifi en todo o centro, formación e implicación do profesorado, que nun futuro inmediato vai ter que traballar en aulas deste tipo; familiarización e utilización do portal ABALAR e dos recursos que desde alí se nos ofrecerán...


Memoria Tic