Issuu on Google+


Rosa Aneiros (Meirás-Valdoviño, 1976.) É xornalista e investigadora da Sección de Comunicación do Consello da Cultura Galega. Colaboradora habitual en distintos medios de comunicación impresos e dixitais, entre eles culturagalega.org (sección Agardando as lagarteiras), Diario de Pontevedra, El Progreso, Galicia Hoxe, El Ideal Gallego, Diario de Ferrol (a través da axencia AGN), Compostelán, El País Semanal, Cerna, Faneka brava, Grial, Fadamorgana ou Casa da gramática. En 1999 presentou a súa primeira novela Eu de maior quero ser (Editorial Sotelo Blanco) á que seguiron Corazóns amolecidos en salitre (Laviovento, 2002), Resistencia (Xerais, 2003), O xardín da media lúa (Galaxia, 2004), o volume recompilatorio de artigos literarios Agardando as lagarteiras (culturagalega.org , 2003) e Veu visitarme o mar (xerais,2004). Ten publicados relatos nos volumes colectivos Narradoras (Edicións Xerais de Galicia, 2000); Relatos (Librería Cartabón de Vigo,1999), Relatos gañadores do Pedrón de Ouro 1998-1999-2000 (Edicións do Castro, 2001), Seis ferroláns (Edicións Embora, 2003), Alma de beiramar perdida (A Nosa Terra, 2003), Botella ao mar (AGAV,2003) e Narradio (Xerais, 2003). Conta no seu haber con recoñecementos como o Modesto Rodríguez Figueiredo (Pedrón de Ouro, 1998); o Manuel Lueiro Rey (1996); o Manuel Murguía (2001), o Carvalho Calero (2001) e o Premio Arcebispo Juan de San Clemente (2003).


Ainhoa, Cris, Fran, María e Miguel son cinco universitarios que viven nun piso da rúa Casa Reais na Cidade Vella compostelá e que están a piques de rematar a carreira, excepto o último ao que lle resta un curso. As diferencias canto á madurez, expectativas ou extraversións non impiden un ambiente de franca camaradería e arelas revolucionarias ás que se lle albisca o remate. Este final vén ser o trasunto da transición da adolescencia á vida adulta, con todos os medos e incertezas que acarrexa. Como se amosa na obra, non todos serán quen de facer realidade as ilusións creadas e haberá quen acade o éxito persoal, quen fique só co profesional ou quen encalle nunha morna mediocridade. A pesar da boa relación entre o grupo, quedan ocultos, gracias a silencios cómplices ou á falta de perspicacia dalgún dos protagonistas, paixóns sentimentais soterradas ou sexualidades heterodoxas que non se é capaz de sacar á superficie. En conxunto, a novela representa unha viaxe ao "modus vivendi" dos estudiantes de Santiago e a un período vital imposible de esquecer pero que non ha voltar. No texto reflíctense os temas que máis preocupan aos mozos como as dificultades de acadar a estabilidade afectiva, os problemas da vivenda, do traballo ou a incerteza do futuro.


Resistencia, a obra que constitúe o debut de Rosa Aneiros en Xerais Narrativa, percorre a historia política e social de Portugal, a través da vida de personaxes pertencentes a varias xeracións, desde os anos vinte ata os anos noventa do século XX. Mercé ao relato, a través dunha voz narrativa omnisciente, preferentemente presentada en terceira persoa, que protagonizan os personaxes principais –Dinís e Filipa– artéllase un percorrido centrado na represión exercida en Portugal durante as dictaduras de Salazar e Marcelo Caetano e na actividade da resistencia clandestina antifascista; un pano de fondo fundamental entretecido co relato dun bo número de historias de amor, entre as que salientan a de Dinís –un obreiro da fábrica de vidro Irmáns Stephen– e Filipa – filla dun rico comerciante de Coimbra–. Dinís e Filipa namoran perdidamente sen calibrar as consecuencias. O Pinhal do Rei, no oeste portugués, converteuse no testemuño da vida. Pero ninguén pode escapar aos designios do tempo e a vida dos amantes viuse marcada polas adversas circunstancias políticas que desangraron Portugal ata a Revolu-ción dos Caraveis. Para os protagonistas a militancia política non foi unha opción senón unha esixencia e tiveron que pelexar contra a miseria e contra os seus propios sentimentos. E loitaron desesperadamente coa única arma da que dispuñan: a resistencia.


Sol de Inverno, a obra coa que Rosa Aneiros gañou o Premio Xerais 2009, é unha novela comprometida, densa e cun pouso de lirismo que debuxa o periplo vital dunha personaxe: Inverno. A protagonista habita diversos escenarios que nos conducen desde a perdida aldea de Antes a Barcelona, para relatarnos a crueldade da guerra; e logo ás circunstancias da fuxida a Francia; ao emblemático barco Ipanema; ao longo exilio cubano; á revolución castrista; e mesmo á viaxe ao París do maio do 68. Será en Cuba onde atopamos o pouso da emigración e dos descendentes dos cimarróns, da memoria infi nita da tata Luzdivina e do cheiro das follas de tabaco do bisavó Andrés, un escenario clave para entender a singradura dunha protagonista que turra por volver a Antes. Para o xurado do Premio Xerais 2009 «Sol de Inverno constrúe un mundo simbólico e máxico polo que deambulan seres entrañables para crear un relato de pulso vagoroso, que reborda nun potente río de historias. A memoria do exilio, as súas voces e as súas feridas, que Inverno debe lamber unha e outra vez, marcan o pulso desta novela que destaca pola rebeldía dos personaxes na defensa dos ideais e da xustiza.»


Na “Luzada”, a cafetaría de Patricia, conflúen cada mañá os camiños que transitan os personaxes d’ As de bolboreta, a novela de Rosa Aneiros gañadora do Premio Fundación Caixa Galicia de literatura xuvenil 2009. O de Manuel, un neno de orixe africana, a quen lle morreu a súa nai adoptiva, que comparte varias horas do día co seu avó. O de Lola e Eusebio, un matrimonio de persoas maiores que viven soas e deben enfrontar as difíciles decisións que esixen a vellez e a aparición da enfermidade. O de Iqbal, un mozo de pais paquistanís que decidiu marchar de Londres tras os atentados terroristas no metro de 2005. O de Aysel, unha kurda que manifesta a impotencia que sente pola indiferenza con que a comunidade internacional acolle a represión exercida contra o seu pobo por parte do goberno turco. O dos alpinistas do monte Gurugú, dous mozos nixerianos que tentan atravesar o valado da fronteira de Melilla para poder reunirse coa súa tía, que agarda todos os días no bar unha chamada que confirme a chegada dos seus sobriños a Galicia. E tamén o de Paco e Adolfo, dous homes covardes que non aprenderon a considerar as súas mulleres como compañeiras de viaxe, e o da señora Filomena, e o de Ana, e o de Fiño… O xurado do Premio Fundación Caixa Galicia 2009, que outorgou por unanimidade o galardón a esta novela de Rosa Aneiros, sinalou que “Ás de bolboreta presenta unha estrutura non xerarquizada, dividada en breves capítulos onde calquera parte está conectada con todas as demais, un puzzle de pezas engarzado do mesmo xeito que se engarzan as vidas dos personaxes da novela”; salientando, ademais, que “mediante a conexión do cotián con outras historias que poden semellar máis afastadas conséguese unha intensidade narrativa reforzada polo acertado emprego dos rexistros que se van adecuando aos distintos personaxes que conforman a novela”. Para concluír que “Ás de bolboreta é un relato triste e esperanzador ao mesmo tempo, fondamente humano, solidario e internacionalista.”


Unha noite, vítima da súa propia cobardía, Alba sente que as súas últimas forzas morren entre as botellas de alcol que guinda a un contedor. É a noite do 12 de novembro de 2002; e mentres as dúbidas e o seu enzoufado estado de ánimo a consomen por dentro, unha marea negra empeza a camiñar a grandes alancadas pola superficie do mar. Entón, Alba, bióloga nunha piscifactoría da Costa da Morte, ten que se enfrontar á cadea de lembranzas e remorsos que a acompañan, con monstros e silencios, desde a súa chegada a Lira unha década antes. A catástrofe do Mar Exeo arrincáraa da vella sombra da Alhambra, onde ecoa a voz íntima da súa avoa coma unha pantasma do pasado, e agora é a marea negra do Prestige quen ameaza con levala consigo. Veu visitarme o mar é unha novela entrañable, arrebatadora, profundamente humana, onde se debate a cuestión máis trascendental: aquela que fai que a persoa se mida nunha batalla contra si mesma.



Rosa Aneiros cos Clubs do Segrel