Issuu on Google+


Francisco Alonso Villaverde

1963, Vigo Narrador, poeta, xornalista e editor Editor, xornalista, narrador, poeta subversivo... Fran Alonso é autor de traballos notablemente recoñecidos por crítica e lectores de todas as idades e artífice dunha obra que prefire contemplar dende unha perspectiva global e para a que procura diluír os lindes entre xéneros. No mesmo Vigo onde naceu en 1963, e logo de desprazamentos durante a infancia, de licenciarse en Filoloxía Galego-Portuguesa en Santiago de Compostela e de cursar estudos de posgrao en Literatura Infantil en Cuenca, Fran Alonso exerce como subdirector para a edición xeral de Edicións Xerais de Galicia e dirixe a colección de narrativa Abismos, labor que xa desempeñara á fronte da de poesía Ablativo Absoluto. Compre mencionar tamén as súas colaboracións nas páxinas de opinión de Diario 16 de Galicia, La Voz de Galicia, A Nosa Terra ou no suplemento Luces do diario El País. Os seus comentarios, opinión e anécdotas sobre actualidade publícaos regularmente no seu blog Cabrafanada (http:// cabrafanada.blogspot.com/).


http://cabrafanada.blogspot.com/)


Intereses Eu son un tipo normal. Non, de verdade, dígovolo en serio. Eu son un tipo normal. Digo isto porque moita xente pensa que os escritores somos tipos raros xente doutro mundo. Haberá quen sexan tipos raros non digo que non. Ben pois eu son un tipo normal. Películas favoritas Ningunha novela, ningún libro de ensaio, ningunha teoría política e ningunha reflexión da esquerda revolucionaria influíu en min e na miña personalidade máis do que o fixo durante a miña infancia a presencia na pantalla da televisión da rebelde indómita feminista ostentosa e provocadora Pipi Calzaslongas. Xa non podemos negar o feito de que a proporción das películas,imaxes,fotografías, páxinas web, anuncios publicitarios ou programas de televisión que vemos os escritores ao longo da nosa formación intelectual é moito maior que a dos libros que lemos. Hoxe vivimos inmersos na cultura da imaxe e iso para ben ou para mal configúranos e determínanos. Este é o noso tempo. [Fran Alonso A Nosa Terra] Libros favoritos Os libros dótannos de capacidade crítica permitíndonos interpretar o noso tempo; capacitándonos para o diálogo e o intercambio e sobre todo proporcionándonos instrumentos para valorar as cousas con xuízo propio. A frase «os libros fannos libres» non é un tópico senón unha verdade aínda revolucionaria. [Fran Alonso La Voz de Galicia]


A VIDA SECRETA DE MARÍA MARIÑO Este libro, escrito por Fran Alonso e ilustrado por Fino Lorenzo, presenta unha completa biografía e unha antoloxía representativa da obra de María Mariño, a autora homenaxeada no Día das Letras Gelgas 2007. Estudando cada un dos periodos biográficos da autora, desde o seu nacemento en Noia, pasando pola súa estadía en Euscadi e a súa volta a Galicia onde vivirá o resto da súa vida no Courel, o volume permite un achegamento didáctico e atractivo para o alumnado do terceiro ciclo de educación primaria e do primeiro de educación secundaria obrigatoria. A través das entretidas páxinas deste libro, o escritor vainos contando a vida e a obra de María Mariño como se fose unha novela. Mesturando a realidade e a ficción, desvélanos a extraordinaria figura de María Mariño desde o mesmo día en que naceu. De Noia ao Courel, pasando polas difíciles circunstancias da Guerra Civil, A vida secreta de María Mariño describe a personalidade dunha muller e dunha obra literaria de gran altura. O libro, que inclúe unha cronoloxía e unha antoloxía poética, é de lectura agradable, amena e desenfadada

CARTAS DE AMOR As historias deste libro nacen a partir de cartas de amor. Pero non son cartas de amor convencionais. O amor ou o desamor son as desculpas que nos permiten coñecer as dramáticas circunstancias que rodean ás mulleres que as escriben. De feito, os verdadeiros protagonistas das cartas xon a pobreza, a guerra, a inmigración, o franquismo, a violencia, a prostitución, a presión social, a integración… E quen escriben as cartas son mulleres que viven circunstancias vitais – persoais ou sociais- moi difíciles, ás que se enfrontan con valentía. Este é un libro contundente pero tenro, un canto á vida e á dignidade


POETÍZATE Fran Alonso preséntanos unha antoloxía da poesía galega, dende Rosalía ata os poetas máis novos, pensada especialmente para adolescentes, pero tamén para toda aquela persoa que queira afacerse a ler poesía. A antoloxía comeza, nun interesantísimo prólogo teórico, por desbotar os tópicos que corren sobre a poesía: os poetas son xente rara, falan de cousas doutros tempos nunha linguaxe incomprensible... Pola contra, Alonso establece que os poetas son xente coma todo o mundo, coma ti e coma min, que expresan as emocións, problemas ou teimas que nos asaltan a todos, dende o amor ao desexo dunha sociedade máis xusta pasando pola visión humorística da realidade, e que parten da linguaxe común para elaborar unha lingua poética capaz de suxestionarnos coa súa beleza e orixinalidade.

MALES DE CABEZA Males de cabeza, a nova obra narrativa de Fran Alonso, reflexiona sobre ese vento que sopra desde as entrañas da cultura urbana contemporánea e que nos arrastra entre as follas invisibles dunha neurose colectiva. Máis que un libro, Males de cabeza é unha arañeira de seda ácida que se vai tecendo con extremado coidado arredor dun dos temas que máis paixón e inquedanza teñen espertado ao longo do milenio: a tolemia. En Males de cabeza, Fran Alonso deita unha ollada sobre a condición humana, ás veces con tenrura, ás veces con dureza, ofrecéndonos unha visión propia e moderna da tolemia, desa tolemia próxima e contemporánea que a tod@s nos roza. E faino espindo as tensións e contradiccións cotiás do noso tempo e da nosa sociedade e abrindo un coloquio coa tradición literaria e cinematográfica que recrea a loucura


TERRITORIO OCUPADO Territorio ocupado, publicado por Xerais, é unha intensa crónica humana, entre o periodismo e a literatura, sobre o conflicto saharauí, na que o autor lIes cede a súa voz ós protagonistas: as mulleres que dirixen os campamentos de refuxiados, o militante encarcerado clandestinamente en Marrocos, un vello nómada, aquela muller que sufriu os bombardeos da aviación no deserto, os combatentes, os ministros do goberno exiliado, os fundadores da Fronte Polisario, a nena que veu de vacacións de verán a Galicia. Eles son os protagonistas de Territorio ocupado, un libro que se fixo a partir das diversas viaxes que escritor e fotógrafo realizaron ós campamentos de refuxiados onde os saharauís habitan, na máis dura hamada do deserto. E, á par da crónica literaria e periodística do texto, as 115 fotografías, fermosas e reveladoras, de Manuel G. Vicente que ilustran o libro.

SILENCIO Fran Alonso constrúe en Silencio unha interesante trama que afonda na esquizofrenia do mundo urbano contemporáneo a través dunha situación límite. A partir dun entramado narrativo cheo de intriga, un xornalista galego represaliado vai relatando as circunstancias nas que se ve envolto sen querelo. «Fran Alonso volve á narrativa coa contundencia da brevidade e eficacia dun estilo directo e preciso. O escritor galego, como moitos narradores sabios e humildes de todo o mundo, segue o legado de Kafka» (ANTÓN REIXA). «Silencio é un producto literario capaz de ateigar o noso maxín de deleite que revalida o labor fabulador e innovador do seu autor». (FCO. MARTÍNEZ BOUZAS).


SUBVERSIÓNS Subversións é o novo libro de poemas de Fran Alonso. Subversións contén un novo poemario, inédito, do autor, e ademais recompila neste mesmo volume a toda a súa obra poética, excepto Cidades. Con Subversións, Fran Alonso, unha das voces máis destacadas da década dos 90, dá un paso adiante na súa identificable arquitectura poética. A súa nova proposta poética, inédita, é un aturuxo mestizo, profundo e dolorido, que sintoniza co espírito da antiglobalización, que sae desde as entrañas do autor, ateigadas de terra, e nos sitúa nunha órbita planetaria desde a que Galicia se ve no mundo a vista de paxaro. A subversión somatízase nestas páxinas como estigma de vida e como xeito de concebir o acto creativo. Sub-versión contra o sometemendo, contra o poder, contra a propia poesía, contra as es-tructuras da lingua, contra o conformismo, contra a uniformización. Subversións é un libro denso, no que está recollido o pensamento do autor, e a súa forma de concibir o mundo.

O BRILLO DOS ELEFANTES Un libro onde a dureza da historia se xunta coa lúcida fermosura da palabra, porque Fran Alonso acerta cun emotivo discurso poético, inzado de imaxes e metáforas tan deslumbrantes e vizosas coma a paisaxe tropical que envolve os personaxes. Un texto comprometido, a contracorrente no panorama actual dos libros para a mocidade, que nos emociona e nos fai lembrar que as palabras agardan ocasións coma esta para amosarnos toda a forza que agachan no seu interior. Tamén o protagonista deste libro descubre a forza das palabras, e por iso, no capítulo final, toma o relevo do seu mestre Taquín, "engulido pola noite invisible". Á súa maneira, el tamén sabe que as palabras son tan necesarias como o pan de cada día, e que ten que haber alguén que as siga gardando e defendendo. Porque, como dicía Günter Grass nas liñas finais do seu discurso, "en definitiva, a novela de todos nós debe continuar



FRAN ALONSO