Page 1

ANIRMAU

ANIRMAU’12 1. LUGAR E DATA O II Festival Didáctico Internacional de Cine de Animación, organizado polo IES Ramón Mª Aller Ulloa, celebrarase entre o 9 e o 14 de abril de 2012 en Lalín.

2. OBXECTIVOS ANIRMAU enmárcase nun proxecto que pretende contribuír: • Ao desenvolvemento e difusión da produción audiovisual no formato da curtametraxe. • Á incorporación destes produtos á educación audiovisual do alumnado de secundaria, promovendo as posibilidades didácticas e pedagóxicas da animación.

3. SECCIÓNS COMPETITIVAS DO FESTIVAL ANIRMAU’12 contará con dúas seccións competitivas: • Sección oficial curtametraxes, para curtametraxes internacionais de animación (duración igual ou inferior aos 30 minutos), realizadas en calquera tipo de técnica. A data de produción das películas debe ser posterior ao 1 de xaneiro de 2010. • Sección oficial multimedia, para realizacións internacionais como vídeos publicitarios, vídeos musicais ou outro tipo de formatos creados mediante animación. A data de produción das películas debe ser posterior ao 1 de xaneiro de 2009.

4. CONDICIÓNS DE INSCRICIÓN Para participar nas seccións oficiais, os produtores, distribuidores ou realizadores deben posuír os dereitos sobre a obra presentada no concurso. Non se establece límite de películas para cada autor. Cada película a concurso contará coa súa correspondente ficha de inscrición. Acéptanse copias en DVD, ou ben autorización da súa descarga a través da web para aqueles filmes dixitalizados en alta definición (HD). As películas acompañaranse da transcrición dos seus diálogos. No caso de seren faladas en idiomas distintos ao galego, castelán ou inglés, engadirán a tradución a un deses tres idiomas. Unha vez inscrita e seleccionada unha obra, en ningún momento poderá ser retirada da programación do festival.

5. INSCRICIÓN E DOCUMENTACIÓN A participación no festival realizarase cumprimentando a ficha de inscrición antes do 1 de novembro de 2011. O seu envío realizarase por medio dunha das seguintes opcións: A) correo electrónico: severiano.casalderrey@gmail.com o ies.aller.ulloa@edu.xunta.es B) correo postal:

ANIRMAU’11 IES Ramón Mª Aller Ulloa Rúa do Parque nº 6 - 36500 Lalín (Pontevedra) - SPAIN


ANIRMAU

O dereito de inscrición é gratuíto. Coa ficha de inscrición achegarase a seguinte documentación: • Breve sinopse do filme (máx. 2 liñas) • Tres fotografías do filme. • Biofilmografía do director, acompañada dunha fotografía recente do mesmo. • Listado de diálogos completos do filme coa súa tradución en caso necesario. • Trailer do filmes. Esta documentación é imprescindible para a participación nas seccións competitivas do festival.

6. SELECCIÓN Os membros do equipo organizador do festival conformarán un comité de selección que elixirá as obras que participarán no festival. A decisión comunicarase antes do 15 de decembro de 2011. Os fallos do comité serán inapelables. A organización establecerá a orde e data de exhibición de cada película, reservándose o dereito de proxectalas durante os días do festival, entendendo que autores e produtores, polo feito de participaren, outorgan a súa autorización para tales proxeccións. Os participantes autorizan a organización ao uso de extractos breves das obras para a súa difusión en calquera medio de comunicación co fin de promover o festival. Ademais, o Comité poderá utilizar fotografías das obras e dos directores, en prensa, en outros medios de comunicación, así como no Catálogo do festival.

7. PREMIOS Entre as películas seleccionadas para as diferentes seccións oficiais a concurso, o xurado, conformado por catro profesionais do medio cinematográfico, artístico e cultural, decidirá a concesión dos seguintes premios: • Gran Premio Mellor Curtametraxe: 1000,00 € e trofeo. • Gran Premio Mellor Multimedia: 200,00 € e trofeo. • Mellor Curtametraxe Galega: 200,00 € e trofeo (a obtención deste premio non impide a consecución de calquera outro dos premios) • Premio do Público: 100,00 € A organización establecerá un xurado escolar, composto tanto por alumnado do noso centro, como doutros institutos invitados, que fallará outros premios de carácter extraordinario acompañados dun Diploma, e exentos de dotación económica. Todos os premios quedarán suxeitos ás retencións que marque a lei vixente.

8. ENTREGA DE PREMIOS E MENCIÓNS Para recibir os premios, mencións e trofeos, prégase a presenza de autores ou produtores na cerimonia de clausura do festival, ou ben enviar a algunha persoa en representación. O festival asume a estancia e gastos na nosa localidade para aquelas persoas (só unha persoa en representación de cada galardón) que acudan a recoller os premios. A cerimonia de clausura celebrase o sábado, 14 de abril de 2012.


ANIRMAU

9. ARQUIVO DO FESTIVAL Todos os DVD´s enviados pasarán a formar parte do arquivo do festival. En ningún caso, as copias dos DVD´s poderán utilizarse con fins comerciais, ou con ánimo de lucro. O festival poderá empregar este material con fins unicamente didácticos e pedagóxicos dentro do marco educativo.

10. ACEPTACIÓN DAS BASES A participación en ANIRMAU’12 implica a aceptación de todos os apartados correspondentes ás presentes Bases. En caso de diverxencias sobre a súa interpretación, aplicaranse os textos en galego e castelán.

Anirmau 12  

Bases do festival de cine do IES Ramn Mº Aller Ulloa