Txano e Óscar 3 - O dragón de xade (Cap.1-2)

Page 1


Copyright © 2021 Julio Santos García e Patricia Pérez Redondo © Texto: Julio Santos García, 2017 © Ilustracións: Patricia Pérez Redondo, 2017 Tradución: Antía Veres Xesto Corrección de textos: María López Suárez Maquetación e deseño: Julio Santos e Patricia Pérez Obra rexistrada en SafeCreative. Reservados todos os dereitos. Queda prohibida calquera forma de reprodución, distribución, comunicación pública e transformación desta obra sen contar coa autorización dos titulares da propiedade intelectual. A infracción dos dereitos mencionados pode ser constitutiva de delito contra a propiedade intelectual. Colección: As aventuras de Txano e Óscar Título: O dragón de Xade Número: 3 Primeira edición: outubro, 2021 Xarpa Books ISBN: 978-84-123829-6-9 Depósito legal: LG D 01379-2021 julioypatri@txanoyoscar.com www.txanoyoscar.com


O dragón de xade Ilustracións Texto Patricia Pérez Julio Santos


Óscar Txano Ola! Eu son Txano, e este de aquí ao lado é o meu irmán Óscar. Somos xemelgos fraternais e, na nosa primeira aventura, un estraño meteorito verde converteunos en telépatas.

Sonia Raúl Velaquí están Raúl e Sonia, os nosos supercolegas. Con el e con ela vivimos case todas as nosas aventuras. Os catro xuntos podemos con todo!


A máis pequena da familia é a nosa irmá Sara-Li. Ela atopou a Maxi nunha caixa de cartón na rúa e convenceu a mamá para traela á casa. O noso pequeno amigo chámase Flash e é un esquío moi especial.

Sara-Li

Flash

Maxi O do pelo rubio e a barba rara é o noso pai. O seu nome é Alexandre, pero todo o mundo lle chama Álex. Ten unha tenda de antigüidades na cidade.

Bárbara

Álex

A nosa nai chámase Bárbara e é tradutora. Cando se anoxa, o seu nome queda curto.


Nun mosteiro das montañas chinesas de Wudang, un fermoso dragón de xade levaba séculos esquecido no fondo dun almacén. Unha terrible lenda acompañaba a figura, pero xa ninguén a lembraba, porque as persoas que coñecían a historia desapareceran había unha chea de anos.


Poida que, se alguén lle prestase atención ao almacén, sentise os choros do dragón, que se laiaba polo seu amargo destino. Un día, tremeu a terra en Wudang e, cando chegaron os equipos de rescate, entre os restos do mosteiro atoparon o dragón milagrosamente intacto. O destino dáballe outra oportunidade, e Txano e Óscar ían estar alí para axudalo.



Á procura de misterios

Xa pasaran máis de dúas semanas dende que inauguraramos a Área 51, que era como bautizaramos o noso cuartel xeral, construído no alto da árbore do xardín. Malia ser unha cabana de madeira sinxela, para nós era un cuartel xeral en toda regra, porque tiñamos ata ordenador central: un portátil que nos regalaran na nosa anterior aventura e que conectabamos a Internet aproveitando a wifi da casa. Pouquiño a pouco, iámoslle engadindo ao caseto pequenos detalles que o facían máis cómodo, e algunhas persoas da veciñanza mesmo nos deran mobles que pensaban tirar. Xa sabes que Sonia e o meu irmán Óscar son uns frikis da tecnoloxía. Pois ben, decidiran usar parte dos cartos das recompensas que nos deran por

9


rescatar as mascotas en instalar un sistema de alarma que se activaba se se movía algo ao pé da árbore. Incluso colocaran dúas minicámaras de vixilancia que nos permitían ver todo o xardín dende a pantalla do portátil. En realidade, non facían moita falla, porque viamos o mesmo se nos asomabamos pola fiestra, pero facíalles ilusión.

10


Mesmo prepararamos un ascensor‑cesta para Maxi, a nosa cadeliña, á que lle prestaba moito pasar tempo aló arriba. Cando quería subir, colocábase debaixo da árbore e lanzaba un par de ladridos. Daquela, nós baixabámoslle a cesta e subiámola tirando dunha corda. Ben sei que se podía comunicar por telepatía con Óscar ou comigo para nos avisar, pero había que recoñecer que o sistema do ladrido era máis efectivo, porque así Sonia e Raúl tamén se daban conta de que estaba alí. Flash, o noso esquío, tamén botaba o día na Área 51, sobre todo con Óscar. Así e todo, se vía que andabamos demasiado ocupados con algo, enredaba con Maxi ou entretíñase agatuñando pola árbore arriba e abaixo. Sonia e Óscar tiveron que axustar a sensibilidade do sistema de alarma para que non saltase cada vez que a Flash se lle ocorría ir dar un garbeo polo xardín. Namentres estabamos alí arriba, algunhas veces faciamos cousas xuntos, pero, outras, cadaquén se dedicaba ao que máis lle apetecía. Esa mañá era unha desas ocasións en que cada un e cada unha de nós andaba ao seu. Sonia estaba sentada diante do ordenador, lendo as últimas noticias do City News e buscando algo interesante no que puidésemos meter o fociño.

11


Raúl levaba máis dunha hora practicando movementos cunha baralla de cartas para un novo truco de maxia que estaba preparando. Pola nosa banda, Óscar e mais eu afanabámonos en construír un brazo robótico artellado coas nosas pezas de Lego Technic. —Nesta cidade non pasa nada! —rosmou Sonia despois de botar un bo anaco analizando a web do xornal—. Lin todas as novas da última semana, e o máis misterioso que atopei foron unhas estrañas luces nunha granxa das aforas que resultaron ser do tractor do veciño. Así non hai quen resolva misterios. —Acouga! —dixo Raúl sen deixar de mover as cartas entre as mans—. Todos os equipos de superheroes pasan tempadas sen traballo. —Abofé! E, cada vez que se queixan diso, aparece un supervilán que lles quita a gana de lamentarse —engadiu Óscar sen levantar a cabeza da nosa montaxe. Nese intre, empezou a soar a alarma de movemento do xardín. Sería o noso supervilán, que por fin aparecía? Deixamos as nosas tarefas e asomámonos pola fiestra. Boh! Era o microcán do veciño. Aínda que de cando en vez facía caca no noso xardín, non creo que chegase á categoría de supervilán.

12


Volvemos ás nosas cousas. Había que seguir agardando. —O certo é que se cadra nos pasamos con iso de chamarnos superheroes, pero polo menos temos a Área 51 —dixen. —Pero ter un cuartel xeral non abonda! —respondeu Sonia, que levantou a cabeza do ordenador.

13


—En fin, algo é algo. Spiderman tiña que amañarse co seu dormitorio! —apuntou Óscar. —Para sermos un equipo de superheroes, precisamos ter alguén a quen axudar ou un misterio que resolver, aínda que sexa pequeniño —dixo Sonia, convencida—. A este paso, teremos que empezar o colexio e seremos os superheroes con máis deberes do mundo. —Amodo, non esaxeres! —protestou Óscar mentres colocaba un dos motores do noso monstro—. Aínda nos quedan máis de dous meses! Xa verás como atopamos un montón de misterios antes de que rematen as vacacións! —Mira ti que casualidade! Igual levas razón e todo —dixo Sonia mentres se recostaba na cadeira sen quitar a vista da pantalla—. Encontrei algo que nos pode interesar! Esa última frase conseguiu captar a atención de todos os máis, que nos amoreamos arredor do portátil e lemos o titular que nos sinalaba a nosa amiga: Sucesos estraños no museo de Twin City. —Lin a noticia completa e, polo visto, os gardas aseguran que dende hai uns días se escoitan uns sons raros nas salas do museo.

14


—Uns sons raros? Coma os das miñas tripas cando teño fame? —dixo Óscar acariñando a barriga. —As túas tripas non son un misterio —retrucou Sonia. —Non é tanto así. Habería que investigar como dá metido aí todos os espaguetes que devora —agregou Raúl, simulando un bandullo xigante coas mans.

—Veña, deixádevos de lerias! —dixo Sonia, ansiosa por retomar a noticia—. O caso é que, cando se achegan a indagar, non atopan nada raro. Seica ocorre dende que colocaron os obxectos dunha exposición sobre arte chinesa que se inaugura mañá.

15


—Arte chinesa? —preguntou Óscar, que de repente parecía que acababa de tragar un limón—. Penso que xa non soa tan interesante. —Non sexas burricán! —recriminoulle Sonia—. Segundo o artigo do xornal, a exposición inclúe pezas únicas que nunca antes se expuxeran, e algunha delas ten moitísimo valor. —A ver, tes que recoñecer que ir ver unha exposición de arte chinesa non é algo que soe moi moi divertido —díxolle Raúl. Con estas, volveu soar a alarma. Outra vez había algo que se movía ao pé da árbore. Como fose de novo o can ese do veciño, ía ver o que era bo! —Todo o mundo a comeeer! —sentiuse a voz do noso pai. Xa era a hora de xantar? Buf! Entre unha cousa e a outra, voara a mañá. —Teño un plan xenial para vós! —berrounos dende abaixo mentres agardaba—. Conseguinvos entradas para unha exposición de arte chinesa que se inaugura mañá no museo da cidade. Pódoche asegurar que ninguén saltou da alegría, pero a Sonia, polo menos, escapoulle un pequeno sorriso.

16


A lenda do dragón (I)

Sonia e Raúl quedaron a xantar connosco, como facían adoito. Tras un anaco na mesa, penso que papá xa se dera conta de que ir ver a exposición de arte chinesa non era o que máis nos apetecía no mundo. Por se non o contei antes, o noso pai ten unha tenda de antigüidades, e a arte oriental é unha das súas debilidades, aínda que ninguén máis na nosa casa a comparte. Nin sequera a nosa irmá Sara‑Li. E iso que ela é chinesa. —Vexo que non vos chista demasiado a idea da exposición —comentou mentres atacabamos xa o segundo prato—, pero debedes ter en conta que a maioría das pezas que se expoñen son de gran valor e, no caso dalgunhas delas, é a primeira vez que están á vista do público.

17


A pesar do silencio e de que non levantamos a mirada dos pratos, o noso pai non se daba por vencido. Había que admitir que lle poñía ganas. —Cando remate a exposición, pasarán moitos anos ata que todo iso poida volver verse. É unha ocasión única! —dixo, tratando de transmitirnos o seu entusiasmo, aínda que Sonia era a única que lle facía un pouco de caso.

—Papá, non te esforces —dixo Óscar, que xa estaba empezando a cansar do tema—. Esas entradas van morrer de vellas antes de que as usemos.

18


—Ei! Fala por ti, colega! —exclamou Sonia—. A min apetéceme moito ver esa mostra. —Está ben, vale! —dixo o noso pai, facendo que claudicaba—. Entón doulle a Sonia a súa entrada, e as vosas lévoas para llas regalar a alguén... Parecía que rematara, pero eu coñecía ese ton e sabía que gardaba un ás na manga. —Aínda que é unha mágoa que non vaiades vela, porque non poderedes coñecer a lenda que se conta acerca dun precioso dragón de xade, que é a peza máis valiosa da exposición. —Agarda, agarda —dixo Óscar—. Unha lenda? Un dragón? Home, por aí era por onde tiñas que empezar. Iso xa ten mellor pinta. Podes contarnos máis? —preguntou, garatuxeiro, coma se de súpeto fose o tema máis atraente do planeta. —Vaites, vaites! Se cadra as entradas xa non morren de vellas, non si? —ironizou papá. Logo, botoulle unha mirada esaxerada ao reloxo e exclamou—: Ui, que tarde se me fixo! Dáme a min que o dragón e a súa lenda van ter que agardar ata a noite. Aínda que, non sei, igual a esas alturas xa regalei as entradas —engadiu, cunha miga de mal xenio, ao tempo que se poñía de pé. —Non, non, espera! —atallouno Óscar.

19


O noso pai volveu sentar cos brazos cruzados, facendo o interesante. —Está beeen! —dixo o meu irmán, deixando caer as mans sobre a mesa—. Se cadra antes estiven un chisco... —Repugnante? Ao mellor fuches de listo? —apuntou papá, sen deixarlle acabar. —Ía dicir rabudo... E síntoo —rematou a frase o meu irmán—. Pero non leves as entradas, que ao mellor damos unha volta por alí, vale? —pediu, poñendo olliños de cordeiro. —Xa sabía eu que ao final ía interesarvos —dixo o noso pai namentres se levantaba—. Ben, agora teño que marchar de verdade. Vémonos á noite, rapazada. As entradas tédelas pegadas cun imán na neveira —indicou cando xa saía pola porta. —Que rabia! Quedamos sen saber de que vai a cousa ata pola noite —dixo Óscar mentres encetaba a súa crema de ovos. —Podemos buscalo en Internet —suxeriu Sonia—. Se é unha lenda tan interesante, seguro que aparece. Logo de engulirmos a sobremesa a todo meter e de axudarmos a recoller, os catro marchamos á Área 51 a procurar información acerca do raio do dragón.

20


—Velaquí a está! —celebrou Sonia ao cabo de poucos minutos. Achegámonos á pantalla, na cal estaba aberta unha web titulada «A lenda do dragón de xade», e comezamos a ler:

«Nunha época en que o liderado do emperador Xuanzong estaba en risco por mor das loitas internas, un mozo chamado Long‑Hao, que era capitán da garda, conseguiu salvarlle a vida ao monarca ao recibir no ombro un dardo envelenado que ía dirixido ao corazón do soberano.

21


»Foi atendido polos médicos persoais de Xuanzong, pero, malia que ao final sobreviviu, o veleno era tan potente que lle deixou secuelas por todo o corpo. Tras varios meses de recuperación, tivo que renunciar a seguir sendo soldado, posto que lle custaba moito moverse. »Para premiar a súa valente acción, o emperador ofreceulle un gran palacio no territorio de onde

22


proviña e púxolle diante dous cofres entre os que debía elixir. »O monarca abriu as arcas. Unha delas estaba ateigada de moedas de ouro, en tanto que a outra contiña a escultura dun dragón tallado en xade. »O emperador sabía que o dragón era moi fermoso, o máis belo que se creara nunca, e mandoulles a dous serventes que o sacasen da súa caixa para que Long‑Hao puidese admiralo. »O capitán, que enseguida quedou enmeigado polos negros ollos do dragón, non puido apartar a mirada del. No pedestal sobre o que se apoiaba, había unha pequena táboa na cal poñía: Non importa o extraordinaria que sexa a beldade exterior. Só uns ollos tenros poden ensinarche a beleza interior. Entón, iluminarante as mil estrelas do dragón. »O dragón, cuxa fermosura era impresionante, tiña un aquel especial. No entanto, o cofre de ouro supoñía tanta riqueza que, se se administraba e se repartía con xeito, podería facer que o seu pobo nunca pasase necesidades. »Nun dos cofres tiña a felicidade do seu pobo e, no outro, a súa propia. A pesar de todo, Long‑Hao

23


non daba aturado a idea de separarse do dragón e rexeitou o cofre de ouro. »Cando o mozo regresou á súa terra e se asentou no seu palacio, o primeiro que fixo foi colocar a escultura nun cuarto pechado con chave ao que só podían acceder el e as persoas máis achegadas. »Todos os días botaba horas diante do seu dragón e observaba aquela marabillosa figura, que pouco e pouco lle foi roubando o corazón. »A medida que pasaban os anos, Long‑Hao ía tornando esquivo e desconfiado. Non deixaba que ninguén, nin sequera a súa familia, entrase no cuarto por medo a que lle roubasen a escultura. »Unha noite, un dos seus fillos, que tamén estaba obsesionado co dragón dende que o vira por primeira vez, conseguiu quitarlle a chave do pescozo ao pai mentres durmía e entrou no cuarto prohibido para admiralo. »Quixo a mala sorte que Long‑Hao acordase sobresaltado e se decatase de que non tiña a chave. Temendo que lle estivesen roubando o seu prezado tesouro, colleu a espada e dirixiuse cara a alí. »Cando chegou, viu a porta aberta e a silueta de alguén en fronte da figura. Tolo de carraxe e sen dicir unha palabra, levantou a espada e atravesou con ela o ladrón, que caeu aos seus pés, moribundo».

24