Issuu on Google+

ccoo informa http://ccooxustiza.blogspot.com/

Número 13/2010

20 de xaneiro de 2010

Nova Oficina xudicial: Alegacións e propostas aos proxectos de Orde polos que se constitúen os servizos comúns procesuais, as unidades técnico administrativas e as unidades de apoio ás presidencias de tribunais e decanatos dos xulgados

Na reunión do 23 de decembro deuse traslado por parte da Administración dos borradores de "Proxecto de Decreto polo que se constitúen as unidades técnico-administrativas nos edificios xudiciais e unidades de apoio a presidencias de tribunais e decanatos dos xulgados" e do "Proxecto de Decreto polo que se constitúen servizos comúns procesuais xerais na Administración de Xustiza", ás Organizacións Sindicais para realizar alegacións aos mesmos. Queremos recordarlle que as alegacións realizadas polas organizacións sindicais deberán ser negociadas en Mesa Sectorial monográfica, tal e como solicitou ese mesmo día CCOO, solicitude que vostede aceptou. Esta Mesa deberá ser convocada á maior brevidade posible, comezando con ela a verdadeira negociación da Nova Oficina Xudicial (NOJ) cos traballadores e que permita alcanzar un modelo consensuado, que mellore considerablemente este Servizo Público fundamental, recollido na Constitución. Non convocar esta Mesa por parte da Administración o considerariamos un ataque directo á negociación e como dixemos moitas veces, cos traballadores a reforma é posible, pero contra eles, é irrealizable. Para poder realizar unha verdadeira valoración tanto dos borradores de "proxectos" presentados como dos que vostedes mesmos chaman "textos informativos" sobre a primeira fase de implantación da Nova Oficina Xudicial é imprescindible que se nos dea traslado dos equipos actuais afectados coa entrada en vigor dos novos Servizos Comúns Procesuais e as distintas Unidades Administrativas así como a nova proposta de cadro de persoal para estes novos servizos. Sobre todo se temos en conta que nos seus propios documentos se di claramente que "no caso hipotético de discrepancia entre este documento e o texto dos proxectos de Decreto se estará á redacción regulamentaria".


É evidente, que os cadros de persoal nestes novos Servizos Comúns e Unidades Administrativas se deben ver ampliadas con respecto ás actuais, xa que as funcións que se formulan nos "proxectos" son maiores que as que se viñan desempeñando antes, Arquivo de Xestión, Acceso Base de Datos, Rexistro Xulgados de Garda, Depósito de Efectos. A pesar de que xa o expresamos na propia reunión do día 23 de decembro, volvemos reiterar a necesidade de negociar, de xeito paralelo á NOJ, as Relacións de Postos de Traballo (Rpt´s) dos postos afectados pola implantación da primeira fase da NOX. Dende CCOO opoñémonos á negociación por separado destes dous conceptos, por considerar que están intimamente ligados. Non ten sentido negociar os distintos Servizos Comúns e cadros de persoal se non se define de xeito claro cal vai ser a función de cada un dos corpos e traballadores dentro da oficina xudicial. A forma de realizalo é a través das Relacións de Postos de Traballo, onde se definen as funcións que cada un debe desempeñar ou a posibilidade de crear postos singularizados. De xeito inmediato débese dar traslado por parte da Administración ás organizacións sindicais do estado da totalidade do cadro de persoal en Galicia, coas vacantes existentes, reforzos, adscricións provisionais, comisións de servizo, número e localización de persoal interino, e calquera outra situación que afecte aos procesos de redistribución e reordenación de efectivos. Así mesmo darásenos traslado dos estudos realizados para recompilar a información tida en conta pola Administración para definir o modelo de oficina xudicial (análise de cadros de persoal, datos estatísticos, aspectos organizativos, carga de traballo, etc.), incluíndo a avaliación de riscos psicosociais e o estudo e diagnóstico da situación en que se encontran os arquivos xudiciais. Para alcanzar un acordo na implantación da NOX, para CCOO, é imprescindible, antes da posta en funcionamento de calquera Servizo Común ou Unidade Administrativa, a firma dun acordo entre a Administración e as organizacións sindicais, no que se recollan os seguintes puntos: Non haberá ningún tipo de amortización de cadros de persoal, nin por corpo nin por partido xudicial, non estando xustificadas posibles diminucións de efectivos aproveitando a implantación da reforma. Conversión dos reforzos de longa duración en cadros de persoal. Nos Servizos Comúns que se creen é imprescindible que as RPT´s conteñan a diferenciación dos postos de traballo por seccións e/ou equipos, que debe determinar a posibilidade para os traballadores que o desexen de optar, a través dos concursos de traslado, aos postos dos ditas seccións e/ou equipos e permitindo a mobilidade voluntaria posterior entre diferentes seccións do mesmo Servizo. Todo iso é imprescindible para evitar Servizos inmensos, con multitude de funcións e unha gran mobilidade funcional. Tamén se debe recoller que nas atribucións de funcións polo xefe ou responsable da unidade ou centro de destino (art.º 39.2 do Regulamento de Ingreso) dos funcionarios que ocupen con carácter definitivo postos de traballo xenéricos, estarán limitadas á Sección ou no seu caso á orde xurisdicional.


Reserva de 100% dos postos de traballo das Unidades Administrativas para ser cubertas por traballadores da Administración de Xustiza en exclusiva, salvo os postos técnicos de lingüistas, tradutores e peritos. Descrición detallada nas Rpt´s das tarefas que se han de realizar en cada un dos postos de traballo que se cree. As Rpt´s deberán definir as funcións a desempeñar por cada un dos corpos ao servizo da Administración de Xustiza de conformidade co previsto nos artigos 476, 477, 478 da LOPX. Deberán desaparecer as expresións do tipo "natureza análoga.... que lle sexan encomendadas polos seus superiores xerárquicos" ou "outras funcións que se lles encomenden, acordes coa cualificación profesional requirida para o acceso e desempeño do posto de traballo". Non existirán postos de libre designación. Unicamente se poderá utilizar esta figura para os Directores dos Servizos Comúns, nunca se aplicarán para os postos singularizados. A singularización dos postos obedecerá só e exclusivamente a labores procesuais e competenciais. Deberase especificar cales coas funcións e tarefas que se desenvolverán en cada un dos diferentes postos singularizados, incluídos os dos Secretarios Xudiciais. Para iso é necesaria a negociación e elaboración dun Manual de Valoración de postos de traballo, que estableza con carácter previo, dun xeito obxectivo e exhaustivo os factores que inflúen en cada un dos postos de traballo (dificultade técnica, mando ou xefatura responsabilidade, penosidade, horarios especiais, etc.). Os postos de traballo con funcións ou tarefas similares non terán diferenzas retributivas non xustificadas As bases dos concursos específicos dos postos singularizados deben ser negociadas coas organizacións sindicais e así ser evitado arbitrariedades. Garantía de que ningún funcionario ou funcionaria sufrirá perda nas súas retribucións actuais por todos os conceptos durante o proceso de acoplamento á nova oficina xudicial (gardas, penosidade, etc.) A asignación de postos de traballo con horarios especiais será sempre con carácter voluntario. Negociación dos procesos de acoplamento aos novos postos de traballo, xirando esta en torno a varios criterios: a) Máxima voluntariedade. b) Recoñecemento do dereito a manterse na localidade de orixe. c)

Establecemento claro das distintas preferencias para ocupar determinados postos de traballo (garantía para os traballadores que veñen realizando servizos de gardas, dilixencias de actos de comunicación ou calquera outra que leve consigo un complemento retributivo superior de que poderán seguir realizándoo).


Negociación dun complemento que retribúa as substitucións sen relevación de funcións. Potenciación tanto das substitucións verticais coma horizontais (potenciación da carreira profesional vertical e horizontal). Debe negociarse a modificación dos sistemas de prestación do servizo de garda. A Xunta debe de presentar un proxecto de formación para os funcionarios e funcionarias en relación coa reforma que se vai acometer. A formación orientarase cara aos postos de traballo e cara a carreira profesional e impartirase durante a xornada laboral ordinaria. Conterá necesariamente accións formativas sobre as modificacións lexislativas que afecten ás funcións de cada corpo e sobre a introdución de novos sistemas de traballo. Débese de realizar por parte da Xunta unha avaliación de riscos nos edificios xudiciais e, en concreto, de riscos psicosociais motivados pola organización do traballo nas novas oficinas que se vaian implantando. Trasladar á ficha de cada un dos postos de traballo todos aqueles aspectos que sexan relevantes para a seguridade e saúde laboral. Adopción de medidas correctoras dos riscos que se determinen. Deberase garantir que os actos de comunicación serán asignados de xeito exclusivo aos funcionarios do corpo de Auxilio Xudicial e, en ningún caso aos Procuradores. Negociación dos Protocolos de Actuación coas organizacións sindicais, sobre todo cando afecten aos dereitos dos traballadores e así evitar as arbitrariedades nas ordes e mandatos realizados polos superiores xerárquicos, establecéndose fórmulas para o seu control tanto xudicial coma administrativo. Creación dunha Comisión de Seguimento do despregamento da Nova Oficina Xudicial en cada partido xudicial afectado pola reforma. Nesta Comisión deben estar representadas as organizacións sindicais. Traslado ás organizacións sindicais do proxecto, con prazos, presuposto, etc., das obras a realizar nas distintas sedes xudiciais con motivo a implantación da NOJ.

Con respecto ao "Proxecto de Decreto polo que se constitúen as unidades técnicoadministrativas nos edificios xudiciais e unidades de apoio a presidencias de tribunais e decanatos dos xulgados" e do "Proxecto de Decreto polo que se constitúen servizos comúns procesuais xerais na Administración de Xustiza", non imos realizar ningunha alegación concreta, porque como expresamos ao longo de todo este documento, para iso necesitamos a entrega por parte da Dirección Xeral de Xustiza do estado da totalidade do equipo en Galicia, coas vacantes existentes, reforzos, adscricións provisionais, comisións de servizo, número e localización de persoal interino, relación do persoal afectado coa entrada en funcionamento dos NOVOS SERVIZOS COMÚNS, os equipos que se propoñen para estes novos servizos e calquera outra situación que afecte aos procesos de redistribución e reordenación de efectivos.


Outro motivo que nos impide a realización de alegacións é a ausencia dun Borrador de Rpt´s dos postos afectados pola "Primeira Fase de Implantación da Oficina Xudicial". Para CCOO é imprescindible que as funcións se determinen claramente por corpos e por cada unha das UPAD´s así como por cada unhas das seccións e/ou equipos que cren nos Servizos Comúns e con suxeición ao disposto na LOPJ. É por iso que esiximos a entrega por parte da Dirección Xeral do devandito borrador para poder entrar en fondo da negociación. De todos os xeitos queremos adiantar que en absoluto compartimos a intención por parte desa Dirección Xeral de suprimir os Servizos Comúns de Ferrol, Ourense, Santiago, Pontevedra e Lugo, para ser incluídos no Servizo Común Xeral, senón todo o contrario, os Servizos Comúns deben ampliar a súa competencia a todas as xurisdicións, dotándoos do persoal necesario para iso e mantelos como Servizos Comúns independentes. A especificidade das Oficinas de Atención á Vítima, xa mesmo na súa propia creación, e dende logo nas súas funcións de asistencia ás vítimas de delitos violentos e contra a liberdade sexual, é tal, que merecen un apartado propio dentro da Nova Oficina Xudicial. Por iso, consideramos que na NOX debe ir separada da Oficina de Atención ao Cidadán. Ante o claro posicionamento da Xunta de Galicia de asumir a TRANSFERENCIA PLENA dos funcionarios da Administración de Xustiza de Galicia, queremos recordarlle que para CCOO é imprescindible a defensa dos Dereitos Consolidados dos traballadores na NOJ e calquera intento de VULNERACIÓN destes nos abocaría á convocatoria de mobilizacións. Entre estes dereitos, recollidos na propia LOPJ podemos destacar os seguintes: a) Especificidade das tarefas e funcións dos funcionarios da Administración de Xustiza. Neste sentido, CCOO esixe o cumprimento escrupuloso da reserva de función recollido na LOPJ. b) Dereito, xa consolidado, de todos os traballadores a poder participar en igualdade de condicións, e coas garantías debidas, nos concursos de traslado de ámbito de todo o Estado, que se deben convocar, polo menos, con carácter anual, no primeiro trimestre de cada ano. c)

Que a oferta de emprego público, tanto na quenda libre coma no de promoción interna, sexa única e se convoque con carácter anual, e inclúa as prazas non cubertas por persoal titular, asegurando o respecto aos principios de igualdade, mérito e capacidade, así como o de publicidade. Así mesmo, as bases das convocatorias deben garantirse que sexan únicas para todo o Estado.

d) Estrutura retributiva única para todos os funcionarios xudiciais do Estado, integrada polo soldo, antigüidade, que deberá seguir sendo o 5% do soldo para cada trienio. Dito o anterior, esperamos que para a Mesa Sectorial, na que se estudarán as alegacións da OOSS, se nos dea traslado por parte da Administración de: equipos, reforzos, prolongacións de xornada, estudos cargas de traballo, relación Rpt´s, funcións e todo o necesario para comezar unha verdadeira negociación da NOX.


Tamén solicitamos que para esa Mesa Sectorial se nos explique o proxecto que ten a Dirección Xeral con respecto as Agrupacións de Xulgados de Paz e cos Rexistros Civís, ante o anteproxecto da nova Lei do Rexistro Civil. 15 de xaneiro de 2010

Máis información no noso boletín diario “N o v a s d a X u s t i z a ” e na páxina web http://ccooxustiza.blogspot.com/ Se queres recibir o boletín remítenos un correo electrónico a ccoo.xustiza@gmail.com


20-01-2010. Nota informativa nº 13