Page 1

Purpurina era unha pinga de auga que vivía, xunto con moitísimas outras compañeiras, nunha nube. Purpurina era moi inquieta e non facía máis que dicir que se quería ir. —¿A onde? —preguntábanlle as súas compañeiras. —Polo mundo adiante. A fin de contas eu son unha pinga de auga, en calquera lugar do mundo hei atopar onde vivir xunto con outros seres coma min.


Non había maneira de convencela por máis que lle dicían que sempre estaría mellor alí, coas súas irmás, que en calquera outro lugar con descoñecidas. Así que un día desprendeuse da nube e comezou a baixar, a baixar, a baixar... ¿E onde foi caer? ¡Choff! Xusto onde máis auga había, no mar. Cando Purpurina se viu alí, púxose moi leda. Arredor todo eran pingas de auga coma ela. Pero tamén había pexes. Miles e miles de peixes, que moito lle gustaron a Purpurina. Era o que máis feliz a facía: ver como nadaban no medio da auga. Tamén eles parecían felices, e agradecíanlle á auga que lles valese de medio para xogar subindo e baixando.


De súpeto, Purpurina, escoitou un ruído moi grande. Ollou cara ó lugar de onde procedía o son e viu que as pingas de auga subían e baixaban formando un remuíño de escuma, branco coma de neve. Era a hélice dun barco. Purpurina viu que se lle achegaba e pillou medo, pensaba que aquilo a mancaría moito. Pero non deu fuxido e viuse metida nas reviravoltas. Non sentiu ningunha dor. Todo o contrario, aquilo facíalle cóxegas, e a cor branca que vira eran as risas das pingas de auga. Pero aínda Purpurina non parara de rir, cando do fondo do barco saiu un xorro negro. Todas as pingas, que había un bocadiño eran unha mancha branca de risas, volvéronse un vulto de bágoas negras.


Purpurina salvouse por moi pouco, por un case nada. Agora o aire ía alonxando dela a mancha negra de pingas mortas e ela ollábaas moi triste. Así estaba cando notou que algo a levaba polo aire na tona da auga. Era unha vaga que, dando voltas, acabou por deixar a Purpurina enriba da area dunha praia.


Ollou de arredor e viu moitísima xente. Todos estaban deitados barriga arriba. Parecía que todos estaban mortos a non ser os nenos e as nenas que xogaban polo areal. Como Purpurina fora caer entre unhas rochas á sombra, entroulle sono e ficou durmidiña.


Cando acordou xa non había ninguén na praia. Ou non estaban mortos ou alguén retirara os cadáveres. O que si deixaran foran os restos do seu paso por alí. A praia quedara chea de porcalladas: bolsas de plástico, papeis, botes de refrescos... A mesma Purpurina tiña enriba unha bolsa de plástico e pegouse a ela. Comezou a soprar o aire e a nosa pringa de auga saiu voando por enriba da praia. Pasou por enriba das rochas, polo curuto dun monte moi alto, e despois comezou a baixar.


—¡Ai, mamaíña, que me vou esnafrar! —berraba Purpurina. A bolsa enganchouse nas pólas dunha árbore e comezou a esvarar por ela abaixo ata ir dar na auga, no medio doutras compañeiras novas. De primeiras pensou que estaba no mar outra vez, pero aquilo era distinto, porque no medio da auga medraban árbores. Tamén había xuncos e grandes herbas. Así que non tivo máis remedio que preguntar onde estaba. Respondéronlle que era unha charca. Unha gran charca, case unha lagoa.


—¿E logo vosoutras de onde viñestes? —preguntou outra vez. —A maioría vimos de debaixo da terra —¿De debaixo da terra? ¿E por onde saístes? —Por unha fonte que hai alí adiante, naquel altiño pequeno. Case todas nacimos alí. —¿E non podedes saír de aquí? —Si, muller si. Pouco a pouco a corrente vainos levando cara ó río. —¿Cara ó río? ¿Que río? —O río que nace aquí. Ti pareces algo tontiña. —Non son nada tonta. O que son é forasteira. O que pregunta non é tonto, é que quere saber. Ou sexa, ¿que aquí nace un río? —Nace. Nós saímos de debaixo da terra e imos facendo esta lagoa. Nacimos para sermos río, así que pouco a pouco imos achegándonos á beira e comezamos a correr cara ó mar. Iso é un río.


Purpurina deixouse arrastrar por unha corrente mainiña e chegou á beira da charca. Efectivamente, alí a corrente era máis rápida e formaba un regatiño que corría por entre as pedras. Aló foi Purpurina xunto coas súas compañeiras. Era un gusto correr cara abaixo. Dando nas pedras que a facían dar voltas que lle producían unha agradable sensación de mareo. Acariñando o brizo que nacía no fondo. Esvarando polo lombo lisiño das troitas.


O río era fermoso, e as pingas de auga que acompañaban a Purpurina, limpas coma prata pulida. Viu cousas marabillosas. Aquilo que tantas veces vira desde o ceo, agora, de preto, era máis fermoso aínda. As árbores eran máis verdes, máis fortes, máis maxestosas. Pasou polos muíños. Polas presas de vellas centrais eléctricas. Por martinetes que subían a auga para a rega dos prados. E sentiuse moi importante e moi feliz.


E chegou ó mar. O primeiro que viu foi ó seu rei, o rei Neptuno. Este fixouse nela e faloulle: —E logo ti, ¿quen es? —Eu son unha pinga de auga que acabo de facer unha marabillosa viaxe. E xa ve, maxestade, estou feliz, porque teño para min que a xente acabará por darse de conta de que poucas cousas tan bonitas existen no mundo coma ver correr un río con millóns e millóns de pingas de auga limpas e felices. —Agardemos que así sexa —respondeu Neptuno rañando na súa barba. —Agora o que estou desexando —seguiu Purpurina— é regresar á miña nube para lles contar todo isto ás miñas irmás. Xa verá, maxestade, como pronto van vir elas tamén. —Pois o teu desexo e bo de cumprir —falou Neptuno collendo a Purpurina na palma da súa man.


O Sol comezou a quentar o corpiño de Purpurina. Cada vez ía máis calor. A pinga de auga sentiu que se esvaía, era unha sensación moi agradable, coma de ficar a durmir... E foise facendo vapor. E comezou a subir, a subir, a subir... camiño da súa nube. Moi pronto xa sentía a súas irmás que dicían felices, coma se cantasen: —¡Aí vén Purpurina! ¡Aí vén Purpurina!


Purpurina  

cuento que trata sobre o ciclo da auga

Read more
Read more
Similar to
Popular now
Just for you