Cienciaqueconta2011

Page 11

A ciencia e eu Ana García González CEIP Coutada-Beade (Vigo)

Chámome Uxía e hoxe é o meu primeiro día na clase de Ciencias do colexio; ademais temos unha profe que tamén é nova no cole. A profesora chámase Tina e a nena coa que me sento Mariña. Tina díxonos que hoxe iamos facer un experimento con vinagre e bicarbonato. Tratábase de botar vinagre nunha botella e o bicarbonato nun globo. Logo encaixábase o globo na boca da botella e deixábase caer o bicarbonato no interior. Cando se xuntaban, saía unha escuma branca e o globo comezaba a incharse. Mariña e eu quedamos abraiadas. A profesora explicounos que o que había dentro do globo non era aire, senón un gas chamado dióxido de carbono. Tamén nos dixo que se nos apetecía podiamos levar o globo para a casa, pero tiñamos que decidir quen o levaría. Ao final leveino eu, e cando lle dixen ao meu irmán que un globo se podía inchar con vinagre e bicarbonato, non me cría; así que llo demostrei repetindo o experimento. Cando rematei, díxome: «Parece maxia!». Eu respondinlle que non era maxia, senón ciencia. Ao día seguinte, na clase de Ciencias fixemos outro experimento. Cambiamos de cor os pétalos dun caravel branco poñéndoo en auga tinguida doutra cor, para que a absorbese polo talo. Cando volvín á casa tamén llo contei ao meu irmán, e así día tras día ata que chegou un día no que Tina dixo: «Teño malas noticias, van pechar o colexio o curso que vén. Dádelle esta nota aos vosos pais para que vaian pensando en matricularvos noutro colexio». Todos berramos: «Non!». Ninguén se podía afacer á idea de separarnos e deixar este colexio. Ao saír da clase pregunteille: «Por que o van pechar?». Contestoume que era porque o edificio estaba moi vello e reparalo era moi caro, e que os profesores intentaran reunir o diñeiro pero só conseguiran unha parte, ademais tamén me dixo: «Habería que facer maxia para conseguir o resto do diñeiro». E eu pensei para os meus adentros: «Maxia non, ciencia!». Ao chegar á casa propúxenlle ao meu irmán unha idea: «Van pechar o cole porque está moi vello e fai falta diñeiro para reparalo. Que che parece se facemos un espectáculo de experimentos na alameda os dous?». Ao meu irmán gustoulle a idea e puxémonos a preparalo. Repartimos folletos, adornamos a alameda, mercamos materiais etc. Decidín chamarlle ao espectáculo «A ciencia e eu», xa que eramos a ciencia e eu (e o meu irmán). Saíu moi ben; é máis, saíu tan ben que conseguimos o diñeiro que faltaba para amañar o colexio. 10

Ciencia que conta 2011


Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.