Page 1

O GALEGO E A SÚA HISTORIA


1. As orixes A lingua galega deriva do latín, coma as outras linguas románicas irmás (portugués, francés, castelán, catalán, italiano, romanés...). Pero que o latín sexa o compoñente principal do galego non quere dicir que sexa o único. No noso idioma tamén influíron outras linguas introducidas por distintos pobos que, ben fose antes ou despois da chegada dos romanos, estiveron asentados no NO peninsular. A achega lingüística destes pobos anteriores á romanización denominarémola substrato prerromano. Tamén inflúen no galego linguas doutras poboación que se asentaron na zona despois da desaparición do Imperio Romano. Estamos a referirnos ao superestrato, que podemos dividr en dous compoñentes: o superestrato xermánico, introducido polos suevos e o visigodos; e o superestrato árabe.

1.1. O substrato prerromano A Gallaecia caeu baixo o dominio do Imperio Romano en tempos do emperador Augusto (29 – 19 a.C.). Con todo, antes de que o Imperio Romano chegase e introducise o latín, estiveran asentadas neste territorio poboacións que posuían linguas propias. Estas linguas forman o substrato prerromano. Aínda que o que cobra máis importancia é a influencia do substrato celta, de orixe indoeuropea, tampouco se debe deixar de mencionar a pegada dun compoñente preindoeuropeo e que podemos localizar cronoloxicamente na Idade de Pedra. Pero será desde o ano 800 a.C. ou quizais desde un pouco antes cando chegue aquí o substrato prerromano que terá maior repercusión na nosa lingua: o dos pobos de orixe indoeuropea. Estes pobos deixan a súa pegada lingüística fundamentalmente na toponimia, no léxico, e na fonética. Salienta o legado lingüístico do celtas.


1.2. A romanización e latinización A administración romana perdurou na Gallaecia desde o século I a.C ata o século V d.C e latín acaba por se impoñer totalmente no noroese ibérico, dando lugar, co paso dos anos, ao medieval galego-portugués do que derivan estas dúas linguas modernas. O proceso de romanización e posterior latinización é longo e lento. Adoita dividirse en tres fases: a) toma de contacto dos indíxenas co latín oficial dos funcionarios romanos recentemente instituídos (século I d.C.); b) asimilación da lingua por parte das elites indíxenas (ata o século II d.C.); c) aceptación total e uso do latín como lingua cotiá (ata o século V).

1.3. O superestrato xermánico e árabe Polo que respecta ás linguas de superestrato, temos que incluír aquí os compoñentes xermánico e árabe. Os suevos chegaron ao NO no ano 411 e estableceron a súa monarquía ata o 585. Pola súa banda, os árabes entraron na Península Ibérica no 711 comezando a súa conquista polo sur e someténdoa en pouco tempo.


2.Do esplendor á decadencia do galego (s. IX – XVI). O galego consolídase como sistema lingüístico aproximadamente nos séculos VIII ou IX. Aumenta a diferenza entre o latín empregado pola Administración e pola Igrexa, e mailo idioma que usaban a cotío os falantes, onde se aprecia o desgaste sufrido polo latín vulgar. No século IX, o descubrimento do sartego do Apóstolo Santiago consolida a Compostela como eixe do cristianismo europeo. A demografía medra e a agricultura sofre un proceso de expansión que beneficia a marcha económica da nosa terra. Galicia presenta unha situación de puxanza socioeconómica durante o período que abrangue os reinados de Fernando II (1157 – 1188) e Afonso IX (1188 – 1230). O esplendor de que gozaba Galicia naqueles séculos verase reflectido na produción literaria da época., que aínda se manterá ata o século XV pese ao comezo do proceso de asimilación da lingua galega por parte da cultura e da lingua castelá. Na Idade Media o galego era a lingua de cultura por excelencia en toda península, especialmente na lírica, e disto dan fe as cantigas de amigo, de amor, e de escarnio e maldicir ou as Cantigas de Santa María. Canto á prosa, son de finais do século XIII e principios do XIV as traducións da Primeira Crónica Xeral de España e da Crónica de Castela; da segunda metade do XIV o Tratado de Albeitaría, os Milagres de Santiago, a Crónica Troiana e a Xeral Historia; e do XV a Crónica de Santa María de Iria.


Ata ese momento a lingua que se estaba empregando no ámbito xudicial e administrativo era o galego, pero coa chegada ao trono de Fernando III o Santo (1230 – 1253) que introduce na administración de Galicia persoal forasteiro procedente de Castela, hai un punto de inflexión que se acentuará cando Pedro I, a quen apoiaba a nobreza galega na loita pola coroa de Castela, perde o trono en favor de Henrique II de Trastámara. É agora cando a nobreza galega, como castigo, comeza a ser substituída por nobres procedentes tamén de Castela. Co reinado dos Reis Católicos (S. XV) complétase o proceso de anulación da lingua galega nos usos formais, relegándoa unicamente ao nivel coloquial e familiar. Esta situación de anormalidade lingüística aínda hoxe se mantén.

Historia da lingua  

Breve repaso das principais etapas de formación da nosa lingua.

Read more
Read more
Similar to
Popular now
Just for you