Issuu on Google+

Manuel Bragado

Mártires de Sobredo Sobredo, Guillarei, 25 de novembro de 2012

Reunímonos neste Campo dos Mártires para lembrar o que sucedeu aquí hai noventa anos, cando tres persoas foron asasinadas pola Garda Civil cando defendían a dignidade dos labradores aos que se lles esixía un lucro da terra que eles traballaban. Agradézolle aos organizadores o convite a pronunciar este pequeno discurso, o que constitúe para min unha honra e responsabilidade, ao tempo que os abeizoo polo seu compromiso por manter de forma ininterrompida esta efeméride, promovida dende hai dúas décadas pola Confederación Galega de Asociacións Veciñais “Rosalía de Castro” e a Organización Galega de Comunidades de Montes, como un día da dignidade do mundo labrego e símbolo da loita agrarista e antiforal, probablemente unha das maiores epopeas civís da historia da Galicia contemporánea. Agardo que a recente constitución do Instituto de Estudos Agrarios Mártires de Sobredo o pasado mes de xuño contribúa a potenciar aínda máis esta xornada e a recuperar a memoria sobre o aquí sucedido, como a promover novos estudos sobre a historia agraria e o desenvolvemento do medio rural e patrimonio forestal. Xuntámonos sen saudades ningunhas, mais movidos pola convicción profunda de que aquel lume de esperanza acendido por eles o 28 de novembro de 1922 continúa aceso na memoria de moitos corazóns, convencidos de que aqueles seus ideais de igualdade e equidade, de fraternidade e solidariedade, mais tamén de modernización agraria e 1


gandeira, que supoñían a superación definitiva do réxime foral, unha vella pervivencia do antigo réxime, aquela súa loita pola dignidade humana e pola defensa da terra, continúan hoxe plenamente vixentes. Aqueles seus ideais son, tamén, hoxe os nosos. Cándida Rodríguez, veciña da parroquia de Pazos de Reis, Joaquín Estévez Besada, veciño de Soutelo do concello de Salceda de Caselas e Venancio González Romero, dirixente agrario de San Esteban de Budiño foron as tres persoas falecidas, xunto a outras sete que resultaron feridas de bala e outras moitas detidas, cando a Garda Civil disolveu a balazos unha concentración de máis de dúas mil persoas que acudiran, convocadas a golpe de badaladas e de foguetes, dende diversas parroquias de toda a bisbarra, dende o Baixo Miño, Louriña até o Paradanta en solidariedade cun veciño de Sobredo, desta parroquia de Guillarei a quen coa presenza do xuíz e a Garda Civil lle pretendían embargar os bens por negarse a pagar o foro ao rendista tudense José Sarmiento. Unha negativa a pagar acordada no Congreso Rexional Agrario de Tui, celebrado do 28 ao 30 de xuño do mesmo ano, no que se acordou tamén fundar a Confederación Rexional de Agricultores Galegos baixo a presidencia de Basilio Álvarez. Un boicot, asumido por 133 sociedades agrarias parroquiais, co que se pretendía rematar cuns contratos forais, propios dun réxime escravista medieval, que obrigaban aos labregos a pagar unha renda anual, case sempre á altura do san Martiño, ben en especie (millo, viño ou animais) ou en cartos aos donos da terra que eles traballaban. Unha reivindicación que provocaría, ademais, o 6 de novembro, a detención dos membros da directiva da Sociedade Agraria de Ribadelouro, o comezo dunha posterior folga na bisbarra e a clausura de locais das sociedades. Dende entón, os acontecementos de Sobredo de 1922 quedaron fixados como símbolo da sociedade labrega martirizada, uníndose a xeira oprobiosa doutros semellantes que se produciron nesta loita agrarista noutras localidades do país, como Quiroga, Palas de Rei, A Estrada, O Barco, Oseira (1909), Nebra (1916) e Sofán (1919). Particularmente estremecedores foron os desta última parroquia do Porto do Son, onde o 12 de outubro de 1916 foron abatidas cinco persoas, catro mulleres e un home, na ponte de Cans, tamén tras unha manifestación de labregos que berraban en contra do “defís”, un tributo que impuxera o concello para pagar unha débeda contraída coa deputación. Estes acontecementos foron inmortalizados por Castelao en 1931 no álbum “Nós”, cando escribíu ao pé dunha das ilustracións: “¡Un padrenuestriño pol-os que morreron en Oseira, Nebra e Sofán!” Dende a derradeira década do século XIX e, singularmente, na primeira do XX, constituíuse o movemento agrarista galego co obxectivo principal de eliminar os foros e trabucos que impedían a modernización do sector 2


agrario, forestal e gandeiro e a liberación do réxime caciquil que os ateazaba. Nesta bisbarra foron pioneiras as Sociedades Agrarias de Salceda, constituída en 1897, do Porriño en 1900 e de Guillarei en 1901, presidida polo canteiro Ramón Castiñeira. O que provocaría no primeiro lustro do século pasado un rápido crecemento deste asociacionismo labrego por case todas as parroquias. O historiador Henrique Hervés Sayar, estudoso do asociacionismo agrario na rexión baixomiñota, sinala que as sociedades agrarias tudenses reiteraran unha serie de demandas verbo dos tributos que gravaban preferentemente sobre a poboación campesiña, o que reflectía o descontento da poboación rural co sistema fiscal da Restauración. A actitude rebelde, a solidariedade, a fraternidade, o esforzo colectivo amosado na longa loita antiforal ao longo de máis de dúas décadas conseguiron abrir unha saída política para o conflito que chegaría no mes de xuño de 1926 co decreto de redención foral do goberno de Primo de Rivera, que permitía cos labregos fosen donos das súas terras, mediante o pagamento dunha indemnización. Un sistema de redención que custou ferro e fariña pagar a tantos dos nosos campesiños, que procuraron nos vieiros da emigración americana os cartiños para redimir os foros das terras de seu. Un longo proceso que rematou non hai moito tempo. Coa conquista cívica que supuxo a proclamación da República e cos tempos de luces e entusiasmo que suscitou, Sobredo convertiuse nun referente daquela loita antiforal e anticaciquil. O 29 de novembro de 1931 o escultor Camilo Nogueira puxo a primeira pedra do monumento aos mártires de Sobredo, que sería inaugurado o ano seguinte con motivo da celebración do décimo aniversario. Porén, a intransixencia e o fanatismo fascista levou a dinamitar a obra de Nogueira no mesmo mes de xullo de 1936, coincidindo coa disolución das sociedades agrarias, o auténtico celme deste movemento a prol da dignidade campesiña. Por ventura, en 1986 celebrouse por vez primeira este encontro de lembranza daqueles sucesos e dous anos despois reconstruíse o monumento do escultor de Lavadores. Vivimos tempos difíciles, sometidos ao conformismo dunha crise financeira internacional que pretende devaluar os nosos salarios e facer retroceder os nosos dereitos, en detrimento dos privilexios, eses vellos foros bautizados agora como “prima de risco”, da banca internacional e as súas axencias de cualificación. As chamadas “políticas de consolidación fiscal”, baseadas en recortes e subas de impostos e taxas son apenas eufemismo unha brutal devaluación. Os continuos recortes que sofrimos en todos os ámbitos das políticas públicas, dende a educación, pasando pola sanidade e os servizos sociais, até a cultura ameazan o funcionamento dos servizos públicos esenciais. O esquecemento absoluto do carácter estratéxico para Galicia do seu sector agrogandeiro e forestal ameaza con facelo desaparecer e condenar a 3


desertización ao noso medio rural. As insoportables taxas de desemprego en todos os ámbitos da actividade económica, que acadan en Galicia os niveis máis altos de historia, xa empobrecen ao conxunto da sociedade e ameazan con facer desaparecer os dereitos laborais que tantas décadas de esforzo custaron acadar. Os desafiuzamentos, que deixan sen fogar a quen xa todo perdeu, ou o timo das preferentes fan a nosa sociedade máis desigual e inxusta. Como a violencia contra as mulleres, eses terror machista invisible, ameaza con estragar o principio de igualdade real entre homes e mulleres. Vivimos tempos difíciles, mais non podemos deitarnos nos brazos nin do conformismo paralizante nin da desolación. Os valores que mobilizaron os mártires de Sobredo e os centos de persoas que se concentraron aquí hai nove décadas deben constituír un acicate para todos nós. Hoxe como daquela, o traballo digno para todos e todas, a igualdade e a xustiza son os valores primeiros da cidadanía. Para rematar recupero a afouteza duns poucos versos do poema que Ramón Cabanillas dedicou aos mártires de Sobredo na segunda edición “Da terra asoballada”, en 1926: ¡Irmáns! ¡Erguede o berro de amor e santidade! ¡Galicia e libertade do traballo e do Chan! ¡Nai galega diche a sangue xenerosa para calmar a sede rabiosa da impiedade, nos agros de Sobredo froreceu unha rosa! ¡Ardente e sanguiñenta, agoira Libertade! Son verbas de Dios mesmo, De Dios Todopotente. ¡Coa suor da túa frente gañarás o teu pan! ¡Irmáns! ¡Erguede o berro de amor e santidade! ¡Galicia e libertade do traballo e do Chan! Moitas grazas pola vosa agarimosa atención. Que sexa a estrela dos afectos a que nos guíe. [Texto lido por Manuel Bragado, bretemas@gmail.com]

4


DISCURSO DE M. BRAGADO