Page 1

EN ESTEIRO, CON AMOR. CAPÍTULO II SON BOAS? Eran os luns, días de traballo, pero tamén dos recordos do día anterior. Traballaba Miro, co seu pai, de peón, ou como se coñecía en Esteiro, de “lampaso”. Ese luns, non tiña moitas gañas de levantarse para ter que coller as ferramentas, pero era inevitable. Seu pai xa o chamara dúas veces; eran as sete da mañá, e sabía que se o avisaba outra vez, seguramente non sería con palabras. Así que, con moi pouca enerxía, ergueuse da cama e foi cara ao cuarto de baño. Despois, almorzou “calandracas”, que eran frangullas de boroa cocidas en auga, ás que lle botou un pouquiño de azucre. Seu pai estaba listo para marchar, e súa nai apurouno: - Veña, Miro. Teu pai vaise enfadar contigo, coma todos os luns! - Xa, Mamá, xa vou. Tiñan que camiñar un bo anaco, pois ese día tocaba traballar na Silvosa. Había que colocar unha cociña de leña, e sabía que ía ser unha xornada extremadamente cansada. A súa tarefa era amasar o cemento, e carrexar os caldeiros ao seu pai, que era quen facía o traballo fino. Mentres andaban, polo lugar de Reboredo, pasaron ao lado dun grupo de xente que estaban apañando balocas no terreo de Castiñeiras. Manolo, o pai de Edelmiro, botoulles un berro: - Son boas?! - Nada! Este ano, ca peste, non hai unha xeitosa. - contestou unha das mulleres apoiando o seu sacho, mentres secaba a suor negra co mandil que vestía. - Ides ao choio, lojo? – preguntou o único home que había no terreo, que non tiña ningún utensilio nas mans, e só miraba para as apañadoras. - Alá imos, á casa de Xulio a ver se lle poñemos a cociña, que despois ven o inverno e non hai leña que chegue. - Ide, lojo ! A nai de Miro tamén botaba balocas nun terreo que tiñan no Sanguiñal. Sabía que xa falaran de apañalas, e estaba coa mosca detrás da orella, pois sempre lle tocaba a el carrexalas ata a casa, na carreta. Tiña que ir atravesando pola casa das Carabeiras, e baixar polo camiño da igrexa. Todos os anos era o mesmo. Uns cantos sacos lle esperaban, pero non había remedio. Estaba para el. Pensaba que cando estivera casado con Marisé non lle ía deixar tanto traballo, e non permitiría que botase balocas, nin legumes, nin que estivera todo o verán coma unha escrava, que era como el vía a súa nai, e a case todas as mulleres daquela idade en Esteiro. Súa nai tiña 44 anos, pero a súa pel estaba moi maltratada polo sol, a auga, a terra, e sobre todo, as preocupacións dunha vida chea de malos tragos polos que había que pasar. Unha vida chea de traballo na terra, na casa. E aínda máis, o traballo de servir


ao seu home. As mulleres, como súa nai, tiñan que estar nun pedestal – ou así o pensaba Miro. Eran o motor da vida rutinaria daquela época en Esteiro. Volveu á realidade, cando seu pai lle recordou que a semana que entraba, lles tocaba a eles a recolleita das balocas: - Miro, xa sabes. De aquí en oito días, espérache a carreta para carrexar as nosas baloquiñas! - Vaites ! Daquela, este ano non che toca a ti? - Non me contestes, malcriado! – berroulle, ao tempo que lle soltaba unha bonita “colleja” que resoou polo camiño que os levaba a Riomaior. Miro pensou en Lito, o seu amigo das palmadas. “Nada, aquí, o menda, o cesto da bosta”.

EN ESTEIRO, CON AMOR  

Capítulo II

Read more
Read more
Similar to
Popular now
Just for you