Issuu on Google+

ANTE O REFERENDUM CONSTITUCIONAL: ABSTENCIÓN ACTIVA

l. INTRODUCCION O Partido Galego do Proletariado coida que é chegado o intre de facer pública a sua posición política diante da Constitución. A Constitución é a culminación dun proceso iniciado coa Lei de Reforma Política de Decembro de 1976. Con il trátase de cambear algo pra que nada se conmova. Como partido marxista - leninista de práctica nacionalista popular, o PGP ve nese proceso unha adecuación das institucións públicas ás necesidades presentes da oligarquía monopolista. O proceso ao que nos referimos, chamado tamén Reforma Política, foi capaz de atraguer a unha morea de forzas obreiras e populares que acumularon claudicación sóbor de claudicación, póndose ao servicio da política da grande burguesía. Os militantes que hoxe forman no PGP opuxéronse á dita Lei de Reforma Política proclamando a abstención no Referendum do 15 de Nadal. Dende entón non deixamos de opórnos consecuentemente á Reforma, mentras outros daban bandazos afogándose nas propias contradiccións ou traicionando á clase obreira que decian representar. Chegados ao ponto das eleicións do 15 de xuño pró parlamento español, ábreselle á forzas galegas obreiras e nacionalistas a "grande posibilidade" -trabucada, claro está- de chantar no Congreso e no Senado representantes nacional- populares que forzarían dende alí, sexa a "ruptura" soñada nos primeiros tempos do postfranquismo, sexa o camiño cara a autodeterminación da nosa patria. Dende alí essperaban lograr, pola forza da razón, derrotar á dereita representante do gran capital, sen decatarse que a razón da forza ía prevalecer porque pra eso estaban tódolos mecanismos preparados. O PGP (daquela, liña proletaria da UPG) sinalou o senso da farsa eleitoral e proclamou o boicot e a


abstención activa. Participan un PSG aínda ateigado de elementos arrivistas e españolistas e máis unha UPG na que xogaba en vangarda a fracción socialdemócrata que, sentíndose fracasada, habería de dar lugar ao POG pouco máis tarde. O pobo galego respondeu o día 15 de xuño cunha abstención masiva (42 %), superior á do denanterior Referendum, a máis alta do Estado Español. Encol deste feito histórico, tódolos partidos participantes estenderon un veo de silencio. O erguer ese veo suporía, prá esquerda nacionalista participante, o atoparse coa miseria da sua propia imaxe. ¿Pra qué participar nas eleicións lexislativas? ¿Pra facer rebumbio no parlamento como Letamendia? Cecáis, pro ¿qué conseguiu alí ese compañeiro que hoxe é consciente do seu fracaso ao tempo que as forzas nacionalistas vascas que mantiveron no 15 de xuño unha postura abstencionista se reforzan e son recoñecidas coma as únicas defensoras da loita de liberación nacional de Euskadi? Ou sexa: que se o 15 de nadal escomenza o proceso de Reforma, o 15 de xuño significa a materialización desa Reforma. Se o PGP negou unha e outra vez a Reforma, debe ser (e éo) consecuente opoñéndose vigorosamente á última fase da operación. Esta última fase é a elaboración dunha Constitución e o sometimento do seu texto a Plebiscito. O PGP rexeita a Constitución. II. OS CONTIDOS GLOBAIS O PGP considera inaceitábeis os contidos da Constitución pró conxunto dos pobos do Estado Español, así como contrarios ás nosas arelas de autodeterminación e independencia. Dende unha perpectiva común aos pobos do Estado, sinalamos, en primeiro lugar, o feito de que o art. 1 afirma que a "forma política do Estado Español é a monarquía parlamentaria". Ao opórse a tal definición o PGP quer significar dun xeito moi especial, non somentes a sua oposición á reaccionaria institución monárquica, senón tamén o feito de que tal institución supón a continuidade do franquismo que a impuxo. Ao non caber posibilidade de Referendum entre monarquía ou república, o PGP ve neste artigo un signo evidente do verdadeiro caracter da Reforma. En segundo lugar, como partido obreiro, o PGP refuga vigorosamente a institucionalización, na letra da Constitución, do capitalismo. O Art. 34 di así: "Recoñécese a libertade de empresa no marco da economía de mercado". Unha Constitución, pois, burguesa que establece o modo de producción capitalista (baixo o eufemismo de "ecoonomía de mercado") non pode ser aceitada por quen, coma nós, coida que os medios de producción deben ser arrancados das mans da burguesía e levarse a cabo unha planificación estatal da economia, eso sen entrar na consideración de que entendemos o termo "estatal" referido ao estado nacional galego. Por outra banda, o art. 33 recoñece o dereito ao lock-out (peche patronal) dos capitalistas e á


intervención do estado nos conflictos obreiros, o que supón unha conculcación dos dereitos dos traballadores a capricho do Goberno que endexamáis pode respaldar un partido ao servicio do proletariado como o noso. Dende a perspectiva do principio de libertade de cultos e de respeito á conciencia dos cidadáns, o PGP rexeita a confesionalidade da Constitución. Lonxe do laicismo e da neutralidade en materia relixiosa que é inherente ao sistema democrático, a Constitución consagra o apoio unilateral á Igrexa Católica. Isto resulta evidente no art. 16 no que, trais de declarar que ningunha confesión terá caracter estatal, engádese que "os poderes públicos terán en conta as creencias relixiosas da sociedade española e manterán as conseguintes relacións de cooperación". Máis adiante, no art. 28, recoñécese o dereito a crear centros de ensino privado e afírmase que os poderes públicos axudarán a tais centros. Isto supón o apoio e a subvención aos colexios e universidades eclesiásticos, en detrimento do ensino estatal e a canalización de inmensas porcións dos presupostos do Estado en favor dunha entidade de índole non pública: a Igrexa Católica. O PGP considera anti - democrático o contido dos arts. 47 e 94 que se refire á suspensión dos dereitos fundamentáis mediante estados de excepción, de alarma e de guerra. Estas situacións, que eliminan toda garantía cidadán, constuirán un perigoso instrumento en mans de quen teña a maioría no parlamento e, de por sí, amosan claramente a fraxilidade da pantalla democrática da Constitución. Outras moitas eivas, de entidade menor, poderían atoparse no texto constitucional. Pro convén ollar xa a Constitución dende o ángulo da liberación nacional de Galicia. III. APONTAMENTOS ENCOL DA CONSTITUCION ESPAÑOLA DENDE A PERSPECTIVA DA AUTODETERMINACION E A INDEPENDENCIA DA NACION GALEGA. Dende o Título I ("Principios Xeráis"), Art. 2, a Constitución deixa ben claro que está a definir un estado unitario, desbotando o artellamento confederal ou federal do mesmo. Todo o ordenamento sométese ao principio da unidade do Estado: "A Constitución fundaméntase na unidade de España". Acto seguido, recoñécese o dereito á autonomía das "nacionalidades" e "rexións"que a integran. Así, baixo o aparente progreso que podería supór o emprego do termo "nacionalidades", acóchase un deliberado confusionismo ao situalas no mesmo plano xurídico-político que as "rexións". En todo caso, unhas e outras serán unidades compoñentes da nación española. O anterior principio rector refléxase na definición oficial dos idiomas. Existe o español, "lingoa oficial do Estado", e as demáis língoas (ou sublíngoas) que serán tamén oficiáis nos Territorios Autónomos (TA) segundo se vaia determinando nos seus respectivos Estatutos. Toda unha institucionalización da diglosia: unha língoa dominante e outras língoas dependentes. Diste xeito, tódolos españóis terán, con respeito ao Español, o "deber de coñecelo e o direito a usalo". O cal quererá decir que, na Galicia Autonómica, calisquer persoa ou funcionario poderá rexeitar comunicacións oráis ou escritas en galego en calisquer trámite privado ou público. Dentro da Constitución, pois, non terá cabida unha verdadeira oficialidade do Galego na Galicia Autónoma, pois a necesaria obligatoriade de coñecer o galego e o dereito a usalo prós habitantes de Galicia,


entraría en conflicto co principio enunciado pró castelán. (Art. 3). A ideoloxía inspiradora do texto refléxase con claridade no que se refiere á bandeira galega. Non terá entidade pública entanto non seña "recoñecida" no Estatuto e daquela, poderá ondear "nos actos oficiáis e edificios públicos", a condición de que o faga "xunto á bandeira de España". A nosa bandeira irá sempre acompañada da española. Pro a bandeira española certamente será izada en solitario cando as autoridades o consideren oportuno, e supónse que será sempre non só no Exército senón en toda caste de delegacións ministeriáis e organismos do Estado en Galicia. (Art. 4). O artículo 8 sinala que as forzas armadas teñen como misión defender a "integridade territorial do estado e o seu ordenamento constitucional". Esto supón que pra conquerir unha Galicia independente, anque o esixíse o 100% da sua poboación, teríamos que enfrentarnos abertamente ás forza s armadas ou, o que é o mesmo, só unha loita de liberación que derrubase ó exército podería conquerir que Galicia fora independente gracias a poder facer uso do dereito á autodeterminación. E non somentes por cuestiós de liberación nacional se producirían os enfrentamentos directos. As forzas armadas defenderán o "ordenamento constitucional", o que supón na práctica que calisquer cámbeo que se propuxera tería a oposición das forzas armadas. O mesmo ordenamento xurídico, por outra banda, fai prácticamente inviabel calquer intento pacífico de cámbeo constitucional. Non hai máis que unha ollada ó entramado numérico-dixital-político do título que fala da Reforma Constitucional pra concluir na imposibilidade, debido á desproporcionalidade que ofrece o parlamento e as vías pacíficas pra introducir por vía da reforma artigos que nos abran a posibilidade a ser un pobo ceibe. O pretendido carácter "rexional" do Estado (plaxiado da inoperante lexislación italiana), pretende ser plasmado no Art. 61 (Título IV, Capítulo Primeiro), cando define ao Senado nada menos que como "Cámara dos representantes dos territorios autónomos do Estado". Pro, dado o sistema artellado pra proveer os escanos, vai haber unha esmagadora maioría de senadores procedentes de zonas non nacionáis e sen tradición de loita que fará de esta Cámara un organismo de control centralista sóbor das nacións asoballadas. A partir de agora, compre que vexamos concretamente os límites reáis que terá a futura Galicia Autonómica dentro do marco da Constitución. 1.° Establécese un "Tribunal Supremo, con xurisdición en toda España", que será o órgano xurisdicional superior. Compre saber que esto invalida unha administración de xusticia propia. (Título VI "Do Poder Xudicial", Art. 117). 2.° Restrínxese ao mínimo a práctica das nacionalizacións, e non se posibilita que os TA, entre eles Galicia, se apropien dos seus recursos económicos. (Título VII. Economía e Facenda, Art. 128.) 3.° A execución da planificación económica correspóndelle ao Estado. Os TA como Galicia únicamente desempeñan a función, igoal ca os sindicatos, de ofrecerlle datos ao Goberno (Art. 125). Atopámonos, pois, ante un intento de racionalización capitalista do Estado Español que


deixará absolutamente fora do proceso de planificación (indicativa) ao pobo galego, co que necesariamente iráse acentuando o proceso de colonización económica que padecemos, permanecendo os galegos mudos e pasivos. 4.° Art. 127 prescribe que "A potestade orixinaria pra establecer tributos corresponde exclusivamente ao Estado, mediante Lei". Isto supón a incapacitación básica dos TA. Curiosamente este artigo supón un paso atráis con respeito ao rexime foral de Alava e Navarra, que fica en situación de "contrafuero". Non hai autonomía real cando non hai autonomía en materia tributaria. Toda a loita autonomista do PG e Alexandre Bóveda fundamentábase en que o Estado Galego estabelecería un imposto único progresivo, de cuia racaudación se cedería ao Estado Español cantidades globáis e proporcionáis á poboación e ao tributado. En contra disto, verdadeiro anque pra nós (e para Castelao) insuficiente, réxime autonómico, Galicia só vai suministrar datos pra mellor ser explotada e non poderá controlar, nin mínimamente, o diñeiro que tributa. 5.° No Título VIII. "Dos Territorios Autónomos", Art. 134 explícase con pormenor como se vai elaborar o Estatuto de Galicia, e tódolos demáis. O Goberno convocará a Asamblea de parlamentarios galegos, que, mediante acordo por maioría absoluta dos seus membros, elaboran o proxecto de Estatuto, que pasará á Comisión Constitucional do Congreso. Esta, no plazo de dous meses, determinará, de común acordo cunha delegación da Asamblea, a formulación definitiva. Se non hai acordo, o proxecto convertiráse en proxecto de lei normal, ao cal tódolos parlamentarios do Estado poderán presentar enmendas. O resultado (sexa de acordo coa Comisión, sexa aprobado polo Congreso) someteráse a Plebiscito en Galicia. Isto é, que o pobo galego deberá decir sí ou non ao que se cociñe en Madrid. O resultado positivo do Referéndum aínda terá que ser ratificado polas Cámaras e sancionado pola S. M. El Rey de España. Aínda máis, a Disposición Transitoria 4.ª explicita que o plazo de 2 meses que obriga á Comisión Constitucional empezará a contar dende que a Comisión escomence o estudo do proxecto de Estatuto, que se fará sucesivamente e por orde de entrada dos distintos proxectos. ¿Atreverémonos a predecir que o noso Estatuto será estudado despois do Vasco e do Catalán e, si escaso, do Andaluz? Ao tempo. Fica claro, pois, que o Estatuto galego non emanará do noso pobo senón do Goberno español. 6.° A Constitución é sumamente explícita cando trata da atribución das materias da administración pública. No Art. 143 fálase de que a "administración das materias non atribuíbeis expresamente pola Constitución ao Estado" poderán corresponder aos TA ¿E cáis son as competencias do Estado? Enuméranse en cifra de 32 e abarcan a totalidade da actividade civil e pública: dende a Defensa, as Aduanas e a Moeda, hastra a pesca marítima, os recursos mineiros e enerxéticos, a prensa, radio e TV., aproveitamentos hidráulicos, expedición de títulos académicos, e moitedume de precisións que fai que pensemos --con razón-- que os TA e os seus Estatutos non van superar en nada as actuáis Preautonomías. Orabén, e esto é moi importante, no Art. 143 dáselle unha maquiavélica volta á filloa ao decir que "poderáse autorizar" aos TA a execución de servicios correspondentes ao Estado. Con esto os Gobernos españois consiguirán que os autonomistas se embarquen nunha interminábel carreira de peticións de outorgamento de servicios do Estado, o que servirá pra entreter (engañándoo) ao pobo


galego, que se pasará a vida mendigando e mendigando migallas. Entendemos que este é un magnífico mecanismo (coma unha válvula de escape) que servirá pra neutralizar o movemento nacional-popular galego, a non ser que coa nosa práctica e a nosa propaganda o neutralicemos os partidos nacionalistas. Nesta liña de interpretación, o feito de que as nacións máis fortes económicamente (coma Cataluña) ou máis combativas (coma Euskadi) reciban --en desigoaldade-maiores regalos do Estado, servirá pra que moitos galegos se enfoucen máis e máis na trampa autonomista esterilizando a sua loita en ser tanto como os cataláns e os vascos. 7.° 0 Art. 147 sinala sóbor dos TA todo un sistema de controles que falan ben claro da verdadeira natureza de tais Autonomías: Tribunal Constitucional, Goberno máis Consello de Estado, xuridición (estatal) do contencioso-administrativo, Tribunal de Contas, fiscalizarán a nosa Autonomía. 8.° Pro onde mellor pode verse a absoluta "falla de autonomía" dos TA é nas faculdades de inxerencia do Goberno español nas Leis Territoriáis, tal e como se explicita no Art. 143. Segundo éste, as leis aprobadas pola Asamblea de Galicia haberán de ser comunicadas ao Goberno. Este poderá impor á Asamblea unha segunda deliberación. Neste caso, o texto, pra entrar en vigor, haberá de ser aprobada por maioría absoluta, non sendo abondo a maioría simples. Na mesma liña, o Art. 143 reza que, se o Goberno entende que o TA autónomo galego, ou outro, non compre as suas obrigas constitucionáis, pode adoptar as "medidas necesarias" pra obrigar ao TA ao "comprimento forzoso de ditas obrigas". Resulta evidente que o Goberno, por se todo o denanterior fora xa pouco, ten nas suas mans un excelente mecanismo de sabotaxe do proceso lexislativo e de goberno autonómico de Galicia. Quer decir que, se por un acaso, chegaran os partidos nacionalistas a ter maioría na Asamblea de Galicia, o Goberno podería invalidar sistemáticamente a sua actividade autonómica. 9.° En relación con denanterior Art. 123, que xa comentamos, fálase no 151-152 dos recursos dos TA. Estes estarán formados polos cedidos "total ou parcialmente polo Estado; recargos sobor de impostos estatáis e outras participacións nos ingresos do Estado", asín como tasas e contribucións propias do TA. Como xa dixemos, abondamos en que tal funcionamento constituí o contrario do razonábel: tributación única e progresiva no TA galego e cesión ao Estado do porcentaxe pertinente. En lugar desto fálase a) dun "fondo de compensación interterritorial" e b) duns "recargos" e contribucións propias do TA que farían máis cara a vida do cidadán autonómico e contribuirían a que, rexeitando a autonomía, seitores atrasados do noso pobo rexeitaran tamén a autodeterminación. Que é o que, si escaso, se pretende nesta farsa. Por todo o cal o PGP concluie que, no marco da Constitución non é posibel obter ningún estatuto de autonomía "nacional e progresista". Dito noutras palabras: no marco da Constitución non cabe unha situación de autogoberno pra Galicia que nos achegue ao exercicio da autodeterminación. Toda práctica nacional-popular pasa, pois, por oporse á Constitución.


IV. CABO O PGP rexeita unha Constitución reaccionaria, capitalista e que vai perpetuar a esplotación colonial que se ven exercendo sóbor do noso pobo. Outros partidos de dirección galega e caracter popular rexeitan tamén a Constitución e chaman ao pobo galego a acudir ás urnas pra decir NON ou emitir unha papeleta en BRANCO. Tais forzas políticas están, deste xeito, lexitimando unha legalidade emanada da Lei de Reforma Política. O que eles poñen en custión é iste texto de Constitución quer decir: o seu contido. Participan da dinámica da Reforma. O PGP, aínda que non aceita os intolerábeis contidos da Carta que se nos impón, tampouco aceita o feito mesmo da consulta, que representa o último paso dun proceso histórico impulsado pola oligarquía monopolista pra perpetuar o seu dominio sóbor de nós. Por iso, o PGP ten que ser coherente coa sua traxectoria denanterior que escomenza co apoio a unha creba democrática e un proceso constituinte galego a través do "Consello de Forzas Políticas" e continúa na abstención no Referéndum da Lei de Reforma Política e no boicot ás eleicións lexislativas. ASÍ, O PGP CHAMA A ABSTENCION ACTIVA DO POBO GALEGO NO REFERENDUM CONSTITUCIONAL. Viva Galicia independente e socialista!


Ante o referendo constitucional: abstención activa