Page 1

Fíos Ernesto Is

2º Premio “A PIPA” 2015 de Dramaturxia Breve (Asociación Cultural A Pipa de Becerreá)


Ao meu irmรกn Pablo

1


Nota previa: Os oito personaxes da peza son mulleres. Quizais dúas mulleres diferentes por secuencia ou as mesmas dúas mulleres en diferentes secuencias. Dependerá da visión de cada un sobre o texto. Ningunha delas ten nome porque non é necesario que o teñan. Levan asignados varios números. Deles, os impares corresponderán a mulleres máis novas que as dos pares. A orde das escenas vén dada pola sucesión natural das estacións, non por capricho dramatúrxico. As variables de orde nunha hipotética escenificación, por tanto, son múltiples e totalmente libres. Dependerán, de novo, da visión que cada un teña do texto.

INVERNO Á beira dun inmenso mar. 2. Fálame. Abre a túa boca e fálame de novo, por favor. Dime algo. Algo que eu queira escoitar. Aquilo que preciso ouvir neste momento. Xa. Agora. Fálame e volverei á vida. É sinxelo. Tensa as cordas e deixa pasar o ar pola túa gorxa. Despois expulsalo cun son. O son máis belo, o son máis real. O son dunha canción, dun recordo, dun desexo. O noso son. Aquel son teu e meu. Váleme calquera cousa. Non te quero presionar. Non quero empurrarte cara un abismo onde o peor non é a caída, se non o instante anterior a ela. Por que non dis nada? Por que non me queres falar? O teu silencio é máis doloroso que calquera insulto, que calquera mentira que me poidas contar. Corta o vento e a respiración da xente. Séntese na escuridade da noite. Ás veces, de madrugada, tento recordar como soaba a túa voz, pero creo que xa a esquecín. Perdina hai anos nun día feliz. Si, é verdade, antes existían eses días. Non hai tanto tempo diso. Ti non os lembras porque ti os vivías intensamente. As túas gargalladas escoitábanse lonxe: alén do mar, alén das montañas, ata os ceos. Non como agora. Agora case nin percibo a túa respiración. Penso que, dun xeito ou doutro, ti non estás aquí. Nin volverás estar. Xamais me perdoarei este erro. Nunca atoparei consolo por máis que o busque. Non. Non é posíbel. O consolo non está permitido para aqueles que ignoramos as estrelas. Tan só nos queda a realidade cravada como unha agulla na lingua mentres os fíos de sangue convértense nos miles e miles de instantes que xa non se repetirán. Así estou eu: desangrándome. Esfolando a miña pel en tiras con cada bágoa que corre por ela. Que é o que atopo? O silencio. O teu inmenso silencio. Frío, estúpido, violento. Pero teu, ao fin e ao cabo. Quéirao ou non, é o único que me queda de ti. O derradeiro agasallo que recibín das túas mans, do teu corazón, da túa boca, do teu alento… En silencio, 2 lanza unha xoia brillante á auga. 1 non está. 2


PRIMAVERA Baixo un ceo estrelado. 3. Aquela? 4. A Osa Maior. 3. Entón esa é… 4. A Osa Menor. 3. Déixame a min! 4. Déixoche. 3. Non o fas. 4. Fágoo. 3. Non, non o fas. Sempre te adiantas. 4. Porque ti es moi lenta. 3. Lenta? 4. Ahá, lenta. Tardas tanto tempo que as estrelas morren no ceo agardando a que ti as nomees. 3. Non me fagas burla! 4. Abúrrome. 3. Iso non é motivo para meterte comigo. 4. Abúrrome e teño frío. 3. Shhhh… Cala e mira. 4. É estúpido. 3. O que? 4. Todo isto. O dos planetas e as constelacións. É unha perda de tempo.

3


3. Iso cres? 4. Iso penso. 3. Non tes que estar aquí se non queres. Non preciso da túa compaña. 4. Seguro? 3. Ao cen por cen. 4. Entón por que me pediches que subise aquí contigo? 3. Eu… Eu non fixen iso. 4. Claro... 3. En ningún momento che pedín que subises comigo ao tellado. Fixéchelo porque quixeches e punto. 4. Equivoqueime. 3. …? 4. Equivoqueime de persoa. Sería outra. 3. Que é o que estás a dicir? 4. Está claro: se non fuches ti quen mo pediu debeu ser outra persoa. 3. Toleas. 4. Fasme tolear. 3. Eu? 4. Si, ti. Ti e os teus chismes para atopar animais entre as estrelas. 3. Non é un chisme, é un astrolabio. 4. Por min coma se é o Santo Graal. É un chisme estúpido que está a facer que me conxele enteira. 3. Non deixaches de protestar dende que chegamos. 4. E non serviu de nada. 4


3. Serviu para que me entraran máis ganas de botarte polo tellado abaixo. 4. Non es capaz… 3. Non me probes… 4. Que foi iso?! 3. O que? 4. A luz… Un fío de luz branca atravesou o ceo. 3. Onde? 4. Alí, por detrás de esas montañas. 3. Non vexo nada. 4. Semellaba ser… Era como unha… 3. Que? Que é o que era? 4. Como unha estrela fugaz. 3. Aquí e agora? 4. Aquí e agora. 3. Víchela? 4. Cos meus ollos. Ía a toda velocidade e brillaba cunha luz que parecía doutro planeta. E na súa cola… 3. Que tiña na súa cola? 4. Unha mensaxe para ti que dicía que es unha paiola! Ha ha ha ha ha… 3. Vai á merda. 4. Ha ha ha ha… 3. Es unha estúpida. 4. Só era unha broma, non te enfades! Se te vises a cara que puxeches… Ha ha ha ha…

5


3. Estou farta de ti. Farta dos teus embustes e das túas brincadeiras. 4. Onde vas agora? 3. Marcho. 4. Veña, non te poñas así. 3. Póñome do xeito que eu queiro. 4. Perdóame, por favor. Perdoa que che fixera… Ha ha ha ha… 3. Déixame en paz. Estoupido. Luz cegadora. 4. Que demos foi iso?! 3. … 4. Que é o que foi??!! Dimo!!! 3. Foi… foi… Foi unha bomba.

VERÁN Nas dunas dun deserto. 5. Unha vez / Houbo / Montañas sobre montañas / Beizos sobre beizos / Homes sobre homes / Mulleres / Vivas / Nas historias / Que me contaban / De nena / Dirixímonos / Cruzando / Alén / Do mar / Do ceo / Da terra / Do lume / Coas bágoas / Ás nosas costas / Preto / Dos nosos / Corazóns / Onde reflectimos / A luz / Das estrelas / Nun astrolabio / Cósmico / Sideral / Glamuroso / Residual / Po branco / Nos lavabos / Das casas / De citas / O retorno do Delgado Duque Branco / Cheo de ira / Contra / A xente que / Chora / A xente que / Perdeu / Todo / E nada / Fíos / Finos / Fíos / Delgados / Fíos de vida / Soportan / A inestabilidade / Dos corredores de / Fondo / Nunha carreira / Bélica / Ditaminada / Polas / Moiras do Hades / Nas esquinas / Das rúas / Dos calellos / Sen saída / Onde se prostitúen / As nenas / Chinesas / Indias / Filipinas / Sirias / Nixerianas / Vietnamitas / Panxea / Sexual / Anal ou vaxinal / Depende do punto de vista / Dos prezos do mercado / Mundial / Des-concerto / Nuclear / Mísiles nunha / Coda / Atómica

6


/ Pola Paz / Pola Humanidade / Pola vontade / Para decidir / Para falar / Deixarnos / Berrar / Bicar / Parir / Abortar / Cortar / Os fíos / Das pernas / Dos ósos / Das mentes / Das nosas mans / Que nos dirixen / Cara a ningún / Lugar / O espazo onde / Podamos / Voar / Vivir / Rir / Bailar / Esnaquizar / Esquecer / Chorar / Soñar / Contemplar / As constelacións / Do ceo / Da terra / Do lume / Do mar 5 aperta con forza un pequeno obxecto no seu puño. 6 non di nada.

OUTONO Entre as árbores dun bosque. 8. Péchannos as bocas. 7. O que? 8. Alá a onde imos, pechan as bocas das mulleres con fíos. 7. Fíos? 8. Fíos de la. Algúns grosos, outros máis finos, pero fíos de la ao fin e ao cabo. 7. Non é posíbel. 8. Éo. 7. E ti como sabes iso? Quen cho dixo? 8. Simplemente seino. 7. Cales son as túas fontes? 8. Non as preciso. Non é necesario ter fontes para saber iso, sábese e punto. 7. Estasme a enganar. 8. Sabes que non. 7. Non aturo máis os teus embustes e as túas tolerías. As túas evasivas cando che pregunto calquera cousa e non me respondes por se me afecta de máis o que me teñas que dicir. Estou farta de que sempre teñas que darme medo coas túas andrómenas.

7


8. Non che estou a mentir! 7. Ah, non? 8. Non. Esta vez non. 7. Por que teño que confiar en ti? 8. Porque son a túa irmá e porque o mellor que podes facer agora mesmo e ter alguén ao teu carón en quen confiar. 7. Por que o fan? 8. … 7. O dos fíos nas bocas. Por que fan iso? 8. Non o sei. Só che podo dicir que o fan. 7. Estasme a ocultar algo. 8. Se o soubese diríacho. 7. Non queres dicirme a verdade. 8. Estou a contarche a verdade! Eles pechan as bocas das que chegan con fíos. Cósenlles os beizos para que non podan volver a falar, comer ou bicar nunca máis. Non sei por que o fan. Tampouco sei a conto de que. Ninguén pode preguntalo, ninguén pode contalo. Cos fíos compran o silencio das persoas. Arrebátanlles a súa voz, o seu alento. Só aquelas que conseguen escapar de alí poden... Que é o que fas? Por que te paras? 7. Non quero seguir. Non penso camiñar máis. 8. Temos que cruzar alén antes de que se nos faga de noite. 7. Non vou cruzar. Non vou permitir que cosan a miña boca con fíos de la ou con calquera outra cousa. Son demasiado pequena para non volver falar. 8. Non o farán. 7. Como estás tan segura? 8. Ei, mírame. Estou contigo, non che vai pasar nada. Estamos xuntas nisto. 8


7. … 8. … 7. Teño medo. 8. Mentiría se eu che dixese que non. 7. Non hai outro sitio? 8. Non hai outro xeito. 7. … 8. Por que te paras agora? 7. Mira. 8. De onde sacaches iso? 7. Collino da man de alguén. 8. Roubáchelo. 7. Collino da man dunha nena pequena. Unha nena pequena que estaba tirada no chan. Tíñao ben suxeito no seu puño. Tiven que abrirlle os dedos un á un para sacalo. Non se moveu. Non dixo nada. Nin tan sequera respirou. Collino para regalarcho. Pensei que che gustaría. Pensei que sería útil porque poderiamos vendelo en calquera bazar. É unha xoia. Unha xoia na que se reflicten a luz das estrelas e das constelacións. É unha especie de astrolabio. Un astrolabio feito de brillantes. Con el podemos chegar a onde queiramos: máis lonxe, máis seguro, en menos tempo. É para ti. É un agasallo. Non o roubei. Collino. Collino da man dunha nena pequena que non se movía e que non se ía mover nunca máis. Reflicte o resplandor das estrelas. Traza o camiño do ceo na terra. O camiño que temos que seguir para non chegar ao lugar onde van cosernos os beizos con fíos de la. Temos que facer caso da súa luminaria, temos que guiarnos por ela. Cólleo, é teu. Teu porque ti es a persoa máis adecuada para telo. Es a única persoa que atura todos os meus medos. A mellor persoa na que podo confiar. Ti. A miña irmá maior. É teu. 8 colle o agasallo de 7. Escuro.

9

Fíos  

2º Premio 'A Pipa' de Dramaturxia Breve 2015

Read more
Read more
Similar to
Popular now
Just for you