Issuu on Google+

MANIFESTO CONTRA O RACISMO E A XENOFOBIA

Nun mundo cada vez máis globalizado, o que sucede nunha parte pode chegar ao coñecemento, case de forma instantánea, e afectar, a calquera outro punto do planeta. Os movementos migratorios, dende os países en vías de desenvolvemento ou emerxentes, cara aos que teñen mellores condicións socioeconómicas, son neste contexto un aspecto destacado. O fluxo de persoas, motivado por razóns de diversa necesidade nos seus países de orixe, xera un contacto directo entre os que chegan e os que xa están. A relación non sempre é doada: uns e outros deben poñer a súa mellor vontade para que a convivencia sexa plena e harmoniosa. Nesta cadea que se forxa, o elo máis débil é o que se incorpora: o seu status social, económico, legal e ata pode que político, adoita ser inferior ao da media do ámbito do país que o acolle. A isto, habería que unir outras condicións persoais derivadas, coma os medos, tristuras, inseguridades e tensións producidas polo desarraigamento, a indefensión, ou a ausencia de familia, amigos e demais referentes afectivos; e, en moitos casos, desorientación polas diferenzas culturais. Así, hoxe e aquí, MANIFESTAMOS: 1-A sociedade de acollida, a través dos seus diversos actores institucionais e individuais, neste contexto, debería facilitar a situación. É unha cuestión, simplemente, de ética, de dereitos humanos, de responsabilidade. E visto dende unha perspectiva histórica global ata de xustiza. Iso, sen menoscabo de que o emigrante, aínda estando na parte baixa da escaleira, tamén teña que se adaptar, de xeito obrigatorio, no ámbito legal, e recomendable, no sociocultural. 2-Nós, os galegos, sabémolo ben, e por fortuna temos a empatía, e a experiencia de xeracións, abondo para estar á altura. Pero nunca hai que baixar a garda: a xenofobia é unha eiva que ha de combaterse en canto se detecta, baixo risco de que se expanda coma a gripe. 3-Non ten xustificación obxectiva ningunha, coma tampouco o racismo, sustentados en prexuízos, descoñecemento, medo ou desconfianza ao diferente, ao que non se entende; e, en todo caso, baseado non na razón, senón nas paixóns e as emocións que con frecuencia nacen da xeneralización simplista. Se un ou varios membros dunha etnia, raza ou nacionalidade, teñen un comportamento incívico, ou delituoso, han de ser eles os que sufran as consecuencias, pero nunca debe extrapolarse aos que compartan cor de pel ou pasaporte con eles. Do mesmo xeito que non se sanciona aos veciños de alguén que comete unha falta; ou se manda ao cárcere aos seus familiares. Do mesmo absurdo se trata. 4-A xenofobia e o racismo son pólvora, cando a chama da inestabilidade social se axita e prende. É moi doado cargar contra o débil, o inmigrante, acusándoo directa ou indirectamente do noso propio fracaso, como sociedade, como cidadáns. Na época en que vivimos, tremendamente convulsa e na que se adiviña un gran cambio polo esgotamento dun sistema de vida, de desenvolvemento económico e social, os equilibrios na relación entre migración e país de acollida fanse máis difíciles. 5-Corresponde, en definitiva, a todos nós, persoas, individuos de aquí e de acolá, facer que funcione. E a clase política debe ser a vangarda, o faro de guía no proceso de entendemento e enriquecemento mutuo.

Sen importar raza, país ou relixión. Todos somos sociedade.


Manifesto racismo 2011