Page 1

A Manuel Leiras Pulpeiro Erguíase o fulgor dos horizontes coas palabras e xestos cos que ías do pobre enfermo á rica lingua do mal do corpo ao da alma. Orfas deixaches -xa hai tantoas boas xentes que morreron, as boas palabras que calaron. Só sobrevive a terra, porque estás nela. Ennobrécese esta cos teus ósos mais, celosos, brúan os ventos, porque non se oe a túa voz senlleira, non se sente a paz da túa palabra. Os verdes das ribeiras esmorecen, esvaecen os azuis da augas, só os ecos, dos claros das túas noites, chegan nidios, aínda, ata a min. Viviches pobre tempo, Manuel Leiras, e pareceu, coma imaxe de Compaña, que esta terra ía erguerse, albadeada de mentiras, de caciques e de atrasos. Mais, como antano, non hai repouso, e a túa palabra, fornecida polo tempo, aos teus irmáns retorna humilde pra berrarlles o valor dun ideal.


MANUEL LEIRAS PULPEIRO, NO CENTENARIO DO SEU PASAMENTO Pode ser causalidade -a vida non está exenta de azar- pero o certo é que un dos barrios menos favorecidos de Lugo leva como nome do seu Instituto “Leiras Pulpeiro”. Manuel Leiras Pulpeiro é o personaxe no que se poden ver reflectidos moitos alumnos lucenses que viven no oeste da capital, e é tamén o persoeiro que mellor podería apadriñar a situación e os tempos que está a vivir esta mocidade. Foi Don Manuel, por antagonismo con outros que virían despois, un home de letras metido a médico -non tanto un médico metido a home de letras, aínda que exercera de médico toda a súa vida-, herdeiro e cumio -quizais sen sabelo- da mellor Ilustración do século XVIII, que conseguiu unir ciencia e humanidades exercendo a medicina á vez que atendía as súas preocupacións políticas e a súa vocación literaria. Ironías -ou non- do destino, Leiras Pulpeiro dá nome ao Instituto que estaba e xa non está detrás da ‘Residencia’, como era coñecido o antigo Hospital de Lugo. O médico que non só curaba o corpo dos enfermos, senón que tamén podía chegar a curarlles algo o peto cando apreciaba escaseza -moitas veces podía non cobrar, regalar medicamentos ou incluso deixar unhas moedas debaixo da almofada do enfermo- veu de Mondoñedo para quedar no barrio da medicina de Lugo, só que a medicina, hoxe, foise do seu carón. Un Instituto para un médico nun barrio agora sen hospital, nun barrio que enfermou sen atopar saída en medio da especulación e dos proxectos incumpridos. Un médico que non fai fortuna e que cura a pesares das diatribas das clases dominantes e eclesiásticas, como lle chegou a suceder en vida. Un Instituto para formar unha mocidade na procura da ciencia e do saber que permita albiscar novas formas e novos horizontes, que permita preparar novos cidadáns que desenvolvan cos seus coñecementos o ideal de progreso e benestar que preocupou a Manuel Leiras Pulpeiro. Pero tamén é un Instituto para un home de letras, para un humanista que estuda no Seminario de Mondoñedo Latín e Humanidades, e que obtén o título de bacharel en Artes no Instituto de Tapia de Casariego, na Asturias emparentada con Galicia. As artes (música, pintura ou literatura) formarán parte do home de ciencias que remata máis tarde os estudos de Medicina en Madrid.


Leiras destaca, en particular, na poesía. Cunha obra breve, sen especulacións lingüísticas, sen ornatos superfluos, cunha poesía interiorizada, sobria, que erguida sobre a estrutura da tradición levanta un horizonte amplo, aproveitando os ocos que lle dan o seu coñecemento da lingua, a súa visión ética, unha ironía que supera e sublima a célebre retranca, e un ideal social adiantado ao seu tempo. Deste Leiras home de letras, temos que retomar hoxe o traballo tranquilo, a frutificación lenta das tarefas diarias, o gusto e o coidado do ben feito, aínda que haxa quen non queira recoñecérnolo. Deste Leiras, escritor que morre case inédito, pero que non abandona o seu ben facer, ten que aprender a mocidade e os que xa a pasamos, que o que só brilla non ten por que ter valor, que o que verdadeiramente vale non necesita nin brillar, nin saír na televisión. Esta lección é especialmente significativa para este Instituto, onde hai unha gran parte do alumnado que vai ter moi mermadas as súas oportunidades na vida, e que só desde a austeridade e a autenticidade do seu esforzo poderán saír adiante dignamente. A última gran faceta que as biografías destacan neste Don Manuel é o seu sentido social, un federalista de corte republicano que actuou sempre de forma consecuente cos seus ideais, desde casar polo civil ¡¡en 1888 e en Mondoñedo!! ata formar parte do “Consejo Ejecutivo de la Región Gallega” que redactaría unha nova ‘Constitución dun futuro Estado Galego’. Non é un político, pero vive e participa na política. Ten unha idea clara de que tipo de sociedade quere e como quere que se organice. Sabe cales son os males da súa sociedade e enfróntase con eles, de forma discreta, pero absolutamente firme. Foi un loitador permanentemente contra os prexuízos e os dogmas, e deixou de lado o seu prestixio e a súa comodidade persoal para facelo. A nosa mocidade actual ten que aprender de Manuel Leiras Pulpeiro a necesidade da colaboración xenerosa e comprometida co ideal social que queiran conseguir, ten que aprender de el que a loita pola xustiza social está por riba do conformismo persoal. É máis, debe ser o revulsivo que esnaquice este conformismo, sobre todo nestes tempos nos que entre o individualismo e a aldea global nos están disolvendo como seres humanos para deixarnos en meros consumidores. Así pois, foi Manuel Leiras Pulpeiro un home libre: 1º/ porque se negou a agasallar ao poder -e libera máis sufrir o poder que adulalo-; 2º/ porque tivo un ideal moral -e a conduta decidida por un é a única que permite obrar libremente-; 3º/ porque loitou por un modelo social máis xusto e equitativo, -e só nunha sociedade xusta se pode acadar a felicidade e a paz persoal-. En suma, foi un home libre, porque pensou por si e actuou consecuentemente co seu pensamento a pesar dos atrancos que uns e outros lle puideran poñer.


O compromiso dos integrantes -especialmente da mocidade- do ‘IES Leiras Pulpeiro’ é seguir os trazos das sendas que el marcou, na procura dos coñecementos e habelencias técnicas, na procura do respecto e superación da tradición e a arte, na procura do compromiso moral e político coa Galicia actual e futura.

pepedomingo  

poema e artigo progreso