Page 1

Concurso Literario

Letras Galegas 2012


1º premio poesía BAc Ana Fariñas Ninguén se decata Ela berra en silencio e ninguén se decata. Cunha pouca maquillaxe oculta as marcas da alma. Treme cal rosa branca no medio do inverno só coa súa mirada, pero ninguén se decata. El pídelle perdón e ela non é a que di si é o medo, pero ninguén se decata. Agora ela xa non sente, agora só corre cara á luz branca e ninguén se decata. Chaman por ela, escoita a voz del, estremécese, pero non para, segue a correr cara á luz, agora sorrí, xa é libre e ninguén se decata.


1º Premio poesía. 1º Ciclo ESO Andrea Blanco Pérez

Eu non son eu Eu non son eu, eu cambiei, como a neve que se derrete, cando contigo soñei.

Eu non son eu, non volverei ser, esa nena asustada, que tivo que aprender.

Eu non son eu, non me deixo levar, por ese agradable vento, co que quería voar.


1º premio narrativa BAc Ana Fariñas Rodríguez Cinzas Cada puñada de cinzas que a nai de Sara tiraba ó mar era para min unha puñalada no medio da alma. O azul do mar recordábame os seus ollos, e as ondas acariciadas polos últimos raios de sol parecían os seus rizos dourados. Agora ela xa non estaba, e eu non sabía porqué. Foi un suicidio. Cortou as veas. Probablemente non soubo aguantar a presión da adolescencia. Pero algo non encaixaba. Sara sacaba boas notas, era guapa e tiña un montón de amigos. Había días que eu notaba a Sara moi rara. Xa non ría, e os seus ollos non brillaban cando vía aparecer pola porta da clase a Daniel. O seu Dani, como dicía sempre. Algo dentro de min dicíame que algo non ía ben. Non sei como explicalo. Despois de que a atoparan na bañeira desangrada a voz de Sara chamaba por min tódalas noites, como pedíndome axuda. Esas voces continuaron ata a tarde na que decidín visitar os pais de Sara. Cando entrei naquela casa unha forza estraña empurroume ata a súa habitación, chea de fotos de Dani e das dúas xuntas. Chamoume a atención aquela na que saiamos as dúas paseando pola beira do río. Eu vestida cos meus vaqueiros azuis e ela co seu vestido branco. Semellaba unha margarida no medio daquel prado verde. No primeiro caixón do seu escritorio estaba o diario que lle regalara polo seu último aniversario. Aquel día fora especial. Celebraramos aquel día na praia. “Gustaríame vivir para sempre baixo o mar, coma as sereas”, dixérame aquel día. Abrín o diario e comecei a ler. Saltei as primeiras páxinas porque só falaban das cousas que faciamos antes de volver a comezar as clases. Cando lin as páxinas seguintes, algo me escachou por dentro. Téñoo aquí gardado neste caixón.

2 de outubro. Estou feliz! Hoxe, na hora do recreo Dani achegouse a min. Estaba tan guapo! Preguntoume se

podiamos quedar na súa casa para axudarlle coas Matemáticas. Vese que non se lle dan moi ben. Díxenlle que si, por suposto. Non perdería por nada do mundo a oportunidade de estar con el a soas, aínda que só sexa para explicarlle as ecuacións de segundo grao…


3 de novembro Adela preguntoume hoxe varias veces que me pasaba. Eu intentei disimular pero a ela non lle

podo ocultar nada. Díxome que tivese coidado, que había algo no meu Dani que non lle gustaba. Eu non lle fixen caso. Adela sempre está coas mesmas paranoias 4 de decembro. Mañá quedei con el para explicarlle as ecuacións de segundo grao! Estou tan nerviosa e feliz! Trémenme as mans só de pensalo. Non lle vou dicir nada a Adela porque está moi pesadiña co de que “ hai algo en Dani que non me gusta “. 5 de decembro. Foi a mellor tarde da miña vida! Acabo de chegar da casa de Dani. Foi tan amable e tan

simpático Ensinoume a súa colección de medallas de fútbol. É un ás nos deportes, aínda que un desastre coas matemáticas 8 de decembro. Dani está moi raro. Non me falou durante estes tres días. Non sei que facer. A Adela non lle podo dicir nada porque se anoxaría.

Será mellor que me deite e descanse. Mañá preguntareille por que se anoxou comigo… 9 de decembro. Bicoume! Hoxe o meu Dani bicoume. Estabamos no recreo e eu achegueime para preguntarlle que lle pasaba. Díxome que non lle gustara que Alberto, outro compañeiro de clase, me dera dous bicos

onte. Eu expliqueille que só fora un saúdo. Atrevinme a dicirlle que me gustaba el bicoume. Díxome que eu tamén lle gustaba moito.

Dáme moita pena non poder compartir esta alegría que sinto con Adela, pero é que o meu Dani

me pediu que o levásemos en segredo para que ninguén nos puidese separar. Ó principio pareceume un pouco estraño, pero eu, polo meu Dani, fago calquera cousa 10 de decembro A tarde con Dani foi marabillosa. É tan guapo! Hoxe regaloume unha rosa branca, as miñas

favoritas. No instituto tratamos de disimular. Adela pregúntame que me pasa porque sempre

estou apampada. Sabe que me gusta Dani desde sempre, pero non sabe que estamos saíndo. Se se entera non lle ha de gustar que non llo contase, pero pediume Dani que non dixese nada...


11 de decembro Anoxouse comigo. E todo porque en ximnasia me tocou facer flexións con Xabier. Montoume unha

escena de celos impresionante! Díxome que era unha puta que se deixaba tocar por todos. Eu tratei de explicarllo pero o único que conseguín foi que me empurrase contra o chan. Mañá volverei falar con el.

12 de decembro. Con outra rosa branca. Así me pediu desculpas. Estaba arrepentido de verdade. Deuse conta de que eu só o quería a el. Prometeume que non volvería ocorrer. Eu créoo. 16 de decembro Pegoume! Deume unha malleira. E todo porque perdeu o partido desta tarde e eu tratei de

consolalo. Ninguén sabe nada. Nin sequera Adela. Dáme vergoña que alguén o saiba. Dóeme o corpo todo e tamén a alma... 17 de decembro Deume un abrazo e outra rosa branca. Pediume que non lle contase a ninguén o de onte, porque se

non todos pensarían que é unha mala persoa e tería que deixarme. Eu non quero iso, quero que estea sempre comigo... 10 de xaneiro Todo o que fago está mal. Nada lle gusta. E eu tampouco. Que se non coma tanto que estou coma unha vaca, que non vista roupa tan curta que parezo unha puta, que suspendeu o exame de matemáticas porque eu non lle expliquei ben...

Xa non o aturo máis. Vou acabar con isto canto antes. Teño que deixalo. 11 de xaneiro Suicídome, se me deixas suicídome! Foi a súa resposta cando lle dixen que non o aturaba máis, que non quería que me pegase máis.

Fágoo polo teu ben. Para que sexas mellor persoa . Non sexas egoísta, non penses só en ti mesma. Despois de dicirme isto deu media volta e marchou. Deixándome alí plantada, sentíndome coma unha merda.


17 de xaneiro Deixoume! Díxome que non me quería. Que non o merecía. Non entendo nada. Estes días estiveran mellor as cousas entre nós. Eu facía todo o que el me dicía. Xa non saía con Adela, pasaba a maior parte do tempo con el. Nin sequera falaba con outros rapaces. Só con el. E esta tarde deixoume. Por móbil. Nin sequera mo dixo á cara. A pesar de todo eu sigo queréndoo, e sen el non sei se poderei vivir...

Sinto unha enorme dor no peito e un gran desexo de converterme en cinzas.... Cinzas. A última palabra que Sara escribiu no seu diario. Disto hai case quince anos. Naquel momento entregueille o diario á policía pero non serviu de nada. Agora Dani ten unha familia, un traballo e é feliz. Nin sequera recorda a Sara. En cambio a miña amiga, hoxe, é só cinzas.


1º premio narrativa. 2º ciclo ESO Manuel castrillón Tort OBRIGADA A CASARME Obrigada a casarme aos 12 anos. Obrigada a ter fillos cun home que non coñecía. Obrigada á servidume durante toda a miña vida. Esa é a miña historia. Son muller e nacín en Oriente Medio, concretamente en Pakistán. Ser muller e nacer nese país é para min unha das peores cousas que che poden ocorrer. Por que? porque vivimos nunha zona do mundo onde, por costume ou tradición, somos consideradas inferiores e trátasenos, desde o nacemento, coma un obxecto sen dereitos que se vende ao mellor ofertante. Por que non se obriga a un home a casar cunha muller? Por que os pais dunha muller pagan aos dun home para que casen, como se fose un favor? Preguntas que ou non teñen resposta ou ninguén as quere responder. O peor de todo é que non somos nós as que decidimos o noso destino senón os homes e, en moitas ocasións os propios pais. Esa é a base da miña historia, a miña e a de moitas mulleres que, debido á influencia da cultura e das relixións machistas, permanecen sometidas a continuas vexacións e humillacións públicas. Todo comezou o día que nacín, o día en que meu pai, coma tantos outros, viu en min un gran negocio. Crieime na casa baixo os coidados da miña nai e malleiras do meu pai. Non podía ir á escola, así que todo o que sei, sobre todo o de escribir, débollo ás marabillosas mulleres da familia que me coidaron e educaron coma se fose a filla de todas. O único que recordo do meu pai son as malleiras e gritos que profería cada noite despois de ir ao bar. Miña nai calaba mentres a golpeaba, e eu o único que facía era esconderme baixo a cama. Desde ese momento e desde que me violou por primeira vez, decidín non casar cun home xamais. Cando ela morreu, unha morte inxusta e cruel culpa dunha lapidación a mans dos homes do pobo, collín tal rabia e odio que esa mesma noite fuxín de casa e, nun barco de inmigrantes, abandonei o país para sempre. Funme do meu país. Abandonei a miña casa. Marchei do meu barrio. Alí deixeino todo coa esperanza de que, fose onde fose, o lugar ao que chegase sería mellor. Deixeino todo pensando que, sendo o século XXI, habendo como había cura contra o cáncer ou a sida, non houbera solución contra algo tan terrible e inxusto coma o maltrato.


1º premio narrativa ex aequo. 1º ciclo ESO Eugenia López González O segredo de Ana

Ana era unha nena de 12 anos, morena, de ollos azuis e alta, que vivía cos seus pais na Inglaterra. Acababan de mudarse dende España por motivos de traballo dos seus pais. A ela non lle importara moito, porque xa estaba acostumada a andarse mudando de cidade, de casa, de escola, de amigos… Sempre se mudaban por toda España, polo que era a súa primeira vez fóra do seu país. Isto era o único que facía que aquela viaxe fose a máis divertida e importante da súa vida. Os primeiros días foron os máis difíciles para ela porque non coñecía a ninguén nin tampouco o barrio. Un día na escola unha nena acercóuselle e preguntoulle se quería ser a súa amiga . Ana un pouco nerviosa díxolle que si . Ela chamábase Sara, era morena, alta, amable e moi cariñosa polo que o primeiro día como amigas non se separaron nin un intre. Para Ana foi o mellor día que tivo dende que se mudara a Inglaterra . Todos os días ían ao parque xuntas, era o seu lugar favorito de todo o barrio. Un día camiño do parque, Ana e Sara ían falando e de súpeto Ana caeu nun burato no chan que nunca vira, xa que todos os días pasaban por ese camiño. Cando se levantou viu que aquilo non era un burato de obras onde había tubos ou sumidoiros como ela o imaxinara, senón que era como unha especie de mundo subterráneo. Sara correu a axudala pero cando ela baixou todo era normal, era un sumidoiro normal e corrente. Ana pensou que o imaxinara polo golpe que se dera ao caer, porque se fose realidade , Sara tamén o tería visto . Ao longo dos días Ana non deixaba de pensar no que lle sucedera, o mundo que vira parecíalle tan real que non sabía o que pensar e encima dende aquel día Ana soñaba todos os días con aquel mundo e cada vez parecíalle máis real, polo que decidiu volver a aquel lugar. Cando entrou no burato todo parecía normal. Empezou a mirar, pero todo era normal así que decidiu volver para a súa casa. Deuse a volta para marchar pero, de repente, escoitou uns ruídos estraños e notou como se alguén a estivera agarrando pola perna, deuse a volta e… viu una cidade subterránea de pequenos animais. Non eran normais todos eran moi pequenos, tan pequenos que os podías meter nun peto sen dificultades e ademais FALABAN!!!!!!!!!!!!! Mirou cara a abaixo e viu un coello diminuto, tiña dúas pequenas orellas rosas e un rabiño redondo e gris, era como un peluxe dun neno pequeno. El dicíalle que pasase a ver a cidade pero ela estaba un pouco nerviosa, e desconcertada, pero ao final decidiu facerlle caso ao coelliño . El foille contando a historia daquel pobo: como sobrevivían, como era o seu tipo de vida, etc. Tamén lle contou como ao longo do tempo ninguén os encontrara, só unhas determinadas persoas podían velos. Esas persoas eran nenos que estaban tristes porque non tiñan amigos, porque os seus pais morreran, porque ninguén os quería…ou o caso de Ana , non tiña un fogar fixo.


Ela dicíalle que nunca se sentira moi triste, pero si recoñecía que lle custaba adaptarse a unha nova casa, novos amigos, nova escola ... Eles dixéronlle que xogarían sempre con ela , levaríana de paseo por moitísimos lugares segredos e moitas cousas máis, pero ela tiña que manter en segredo a súa existencia. Pero Ana quería compartir o segredo con Sara e rogoulles que llo deixaran contar a Sara. Ana empezou a chorar, a replicar e ao final aceptaron, pero só llo podía dicir a ela ninguén máis podería saber que eles existían, nin sequera os seus pais. Ela aceptou os requisitos. Ao día seguinte Ana contoulle todo a Sara: o que lle contou o coelliño, o que vira, os segredos que lle contaran…E por suposto non se esqueceu de dicirlle que non llo podía dicir a ninguén era un gran segredo que as dúas tiñan que gardar e para comprobar que o ían facer, fixeron un pacto entre as dúas, se non o cumprían as dúas non se volverían falar durante un ano enteiro. O trato era un pouco raro pero elas sabían que sería un bo castigo. Despois das clases Ana e Sara foron ver os animais daquel mundo subterráneo, Sara cando viu todo aquilo quedou alucinada, aquela cidade era fantástica, era algo máxico, ela nunca vira una cidade tan bela como aquela. Ao longo do tempo Ana e Sara ían todos os días despois de clase a ver a “Animalandia” que era o nome que lle puxeran á cidade subterránea xa que nela só habitaban animais. Pero un día Ana chegou á clase con moi mala cara, ninguén sabía o que lle pasara ata que chegou o recreo. Sara achegouse e preguntoulle que pasara, e ela, moi triste e coa voz apagada, díxolle que se mudaba a París. Ela sabía que era unha cidade preciosa, pero non quería separarse de Sara nin de “Lois” que era o coelliño de “Animalandia”. Despois das clases como de costume foron visitar os animaliños e déronlles a mala noticia pero a eles non lles importou moito. Isto fixo que as dúas amigas se estrañaran , pero iso tiña unha razón, Lois díxolles que eles podían ir visitala por teletransporte, que era un dos seus poderes máis divertidos e, o mellor de todo, é que tamén podían levar a Sara . Esta foi unha noticia estupenda para as dúas. Pasada unha semana chegou o gran día, Ana marchaba. Sara e os seus pais acompañaron a familia de Ana ao aeroporto. A despedida non lles molestou moito, porque sabían que en París se volverían a ver, e non só elas dúas, senón que tamén Ana volvería ver a Lois e aos demais animais que a acompañaran todos os días despois de clase. A partir daquel día, Ana non se volveu preocupar polas mudanzas xa que sabía que Sara e os seus amigos animais a seguirían a todas as cidades ás que ela se mudase.


1º premio narrativa ex aequo. 1º ciclo ESO

Lucía Pasarín López O segredo. Tiña eu trece anos cando me ocorreu o que xamais imaxinara, algo que gardei coma un segredo e que non revelei ata hoxe... “ Todo comezou un luns pola mañá. Rematara de vestirme había pouco cando escoitei uns ruídos un tanto sospeitosos no piso superior da casa. Pero, como había ruídos no faiado? Eran ratos? Non, non eran, era algo semellante a unha persoa. o

Ai, meu Deus! -gritei. E se era un ladrón?

Comezaron a tremerme as pernas, e unha suor fría perrecorreu as miñas costas. Non podía estar queda, debía actuar, pero xa! Non había tempo. Meus pais non estaban na casa; acabaran de subir ata A Fonsagrada á feira do botelo mentres eu quedaba na casa con Sakura. Sakura! A cuza non ladrara! E se o ladrón lle fixera algo? Baixei correndo, pero sen facer moito ruído. Mirei na cociña, non estaba; mirei no comedor, non estaba; mirei na bodega, non estaba. Cando xa desesperaba, un pequeno xemido chamou a miña atención. Era Sakura, estaba no faiado. Se era ela a que estaba alí, ben podía ser o ladrón... pero aínda así, armeime como puiden cun coitelo do xamón. Abrín a porta que levaba ás escaleiras do faiado. Fixeron un pequeno renxido; subín pouco a pouco cada un dos chanzos, evitando o menor ruído. Asomeime e vin xunto á ventá que daba á aira un rabo peludo. - Sakura! -gritei. A cuza xirouse e correu xunto a min.- Sakura... Onde andabas raposa? Que fas por aquí?

Pareceu entenderme porque agarrou o meu pantalón tirando del. Seguina ata unha das paredes; de pedra, sen pintar. A cuza ladraba e petaba coa pata na parede. Empurrei a parede e para a miña sorpresa, moveuse, a parede moveuse cara ó interior! Deixei o coitelo do xamón no chan e seguín empurrando na parede ata que un “crash” fixo que parase. Na superficie apareceu un picaporte. Xireino lentamente, tiña medo. Sakura arrimouse a min e sinalou coa cabeza o picaporte. Como podía Sakura ser tan intelixente?


(Xa podía ir facerme os exames... ) “Crash” fixo o picaporte. ------------------------Sakura entrou a primeira naquela sala. Un raio de luz cegoume a vista por uns intres ata que puiden ver o lugar onde estaba. Unha inmensa sala chea de andeis con centos de libros que xamais pensei ver xuntos. Centos e centos de libros. Uns tiñan títulos que me atraían bastante (“A illa misteriosa”, “As pocións de mil cores” ou “O cabaleiro de Oz) e outros facían que un calafrío me percorrese de punta a punta (“Ánimas que veñen de lonxe”, “Son da Santa Compaña” ou “A morte está preto”). Na sala había unha mesa chea de papeis que sen dúbida eran antigos, estaban cheos de po. Funos mirando por riba ata que os meus ollos toparon cun baúl que había ao carón da mesa. Era grande e parecía pesar. O po tapaba a súa cor natural, a azul. Abro ou non abro? Sakura arrimouse a min. Con ela alí, sentín o coraxe necesario para poder abrilo. Tirei forte. Máis forte. Aínda máis forte. “Grr” fixo o baúl. Pouco a pouco puiden levantar a tapa tan pesada que o cubría. Nunca imaxinei o tesouro que alí había. Moedas de ouro e prata. Veume á cabeza o tesouro das Mercedes, pero logo me esquecín del, escoitei o ruído do coche de meus pais. Mirei a hora no reloxo, pasaran tres horas! Chamei a Sakura e cerrei a porta- parede rapidamente e baixamos correndo as escaleiras. Chegamos xusto no momento no que meus pais entraban pola porta. o

Pasástelo ben? -preguntou miña nai.- Tedes fame, ou?

Miña nai non sabía ben o que nos pasara, nin podería nunca imaxinalo, Mirei a Sakura aos ollos e ambas decidimos gardar o segredo. De momento...

Concurso literario 2012  

Traballos premiados no concurso que cada ano convoca ODL do IES Leiras Pulpeiro de Lugo co gallo das Letras Galegas

Read more
Read more
Similar to
Popular now
Just for you