Issuu on Google+

CHAN DO MONTE DIXITAL. Nº 0

CHAN DO MONTE curso 20092009-2010 monográfico:

nº 0

dixital

edita o edlg do cpr.sannarciso cpr.sannarciso

O CAMIÑO QUE NOS IDENTIFICA

ONTE CUMPRÍN 15 anos AQUÍ PODERÁS COÑECERME MELLOR SUMARIO Editorial: CHAN DO MONTE E O EQUIPO DE NORMALIZACIÓN CHAN DO MONTE EN BRANCO E NEGRO 15 ANOS DO EQUIPO DE NORMALIZACIÓN DECÁLOGO DA ORIXINALIDADE AULA DO TEATRO: NARCISO NA PROCURA DO EU


Edita: EDLG xuño 2010 Coordina: Héctor Silveiro. Maqueta: Darío Suárez. Equipo de redacción: Adolfo Caamaño, Teresa González.

Colaboran: Os profesores: -Xosé Tilves, (en calidade de antigo director da Revista Chan do Monte). -Julio Santos Pena -Mª Ángeles Calvar Fuentes.

Os Alum@s: Alba Amoedo Lucía Melgarejo Jorge Pazos Lucía Pereira Ana Pérez Juan Rosales Carolina Suárez María Torres Andrea Rodríguez Cabanelas

Edición realizada coa colaboración de:


EDITORIAL

CHAN DO MONTE E O EQUIPO DE NORMALIZACIÓN CHAN DO MONTE, a revista do San Narciso, foi dende o seu nacemento unha especie de anel, como o das árbores ou como o dos peixes, que vai deixando a marca indeleble para que como contamos os anos das árbores polos seus aneis, poidamos a través das súas páxinas facer memoria do que acontece en cada curso. A nosa revista pasou por distintos momentos e distintos enfoques. Nun primeiro momento era a revista do Departamento de Galego. Foi Xosé Tilves, como profesor de galego quen estivo ao fronte da mesma na primeira etapa e no momento en que se crea o Equipo de Normalización Lingüística (ENL) o primeiro coordinador deste Equipo quen tamén se fixo cargo da revista e do propio ENL sendo el o que ata o ano 1997 era o seu principal dinamizador. Quixemos celebrar este ano o 15 aniversario do ENL (1994/95-2009/10) porque é bo, de cando en vez, facer memoria, observar os distintos aneis da nosa vida para mirar con outros ollos cara o futuro. O ENL no curso 95/96 encárgase pois da Revista que inaugura así a súa segunda etapa. Foi tamén este curso cando nacerá a nosa revista irmá, a dos pequenos, a de Primaria, que leva o nome de PEQUECHÁN. Cando Xosé Tilves marchou do Colexio no curso 97/98 abriríamos unha terceira etapa na revista a cargo do novo coordinador do ENL e novo profesor de galego Adolfo Caamaño. Pero quen case que sempre dende a súa incorporación ao centro quen estivo realmente detrás da montaxe e a presentación final de cada número foi Darío Suárez. Chegado o curso 1999/2000, co novo milenio prodúcense un novo cambio pasando a ser Héctor Silveiro quen coordina o ENL e tres anos despois a revista Chan do Monte, que seguía dirixida por Adolfo Caamaño, entra nunha crise formal ou de formato pois coa introdución das novas tecnoloxías comeza a estudarse un proxecto de revista dixital. Nesta etapa é na que estamos. Colgándoa na rede e dando paso así a que quede na nosa memoria e para o futuro outro anel, un anel máis na vida desta revista escolar de Secundaria que coma as árbore, ou os peixes, vai medrando curso a curso.


SUMARIO Editorial: CHAN DO MONTE E O EQUIPO DE NORMALIZACIÓN

CHAN DO MONTE EN BRANCO E NEGRO

15 ANOS DO EQUIPO DE NORMALIZACIÓN DECÁLOGO DA ORIXINALIDADE OU DA NOSA IDENTIDADE: Somos orixinais por: -

A Xeografía e a historia

-

A fala e a lingua galegas

-

“Toponimia MADE IN GALICIA” a metade dos topónimos da península están en Galicia.

-

Mitos: Mouros e mouras.

-

Galicia: País dos Mortos.

-

O Nadal peculiar dos cumios do Caurel:

-

Os lobishomes galegos.

-

O entroido entre os máis orixinais do mundo.

-

De Maio a San Xoán: outro período vivo e particular .

-

O Camiño a Santiago para a construción de Europa.

Contraportada: AULA DE TEATRO: NARCISO NA PROCURA DO EU


CHAN DO MONTE EN BRANCO E NEGRO por Xosé Tilves* Como pasa o tempo. Máis que correr, voa. Parece que foi onte pero xa pasaron máis de vinte cinco anos dende que empecei a traballar en San Narciso. Dos meus quince anos que pasei aí gardo moi gratos recordos pero tamén me lembro do moto que traballei, sobre todo na elaboración da revista colexial Chan do Monte, na organización das actividades do Equipo de Normalización Lingüística – agora creo que xa non se chama así- especialmente para conmemorar cada ano o Día das Letras Galegas. Tamén na colaboración co grupo de teatro que dirixían Manuela e Héctor, e en xogar no equipo de futbito de colexio, xunto con Darío, Alfonso, Xulio e outros, que participaba na Liga de Profes do Morrazo. ¡Que tempos aqueles! Tamén é certo que un era máis xove e tiña máis azos, iso si, a custa de deixar un pouco desatendida á familia, pois pasaba no colexio moitas horas. Do meu labor como redactor da revista Chan do Monte gardo na memoria varias imaxes: a revista eras artesanal no máis amplo sentido da palabra, había que escribir a maquina –daquela non había ordenadores, os artigos e logo pedirlle a Manolo Otero que debuxase a portada, cousa que facía moi ben, e que lle puxese unhas letras ben bonitas a cada artigo ou poema. Máis tarde chegaron Darío e Héctor e botáronme unha man na composición da revista. Lémbrome que para conseguir as colaboracións dos alumnos/as había que presionalos, subornalos e incentivalos prometéndolles puntos para que así entregasen algo. A verdade, a maioría para saír do paso e beneficiarse da “axuda” extra entregábanme chistes ou pasatempos, moitos deles sacados doutra publicación, malia que na convocatoria sempre se lles pedía que as colaboracións fosen “orixinais e inéditas”. E tamén había que insistir cos compañeiros/as para que fixesen algo para a revista. Moitos días teño quedado despois de xantar só na secretaria escribindo a máquina os devanditos artigos, chistes, poemas, xeroglíficos... e redactando eu mesmo o saúdo de cada novo número que saía da revista procurando ser orixinal e non dicir sempre o mesmo. Agora lembro todo aquilo con agarimo, pero daquela estaba bastante agobiado co choio, pois sempre andabamos moi xustos de tempo para acabar a revista e facer as fotocopias. Si, ao principio non eran máis que simples fotocopias grampadas, logo a cousa foi cambiando e as “novas tecnoloxías” permitíronnos mellorar a encadernación. En fin, volvendo a vista atrás un non deixa de asombrarse do moitos que faciamos coa escaseza de medios de que se dispuña daquela. Espero e desexo que a revista Chan do Monte siga saíndo puntualmente cada curso, pois xa é un sinal de identidade, xunto cos Chaneiros, a Aula de Teatro, ou as actividades deportivas do Colexio San Narciso de Marín, onde pasei uns anos de traballo e aprendizaxe. E máis nada, un saúdo para todos, os de antes, os que seguen e os novos. *Pepe Tilves ( antigo profesor de galego en secundaria e responsable da revista e do ENL)


15 ANOS DO EQUIPO DE NORMALIZACIÓN por Héctor Silveiro* O novo decreto aprobado recentemente (20 de maio do 2010) polo goberno da Xunta de Galicia vai provocar entre outras cousas un cambio de nome no Equipo de Normalización Lingüística (ENL), que xa sufrira un lixeiro cambio hai uns, pasara a ser chamado ENDL engadíndolle un D de Dinamización. Agora pasará a denominarse EDLG, é dicir, Equipo de Dinamización da Lingua Galega. Xa antes de saber que ía cambiar de nome pensamos que era unha boa idea facer memoria dos 15 anos da nosa pequena historia que viña a consolidar outra idea, esta relacionada coa redacción e o formato da nosa revista. Abrir unha nova etapa do Chan do Monte en formato dixital e desenvolvendo temas monográficos senón en todas as súas páxinas si nunha boa parte delas. Esta é a razón pola que presentamos con estes criterios esta nova etapa. UN CHAN DO MONTE DIXITAL E MONOGRÁFICO Dous elementos acordamos destacar neste número da revista: Por un lado, aquel que falase dos 15 anos de normalización, polo outro, un Decálogo da Orixinalidade, unha serie de artigos que funcionasen coma un único traballo monográfico ( entrevistas, reportaxes, artigos de opinión) realizado por distintos alumn@s de 1º da ESO fundamentalmente ( aínda que hai tamén traballos doutros cursos) coma unha especie de obradoiro de escrita. O fío condutor deste traballo será o do lema: O CAMIÑO QUE NOS IDENTIFICA. Este lema quere facer fincapé nunha serie de feitos que nos fan orixinais no mundo. Partimos como non podía ser doutro xeito do lema didáctico que o noso centro escolle para cada curso, este ano, o da AUTOESTIMA, para logo ligalo aos obxectivos propios do Equipo de Normalización. Son elementos todos da nosa cultura que fomos traballando na aula de xeitos ben distintos, procurando evidencialo a través das vivencias, o máis próximas posibles a estes fitos que nos identifican. Traballamos para elo sobre un DECÁLOGO DA IDENTIDADE OU DA ORIXINALIDADE. A continuación podedes ver unha fotocomposición acompañada de breves textos explicativos que conforman a EXPOSICIÓN: O CAMIÑO DA NODA IDENTIDADE que o EDLG colocou tanto na entrada principal do San Narciso a carón da Secretaría como no taboleiro de Normalización. Son unha serie de paneis destinados a difundir o noso labor no centro e a facer memoria destes 15 anos de vida cargado de iniciativas, experiencias e lembranzas inesquecibles que quixemos compartir co conxunto da Comunidade Educativa do Colexio San Narciso, xusto no momento en que se cumpría o noso décimo quinto aniversario. * Coordinador do Equipo de Dinamización da Lingua Galega (EDLG 2010)


PANEIS Nestes paneis podedes apreciar o variado conxunto de actividades que se comezaron a realizar no centro unha vez que se constituíu o ENL, que é como se chamaba daquela oficialmente aos Equipos de Normalización nos centros de Ensino de toda Galicia. Iso tamén quixemos que quedara claro como existe unha Lei de Normalización que é da que parte este mandato que logo se fai palpable en cada centro de ensino. Tamén deixamos constancia das funcións e como se integra na estrutura académica do centro. Pero o que resulta máis vistoso e atractivo son as imaxes: As revistas, os taboleiros, os magostos, a radio escolar, a pegatina,os maios, a noso traballo coa Aula de teatro e os espectáculos de fin de curso. Foron 15 anos de traballo intenso de incorporar novas propostas ao calendario escolar con clara intención docente que chegase ao conxunto da comunidade Escolar do San Narciso.


O DECÁLOGO DA ORIXINALIDADE OU DA IDENTIDADE

Somos orixinais por: 1- A Xeografía e a historia 2- A fala e a lingua galegas 3- “Toponimia MADE IN GALICIA” a metade dos topónimos da península están en Galicia. 4- Mitos: Mouros e mouras. 5- Galicia: País dos Mortos. 6- O Nadal peculiar dos cumios do Caurel: 7- Os lobishomes galegos. 8- O entroido entre os máis orixinais do mundo. 9-De Maio a San Xoán: outro período vivo e particular . 10- O Camiño a Santiago para a construción de Europa.


O QUE NOS FAI SER OUTROS por Adolfo Caamaño * Se antano Galicia fose un deserto, a palabra auga só sería a palabra auga e inventariamos a palabra oasis. E se Galicia estivese no Ártico, a auga só se chamaría xeo. O galego ten moitísimas palabras do campo semántico da auga porque aquí a chuvia é filla do noso clima atlántico, e, polo tanto, tamén é consubstancial coa nosa vida. A paisaxe onde nos tocou nacer e medrar como pobo galego é o eido xeográfico no que se desenvolveu a nosa historia, a nosa lingua, a nosa cultura, todo iso que nos fai diferentes como un pobo máis no medio dos diversos pobos do mundo. Os celtas viaxaron ata o ocaso do sol, ata a fin do mundo e trouxeron a súa lingua e a súa cultura onde o culto ás árbores, ás augas, ás montañas e ao máis alá ficou prendido no noso xeito de ser galegos. As montañas do leste marcaron a nosa fronteira natural e foron claves para que o latín que trouxeron os romanos comezase aquí a falarse de xeito diferente ata que acabou sendo a lingua galega. Os suevos, cando crearon en Galicia o primeiro reino europeo independente de Roma, trouxeron moitas palabras novas que, séculos despois, acabaron estando na nosa lingua. E viñeron topónimos e apelidos que só son nosos, que só puideron ser aquí. Visto o mundo así, as paisaxes e paisanaxes diversas que contén están intimamente ligadas á xeografía onde se formaron e á historia que viviu cada pobo. Semella que cada pobo tiña reservada unha parte do mundo onde botar a andar o seu propio imaxinario cultural para conformar a enorme variedade de culturas e linguas que o mundo ten. Todo o que nos une fainos tamén diferentes. Únenos o planeta, a casa de todos, pero o planeta ten múltiples habitacións diferentes, unhas están expostas ao sol do deserto, outras ás sombras das selvas, outras adaptáronse ás friaxes boreais… A nós, aos galegos, tocounos falar con esta parte do mundo onde se inventou a palabra ría, ese carreiro de auga que entra no interior da nosa Terra a medida que vai mesturando mar e río. Nós, os galegos, tivemos que vivir nos cumios dos outeiros en casiñas circulares, e aprendemos a facer dos vales uns lugares amables onde todo podía ser cultivable, desde a vide ata o Kiwi. Nós, os galegos, somos debedores das nosas paisaxes e paisanaxes, dos lugares de Galicia e das xentes que os habitan, de cómo lle chamamos ás cousas que nós importan para seguir sendo unha parte peculiar deste eido do mundo en que nos forxamos como pobo diferente, xeográfica, histórica, cultural e lingüisticamente. * Adolfo Caamaño é profesor de Galego e Xeografía e Historia en ESO e BACHARELATO.


Arbores, arbres, árbores, albre, arbes.

Tamén de muitos xeitos se chaman en Galicia carballos , castiñeiros, pradairos, bidueiros, nogueiras, pereiras, mazairos, lameiras, loureiros, abrairas, salgueiros, amieiros, chopros, aciñas, faias, carnabudos, teixos, acibros…

Sin eles a face da nosa Terra non sería recoñecibile. Entr’iles escribín poemas que sólo poden escribirse na nosa Fala.

UXÍO NOVONEYRA


A FALA E A LINGUA GALEGAS NON SÓ VIVAMOS COMO GALEGOS, FALEMOS COMO GALEGOS! Esta é a cuestión inicial coa que comezamos o curso. Os homes fronte aos animais somos unha especie capaz de falar, pero o que nos caracteriza sobre todo é diversidade de linguas e culturas que nos fan humanos. Non ve as mesmas cores un esquimó e un galego, sobre todo porque as nomea de xeito distinto (os esquimós non tiñan na súa lingua palabras que nomeaban a obxectos ou realidades para eles descoñecidas como, por exemplo, ás árbores). Nós non temos máis que unha cor branca namentres que eles distinguen, polos condicionantes da súa xeografía e da súa climatoloxía, ata nove maneiras distintas de nomear a neve. Nós tamén temos moitos xeitos particulares e únicos de ver e nomear a choiva. Houbo un anuncio feito en Galicia e por xentes galegas que insistía na idea de “vivir como galegos”. Nós descubrimos tamén nos primeiros días deste curso que non era o mesmo ser galego-habitante que galego-falante. Se analizamos polo miúdo o segundo dos anuncios, o famoso “malo será!”, que utilizamos nas Xornadas de sensibilización sobre a AUTOESTIMA, veremos que a palabra é un alimento, como o leite para un meniño, é realmente a que nos permite ser orixinais no mundo. Temos ese dereito como persoas nun mundo diverso e complexo ao que ofrecer con dignidade o noso acervo cultural en liberdade. A ninguén lle gusta ser copia, un mero imitador do outro: “Eu sempre preferirei ser eu mesmo”. Uxío Novoneyra, homenaxeado este mes de maio no Día das Letras dicíao así: “A Fala é o único sitio onde seguen vivos os antepasados…esa Lingua que nos fixo e na que logo quedaremos…”


GALLAECIA UN TOPÓNIMO BEN ANTIGO por Héctor Silveiro Gallaecia é o nome que os romanos lle puxeron ao que agora chamamos Galicia. O nome de Gallaecia deu lugar ás actuais formas Galicia/Galiza. Pero non son sinónimos. Pois o territorio ao que os romanos denominaron “Gallaecia” era maior do que hoxe coñecemos como Galicia. Gallaecia ocupaba o actual norte de Portugal ata chegar ao río Douro polo sur, sendo máis discutidos os lindes orientais, que incluían para algúns unha boa parte das actuais Asturias, León e Zamora. Era un territorio onde floreceu a cultura castrexa entre os séculos VI a.C.. Daquela o nome que os seus habitantes daba a esta parte da península non se sabe ao ser una cultura probablemente ágrafa e non ter ningún texto nin referencias desa época. A chegada dos romanos no ano 137 a. C. a estas terras foi traumática. Un tal Décimo Xunio Bruto realiza unha operación de castigo contra os lusitanos e galaicos que acudirán en axuda dos primeiros. O 9 de xuño daquel ano, preto do Douro, o xeneral romano venceu a un exército de 60.000 galaicos, matando a un gran número deles e facendo prisioneiros a varios milleiros. Este pobo castrexo, situado seguramente no sur ou leste do río Miño daría o nome a nosa terra, porque o xeneral despois de ser o primeiro romano en cruzar o río Limia (que como veredes máis adiante era un río que os gregos e romanos asociaban co río do Esquecemento que levaba ao mundo dos mortos) volveu a Roma celebrando un gran triunfo militar. Bruto presentouse en Roma como vencedor deste pobo co curioso título: “Gallaicus” que provocou que os romanos denominasen a partir da vitoria así por extensión a todo o territorio ao norte do Douro. O nome de Galicia é, segundo parece unha raíz céltica que viría a significar "terra de montañeses" Gallaicus ou callaicus, é pois o nome que recibía un dos pobos que habitaban entre o Miño e o Douro á chegada dos romanos. É un xentilicio, o nome das xentes que habitan un territorio ocupado polos pobos castrexos, con clara influencia celta, e que os romanos xeneralizaron para denominar a calquera dos habitantes das distintas tribos castrexas tanto do norte do Miño como do Sur ata chegar ao Limia ou mesmo ao Douro. O sufixo aic-, aec- que evoluciona a -ego é moi característico do noroeste peninsular e está moi presente en multitude de xentilicios e topónimos. Para a cultura popular, para os nosos labregos, os habitantes dos castros, os máis antigos habitantes de Galicia foron sempre "os mouros e as mouras" encantos que viven debaixo dos castros e non se deixan ver facilmente. Para os primeiros investigadores Murguía ou Benito Vicetto falaban dos celtas como poboadores dos castros, nese afán diferencialista que lle querían conferir a Galicia estes historiadores galeguistas. Logo virán interpretacións máis precisas que falan dunha cultura de diversas compoñentes, pero o certo é que "celtismo" será unha constante no debate sobre o mundo castrexo ao que non se lle pode negar como mínimo unha importante influencia da civilización celta.


Observa agora estes antigos textos escritos en latín sobre o tema, pois podería ser outro nome, ben distinto, o que recibía esta terra antes da chegada do imperio romano, cuxa tradución ao galego será: "Ofiusa proxectase tanto cara adiante coas súas costas como oes dicir que a illa de Pélope se estende no territorio grego. Foi chamada, ao principio, Oestrimnis, porque os estrímnicos poboaban as súas paraxes e cabos; despois, unha multitude de serpes fixo fuxir aos seus habitantes e deixou o territorio privado do seu nome." (Ora Maritima, Avieno 152-157)

E a tradución deste segundo anaco de texto latino de Avieno, autor do século IV d. C.: "Os cempsos e os saefes ocupan os abruptos cumios do territorio de Ofiusa. Cerca deles se estableceron o rápido luso e a prole dos draganos, en dirección cara o septentrión de abundantes neves. Pero a isla Petania está dirixida cara Sefumo, e nel un porto extenso agóchase. A continuación, os pobos cinetas son colindantes dos cempsos. Logo, o cabo Cinético, por onde se produce a caída da luz sideral, erguéndose altivo como último bastión da rica Europa, cando ésta se precipita nas ondas do Océano poboado de monstros." (Ora Maritima, Avieno 195-204)

Sería finalmente Ophiusa ou Oestrimnia o nome máis antigo de chamar a este territorio? Serían estas denominacións tan só nomes de tribos concretas. Posiblemente iso nunca o saberemos. Por outra banda, Galicia pola súa peculiaridade xeográfica e económica dende a antigüidade (non esquezamos que sempre se fala dun número non menor aos 5000 castros no noso territorio) ata hoxe é de destacar a abundancia de núcleos de poboación existentes en comparación con outros territorios peninsulares. Galicia a día de hoxe ten a metade dos núcleos de poboación que se rexistran en todo Estado Español, máis de 33.000 nomes de lugar, sen contar os denominados microtopónimos referidos, por exemplo, ás terras de cultivo, montes ou lugares da ría, no mesmo mar, cons e areais, que teñen o seus nome propio. Un padre paúl Elixio Rivas publicou hai anos un moi bo libro sobre este tema titulado Toponimia de Marín, un dos primeiros estudos realizados por en Galicia por localidades. A toponimia é outra peculiaridade e outra riqueza particular que nos identifica, que debemos coñecer, conservar e difundir.


OS MOUROS E AS MOURAS, ESTÁN PERO NON SE VEN por Ana Pérez Davila (1º ESO) Os mouros din que son de pel morena aínda que como son invisibles, só os poden ver ós que eles queren e cando a eles lles pete non sendo a xente que teñen poderes. En ocasións para velos utilízase unha untura. Velos é moi perigoso xa que son capaces de deixarche cego. Rara vez pódense ver os seus marabillosos castelos por un tempo e, ao día seguinte, xa non están. Os mouros adoitan saír pola noite e gardan tesouros grandes e fermosos aos que nin sequeira lles teñen aprecio. A pesares de ser criaturas máxicas fan cousas coma calquera de nós. Se axudas a un mouro podes obter gran parte dos seus tesouros. Ás veces vólvense caníbales e raptan aos nenos para comelos ou a nenas ás que encantan e as converten nas súas esposas. Non é conveniente facer tratos con eles xa que se non gardas o segredo moitas cousas malas che poden pasar. Se te fas amigo dun mouro ou dunha moura é preciso que non o digas a ninguén xa que se o descobren pódente raptar e nunca máis che deixaran saír do seu máxico mundo. Por outro lado, as mouras son as esposas dos mouros e son mulleres belísimas. Están encantadas. Normalmente só as ven as nenas ou os mozos inocentes, quen de vez en cando son capaces de desencantalas. Son moi fachendosas e gústanlle os cumpridos. Reciben moitos nomes e son iguais ás “hadas”: teñen cabelos louros, pel branca e visten marabillosamente. Adoitan quedar con homes aparecendo como mulleres guapas e ao día seguinte convértense en cobras. Para desencantalas hai que darlles un bico e os poucos homes que o conseguen obteñen grandes riquezas. Gústanlle comer nenos fritidos cando se volven caníbales e tamén lles gusta poñer os seus tesouros á asollar ás beiras das fontes. En Galicia hai moitos mitos que nos falan sobre eles. A dama do castro que trata dunha moura boa que viste sempre cunha túnica branca, vive nun castelo de cristal e sempre protexe ós nenos. Outro destes mitos é o da raíña Lupa, unha moura xigante que non para de comer ata que os servos a mataron tirándoa polo balcón. Cando a enterraron puxéronlle 7 millóns de ouro nos pés e outros 7 na cabeza. Dicían que habitaba o Pico Sacro e outros montes como o monte Pindo. Mouras e mouros habitan na Mourindade, un espazo máxico que está situado debaixo dos castros ou da auga. Comezaron a vivir soterrados despois de que Carlomagno os vencera e os encantara. Este mundo é un complexo labirinto de túneles e galerías. A maioría destes conectan con ríos e fontes para que os mouros poidan beber. Estes túneles son moi grandes, por exemplo, hai un que vai dende Xermade ata Santo André de Teixido ou no Morrazo por baixo do mar dende Moaña á illa de Ons. Este mundo é moi importante en Galicia xa que hai máis de 5.000 túneles, tantos coma castros.

Se queres saber máis podes consultar http://www.galiciaencantada.com/dentro.asp


GALICIA, PAÍS DOS MORTOS por Jorge Pazos Carregal (1º ESO) GALICIA, PAÍS DOS MORTOS E A ILLAS DO ALÉN: DE ONS A CÍES Conta unha lenda que do Chan de Arqueda en Moaña a Ons hai un túnel por baixo do mar. Pero o burato máis coñecido sen lugar a dúbidas é o que chaman “Cova ou burato do Inferno”. Din que é a entrada ao mundo dos mortos esa que gregos e romanos pensaban que estaba no confín do mundo coñecido por eles, onde morría o Sol na Fin da Terra ( de onde Fisterra que procede do latín “finis e terra”). Son multitude as referencias de tradición oral que nos contan como a Compaña atravesa o mar dende a Lanzada para dirixirse a Ons. Vai na procura do Alén , é dicir, o Máis Alá ou tamén o mundo do mortos. É un barqueiro coma na tradición grecolatina o que traslada as almas dos mortos. Se miramos ás Cíes atopámonos unha historia moi orixinal que hai a quen lle lembra unha famosa película titulada “Piratas do Caribe”, mais a nosa historia sabemos que é orixinal. Nas noites de trebón na Punta Cabalo vese un bergantín pirata, a tripulación core desesperada e berra loitan por librarse do afundimento. É en realidade un bergantín pantasma e quen teña o valor de achegarse nunha noite brava de invernía pode comprobalo, é cando se deixa ver entre as enormes ondas. Seica ía cargadiño de moedas de ouro e agora repousa no fondo por iso o lugar recibiu o nome da Furna do Pesos. Non debe parecernos estraño todo isto. Se cadra é unha forma pouco divertida de ser orixinal no mundo, pero o certo é que dende a antigüidade ata hoxe Galicia vén sendo o país dos mortos. Unha proba de que os pobos antigos do Mediterráneo crían que era esta terra occidental o fin do mundo é a seguinte: Os romanos que acompañaban ao xeneral Décimo Xunio Bruto, din que non querían atravesar o río Limia que debían vadear para proseguir a súa conquista cara o Norte. Non o querían cruzar porque pensaban que era o Río Leteo ou do Esquecemento, un dos ríos que conducen cara o mundo subterráneo onde habitan os mortos, un río que levaba augas que ao contacto con elas, facían esquecer todo o que fixeches en vida. Contan que o xeneral romano meteuse no río Limia e para demostrarlles que aquelas augas non producían tal efecto dende a outra beira comezou a chamar un por un aos seus soldados. Son moi coñecidos o refrán e a lenda do Santo André de Teixido “ vai de morto quen non foi de vivo” ou de que no Pico Sacro ou en Compostela hai un burato polo que hai que pasar á forza, senón é de vivo, é de morto, a idea de que o Camiño de Santiago, como o camiño á Fisterra, son camiños xa practicados polos celtas de centroeuropa cara o mar, camiño que se debe facer en vida para non telo que andar unha vez falecido son crenzas que asocian de vello Galicia coa morte e co seu mundo. Na illa de Ons está o Burato ou a cova do Inferno que din que é unha entrada ao mundo dos mortos e logo están todos os mitos que nos falan da Compaña, esa procesión de ánimas en pena que son aviso de morte tamén, a morte branca e a morte moura, o paxaro da morte e as lendas das cidades asolagadas ou as illas do Alén, o destino final das ánimas en pena que andan purgando penas para poder deixar definitivamente este mundo. NOTA: Hai tres cursos no ano 2006/07 houbo un alumn@ que nos deixou narrado e seguinte episodio: Unha testemuña da visión da Compaña en Mogor, unha veciña moi criticona da miña avoa, que ten agora 58 anos, díxolle un bo día que na noite anterior como había ruído mirara pola ventá e vira unha luciña arredor da casa doutra veciña e que ela pensaba que era aviso da morte, a miña avoa non a creeu , pero días despois aquela veciña da casa onde aparecera a luciña morreu.


IMAXES DE “AQUÍ, ALÓ E ACOLÁ” por Teresa González*

Cada momento histórico presenza o nacemento duns xeitos particulares de expresión artística, que corresponden ás maneiras de pensamento e ós gustos da época, formados en función dunhas condicións de vida definidas que caracterizan a estrutura social dunha etapa. Cada sociedade, por tanto, produce unhas formas claras e concretas de expresión artística, que na maior parte das veces, aliméntanse das súas tradicións. Dende o seu nacemento, no 1826, a fotografía convértese na máis estendida, primeiro, pola súa gran proximidade (tanto que mesmo pasa a formar parte da vida cotiá) e segundo, pola súa aceptación dende calquera capa social. Débense estas propiedades ó seu gran poder para reproducir, moi fiable a realidade , outorgándolle así un carácter documental de gran valor, e presentándoa coma o procedemento de reprodución máis fiel e imparcial da vida social. Chamamos realismo poético ás imaxes que mostran as pequenas cousas da vida, ás intranscendentes situacións, que reproducen os obxectivos duns fotógrafos que durante os anos 50, despois de Guerra Mundial, se dedicaron a retratar imaxes cotiás. Realismo que mentres en Europa (sobre todo en Francia) mostraba o lado alegre da vida, dentro da gran expansión urbana; en Galiza, retratará as condición políticas, sociais e sobre todo económicas, que se estaban a sufrir; funcionando coma inxenuas testemuñas que fotografaban a tupida peneira da modernidade. Danse así, neste lugar e neste momento, tres exemplos magníficos e diferenciadores: 

Aquí aparecen (coma fotografías artísticas) empeñadas en presentar unha visión romántica da terra, as aldeas, os piñeirais, as corredoiras... en fin, a nosa paisaxe nos seus múltiples aspectos; e tamén, as nosas escenas máis tradicionais: as romarías, as feiras e procesións, que botan froito con tremendas imaxes que non mostran máis que o descarnado rol feminino dentro dunha sociedade aínda por desenvolver.




A difícil situación que se está a vivir, e a súa directa consecuencia, a diáspora, fai que un inxente número de persoas, case sempre varóns, se vexan na obriga de buscar lonxe novas subsistencias. Aló marcharon, acompañados unicamente pola despedida da propia esencia, do propio ser, en forma de fillo, e dicindo adeus ás propias viúvas.



A correspondencia que manteñen os que aquí quedan, cos que aló marchan, analfabetos uns e outros; vai a atopar no retrato (de acolá), ese medio directo e verdadeiro de comunicación, portador de malas novas, xustificador de reparto de bens, reproche da ausencia... que nos trae de novo e máis que nunca, de volta a esa fotografía documental que sempre nos leva a dicir que unha imaxe vale máis que mil palabras.

*Teresa González (profesora de Plástica e Visual do centro e membro do EDLG).


O APALPADOIRO: O NOSO PARTICULAR PAPÁ NOEL por Lucía Pereira (1ºESO) Xesús Taboada Chivite refire o costume que denomina "a noite de apalpadoiro" e que consiste en palpar o ventre das persoas na noite de fin de ano por ver se comeron ou non para todo o ano que entra. Semellantes testemuños a este procedentes de diferentes lugares da montaña de Lugo refiren o mesmo hábito, ou rito, denominado "apalpadoiro" ou "apalpadoira" que se facía na noite de fin de ano. Consistía en apalpar o ventre, sobre todo o de nenos e nenas, para saber se comeron o suficente para que o ano que entra non sexa de fame, senón de fartura. O investigador José André Lôpez Gonçâlez publicou en AGAL-GZ, Portal Galego da Lingua, no Nadal do ano 2006 un artigo titulado “O Apalpador. Personagem mítico do Natal galego a resgate” onde dá a coñecer unha serie de informacións procedentes de testemuñas das terras luguesas de Loúzara, O Courel e O Cebreiro recompiladas xa en 1994. Neste artigo dise que o Apalpador é un xigante, carboeiro que mora nas devesas, que usa boina, casaco esfarrapado e remendado, fuma en pipa, que se alimenta de bagas e xabaríns. O día 31 de decembro baixa da montaña e visita os nenos, despois de quedaren durmidos. Entón apálpalles a barriga por ver se están cheos ou se teñen fame. De teren a barriga chea, di: “Así, así esteas todo o ano “ e déixalles unha manchea de castañas. De ver que teñen a barriga baleira, non di nada, mais tamén deixa unha presada de castañas. Achega tamén José André Lôpez Gonçâlez cantigas recompiladas na mesma zona e que se usan para acalmar os cativos, excitados pola chegada do Apalpador. Jerónimo de Vicente, desde Ourense, achéganos estes versos “”que teño ouvido e que lle cantaban os pais ós seus fillos a noite que baixaba”: Hoxe é noite de Nadal, vaite ninín á camiña que vai vir o apalpador a palparte a barriguita. Trátase pois dun personaxe a incorporar ao noso conxunto de seres máxicos que nos fan máis peculiares, máis orixinais porque son personaxes que andan polas nosas montañas e aldeas traendo como agasallo humilde, pero cargado de simboloxía, as castañas, froitos da nosa terra. Estes seres imaxinarios que nos serven para entender quen somos e como nos relacionamos ao longo do tempo co noso entorno.


GALICIA TERRA DE LOBISHOMES OU DOS LOBOS DA XENTE Por Lucía Melgarejo (1ºESO)

Os lobishomes son os protagonistas de moitas lendas. Na crenza popular as metamorfoses obedecen a diferentes motivos: á maldición do pai, ao ter nado o 24 de Nadal, noite do nacemento de Cristo; a ser o sétimo fillo varón (noutras versións, o noveno). Tamén existe a tradición que sinala que un matrimonio que teña sete fillas, e ningún home, ten a obriga de entregar a súa filla, que se converterá en pieira ou peeira dos lobos; tamén pode caer a fada por envexa, bruxería ou mal de ollo que lle fagan a un, ou por unha soberbia que botase el mesmo. O Lobishome, de noite cámbiase en lobo de distintos xeitos, os primeiros síntomas da doenza preséntanse en forma de fonda tristura. A seguir, nun día determinado, xeralmente un venres ás doce da noite, foxe da casa e prodúcese a transformación. Fai entón toda clase de ruindades e crimes, especialmente con seres humanos. Namentres anda de lobo, non hai pau, nin pedra, nin arma branca, nin bala que o poida ferir. Pódese crebar a malafada de varios xeitos: facéndolle sangue; quitándolle a pel de lobo que leva e, principalmente, queimándolla; sorprendéndoo e descubríndoo cando se envorca na poeira. O máis corrente é que o lobishome soamente ande convertido en lobo por tempadas, ou polas noites, ou durante certos días, e a fada pódelle durar máis ou menos anos. Do lobishome correron por Europa centos de historias, unha delas a de Romasanta , un lobishome que vendía unto de persoas tras matalas el mesmo. Logo foi detido e segundo parece morreu no cárcere cumprindo unha pena de cadea perpetua conmutada pola de condena a morte. En Galicia a tradición sinala que se un matrimonio ten sete ou nove fillos varóns sen que nacese femia ningunha polo medio, o último queda marcado polo estigma da fada, converténdose en lobishome, foxe para o bosque por un período de sete anos. Tempo non pode ser ferido nin capturado. Con todo, na tradición galega tamén existe o neno que nace xa cos síntomas do lobishome e que padece ciclicamente os síntomas.


O ENTROIDO GALEGO, MOI ORIXINAL por Juan Rosales 1º ESO O Entroido é unha festa popular que na súa orixe era a chamada da fin do inverno e o comezo da primavera. Nel conflúen rituais cristiáns e pagás, sendo a época na que se poden romper todas as normas, cambiar de personalidade ou identidade e ironizar sobre as institucións máis asentadas. É, sen dúbida, unha das festas máis coñecidas do calendario galego. O Entroido é celebrado dende épocas descoñecidas. Non se sabe con certeza a súa procedencia . Algúns pensan que vén da tradición celta, outros afirman que os comezos desta festa, pódense atopar na adoración a Baco. A orixe da palabra que denomina esta festa é o termo latino “Introitum"(que significa "a entrada á Coresma") do que vén a palabra "Entroido"ou "Antroido". -Xoves de Compadres -Domingo Corredoiro -Xoves de Comadres -Santo Entroido: -Domingo de Entroido -Luns de Entroido -Martes de Entroido -Domingo de Piñata. As primeiras destas tradicións case non perduran na actualidade mentres que as últimas seguen sendo practicadas aínda hoxe. O entroido galego evolucionou conservándose dunha maneira aceptable ata o día. Os entroidos galegos de Ourense destacan de entre os demais pola súa especial orixinalidade: Os Cigarróns que son personaxes enmascarados e adornados (coma en Verín), as Pantallas que amolan ós viandantes con dúas vexigas cheas de aire (moi común no Entroido de Xinzo da Limia). Os Peliqueiros (coma en Laza), personaxes que se distinguen pola súa animalización: non falan, levan chocas coma os animais, zorregan á xente e levántanlle a saia ás mulleres, animais como pode ser unha vaca, o burro ou o galo, xa sexa reais ou simulados simbolizan o Entroido en si e interveñen na festa, ben para ser burlados e escarmentados, ben para actuar activamente facendo falcatruadas. Os dous entroidos son, en verdade, os que fan especial a nosa terra. Respecto a Marín tódolos marinenses e demais visitantes bótanse á rúa cos seus disfraces a celebrar o entroido. Conta con numerosas actuacións nas súas rúas, ademais de desfiles e concursos. Cabe destacar como día grande de este entroido, o Enterro da sardiña, onde disfrazados cos traxes de loito e cunha gran pena se despiden do defunto animal. Son destacables tamén nestas festas as charangas, que compoñen cancións e críticas de temas da actualidade. Enquisas feitas en diversos artigos de revistas en varias páxinas na internet… sitúan ó entroido galego coma un dos dez máis orixinais en todo o mundo xunto coma outros moi coñecidos, coma, por exemplo, o de Brasil ou Venecia.


ENTROIDO EN OURENSE por Carolina Suárez 2ºESO Nos días de Entroido, toda a provincia vístese de festa para celebralo. Nela, hai tres núcleos principais: Verín, Laza e Xinzo de Limia, nos que se vive intensamente esta festividade. En Verín, o disfrace principal é o cigarrón, moi parecido ou igual ao peliqueiro de Laza. O traxe está composto por unha máscara, que cubre a cabeza cunha carauta que se prolonga nunha mitra decorada con motivos animais. O traxe compono unha camisa branca, unha gravata, unha chaqueta curta e nos ombreiros, un pano. Logo, leva unha faixa que suxeita os pantalóns e nas que se colocan as chocas. Nas pernas, medias brancas e ligas. Aínda que persoalmente non imos a esta festa, os principais días de Verín son o xoves de comadres, nas que todo o mundo se viste de muller e o día do desfile dos cigarróns. Por outra parte, cerca de Verín, atópase a poboación de Laza, que ten como disfrace principal o peliqueiro. O día principal en Laza é o luns de entroido, nel, a xente máis “tola” e máis festeira desprázase desde moitos lugares para disfrutar da farrapada, as formigas e a morena. Na farrapada, como o nome indica, tíranse farrapos cheos de barro. A xente lánzaos mutuamente, facendo que todo o mundo acabe marrón. Un pouco máis tarde, pasan a acción as formigas. Bo, elas non, senón a xente que as tira ao público, así, todos se poden levar un recordo do entroido en Laza. Cara o final, aparece a morena, unha persoa vestida de vaca, que vai atravesando as rúas de Laza con toxos, espantando a xente, para que os peliqueiros teñan un bo sitio por onde pasar. No entroido de Laza todo o mundo leva un regalo, ou barro ou formigas, pero ninguén queda limpo. Para rematar, vou falar do entroido que a nós máis nos gusta, xa que somos desa zona, o entroido de Xinzo. Todas as festas de entroido adoitan durar pouco, pero nesta pequena vila, duran cinco domingos. O primeiro, é o fareleiro, no que todas as xentes de Xinzo e os arredores, van tirar fariña a quen se atopen primeiro. O segundo domingo tócalle ao oleiro, onde hai un diálogo sarcástico entre dúas bandas que acaban tirando olas ao aire. O seguinte é o corredoiro, no que se trata de correr para non ser pintado, manchado etc., onde xa saen as pantallas á rúa. Logo o gran domingo de entroido, onde as pantallas fan que os que non están disfrazados os inviten a tomar algo. O desfile faise o martes de entroido, vendo todas as pantallas camiñar por Xinzo e as diferentes carrozas dos diferentes pobos, e tamén as comparsas dando vida á vila. E o último domingo, é o domingo de piñata, día no que a xente se nega a aceptar que acaba o entroido, polo que volven saír as pantallas.


En canto ao disfrace, o principal é a pantalla. Está composto por camiseta e pantalóns brancos, suxeitos a unha faixa na que se colocan as campás. Tamén, ten unha capa, que pode ser negra, vermella ou azul, con lazos de diferentes cores atravesándoa de arriba a abaixo. Na cabeza, a decisión do que se disfrace, pódese levar unha máscara, máis sinxela que a do peliqueiro pero tamén bonita. Cando xa se está vestido, no desfile moita xente leva vexigas de vaca e vainas batendo a vez que fan ruídos coa boca.

A parte deses tres grandes entroidos, nós tamén vivimos moito o do noso pobo: Sarreaus, preto de Xinzo. O principal disfrace é o vergalleiro, aínda que por desgraza, cada día se está perdendo máis a costume de levalo.

O típico deste entroido é ir coas comparsas desfilando e bailando coa música. E logo, como non, unha boa cea.

Penso que o entroido de Ourense merece a pena vivilo, hai moita festa, e toda seguindo a bonita tradición que sempre se levou.


O ENTROIDO EN MARÍN por Alba Amoedo 2º ESO Nas terras de Marín, ten moita importancia o enterro da sardiña, que pecha a etapa do Entroido. É unha boa maneira de pasar o tempo cos máis achegados, e ao mesmo tempo, manter esas tradicións tan antigas. Todos se involucran moito, pero cómpre destacar ás mulleres, que se visten de viúvas para despedir a sardiña. De feito, este ano, puiden vivir esta experiencia marabillosa. Foi incrible e penso repetilo o próximo ano. Dende o meu punto de vista, é unha desas experiencias que hai que facer polo menos unha vez na vida, e animo a todos a vivilo. Tamén se lle atribúe gran importancia ao desfile. Toda a xente desta vila mariñeira vólcase neste acontecemento, pero son os máis pequenos os que enchen as rúas de ledicia. Persoalmente, coñezo moita xente que participa no desfile, e todas elas esperan ansiosas cada ano a chegada desta festa, aínda que logo rematen moi cansos de tanta troula. Están as comparsas, xente que vai por separado..., pero iso si, nunca falta unha boa orquestra de gaiteiros con ganas de festa. E por último, cómpre destacar o día do Entroido en Lameiriña, onde pequenos, e incluso maiores, convértense nos seus heroes e ídolos por un día. Moitos destes disfraces son únicos e inimaxinables, aínda que cada ano, sempre hai un que está moi de moda. Nos días previos, as mozas e mozos preparan a súa vestimenta para abraiar a todos. A mocidade é a principal protagonista deste acontecemento. A min, gústame disfrazarme tódolos anos, aínda que xa non sexa tan nena. Estas festas non se deben perder nunca, e anímovos a todos vos a participar nelas, xa que forman parte da tradición galega.


O MAIOS NO SÉCULO XXI por María Torres (1ª ESO) O Ciclo de maio comeza a mediados do mes de Abril e remata a primeiros de Maio. É unha celebración moi antiga, anterior á relixión cristiá. Trátase de louvar á natureza, á floración, á explosión do mundo vexetal ... aquí en Galicia levámolo facendo dende tempos remotos e estes costumes seguen vivos e moi enraizados en pleno século XXI.

Os antigos gregos contaban historias de Deuses e Deusas para explicar o ciclo de maio, como a historia do rapto de Perséfone por parte do deus do mundo Subterráneo, Hades. Tamén sabemos que os Celtas celebraban esta festividade bailando arredor dun lume, semellante ao que facemos a noite de San Xoán. En Galicia, debido á nosa orixinalidade, temos diversas formas de celebrar o ciclo de maio. Alumear o pan axuda a ter unha boa colleita. Realízase na noite do 30 de abril xuntándose a parroquia nas terras de cultivo onde se acenden fogueiras que espanten o mal sobre o que se plante. As maias era un costume moi estendido dende a Idade Media e que por desgraza xa non se conserva, e logo, como non, os famosos maios.


Na nosa terra, en Galicia, temos ata tres tipos de maios. Por un lado, están os maios humanos,que foron os tradicionais en lugares como Lugo, Santiago e que foron desaparecendo ata que hoxe só se conservan en lugares como Viveiro, Portomarín ou Vilafranca do Bierzo. Estes maios son as persoas quen se visten con follas e camiñan pola rúas pedindo castañas e diñeiro. Logo están os maios cónicos. Son estruturas en forma de cono moi vistosas adornadas con espadana, pampullos, margaridas, poden levar no cumio unha coroa tamén feita con flores. Marín é lugar de referencia para este tipo de maios, xunto con Redondela ou a capital Pontevedra, as tres famosas vilas polos seus concursos de maios aos que acode cada ano o noso colexio. Tras unha semana de ensaios, preparación e moito traballo, as nenas do San narciso baixamos a Marín co noso maio "O maio da Bruxa" á praza da nosa vila, onde cantamos as nosas coplas e participamos nun concurso. Como estamos nunha vila mariñeira temos tamén un barco, feito a man arredor do cal os nenos cantan con temas que teñen que ver co mar. Noutros lugares como Ourense os maios tamén son estruturas semellantes. E por último, pero non por iso menos importantes, están os maios figurados, representan diversas e variadas figuras de creación libre son coñecidos os de Vilagarcía, o que máis destacan destes maios son as súas cores. O ciclo de maio é unha das moitas cousas que afirman que Galicia é orixinal, e os galegos temos que estar orgullosos de selo.


OS MAIOS NO COLEXIO SAN NARCISO por Julio Santos Pena* (Xun.2010) É unha historia moi longa. Alá polo ano 1973 incorporeime ao Colexio San Narciso como mestre. Viña da Illa de Ons onde desempeñara a mesma tarefa dende tres anos atrás. Alí ninguén coñecía a tradición dos maios entre outras cousas porque dende moitos anos antes estaba prohibida calquera manifestación folclórica que tivese o Galego como base. Nembargantes eu tiña ben gardado dende a miña infancia a afección polos maios porque, no meu pobo, aquí en Marín, aínda que vixiada polos comisarios da Ditadura, a tradición mantívose e grazas a mestres como Manuel Torres, Felix Davila, Víctor Corcoba, Carlos Paratcha… e algúns veciños como José “O Montuno”, Antonio “Xan do Río”, Paco “Carballeira” e outros moitos, sempre había maios mellor ou peor feitos, pero os nenos saiamos ao monte na procura de fiúncho, espadaina, pampullos… e todo o que atopábamos para adornar o noso maio e saír a cantar o día un, e repetir o día 15, festa da Ascensión; na que volvíamos a rúa cos nosos maios e barcos. Deuse o caso de que estando eu na Illa de Ons no ano 1972 entereime de que aquel ano non tiña pensado saír á rúa ningún maio nin barco e polo tanto, non habería o tradicional concurso. Pensei que aquilo era pouco menos que unha desgraza para a cultura do meu pobo e en poucos días artellei cos nenos illáns da escola un maio, “O Illeño de Ons” e aquel primeiro de maio con bastante temporal viñemos nunha motora coa miña ledicia de non deixar perder aquela fermosa tradición. Un ano despois volvín a traer aos nenos da Illa, pero coa colaboración dos meus alumnos do San Narciso que foron os que fixeron en realidade o maio, reprodución dun faro como o de Ons, aportando os materiais necesarios. Ao ano seguinte traballando aínda no colexio vello, empezou para o “San Narciso”o que ao longo do tempo sería toda unha historia do noso colexio relacionada con esta marabillosa festa da primavera. Chegado abril empezamos a explicarlle aos nenos o significado da tradición e foron tantos os que se ilusionaron que tivemos que facer dous maios: o “Pendelleiro” e “A Bruxa”. Ámbolos dous saíron, a partir daquela, case sempre e mesmo a súa fama chegou ata autores como Clodio González que recolle na súa obra mestra “A Festa dos Maios en Galicia”, as coplas de varios anos e analiza a progresión da mellora do emprego da nosa Lingua, ano a ano.


Dende aquela ata hoxe o Colexio San Narciso estivo presente en todos os concursos de maios e barcos e, se os maios “Pendelleiro” e “Bruxa” foron os que saíron sempre, non podemos esquecer a outros moitos que, polo interese que ían amosando os nenos curso a curso, tiñamos que preparar. Así, saíron deste colexio os maios “Pequeniño”, “Peseteiro”, “Criticón”, “Candidato”, “Dos Ovos”, “Das Volvoretas” e “Mariñeiro”. Pero Marín conta tamén cunha tradición especialmente singular como é a dos barcos. O mesmo día un de maio saen grupos de rapaces con reproducións de barcos pesqueiros arredor dos cales cantan cancións relacionadas co mundo do mar e da pesca; as súas grandezas e miserias, e non podíamos neste colexio quedar á marxe desta realidade. E foi no ano 1983 cando decidimos que había que facer un barco ao vello estilo da miña infancia, cunha estrutura sinxela de madeiras recuberta con cartóns pintados e engadíndolle reproducións de elementos propios dun barco de pesca. Foi o noso primeiro barco e chamábase “Mariñeiro” e saímos con el un ano no que non se presentou ningunha outra embarcación co que conseguimos que non se romperá o fío da tradición. A partir de aí convertémonos en verdadeiros “armadores” construíndo varios barcos dos que hoxe nos quedan catro: “Mareiro”, “Tenlo” , “Garsa” e “Chan do Monte”, este último unha reprodución a escala dos barcos de carbón de principios do século pasado. O “Colexio San Narciso” ten a honra de ser o centro escolar que recuperou plenamente a festa dos maios en Marín. Escudriñando nos arquivos do Ateneo Santa Cecilia, entidade que mantén a convocatoria e a organización da festa dende hai máis de 60 anos, pódese comprobar cómo, a principios dos anos oitenta, non había na rúa o primeiro de maio máis grupos que os do noso colexio do que teñen saído ata sete (cinco maios e dous barcos) nalgún ano engadíndose despois outros colectivos como as asociacións culturais de San Xulián ou os veciños de Mogor (por certo, estes levan varios anos sen participar) e, esporadicamente, outros colexios aínda que agora parece que volve a arraigar neles a afección a esta festa. Se puidésemos reunir un día a todos os nenos e nenas que participaron nos nosos maios e barcos é posible que pasaran do milleiro porque en cada maio sempre cantaron de 20 a 30 nenos e nenas. Todos eles poden estar orgullosos de ter compartido, seguramente sen decatarse, un traballo polo que hoxe a festa segue viva. Pois noraboa a todos e todas. *Julio Santos Pena é mestre do Colexio San Narciso e un dos maiores dinamizadores de tradicións tan marinenses como o Entroido e os maios, sen dúbida o máximo responsable de que o Colexio incorporase este tipo de actividades ao seu calendario didáctico.


AS NOSAS LETRAS TAMÉN SON ORIXINAIS Acertadamente a Academia Galega decidiu celebrar este DÍA DAS LETRAS GALEGAS a partir do ano 1963 unha data para homenaxear e difundir a nosa literatura, os nosos autores e autoras( lembremos que a primeira foi Rosalía de Castro). Dende o ano 1963, tempos difíciles para o galego relegado como lingua familiar e coloquial en plena ditadura e con graves prexuízos abafando o seu desenvolvemento natural ao 2010 foi tomando corpo esta conmemoración e a día de hoxe , ademais de ser festivo e ser un día de exaltación da identidade a través da lingua e da literatura é xa algo máis que un fenómeno mediático e revulsivo editorial. É un elemento dinamizador nos centros de ensino, para moitas asociacións e colectivos culturais que organizan actividades arredor desta data e converteuse tamén nun elemento destacado de dignificación e toma de conciencia, de valoración da nosa literatura. DO COUREL A COMPOSTELA Este é o libro que xunto cos Eidos soaron en centos de actos e charlas, en auditorios e aulas do territorio galegófono. Unha homanaxe ao poeta integral que foi Uxío Novoneyra. El deixou dito: “ Por que escritor?... Quizabes por unha desmesura do soño. Por un desmandarse, por un anteporse dos soños máximos… Grande é a soidade e por iso tamén grande é a tentación de pecharse a soñar. Ou de abrirse a soñar. E máis cando toda a segunda infancia, toda a adolescencia, toda a mocidade, “ as sete mocidades”, quedaron inscritas na Ditadura… Xa está dito que soñar é crear. Máis cómpre reasumilo. Soñar é descubrir posibilidades certas. Case sempre soñamos posibles necesarios. Case nunca soñamos imposibles, aínda que só sexa por esa discreción que nos impón a Historia. Posibles necesarios e difíciles. Difíciles só porque están en choque con intereses creados e coa simple inercia… Un poeta pouco máis precisa se o alenta a plenitude interior. Se está ben asistido pola memoria individual, pola memoria colectiva, pola memoria profunda, polo soño do futuro, pola potencia da mocidade. Os poetas gozamos e sufrimos dunha incurable mocidade. E máis se, por riba de todo iso, un ten un nó, o problema de pertencer a un pobo sen estado de patria-lingua ameazada. Entonces si que xa se xustifica toda a desmesura no soño e na renuncia por transformar o Mundo e salvar o Seu Común, o Noso Común. Amais de estar posuído polo soño da plenitude humana e da liberdade, polo soño de cambiar o Mundo, un está secuestrado pola patria. E isto si que o pon en forte punto. E máis por tratarse dun poeta que é o ser máis dependente da propia Lingua.”


UN TIPO LISTO de XOSÉ MONTEAGUDO Como todos os anos e, especialmente con motivo da dinamización da Biblioteca de Secundaria do centro procuramos ao longo do curso institucionalizar una serie de encontros coa nosa literatura que no mes de maio materialízase na figura dun autor co que compartimos a lectura dun dos seus libros. Este ano foi Xosé Montegudo quen nos visitou. Limos a súa maxistral e premiada novela, “Un tipo listo” para logo ter un encontro con el e afondar nas entrañas do texto que el como autor e os demais ( cursos de 4º da ESO e Bacharelato) realizamos con sumo pracer. Dáse a casualidade de que o autor foi ademais nos seus tempos de adolescente alumno do San Narciso o que engadía á charla que tivemos na biblioteca unha carga aínda maior de emotividade e proximidade. Adolfo Caamaño, profesor, escritor e amigo persoal do autor foi quen destacou que Xosé pasou polas aulas do San Narciso nos anos 70 e esta referencia retomouna el mesmo ao dicir del que era un alumno máis ben tímido e calado e que foi na adolescencia onde tomou contacto coa literatura e foi tamén tomándolle gusto a iso de escribir. Mais sería un premio, anos despois, no 2003, con ocasión da edición da súa primeira novela, nada máis e nada menos que o Premio Blanco Amor, un dos máis prestixiosos de Galicia quen o daría a coñecer ao gran público da Literatura en Galego. Posteriormente o premio García Barros do ano 2009 coa súa terceira novela o que o consagra entre os autores contemporáneos das nosas Letras. Logo dunha breve introdución sobre os motivos que o levaron a creación da novela Un tipo listo o propio autor deu paso a un diálogo cos seus lectores. Foron saíndo así temas como quen viña sendo o "tipo listo" na novela, e como aínda que aparece na páxina 207 a seguinte afirmación: " máis de dous mil millóns é unha cifra o suficientemente importante como para que calquera o cualifique hoxe coma un tipo listo", o certo é que os lectores sabemos que este cualificativo ben se pode aplicar a outro personaxe, ben pode ser un cualificativo cargado de ironía, como indicou o seu creador. Saíron tamén nas cuestións o sentido irónico dos títulos e partes nas que está divida a novela e que fan aparentemente referencia a termos de economía como: investimento, plusvalía ou auditoría interna que se deben aplicar as propias historias vividas polos personaxes. Dos valores que transmite a obra falouse do diñeiro que transforma e provoca verdadeiros imprevistos e como hai momentos da nosa historia recente como o franquismo nos que a corruptela e o desfalco estaban incrustados na sociedade e na "realidade do Sistema". Reflexionamos sobre personaxes como Don Caetano, un home do réxime que "educa" a Manolo Cortizo como o seu verdadeiro "afillado", traxectoria que imos descubrindo por boca do fillo deste a medida que a retrospección, recurso reiterado, vai levando ao lector cara as raíces do proceder modélico do seu pai recentemente finado. O Encontro con Xosé Monteagudo, como non podía ser doutro modo, rematou coa sinatura de exemplares da obra editada por Galaxia e permitiu un último achegamento ao escritor antes de despedirnos ata outra ocasión lembrando que un ex-alumno do San Narciso, dalgunha forma sempre ten unha razón pola que volver ás aulas polas que pasou, porque segue sendo algo de seu, ou mesmo para saudar aos seus vellos profesores e lembrar con certa nostalxia os tempos idos da impetuosa adolescencia.


POLO SAN XOÁN… por Mª Ángeles Calvar* Aquela tardiña, véspera de San Xoán, era un rebumbio na casa dos meus avós. Comezaban as vacacións de verán, rematara a escola, a familia xuntábase toda. Os rapaces andabamos atrás dalgún grande que nos levara polas corredoiras á procura das herbas. A lista era longa, a ver, tedes que buscar vós, de aquí collede folla de figueira, de limoeiro, de laranxeira, de noceira e de vide. E agora imos polo camiño da fonte, a ver se atopámolo resto. Miña avoa armábase de paciencia e detrás dela íamos todos os netos, eu, a máis vella, encabezada a expedición… Mirade ben polos valos, subide aí a ese muro, hai un chopo grandísimo para botar no tellado da casa… Os poenxos hainos que buscar onde anda a auga, por aí, por ese rego ha de haber… A herbaluisa imos pedirlla á tía Amalia que ten unha árbore grande dela… A carrasquiña atopábase no monte Caeiro, despois imos, hai que mirar ben nas pedras sempre está pegada a elas, veredes o que cheira. ( Nós quedabamos parvos…) A ruda e a malvarosa tena sempre siña Matilde, imos pedirlla!... Aínda nos queda a menta e o mentraste, ese co que rascades na pel cando vos estrugades; e hai outra que semella unha estruga, pero cheira moito a limón é a folla de limón. Despois de facer “a ruta das herbas” por toda a aldea, chegabamos á fonte que estaba ó lado da casa, e aí lavámolas ben naquel chorro de auga fría, fría. Xa ben limpiñas ían ó balde da auga que un home da casa subía á azotea ó serán, ó resío. Cando todo isto estaba listo viña sendo a hora de plantarlle lume á fogueira. Pingaban no pan…por San Xoán… Deitabámonos tarde, había que lidar moito, cantar e saltar a fogueira…


De mañá miña avoa xa tiña o balde preparado no baño, ó lavarnos a cara cantaba: “Coa aghuiña do cu lavámola cara por culpa do miniño e da mala ollada.

Coa aghuiña do cu lavámola cariña por culpa do miniño e da mala olladiña”.

Cantóunolo a min, ás miñas irmáns, ós meus curmáns, ós meus fillos… * Mª Ángeles Calvar é profesora de Lingua e Literatura Española.


O CAMIÑO DE SANTIAGO, OUTRO SINAL DE IDENTIDADE por Héctor Silveiro O Camiño a Compostela é un fito relixioso de gran repercusión e transcendencia para o mundo cristián. Roma ou Xerusalén comparten no Mundo católico con Santiago ser os centros referenciais de grandes peregrinacións dende hai centos e centos de anos, de milleiros e milleiros de persoas crentes que coma a auga dos ríos enchen co seu andar este camiño cara a costa Atlántica a máis occidental de Europa. Mais como quedou dito máis arriba, o Camiño é algo máis que un feito relixioso de primeira magnitude é tamén un feito cultural que lle confire identidade á mesma Europa e que nos sitúa aos galegos e a nosa terra ante o mundo diverso como un punto de encontro, un lugar para andar e pensar, de chegada e de partida, tamén un lugar con carácter e identidade. Para os milleiros de peregrinos que nos visitan Galicia, Compostela non hai máis que unha, é a terra do Apóstolo, unha terra verde de montes, ríos e mar. Para moitos visitantes e turistas é referente de sabores e gustos exquisitos en carnes e viños , en peixes e mariscos. Todos eles admiran a fachada barroca do Obradoiro e marabíllanse ante a xoia do románico, o Pórtico da Gloria, monumentos en pedra da nosa cultura. Son menos os camiñantes que reparan na riqueza e frescura da nosa lingua, esencia monumental da nosa identidade, pero aí está nas palabras que pronuncian ao percorrer o seu camiño: Pedrafita do Cebreiro, Portomarín, Lugo, Melide, Lavacolla, Compostela e Fisterra. Pero tamén pode e debe ser un camiño que nós mesmo sexamos quen de percorrer e valorar. Andemos o camiño da nosa identidade! PASADAS tódalas Francias por Ocitania ou Gascuña ou de París a Iruña xa diluídas distancias. A Aragón por Cataluña ou polo Norte por Son. En pasádalas Navarras as cadeas e as barras. Pasados León e Castela por Castela a León. En pasado Monte Irago e xa en Lingua de Galicia Ponferrada e Vilafranca deixando a chaira estanca e nas mesmas portas dela. O Valcarce e sin perguicia / as penas de garamela / apeitar para o Cebreiro polo marcado carreiro


que a neve volve vago. Encarar o porto incerto o longo cerengo aberto. A un lado i autro del todo o horizonte en vela os Ancares i o Courel. Pasada Triacastela do Iribio as faldras fago. E por Samos Sarria a Lugo. Oh Lugo a ti me adugo e solo por ti me arredo que ben mereces desandes! Ver a Ponte a antiga vía a Muralla a Catedral de Dona Santa María o Coro e o Grial. E ver fincadas rezar coma co antigo medo poñer a súa alma núa didiante dos Ollos Grandes. E despois de rodear de rodear e de estar que non se fai o Camiño solo para o rematar cruza e debruza no Miño: Portomarín sulo lago. Palas Melide Arzúa. E logo xa Compostela / Monxoi! Eoi! Ei Santiago! / e párame á vista dela mirar como eu o fago. Uxío Novoneyra

Chegamos á fin da viaxe deste DECÁLOGO DA ORIXINALIDADE NO CAMIÑO QUE NOS IDENTIFICA e que, como todos os camiños poden ser de ida e de volta, mesmo non rematar nunca aquí queda para poder facer memoria. Unha viaxe a través algúns dos fitos da nosa identidade eses que, sen lugar a dúbidas, nos fan orixinais aos galegos e a Galicia.


ENTREVISTA A ANDREA* por Lucía Pereira (1º ESO) A modo de despedida escollemos de entre os que se van do centro a unha compañeira de 2º de Bacharelato e da Aula de Teatro. 1-¿Cómo te chamas? Andrea Rodríguez Cabanelas. 2-¿Que che gustou máis deste colexio? Os anos de primaria porque non hai tanto para estudar e hai máis actividades. 3-¿Que queres facer despois do colexio? Rematar o selectivo e despois maxisterio. 4-¿Que destacas máis da primaria? As excursións a Huelva e Cantabria e as actividades de xogo limpo. 5-¿E da secundaria? Actividades como teatro porque fas moitos compañeiros e amigos e perder clase ensaiando. É unha experiencia moi bonita que non se esquece. 6-¿Animarías a outras persoas para que participaran no teatro? Si. 7-¿Que recordos tes dos mestres? Dalgúns mellor que doutros. Dos de primaria mellor porque mandaban estudar menos e facían máis actividades e dos de secundaria peor porque rifaban máis. 8-¿E dos compañeiros? Vivimos moitas experiencias xuntos e algúns amigos, algúns quedaron atrás e é imposible esquecelos despois de todo. 9-¿Cal é o momento máis difícil polo que pasaches? O que estou vivindo agora porque é un momento decisivo e no que hai que estudar. 10-¿Se puideses quedarías máis anos neste colexio? Si, aínda que teño gañas de cambiar de vida, pero polo que din, o que me espera é máis difícil. 11-¿Por que te quedarías? Porque aínda que agora non valoremos o que fan os mestres e os nosos pais, nos axudan moito e agora só me queda independizarme. *Andrea vén de aprobar o selectivo e agora está a piques de comezar unha nova da súa vida que desexamos de corazón, sexa feliz como o foi a súa estancia no noso centro.


NARCISO NA PROCURA DO EU Vimos ao teatro a ver, porque a vida é mirar, unha mirada reflexiva que o teatro reflicte como un espello. Un actor e un personaxe son realmente espellos de nós mesmos. Narciso é un dos mitos máis dramáticos da mitoloxía grega, un fermoso eco das crenzas que había na antigüidade arredor do misterio da floración en primavera, ese rexurdir cíclico das plantas. Pero aquel Narciso foi medrando e acumulando simbolismos que nos levan a reflexionar hoxe, sobre a propia evolución do “homo sapiens” coma un proceso de coñecemento constante de si mesmo que tal vez nunca deberá culminar. O ser humano debe superarse día a día sabéndose finito e limitado, nunha eterna procura da súa identidade. Falamos sobre a interioridade e a autoestima, reflexionamos sobre o absurdo do EU sen un NÓS. Por iso aparece Eco a carón de Narciso, para evidenciar esa necesidade. O amor é unha das mellores e máis habituais vías para explorar esa proxección do eu nos demais. Logo está o tema do espello, da imaxe que de nós mesmos temos, ou do que de nós mesmos descoñecemos, a pesar de mirarnos a ese espello cada mañá. Textos de Platón, Ovidio ou Cortázar e tamén o fermoso traballo discográfico de Guadi Galego e Guillerme Fernández titulado ESPIDO, contribuíron a dar forma a esta persoal e singular adaptación coral do mito grego de ECO e NARCISO.

AULA DE TEATRO SAN NARCISO 09/10 Narcisos: Ángel Rodríguez, Noel Fandiño, Alejandro Roldán, Iván Santiago, Samuel Acuña, Manuel Moliner. Ecos: Paula García, Jessica Pastoriza, Andrea Rodríguez, Enma Moure, Sabrina Melgarejo, Jessica González. Coreografía: Ángeles Marín. Vídeos e voz en off: Adrián Davila, Raquel Devesa, Breogán Veiga, Flor Corvalán, Belén Diz e Sara Pereira coordinados por Darío Suárez. Luz e Son: José M. Lafuente, Rodrigo Bouzas, Marcos Fdez e Conchi Pérez. Dirección: Manuela Rodríguez e Héctor Silveiro.


Chan do Monte dixital 0