Page 1

PODER OBREIRO

14N nós somos máis.

VOLTEA a pirámide

A velocidade é un xeito de nos confundir, de facernos percibir as cores sen matices, de agochar as causas tras uns efectos devastadores; e dende o ano 2008 os acontecementos transcorren a velocidade luz, e as análises e as respostas –dos que teñen a lexitimidade sistémica da palabra pública– non son máis que espazo partido por tempo. Máis velocidade. Nesta sucesión de acontecementos chega agora unha nova folga xeral e nós sentí-

o xornal da cut Nº 12 · 6/11/2012

Especial Folga Xeral

folga xeral

monos vivos, nós sentimos que é o osíxeno que xa non tiñamos nos pulmóns de clase. Chega esta folga xeral dando a sensación de que houbo unha anterior hai séculos, e aí descubrimos o engano da velocidade dos tempos contemporáneos. As mil folgas xerais seguen sendo necesarias, seguen a ser ese osíxeno que precisamos para mostrar a nosa existencia e dignidade. A CUT convoca esta folga, estará nas rúas con contundencia e poñendo en claro o

engano daqueles que se din sindicalistas e non obedecen máis que a intereses particulares. A CUT di non ao engano do referendo no que certos sindicatos pretenden facernos caer. Os nosos dereitos non se consultan, os recortes non se consultan, a nosa dignidade non se consulta, o noso futuro non se consulta. As nosas condicións e dereitos non se referendan, deféndense e conquístanse. O 14 de novembro comeza a batalla.

10 motivos para FACERMOS folga 1. CONTRA AS REFORMAS LABORAIS Baixo as promesas de «flexibilidade» ou «empregabilidade» as reformas laborais agochaban máis despedimentos e máis baratos. Nos oito primeiros meses de 2012 os ERE autorizados aumentaron un 69’7% e os datos da EPA do terceiro trimestre de 2012 marcan récord en desemprego: un 25’02%, cun incremento elevado no sector público. En Galicia destruíronse desde o pasado ano 37.500 postos de traballo e castigouse especialmente a industria (18.000 persoas paradas máis) e a mocidade.

2. A SOBERANÍA DAS MULLERES NON É RECORTÁBEL O capitalismo en crise obtén proveito do modelo de familia patriarcal que carga sobre as mulleres e invisibiliza o traballo na esfera doméstica. Por iso, Xunta e Goberno central impulsan medidas como a Lei de Familia ou a reforma da Lei do Aborto, significativos retrocesos no dereito das mulleres a ter control sobre a súa vida, o seu corpo e a súa sexualidade.

3. Por unha Sanidade Pública e de calidade Cómpre rebelarse fronte ao Decreto 16/2012 que introduce o repagamento e que limita a atención ao poder adquisitivo e non ás necesidades de cadaquén. En Galicia, a única partida do orzamento sanitario público que experimentou incremento foi a de concertos co sector privado, en tanto proseguiu o desmantelamento de áreas sanitarias e a paralización de programas de saúde chaves para unha atención de calidade.

4. Fronte á estigmatización da poboación migrante Ningunha persoa pode ver negados dereitos básicos como a asistencia sanitaria, nin ser utilizada como man de obra excedente. Esiximos a reposición da atención sanitaria en igualdade para as e os sen papeis e a derrogación da Lei de estranxeiría.

5. Paremos a regresión no Ensino: non máis recortes, non á LOMCE O Anteproxecto da LOMCE expresa a concepción educativa da derei-

ta española: un darwinismo social clasista que instrumentaliza a escola como fábrica de cidadanía obediente nun marco claramente recentralizador. Trátase dun paso máis no empobrecemento do ensino público e na precarización do profesorado.

6. En defensa das prestacións sociais Con máis persoas desempregadas ca nunca e coas retribucións salariais en caída permanente, a rebaixa en prestacións por desemprego expón á exclusión social a amplos sectores da poboación. En Galicia, os subsidios de xubilación seguen a ser os máis baixos do Estado e todo apunta a que o probábel «rescate» virá acompañado dunha revisión á baixa do sistema de pensións.

7. Deteñamos a liquidación do público A aprobación do regulamento que facilita despedimentos colectivos na administración pública, a degradación xeral de condicións la-

borais (incluída a retirada da paga extraordinaria) ou as reducións radicais de partidas de gasto forman parte dunha ofensiva xeral contra o sector público no seu conxunto. Alén de afectar a sanidade e educación, atinxe ao resto de servizos que non se rexen por criterios estritamente mercantilistas e que abranguen desde a atención á dependencia até a rede cultural e de medios de comunicación.

8. Contra un sistema de impostos regresivo que alimenta as desigualdades sociais O réxime fiscal español actúa fomentando a desigualdade. O Goberno declara amnistía para os grandes defraudadores e aproba medidas tributarias que libran de impostos a Eurovegas, en tanto eleva o IVE, que pagan por igual o multimillonario dono do casino e a limpadora que percibe o salario mínimo. As revisións impositivas levan beneficiado sempre as rendas do capital fronte as rendas do traballo. Debemos esixir xustiza fiscal.

9. Polo dereito á vivenda: paremos os desafiuzamentos Desde o comezo da crise, a banca non deixou por un instante de desaloxar das súas casas a familias, persoas desempregadas, precarias, inmigrantes... Entre xaneiro e xullo deste ano, o ritmo foi de 17 desafiuzamentos ao día, un incremento do 185% desde 2007. Coa folga xeral, demandamos medidas como a dación en pago ou o alugueiro social da vivenda.

E 10. Unha resposta máis ampla ao inimigo común: a troika e a ditadura da austeridade A folga do 14N excede as fronteiras do Galicia e está concibida como xornada de loita para os pobos de Europa. Esta converxencia vén sinalar a raíz común do problema: as receitas de axustes e recortes non é verdade que conduzan á saída da crise, só transforman a eurozona nun réxime sen control democrático onde dereitos e liberdades son subordinados ao pagamento dunha débeda da que non somos responsábeis.


Crise e xénero. Algúns trazos da desigualdade Contratos temporais, soldos máis baixos ou diminución dos investimentos públicos trazan o mapa dunha precariedade que atafega con máis contundencia a vida das mulleres O ano 2008 marca o comezo dunha das cíclicas crises coas que o capitalismo trata de atallar avances sociais e de afogar as nosas vidas. Nos primeiros momentos a destrución de postos de traballo afectoulles máis aos homes. O emprego feminino está concentrado fundamentalmente no sector servizos, e este soportou mellor a fase inicial da crise. Pero a partir de 2009 comeza o descenso da ocupación feminina. Co engadido de que case todo o emprego que se destruíu era de xornada completa. A taxa de actividade medra cada ano,

pero as mulleres ocupan a maior parte dos traballos precarios e teñen, ademais, soldos máis baixos. O número de mulleres con contrato a tempo parcial é máis de tres veces superior ao de homes, e tamén o seu salario por horas é menor. As políticas de recortes levadas a cabo pola dereita, instalada para os vindeiros anos nos gobernos de Galicia e do Estado, están baseadas na diminución do gasto público e iso marcará a situación laboral. Se atendemos os orzamentos do Estado, e sempre en relación cos

anteriores, xa dun ano de crise, as políticas sociais sofren un recorte de máis do 14% –e a iso hai que engadir un 40% menos para as axudas básicas dos concellos–. Educación perde un 17 % –logo de que nos dous anos anteriores xa perdese case un terzo de investimento– e sanidade é o apartado onde os recortes son máis brutais, por enriba do 22%. Os recortes de políticas sociais afectan ás mulleres nun dobre sentido, porque empregan en gran medida man de obra feminina e porque a súa eficiencia favorecería

igualmente a estas, aliviando as tarefas de coidados que realizan de maneira maioritaria e avanzando na necesaria co-responsabilidade. Son mulleres nunha porcentaxe por enriba do 95% as persoas que se ven obrigadas a traballar só a tempo parcial para poderen coidar de membros das familias en situación de dependencia. Estas cuestións, canda o recorde de dereitos fundamentais que supón a reforma das pensións ou o repagamento médico, veñen agravar unha situación de desigualdade histórica que ten importantes repercusións sociais e familiares. A reforma laboral aprobada en xullo por iniciativa da dereita estatal, o PP, e co apoio da dereita catalá, CIU, vén afondar tamén na desigualdade entre mulleres e homes. Supón unha porta aberta para a rebaixa de salarios e para a modificación de condicións substanciais no traballo: xornada, horarios, traslados. Todo isto vai afectar de forma negativa á conciliación da vida laboral, familiar e persoal, e máis significativamente a traballadoras embarazadas ou con crianzas. Unha das causas de despedimento é a inasistencia ao traballo nove días ao longo de dous meses, aínda que sexa por causas xustificadas. Enténdese que non se van contar as faltas por risco no embarazo ou no período de maternidade, pero queda a posibilidade de que se compute a asistencia a probas que son de rutina nunha xestación. Como un chanzo máis na erosión dos avances igualitarios, e firmemente inserida nas políticas liberais máis agresivas, están medidas lexislativas como a Lei de Familia aprobada en 2011 ou a pretendida reforma da Lei do Aborto. Se historicamente fomos vendo como o capital recorría á man de obra feminina cando a precisaba, –as guerras son un momento paradigmático– e se desfacía dela en fases de retroceso na produción, o que vivimos nestes anos supón un afondamento nesa liña. Camúflanse de maneira hipócrita medidas reaccionarias de suposto apoio ás familias en canto se contribúe á invisibilidade do traballo das mulleres e á súa desprotección, ao intentar acoutalas de volta no ámbito doméstico e familiar. O traballo de coidados é imprescindíbel para o mantemento da sociedade pero estas medidas, lonxe de recoñecelo, afondan na implantación dun único modelo de familia, supoñen un retroceso en dereitos sexuais e reprodutivos ou na erradicación da violencia machista e abren a porta para a privatización de servizos fundamentais no camiño da igualdade como son residencias, garderías ou centros de acollida. Defender os dereitos que pretenden arrebatarnos ás clases populares e ás mulleres que as integramos é tarefa ineludíbel da loita sindical e un compromiso que asumimos. As nosas enerxías non se encamiñan á reivindicación que pretende equidade nos postos de poder, a outra distribución xenérica da explotación. Temos o convencemento de que pelexar contra a feminización da pobreza é camiño único para comerlle terreo ao capital e ao patriarcado, e para construír unha sociedade rexida pola xustiza e pola igualdade.

Folga xeral, tamén de coidados Tardou, máis por fin chegou a convocatoria de folga xeral. É evidente, e levamos tempo dicindo, que para nós a folga non é un fin en si mesmo, e por tanto, non a encaramos como un fetiche, mais si como parte dun proceso de loita organizada e creación de contra poderes capaces de abrir fendas e poñer en xaque un sistema que nos está roubando as vidas e o futuro. Experimentar outras formas de protesta, abrirse a metodoloxías distintas sen perder a radicalidade crítica, arriscar alianzas e proxectar novos discursos até agora invisibilizados, son desafíos que precisamos marcarnos a cada convocatoria. Desta volta, entendemos necesario colocar o traballo doméstico na axenda, atravesar os discursos con esa realidade para evidenciar o escaso recoñecemento co que conta e a necesidade de interpelar sectores sociais até agora ignorados polo groso das centrais sindicais. A precariedade hai tempo que transcendeu os lindes do mercado laboral e foi situarse no centro das nosas vidas, facendo cada vez máis difícil cubrir as nosas necesidades e acceder a recursos de forma estábel, suficiente e satisfactoria. Inestabilidade e precariedade vital que se traducen nunha falta de dereitos –alimentación, saúde, educación, vivenda, lecer, sexualidade, identidade cultural, etc.– e que configura un auténtico golpe de estado contra a dignidade humana. O emprego, situación a que só chegamos a acceder algunhas, e na meirande parte das veces, con salarios e condicións laborais peores ca os homes, xa non pode ser a vía de recoñecemento de dereitos e satisfacción de necesidades. Seguir aceptando ese paradigma supón condenar moitisímas persoas a exclusión, pobreza, enfermidade e sometemento. É preciso, xa que logo, atopar mecanismos que garantan o repartimento da riqueza e dos coidados, que garantan a sustentabilidade da vida sen atar as mulleres a un rol historicamente construído, que non fixo máis que cortar as nosas posibilidades de desenvolvemento pleno e perpetuar situacións de subordinación e violencia. Por iso, este 14 de novembro reivindicamos a urxencia dunha folga de coidados, ademais do paro indefinido. Unha mobilización que tire o até agora considerado privado á esfera pública, que cuestione o conxunto da sociedade sobre quen e en que condicións se están desenvolvendo as tarefas que permiten soster a vida de crianzas, adultos e maiores, e cales son as consecuencias deste dispositivo de suxeición e control para a emancipación de nosoutras, mulleres. Propoñemos que, nesta folga xeral, cada muller e cada home amose, colgando un mandil da súa fiestra, que no interior dos fogares os coidados tamén han de parar para denunciar as políticas antisociais que están a recortar as nosas posibilidades dunha vida digna e con liberdade. Que cada fiestra sexa un berro que diga que as coidadoras tamén están en loita.


A estafa da reforma laboral: máis EREs, máis desemprego Se hai indicadores que se disparan nas diferentes estatísticas laborais propostas polas administracións son os do desemprego, os dos despedimentos e, tamén, os dos Expedientes de Regulación de Emprego (ERE). Malia o esforzo por maquillar os datos, o certo é que á raíz das diferentes reformas laborais o recurso empresarial ao ERE, como unha fórmula solvente de viabilizar os despedimentos masivos ou a quebra de dereitos laborais, está a protagonizar a configuración do novo marco de relacións laborais galego. Nun só ano as variacións estatísticas impresionan. Dende a liquidación de sectores como a construción a golpe de despedimento colectivo (cun incremento na práctica dos EREs do 2011 ao 2012 de máis do 134,5%), ao especial impacto sobre o sector servizos (de 305 expedientes no 2011 a 781 no 2012 (+156,1%) o que dá conta da especial desprotección deste sector. Malia os 12.558 traballadores e traballadoras afectados por esta medida no pasado ano a patronal tirou a rolla do cava para celebrar a afección a 20.435 persoas (+ 62,7%). Malia todo non son estas cifras as que máis sorprenden: dos 1436 expedientes presentados no 2011 só 35 non contaron co beneplácito da representación sindical. Dan moito que pensar estas cifras. Dan para cavilar sobre a verdadeira dimensión da crise como fraude e, sobre todo, para pensar que modelo sindical queremos para afrontarmos o futuro con dignidade.

Desempregados, pero bailando Rose Chernin, activista do Condado do Bronx, Nova York, relataba de xeito estarrecedor a loita dos desempregados, mais sobre todo das súas compañeiras, durante os anos 30 pola súa supervivencia. Os consellos de desempregados tomaban corpo ao longo do condado, consolidando relación humanas de loita e transformación social ao tempo que lanzaban as chamadas folgas de alugueiro. Ante a incapacidade dos desempregados para lle facer fronte ao custo abusivo dos alugueiros, os consellos organizaban con implicación da comunidade a resistencia interna dos arrendatarios para a loita: «Ímonos poñer en folga de alugueiro todo un edificio, botaremos tres meses ou os que sexan sen pagar, mais eses meses non os imos aboar nunca». E así comezaba unha experiencia de resistencia popular na que por seguridade os homes eran expulsados do edificio e eran as súas compañeiras as que facían fronte aos desaloxos e á policía, balde de auga a ferver na man e máis megáfono. En dous anos, o consello de desempregados do Bronx tivo o control sobre os prezos do alugueiro de todo o condado. Arxentina. Anos 90. Os desempregados e desempregadas deciden ocupar as mesmas rúas ás que foran expulsados dende os centros de traballo. Loitan contra o endu-

recemento das condicións de vida e de emprego, o clientelismo político e a fraude das políticas sociais. Xermola desta maneira un movemento de masas que, a través da consigna «corte de ruta e asemblea» coñecido internacionalmente como movemento piquetero, consegue que as posibilidades dunha paz social izada sobre a miseria social se esfarelen. Logo de diversas escisións neste movemento, fixámonos nos Tupac Amaru, piqueteros de Jujuy. Durante os anos 90 e deica a actualidade este movemento de desempregadas e desempregados de corte indixenista consegue consolidarse como unhas das experiencias vivas de maior impacto sindical: mans á obra, coas súas propias forzas, no seo da central CTA, bótanse á construción do Alto Comedero, un barrio de máis de 2000 fogares, acondicionado cos máis diversos servizos públicos e sociais, no seo do que poñen a producir diversas fábricas e mitigan a extrema pobreza jujuiana. Hoxe, radios comunitarias, autoemprego cooperativo e unha forte rede de cooperativas de vivenda esténdese como a lóxica de loita dos Tupac. Quizais por iso existe un odio de xénero e de clase moi arraigado na política institucional arxentina contra Milagro Sala, a súa máis significativa portavoz. Son dúas das experiencias internacionais máis interesantes de

autoorganización no desemprego. Lonxe disto, en Galiza, quixéronse articular diferentes experiencias de loita dende este ámbito, que se ben non callaron, nos levaron a un segundo ciclo de consolidación de diversas destas experiencias. A Asemblea de desempregados/ as da Coruña foi unha das vítimas dun primeiro momento de incapacidade de expansión do movemento das desempregadas/os no noso país e de morte por inanición. «Durante tres anos –conta Xan Carballo– sucedéronse varias asembleas en diversas asociacións de veciños dende as que fomos artellando diversas ocupacións dos INEMs da cidade ou unha ampla recollida de sinaturas por unha reformulación das políticas públicas no referente ao desemprego». Hoxe, de xeito referencial, está a se consolidar a Asemblea de Ferrol, onde un grupo de mozas e mozos, baixo a lenda «Non me chames parado, son desempregado en risco de exclusión social», está a desenvolver diferentes accións de intervención polo subsidio universal de desemprego e polo repartimento do emprego. Unha das máis importantes accións foi premonitoria, a ocupación simbólica do supermercado Día coa subtracción de produtos de primeira necesidade, a mesma acción que uns meses despois lanzaría á opinión pública ao sindica-

to combativo SAT de Andalucía. Tamén vencellada á CIG, está a nacer a Asemblea de desempregados/ as de Lugo. Todo isto debería facernos pensar ao redor da importancia da autoorganización no sector, ao redor das fórmulas para dinamitar a división entre a poboación traballadora en activo e a desempregada. E, sobre todo, ao redor da capacidade que as desempregadas e desempregados teñen, mediante a súa organización e a loita de clase, de ir transformando paseniño unha realidade adversa en chave de cooperación e mediante a loita asemblearia e horizontal, fronte ao desalento da falta de emprego. Esta segunda vaga de asembleas en Galiza, e as dimensións da loita do movemento de desempregadas e desempregados no mundo permítenos a ilusión e a alegría transformadora. Cóntao novamente Rose Chernin: «A vida muda cando te xuntas deste xeito, cando te unes. Perdes o medo a estar soa. Non podes resolver estes problemas soa. Tórnanse insoportábeis. Cando estás soa, fronte a fronte co patrón, el ten todo o poder e ti ningún. Pero xuntos, sentimos a nosa forza, e podemos rir. Quen soubese como cantar comezaría a facelo. Outros saberían como bailar. Alí estabamos, desempregados, mais bailando».

Unha resposta de diferente entidade Fronte a un clima sociolaboral adverso, marcado pola estafa-crise en que estamos inmersos, é complexo facer unha medición do impacto de desobediencia obreira baseándonos na máxima expresión da conflitividade laboral: a folga. Nos datos da Consellaría de Traballo sobre conflitividade (2007-2011) apreciamos notábeis diferenzas xeográficas na intensidade de mobilización. Realizáronse un total de 343 folgas na Coruña e Pontevedra e só 51 en Ourense e Lugo. Apréciase un leve incremento de convocatorias, con forte impacto nos anos 2009 e 2010, e vese tamén un asañamento dos conflitos: no 2007 roldaban os 390 días e a súa duración foi aumentando ata alcanzar no 2011 as 769 xornadas, un 97% máis. A flexibilidade e a unilateralidade na implantación de novas condicións laborais, a quebra socioeconómica xeralizada e o terror sociolaboral, canda a reformulación das diferentes estratexias sindicais, serán factores que se conxuguen para configurar un novo escenario que pode conmover todos os indicadores de conflitividade laboral.


A destrución dos nosos servizos públicos O sector privado ábrese paso en sanidade e educación grazas aos recortes

Sanidade e educación universais, coidados para as persoas maiores ou medios de comunicación públicos. Dereitos que todos os gobernos din defender mais que, cada día que pasa, van ficando en simples palabras sen contido. Unha sanidade pública á que non todas temos acceso. Unha educación universal que divide o alumnado segundo as súas rendas. Unha atención aos nosos maiores que significa abandono e desprotección para quen non poida pagala. Uns medios públicos que funcionan coma o gabinete de prensa do goberno que toque, nos que a «imparcialidade» non aparece nin nos libros de estilo e que cada vez contan con menos recursos para nos informar. O capital pretende que os dereitos conseguidos ao longo da historia fiquen pechados con chave nunha gabeta de San Caetano.

Enfermar como privilexio Nun período de crise económica coma o que vivimos, cos mercados tradicionais estancados, as grandes empresas capitalistas atopan «novas oportunidades de negocio» na privatización dos servizos públicos. O sector sanitario parece o máis apetecíbel para os voitres da crise. O Goberno central e a Xunta convértense nas marionetas das grandes firmas farmacéuticas, das

compañías aseguradoras e das empresas hospitalarias. Mentres a sanidade privada medra cada ano na Galiza un 14%, os recortes seguen a minguar a calidade da pública. No noso País só se destina o 5,9% do PIB á sanidade pública, moi por debaixo da xa ridícula media española (un 6,5%). Os recortes tradúcense no copagamento farmacéutico, que por primeira vez na historia fará pagar aos xubilados polas súas menciñas con receita, tradúcense no Real Decreto que deixa sen atención sanitaria 150.000 inmigrantes «sen papeis» no noso país (a non ser que paguen 710 euros ao ano), tradúcense en listas de espera para intervencións cirúrxicas que xa roldan os tres meses e tamén se traducen en enfermos graves que non reciben o seu tratamento por ser «demasiado caros». Alén de todo, o copagamento sanitario xa se aplica por agora nos eidos «periféricos» da atención médica como o transporte en ambulancia ou a comida dos hospitais.

Escola para os ricos O ensino, un dereito estratéxico para a cidadanía que ademais de formar os profesionais do futuro tamén debe educar ás crianzas nos valores sociais, tórnase nunha educación de calidade para os pri-

vilexiados que poidan pagala e nunha educación de segunda para as fillas das traballadoras. O presente curso comezou con 12 escolas públicas pechadas no noso país e con 132 unidades escolares ou aulas eliminadas pola consellería de Xesús Vázquez, a maioría delas no rural, mais tamén nas vilas e cidades. Un total de 199 postos de traballo fixo de profesores foron eliminados. Ademais da concentración de 113 unidades que xuntan na mesma aula rapaces de distintas idades, pechouse o programa Preescolar na Casa, que atendía 400 familias do rural. No que se refire ás escolas para a infancia, mal chamadas «garderías», as prazas públicas só cobren espazo para un 22% das crianzas, mentres as escolas privadas supoñen xa máis da metade da oferta. Máis un servizo para os ricos. A outra cara da moeda son os 250 millóns de euros que recibe o ensino privado das arcas públicas cada curso. Só este ano abriron dezaseis unidades escolares novas no ensino concertado. Resulta indignante que os cinco colexios da organización Opus Dei, que segregan o alumnado por razón do seu sexo contra o estabelecido na LOE, conten en Galiza cunha subvención total de tres millóns de euros.

Enfermos de inxustiza A crise cébase na saúde mental da clase traballadora, as mulleres e os inmigrantes. A epidemia agrávase polos recortes nas prestacións sociais e a atención sanitaria «Non vexo outra solución que poñer fin á miña vida desta forma digna para non ter que terminar furgando nos contedores de lixo». Foron as verbas de despedida de Dimitris Christoulas, o xubilado grego de setenta e sete anos, enfermo de cancro, que se pegou un tiro diante do seu parlamento o mes de abril pasado atafegado polas débedas que coa súa pequena pensión non podía enfrontar. Cunha repercusión mediática global, o suicidio deste mártir (que culpou directamente da súa morte ao goberno), ademais de reactivar a indignación dun país asfixiado e agónico, serviu para poñer o foco sobre un dos efectos menos publicitado da crise: o das graves repercusións que está a ter e terá sobre a saúde das persoas e, máis concretamente, sobre a saúde mental. Aínda que a relación causa-efecto non é nova, convén lembrala e axustala ao contexto. A pobreza é devastadora para a saúde mental e unha situación de estrés prolongada no tempo (provocada por exemplo nestes momentos pola perda do traballo, por estar no paro sen expectativas, por ter que pechar o negocio, por non chegar a fin de

mes ou carecer de calquera ingreso, por perder a vivenda, por perder nunha estafa os aforros dunha vida, por ter unhas pésimas condicións laborais, por quedar illado socialmente ou pola falta de perspectivas de futuro...) produce efectos brutais neste eido. A crise, segundo datos da mesma OMS, está a intensificar unha epidemia de depresións e outros trastornos psicolóxicos asociados á pobreza que aínda se agrava máis porque non se destinan recursos, nin sanitarios nin sociais, para combatela; máis ben, todo o contrario, elimínanse ou córtanse os poucos que xa había. Os expertos consideran que a actual crise económica mundial comportará algúns dos maiores retos que se teñan presentado nunca para a saúde pública. Entre eles, a desnutrición, o incremento da poboación sen fogar, o paro e o que leva consigo, a drogadicción, a depresión, os suicidios, maior mortalidade, deterioración da saúde infantil, violencia, inxustiza social e violación de dereitos humanos. E os máis vulnerábeis, os de sempre. A clase traballadora, as mulleres e os inmigrantes son os

que presentan peores índices de saúde mental. Nunha lóxica tan dramática como inxusta, os máis afectados pola crise son tamén os que están a padecer nas súas propias carnes as consecuencias que esta ocasiona sobre o noso organismo. Están, estamos, literalmente, enfermos e enfermas de inxustiza. Pero na orixe da nosa enfermidade está tamén a esperanza de curación. As desigualdades sociais en saúde, ademais de inxustas, son innecesarias e evitábeis. Esta é a boa noticia. As respostas individuais que nos convidan certos gurús a explorar (tipo «enfronte a crise positivamente e con creatividade»), os remedios esotéricos que se aproveitan da nosa desespe­ ración ou as receitas farmacolóxicas que engordan os petos dunha industria interesada en que cada día sexamos máis pacientes... poden valernos, pero nunca serán a cura definitiva á que temos dereito. Só resolvendo a inxustiza de base, a dun sistema que xera desigualdades mesmo na saúde mental, poderemos extirpar o verdadeiro cancro que acabou coa vida de Dimitris Christoulas.

Abandono dos maiores

Democracia sen xornalistas

O dereito a unha vellez digna é unha vítima máis dos recortes do Partido Popular. Despois dunha vida de traballo e conquista de dereitos, os nosos maiores son un dos colectivos máis débiles que ataca o neoliberalismo. A pesar de que Galiza é a segunda comunidade do Estado español con máis maiores de 65 anos, a pensión media só supón o 82% da media española. A xa precaria situación en que viven as persoas maiores está a aumentar da man dos recortes do PP. O Goberno de Feijóo leva anos incumprindo a Lei de Dependencia e os cartos non dan chegado ás familias; até o propio Observatorio da Dependencia suspende a Xunta no cumprimento da norma. No canto de aumentar os fondos, a ministra de Sanidade, Ana Mato, está a cociñar unha nova Lei de Dependencia que baixará as pagas ás coidadoras e coidadores un 15%, ademais de deixar sen cotización os futuros coidadores. A escusa é premiar a profesionalidade e a creación de residencias e centros de día, pero a realidade é que no noso país non chegamos nin a dúas prazas públicas por cada 100 maiores nas residencias, e nos centros de día a cifra baixa a 0,2 prazas por cada 100 maiores. Contando coas residencias privadas, que son o 76% das residencias galegas, segue habendo menos de tres prazas por cada 100 persoas maiores. A estes centros parece que o negocio lles está funcionando ben. Grazas aos recortes de Sanidade, puidéronse permitir subir os prezos un 68% só dende 2004 (mentres a pensión media só subiu un 40%).

Os medios de comunicación son un piar básico de calquera «democracia» que se diga tal, deben ofrecerlle unha información veraz e rigorosa ao cidadán que lle permita exercer como tal dun xeito crítico e servir tamén como control do poder político. Os medios públicos deben garantir este dereito, pois a prensa privada atende pola súa propia lóxica aos seus intereses empresariais. Mais a CRTVG leva dende a súa creación servindo unicamente os intereses do goberno que cadre, cun director xeral elixido a dedo directamente pola Xunta. Os recortes levados a cabo pola Xunta significan unha mingua na capacidade informativa da Compañía de Radio e Televisión públicas. En 2010, 49 traballadoras e traballadores das delegacións de diferentes puntos de Galiza e de Bruxelas ou Porto eran botados á rúa. Quedaba deste xeito sen cobertura gran parte do noso territorio e anulábase a presenza no centro de decisións europeo e no país veciño. Nas últimas semanas, co «proceso de consolidación de emprego», 93 xornalistas máis que levaban anos prestando servizos foron despedidos sen indemnización. Ao resto do persoal baixóuselle o salario até un 12%, cunha ampliación da xornada laboral e a supresión de días de libre disposición. Alén de todo isto, o Partido Popular e o Partido Socialista pactaron, na lexislatura que acaba de rematar, a transformación da compañía nunha corporación e con isto abríanlle a porta á externalización da produción para favoreceren as empresas privadas do sector.

Frearmos a estigmatización dos e das inmigrantes Duplican as cifras de desemprego, os seus salarios minguan desde 2008 (ampliando a fenda co resto), os desafiuzamentos cébanse con elas, o recorte de prestacións sociais golpéaos máis duro,… E, con todo, as xentes inmigrantes do Estado español convértense en albo do racismo institucional que alimenta as divisións de clase e criminaliza un colectivo que de xeito ningún pode ser responsabilizado da crise sistémica. Racismo institucional que se apropia da Sanidade Pública co Real Decreto 16/2012 que segrega a poboación sen papeis da atención en centros de saúde. Aínda que en Galicia a Consellería de Sanidade prometa garantir a cobertura mediante un programa específico de protección, o seu carácter temporal e a excepcionalidade electoralista coa que foi anunciado impiden calquera valoración optimista. Cómpre ademais ir observando a resolución dos múltiples fíos que esta instrución administrativa «parche» deixou abertos (requisitos de documentación, informe da traballadora social na tramitación e concesión da asistencia, demoras en prazos burocráticos, etc.) e, en todo caso, termos

presente que as vías legais polas que algunhas comunidades autónomas sortean o Decreto estatal non elimina o obxectivo fundamental: a acentuación das diferenzas de clase no exercicio de dereitos sociais e a negación destes para os colectivos máis vulnerábeis. Os e as migrantes deben sumarse á folga do 14N porque é a lóxica dos recortes como «saída da crise» a que considera que sobran, que deixaron de ser necesarios e necesarias. A mesma que ampara a negación de dereitos fundamentais, continxentes aos intereses da gran banca. Hai tempo que teñen razóns para facer folga. Antes de que a troika impuxese plans de austeridade ao Estado español, as empregadas do fogar xa coñecían a explotación laboral con despedimento libre e sen negociación colectiva e os traballadores manteiros sabían da intimidación policial e das detencións arbitrarias. Agora endurécense até o límite as condicións de vida e aléntase a exclusión social desde o Parlamento. A clase traballadora galega debe ver claro quen é a súa semellante e quen a súa inimiga. O 14N agardamos dar un paso máis no carácter incluínte da loita.


Crise de cultura

A lei electoral regálalle a vitoria a un PP en minoría social Apenas un 24% do censo apoia as brutais políticas de recorte da dereita As pasadas eleccións galegas, igual que todo proceso electoral, non son máis ca unha foto fixa dun intre concreto. Só as organizacións que integran, ou que aspiran a integrar, o aparello de Estado outorgan ao voto, tal e como está configurado no réxime borbónico, o papel central da súa estratexia política. Pero aínda que a ollada sobre os resultados do 21 de outubro se reducise á óptica puramente cuantitativa, mesmo así, o Partido Popular atinxiu unha escasa vitoria: a imaxe que tapan os seus 41 deputados, fronte aos 34 da oposición, é a da inexistencia dunha maioría social que referende a brutal política de shock desenvolvida por Alberto Núñez Feijóo. A realidade é dinámica, aprendemos nos nosos clásicos. E ese movemento amosa que a dereita

representada polos sufraxios do PP retrocedeu. Máis de 120.000 votos –unha vez recontados os emitidos por unha emigración que desta volta e tras a instauración do voto rogado (o elector debe solicitar previamente as papeletas) apenas se involucrou nos comicios. Os de Feijóo quedan así con 660.308 votos, un 16% menos respecto dos 789.427 de hai catro anos. Pero a caída da participación afectou en toda Galicia e a todos os partidos que, até agora, se sentaban no Hórreo. As eleccións unicamente interesaron ao 54,9% do censo convocado, dez puntos porcentuais menos que en 2009 e un dos mínimos históricos da etapa estatutaria. Porque non foi a dereita máis reaccionaria e extrema –o PP– a castigada en exclusiva polos traballadores galegos. O abismo ao que se

asomaron PSdeG e BNG é impoñente. Os autodenominados socialistas, eses que pactaron con Mariano Rajoy amputar a soberanía popular no Estado español, perderon o 46% do seu respaldo. Os nacionalistas do Bloque, o 47%. Estes descalabros e as perversas sinuosidades da chamada Lei D’Hont, a lei electoral vixente, son as que posibilitan que Alberto Núñez Feijóo e a súa cuadrilla de desmanteladores das garantías sociais conquistadas polas loitas obreiras ao longo da historia se enquisten na Xunta de Galicia e mesmo fagan medrar o número de asentos que terán no Parlamento. Só a irrupción da Alternativa Galega de Esquerda (AGE), a coalición que xuntou a Anova-Irmandade Nacionalista e Esquerda Unida, e á que logo se sumaron Espazo Ecosocialista e Equo, con 200.000 votos

e nove escanos, freou a tendencia lexislativa a engordar os resultados da dereita. Pero o sindicalismo de clase e o movemento social saben que as eleccións non se corresponden exactamente coa realidade. Son quen de percibir nos resultados electorais que a maioría social galega non apoia, nin apoiou, as agresións do PP aos traballadores. Saben ler que, tras a aparencia deses resultados, a Feijóo agárdano nas rúas deste país miles e miles de cidadáns dispostos a non se deixar pisar. E sabe extraer as conclusións e as consecuencias mobilizadoras de que apenas un 24% das persoas con dereito a voto na Comunidade Autónoma de Galicia e a súa diáspora decidiron apoiar explicitamente as políticas que conducen cara á miseria e a barbarie.

Entre as moitas mentiras que nos queren facer engulir os amos do mercado con xogos de linguaxe secuestrada como «políticas de adelgazamento» ou «reaxustes», coa complicidade absoluta dos servos que manexan as institucións, tamén nos están a usurpar o dereito á cultura. Máis aínda, á cultura propia. A cultura, no persoal e no colectivo, dános as ferramentas para actuarmos como seres autónomos, con capacidade crítica, na plenitude dos nosos dereitos, e xónguenos a unha colectividade maior na que nos desenvolvemos. Coa cultura somos. Lingua, historia, memoria, tradición, territorio, creación, unha bagaxe de séculos que pode ser varrida en meses. Vai para dous anos que a xente que traballamos no eido da cultura en Galicia estamos a denunciar o desmantelamento que se está a executar, coa escusa da crise, pero con moito de desleixo e de vontade política. Con esta “non política” están a esnaquizar os mecanismos de transmisión e de recepción cultural, a ferir de morte as estruturas de produción e a provocar a desaparición de miles de postos de traballo: só nas artes escénicas arredor de 2000 persoas entre postos directos e indirectos. Na mesma desfeita está o sector audiovisual, ou o do libro, por non falar da inexistencia de xornais en galego, a estima da cultura musical ou a conservación do patrimonio. Están a ser cuestionadas unha radio e televisión públicas, en galego e de calidade. E o que é máis grave: non se lle está a garantir á cidadanía o dereito á cultura. O capitalismo deseñou unha culturización alienante, co engado das modas e das masas, que nada ten que ver con estimular o desenvolvemento artístico e crítico da persoa. Somos un sector que traballa cara a uns receptores, o noso “produto” non sempre se pode cuantificar en diñeiro. Pero si, precisamos das axudas públicas para traballar con dignidade, e fornecer a sociedade dunha galería de creacións rica e diversa, non dependente da lei dos mercados. Ese é o fin das axudas: facilitar programas onde calidade e variedade se conxuguen con regularidade, para garantir un acceso democrático á cultura. A cultura non é un gasto, é un investimento de futuro. Por iso incidimos nunha vontade política que priorice a identidade cultural e o ben público. Porque, que crise pode desculpar a aplicación do Decreto de Plurilingüismo co que Jesús Vázquez provocou, cal Frai Diego de Landa, a queima de libros, mentres concede axudas á Igrexa? Cal é a desculpa para suprimir programacións como Camiños da cultura, mentres corre o albariño no Gaiás? Daquela, cando rexeitemos os recortes na educación, na sanidade, nos servizos sociais, non esquezamos a cultura. Doutro xeito poderiamos ser espectadores pasivos aplaudindo ás cegas no silencio. O colectivo de traballadoras e traballadores da cultura non só iremos á folga, chamamos a ela.


Autónomos: máis paus para un elo débil O Estado asfixia coa subida do IVE os traballadores e traballadoras por conta propia, que levan adiantado 32 millóns deste imposto no que vai de ano A retórica dos mandos políticos das administracións pasa por pedirlle á clase traballadora que opte polo emprendemento en épocas de crise como substitutivo dunha verdadeira aposta por incentivar o emprego dende o sector público. Pero mentres a oratoria e os discursos se enchen de loas ao emprendemento, os boletíns do Estado e os diarios oficiais da Xunta cortan os camiños de quen quere ser traballador por conta propia. A subida do IVE dende o 1 de setembro obrígaos a encarecer os seus servizos para repercutir no cliente o aumento de impostos. Non obstante, os autónomos deben adiantar ese pago aínda que as facturas estean sen cobrar. Os traballadores galegos por conta propia tributaron no que vai de ano 32,4 millóns de euros en IVE ás arcas do Estado por tarefas que non saben cando van ingresar, segundo estima a Federación de Autónomos ATA. Os autónomos do conxunto do Estado suman 635,7 millóns de IVE pagado por adiantado. Esta norma, que asfixia aínda máis a precariedade en que viven os traballadores por conta propia que menos facturan, parece igno-

rar que son as propias administracións públicas as que en moitas ocasións poñen ao límite aos autónomos: débenlles 4.978 millóns de euros no conxunto do estado español e tardan en pagar as súas facturas uns 161 días de media, segundo os datos de ATA. O Estado obriga así aos traballadores e traballadoras por conta propia a fiarlle cartos mentres recorta a súa viabilidade empresarial e os seus dereitos sociais. Ademais, a retención do IRPF a profesionais subiu do 15 ao 21%, nunha medida que o Goberno de Mariano Rajoy estima que será temporal. Acostumados moitas veces a traballar de forma solitaria, os autónomos deben ser conscientes do seu poder como conxunto: representan o 22,7% da clase traballadora do país, a pesar de que o seu número descendeu un 5,5% nos últimos catro anos. A súa desprotección social, apenas disimulada por un seguro para casos de baixas laborais e un paro que non se pode equiparar ao do resto dos traballadores, é aínda unha barreira que cómpre rebentar e un lastre máis que se suma aos recortes que o Goberno impón a toda á cidadanía.

A morte asistida do campo Con peches de escolas rurais, con carencias nos servizos básicos como rede de auga ou saneamento, con menos prazas públicas nos centros de maiores, recortes na asistencia e na dependencia, con acceso limitado ás novas tecnoloxías, sen apoios dos gobernos, con axudas á economía rural que se reconverten en pistas deportivas, coa imposición por parte dos mercados de prezos por debaixo do custe de produción e a dependencia das axudas dunha Unión Europea que constrinxiu coas súas políticas o agro e o mar, o sector primario que foi a base económica do país agoniza. Cando as explotación agrarias non dan para vivir porque as

industrias tiran os prezos dos produtos básicos e a escalada do custo do alimento do gando o volve inasumíbel, o campo está condenado á morte. Na última década máis da metade dos agricultores abandonaron. Dos máis de 137.000 traballadores e traballadoras de 2002 quedan apenas 62.000, co conseguinte despoboamento dun rural que as administracións non queren facer rendíbel. Mentres, a Xunta asiste á vez como man executora e espectadora: co recorte en benestar e axudas castiga con ganas o rural mentres lamenta que a súa capacidade de acción sobre o sector primario está coartada polo Goberno do Estado e por Europa.

A produción industrial descendeu un 23,4% en cinco anos O titular di que Galicia encabeza o Índice de Produción Industrial do Estado español neste último ano –entre agosto de 2011 e de 2012, últimos datos dispoñíbeis–, pero unha mirada global sobre os datos lembra que este indicador que mide a evolución mensual da actividade produtiva de manufacturas, minería e construción

acumula unha baixada do 23,4% dende 2007. A taxa de variación interanual deste índice só foi positiva nos meses de xullo e agosto deste ano, o que permitiu realzar unha cifra que está precedida dun símbolo negativo dende agosto de 2010. Nos oito meses que van de ano, Galicia acumula un 4,1% de descenso medio do índice.


PODER OBREIRO

Imprimíronse 3000 exemplares en tinta negra e vermella deste xornal, na imprenta Tameiga, o 5 de novembro de 2012, feitos os corenta anos da folga xeral de 1972

o xornal da cut Nº 12 · 6/11/2012

Especial Folga Xeral

Folga, pasado, presente, futuro No ano 1166 antes de Cristo, en Exipto, as xentes que construían o monumento funerario a Ramsés III decidiron non traballar máis. Polo menos, mentres non recibisen os salarios que lles debían. Os investigadores consideran este acontecemento, recollido nun papiro exposto no Museo Exipcio de Turín (Italia), a primeira folga rexistrada da historia. Pero unha folga, e aínda menos unha folga xeral, non se fai só para o presente. Unha folga serve tamén para activar o pasado, ese en que viven a Comuna de París, Ferrol en 1972 abrindo paso á democracia popular, dez millóns de franceses que expulsan a De Gaulle a Alemaña, os mineiros asturianos organizados en soviets en 1962, as masas que meten o medo no corpo de Felipe González e José María Aznar até facelos recuar. Unha folga implica, ademais, o presente. E diríxese cara ao futuro. Cara aos que aí veñen. Igual que os que interromperon a produción ao longo dos séculos o fixeron para nós, para que as nosas condicións laborais e de vida se afastasen algo máis da miseria e da escravitude. O exercicio radical de solidariedade, o potencial espírito emancipador, a rebeldía contra unha vida fea, son todas cuestións que unha folga xeral pon en xogo. Só a unidade nas fábricas e nas rúas das traballadoras e traballadores e a loita sen cuartel contra os esquirois pode conducir un paro xeral cara ao seu obxectivo: a derrota do capital e a conquista da igualdade e da xustiza.

Pobos do Sur de Europa, unídevos! Os datos son coñecidos. As políticas neoliberais da extrema dereita europea están a empurrar as clases populares cara ao abismo. No Estado español, a ideoloxía ultraconservadora operada polo Partido Popular defínese no escamoteo de conceptos como sociedade do benestar ou ben común. Namentres se nos di que non hai diñeiro para garantir os servizos públicos máis elementais, o Goberno do PP no primeiro ano de mandato inxecta máis de 60.000 millóns de euros á banca, a mesma banca que desafiúza diariamente 500 familias das súas vivendas. A escusa da crise

económica está a servir de ariete para operar unha supresión sen precedentes de conquistas sociais gañadas a pulso durante décadas de loita. Atopámonos, por tanto, ante unha declaración de guerra, que merece unha resposta tan drástica coma coordinada. As medidas criminais deseñadas dende a Troika –Comisión Europea, Banco Central e Fondo Monetario Internacional– aféctanlle á clase traballadora de todo o continente, mais o saqueo non é uniforme e a Europa pobre, identificada en termos xeográficos, mais sobre todo xeopolíticos, como Europa do Sur, está a padecer as peo-

res consecuencias da avanzada neoliberal. A esquerda destes países atópase, arestora, ante unha responsabilidade histórica, ao se situar como o faro do pensamento anticapitalista continental. A folga xeral do 14 de novembro, convocada de xeito coordinado pola clase traballadora de Portugal, Grecia, Malta, Chipre e o Estado español –e acompañada de paros parciais en Italia–, non pode, por tanto, ser unha folga máis. O seu carácter solidario e internacionalista permítenos aprender dos nosos veciños para avanzar na loita. Contra aqueles que dubidan da utilidade práctica dunha mobi-

lización, unha das primeiras en dar exemplo foi a esquerda portuguesa, que se botou á rúa masivamente para se opor á suba da Taxa Social Única imposta polo goberno conservador de Passos Coelho. A medida, que pretendía subirlle os impostos até un 11% á clase traballadora e baixar un 6% os das empresas, tivo de se anular perante a presión popular e sitúase como un dos alicerces da convocatoria de folga xeral. Asemade, o artellamento nos últimos tempos de estruturas políticas e militantes horizontais en Grecia, o Estado español ou Galiza, fala dunha certa posición de vangarda que procura

sobordar os límites do sindicalismo oficial e reformista. Como pano de fondo do 14N sitúase a necesidade de transcender a folga como mobilización puntual contra unha lei ou un goberno concretos. O carácter sistémico da explotación que padece a clase traballadora internacional obriga a procurar solucións que pasan pola mudanza de réxime, conscientes de que o capitalismo non se reforma, destrúese. Para isto cómpre, con urxencia, crear conciencia de clase no cotián, como xeito de pensamento político para lle dar resposta ás contradicións fundamentais do día a día.

Xornal da CUT - 14N  

Poder Obreiro, xornal tirado pola Central Unitaria de Traballadoras/es de Galicia para o 14N.

Advertisement