Issuu on Google+


c

2012

Autoras texto: Cristina Alles León, Laura Castiñeiras García, Marta Pintos Magdalena e Carmen Rey Naviera Autor ilustracións: Francisco Rodríguez Pereira

2

Todos os dereitos reservados. Nin a totalidade nin parte da presente obra pode ser reproducida, transmitida por ningún procedemento electrónico, mecánico, incluíndo fotocopia, grabación magnética ou calquera información e sistema de recuperación sen permiso previo e por escrito, dos autores e de Cruz Vermella Española, Oficina Autonómica de Galicia. Edita: Cruz Vermella Española R/ Cruz Vermella Española, 1 15002 A Coruña galicia@cruzroja.es Autoras: Cristina Alles León, Laura Castiñeiras García, Marta Pintos Magdalena e Carmen Rey Naviera Ilustrador: Francisco Rodríguez Pereira Coa colaboración de: Deseño, realización e produción: Imprime: Depósito Legal: C 652-2012

Octo Comunicación


ste conto que tes nas túas mans realizouse para axudar os nenos e nenas a comprender a idea de vivir cunha familia distinta da súa. Nace da experiencia recollida polos profesionais de Cruz Vermella e grazas á colaboración desinteresada dun acolledor que realizou as ilustracións.

E

O acollemento familiar vincúlase cun dos principios de identidade da nosa organización: a humanidade. A filosofía solidaria das familias que acollen e axudan a nenos e nenas no seu fogar, os coidan e lles dan de forma desinteresada a seguridade e a educación que precisan, é digna de eloxio; dende aquí quero agradecerlles o seu gran corazón e entrega. O desexo de Cruz Vermella é que este conto, feito con tanto cariño, o gocen tanto pequenos coma maiores e que anime a novas familias a vivir esta experiencia. María del Carmen Colmeiro Rojo Presidenta Autonómica Cruz Vermella Española en Galicia

3


4


Lolo

O coraz贸n de

5


6


Lolo vivía nunha charca rodeada de árbores. Non había moito espazo para xogar pero Lolo crecía feliz e contento porque vivía cos seus papás os que quería moito.

7


8


Pero un día pasou algo, Lolo non sabe por que pero os seus papás deixárono nunha charca veciña con outros parrulos e fóronse dicindo: non te preocupes Lolo pronto nos veremos! A charca era MOOOITO máis grande que a súa, había moitos parrulos, herba para xogar, sitios por descubrir... alí vivía unha gran familia de parrulos cos que Lolo foi vivir.

9


10


Todos os días a familia de parrulos limpáballe as plumas, buscaban os mellores grans para darlle, contaban as estrelas cando se deitaban, facían excursións a outras charcas veciñas…. Lolo facía unha morea de cousas na súa nova casa coa familia de parrulos, todos o querían e coidaban del pero algo lle pasaba a Lolo...

11


12


Lolo botaba moito de menos os seus papás e había días que pensaba que algo moi malo fixera para que o deixasen alí a vivir. Outros días Lolo pensaba que se mamá e papá se decataban de que o pasaba ben coa familia de parrulos podían enfadarse e non volver recollelo nunca. Por iso Lolo, ás veces, estaba triste e non podía sorrir, outras enfadábase, contestaba mal e non facía caso á señora parrulo ou non quería facer ningunha das cousas divertidas que lle gustaban.

13


14


Un día no que Lolo estaba un pouco triste afastouse da charca onde estaba coa familia de parrulos, e comezou a camiñar... Camiñou, camiñou e seguiu camiñando ata que chegou a un lugar onde había unha grande árbore. Lolo sentou debaixo da árbore a descansar, anicouse entre as súas grandes raíces e comezou a chorar...

15


16


- Ola Lolo!!! -oíu de súpeto. Lolo pegou un salto un pouco asustado, mirou a un lado, mirou ao outro pero non viu a ninguén. - Aquí, aquí, detrás de ti!!! -volveu oír. Lolo deuse a volta e descubriu sorprendido que era a árbore quen lle falaba. - Ola -contestou Lolo- como sabes como me chamo? - Porque eu sei case todo o que pasa neste bosque, Lolo, levo aquí moito moito tempo, e coñezo todo o que vai sucedendo: se nace un parruliño novo, se un amigo se enfada con outro, se alguén ten que marchar... -Tamén sei o que che pasa a ti Lolo e por que ás veces estás triste, pero o mellor de todo, sei como podes volver estar contento.

17


18


- Siiiii???? Sabes cando van volver os meus papás?, sabes se están enfadados comigo?- preguntou nervioso Lolo. - Non Lolo, non sei cando van volver, pero si sei que non están enfadados contigo e tamén sei que ti non fixeches nada malo. - Senta un momento Lolo, vouche explicar unha cousa: Cando queremos a alguén, gústanos que estea contento, que o pase ben, que faga moitos amigos, que queira a moita xente... queremos que o seu corazón se faga cada vez máis grande e forte.

19


20


- Hai parruliños que cren que teñen un corazón pequeno, pequeno e por iso soamente se permiten querer a un ou dous parruliños. Cren que se queren a algún máis non haberá sitio para todos e terán que elixir e sacar a uns do seu corazón para meter outros. Lolo escoitaba con atención o que a árbore lle contaba e pensaba no seu propio corazón, sería pequeniño como o da historia? Que podía facer para que fose máis grande e forte?. - O que estes parruliños non saben, Lolo -continuou a árbore- é que no corazón hai un lugar para cada un deles, e que non é necesario deixar de querer a alguén para querer a alguén novo. Así, o corazón vai engordado e engordando e farase cada vez máis grande e forte.

21


22


Esa noite Lolo soñou que o seu corazón tiña distintos cuartos e portas onde podía meter a todos os que quixera na súa vida, os seus papás, os seus amigos... e tamén había novos cuartos coas súas portas onde cabían tamén os novos amigos e a familia de parrulos coa que vivía. A medida que ía utilizando novos cuartos e enchéndoos con xente á que quería, o seu corazón ía crecendo e crecendo.

23


24


A partir dese día Lolo deixou de estar tan triste, seguía acordándose dos seus papás e esperaba velos, pero agora sabía que o seu corazón tiña moitos cuartos distintos, un moi especial para os seus papás, quizais o máis grande, pero tamén outros cuartos onde cabían todos aqueles que o querían, o coidaban e se preocupaban por el.

25


Actividades Xa liches o conto de Lolo? Gustouche? Pois agora anímate a realizar as actividades que che propoñemos a continuación para reforzar a lectura.

Marca a resposta que corresponda:

26

Por que pensaba Lolo que os seus pais o deixaran con outra familia de parrulos? Porque marcharan de viaxe Porque el fixera algo moi malo Porque se esqueceran del Por que estaba triste Lolo se agora vivía nunha charca moito máis grande? Porque non sabía nadar Porque ninguén o quería nese lugar Porque botaba en falla os seus pais Que lle ensinou a árbore a Lolo? Que no seu corazón había sitio para moitos parrulos Que non tiña corazón Que o seu corazón era de cor vermella Que soñou Lolo aquel día? Que o seu corazón estaba roto Que o seu corazón tiña moitos cuartos con espazo para os seus pais, os seus amigos, a familia coa que vive agora... Que perdera a chave do seu corazón e tiña que buscala


Atopa as

5 diferenzas!

27


Información

do programa

de familias 28

acolledoras

n Galicia hai nenos e nenas que, como o protagonista deste conto, pasan un tempo das súas vidas entre dúas familias. Isto ocorre cando no seu fogar non poden atendelos axeitadamente e de forma temporal medran xunto a unha familia de acollida. Son David, Carmen, Abdel, Jennifer, Sara… así ata máis de 1.000 nenos, nenas, mozos e mozas que durante os últimos anos, malia as dificultades polas que pasaba o seu contorno, seguiron mantendo o seu dereito a vivir en familia.

E

As familias de acollida son persoas de moi diferentes condicións (solteiras, casadas, con ou sen fillos…) que lles ofrecen o seu fogar, que lles dan os coidados, a seguridade e a educación que precisan. Todos os nenos e nenas teñen dereito a vivir e a medrar en familia, por iso cando os servizos de protección de menores detectan unha situación sociofamiliar que provoca que un menor non poida ser atendido axeitadamente pola súa familia, os equipos profesionais da Xunta de Galicia traballan co obxectivo de atopar unha alternativa que propicie a adecuada atención das necesidades básicas do neno ou da nena. De todas as solucións, sempre se vai procurar a que máis beneficie o menor que, coa súa propia historia persoal e familiar, terá unha situación única e especial.


O Programa de familias acolledoras da Xunta de Galicia, que xestiona Cruz Vermella dende o ano 1995, como entidade colaboradora dos poderes públicos no ámbito de protección á infancia, desenvólvese nas catro provincias galegas co obxectivo de atender as necesidades destes nenos e nenas. O acollemento familiar, como recurso para a protección do neno e da nena, é unha posibilidade que se recoñece explicitamente na lexislación. Todos os acollementos familiares teñen unha duración determinada, en función das necesidades e da problemática que motivou a saída do menor da súa casa. Poden ser estancias breves ou máis prolongadas no tempo. Dende Cruz Vermella buscamos persoas que se sumen a este programa e que poidan ser a familia axeitada para os nenos e nenas que soñan vivir nun fogar. Ti tamén podes participar no Programa de familias acolledoras para nenos e nenas que non poden estar temporalmente coas súas familias, como Manuel, Maribel, Fina, Moncho, Raúl… Estas son as súas historias:

29


Manuel e Rosa, de 50 e 48 anos, viven cos seus fillos de 12 e 9 anos. Dende hai uns días, tamén está con eles Andrés, que ten seis semanas. Coidarano durante uns meses, mentres se decide se pode volver cos seus pais. Saben que, se non pode retornar, se lle buscará unha familia definitiva. ACOLLEMENTO DE URXENCIA E DIAGNÓSTICO

30

Hai 6 meses que Maribel ten acollido a Abdel, que este ano cursa segundo da ESO. Espera volver coa súa nai cando esta se recupere da súa enfermidade. Fina e Sandra teñen acollida a Antía, de 9 anos, dende o curso pasado. Hai unhas semanas que a nena visita máis os seus pais, está previsto que volva con eles dentro duns meses. ACOLLEMENTOS DE CURTA DURACIÓN, MENOS DE DOUS ANOS María e Moncho viven en Ribadavia. Dende hai 4 anos teñen acollidos a Roi e á súa irmá Sara. Non saben se algún día os irmáns poderán retornar cos seus pais. ACOLLEMENTO DE LONGA DURACIÓN Raúl é enfermeiro e decidiu que podía axudar a medrar a Tamara á que hai 3 anos lle diagnosticaron VIH. Cada mes acompáñaa a ver a súa avoa, que é a única persoa coa que mantén contacto da súa familia. ACOLLEMENTO DE NENOS E NENAS CON NECESIDADES ESPECIAIS POR UNHA ENFERMIDADE CRÓNICA OU UNHA DISCAPACIDADE


31

Ti taménpodes ser familia acolledora Solicita información e participa!

www.acollementofamiliar.org • 900 812 880


Lolo

O corazón de

No corazón de Lolo nárranse as dúbidas e teimas de Lolo, un parrulo que vai pasar un tempo cunha familia que non é a súa. As autoras tentan dar algunhas respostas baseándose fundamentalmente na capacidade ilimitada que temos de dar e recibir agarimo. A presente edición encádrase dentro da campaña: “Abre outra porta no teu corazón” organizada pola Cruz Vermella dentro do Programa de familias acolledoras da Xunta de Galicia que inclúe, entre outras accións de difusión, sesións informativas e de contacontos itinerante por diferentes localidades galegas.

Un programa de:

Colabora:


O conto de Lolo