Galicia, o sorriso de Daniel

Page 73

Francisco Díaz-Fierros Viqueira

terras de ribeira do Sar mentres que a de Fole o fai da montaña luguesa. Nelas cultivouse, hai tempo, trigo, centeo e patacas, e hoxe os prados, o mato e o bosque están a recuperar o espazo nun proceso que ten máis de abandono do traballo da terra ca de vontade produtiva. A poboación da montaña envellece ou deserta e xera unha lenta migración cara á ribeira ou, sobre todo, a mariña, onde se concentran os contados núcleos de poboamento –agás o caso das seis cidades galegas– en que o saldo do movemento de habitantes segue a ser positivo. As serras, finalmente, son as alturas que separan os grandes dominios xeográficos galegos; por exemplo as do leste, que fan fronteira con Asturias, León e Zamora, as do sur que, a fan con Portugal pola “raia seca” ou as do Cordal Central que separan a cunca do Miño das demais cuncas atlánticas. Outras serras, que teñen, sobre todo, un sentido de insularidade ao estaren rodeadas de terras baixas ás que lles serven de referencia e horizonte, serían as de San Mamede e Manzaneda, no sur, e as do Xistral ou Cadramón no norte. En todas elas, o poboamento humano rarea, e nas súas soidades emerxe o tempo cósmico de Otero nos penedos espidos de xisto, granito ou seixo que as dominan. Son aínda terras de pasto para o gando bravo, onde as mandas de cabalos seguen a ser as donas destas alturas, acompañadas, ás veces, polas de cervos e cabuxas. As árbores medran con dificultade nas zonas máis abertas, onde o frío e o vento impoñen a súa lei, pero ao abeiro delas, poden xurdir repoboacións de novas coníferas que, lentamente, van reducindo a rexa monotonía das matogueiras de altura. A paisaxe galega de ningunha maneira se pode considerar como unha foto fixa, conxelada no tempo. Como se tentou amosar nesta rápida ollada, foi o resultado dun longo proceso en que se superpuxeron os diferentes tempos que a configuran, cada un co seu ritmo, e cada un deixando as súas particulares pegadas. Algunhas, coma as rochas, chegadas desde hai millóns de anos, pódense considerar case como estábeis se as miramos coa relatividade da escala humana, mentres que outras, como é o caso dos piñeiros, teñen Galicia, o sorriso de Daniel 72


Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.