Estudios de Comunicación N.º 0 (2001)

Page 202

As infraestructuras…

O que sen dúbida será por moito tempo un dos expoñentes do valor da aposta de Galicia polas novas tecnoloxías é a Autoestrada Galega da Información, unha das tres primeiras redes deste tipo no mundo, xunto con Carolina do Norte e Hong Kong. Unha vez máis, soportada pola infraestructura da rede de reemisores da Radio Televisión de Galicia, fíxose a primeira experiencia coñecida de utilizar tramos de radioenlace dixitais con tramos de fibra óptica, para enlazar a velocidades de autoestrada da información (máis de 2 Mb; no caso galego eran 151 Mb en moitos tramos e, noutros, 34 Mb) os sete campus das universidades galegas cos principais hospitais e centros de investigación, co Centro de Supercomputación galego e coa Xunta de Galicia. Foi unha demostración do que se pode facer, das posibilidades ocultas que se atopan se se buscan, e unha oportunidade ó servicio dos investigadores galegos que ha de posibilitar moitos novos logros e proxectos. Hoxe, tódalas redes e os servicios que posibilitan agrúpanse baixo as siglas da empresa RETEGAL, Redes Galegas de Telecomunicación, de titularidade pública, que abrangue os servicios de difusión da Radio e da Televisión Galegas, ó tempo que soporta a Rede Trunking e a Autoestrada Galega da Información, e constitúe a ferramenta ó servicio do goberno de Galicia para desenvolve-los novos proxectos dentro xa da sociedade da información na que estamos a entrar a gran velocidade e na que, por suposto, Galicia conta con vantaxes inmellorables, como o Centro Multimedia -un centro de recente constitución que deberá se-lo cerne de xeración de contidos e proxectos que enchan a Autoestrada Galega da Información-, as últimas exposicións do Camiño de Santiago Virtual e Galicia Dixital, áreas de demostración de novas experiencias nestes eidos e de enorme transcendencia para o futuro e a recentemente estreada Lei do Audiovisual de Galicia, que destaca o interese estratéxico do sector do audiovisual e do multimedia. Non se poden esquecer nos últimos anos o despregamento masivo das redes de telefonía móbil que están pasando de ser unha moda dos ricos a un instrumento de traballo e converténdose na actualidade nun xoguete imprescindible para os cativos, sen entrarmos a valora-la problemática suscitada na sociedade polos posibles efectos daniños por mor das radiacións que emiten as antenas. Pero en todo caso, este sistema de telefonía estende a súa presencia cada vez máis lonxe e por tódalas partes atopámo-las súas torres de comunicación que, a modo de sentinelas, sinalan a presencia da nova sociedade comunicada. En Galicia as redes de Telefonía móbil de Telefónica, de Airtel, e ultimamente de Amena, compiten por chegar máis lonxe e por concita-las preferencias dos modernos consumidores de comunicación. ES TUDIOS DE C OMUNICACIÓN. 2 0 2


Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.