2 minute read

Arca acollerá a residencia de maiores e o centro de día, con 30 prazas cada un

2,7 millóns para a residencia e o centro de día

Avanzan os proxectos para dotar o municipio do Pino de dous equipamentos destinados a mellorar a calidade de vida da veciñanza: unha residencia e un centro de día para as persoas maiores. Estas actuacións suporán un investimento de 2,69 millóns de euros, dos que o Concello de O Pino aportará preto de 900.000 euros de fondos propios e solicitoulle á Xunta de Galicia un financiamento de 1,8 millóns.

Advertisement

Os dous edificios que albergarán a residencia e o centro de día construiranse na parroquia de Arca, en parcelas de propiedade municipal, e supoñen, en conxunto, preto de 1.700 metros cadrados útiles. Terán 30 prazas cada un deles. O alcalde do Pino salienta que os dous proxectos “permitirán cubrir as necesidades que temos de atención ás persoas maiores na actualidade e tamén nos vindeiros anos” . Tendo en conta que o prazo de execución das obras é dun ano, Manuel Taboada agarda que estean en funcionamento en 2023. A residencia de maiores está proxectada nun edificio de dous andares e contará en total con 18 dormitorios individuais e 6 dobres, comedor, lavandaría e despachos, entre outros espazos de uso común. O orzamento estimado ascende a 2.040.250 euros, dos que o Concello aportará 840.250 euros. Polo que respecta ao centro de día, o anteproxecto contempla a construcción dun edificio dunha soa planta que contará cun comedor, unha sala de rehabilitación, unha sala polivalente e outros espazos. O orzamento para a súa construción ascende á 651.957 euros, dos que o Concello aportará 51.957 euros.

Chegan os ‘Coidados porta a porta’ con revisións gratuítas de oído e pé

O programa da Xunta de Galicia de prevención da dependencia e asistencia a persoas maiores Coidados porta a porta realizou en setembro a primeira das tres visitas que ten programadas no Pino ata finais de 2023. A unidade móbil instalouse a carón do centro de saúde de Arca para ofrecer atención gratuíta en podoloxía, audioloxía e estimulación da memoria a persoas maiores de 55 anos.

Vinte mil horas ao ano do Servizo de Axuda no Fogar

O departamento de Servizos Sociais xestiona na actualidade un total de 19.668 horas de atención no fogar ás persoas vulnerables do municipio, das que 16.908 horas ao ano corresponden a persoas dependentes e as 2.760 horas anuais restantes son de libre concorrencia. No caso de quen ten recoñecida a dependencia, o financiamento chega tanto do Concello como da Xunta de Galicia, e quen se beneficia deste servizo achega unha cantidade como copago en función da súa capacidade económica. Para os postos de libre concorrencia achegan fondos tanto o Concello coma a Deputación e os usuarios.

This article is from: