Page 1

Título: A merla de trapo Autor: Antón Cortizas Edicións Xerais Colección: Merlín

Inconfundible a prosa de Antón Cortizas chea de colorido, de preciosas metáforas, de símiles e de palabras que nunca foron palabras ata que o autor lles puxo vida na súa “ A merla de trapo” “Tiña o peteiro de raios de sol ben apertadiños, as plumas eran reflexos escuros de lúa nova, os ollos estaban formados por dúas estrelas viaxeiras, as patas eran fíos de risco-da-vella con dedos de pingas de chuvia, e as súas ás estaban feitas de flocos de nubes altas de treboada” “Véxome na necesidade de inventar unha palabra para poder expresar con exactitude o estado de ánimo en que Antonia se atopaba. Estaba invericada… moi invericada, ti xa sabes o que iso significa”

Impresionante tamén a súa maneira de describir as esceas con esa precisión de detalles cheos de maxia e realidade que nos transporta, como espectadores ou actores secundarios, ao medio da escea dun filme de fadas. “Coas tesouras na man abríu as dúas follas da xanela. E dende alí mesmo, apoiada na varanda para non caer, estirou os brazos canto lle daban e recortoulle varios retrincos á noite parda que rodeaba a súa casa e a súa rúa” “Colleu entón a forma de paxaro que xa tiña feito e púxose a forrala con eses retallos de anoitecida;pero axiña comprobou que o fío de algodón non lle servía para coser retallos de pano pardo de anoitecer. O pano pardo descosíase e non conseguía unir unha peza coa outra” Nese instante, a lúa, grande coma unha moeda, apareceu sobre os tellados da cidade. Antonia volveuse asomar á fiestra e cos seus suaves dedos de costureira mañosa, e coas súas inmensas ganas arrincoulle ao luar varias febras de fío fino. Así puido coser o pano pardo de anoitecida cos fíos finos que lle arrincara aos raios da lúa.

As repeticións producen un delicioso efecto rítmico e danlle brillo á historia. E notou que as ás de aromas de mazá de príncipe se espreguizaban coma querendo voar. E notou que o peteiro feito co feixe de melodías da súa boca entreabríase coma querendo dar un chío. E notou que as patiñas de farrapos de brisa estirábanse e encollíanse co xeito…. E non llo notou, pero imaxinou…


A emoción inunda cada recuncho do texto, de tal xeito, que ás veces sintes como se algo che subise pola gorxa e non che deixase respirar… Magnífico texto para levar á aula e disfrutalo cos nenos.

Anton Cortizas  

Resena bibliografica de A merla de trapo

Read more
Read more
Similar to
Popular now
Just for you