Issuu on Google+

Un parto

Hoxe tivemos, por fin, a filla que esperabamos. Sorpréndenme os seus ollos negros, tan abertos, asombrados. Case inquisitivos, como en demanda de explicación. Semella, ademais, que quixese botarse a falar e a camiñar dun momento a outro. Ilusións de amor materno, paterno. O parto resultou estrañamente doado. Foi un alustro de dor, unha presión fonda e rápida no ventre, que apenas me mancou. O doiro veloz dunha feliz liberación, a do peso excesivo e o volume inaxeitado, impropio, inconcibíbel. Unha vez que eu mesmo din aceptado a excepcional modificación da miña anatomía no proceso dos últimos nove meses, hoxe vivo con gozosa naturalidade o acontecemento inevitábel, a conclusión natural dunha anomalía inexplicábel. A nena abre os ollos negros e semella querer preguntar. Eu, o pai que a concibiu, non teño outra resposta que a que debuxa no ar o sorriso da miña felicidade.

11 setembro 2008 Xosé María Álvarez Cáccamo


Un parto