Issuu on Google+


Índice de capítulos 1. Bitácora 2. Poesía 3. A aventura comenzou na Biblioteca (6º de Primaria) 4. A visita ó Museo Massó foinos moi útil (6º de Primaria) 5. E conseguimos un barco o día de Nuestro Señor de 23 de outubro de 2007 (4º de Ed. Infantil) 6. Nun mar terrible e axitado, camiño de Ons, o día de Nuestro Señor de 26 de outubro de 2007 (5º e 6º de Ed. Infantil) 7. Navegando cara as illas Cíes (1º de Primaria) 8. Navegando cara a illa de Ons (2º de Primaria) 9. Nunha longa travesía das Cíes ás Marianas (3º de Primaria) 10. Tras días de navegación, chegamos ó “Triángulo das Bermudas“ (4º de Primaria) 11. E adentrámonos no Triángulo das Bermudas (6º Primaria) 12. Xa de volta, na ría de Vigo, participamos na batalla de Rande (5º de Primaria) 13. Luns, 10 de decembro. De volta ao colexio. 14. Carta de navegación


A bitácora A bitácora é un armario ou caixa de madeira, xeralmente de forma cilíndrica, fixa á cuberta dun barco xunto á roda do temón, e na que vai montada a agulla náutica. Esta agulla ten que permanecer sempre horizontal a pesar dos balances e cabezadas do buque. Por este motivo leva imáns no interior e dúas esferas de ferro no exterior, para que sexa uniforme o campo magnético que rodea a agulla, coa fin de que sempre sinale o norte. Antigamente, cando os barcos carecían de ponte de mando cuberto, adoitábase gardar no interior da bitácora o chamado caderno de bitácora, para preservalo das inclemencias do tempo. O caderno de bitácora é un diario no que o capitán do barco anota todas as incidencias ou sucesos que tiveron lugar durante a travesía: os lugares que visitaron, o tempo que fixo, os problemas que tiveron, os custos da viaxe...


A aventura comenzou no Biblioteca do colexio… Biblioteca

 

A primeiros do outono do 2007, no Colexio San Martiño, emprendemos unha longa travesía de tres meses de duración, polos mares da fantasía e da realidade. Partimos das nosas aulas sen rumbo fixo, mais o compás apuntou á Biblioteca, alí puidemos consultar o camiño a seguir en moitos libros e nos ordenadores. Pasados uns 15 días, cando aínda facía bo tempo, decidimos ir a Bueu a visitar o Museo Massó para consultar as cartas mariñas, compases e diferentes obxectos de navegación que custodia.


Sendo as 9 horas e 30 minutos do día 28 de outubro, por certo, un bonito día de sol, partimos en autobús cara a Bueu, rodeando a península do Morrazo. A primeira parada foi en Vilaboa, nunha conserveira chamada Cabo de Peñas, a verdade é que o nome non é moi lóxico, posto que o Cabo de Peñas está en Asturias. Ao chegar, déronnos un traxe de plástico moi parecido ás batas dos médicos, ¡ah! e un gorro para non ensuciarnos. Despois un guía foinos ensinando todo o proceso de enlatado, dende o limpado do peixe ata estar listo para saír ao mercado.  

Empezamos polo almacén que é onde se gardan as latas. Vimos un robot que as xuntaba; despois de pasar por unha cinta transportadora, outro as empaquetaba, etc.


A continuación fomos á fábrica que é onde se limpa o marisco e o peixe. Puidemos ver o limpado e o enlatado de produtos como: o mexillón, o atún, as sardiñas e os berberechos. Logo, pasamos ao laboratorio que é onde se analizan os produtos. E para rematar a visita déronnos a cada un unha bolsa con latas de conserva: atún, sardiñas, mexillóns e agullas. Marchamos moi contentos, despois de despedirnos dos monitores que nos mostraron a conserveira, un home e unha muller de mediana idade, moi amables e simpáticos.  


A visita ó Museo Massó de Bueu foinos moi útil.    

 

Ás 11 horas e 45 minutos o autobús púxose en marcha; saímos en dirección a Bueu para visitar o Museo Massó. A curta viaxe en autobús foi moi agradable, dende a estrada que vai escalando os montes do Morrazo disfrutamos coa bonita paisaxe. Ao principio, avistamos dende o alto a ría de Vigo, coas súas bateas de mariscos, os diferentes tons de azul do mar, a ponte de Rande, a vista conxunta da cidade de Vigo e ao fondo da ría, aboiando nas augas envoltas en néboa, as Illas Cíes. Dentro do autobús escóitase bastante balbordo, imos moi contentos, a conserveira gustounos moito e saír todos


xuntos de excursión é fantástico. Andando un pouco máis volteamos a península do Morrazo e vemos agora a ría de Pontevedra, que é igual de bonita ou máis.

Pasada unha media hora, chegamos a Bueu. Buscamos o Museo Massó e aparcamos xusto diante. Mais antes de entrar, os nosos estómagos indícannos que é hora de tomar o bocadillo. Nun pequeno xardín próximo descansamos, comemos as nosas merendas e compartimos algunhas chuches.  

O tempo ía pasando e xa era a hora de entrar no Museo.


Descansados e tranquilos, entramos no edificio que antigamente foi unha conserveira. Ao entrar, pasamos a unha pequena sala, onde visionamos un documental sobre o mar e a historia da batalla de Rande que sucedeu na ría de Vigo.  

Despois pasamos a outra sala parecida, unha carpintería onde nos mostraron moitas ferramentas para facer barcos. Tamén vimos diferentes embarcacións para a pesca e moitos aparellos coma: nasas, patelas… Unha das cousas que máis nos chamaron a atención foron os arpóns de pescar baleas, que eran dun tamaño moi grande.


Por último, subimos a unha sala na parte de arriba; estaba bastante escura, logo soubemos que era porque nela había manuscritos moi antigos, incluso algún incunable, estes documentos non os pode ver a luz natural porque lles borra a tinta. Tamén había algunhas cartas mariñas, diferentes compases para orientarse e maquetas de barcos, case todos de guerra, pero moi bonitos. Esta visita foi de grande interese para a aventura que dentro de pouco tempo iamos emprender.  


Saímos do Museo Massó co tempo xusto par ir a ver un antigo estaleiro. Antes pasamos polo peirao, onde había unha pequena pasarela que se adentraba no mar, dende a cal un guía nos ía dicindo os diferentes nomes das embarcacións que estaban amarradas: chalanas, gamelas, botes, barcos de baixura… A pasarela movíase e algún estivo a punto de caer e darse un bo baño.  

As ondas do mar mainiñas ruxían suavemente e convidaban a que fosemos con elas a dentro do océano, ao lugar onde elas nacen, e nós estabamos dispostos a seguilas.


Continuamos o camiño pola beiramar detrás do guía ata o estaleiro case en ruínas. Alí estaba esquecido un vello barco bastante enferruxado, pero como tiñamos moitas ganas de vivir grandes aventuras… sen pensalo dúas veces botámolo ao mar, izamos a bandeira pirata e marchamos a recorrer os “océanos do mundo”.  


… e conseguimos un barco o día de Nuestro Señor de 23 de outubro de 2007…

 

Bueu

 

Aínda que somos de infantil, e só temos

tres

anos,

conseguimos

un

barco

no

estaleiro de Purro e lanzámonos ao mar.

Moitos animais nos acompañaron. 


… nun mar terrible e axitado, camiño de Ons, o día de Nuestro Señor de 26 de outubro de 2007…        

     


Navegando cara ás illas Cíes…


…navegando cara a illa de Ons…

Illa de Ons


…nunha longa travesía das Cíes ás Marianas…  

 


Tras días de navegación, chegamos ó “Triángulo das Bermudas”.

Mentres os de 3º durmían, fixémonos co barco e, subindo o submarino á nave, puxemos rumbo as illas de Xava e Sumatra. Decidimos baixar por turnos ás profundidades do mar e vimos un montón de curiosidades mariñas que gravamos coas nosas cámaras. Avistamos unha sepia xigante que nos atrapou cun dos seus tentáculos, lanzándonos polo aire ata o cráter do volcán KraKatoa. Ó entrar dentro do cráter produciuse unha gran explosión que se escoitou a 5.000 Km de


distancia. ¡Foi o maior ruído escoitado na Terra! Como puidemos, regresamos ó barco e a onda producida levounos á Badía de Saint Michel, en Francia. Seguimos, xa máis tranquilos, a nosa travesía e visitamos a praia das Catedrais. Continuando o noso percorrido decidimos atravesar o Océano Atlántico, onde tivemos algún que outro percance co noso barco debido ó mal tempo que atopamos. Como grandes navegantes decidimos non asustarnos cos mitos que escoitamos do Triángulo das Bermudas e fomos directamente cara alí para vivir novas aventuras.    


…e adentrámonos no “Triángulo das Bermudas”.  

   

 

O Sol brillaba no alto cando nos adentramos no triángulo das Bermudas, pero canto máis iamos avanzando o tempo empeoraba rapidamente. Os compases deixaron de funcionar e pronto fomos engulidos por unha espesa néboa. Entre a bruma puidemos ver unha estraña figura nunha rocha e quedamos abraiados. ¿Que sería aquilo…? Seguimos o noso camiño, pero algo aconteceu: ¡rapaces doutros cursos empezaron a desaparecer! Nós tivemos que facernos cargo do barco. ¡Que máis podía pasar! De


súpeto, o mar volveuse calmo. Volveu a claridade e o sol, e co catalexo divisamos unha illa que non estaba no mapa, e atracamos nela. Agardábanos unha grande sorpresa, os nosos compañeiros desaparecidos estaban alí. Montamos o noso campamento, buscamos provisións todo o día e pola noite deitámonos a ver as estrelas. Unha fermosa aurora boreal apareceu no ceo e, a continuación, uns ruídos que non puidemos identificar. Parecía algo grande porque se debía de escoitar a quilómetros de distancia por toda a illa. Decidimos saír a investigar. O primeiro sitio onde fomos foi a cala onde atracaramos. Ao chegar, en lugar de atopar o noso barco, o que encontramos foron anacos de madeira e ferros por toda a praia. Cando estabamos mirando abraiados os restos do noso navío, o ceo volveuse a iluminar. Unha onda xigantesca arrastrounos mar adentro e pechamos os ollos. Ao abrilos apareceu un barco moi estraño cunha tripulación aínda máis rara: ¡parecían esqueletos vestidos de piratas!


Decatámonos de que nos querían axudar e subimos a bordo da súa nave. Nese mesmo instante apareceu un monstro, cunha aparencia entre golfiño, cangrexo e polbo, que non viña só, senón que axudado polas súas crías, nos atacaron violentamente. Os tripulantes do barco deixáronnos as súas armas mentres eles disparaban cos seus canóns. Empezamos unha feroz loita contra os monstros, que parecían invencibles. Entón, o capitán do barco, quen parecía ter un forte e grande esqueleto, colleu a enorme áncora da nave e con todas as súas forzas lanzoulla á cabeza do monstro. Co golpe, abriulle unha grande ferida da que cichaba pus coma dunha fonte. O pus chapicou ás súas crías e ós estraños tripulantes do barco, que eran moi sensibles a este líquido, e fixo que todos se desintegrasen. Agora, o barco xa era noso, pero aínda non acabara todo; un remuíño atopounos, e iamos ser mergullados, cando tivemos unha idea: ¡Remar contra corrente! Remamos canto puidemos pero resultou inútil, fomos


arrastrados ata unha cova submarina na que había barcos de todas as épocas: galeóns, barcos viquingos, mercantes, transatlánticos… ¡e tamén había restos de ósos que parecían humanos! Alí reinaba un silencio total, e tras avanzar un pouco puidemos ver cofres pechados con candados. Dun esqueleto colgaba un grande chaveiro con grandes chaves de metal. Esperamos o momento oportuno e, sen facer ruído, quitámoslle o chaveiro. Buscamos entre os barcos algún que estivera en bo estado, e atopamos un galeón no que colocamos como puidemos todos os cofres. Foi un duro traballo, porque pesaban moito. E xa cargados de tesouros, puxemos rumbo a Galicia.             


Xa de volta, na ría de Vigo, participamos na Batalla de Rande

Os de 5º tomamos o mando na ponte do galeón. Aínda non sairamos do Triángulo das Bermudas e parecía que todo marchaba ben, cando de súpeto empezaron a soar voces descoñecidas. ¿Que estaría pasando? Todos quedamos coa respiración contida e, de seguido, decatámonos de que o que pasaba era que todo se trocara outra vez xa que, como sabedes, no Triángulo hai moito misterio, moita traxedia e moita maxia.


Nós seguiamos sendo os mesmos; alí estabamos todos os nenos e nenas do colexio San Martiño, pero o galeón no que navegabamos resultou ser un dos que participou na “Batalla de Rande”. Botamos unhas olladas a babor e a estribor e comprobamos con sorpresa que, xunto ao noso, navegaban o resto dos galeóns que tomaron parte naquela batalla. Fixámonos ben, e alí, a pouca distancia, podíase divisar a nave capitana, chamada “Xesús, María e Xosé”, na que se atopaba o almirante Don Manuel Velasco Tejada, que era o mando superior da flota española e o encargado de guiarnos ata a península. A flota ía fuxindo dos piratas, que naqueles tempos peneiraban os mares na pescuda de galeóns como os nosos, cargados de tesouros. O destino inicial da flota era a cidade de Cádiz, pero ao chegar as illas Azores avisáronnos de que unha armada con barcos ingleses e holandeses estaba alí preparada para atacarnos. Entón, os nosos almirantes decidiron poñer rumbo ao porto de Vigo, cousa que a nós


convíñanos moito, pois desembarcariamos máis cerca das nosas casas. Xa preto das costas galegas, informáronnos de que a flota inimiga atopábase agochada nun punto descoñecido do Atlántico, ata saber realmente cal era o noso destino. Como estabamos moi cansos e case sen auga e sen comida, os mandos decidiron entrar na ría de Vigo. O día 22 de setembro, os galeóns chegaron á illa de San Simón, e nós con eles, pero non podiamos abandonar a nave porque estabamos presos daquel fenómeno que acontecera no Triángulo das Bermudas. Entón soubemos que a flota inglesa acercábase pola entrada da ría. Os nosos mandos decidiron poñer a salvo o “Tesouro Real” para que continuase a viaxe por terra, mentres que o resto dos tesouros ficaron nos galeóns. O 23 de outubro empezou o inferno: canonazos, explosións, berros... A pesar de que os nosos mariñeiros loitaron con valentía ata o final da batalla, a superioridade da armada inimiga levounos á vitoria e


fixéronse donos do botín, os nosos galeóns, que foron remolcados cara o océano. Nós estabamos realmente asustados e tremiamos só con pensar que alí, nun daqueles galeóns, iamos nós cara un lugar descoñecido. Cando estabamos saíndo fora da ría, despois de ter deixado atrás as illas Cíes, de súpeto, houbo un gran estoupido e o noso galeón fendeu pola metade. Os ingleses decidiron deixar atrás ese lastre e o barco empezou a afundirse lentamente. Xa nos viamos no fondo do mar cando, de súpeto, algo parecido a un remuíño de vento e auga nos tragou. Cando quixemos acordar, atopámonos nunha illa descoñecida. Alí estabamos todos, os nenos e nenas do colexio e tamén os mestres e mestras. E, medio soterrado na area, este cofre repleto de ouro, prata, pedras preciosas e fermosos libros que nos contan “a vida no mar”, “batallas navais”, “historias de piratas”...  


Luns , 10 de decembro. De volta ao colexio… Hoxe, a nosa aventureira travesía polos mares da fantasía chegou ao seu destino. Xa sabedes que neste caderno de bitácora, cóntanse cousas que pasaron na realidade e outras que non son de todo certas. Os nosos traballos sobre o tema do mar están rematados. Aquí están para que os consultedes e vexades. Agora imos facer a súa presentación no salón de actos do colexio. Cada curso amosará o seu traballo ao resto dos compañeiros. Así foi como fixemos: Educación Infantil de 3 anos:      

 

     

“No mar”, é un libro de imaxes de diferentes especies mariñas, nas que os nenos empregaron todas as técnicas plásticas que coñecen: collage, pintura a dedos, ceras…


Educación Infantil de 4-5 anos.

Conta a lenda que noutro tempo houbo un animal chamado a hidra de sete cabezas e contan os nenos de infantil no seu libro móbil o que sucede con cada unha das cabezas deste monstro.

1º de Primaria

Todo canto queiramos saber e máis sobre os golfiños está no libro que elaboraron os de 1º: a súa información foi moi interesante e aportounos datos curiosos.


2º de Primaria.

Grazas aos nenos de 2º xa coñecemos o que lle pasa ao salmón ao longo da súa curta vida, que chaman “o ciclo do salmón”. Foi moi interesante todo o que recolleron no seu mural.

3º de Primaria                  

En  3º fixeron unha viaxe a través dos océanos e atopáronse con moitas criaturas mariñas: os baleas, as medusas, cabalos de mar… atrapáronas neste traballo e   agora todos as podemos ver.


4º de Primaria.                

En “Curiosidades mariñas” faláronnos os de 4º sobre as mareas, maremotos, tsunamis, volcáns mariños e outros fenómenos; incluso algúns tan misteriosos coma o Triángulo das Bermudas.

5º de Primaria.                

A Batalla de Rande foi un evento para nós pouco coñecido ata que os nenos de 5º nos explicaron cales foron as circunstancias que levaron a este enfrontamento en época de Filipe V e en plena Ría de Vigo.


6º de Primaria

Os maiores do Colexio realizaron unha presentación en PowerPoint na que nos relataron a historia da navegación, dende as simples balsas e piraguas ata os sofisticados submarinos.

Inglés

Na aula de inglés elaboraron un vocabulario en imaxes sobre o mar e incluso un conto que titularon “Nadando na marea da fantasía”.


Mentres durou esta travesía, aproveitamos para decorar o colexio co tema do mar, facendo no vestíbulo un fondo mariño cos nosos debuxos.  

Unha exposición dedicada a diferentes obxectos do mar e a aparellos de pesca: cunchas, rizóns, un sonar, nasas, toletes, redes…e ata un traxe de buzo.  

E como cadrou co Nadal, ata os Reis Magos viñeron montados en golfiños, celebrando así un Nadal mariño no que as ovellas do Belén trocáronse en peixes multicolores e as nubes do ceo en redes de mariñeiros.


Dado que os traballos que elaboramos son para nós verdadeiros tesouros, decidimos gardalos todos xuntos nun cofre, pero como é sabido os cofres adoitan estar soterrados nas illas; así pois en San Martiño construímos una illa para os nosos traballos á que bautizamos como a Illa dos Tesouros.


Por último, estes traballos, que xa son libros feitos por nós, pasarán agora a formar parte dos fondos da Biblioteca. Voltarán ao lugar onde naceron, con seus pais, os outros libros que lles deron a vida, e así, entre todos ampliar a Biblioteca.  

           



A illa dos tesouros