Issuu on Google+

LENDAS E CONTOS DE PONTEAREAS


Hai moitísimos anos nunha aldea chamada San Mateo vivía un trasno que cada ano polo Samaín baixaba e deixaba un olivo nas portas de cada casa xunto cunha cabaza e un saco de lambetadas. Dende aquela a vila pasou a chamarse San Mateo de Oliveira. Isto facíao o trasno para traer un pouco de ledicia ás casas das aldeas nunha época donde escaseaban os doces pero abondaban as boas intencións e o amor. Leire Faya Pereira


A lenda da Bruxa Moura Contan os avós máis vellos que nos Montes do Galleiro vivía a bruxa moura e todas as noites do Samaín saía da súa cova secreta para pasear coa súa vasoira por diante da lúa, remexía na súa pota os conxuros máxicos e todos os animaliños que bebían da poción máxica se convertían en figuras de ouro que despois levaba para a súa cova secreta. Din os avós que todas as noites do Samaín con lúa chea pode verse a entrada da cova secreta da bruxa moura. Andrés Presa Rodríguez


O bautizo prenatal Arredor da Ponte das Partidas, na parroquia de Moreira, existe unha lenda que asegura que foi construída polos mouros (os personaxes tan típicos da mitoloxía galega) nunha soa noite, e outra que di que os mouros (os que loitaban contra os cristiáns) non a podían atravesar e que caían ao río cando chegaban ao medio. Pero nesta ponte, faise tamén un vello rito, o do «bautismo prenatal», que seguen as mulleres embarazadas que, por algunha razón, corren o risco de perder ao bebé que levan dentro. Non consiste máis que en facer o bautizo do neno non-nado durante o embarazo. En Moreira estivo tan estendido noutro tempo que incluso hai quen a chama «Ponte das Paridas» por mor deste vello rito. Consiste, máis ou menos, no seguinte: A muller embarazada, en compaña de algúns amigos ou familiares, deberá acudir á ponte pouco antes da medianoite, levando todo tipo de viandas como se naquel punto se fose celebrar un bautizo normal: comida en abundancia, viño, pan... Ao chegar á ponte, a muller entrará nela ata a metade, portando un caldeiro pequeno e una corda que chegue ata o río, e ficará alí, no medio, esperando. Os seus acompañantes deberán permanecer en cada unha das entradas da ponte impedindo por tódolos medios que ninguén a cruce. A calquera persoa ou animal que intente atravesala, deberán impedirllo, xa que iso suporía un risco de que o neno non nacese ben e trouxese canda el algún tipo de enfermidade. Estes «gardas» da ponte deberán convencer á persoa que pretenda cruzar de que participe no rito ou espere ata que este se faga.


Cando alguén acepte participar no «bautizo prenatal, deberá subir canda á muller, ao medio da ponte. Unha vez alí, co caldeiro e coa corda, deberá recoller un pouco de auga do río. Con esta auga, deixándoa esvarar polo ventre da muller, o home deberá repetir as mesmas palabras que o cura diría nun bautizo eclesiástico habitual. Unha vez feito este rito do bautizo, queda a celebración. Todos deberán xuntarse á beira do río e dar cumprida conta da comida que levaron da casa: o xamón, o queixo, a mel, o viño... Unha vez rematada a celebración, deberán volver ao medio da ponte e, dende alí, tirar á auga todo o que sobre, para que tamén o río participe da celebración. Seica non pode volver absolutamente nada para a casa, nin o mantel, nin os vasos, nin os garfos, nin restos da comida... ¡Nada! É o tributo que se lle paga ao río por permitir o bo nacemento do neno. Hugo Pino Lorenzo


Lenda do Remuíño da Croa O Remuíño da Croa está situado nos arredores da vila, na ribeira do río Tea. Alí, baixo as augas escuras e profundas do río era onde os mouros escondían o ouro e os tesouros que roubaban ás xentes da parroquia. Eles eran os únicos que podían entrar nesas augas xa que o resto das persoas se entraban xa non saían con vida. Os mouros aproveitaban esa situación para meterlle o medo no corpo ao resto dos habitantes, facéndose así, moi poderosos e ricos. Emma Rodríguez Pedreira


Era a nosa primeira excursión. Os aventureiros do cole de Pías estábamos no Castro de Troña e… perdémonos. Pasaron horas e horas, chegou a noite, unha noite moi escura e nós seguiamos a camiñar. De súpeto, ao lonxe escoitamos: Auuuuu! Comezamos a andar máis á presa, paramos un chisco para coller folgos, e oimos de novo, agora máis preto: Auuuu! Botamos a correr. Xa estabamos cansos cando…: Auuuuu! Soou detrás de nós. Todos xuntiños berramos, mortos de medo: - Socorro, que nos papa o lobo!! Nese intre, unha voz coñecida díxonos: - Non teñades medo que son eu, o profe David. Era a miña broma do Samaín. Elian Melón Luque


Esta é unha historia que pasou hai sesenta anos o día 1 de novembro. Fálanos de Manolo do Campanillas que viña de Ponteareas para a súa casa en Ganade. Eran sobre as oito da tarde, xa era noite, e ao pasar o río Xinzo, na Fox, sinte un ruído coma se fosen unhas cadeas arrastro. De súpeto, mira para a súa dereita e ve unhas siluetas brancas con cadeas colgando. O pobre Manolo do Campanillas ao ver semellante cousa, o que fixo foi botar a correr, tanto como as pernas lle daban, chegando a casa nun santiamén. Cando llo contou aos seus pais, botáronse a rir e explicáronlle que o que vira era a Santa Compaña. África Paz Novas


A lenda da meiga do Samaín Contan os vellos do lugar, que existen uns túneles en Lira que percorren as entrañas da nosa aldea. Nestes túneles din que habita unha meiga, a meiga Tarambainas, rodeada de morcegos, ratas, serpes e alimañas. Para desfacer a escuridade e crear un mundo de penumbras acende unha candea dentro de cabazas. Tamén ten un gran pote onde, ademais de cociñar, crea as súas apócemas secretas cos conxuros que garda nun antigo libro de feitizos. Neste lúgubre ambiente, pasa todo o ano vagando polos escuros pasadizos, vixiando a todos os nenos e nenas do lugar. Fíxase naqueles que se portan mal, que non comen todo ou que non son obedientes, e vai facendo unha lista, ás veces moi moi longa. Na noite do Samaín, a meiga, invoca os espíritos dos mortos, e dálles a súa lista, para que cando comecen a súa procesión pola aldea, vaian collendo os rapaces malos e os leven para os seus calabozos. Algúns din que si se lles deixa unhas castañas e unha cunca de viño, as ánimas non se levan o pequeno. Outros falan de deixarlle en troco un boneco para enganalos e que pensen que levan o meniño. O certo é que algúns van e outros quedan. Os que van para os calabozos teñen que convivir cunha nube de morcegos roldando polas súas cacholas e ter coidado coas ratas que corretean polo chan. Ao día seguinte a meiga antes de botalos ás alimañas, pregúntalles se van a ser bos o vindeiro ano, e a todos os que lle prometen portarse ben, déixaos saír por un burato que abre ao lado dun cruceiro nos lindes entre o Bugallal e o Pouso.


Pero antes de deixalos ir, e diante deles, fai un meigallo, co seu pote ao lume, onde mete linguas de serpes, ollos de sapo, unha vexiga de porco, os restos do viño vello e un puñado de pos máxicos. Con este meigallo pode ver o que fan todos os nenos e nenas e así saber se cumpren a súa promesa. Despois deixa que se vaian e desaparece nos seus túneles para seguir atenta a que todos os nenos se porten ben, esperando a seguinte noite do Samaín. A todos os nenos que se portan ben agasállaos cunha morea de lambonadas. Noa Álvarez Pino


Segundo os nosos maiores, nesta vila hai moitos anos aconteceu algo moi peculiar. Unha señora tiña o costume de pasar pola igrexa de noite. Aquela noite, coma sempre, estaba facendo o seu camiño cando de súpeto os cans empezaron a ouvear, ela xirou a cabeza e atopouse a carón dun cruceiro, por onde estaba a pasar unha procesión de xente toda vestida de negro e portando candeas. Diante de todo había unha persoa que levaba unha cruz e, quedou abraiada ao decatarse de que todos dicían o mesmo: o seu nome, agás un, que lle dixo que fixese un círculo e se metese dentro e así evitaría ter que ir con eles. A muller fixo o que lle dixo e, do medo que pasou, xamais na súa vida pasou de noite por ese lugar. Brais Basconcello Castro


A vella do gancho Contan os vellos do lugar que hai moitos, moitos anos, nunha pequena vila chamada Padróns un suceso misterioso puxo a todos os nenos en perigo. En Padróns había moitos nenos e nenas e estes acostumaban a xogar todos xuntos nas eiras e no monte, libremente, xa que Padróns era unha vila moi tranquila e segura. De súpeto algo moi estraño rematou coa tranquilidade da vila… os nenos desaparecían! Dia tras día algún neno que saía da casa non voltaba, os pais buscábanos sen descanso de noite e de día, pero era como se a terra os comese… ninguén volvía a saber nada deles. Os veciños de Padróns estaban desesperados, non comprendían que pasaba e decidiron reunirse para buscar unha solución: -

Onde están os nenos?

-

Que podemos facer! Onde estará o meu Ramón?

-

Alguén os levou! Pobre Manola!

-

Eu sei onde están – dixo unha delas - . Levounos a vella do gancho.

Todos os veciños quedaron abraiados ante o que Dona María acababa de dicir. Dona María era a muller máis vella e máis sabia do lugar. Nin ela mesma lembraba xa cando nacera.


-

Sendo eu unha nena estaba xogando con todos os nenos da vila no río e vimos vir a unha vella. Achegóusenos e dixo que nos convidaba a castañas, pero era unha vella moi fea polo que nos asustamos e botamos a correr. A vella tentou correr tras nosa, pero o destino fixo que caese no río. Nós tentamos sacala cun gancho, pero non puidemos e a vella quedou atrapada no río co gancho. Dende entón síntese soa, e sempre que pode atrapa aos nenos co seu gancho e lévaos ás profundidades.

Os veciños ficaron asombrados ante tal historia e tentaron buscar unha solución para sacar aos nenos do fondo do río. Decidiron facer un boneco ao que vestiron con roupa de neno e lle ataron unha corda moi grosa cun gancho na punta. Silenciosamente deixaron o boneco á beira do río e agarráronse todos á corda. A vella saíu co gancho e colleu ao boneco, quedando ela presa. Os veciños puxaron e puxaron ata que lograron sacar o saco no que estaban os nenos. Deixaron o saco na terra e todos a unha soltaron a corda de súpeto para que a vella volvera soa ao río. Unha, dúas e tres!!! Cachaploof!!!! A vella do gancho caeu no río de cu e pouco a pouco foi baixando ao fondo. Os veciños abriron o saco e alí estaban todos os nenos e nenas sans e salvos! Fixeron unha gran festa de celebración, bailaron, cantaron, comeron castañas e escoitaron os contos de Dona María. Ninguén soubo máis da vella, uns din que marchou e outros que está durmida. Pero o que todos os nenos saben é que non se poden acercar sós á beira do río para que non os leve a vella do gancho. Daniela Pequeño Candeira


Lendas e contos de ponteareas