Page 1

BÚSOLA NÚMERO 5. ANO 2011

Ciencia / Fotografía / Banda Deseñada / Fetiches / Coordenadas / Poesía / Ilustración / Narrativa

1


2


CONTIDOS

8 / Fotografía Estela Insúa

NÚMERO 5. ANO 2011

14 / Arte e Cerebro Casto Rivadulla

20 / Vinte títulos para unha Historia Eduardo Maroño

a deriva 30 / Banda deseñada Kike Benlloch Yago García Rodríguez

35 / Cultura galega ‘00: a década cambiante

Ines Liste

50 / Narrativa Ledicia Costas

e ademáis...

poesia 52 / Poesía

Miguel A. Alonso

56 / Ilustración II Certame Ilustración “Sociedad Valle del Oro”

fetiche coords

19

48

3


BUSOLA nº 5 proxecto Búsola www.busola.net Dirección: Suso Rubio Deseño: Miguel Alonso Lingua: Isaac Ferreira Web: Patricia Saco patriciasaco@utopia.com Deseño de Capa: Javier Ramírez Edita Casa da Cultura do Concello do Valadouro. Rúa Feira Nova 1. Ferreira do Valadouro. CP. 27770 LUGO Tfno. 982 571 516 Fax 982 574 036

DL: LU-332-05 ISSN: 1886-6131 Impresión Tórculo Artes Gráficas S.A.

4


EDITORIAL VOCACIÓN novos autores e as súas obras, revista de autores aínda que iso condicione a estrutura convencional, información sobre os creadores, perfís e identificación das súas obras, autores en fase de evolución, con claros marcadores de calidade, impacto, innovación… futuro ÁMBITO a cultura galega, toda a produción, movemento e intercambios de autores a axentes culturais en Galicia, entendida esta como unha entidade universal aberta a influencias, receptores da cultura global e exportadores dunha personalidade propia na maneira de ver o mundo e de contar historias. PROXECTO Máis que unha revista, un proxecto integral para promover, detectar e captar os protagonistas dos nosos contidos, unha plataforma, distribuidora das obras e un xerador de eventos e información. Edición, Premios, Exposicións, Xornadas, Ideas. REFORMULAMOS a cultura, diversificando conceptos, reiventando preconceptos, integrando ámbitos da sociedade non usuais na enunciación clásica. Ciencia, Tecnoloxía, Movementos Sociais, Deseño Dixital… explorando novos formatos de expresión e actuación empregando soportes tradicionais e de vangarda. FINAL DE CICLO unha época fascinante na cultura e na sociedade de información mesturouse cunha economía decadente que inflúe nos financiamentos públicos. Búsola, de 6 números saídos do prelo, só recibiu unha vez apoio público, á marxe do Concello do Valadouro, que soportou toda a carga orzamentaria nun compromiso absoluto coa evolución do proxecto, coa súa liberdade creativa e cos beneficios externos, difícil de xustificar dende unha perspectiva municipal. A realidade financeira contrasta paradoxicamente cunha etapa prolífica e creativa no chamado tecido informativo e cultural galego, sobrepoñéndose á desaparición de cabeceiras e medios que siginifica menos cobertura á actividade socio-cultural en Galicia. Na medida en que poidamos debemos contribuír en continuar estimulando, detectar e retribuir na medida do seu traballo, aos axentes desa actividade. Temos que manter as nosas vías de edición e mesmo melloralas servindo de ponte entre autores e destinatarios e aproveitando ese fluxo para xerar un digno e imprescindible financiamento.

5


COLABORADORES Estela Insúa fotográfa

Casto Rivadulla científico

Eduardo Maroño banda deseñada

Nacín en Oviedo, aínda que, despois duns cantos destinos, entre eles Fene (A Coruña), a miña familia itinerante e mais eu nos instalamos en Madrid. Estudei Traducción e Interpretación en Aranjuez, e nos últimos anos de carreira decidín facer o ciclo de Fotografía Artística na Escuela de Arte Nr.10 de Madrid. Para facer o proxecto de final de Ciclo, decidín virme para Viveiro, territorio de miña avoa e onde sempre veraneáramos. E desde aquela aquí estou, un pouco dacabalo entre A Mariña e Madrid. Vinme dedicando a diferentes traballos, sempre con algunha tradución entremedias. Apaixónanme as linguas, o ensino, a arte. De todo se aprende e todo ten o seu lado bo, mais agora quero dedicarme ao mundo das imaxes. Interésanme moito os procesos fotográficos antigos e as súas aplicacións, de maneira que niso estou. Deámoslle tempo ao tempo; aínda que, por estes lares, o tempo corre que se mata.

Nado na Pobra do Caramiñal no ano 1969. Licenciado en Bioloxía no 92, doutor pola Universidade de Santiago no 96, bolseiro Fullbright no MIT do 98 ao 2000. Profesor de fisioloxía e membro do grupo NEUROcom na Universidade da Coruña dende o 2000. Interesado en entender como funciona a parte do cerebro dedicada ao sistema visual. As miñas liñas de investigación abertas van dende o efecto dos cannabinoides na resposta das neuronas, ata os mecanismos neuronais que se poñen en marcha para dicirnos que o que buscabamos está “alí”, ou como se regula o fluxo de sangue no cerebro en función da actividade. Con resultados publicados nalgunhas das mellores revistas científicas como Nature ou Journal of Neuroscience. Como divulgador, son membro fundador da Asociación galega de comunicación científica, e participo en actividades de divulgación relacionadas co sistema nervioso dende hai varios anos. Responsable da semana da neurociencia na Domus, celebrada en colaboración cos museos científicos coruñeses no ámbito da semana mundial do cerebro. 2º premio no IV Certamen “Teresa Pinillos” de divulgación científica y humanística, Ensaya’08 . Un dos creadores, organizadores, participantes dos cafés teatro científicos, unha das actividades de divulgación científica con máis éxito e repercusión dos últimos anos.

Naceu na Coruña en 1974. Con estudos de Dereito e Pedagoxía, toda a súa vida profesional está vencellada ao ensino. Dende 2005 escribe sobre cómic no seu blogue, www.unollodevidro.blogspot.com. Para culturagalega.org elabora a columna “Paisaxes de papel”, un percorrido polo mundo da man da banda deseñada. Tamén colabora coa revista dixital Ábrete Libro. Debido a unha intensa vida familiar e laboral só le entre 6 e 7 da mañá.

6

Kike Benlloch Yago García Rodríguez banda deseñada


Ines Liste escritora /

Inés Liste, nada en Oroso no ano 79, lembra un caderno vermello que encheu de contos mentres pasaba o sarampelo na cama. Continuou deitando palabras por gusto no blogue Beliscos Pequenos, colaborou na revista dixital Sono-Tone e escribiu artigos para o xornal electrónico Galiciaé. Na Regueifa Plataforma pódense descargar textos seus coma 28 ou Tería que drogarme, ademais de Proxecto Identidade, unha obra colectiva na que os autores eran integrantes da rede galega de blogues. Máis adiante gaña o VII Certame de microrrelatos da Lonxa Literaria de Moaña cun relato que logo aparecería en Dorna.

III Certame Ilustración “Sociedad Valle del Oro”

Ledicia Costas

Miguel A. Alonso

Nacín en Vigo alá polo 1979, cando o verán estaba a piques de morrer. Escribo desde que teño memoria. Poesía, relato, novela, palabras, palabras, palabras. En plena adolescencia parín Unha estrela no vento, novela que Edicións Xerais publicou no 2000. Logo viñeron outros textos (como a novela Mortos de Ningures, Everest 2011), publicacións colectivas, videocreación, a necesidade de recitar. A día de hoxe síntome poeta con alma de equilibrista, porque recito nos lugares máis propicios á caída: no autobús, no supermercado, na perruquería, en tendas de conxelados… E debe ser por iso que formo parte do colectivo Poetas da Hostia. Actualmente son tesoureira de Gálix (Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil) e Community manager da mesma institución.

Dende que espertei formo parte do colectivo A PORTA VERDE DO SÉTIMO ANDAR, teño participado en diferentes iniciativas culturais en Galicia e Portugal, en recitais propios e alleos. Colaboro coa revista cultural ATENEA, e teño publicado tanto en Galicia como en Madrid. Acadei o 2º premio no certame de relatos CIENCIA QUE CONTA 2010, e fun o coordinador do libro AS VOCES DO PAN, que acollía poemas referentes ao edificio da Panificadora en Vigo. Son unha das nove voces do libro de poesía, “SÉTIMO ANDAR, POESÍA ALÉN” considerado por fervenzas literarias o 3º mellor libro de poesía do ano 2010, cousa que non sei se é verdade pero é fermoso. Actualmente traballo xunto cos meus compañeiros e amigos na realización dos cadernos “Q de Vian”; preparo a saída do meu primeiro libro de poemas infantís “O CULLARAPO CROQUE”,e unha Antoloxía poética da Porta Verde. e como dicía Celso Emilio: “Mentras imos andando...”

escritora

escritor

7


estela insĂşa

8


úa

9


10


11


12


13


a arte vista dende o cerebro /Casto Rivadulla/

Que fai que un determinado cadro nos pareza unha obra de arte? Que diferenza existe entre os garabatos que pode pintar un neno de 4 anos e un cadro como o da figura “pintado” por Jackson Pollock?, aparte do seu prezo. Que fai que unha melodía nos emocione? Cal é o segredo polo que un prato de comida nos fai felices mentres que a maioría os tragamos sen pensar? Atopar a resposta non é sinxelo, e a recompensa ao achado sería fabulosa xa que suporía ter nas nosas mans o segredo infalible do éxito, a capacidade de crear beleza de xeito continuado. Tamén a capacidade de emocionar ao noso cerebro, pois os circuítos encargados de crear as sensacións de pracer no encéfalo ante unha creación artística non difiren en función de si se trata dun cadro, unha peza musical, unha escultura ou un poema. De feito non serían moi diferentes nos seus mecanismos e circuítos de calquera tipo de sensación que nos produza pracer, dende unha caricia ata a vitoria dun determinado equipo de fútbol. Estes circuítos estarían englobados dentro do que denominamos sistema límbico, tamén chamado cerebro emocional, formado por un conxunto de núcleos encefálicos situados por debaixo do cortiza cerebral que serían os encargados de procesar todo o relacionado coas nosas emocións. Independentemente da súa orixe. Pero, cómo chega o arte a activar todos estas redes neuronais con tanta forza? O sistema límbico, tanto na súa organización anatómica coma na súa función non é, evolutivamente falando, propio dos primates, senón que compartimos mecanismos para crear sentimentos de medo e recompensa con, polo menos, o resto dos mamíferos e os paxaros; aínda que tamén existen algunhas diferenzas significativas. Quizais a mais importante sexan as conexións que nos primates se establecen entre estas áreas emocionais e zonas da cortiza cerebral coma a prefrontal, onde residen as funcións mais racionais da nosa mente, quedando así as emocións baixo o control da razón. Non sendo infrecuente o caso contrario: que sexan as emocións as que tapen a razón. É posible que, precisamente, a conectividade entre áreas emocionais do encéfalo coas áreas racionais sexa o que explique a busca das emocións a través da composición artística, algo, isto si, exclusivo dos humanos. Exclusivo, mais universal a todos eles, comparable na súa exclusividade e universalidade con algo tan humano coma a linguaxe. Todos os grupos humanos, independentemente do seu nivel de desenvolvemento tecnolóxico, comparten entre eles a capacidade para comunicarse a través da linguaxe (entendida coma un conxunto arbitrario de sons e signos que, seguindo unhas regras, permite a comunicación, a abstracción e a conceptualización) e pola expresión artística. Igual que na linguaxe, parece que o potencial para a expresión artística está dalgunha maneira nos nosos xenes e vai xurdir dunha ou doutra forma en función do noso medio cultural, e por suposto do noso proceso educativo. Iso explicaría as diferenzas enormes no que se considera arte nuns grupos humanos e noutros, coma as diferenzas entre linguas. En calquera caso, a relación entre sistema límbico e beleza ou estética permite voltar ao principio e repensar a pregunta inicial (Que é o que fai diferente a arte?) dende outro punto de vista: cal é a actividade cerebral que recoñece que algo sexa arte? A reformulación nestes termos implica a aceptación de que a beleza, a arte, son o resultado da actividade cerebral do observador. Algo por outra parte indiscutible a 14


A arte nace no cerebro non no corazón Honoré de Balzac

estas alturas do século XXI pero que supón romper coa idea de Platón da beleza coma algo en si mesmo, independente do obxecto ao que facía fermoso, en xeral sen relación co observador. Ideas que tiveron unha grande influencia durante os 20 séculos posteriores. De feito non foi ata Kant, que nesa busca filosófica da orixe da beleza se moveu o foco cara ao suxeito que observa e polo tanto cara ao seu encéfalo.

Un dos primeiros intentos de respostar a este prantexamento, no ámbito da neurociencia moderna, centrado na pintura, é un ensaio do ano 1999 de Ramachandran e Hirstein1 no que tentan describir aquelas propiedades visuais comúns a tódalas obras artísticas. A empresa é dunha inmensa complexidade, tendo en conta o apuntado anteriormente da enorme influencia cultural na percepción e consideración da arte e da beleza. Que ten en común unha pintura indú do século XV cunha obra de Van Gogh e co surrealismo abstracto de Miró? As tres imaxes móstranse na figura da esquerda e animo ao lector a tentar atopar eses patróns comúns antes de seguir adiante coa lectura. De novo, voltando á analoxía coa linguaxe, trataríase de atopar o “grupo de principios lingüísticos comúns a todos os humanos” proposto por Noam Chomsky. Tamén, seguindo cun problema común ao estudo da linguaxe, a exclusividade da arte nos humanos ten como consecuencia a falta de modelos animais nos que formular este tipo de experimentos, aínda que, afortunadamente, as modernas técnicas de imaxe abren pequenas fiestras ao estudo da función

cerebral en persoas sas durante o momento en que están a realizar tarefas intelectuais. Salvando todas estas dificultades, Ramachandran e Hirstein foron quen de elaborar 8 regras comúns a TODAS as expresións artísticas que se poden plasmar nun cadro, que eles chamaron “as 8 leis da experiencia artística”. Sen entrar a comentalas en detalle, claramente algunhas parecen máis naturais que outras. De feito, algunhas parecen pouco reflexionadas e case que froito dunha ocorrencia que se puido ilustrar con algún exemplo rebuscado. Que estean contempladas neste ensaio non significa que sexan aceptadas como certas nin que non fosen sometidas a duras críticas por parte doutros autores. Estas críticas incluían referencias ao reducionismo esaxerado dos autores, á homologación entre beleza e arte, etc. Quizais a máis descarnada foi feita por D. Wheelwell un ano despois da publicación do orixinal, que remataba: “Aproximacións reducionistas como as propostas por Ramachandran e Hirstein teñen pouco que aportar á arte, ou aos amantes da arte, e ademais serven para perpetuar unha serie de erros acerca da natureza da arte... Con todo, este tipo de traballo podería ser moi valioso, dende un punto de vista práctico para os profesionais da pornografía” (1).

Aínda así, foi posiblemente o punto de partida dese intento de explicar a arte á luz do coñecemento actual do sistema nervioso. E conseguiu o obxectivo, feito público polos propios autores, de servir como

O que Pollock pinta non é unha imaxe, senón un feito. O importante non é o resultado en si mesmo, senón o que vén representar en relación ao momento da creación. Reflicte o estado do autor no momento da composición.

1 VS Ramachandran and W Hirstein The science of art: A neurological theory of aesthetic experience Journal of Consciousness Studies vol 6, No. 6-7, 1999

15


Tres exemplos de obras de arte pertencentes a distintas culturas ou correntes artísticas: O carnaval do arlequín, Joan Miró (1924-1925) exemplo de surrealismo abstracto. Pintura indú do século XV. Campo de trigo con corvos, Van Gogh (1890) exemplo de neoimpresionismo.

inicio para a discusión. Aínda que esta fose ás veces demasiado emocional e pouco racional. Neste sentido é moi recomendable a máis recente crítica de John Hyman (2). Estas normas ou leis propostas por Ramachandran e Hirstein utilizan o noso coñecemento do sistema nervioso e do seu funcionamento para interpretar por que unhas determinadas imaxes nos resultan agradables á vista. A idea é que os artistas estarían de xeito máis ou menos inconsciente a crear patróns de liñas, cores, formas que estimulan de maneira óptima o noso sistema nervioso. Estes patróns non farían máis que resaltar aqueles pormenores que o sistema visual está a buscar continuamente durante o seu funcionamento normal. Pensemos que a función primordial do sistema visual (ou do auditivo, do olfactivo, etc.) non é a de apreciar a beleza nun cadro, nunha sinfonía ou nun perfume, senón captar información do mundo que nos rodea cunha finalidade de supervivencia. Para iso, despois dun proceso evolutivo de milleiros de anos ten unhas determinadas regras de funcionamento. Por exemplo, no recoñecemento dunha faciana sempre hai dous ou tres trazos que resaltan por encima dos demais, un nariz grande ou pequeno, torto ou dereito, ollos de cor rechamante ou medio pechados, cor do pelo, canas… Estes caracteres son os que nos van permitir recoñecer as persoas dun xeito rápido e moito máis efectivo que se tivésemos que facer unha análise pormenorizada de toda a información que recibimos. A primeira regra que seguiría o artista sería a de espremer esta forma de funcionamento do sistema nervioso e acentuar aínda máis estas características diferenciais, a esaxeración. Isto coñécese co nome de “efecto de desprazamento de pico” polos resultados obtidos en animais ensinados a responder ante determinadas figuras que o fan mellor cando se acentúan algunhas das características desas figuras. (3). Por exemplo, nos cadros de modelos femininas 2 Joseph A. Goguen, Erik Myin.Art and the brain II: investigations into the science of art. Editores: Imprint Academic, 2000 3 R. Frigg, M.C. Hunter (eds.), Beyond Mimesis and Convention, Boston Studies in the Philosophy of Science 262, DOI 10.1007/978-90-481-3851-7_11

16

é normal (independentemente da localización xeográfica, grupo cultural ou época) que se acentúen as cadeiras e os peitos, atributos claramente femininos. Nos retratos de persoas é tamén usual que se caricaturicen lixeiramente aqueles trazos que nos permiten unha identificación mais rápida desa persoa. O artista buscaría os trazos únicos por encima daqueles comúns. (4). Outra aproximación entre linguaxe do artista e funcionamento do sistema nervioso sería aquela que aproveita a organización da cortiza visual. Esta é unha perfecta máquina de detección de liñas orientadas. Os miles de millóns de neuronas que a conforman están agrupadas e organizan as súas conexións en base á orientación que son capaces de detectar no mundo exterior. Esta propiedade do sistema sería aproveitada, por exemplo, polo cubismo que maximiza a presenza de liñas nos cadros, o que lle presentaría ao noso cerebro unha sobreexposición a aqueles estímulos para os que está preparado. Isto, aquí o punto indemostrado ata o de agora, traduciríase en beleza e pracer na contemplación. Unha obra ou corrente artística non se limita a explotar unha soa propiedade do sistema. Seguindo co cubismo: o sistema visual ten unha área especializada no recoñecemento das caras. Esta actívase non só cando ve unha cara, senón tamén cando ve partes que indubidablemente son dunha cara: uns beizos, uns ollos, unha orella, etc. Un cadro como “O fumador” de Juan Gris, explotaría esta propiedade ata o límite ao descompoñer a cara nos seus elementos e converter unha faciana en moitas, cada unha delas capaz de estimular con éxito o noso sistema visual. Habería, por suposto, outras características ás que o noso cerebro é sensible que explicarían outras correntes artísticas de éxito. Unha idea non moi distinta é a expresada por Semir Zeki , segundo a cal o artista desempeñaría o papel do propio cerebro, tomando aquelas propiedades únicas ou características do obxecto, e limítase a representar estas características, eliminando todo o superfluo, ou común a moitos outros elementos, que podería confundir. O que para o artista sería a esencia do obxecto. Os artistas estarían pois explotando, de xeito inconsciente, as regras de funcionamento do sistema nervioso, o que fai que xurdan inmediatamente outras preguntas: teñen os artistas unha estrutura cerebral diferente que lles permite plasmar o que os demais non vemos? Podería axudarnos o estudo doutras modalidades artísticas a entender o procesamento cerebral desas modalidades sensoriais? Esta idea xa a manifestaba Hermann von Helmholtz no seu ensaio de 1876 “sobre as relacións da óptica coa pintura”. Von 4 S. Zeki, Art and the brain, J Conscious Stud: Controvers Sci Humanit 6 (1999), pp. 76–96


Helmholz, o inventor do oftalmoscopio, postulador, entre outras, dunha teoría da visión en cores así como da percepción do espazo visual, e un gran divulgador do coñecemento científico (5), dicía xa daquela: “O estudo do traballo do artista emitirá luz sobre a pregunta de que elementos e relacións das nosas percepcións visuais son máis importantes á hora de determinar o que vemos e cales outras teñen menos importancia”. Non parece logo moi arriscado dicir que os artistas, ademais dunha sólida formación que lles permite unha calidade na execución das obras, teñen unhas aptitudes propias de cada un deles para a creación artística. Estas aptitudes non poden residir en ningunha outra parte que non sexa o funcionamento do seu encéfalo. Para o bo e para o malo este funcionamento vai ter un compoñente xenético importante que logo haberá que colocar no medio de cultivo axeitado para permitir que se desenvolva correctamente. Ese funcionamento excepcional, en canto infrecuente, do encéfalo sería o que posibilitaría ao artista a crear cousas que os demais non alcanzamos a ver por nos mesmos. E por suposto, estudar os feitos comúns a outras modalidades artísticas, como a música, podería axudarnos a entender como procesamos os sons. Con todo, a creación artística ten algo mais. Produce emocións, pracer, sensacións moi elaboradas no creador e no observador que necesariamente teñen que ir mais aló no nivel de procesamento cerebral que o simple recoñecemento de obxectos ou a detección de formas. É posible que con esas regras ou normas xerais se consiga crear algo que nos chame a atención, ou que pensemos que é bonito, pero unha obra de arte ten algo mais. Recentemente tense descrito a capacidade da arte, independentemente da apreciación de beleza, de activar o sistema de recompensa do cerebro (6). A arte en si mesma produce sensación de pracer. Poderiamos dicir aquilo de que vemos arte “por amor á arte”. O cerebro do artista permítelle ver non máis alá, senón infinitamente máis alá que á maioría de nós e crear algo único. Tan único que é posible que o observador requira de explicación para poder entender o que percibe. Aínda así, pódese dar o caso de que ninguén máis que o artista sexa capaz de percibir todo o contido dunha obra de arte. Non debemos esquecer o dobre papel do artista como creador e observador ao mesmo tempo. O artista non crea para satisfacer ao público senón para satisfacción propia, a arte é a expresión dos sentimentos do artista. Os observadores alleos ao proceso de creación deben aprender a ver a 5 Pódese acceder as traducións ó inglés dás “conferencias populares” de Helmholtz, na súa edición de 1885, en:http://www.archive.org/details/popularlectureso00helmuoft. El mesmo di no prefacio: “Están pensadas para lectores que, sen ser profesionais do estudio das Ciencias Naturais, están interesados nos resultados científicos de tales estudos”. Desafortunadamente a que relaciona óptica é pintura non está incluída nesta edición. Pódese ver en Science and culture. Popular and philosophical essays. Hermann von Helmholtz. Chicago University Press. 6 () S. Lacey et al. / NeuroImage 55 (2011) 420–433 Hideaki Kawabata and Semir Zeki Neural Correlates of Beauty J Neurophysiol 91:1699-1705, 2004.

obra. A aprendizaxe necesaria para a percepción da arte, para entender a creación artística é unha parte máis da aprendizaxe que o noso sistema nervioso desenvolve durante o seu proceso de maduración. Nacemos coa capacidade de ver, pero unha vez natos debemos de aprender a ver. Aprender a distinguir cores, a ver en 3D, a percibir o movemento, a interpretar e coordinar esas experiencias novas con outras modalidades sensoriais como o tacto ou o oído. A dar respostas a esas sensacións. Podemos imaxinar como cambia a nosa percepción da realidade comparada coa dun neno cando vemos os debuxos que este fai. Calquera composición que pode facer ten sentido só dentro da súa cabeza e require unha explicación para que “os maiores” podan entendela. A capacidade do noso encéfalo para madurar e aprender vai depender en grande medida da súa estimulación. Se medramos privados de estímulos o noso encéfalo adaptarase a ese ambiente e non será capaz de distinguir entre cores próximas ou terá dificultades para ver en 3 dimensións. A interacción entre a nosa base xenética e a nosa aprendizaxe é a que nos vai dar finalmente as nosas capacidades sensoriais. Volvendo á arte, esa capacidade de crear e admirar a arte está sen dúbida moito máis alá da cortiza visual primaria, posiblemente moito máis cerca da cortiza prefrontal, a parte máis anterior do noso cerebro. A cortiza prefrontal, a máis desenvolvida en primates, comparado con outros animais, está situada no alto da pirámide en canto a procesamentos complexos e elaborados. Estes inclúen a representación e toma de decisións relacionadas con accións a executar, comportamentos efectivos, tarefas de razoamento, etc. A relación entre o funcionamento destas áreas e a creación artística é algo que se pon de manifesto nalgunhas enfermidades psiquiátricas como a esquizofrenia. Os pacientes esquizofrénicos teñen alterado o funcionamento dó hipocampo e dós lóbulos parietais e frontais. Estes pacientes desenvolven de xeito frecuente unhas capacidades artísticas que non tiñan antes de padecer a enfermidade. Parece que esta foi quen de eliminar as barreiras que a todos nos impiden ver o que está aí. Ou que esperta neles unha necesidade de comunicar que a linguaxe non lles satisfai . Non, non se trata de que os artistas sexan esquizofrénicos inda que son abundantes na filosofía ó longo dos séculos as referencias á relación entre a xenialidade e a enfermidade mental. Platón falaba da manía “como un regalo

dos deuses que facultaba a artistas e poetas para poder levar a cabo a súa obra” e Diderot escribe: “¡Que parecidos son o xenio e a loucura! Aqueles a quen o ceo bendiciu ou maldiciu están mais ou menos amarrados a este síntomas, padécenos con maior ou menor frecuencia, de xeito mais ou menos violento. Encérranse ou encadéanse, ou ben se lle erguen estatuas”. O artista tería capacidade para percibir mais, ou distinto, que o resto pero dentro dos límites da cordura.

Admitindo esa necesidade do artista de ver máis que o seu público, debemos admitir que calquera pode admirar a arte, non a beleza? Aínda que a arte contén beleza, pode que esta non sexa evidente en todas as expresións artísticas. Parece evidente

A imaxe do superior amosa unha fotografía da cortiza visual (aprox 5 mm de ancho) onde son ben evidentes os vasos sanguíneos. Na imaxe inferior obsérvanse como zonas escuras aquelas zonas que consumen mais oxíxeno cando se están a ver raias verticais. Se cambiamos a orientación das raias que estamos a ver activaríanse outras zonas da cortiza cerebral. 17


“o arte é a mentira que nos permite comprender a verdade.” Pablo Picasso

Salvador Dalí. O gran masturbador (1929)

18

que calquera pode escoitar unha orquestra sinfónica interpretando a Haendel e decidir se lle gusta ou non, pero para apreciar a composición e a interpretación en todos os seus matices fai falta unha formación musical específica e posiblemente unhas aptitudes que nos permitan adquirilas. Hai uns anos Joshua Bell, considerado un dos mellores violinistas do mundo, co seu Stradivarius pasou 45 minutos a tocar de incógnito no metro de Washington (7). Despois dese tempo e de que máis de mil persoas pasaran por diante del, tiña no seu vaso 31 dólares. Só unha muller, que o recoñeceu, se parou a escoitalo. Dous días antes en Boston as entradas, a 100 dólares, para o seu recital esgotáranse. Cambiando a frase de Balzac que encabeza este artigo, a arte nace nalgúns cerebros e so é apreciable en toda a súa magnitude por algúns outros. Á parte de facernos pensar sobre certos comportamentos en masa dos humanos e o noso modo de vida apresurado, o que nos indica ese experimento social é que, a maioría de nós, parecemos incapaces de recoñecer a arte en toda a súa complexidade. Nunha recente visita ao Museo do Prado lía na recensión dun cadro exposto que fora durante moito tempo atribuído a Goya, pero que as dúbidas mostradas nalgunhas pinceladas na luz non eran propias do mestre. Cantos dos milleiros de persoas que pasan por alí a diario verán as dúbidas nas pinceladas? Aínda co cartel dicíndolle que están. Teño que admitir que eu non fun quen. Só despois dunha formación e dunha aprendizaxe intensa estariamos en condicións de poder ver un cadro, escoitar unha melodía, comer un prato e gozar ou padecer todos os seus matices. Tendo en conta a singularidade de cada obra, esta formación só podería ser proporcionada polo propio artista, o único que coñece o que fixo, e por que o fixo. Cal foi o proceso de creación. Igual non fai falta, a estas alturas, saber neurociencia para saber e dicir que unha tortilla de patacas pode ser unha obra de arte, pero é moi posible que algún coñecemento deste tipo nos axude a interpretar o que sentimos cando degustamos unha esfera de chopo ou un aire de mar. Aínda coas explicacións podemos non estar preparados. Aproximadamente só o 25% da poboación occidental son o que se denominan “súper-degustadores”, aqueles que teñen unha capacidade especial para detectar sabores. Algo cunha orixe xenética que se ten ou non. Eses superdotados posiblemente sexan os que non se sintan perdidos cando alguén lles di que deben de notar o sabor a mar nunha cenoria que foi cultivada preto da praia. O 50% de persoas con gusto normal seguro que poden obter pracer da comida, pero non apreciar tantos matices. Hai un 25 % de denominados “non gustadores”. O mesmo ocorre na música, hai xenios e persoas cunha incapacidade absoluta para comprender a música. Amusia conxénita chámase esta incapacidade. No medio está a normalidade que non é un punto senón unha banda. Esta banda inclúe a persoas próximas á xenialidade, a outras cerca da amusia e a todas as que están no medio. Por que non formularmos algo similar para a pintura ou a escultura? É posible que só uns poucos teñan o potencial xenético para crear arte, e igual que admitimos a xenialidade conxénita para a música deberiamos aceptala para a pintura. Iso leva implícito aceptar a incapacidade dunha parte importante de persoas para entender a arte e polo tanto de diferenciar arte do que non é. En termos materialistas supón recoñecer que só unha pequena porcentaxe de persoas teñen a capacidade para recoñecer a arte e darlles a estas persoas o poder de decidir o valor das cousas. Iso, nestes tempos nos que un cabalo chamado Napoleón pode vender un cadro por 6000€, porque algún “entendido” o define como arte e fala da expresión do estado de ánimo do cabalo (8), fai pensar que igual lle estamos dando demasiada importancia á opinión duns iluminados capaces de interpretar os movementos cabeza arriba e abaixo dun cabalo esquecendo que o noso cerebro é único, e polo tanto a sensación que vai xerar é única. En definitiva, o feito de que a arte naza no cerebro é o que a fai única. Dependerá dos xenes, da educación, do ambiente en que nos criamos, de como todos eses factores van construíndo o noso sistema nervioso, as conexións, a organización a nivel macroscópico e microscópico o que vai finalmente determinar o noso comportamento, as nosas percepcións. Que determinados patróns sexan considerados “belos” pola maioría fainos pensar que hai mecanismos cerebrais conservados que permiten esa apreciación. Estanse a buscar e podería ser o caso da simetría. O salto da beleza á arte é posible que sexa moito máis complexo e non estea ao alcance de todos, nin na creación nin na apreciación.

7

Pódese ver un vídeo acelerado en http://www.youtube.com/watch?v=hnOPu0_YWhw

8

O vídeo dó cabalo pintando http://www.youtube.com/watch?v=zrty4ac6xkM


fetiche Celso Dourado / Artista www.celsodourado.com

Quizais un dos obxectos máis prezados sexa un cadro que fixen polo ano 1993, que titulo “Raigame”. “Raigame” é un cadro que sempre teño en mente e que para min é un símbolo tanto no que representa como que foi un culme na técnica que eu practicaba, a técnica do pirogravado e madeiras queimadas.

David Rubín / Debuxante http://detripas.blogspot.com/

Teño un bonequiño de Superman na miña mesa de traballo. Cando fico atascado e non sei para onde tirar miro para el, varíolle a pose, ou simplemente contémploo, e segundos despois todo marcha ben de novo. ¿Quen dixo que Superman non podía axudar á xente só por ser unha ficción?

Natalia Rey / Deseñadora www.pirusca.com

O meu obxecto é a miña boneca Blythe. Son unhas

bonecas de colección que apareceron nos anos 70, pero que foron un fracaso comercial entre as nenas, xa que lles daban medo. Volvéronse a poñer de moda grazas á fotógrafa Gina Garan, que as utilizou como modelos, adaptando poses humanas. Gústame este obxecto polo seu toque inxenuo, porque me remite á infancia, pero tamén polo seu carácter de obxecto de culto, ao non tratarse dun xoguete. Sempre está moi preto de min mentres traballo, a miña chámase Olivia.

Roi Alonso / Arquitecto www.roialonso.com

Teño unha púa no peto que sempre roza os seus cantos entre os meus dedos cando busco moedas... en ocasións incluso chego a tocar a guitarra con ela. Pero mentres, sei que segue aí.

Aid / Cantante e compositora http://www.aid.gl/

Pois un obxecto que ten significación para min, sen dúbida, é o bolígrafo, Bic por manía; está presente en todas as miñas facetas. Con el escribo as miñas

letras, pinto os meus debuxos e fago os meus exames na universidade. Pódese dicir que é testemuña da miña vida e que me coñece mellor que ninguén; e, o máis importante, aprendeume a ser eu mesma e a mirar todo desde un punto de vista artístico: as letras, os debuxos, e incluso os exames.

Antonio Fraga / Empresario http://signo-geo.com/web/

Correr é para min unha forma de meditación. Calzarme as miñas zapatillas e correr escoitando unicamente a miña respiración compasada cos latexos do corazón, axúdame a pensar e a ver con mais lucidez todo o que ocorre ó meu arredor.

Moncho Rey / Arquitecto http://as-built.es/

Debo comentar que ou meu obxecto fetiche é un pequeno trípode de “rodamentos”, chamado Gorilapod. Ten unha forma un tanto peculiar semellante ás patas dunha araña e permite sacar fotos nunha posición inverosímil, mesmo colgándose do teito. 19


banda deseñada galega: vinte títulos para unha historia /Eduardo Maroño/

Está fóra de toda dúbida o que a Banda Deseñada galega ten medrado entre a súa orixe próxima, que podemos establecer en torno a 1970, e a actualidade. Dun reducido número de autores que tentaba compensar con voluntarismo unha falta de medios case absoluta pasamos á situación actual, na que contamos con figuras de proxección internacional, cunha nómina de autores que non deixa de medrar e con significativos proxectos editoriais que se van consolidando paseniño, ofrecendo modestas oportunidades de publicación para os historietistas autóctonos. O obxectivo deste texto non é o de establecer un Top 20 nin moito menos un canon da BD galega, senón ofrecer un breve percorrido pola historia do medio. A listaxe que se recolle concíbese, xa que logo, como incompleta e aberta, integrada por títulos que poden ser representativos da evolución do cómic galego nos últimos anos. E sobre todo, pretende ser un recoñecemento a todos os autores que fixeron e seguen a facer da banda deseñada unha das expresións máis ricas e dinámicas da nosa cultura.

20


As Cantigas de Santa María

O home que falaba vegliota

O crítico Breixo Harguindey presentaba no núm. 35 do Boletín Galego de Literatura (2007) o artigo As Cantigas de Santa María, obra mestra das orixes da historieta, no que desenvolvía algunhas das ideas apuntadas polos promotores do congreso de Bruxelas Inventors of the comic strip (1996). Harguindey atopa no célebre cancioneiro, elaborado nos obradoiros de Alfonso X O Sabio na Baixa Idade Media, algúns dos elementos que se consideran constitutivos da historieta coma medio e procedemento narrativo: presentación de varios relatos divididos en viñetas (découpage) que se distribúen pola páxina (posta en páxina) e se recollen nun medio (o códice) que permite a súa difusión xeográfica. Aínda sendo unha tese polémica, resulta estimulante ao situar unha obra clave da cultura galega no camiño da banda deseñada, ao tempo que reflexiona sobre os límites entre disciplinas artísticas.

Se a BD galega conta cunha figura fundacional esa é a de Reimundo Patiño, intelectual e creador polifacético que sempre creu na potencialidade da historieta como medio. O antecedente inmediato do cómic contemporáneo en galego sería O home que falaba vegliota, serie de 12 murais estampados en serigrafía elaborados en 1972, constituíndo cada unha das pezas unha viñeta dun relato que debe ser lido en orde sucesiva. Patiño afástase da tendencia á abstracción da súa obra pictórica para denunciar a violencia irracional e a persecución das minorías mediante unhas imaxes dun expresionismo duro, fornecidas por un colorismo forte, próximo á estridencia. A obra respondía á vontade consciente de Patiño de empregar os códigos da cultura popular substituíndo os seus tradicionais contidos de evasión pola denuncia política. Tanto esta obra como a figura de Patiño terían un ascendente claro nos primeiros traballos de BD en galego e nos seus autores.

21


A cova das choias

2 viaxes

Xofre

Xesús “Chichi” Campos, Lois Caparrós, Xosé Díaz e Rosendo “Roxo” Díaz, fundaron a principios dos anos 70 o Grupo de Cómic do Castro coa finalidade de engadir a banda deseñada ás manifestacións culturais en lingua galega. Froito do seu labor foi A cova das choias (Edicións Roi Xordo, 1973), revista de cómic que inaugura formalmente a historia da BD en galego e da que só viu a luz un primeiro número. Malia a escaseza de medios e unha aparencia case amateur, a obra destaca polo seu espírito contestatario e compromiso político. Chichi Campos e Xosé Díaz asinan unha ducia de historietas caracterizadas polo humor cáustico e punzante do primeiro e a vocación experimental do segundo. A súa feroz crítica do totalitarismo, o militarismo ou a alienación consumista, fixeron que a revista tivese que publicarse en Xenebra e distribuírse no país de xeito clandestino.

Reimundo Patiño e Xaquín Marín son os responsables das dúas historias de que consta 2 viaxes (Brais Pinto, 1975), a primeira revista de BD en galego editada en Galicia e un ambicioso proxecto co que os autores pretendían afondar nas posibilidades expresivas do cómic, emancipándoo da súa versión exclusivamente comercial e ofrecendo unha proposta autóctona, continuadora da liña plástica propia da arte galega. Nas súas páxinas atopamos unha tensión entre tradición e vangarda, ao presentaren o gran tópico da cultura galega (a emigración) nunha linguaxe nova (a da BD) e baixo formas claramente experimentais. Con argumentos que participan da mellor tradición da ficción científica de implicacións políticas, Patiño e Marín emprenden unha densa exploración dos recursos propios da BD, con composicións complexas, textos integrados na imaxe e substituíndo a representación realista por un expresionismo ríspeto que desafía ao lector en cada páxina.

Aínda que só viu a luz un primeiro e único número, a revista/fanzine Xofre (autoedición, 1979) ocupa un lugar destacado na historia da BD galega por motivos tan evidentes como a identidade dos seus promotores: Miguelanxo Prado, Fran Jaraba e Xan López Domínguez. Subtitulada “Historieta galega”, a vocación da cabeceira era a de constituírse en publicación periódica, mesmo de carácter profesional, consagrada á BD autóctona. Malia o evidente amateurismo dos seus contidos, o número inaugural ofrece unha oportunidade privilexiada para contemplar os traballos primeirizos duns Prado, Jaraba e López Domínguez comprensiblemente afastados dos rexistros cos que acadarían sona. Como curiosidade, sinalar que entre os colaboradores se atopaba tamén o escritor Suso de Toro. Unha versión en pdf da revista pode descargarse legalmente na páxina culturagalega. org.

22


Can sen dono O humor satírico en galego ten en Can sen dono (1983-1991) un punto de partida inescusable. Xurdida como revista humorística mensual de contido esencialmente político, a cabeceira asumiría despois formato de xornal e desaparecería tras quince números e dous especiais. Entre 1989 e 1991 tería lugar unha segunda andaina, de novo como revista e con periodicidade estacional, que finalizaría tras sete números e tres especiais. Nas súas páxinas atopamos traballos de clásicos do humor gráfico galego como Pepe Carreiro, Chichi Campos, Xosé Lois, Xaquín Marín ou Quesada, que verterían unha visión ácida e irreverente dos primeiros anos da autonomía galega, recuperando o espírito contestatario de obras como A cova das choias, mais agora cun formato máis profesional.

23


Un misterio para Simón O debuxante Fausto Isorna e os escritores Aníbal Malvar e Rober G. Méndez son os responsables de Un misterio para Simón, unha serie de álbums de argumento detectivesco e orientados a un público xuvenil cuxo formato e estética, así como moitos dos contidos, semellan imitar ás cabeceiras propias do cómic franco-belga. A evolución e mellora da serie entre o inaugural A irmandade dos lectores tristes (Xerais, 1994) e A maldición dos Velasco (1999) resulta evidente, con tramas máis complexas, personaxes mellor definidos e un grafismo cada vez máis maduro e próximo á liña clara. Isorna recuperaría a cabeceira máis adiante, publicando en solitario Están vivas (Fundación Caixa Galicia, 2006) e o que ata a data é o derradeiro volume da serie, Enigma soterrado (Fundación Caixa Galicia, 2009).

Trazo de tiza Trazo de tiza (Norma, 1993) é a obra máis recoñecida e premiada de Miguelanxo Prado, a figura máis relevante da BD galega e autor de prestixio internacional. A historia desenvólvese nun illote perdido no mar, un trazo de xiz no medio do océano onde un reducido número de personaxes vivirá unha secuencia mínima de acontecementos. Valéndose dun exquisito acabado gráfico, Prado elabora un relato minimalista, cunha intensa carga poética á que engade unha calculada indefinición, que obriga ao lector a unha lectura atenta e necesariamente interpretativa do acontecido. A incorporación de referencias literarias e unha estrutura circular, tipicamente borgiana, enriquecen unha obra que foi premiada en Angouleme e Barcelona, e que resultou fundamental para a consagración internacional do artista coruñés.

24


O fanzine das xornadas

Golfiño

As Xornadas de Banda Deseñada de Ourense configuráronse como o primeiro grande punto de encontro da BD en Galicia nun tempo no que a oferta de Feiras do cómic en todo o Estado era significativamente menos abundante que na actualidade. Ao seu abeiro e sempre coa inestimable colaboración da Casa da Xuventude de Ourense xurdiu O Fanzine das Xornadas (1994), publicación de cadencia anual na que se recollen historietas dos artistas convidados, información acerca das Xornadas e artigos a cargo dalgúns dos críticos máis sobranceiros do medio. Un percorrido polas súas páxinas ao longo destes anos permite acceder a traballos de practicamente todos os nomes esenciais da BD galega das últimas décadas, entre outros Manel Cráneo, Javi Montes, Brais Rodríguez ou Antonio Seijas, canda textos divulgativos de voces tan autorizadas coma as de Ángel de la Calle, Álvaro Pons ou Henrique Torreiro.

A revista Golfiño viviu dúas épocas. A primeira compuxérona 15 números editados mensualmente por Xerais entre 1999 e 2001, baixo a dirección de Miguel Vázquez Freire e Fausto Isorna. Orientada a un público infantil e xuvenil, a cabeceira contiña, ademais de historietas, seccións de literatura e ocio, pasatempos e reportaxes. Un ano despois do peche desta primeira andaina, a publicación rexurdiría como suplemento semanal do xornal La Voz de Galicia, acadando unha difusión insólita para unha publicación de banda deseñada. Colaboraron nas dúas etapas artistas como Fran Bueno, Pepe Carreiro, Norberto Fernández, Primitivo Marcos, Andrés Meixide, Kiko da Silva ou Miguel Porto. Algúns dos personaxes xurdidos da cabeceira acadaron unha sona notable e tiveron unha vida editorial posterior, caso de Fiz, Thom ou o propio Golfiño.

25


A triloxía de Maxi Torres Tras promover o fanzine Xofre canda Miguelanxo Prado e Xan López Domínguez, Fran Jaraba orientou a súa carreira profesional preferentemente cara ao eido da literatura ilustrada, máis seguro e rendible que o da banda deseñada. A súa volta a este medio tería lugar con Cita na Habana (Xerais, 2000), primeiro álbum dunha triloxía que se completaría con Campos de Cuba (Xerais, 2004) e Terra Libre (Xerais, 2008), e na que se relatan as vivencias do galego Maxi Torres durante a guerra da independencia cubana. Este relato de aventuras nun contexto histórico coidadosamente documentado é froito da teimosía do seu autor, que tivo que compatibilizar a súa elaboración durante un período de case dez anos con ilustracións de encargo e o seu traballo diario como profesor. A obra sería obxecto dunha edición integral en castelán baixo o título De sangre y ron mi Cuba (Glénat, 2010).

A prueba de balas Aínda que previamente colaborara con varios fanzines, Emma Ríos deuse a coñecer con A prueba de balas (2001-2005), obra que comezou autoeditando e que pecharía a súa andaina baixo o selo de Polaqia. Como o propio título suxire, estamos ante un relato repleto de acción e violencia, unha historia futurista de pistoleiros e yakuzas na que Ríos deixaría constancia das súas principais influencias, tanto argumentais como gráficas: Frank Miller, o manga, o Hong Kong cinema… Aínda tratándose dun traballo primeirizo, a obra destaca por revelar a persoal voz da súa autora, ademais de permitir contemplar a súa evolución entre a primeira e as últimas entregas. Na actualidade, Ríos desenvolve unha prometedora carreira para o esixente mercado estadounidense.

26


BD Banda

Barsowia

Los Heresiarcas

A revista BD Banda xorde en 2001, a iniciativa de Kiko da Silva e o libreiro pontevedrés Cano, coa finalidade explícita de ofrecer aos autores galegos un medio no que publicar os seus traballos nunhas condicións de formato e calidade dignas. Tras unha primeira época de seis números e dous especiais, a cabeceira comezou unha segunda andaina con cambio de formato, versión en castelán e mellor distribución, con catro números máis publicados ata o de agora. Neste tempo publicáronse historietas breves ou longas serializadas de artistas como Jacobo Fernández Serrano, Kohell, Miguel Porto, Anna Raven, Víctor Rivas ou Miguel Anxo Robledo, aos que se engaden autores non galegos como Jose Carlos Fernandes, Mel, Felipe Hernández Cava, ou Bartolomé Seguí. Canda os cadriños, a revista inclúe tamén entrevistas a autores e artigos de opinión, conformando unha publicación dunha calidade envexable.

Entre 2003 e 2011, a revista Barsowia canalizou as creacións do colectivo Polaqia, un grupo de autores de BD, a maioría deles galegos, de sensibilidades artísticas semellantes. Cunha periodicidade irregular, a cabeceira publicou 16 números nos que se poden ler obras de autores como Kike Benlloch, Hugo e Sergio Covelo, Manel Cráneo, Álvaro López, Emma Ríos, David Rubín, e tamén de artistas foráneos como Adrien Bouss, Dylan Horrocks ou Paulo e Susa Monteiro. Agás unha difusa sintonía artística, non hai entre eles elementos formais ou materiais en común, todo ten cabida: historias breves e longas, relatos de xénero, slice of life, ton dramático ou de comedia… Os integrantes do colectivo foron mudando co tempo e con eles os contidos da revista, ata que se anunciou a disolución do grupo e o peche da publicación en 2011.

O debuxante Xulio Martínez “Das Pastoras” deuse a coñecer nas revistas de cómic dos anos 80 (Zona 84, El Víbora, Más Madera), aínda que sería a súa etapa como colaborador de El Jueves a que lle acadaría máis sona. Co guionista vigués Carlos Portela crearía para o mercado francés Los Heresiarcas, unha saga de aventura e fantasía da que finalmente só verían a luz dous tomos, El alma hueca (Norma, 2004) e Los caminos invisibles (Norma, 2006). Adoptando un rexistro gráfico máis realista do que nel resulta habitual, Das Pastoras aproveita as moitas posibilidades que lle ofrece o guión de Portela, un relato-viaxe no que abundan os tópicos do xénero fantástico, aínda que matizados por unha peculiar distancia irónica. A beleza das paisaxes recreadas, os deseños de criaturas imaxinarias ou a luminosidade das cores engrandecen unha obra da que só podemos lamentar o seu carácter inacabado.

27


El circo del desaliento Aínda que El circo del desaliento (Astiberri, 2005) foi a obra que achegou a David Rubín ao gran público, o autor ourensán levaba xa uns anos publicando relatos breves en fanzines e revistas. É desa produción previa da que se nutre fundamentalmente esta obra, xunto con outros traballos como Onde ninguén pode chegar (Premio Castelao 2005) e algún outro inédito. A persoal sensibilidade do autor e un debuxo visceral e fortemente expresivo concédenlle coherencia a un volume aparentemente heteroxéneo. Rubín reinterpreta mitos, revisa xéneros e mestura rexistros, tinxindo todos os seus relatos dun intimismo melancólico que a súa obra posterior confirmaría coma persoal marca de estilo. A obra valeríalle unha candidatura para o Premio ao Mellor Autor Revelación no Salón de Barcelona de 2006.

El Evangelio de Judas Aínda que cunha traxectoria consolidada tras de si grazas a traballos coma Alter Ego (Polaqia, 2002), Freda (De Ponent, 2002) ou Psiconautas (Astiberri, 2006), a consagración de Alberto Vázquez chegaría con El Evangelio de Judas (Astiberri, 2007), obra que recolle varias historias previamente editadas no Fanzine enfermo e outras publicacións, e que ampliaría con novas aventuras protagonizadas por Judas, un esquío católico que debuxa cómics. Fiel ao seu persoal estilo e cunha complexidade gráfica maior á de traballos previos, nas súas páxinas atopamos algúns dos tópicos do autor (animais riquiños en situacións sórdidas), ademais dunha velada crítica á industria do tebeo. A obra levaría o premio do público ao mellor debuxante no Saló de Barcelona de 2007.

28


Retranca

A conta atrás

El héroe

O sempre activo Kiko Da Silva lanzou en 2007 unha nova proposta: unha publicación mensual de humor satírico orientada a un público adulto. A revista Retranca contou dende entón entre os seus colaboradores con Luís Dávila, Alberto Guitián, Kohell, Xaquín Marín ou Andrés Meixide ademais do propio Da Silva e artistas de fóra de Galicia como Idígoras e Pachi, Mel ou Alberto Montt. A súa forte compoñente de crítica social e política tenlle carrexado xa algúns problemas entre políticos pouco partidarios da rexouba e imprentas máis preocupadas pola salvación das almas que por respectar os compromisos legais adquiridos. Nada grave, que publicacións desta natureza resulten molestas non deixa de ser un sinal de que desempeñan correctamente a súa función.

A conta atrás (Factoría K, 2008) participa do proceso de reflexión colectiva que seguiu á catástrofe do petroleiro Prestige, que sacudiu á sociedade galega a finais de 2002. A obra parte da presentación dunha campaña da Xunta que anuncia a superación dos efectos da marea negra un ano despois dos feitos, para encetar un relato que avanza cara a atrás, analizando retrospectivamente o comportamento dos moitos axentes implicados (políticos, prensa, mariñeiros, cidadáns…) e preguntándose polas causas e responsables do desastre. O escritor Carlos Portela tece con oficio e orixinalidade un relato incómodo, que revela actitudes censurables dos distintos sectores afectados: contradicións, neglixencias, conformismo, inacción. O debuxo é do catalán Sergi San Julián, que xa colaborara co guionista na serie de fantasía heroica Gorka. Aínda que planificada coma un díptico, só a primeira entrega viu a luz.

O máis recente traballo de David Rubín supón un claro salto cualitativo na súa traxectoria. El héroe (Astiberri, 2011) é unha extensa obra en dous tomos coa que o debuxante ourensán revisa o mito de Heracles ao tempo que reflexiona sobre os arquetipos heroicos. A súa extensión e o conxunto de recursos que Rubín pon en xogo converten este traballo no máis ambicioso do seu autor. Cunha estrutura narrativa coidadosamente planificada e unha brillante posta en páxina, o debuxo do ourensán desprende forza e dinamismo e ten na vistosidade das cores o seu complemento perfecto. Podemos considerar El héroe como a primeira obra de madurez de Rubín, así como o indicio claro de que hai toda unha xeración de autores de carreira consolidada cuxas mellores obras están aínda por chegar.

29


banda deseñada /Kike Benlloch/ /Yago García Rodríguez/

30


31


32


33


34


Cultura Galega’00 a década cambiante /Ines Liste/

O efecto 2000, o século XXI, as televisións do mundo amosando as Torres Xémeas, o desastre do Prestige, a Guerra (así con maiúsculas), outro día 11 desta vez no mes de marzo, os radicais cambios de goberno, inmigrantes que acoden a buscar unha nova vida, ti es a persoa do ano segundo a revista Time, a prostitución da palabra liberdade e albiscar trazos dunha cultura do medo, o comezo dunha crise mundial, vacas tolas, Marte, Plutón ou unha tal gripe A...todo un universo de acontecementos nesta primeira década dos anos 2000 aínda sen adxectivo que os defina. Se tivese que facer unha autobiografía que comezase no 2000 tería milleiros de anécdotas que contar, todas elas unidas a unha peregrinación a centos de recunchos galegos, cada unha merecedora dun fotograma nun filme con banda sonora propia e textos dignos de enmarcar e figurar se non nunha parede, si nunha camisola. Dito isto, vexamos cal é a pegada que a nostalxia e todos estes anos deixaron no recordo. A MÚSICA No comezo dos anos que nos ocupan aínda soaban (e seguirán soando), entre outras, cancións como Menea el Bullarengue! de Siniestro Total (non hai máis que ver o recente videoclip de Ramiro Ledo para promocionar un concerto de Novedades Carminha, Ataque Escampe e O Leo i Arremecághona na sala NASA para darse conta da transcendencia de certos grupos), Galicia Caníbal dos Resentidos, con Antón Reixa á cabeza, amosando no videoclip o que viña sendo Galicia daquela. Nese vídeo mesmo aparece Xosé Ramón Gayoso o cal nos fai pensar, inevitablemente, en Ana Kiro, Bonnie M, Sabela, Xil Ríos e, indo máis alá, no universo que a galega creou co Xabarín Club a través das cancións de Aerolíneas Federales, The Killer Barbies, The Yellow Pixoliñas, O Caimán do Río Tea, The Blood Filloas, Siniestro Total, Antón Reixa, Herdeiros da Crus ou Os Diplomáticos de Monte Alto. Porque si, o último, último antes da sobredose de Manu Chao nas nosas vidas foi o Bravú, iso que segundo os seus integrantes era un “rock sen capar” de “cando as guitarras chegaron as aldeas”, e que tan ben plasmaron Xavier Valiño no libro Rock Bravú. A paixón que queima o peito. e documentaron en imaxes Sonia Barros e Marta Piñeiro en Nor-noroeste: a viaxe bravú e Xaime Miranda en Galiza Bravú. É importante este movemento por todo o que comezou a cambiar, despois de que Tareixa Navaza retransmitise a chegada dos restos de Castelao a Galicia e lle chamasen terrorista por ler o que o mesmo Castelao escribira, Xosé Manuel Pereiro leva adiante a publicación Bravú na que, sen problema algún, mesmo se reivindica a recuperación da Selección Galega de Fútbol, cousa que ata o 2005 non foi posible. A pegada deste movemento vai dende os 90 e chega ata o 2003 (cando menos co nome e con internet mediante) da man da revista electrónica Bravu.net dirixida por María Yáñez. 35


E neses últimos 90 era bravú ou folk en todas as súas variantes: Fuxan os Ventos, Fía na Roca, Os Cempés, Milladoiro, Luar na Lubre, Berrogüetto, Leilía, Uxía e, acompañando, as hordas de gaiteiros que chegaron tamén para quedarse, Carlos Núñez, Xosé Manuel Budiño, Susana Seivane, Cristina Pato. O folclore galego tamén comezou a ser estudado a fondo por Mercedes Peón que xa viña de colaborar cos Diplomáticos e que continuou por outra liña de traballo distinta, entre a investigación, a docencia e a experimentación, o cal fai da súa creación un traballo moi cambiante, comezando co Nordés cos Diplomáticos pasando polas “Mareas vivas de Portozás” ata chegar a SÓS. O folk estaba en pleno auxe, non hai máis que lembrar o Xacobeo do 99 e ese macroconcerto con Mike Olfield, The Corrs e Luar na Lubre na praia de Santa Cristina en Oleiros, dobrando en número de asistentes (tamén hai que ter en conta que era gratuíto) aos Rolling Stones. Todo este movemento de música tradicional reconvertida en música celta tiña e ten o seu escaparate no Festival Internacional de Música Celta de Ortigueira, o cal posibilitou poder escoitar a The Chieftains, Kepa Junquera, Llan de Cubel, Capercaillie, La Bottine Souriante ou Hedningarna. Este auxe folclórico e celtista foi o que tamén permitiu exportar a nosa música fora das fronteiras a través de festivais coma o de Lorient, sendo Galicia en tres anos o País destacado. Destacada e no punto de mira tamén estivo o 13 de novembro do 2002 a costa galega. A chegada do Prestige, o desembarco do chapapote nas praias xunto coa xestión e desinformación do desastre, desembocou nunha marea de xente berrando nas rúas cos seus paraugas Nunca Máis!, milleiros de bandeiras de loito e rabia contida que estoupaba en pranto nas mans de cada voluntario enchendo cabazos de pastoso chicle escuro. Artellouse nese inverno a Plataforma Cidadá Nunca Máis e o xeito de xestionar as protestas por parte da xente relacionada coa cultura apareceu baixo o nome de Burla Negra. Este colectivo organizou ese mesmo 21 de decembro no Multiusos do Sar un macroconcerto amosando así a implicación do mundo da cultura na vida social e política do país. Axiña chegou logo o 1º Concerto Expansivo onde, en non se saben cantos puntos de Galicia, o 1 de febreiro do 2003 ás 22:00 horas, logo de ler as últimas palabras do Manifesto contra Silencio de Manuel Rivas,

Porque Galicia non ten prezo. Xa non ten prezo. Facemos probas de son coa liberdade. ¡Un, dous, tres! ¡Probando! ¡Nunca Máis! soou a música para unirse á manifestación do sentir de todos os galegos, posto que cada concerto era concibido como un acto de protesta. Entre outros artistas estaban alí Uxía Senlle, Fuxan os Ventos, Quempallou, Lamatumbá, A Roda, Budiño, Os Diplomáticos, Os Cempés, A Quenlla, Guadi Galego, Leilía, As Cantareiras do Berbés... Contárono en El País, no 2003 Ramón Lobo en “Nunca Máis”, una burla negra, no 2007 Xosé Manuel Pereiro no artigo A protesta creativa, e contárono ben, que diría Xurxo Souto. Houbo unha revolta creativa en todos os eidos apoiada polos medios de comunicación, destacando o papel do xornal dixital Vieiros.com, e no mundo da música apareceron recopilatorios como Burla Negra, Bágoas Negras, Euskadi Galiziarekin, Sempre Mar...e o colectivo Burla Negra continuou as súas actividades de mani-festa-accións coa Carpa do País de Nunca Máis onde claramente se ve a amplitude do movemento, non so xa no musical se non ampliado a todas as disciplinas artísticas e culturais imaxinables. Unha carpa de similar actividade, por así chamar a unha antiga fábrica de asfalto ocupada polos veciños no 77, era o Ateneu Popular de Nou Barris en Barcelona. A primeira incursión atlántica en Nou Barris realizárona Os Diplomáticos de Montealto no 98, onde descubriron un barrio catalán con veciños galegos ou andaluces. Ao ano seguinte o colectivo O Garbanzo Negro acabaría por consolidar a ponte entre Galicia e Cataluña e dar paso así no 2003 á primeira Foliada onde durante tres días a literatura, gastronomía, música e cultura galega encheron o barrio. O espertar social e cultural xurdido do desastre do Prestige continuou amosando o seu descontento cara a clase política a través do documental Hai que botalos(2005) onde se implicaron musicalmente Dios ke te Crew, Tiro na Testa ou Boy Elliot entre outros, coa vista posta nas eleccións autonómicas do 2005 e co obxectivo de botar do goberno a Fraga e a un PP que desencantaba a boa parte dos galegos. Mentres todo isto se artellaba puidemos asistir no Xacobeo 2004 aos concertos de Red Hot Chili Peppers, Iggy Pop, Massive Attack, Chemical Brothers, Bob Dylan, Lou Reed, (estes dous últimos cun grao de interactuación co público achegándose a cero), Muse ou The Cure, entre outros, no Monte do Gozo. Faltou ese ano David Bowie para darlle o colofón ao cartel de artistas que se lle puxeron a tiro ao, daquela Conselleiro de Cultura, Pérez Varela. Nunca tanto artista xunto visitara a nosa terra, sen esquecer a grande actuación de Carlinhos Brown en Oleiros, na Festa dos Mundos. En canto a música galega programáronse máis actuacións de música folk e celta e uns petiscos de jazz da man de Abe Rábade e Baldo Martínez. 36


http://www.flickr.com/photos/alterna2 37


Pasada a borracheira que acompaña inevitablemente aos anos Xacobeos e logo dun cambio de goberno a nivel estatal, no 2005 o Partido Popular perde a súa maioría absoluta e PSOE e BNG acordan gobernar xuntos. Mentres se ían producindo cambios, celébrase en Nou Barris a II Foliada e nela preséntase o disco recompilatorio de bandas galegas A Per Loca, impulsado polo grupo barcelonés Che Sudaka que viñeron no 2004 a tocar na Foliada de Lalín e quixeron dar a coñecer fora de Galicia a música galega e apoiado pola web komunikando.net. Este recompilatorio contaba coa presenza de Manu Chao e os mesmos Che Sudaka e grupos como A Matraca Perversa, Safari Orquesta, Pulpiño Viascón, Banda Potenkin, Lamatumbá, Skarnio, todos cunha marcada tendencia ska, reggae ou directamente, pachanga. Pero en A Per Loca tamén había sitio para o rock da man de Zënzar, o hip-hop de NonResidenz e as novidades de Eclectica Emsamble e Fanny + Alexander: o folque renovado, un aire novo, a indietrónica abríndose paso polas fendas, a experimentación... Anque se temos que falar de experimentación quedamos co netlabel alg-a, creado entre outros por Chiu Longina e no que merece a pena perderse e ver novas creacións. O folk continúa evolucionando de diversos xeitos da man de Xurxo Romaní, do grupo Sonhos, que propoñen unha fusión de todo tipo de estilos, a grata sorpresa que nos dou Ugía Pedreira con Nordestin@s e con Marful e a recuperación da música que soaba nos salóns de baile entre os anos 30 e 50, Bonovo con Pulpiño Viascón ao serrucho acompañado pola zanfoña e samplers de por medio, pasando por Zora Gabbara con rastros musicais do folk máis americano ata chegar ao blues da man de Moondog Blues Party. Dentro deses aires de evolución e cambio dentro da música hai que rescatar a Apeirón que, no 2002 e pode que algo eclipsados pola erupción do movemento Nunca Máis, nos sorprendían con Todo sigue intacto, difícil de clasificar daquela pero moi postgalego en calquera caso. Máis adiante habían ser dous dos seus integrantes os que continuarían coa música: Álvaro Lorenzo no 2007 o que nos trouxo a alegría co disco Pensando em Copacabana baixo o nome de Samba, Futebol, Alegría e, de novo o abraio da man de Emilio José no 2009 con Chorando Apréndese. Así vanse xerando novas músicas e grazas ao acceso e uso de internet espállanse sen remedio os mp3, salientando espazos como a netlabel A Regueifa Plataforma (2006), Komunikando, a rede social Chuza! creada por Berto Yáñez no 2006, a revista musical Sono-Tone (2006) etc. A creación no 2005 de novos espazos públicos, caso dos programas na Radio Galega Extrarradio, con colaboradores como Modesto del Río ou Grial Parga e dirixido por Belén Regueira (que todos lembrabamos do programa Chambo, rematado no 2000) ou Aberto por reformas con Xurxo Souto como capitán, permitiu 38

que unha nova fornada de artistas se puidera dar a coñecer, colaborando ambos co concurso A polo ghit, do xornal dixital Vieiros.com, na búsqueda da canción do verán. Na Radio Galega Música comeza a emitirse Radio Oceánica, primeiro coa voz de Noel Feáns con colaboracións como as de Uxío Broullón, Txiki Calvo ou Berto García e máis adiante baixo a dirección de Isaac González. Aparecían novas formacións como Austria (2005), formada por Pedro Berbel e Óscar Tercero cun sonido moi Berlanga, o mesmo espíritu que podería impregnar no 2001 a Dar Ful Ful e logo a Apenino (ambos levando o nome propio de Marco Maril dentro) ou xa no 2010, a formacións como Carrero Bianco. Descubrimos a Projecto Mourente (2006) dando racións de pop electrónico en galego reintegrado, a Quant cun pop cheo de alegría dende Ferrol onde participaron nas festas de La Fonográfica General, a Hanom Ausse (2006), post-rock con marca da casa comparable ao que Vale Tudo, dende o Taller Electrónico da Coruña, nos presentarían máis adiante, ou Mano de obra. Tamén facemos mención a Los Iribarnes (2006) con Rafa Anido no proxecto, como xa estivera en Sr Anido e estará en Jiménez Los Santos, Jiménez del Oso ou Metralletas Lecheras, comezando así o Galician Bizarre, movemento punk, gastropunk, post-rock etc que no 2010 conta cun disco recompilatorio no que tamén aparecen outras bandas como Novedades Carminha, Telephone Rouges, The, Los Santos, Shit Pony, Noise Project (teloneiros eles xunto con Telémaco de The Go! Team), Cu de Vaso ou srasrsra, moitas delas con discos en descarga gratuíta en A Regueifa Plataforma e que ten longa vida coa aparición de grupos como Terbutalina. Nesa mesma liña tamén poderían ir grupos como Franc3s ou Triángulo de Amor Bizarro, recoñecidos a nivel nacional como tamén foron Niño y Pistola, Nadadora, Colectivo Oruga, Cat People e máis recentemente Igloo ou Jane Joyd (á que, xunto con Silvia Penide ou Sevigny podemos incluír na marea de solistas femininas que invadiu o mundo, continuando na liña de Tulsa, Russian Red ou La Bien Querida). Todo isto grazas á cantidade de revistas dixitais de música, sen esquecer os medios analóxicos como poderían ser Mondo Sonoro, cono Nonito Pereira á cabeza da sección galega ou o concurso Proyecto Demo que comezou no 2001, colaborando o Festival Internacional de Benicassim (FIB) e Radio 3, onde nos micrófonos podiamos escoitar a Jesús Ordovás presentándonos aos grupos participantes e desexosos de ser un dos tres finalistas que tocarían no FIB. Viviuse tamén unha eclosión de festivais dirixidos a todos os públicos imaxinables. Pioneiro foi o Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira nado no 78 dirixido á amantes da “música celta”, seguido do Festival de Pardiñas no 80 e da Festa da Carballeira de Zas que iniciaba a súa andadura no 86. A pachanga e a festa continúan no Çastañazo Rock (Lalín, 1993), na Foliada de Lalín (1996), no Reperkusión (Allariz, 2003) ou no Festigal dende o 2002.


http://www.flickr.com/photos/sing-me-a-song/

Destacar tamén a Uxía Senlle e a súa achega á lusofonía a través de festivais como Cantos na maré (iniciando singladura no Brasil no 2009) que nos fixo coñecer máis de preto a Lenine, Dulce Pontes, Narf, Manecas Costa, Sara Tavares, Batuko Tabanka ou a Aline Frazão. Con vocación máis popeira nace no 98 o Festival Cultura Quente de Caldas de Reis onde Deluxe fixo 10 anos despois unha versión da Carolina, no 2000 o Festival do Norte en Vilagarcía de Arousa, o Dolorock no 2003, o Lolapop no 2007, todos eles traendo grupos galegos, nacionais e extranxeiros. O festival máis transgesor e o que conta con menos edicións é o Artenativa, nado na vila de Valga no 2007 e rematado no 2008, foi un fito na música galega, demostrando que se pode facer un moi bo festival de dous días de duración so contando coa presenza de artistas galegos, foi así como Jugoplastika, The Homens, O Leo i Arremecáchona!!!, The Blows, Mequetrefe ou Yoplay, entre outros, lograron facer das dúas edicións todo un éxito. Artenativa, pódese dicir que foi coma o concerto dos Sex Pistols en Manchester, ao que todo o mundo quixera ter ido. Falando de The Homens, o power-pop galego que nace da Asociación Xurásica, hai que nomear tamén ao Rock en Costa que neste 2011 celebrou a súa décima e última edición e no que se xuntou todo o punk, rock e garage de Galicia e Portugal, isto último a través dos contactos coa asociación portuguesa Audiênzia Zero. Moi importante foi a Asociación

Xurásica do Castiñeiriño posto que dela saen bandas como os Samesugas, Fame Neghra. Royalties, Los Chavales, Dirty Barriguitas ou Mato Grosso. Outro festival similar comeza a celebrarse no 2005 en Carballo, o Xiria Pop: onde Annie Hall, Burgas Beat ou The Phanton Keys compartiron escenario con outros artistas nacionais e internacionais. Dixemos que os festivais estaban dirixidos a todos os públicos co cal non podemos esquecer o Alternavigo para os incondicionais do heavy e do metal. Quedándonos en Vigo hai que nomear ao Marisquiño, nado no 2001 como un festival de deporte e cultura urbana e que tamén rematou sendo unha cita musical. E o certo é que en Vigo cócese algo porque de alí saíu unha fornada de hip-hop e R&B encabezada por El Puto Coke, Aíd e Wöyza. Este xeito de ver o mundo foi recollido nun recompilatorio chamado Galicia Flow Vol. 1 onde aparecen outros artistas como Seis Senseis, El Pablo Ese ou Gran Purismo, que no 2007 actuou nun especial de Nadal cantando Par de Conde con El Puto Coke. Recompilatorios houbo bastantes, pode que falten por mencionar polo menos dous ou tres moi importantes. Un deles foi o dobre disco tributo a Andrés do Barro, o Manifesto Dobarrista (2007) no que participan 30 grupos, moitos dos cales tocan na gala “Saudade de ti” emitida pola TVG, e outro,

do 2008, GZ POP! a nova fornada de pop en galego. Este último volve a levarnos a Cataluña, posto que foi a revista catalá Enderrock a que acompañou un número con este CD. Ou moito temos que agradecer aos cataláns ou moito temos que aprender deles. Hai dous grupos, Antònia Font e Manel, que cantan no seu idioma do cotiá e que son escoitados en toda España e que me lembran infinitamente a Ataque Escampe, ese grupo que xa participara no 1º Concerto Expansivo Nunca Máis e os primeiros que se atreveron a dicir, no esplendor da patria, que Galicia es una mierda. Tanta razón tiñan que a partir do 2009, con cambio de goberno incluído, comezaron a desaparecer programas como Aberto por reformas, Extrarradio ou Banda Curta (seis meses antes dese xuño, na primeira emisión do programa na TVG, tocaran The Blows, os Strokes vigueses), este último presentado por Luís Pardo e acompañado de Ricardo Alonso, que daban un pulo a todas as bandas saídas da Rede de Locais de Ensaio. Pero non todo foi malo: ese ano Bruce Springsteen tocou unha Rianxeira no Monte do Gozo e sempre nos quedan os Xacobeos, que nunca defraudan. O do 2010 dounos unha grande sorpresa, non xa tanto polos Pet Shop Boys que xa nos visitaran en Vigo no 2006, se non por Jónsi e polo novo festival Vigo Transforma que fixo as delicias dos máis modernos podendo disfrutar de solpores con 39


The Xxs ou con Neil Hannon ao piano, de Devendra Banhart ou de Fanfarlo anticipando a emoción que logo desatarían Arcade Fire, co patrocinio da MTV, no Monte do Gozo. Gozada foi tamén a chegada do Sónar á Coruña podendo escoitar alí a dous grupos que non se nos esquecían, se non que tiñamos reservados para este momento: 6pm e Fluzo, dignos de compartir noite con Hot Chip, Lcd Soundsystem, Fuck Buttoms, Laurent Garnier, Air, Cora Novoa ou 2manydjs, escenarios nos que ao ano seguinte estarían Colectivo Oruga, Cut Copy, M.I.A. ou Buraka Som Sistema, porque a boa nova destes dous últimos acontecementos (Sónar e Vigo Transforma) é que semella que chegaron para quedarse. Anque o Sónar signifique prescindir do 981 festival na Coruña, pioneiro na cidade ao achegar dende o 2005 artistas coma Codec & Flexor, Alex Gopher, Radio Slave, Etienne de Crecy ou Crystal Fighters aderezados cunhas xornadas gastronómicas paralelas. Respecto á música nesta década, non hai que esquecer a SINSALaudio, iniciativa nada no 99, e que nos veu agarimando todos estes anos traéndonos artistas como Múm, Dominique A, Lali Puna, CocoRosie, Jose Gonzalez, Bill Callahan, Sun O))) ou Omar Souleyman entre outros. Na lembranza quedan grandes concertos coma os de Wilco, Franz Ferdinand, Ladytron, Camera Obscura, The Divine Comedy, os últimos concertos de Madredeus, Gustavo Cerati, Jonathan Richman,Yo La Tengo, Leonard Cohen, Micah P. Hinson, Eli PaperBoy Reed, máis festivais como o Sereas e Piratas, Felipop e a idea de apropiarse do de Paredes de Coura como propio. Tamén recordamos un montón de salas, tan importantes elas, e teatros e auditorios nos que nos empapamos da música do Sr. Chinarro, Nacho Vegas, El Columpio Asesino, Xoel López, La Casa Azul, Hidrogenesse ou Love of Lesbian. É así que, para non esquecer toda esta década e máis historia, sempre podemos recorrer a libros como poden ser 50 anos de pop, rock e malditismo na música galega de Fernando Fernández Rego, Selectronic.gal. Guía dos seareir@s da electrónica galega de Soedade Noia e Carlos Amado, ás fotos de Janite (Tony Lomba mediante) ou ás de Carmen Valiño. A LITERATURA Din tamén que a historia é cíclica e ás veces temos que crelo porque se o que espertou unha marea foi un petroleiro, Lois Pereiro provocou un vendaval case unha década despois cando, para sorpresa de todos, a Real Academia Galega, no seu consello de sabios, decidiu adicarlle o Día das Letras Galegas no presente ano. Vento Lois foi tamén un evento expansivo onde a música tampouco podía faltar. Mostra diso foi a presentación no Borrazás da fotobiografía sonora de Lois da editorial Ouvirmos onde varios artistas musicaron os seus poemas, lembrando así á fotobiografía sonora de Celso Emilio Ferreiro do 2008, onde destacaba a versión de Dios ke te Crew de Deitado frente ao mar. A 40

presentación deste orixinal libro acompañouse cun concerto de Ondas Martenot, grupo composto para a ocasión formado por O Leo i Arremecághona!!!, Fran Amil de Ulträqäns, Cristina de O Sonoro Maxín e Antón Papaqueixos. Tocaron cancións de Lou Reed, Parálisis Permanente ante o Concelleiro Roberto Varela e para sempre quedará en nós “O amor hanos esnaquizar outra vez” de Joy Division ou o “Erguémonos en silencio cando nos chama o mar” de Como o vento de Radio Océano, con Jhonny Rotring presente. O fenómeno Lois Pereiro e o movemento que provocou en toda a sociedade pode levar á mudanza definitiva da solemne literatura galega. Lois pode que fose o sopro de aire fresco preciso para decatarse dos cambios acontecidos na década, dende unha mudanza xeracional e estilística ata a reivindicación da igualdade na RAG a través do manifesto “O xogo das cadeiras” (entre outras cousas

pode ser entendible que so sexan tres as mulleres ás que se lle adicou o Día das Letras Galegas pero non que, a día de hoxe, so haxa catro mulleres na Real Academia Galega). Acababamos a década dos 90 aínda coa lembranza das lecturas da escola, tales coma Memorias dun neno labrego de Neira Vilas, Os gazafellos de Calros Silvar, O misterio das badaladas de Xavier P. Docampo, Amor de Artur de Méndez Ferrín (a nosa proposta ao Nobel), Fortunato de Trasmundi de Darío Xohán Cabana, Cartas de inverno de Agustín Fernández Paz ou Mecanoscrito da segunda orixe, traducción da obra do catalán Manuel de Pedrolo e xa nos soaban nomes como Marina Mayoral, Alfredo Conde, Carlos Casares, Manuel Rivas, Suso de Toro, Xavier Alcalá, Fina Casarlderrey, Mª Xosé Queizán, Marilar Alexandre, Úrsula Heinze ou Xosé Carlos Caneiro. A xeración que medrou nesta década xa coñeceu


tores como Xavier Alcalá ou Santiago Jaureguízar. Non sei cando comezou a acuñarse o termo “A gran novela galega”, pode que ante a sucesiva erupción de premios e certames literarios, feito que facilitou que moita máis xente se presentase a eles descubrindo así a grandes autores galegos, coma os que leva de escaparate Pulp Books. Pode que foran as palabras de Suso de Toro as que romperan a incomprensible sacralidade nas formas e no fondo da literatura galega achegándoa ao mundo actual cando, xa no 86 ,propuña en Polaroid, unha novela rompedora, o seguinte ¡PROFANEMO-LO PANTEÓN DE GALEGOS ILUSTRES! ¡DERRUBÉMO-LA CASA MUSEO DE ROSALÍA! ¡FAGAMOS CROQUETAS COA MOMIA DE CASTELAO! ¡REMATEMOS CON GALICIA E O GALLEGO!

http://www.flickr.com/photos/andor/

a Os Bolechas, quedaron pampos coas ilustracións e cos contos (tanto galegos como extranxeiros) da editorial Kalandraka, e seguirán os pasos que moitos seguimos lendo as historias do Grupo SM ou de Factoría K. Non fai falla dicir pois, que a literatura infantil e xuvenil en Galicia medra sen parar, proba diso son as 32 mencións a libros galegos feitas pola Biblioteca de Múnich a través dos prestixiosos White Ravens, distribuídas dende o 94 ata o presente 2011. Entre esas extraordinarias rarezas a destacar atópanse obras de Xavier P. Docampo, Fina Casalderrey, Agustín Fernández Paz, Xosé A. Neira Cruz, Fran Alonso, Kiko da Silva, An Alfaya, Paula Carballeira, Rosa Aneiros, Marilar Alexandre ou, neste ano, Marcos Calveiro e o ilustrador Ramón Trigo. Outra selección moi valorada de libros de LIX é a Lista de Honra IBBY (International Board on Books for Young People) de carácter bianual, onde hai 12 mencións a libros galegos, destacando desta última década a Alberto Avendaño, Xosé Miranda, Gonzalo Moure, An

Alfaya e, como non, a Agustín Fernández Paz. Agustín debe ser o noso escritor máis galardoado (o 30 de novembro deste ano entregaranlle o VII Premio Iberoamericano SM de Literatura Infantil y Juvenil) e, curiosamente, adscrito sempre á literatura infantil e xuvenil, aínda que libros coma a última que lle mereceu a mención do IBBY e tamén o Premio Nacional de Literatura Infantil y Juvenil, O único que queda é o amor e outras obras, ben poden ser o deleite de público máis adulto. Obras estas que foron traducidas a outros idiomas, entre eles o español, caso tamén doutros autores como Manuel Rivas, Suso de Toro e, a día de hoxe, grazas a unha nova editorial nada no 2010, Pulp Books, podemos exportar unha selección da nosa literatura ao mercado hispanofalante. Entre os títulos que esta editorial ofrece están gañadores dos Premios Xerais como Teresa Moure, Diego Ameixeiras ou Iolanda Zúñiga, así como obras doutros recoñecidos escri-

Convertéronse Suso de Toro e Manuel Rivas nas caras que tivo Galicia tanto no ámbito social (ambos prestaron a súa voz cando o Prestige) coma no literario, chamaron a atención pola súa nova narrativa facendo fotografías do escenario que tiñan diante, da vida do cotiá, do punto de vista propio, novelas centradas en Galicia, en realidades galegas, o mar, a Guerra Civil, a droga, a vida...Mesmo textos seus deron lugar a filmes, caso de A rosa de pedra (Manuel Palacios, 1999), La lengua de las mariposas (José Luís Cuerda, 1999), Trece Campanadas (Xavier Villaverde, 2002) ou O lapis do carpinteiro (Antón Reixa, 2002). É dese xeito que entre a arenga para facer croquetas coa momia de Castelao, a exposición da realidade galega e os novos premios literarios creados, as historias de Marcos Calveiro, Francisco Castro, Xurxo Sierra Veloso, Francisco Castro, Mario Regueira, Diego Ameixeiras ou Séchu Sende aparecen, tanto en letra impresa como dixital. Hai que lembrar a revolución que supuxo internet en todos os ámbitos da nosa vida, non sendo o mundo da cultura alleo a ese cambio. Naceu o blogomillo, naceu Blogaliza, naceron os blogues comandados por escritores, editores, editoriais, críticos e xente de a pé que expoñía a súa opinión e comentaba todo o que lle pasaba polo maxín: dende a nova política do día, ata libros que recomendar ou festas ás que acudir. Foi unha grande revolución e, a día de hoxe, aínda podemos seguir a varios autores e críticos nos seus espazos dixitais. Foi así como comezan as primeiras experiencias en canto a e-books. Da man de Ediciós da Rotonda e da de María Yáñez, no 2005 chegounos O home inédito de Carlos G. Meixide, dispoñible gratuitamente e baixo unha licencia Creative Commons, que contaba unha das posibles realidades máis reais da mocidade galega: un rapaz namorado dunha rapaza que bebía os ventos por Anxo Quintela e que quería publicar uns poemas en Positivas. O netlabel A Regueifa Plataforma tamén pon á nosa disposición literatura de autor para a súa conveniente descarga, un spoken word de María Lado do seu poemario Berlín e, como non, poemas musicados da man de Fanny + Alexander. Nacerían logo editoras que beberían, cada unha ao seu xeito, destas augas, 41


caso de Estaleiro Editora, editando sobre bases Creative Commons dixitalmente e en papel a autores coma Rubén Ruibal, Raida Rodríguez, Alberto Lema, Patricia A. Janeiro e colaboracións de Proxecto Derriba na sección de ensaio. Partindo da liberdade das licencias C.C. e da necesidade de cubrir un oco en canto á tradución ao galego de obras de literatura fantástica, ciencia ficción e terror (Lovecraft por exemplo) ábrese paso Urco Editora. Ese burato en canto a tradución viña sendo cuberto dende o 2005, sobre todo, por Rinoceronte Editora e con aportacións da editorial Factoría K. A través de Rinoceronte abríusenos a posibilidade de ler no noso idioma a grandes escritores coma Kavafis, Pavese, Coetzee e outros autores islandeses, xaponeses... e tamén de escoitalos, xa que neste 2011 ofrécennos a posibilidade de mercar audiolibros: novelas breves nas voces de Sonia Rúa e Santiago Cortegoso. Moitos fomos os que dixemos “Grazas!” a Moisés Barcia e a todos os tradutores que están detrás desta realidade. Pero volvamos á ciencia ficción, xénero de grandes autores como Vonnegut, Ray Bradbury, Farmer ou Philip K. Dick. Ou debería dicir Xurxo Borrazás, Antón Lopo e Ramóm Caride? Porque son eles os que retoman na actualidade os universos máxicos de Cunqueiro: Borrazás e Lopo cunha distopía carballesa chamada Costa Norte/ZFK e unha Compostela descoñecida en Obedicencia, respectivamente e Ramón Caride, do que xa coñeciamos Soños eléctricos, cunha nova obra de suxestivo título e contido: Exogamia 0.3. Continuamos co presente-futuro a través doutras dúas novas editoriais que naceron no 2010: Edicións Barbantesa con Penélope Pedreira (cofundadora de Rinoceronte), centrada en literaturas recuadas e periféricas e 2.0 editora baixo a dirección de Antón Lado, pode que a máis adaptada aos tempos que corren, centrada no dixital e sen descoidar o contacto co público ao que se dirixe. No ano que leva de vida xa chamou a atención de moitos con títulos vangardistas coma o Manifesto Cluetrain, ensaios coma A novísima dereita e nós de Manuel M. Barreiro ou Lois Pereiro. Unha persecución. de Mario Regueira. Supoñemos que nesta década nova veremos coma o resto das editoriais (Xerais, Galaxia, Positivas, Sotelo Blanco etc) se van adaptando aos novos cambios que veñen, coma son os libros dixitais, a organización de redes sociais en torno ao libro como Redelibros e as vendas por internet, caso de iniciativas galegas como toupa. net ou internacionais como Amazon de recente desembarco en España. Nestes anos vimos tamén como despuntaba a literatura nórdica de asasinatos, policías e misterio. A novela negra deu un pulo da man de Stieg Larsson e a xente devoraba voluntariamente libros de 500 páxinas e subindo, e aínda se laiaba de que non houbese máis entregas. Non nos vimos inmunes a ese efecto e podemos presumir de ter os nosos detectives particulares e seguirlle os pasos nas súas 42

pesquisas. Por unha banda temos a Frank Soutelo (nado no 2002 grazas a Miguel Anxo Fernández) residente en L.A. pero ao que finalmente podemos ver por Muros na súa última entrega. Máis a man está o inspector Leo Caldas, tendo o seu propio roteiro literario visitando Monteferro, Toralla, Panxón e Domingo Villar pode estar orgulloso del, posto que semella que vai ter adaptación cinematográfica por parte de Jorge Coira. Outro detective é Horacio Dopico, morador de Oregón (a cidade 0 coñecida como Ourense) ao que Diego Ameixeiras fai perseguir ao GIA (Grupo Independentista Armado). As aventuras de Horacio e a habilidade á hora de artellar historias escuras fixeron que Ameixeiras levase neste 2011 o Premio Especial do Director da Semana Negra de Xixón polo seu libro Dime algo sucio. Diego Ameixeiras, ademais, foi gañador no 2006 do Premio Xerais, que nesta década tiveron en seis ocasións nome de muller. Esta década non se entendería sen estas tamén creadoras de opinión, como poden ser Rosa Aneiros, Teresa Moure, Inma López Silva, Anxos Sumai, María Reimóndez, Eva Moreda ou Iolanda Zúñiga, moitas delas presentes no libro Narradoras (Xerais, 2000) que saíu adiante grazas a Fran Alonso e que facilitou o descubrimento desas voces femininas que se expresaban en prosa. Entre as autoras dos 25 relatos que compoñían o libro están An Alfaya, Mónica Bar, Begoña Paz, Marica Campo, María Canosa ou Ánxela Gracián. Sería imposible trazar unha liña común entre as súas obras quitando o feito da visión da sociedade dende o punto de vista da muller e á inclusión desta nas historias creadas, sen caer en tópicos de “tés de camomila”. Exemplos son Resistencia de Rosa Aneiros, Cardume de Rexina Vega ou Herba Moura de Teresa Moure contextualizadas en diferentes marcos históricos (cousa que tan ben lle prestou a Marcos Calveiro nos libros Festina Lente e Settecento). Esta literatura amosa o punto de vista da muller, sendo elas mesmas as que escriben sobre as súas vidas, as que contan dende o coñecemento as súas experiencias e botamos man de O club da calceta de María Reimóndez (libro que Antón Dobao decidiu trasladar ao formato audiovisual continuando a súa serie Un mundo de historias centrado na adaptación de obras literarias galegas), Benquerida catástrofe de Teresa Moure para rematar no erotismo de Eva Moreda en Organoloxía ou en Lupe Gómez co seu atrevemento natural, lista esta na que engadiriamos Unha punta percorre Europa, de ser muller Alberto Lema. E as mulleres tamén innovan, aí está o caso de Anxos Sumai que publica Anxos da garda a partir de textos que fora deitando no portal culturagalega.org durante o 2002 e o 2003 ou o de Iolanda Zúñiga cando sorprendeu coa frescura en Vidas post-it (que nos pode lembrar a Palabras Contadas de Camilo Franco ou Dz ou o libro do esperma de Samuel Solleiro), confirmando, máis adiante, que non fora unha casualidade con Periferia, outra novela postmoderna chea de referencias ao popular e cunha visión moi cinematográfica da realidade de São Paulo. A chegada destas novas voces á narrativa é simi-


lar á incursión realizada nos 90 polas novas poetas que chegan tras os pasos de Luz Pozo Garza ou Pilar Pallarés. Temos aí á rompedora Chus Pato (que editará no 2010 en Edicións do Cumio unha antoloxía con CD no que podemos escoitar á autora recitar os seus poemas) ou a Ana Romaní, Marta Dacosta, Yolanda Castaño, Emma Couceiro e Olga Novo das que destacamos a sensualidade coa que chegaban os seus novos versos. A estas autoras sumáronse outras voces novas como María Lado, Lucía Aldao, María do Cebreiro, Xiana Arias, Olalla Cociña, Lucía Novas, Estíbaliz Espinosa, Emma Pedreira, Oriana Méndez, Ledicia Costas, Eli Ríos, Berta Dávila, Rosa Enríquez... Isto pola banda de Laíño, porque pola de Lestrove paseaban Arsenio Iglesias, Rafa Villar, os irmáns Creus, Daniel Salgado, Alberte Momán, O Leo, Igor Lugrís, Mario Regueira, Eduardo Estévez, Alfredo Ferreiro, Baldo Ramos, Miro Villar, Modesto Fraga, Rafael Lema ou Gonzalo Hermo ao carón de publicacións de grandes do seu tempo coma Miguel Anxo FernánVello ou Paulino Vázquez. Internet permitiunos ter un mellor coñecemento e acceso a estes novos protagonistas a través de portais como Andar 21, na sección Lg3 de culturagalega.org ou en blogues de colectivos como A porta verde do sétimo andar. Esta nova xeración aposta por un cambio na temática e nos serios e severos sonetos que as preceden. Exemplos son Estíbaliz Espinosa con seu universo cósmico, maquinal, cheo de ciborgs nun

acaso de postmodernismo ciberpunk. Rosa Enríquez que recrea un novo espazo sideral en Unicrom (Sotelo Blanco, 2009) ou Valentina Carro e o seu poemario gañador do Pérez Parallé no 2007, Debaixo de Dziga Vertov hai unha buxaina cargado de ligazóns, referencias e irreverentemente vangardista e rompedor do que roubamos un extracto: (EVIDENTEMENTE, cando chame á porta, fareino pasar e sentareino na mesiña ó fondo, sen posibilidade de fuga ou contrapunto) Vid. Fig.1 para os detalles da miña rumiada aproximación en puntos discontinuos e demais estratexias circunvalatorias de imperio romano. O éxito radica en comeza-lo discurso cun suxeito gramaticalmente pesado, por ex.: os octanos da gasolina. Sexa como for, volatilizar ipso facto en metereoloxía. Os ollos en ventolina crestas de escuma na voz e de seguido, xa, embestida. Meu querido Fernán Vello punto coma.

Por outro lado está o caso de María Lado e Lucía Aldao, cos seus recitais convertidos en espectáculos con nomes como Moita poesía, pouca diversión ou Onde estea un cubata que se quite un soneto, que teñen a súa continuación, recuperando así a oralidade da poesía, nas Merendaceas do Verbum de Vigo do colectivo Poetas da Hostia, responsable tamén das batallas líricas da Hostia en verso. Esta 43


vertente lúdica ten o seu punto álxido cando o Gerador Automático de Poesía Galega de Berto Yáñez ve a luz na páxina Aduaneiros Sem Fronteiras, instrumento práctico para crear o noso propio poemario-collage con versos prestados dos nosos preciados bardos. Tamén destacamos a digna herdeira do colectivo Ronseltz e da rede, a obra de perlas punkis de O Leo, Hai Cu (Xerais, 2007) que ten a súa orixe nun blogue e que o autor xustifica deste xeito: “Porque todo o mundo ten un, porque onde hai cu hai onde sentar, e porque as mellores ideas sempre chegan no baño.” Non esquecemos a autores como Dani Salgado ou Oriana Méndez (pertencente ás Redes Escarlata) máis centrados no social e político e na denuncia do día a día, caso tamén de poemarios coma Nove de María Lado que non esquecen o Prestige, desastre que orixinou no seu día obras colectivas coma Negra Sombra. Intervención poética contra a marea negra ou Alma de Beiramar da Asociación Galega de Escritores Galegos, asociación que axuda a dar visibilidade ás novas xeracións a través dos seus Encontros de Escritores Novos. Nestas obras xa podemos ver a esta xeración emerxente que nos contan vivencias centradas no eu, no íntimo, en conversas privadas cunha lírica preciosa e coidada, expoñentes desta poesía son María do Cebreiro ou a novísima Berta Dávila, que deitan coidadosamente as palabras para o noso disfrute, do mesmo xeito que Baldo Ramos mima a edición dos seus libros de autor María do Cebreiro destaca tamén no ensaio galego (e este ano sorprendeunos con Bangor onde a súa voz, acompañada de David Miranda á guitarra, van dando forma ás cancións de Lembrarás este cuarto?). No ensaio recalamos e atopamos a Miguel Anxo Murado cos seus libro Otra idea de Galicia ou Fin de século en Palestina ou a Rebeca Baceiredo que tan ben definiría nesta terra (con permiso de Žižek) a época que nos toca vivir en O suxeito postmoderno, entre a estética e o consumo. Época esta na que tamén é posible representar A ópera dos tres reás de Bertold Bretcht en galego (protagonizada por Luís Tosar, como Mackie da Faca, e dirixido por Quico Cadaval), mostra dos avances na normalización cultural e idiomática desta década. Non tan normal foi o percorrido de Limpeza de Sangue (Premio Álvaro Cunqueiro para Textos Teatrais no 2005 e Premio Nacional de Literatura Dramática de España no 2007) de Rubén Ruibal, posto que a obra tardou en estrearse nas táboas seis longos anos baixo a dirección de Arturo López, espera que agora recolle os froitos, posto que Jacobo Paz vaina levar ao cine a través do grupo Filmanova fundado por Antón Reixa. Rubén Ruibal ten entre os seus referentes a Roberto Vidal Bolaño, falecido no 2002 e figura destacada no teatro galego, tanto é así que Ruibal chegou a dicir que en Limpeza de Sangue tentara imitar a Bolaño, sendo a obra unha homenaxe a el e a Teatro do Aquí. Porque, sen faltar á verdade, é impensable o teatro sen compañías que o representen, tal é o caso da iniciativa pública como o Centro Dramático Galego integrado na AGADIC (nada no 2008 baixo o mandato de Ánxela Bugallo na Consellería de Cultura), e da aventura de Sarabela Teatro, Teatro de Ningures, Teatro do Atlántico, Talía Teatro, Chévere ou Berrobambán (estes dous últimos con propostas máis rompedoras) entre outro,s ou escolas como Casa Hamlet de Manuel Lourenzo, dramaturgo recoñecido. Estas compañías tanto representan textos creados para a ocasión como Unha primavera para Aldara de Teresa Moure como adaptan O lapis do carpinteiro de Manuel Rivas, A esmorga de Blanco Amor ou Se o vello Sinbad volvese ás illas de Cunqueiro, como se atreven con Un cranio furado de Martin McDonagh ou nos espetan diante da cara ao dramaturgo inglés por excelencia a través de Shakespeare para ignorantes de Mofa e Befa, Noite de Reis. Ou o que queirades. Ambas contan coa intervención de Quico Cadaval que, xunto con Cándido Pazó son os grandes nomes dramáticos destes anos, premiados varias veces nos María Casares e continuando a vida do teatro como fixeran Xesús Pisón, Euloxio Rodríguez Ruibal e o propio Vidal Bolaño anteriormente. O AUDIOVISUAL As novidades culturais tiveron a súa difusión en programas como Diario Cultural na Radio Galega, conducido por Ana Romaní e activo dende o 90. Na TVG, nos anos 2005 e 2006, aparecen novos programas como o magazine Miraxes presentado por Miguel Fernández, Libro Aberto con Manolo Romón, Planeta Cine coa cara de Uxía Blanco, Onda Curta dirixido por Carlos Meixide, escaparate das novas creacións audiovisuais galegas e Premio Mestre Mateo 09 a mellor programa de televisión, ou Banda Curta, nacido máis tardiamente pero que desaparecería xunto aos demais no 2009. A día de hoxe contamos na segunda canle TVG2 con programas como Zig-Zag ou Eirado, este último presentado por Pemón Bouzas e ambos, contedores culturais en xeral. Na prensa destacamos a sección cultural de Vieiros da que foi responsable unha tempada o xornalista Marcos S. Pérez Pena, a de Xornal da man de Iago Martínez ou o suplemento cultural Revista das Letras de Galicia Hoxe, que tamén contaba coa sección Maré adicada á cultura. Tristemente o xornal dixital Vieiros rematou a súa andada no 2010, ano no que a edición en papel de A Nosa Terra deixaba de imprimirse, situación á que tamén chegaron un ano despois Galicia Hoxe e Xornal. Na rede os blogues son os que dende o Prestige foron dando conta dos cambios sociais, as novidades culturais e, nos últimos tempos, as redes sociais son as que van espallando as novas suplindo o cometido que cumpriran ata entón os blogues. Destacamos entre estes últimos os espazos de Manuel Bragado (bretemas.blogaliza.org.), a crítica deitada en bouvard.blogaliza. org ou na Ferradura en tránsito de Xosé Manuel Eyré (xmeyre.blogaliza.org), nomes coma o de Alfredo Ferreiro (olevantadordeminas.blogaliza.org) que xunto con Pedro Silva, Tati Mancebo e Maribel Úbeda crearon 44


http://www.flickr.com/photos/bibloleiros/

Algueirada, empresa que entre outras cousas nos permitiu ver en streaming eventos coma as entregas dos Premios Xerais, actuacións e presentacións no Culturgal etc. Nesa tendencia de facer crónicas entran blogues coma apocalipsedoporco.blogaliza. org e nomes coma o de Txiki Calvo, ligado a Sergio Lago a través de iniciativas coma Lonxa Cultural ou a tenda dixital Toupa.net que nos ofertaba cultura para levar. Se volvemos ao audiovisual un nome que é obrigado mencionar é o de Martin Pawley (pawley.blogalia.com e anteriormente mantedor de Días Estranhos en pawley.blogaliza.org), cronista de festivais nacionais e internacionais de cine, xurado dalgúns deles, crítico, asesor, colaborador e todo o que se poida un imaxinar arredor do mundo da grande pantalla ou o blogue cinemafriki.blogaliza.org onde se comenta outro tipo de produtos audiovisuais e que ten na súa cabeceira unha cita do propio Pawley: “Só leo este blogue para saber o que non teño que ver”. Tamén, á hora de informarnos botamos man de Ramiro Ledo ou Iván G. Ambruñeiras nas súas colaboracións en Blogs&Docs e, a día de hoxe, da primeira revista dixital en galego de crítica cinematográfica, A cuarta

parede con nomes coma Iván Villarmea, José Manuel Sande (ligado ao CGAI), Arturo Losada, entre outros, baixo a dirección de Eloy Domínguez Serén e Víctor Paz Morandeira. O aire fresco do que disfrutamos a partir de decembro do 2008 con Flocos.tv (posto en marcha pola Axencia Audiovisual Galega, con Ánxela Bugallo á fronte da Consellería de Cultura) sóubonos a pouco cando se decidiu o seu peche en febreiro do 2011. Flocos.tv era un lugar de reunión do audiovisual galego podendo verse ata 300 obras entre curtas, mediametraxes e longametraxes, era un videoclube on line onde puidemos ver os traballos saídos da Escola de Imaxe e Son da Coruña, unha rede social que non deixaba de medrar e unha iniciativa que mereceu o Premio Mateo á mellor obra interactiva no 2008. Labor importante desenvolvida para saber o que se ten que ver foi a que fixeron os Cineclubes coma o Cineclube Compostela, o Padre Feijóo en Ourense, o Lumière en Vigo ou o Groucho Marx no Barco de Valdeorras así como os festivais e certames que naceron ou se consolidaron nesta década como os clásicos Cineuropa, a Semana de Cine de Autor de Lugo, o Certame Audiovisual Liceo Casino de Vilagar-

cía ou o Festival de Cine Internacional de Ourense (OUFF) e outros que xa nos soan a todos coma o Curtocircuito, Play-doc, MIVICO, o Festival de Cans aderezado de chimpíns e espectáculos musicais, o FIC de Bueu, Redondela en Curto ou o Filminho coa pretensión de unir o cinema galego e portugués. Aparecen propostas coma o Festival da Madama en Sanxenxo enfocado á recoñecer á muller e o seu traballo no cine, OfestivalON onde os participantes teñen que montar as curtas nun tempo record (e recomendamos a curta Estamos palmando planos! de Marcos Nine para entendelo) o Animacam (Festival Internacional de Animación On Line) ou o Anirmau tamén centrado na animación e cun enfoque didáctico. Por último e volvendo a formatos anteriores, no 2010 celébrase na Coruña o S8.Mostra de Cinema Periférico centrado no formato Súper 8. Dous anos antes estreábase no CGAI El Andamio da man de Lili Films (Ángel Rueda e Fernando Pujalte, especialistas en found footage) e o documental 50 años en el andamio. El Andamio é cinta amateur recuperada rodada en Súper 8 dirixida no 1958 por Rogelio Amigo e protagonizada por José María Pujalte, agochada no seu día por medo á censura. Entre os festivais e certames citados ante45


riormente non podemos esquecer ao pioneiro, o Xociviga do Carballiño que grazas ao seu pulo nos permite a día de hoxe ter un sector audiovisual en auxe. Caso son os nomes de Oliver Laxe (Paris #1, Todos vós sodes capitáns), Ángel Santos (O cazador, unha curta onde adapta o conto de Chéjov), Eloy Enciso (Arraianos, Pic-Nic), Peque Varela (1977, Gato encerrado), Susana Rei (De Bares, Cousas do Kulechov, O cadáver exquisito), Alberte Pagán (Bs. As., Tanyaradzwa), Lois Patiño (nome que resalta no cinema experimental con series como Paisaje-distancia e Paisaje-duración), Lara Bacelo (Conversas con Deus, John Ballan detrás da porta), Xurxo Chirro (Os señores do vento, 36/75), Claudia Brenlla (Bata por fóra (muller por dentro)), Xosé Bocixa (As Encrobas, a ceo aberto), Marcos Nine (J.E.D.N. José Ernesto Díaz-Noriega, Radiografía dun autor de tebeos co autor de banda deseñada David Rubín de protagonista), Manuel Fernández-Valdés (Manuel e Elisa), Xosé Manuel Bazarra Maneiro “Sepi”(Setembro) ou Jorge Coira (Entre bateas, O ano da carracha, 18 comidas) entre outros, cada un no seu estilo e moitos deles exportando con éxito o cinema galego (caso de Oliver Laxe, Peque Varela ou Eloy Enciso). Lembramos de novo neste eido da cultura o impacto que tivo o Prestige de novo. A iniciativa Hai que botalos é unha mostra diso e sobre as consecuencias da catástrofe tamén se rodaron películas como Manfred, home sen paz de Simón Vázquez, Aguiño: sobrevivir ó Prestige de Sandra Sánchez, Muxía, política na Costa da Morte de Ricardo Llovo ou Mar de Estrellas de Jorge Candán, onde se recolleu en imaxes a recuperacion do ecosistema mariño. Outro títulos amosan as nosas realidades como Terra de náufragos de Jorge Algora, Astano, a forxa dun soño con guión de Xes Chapela, A memoria nos tempos do volfram con Antonio Caeiro como guionista, Clangor, o documental de Pablo Iglesias, A casa de Lola de Andrés de Olaia Sendón, Linguas Cruzadas . Tamén se recuperaron importantes figuras como fixo Margarida Ledo con Liste, pronunciado Líster, Rivadulla Corcón con Coralia e Maruxa. As irmás Fandiño, Reixa con Maruja Mallo. Metade anxo, metade marisco, Xurxo Souto con Pucho Boedo, un crooner na fin do mundo, Francisco Rozados “Rochi” e Xoque Carbajal rescatando a Chano Piñeiro en Mamasunción volve ó correo ou Ramiro Ledo en CCCV (Cine Clube Carlos Varela). Sobre o idioma temos Entre linguas sobre o galego de Extremadura, montado tamén por Ramiro Ledo ou Linguas Cruzadas documental que analiza a situación da lingua na mocidade actual de María Yáñez e Mónica Ares. Galicia foi punto de chegada tamén de moitas películas, caso Los lunes al sol, Mar Adentro, Galatasaray-Dépor (One day in Europe), Romasanta, la caza de la bestia, de Finisterrae, imaxe do Sónar 2010 producida por Luís Miñarro e dirixida por Sergio Caballero ou The Way, apadriñada por Emilio Estévez e Martin Sheen (seu pai era galego). É no cinema pois, onde máis se ve a vertente máis expansiva da cultura galega, tendo tamén como exemplo 46

El bosque animado de Dygra Films (empresa que a día de hoxe non vive os seus mellores momentos), a primeira película 3D animada europea . No eido da animación hai que facer mención a De profundis traballo de Miguel Anxo Prado cunha preciosa banda sonora composta por Nani García , a Peque Varela de novo e o seu traballo 1977. En animación 3D temos o caso de Filmax Entertainment (presidida por Julio Fernández, nado en Lugo e residente en Barcelona dende hai décadas) producindo películas como Pérez, el ratoncito de tus sueños ou P3K, Pinocho 3000. Continental Producciones, ademais de De Profundis, tamén conta con outra coñecida película de animación da década, trátase de A crise carnívora, unha película en flash saída do mesmo estudo que o personaxe Cálico Electrónico, Nikodemo Animation. Outro tipo de animación que se levou a cabo foi o stop-motion colleitando premios con Minotauromaquia, producida por I.B. Cinema e dirixida por Juan Pablo Etcheberry, que chegou a ser proxectada no MOMA de Nova Iorque. Tamén importante é Artefacto Producciones, que a día de hoxe están a rematar o seu último proxecto O Apóstolo, pioneiro de novo en Europa porque ser a primeira película estereoscópica de stop-motion do continente, ou Algarabía, productora de Tomás Conde e Virginia Curiá, magos da plastilina e do stop-motion como demostraron en Pica Pica Circus. A guinda do pastel da animación galega é Arrugas, novela gráfica de Paco Roca gañadora do Premio Nacional de Cómic 2008, levada á pantalla por Perro Verde Films e con banda sonora de Piti Sanz e Iván Aledo. Das produtoras que máis e mellor cine nos trouxeron, nomeamos a VA-CA Films (Celda 211, También la lluvia, ambas protagonizadas por Luís Tosar), Milou Films (Atlas de xeografía humana e que agora vai producir Todo é silencio, baseado no libro de Rivas), Filmanova (Gordos, Doentes) responsable tamén do programa A caixa negra que sufriu a censura na TVG por un capítulo adicado ás vacas tolas ou Vía Láctea Films, que actualmente vai levar ao cine A Esmorga e que nos presentaba no 2007 Pradolongo, película que levantou tanta expectación coma o faría despois Crebinsky, protagonizada por Miguel de Lira e Celso Bugallo. Na pequena pantalla vivimos a continuación do éxito de Pratos Combinados ou Mareas Vivas, onde coñecemos antes que ninguén a Tosar interpretando ao Señor Xuíz, con series como Libro de familia, Padre Casares, As leis de Celavella, Matalobos, Terra de Miranda, creando así unha canteira de actores brutal. Para ir rematando este percorrido destes 10 últimos anos volvemos a onde comezamos: á música e ao mundo que a rodea. Así temos documentais sobre música como O tren que me leva, unha viaxe sobre a vida e obra de Andrés Do Barro, Que parezca un accidente arredor de Siniestro Total, Checkpoint Rock, unha aproximación musical a Palestina, Sixty Tolos (a golpe de single) sobre o yeyé vigués,


Roger de Flor: naturalidade Silvestre dirixido por Carlos Alberto Alonso (que nos 90, xunto con Txiki Calvo, emitiran un magazine cultural e rompedor na televisión local de Narón chamado Gorevisión) e xa neste ano, Nova Escena Galega, documental do ordense Marcos Sánchez (a.k.a. Marc Pastco) sobre as figuras emerxentes da electrónica galega. E nos tempos que corren, que é a música sen os videoclips? Temos pois, os nomes que lle poñen imaxe ás nosas músicas: Ángel Santos a Austria, MPSTK ou Sugar Mountain, Ramiro Ledo, Rafa Pazos ou Alba Viñas a Ataque Escampe, Fundación Intemperie (Le Roi e Isaac Cordal) a Calamar de The Homens, Rubén Coca a Quant, o rescate de imaxes doutros tempos e Fanny+Alexander, pasando polos xeniais videos de Fluzo ou por Juan Lesta e Belén Montero que, baixo o nome de DSK, traballaron con Fangoria, Astrud, La buena vida, Apeiron, Juniper Moon e que, transformados en Esferobite e ao abeiro de Iconoscopio, continúan na creación de videoclips como o de Eirasvedras de Emilio José. Ao meu ver foi esta unha década de cambios, de novas tecnoloxías, de apertura, visibilidade e de normalización en moitos aspectos. Estou no certo cando penso que quedan iniciativas e nomes fora desta mirada pero seguro que continuarán facendo o seu traballo para poder así lembralos en vindeiros anos. Mentres tanto, seguimos a andaina nestes Violentos anos dez (novo disco de Ataque Escampe) e que comezan así: Eeh, de que imos falar, señor? Da supervivencia. Da vida. Do amor. Da morte. Do sexo. Do matrimonio. Da rebeldía.

47


coords Letras en obras http://letraenobras.com/

A crise económica afortunadamente non é simultánea á creatividade cultural como é o caso desta plataforma colaborativa que emerxe á luz da media social 2.0. Letra en Obras é un proxecto de tres persoas que decidiron constituírse en colectivo (Pablo García, Roberto Noguerol e Ramón Vilar). Os tres teñen en común “que nos dedicamos ao xornalismo e que coincidimos no xa desaparecido diario dixital Vieiros”. Letra botou a andar en maio do 2011. Pretende ser un escaparate da literatura galega (sobre todo para eses autores menos coñecidos) pero tamén manter un espazo aberto a literaturas noutras linguas. Agora mesmo están nunha fase de reordenamento de ideas. Agardan que para finais deste ano, Letra rexurda con novas seccións, colaboracións e algún outro proxecto de libro aberto ao público.

Disquecool http://www.disquecool.com/ Vivamos como galegos, si, pero con estilo. Para eso temos a nosa biblia dixital do que mola. Disquecool é o primeiro medio de tendencias made in Galicia. Abordan diversos ámbitos: Arte e deseño, escenas (cine, teatro e televisión), estilos de vida, letras, moda, música, tecnoloxía e márketing. O seu obxectivo é dar a coñecer iniciativas interesantes que se están a desenvolver nestes eidos, especialmente aquelas vinculadas con Galicia e cos novos creadores galegos. Disquecool combina unha estética atractiva, e por suposto cool, para presentar unha elección de temas con sotaque divertido, irónico e alternativo. O equipo base son xornalistas, un fotógrafo e un programador que traballan esencialmente en rede, pero que concretan en disquemeeting físicos e virtuais as liñas editoriais e de contidos.

Sentinel wardrobe http://sentinelwardrobe.com/ Que faríamos sen a fantasía, a ucronía, a mitoloxía moderna. SW propón ser protagonista das nosas ficcións ou realidades favoritas a través de convocatorias que foron portada nos medios de todo o país. Sentinel son un grupo de 3 amigos, Jorge, Fátima e Iñaki, que combinan eficazmente artesanía geek, lendaria comparada, deseño e moitas máis habilidades propias de superheroes, para recrear mitos e ucronías. Presentan e dinamizan dende Internet eventos populares cunha feitura visual impecable na que fan converxer elementos da cultura pop cinematográfica, o costuming ou afección pola caracterización, e a ficción-histórica para relacionar Santiago de Compostela (ou Galicia por extensión) coa temática do evento e dotalo da debida pertinencia. pero o impacto visual non carece de recursos contados ben formulados e desenvolvidos con capacidade propia de corporacións multimedia de altísimo nivel. O grupo naceu en 2010 logo de organizar o macroevento-fan de Star Wars Imperial Stormtroopers (en equipo con outras 3 persoas). En 2011 organizaron o evento steampunk L’Extraordinaire Uchronie e en 2012 pretenden organizar o evento-homenaxe ao cine de espada e bruxería dos anos oitenta Sacred Peak. 48


Observatorio da Igualdade na Mariña www.obervatorioigualdade.org Non é habitual que entidades de ámbito periférico traballen de xeito tan prolífico e interactivo co seu contorno social na promoción dun feminismo construtivo e preventivo nas condutas froito da desigualdade de xénero. O Observatorio da Igualdade é un referente na bisbarra e en toda Galicia na loita contra a discriminación da muller a través de estratexias novas e dinámicas que buscan a participación da comunidade dende un eixo social e cultural moi eficaz. Á parte da súa presenza na rede programan presentación de libros, video forum, concertos e exposicións, xogos didácticos, charlas-café e un longo etcétera.

Nova Fantasía http://novafantasia.com/ Nova Fantasía é unha revista electrónica, escrita integramente en galego, e adicada a difundir o xénero fantástico: nela teñen cabida a ciencia-ficción, o Terror, a Fantasía heroica e todos os xéneros que entran no amplo mundo da Fantasía, vista dende todos os eidos posibles: Literatura, cinema, cómic, música, etc. E todo iso, por suposto, en galego. Coa dobre intención de dignificar a nosa lingua e de dignificar o xénero fantástico. O equipo de NF sonda con celo na marea informativa que se produce arredor do mundo para informar ao público galego a través de concretos e útiles flashes informativos moi agradables de ler na pantalla, reservando a maior extensión para artigos de opinión.

Auladeideas http://auladeideas.com/ Este innovador proxecto comeza cunha ilusión, poder compartir nun espazo web ideas e experiencias ao redor da creatividade e innovación na educación. Auladeideas ofrece actividades que teñan como punto de partida a arte en todas as súas manifestacións e como obxectivo a educación, converténdose a arte en plataforma e ferramenta de coñecemento doutros campos inherentes á vida do individuo. Cursos de Educación Artística, Arteterapia, Xornalismo, Teatro, Construción e Experimentación Creativa, Arte Contemporánea, funcionan como vehículo doutros coñecementos máis persoais e profundos, entendendo que o goce, achegamento e valoración da arte eleva a nosa calidade de vida. Auladeideas é un soño persoal con vontade de integrar e compartir con todos aqueles que teñan esta filosofía. Actualmente están a buscar artistas que queiran ofrecer cursos e involucrarse activamente no proxecto. Non hai intereses lucrativos, tan só compartir e converter o espazo nun sitio de encontro. A súa idea é converter Auladeideas nun minicentro de arte e educación con alma cooperativa e se reunimos un grupo de xente valente, dar pasos cara á formación dunha Asociación Cultural. A autora e directora de Auladeideas é Adriana Pazos Ottón, que colabora, coordina e reúne un grupo de persoas vinculadas á arte e a educación.

Andaime http://www.andaime.eu/ Andaime é uma plataforma galega que artelha distintos projetos desde os campos da intervenção social e cultural a partir de várias linhas ponte: A promoção da língua e cultura galegas no âmbito da lusofonia. A criação de espaços e plataformas para a dinamização de movimentos e entidades sociais e culturais. Ainda que constituído Andaime no ano 2009 como associação social e cultural, a sua intenção é construir os projetos que, desde diferentes âmbitos, ajudem a melhorar a situação social e cultural na nossa sociedade. Nasceu da vontade de 9 persoas, 8 galegas e 1 bretoa, de contar com um espaço para levar a cabo os projetos sonhados. A resposta social a iniciativa de Andaime foi mui boa, segundo explica Óscar Senra, un dos promotores desta innovadora engenharia social e cultural: “A resposta social polo geral é mui boa, de facto o Mercado entre lusco e fusco e os cursos aPorto podemos considerá-los casos de êxito, outros projetos estão em fase de “impasse”, como o SPedro em transição ou o Galiza em trânsito, que queremos “ressuscitar” em breve. Em geral encontramos que muita gente é mui receptiva às iniciativas que lançamos e essa é outra das nossas características: lançar ideias de forma não corporativa, o importante é fazer e não atribuirmo-nos méritos. Na Galiza hai um minifundismo associacionista que podemos tentar ver positivamente se estabelecemos redes de colaboração, e isso pretendemos.” 49


a deriva /Ledicia Costas/

Existe un lugar perdido no Círculo Polar Ártico, onde a poboación cae en barrena coma un avión a piques de se estrelar contra o baleiro máis absoluto: a morte. Ese lugar que os antigos acertaron chamar Grímsey, é o punto habitado máis setentrional de Islandia. Alí foi onde empezou todo. Hoxe, na soidade desta noite de petróleo, sinto que xa chega o final. Por iso, a continuación, transcribo o meu diario de a bordo. Talvez caia nunhas mans que saiban atoparlle un sentido ao transcorrer dos feitos. Que Deus nos asista e nos perdoe. Clerius James. 17 de abril de 1986

50


Dalvík, 19 de marzo. Hoxe desembarcamos en Dalvík, un pobo pesqueiro de Islandia. Levamos dous meses de travesía e as neveiras do barco están só a un cuarto da súa capacidade. O capitán Fariu Slot tomou a decisión de navegar ata o Mar de Noruega, na busca dos bancos de bacallau. A tripulación empeza a estar cansa. Este frío é duro como a heroína.

Grímsey, 21 de marzo. Pisar terra despois de tantas semanas a bordo é volver á orixe. Esta mañá collemos un transbordador que nos levou á illa de Grímsey. É un lugar triste, condenado ao abandono. O Círculo Polar Ártico atravesa esa terra fría e perdida. Tamén atravesa aos humanos que a pisan por vez primeira. Nada máis poñer un pe nesa illa, sentín unha potente presión na caixa torácica. Por un momento pensei que ían rebentarme as costelas, a saltar unha a unha como gomas elásticas expostas ao límite da súa tensión. Creo que se me meteu dentro o corazón do frío polar.

Océano Polar, 22 de marzo. O noso barco soltou amarras a pasada madrugada. Imos atrás do skrei, o bacallau coñecido como trotamundos que habita nas augas do océano polar. O capitán Fariu Slot semellaba canso mesmo antes de partir. Hai algo contaxioso que flota no aire deste barco.

Océano Polar, 26 de marzo. Esta noite espertei cun berro aterrador. O contramestre atopou a un dos mariñeiros atravesado por un arpón, na sala de máquinas. A consternación apoderouse do barco. O capitán Fariu Slot dixo que vai atopar o asasino aínda que lle custe a súa propia vida. Tivemos que meter o cadaver no interior dunha neveira. O sangue conxelado ten unha estraña textura. Daráselle santa sepultura cando regresemos a terra.

Océano Polar, 28 de marzo. Hoxe foi día grande de capturas. A cuberta está chea de escamas e de trotamundos. Pero a ledicia é relativa. A morte ten un cheiro peculiar.

Océano Polar, 29 de marzo. A madrugada é lenta. Boto de menos a Anne e a súa forma de sorrir. Cústame moito traballo comprender este sentimento. Aquí, neste burato de xeo líquido, non hai sitio para o amor.

Océano Polar, 30 de marzo. Un novo asasinato sacudiu a maquinaria do frío. O cadaver de Richmond apareceu esta mañá na cuberta. Alguén lle rebentou o cranio a golpes. A metade da tripulación verteu bágoas de impotencia que acabaron fundíndose co sal dos trotamundos. A outra metade, vomitou no mar unha pena que lles saíu do máis profundo das entrañas. Eu fun dos que vomitou. O capitán está pensando en volver para a casa. Océano Polar, 2 de abril. O capitán organizou quendas de vixilancia. Dous homes en cuberta, outros dous no corredor dos 51


camarotes. Só durante a noite. O día é para perseguir trotamundos. A madrugada para cazar a morte.

Océano Polar, 4 de abril. Rumbo á casa a toda máquina. O capitán deu a orde esta mesma mañá. Non puiden evitar que se me escapase unha bágoa de alegría. Anne, amor, navego cara a ti.

Océano Polar, 5 de abril. Producíronse dúas novas baixas. Esta vez en pleno día. Os asasinatos son cada vez máis crueis. O capitán Farius Slot tratou de alertar a terra, pero estamos incomunicados. A neveira dos cadaveres vaise enchendo ao mesmo ritmo que a do peixe.

Océano Polar, 6 de abril. Alguén manipulou o motor do barco. Estamos tirados en alta mar, vagando sen rumbo ao pracer do océano. Imos á deriva máis estratosférica.

Océano Polar, 8 de abril. Xa ningun tripulante dos 4 que quedamos no barco se atreve a durmir. Loitamos por estar todo o tempo cos ollos abertos para burlar o destino. Cantas horas pode aguantar un home esperto?

Océano Polar, 13 de abril. A última morte foi un suicidio. Alan B. colgouse no seu camarote. Estaba suspendido no aire, bambeándose cunha lixeireza abafante. Tiña a lingua de fora e unha estraña expresión. Era a súa cara, pero ao mesmo tempo non era. Coma se levase posta unha careta de si mesmo. Esta baixa foi unha manobra do medo.

Océano Polar, 14 de abril. Temo non volver a ti, Anne. Hai algo perverso que se desliza sobre a pel do barco. Estou perdendo a noción de min mesmo.

52


Océano Polar, 15 de abril. O capitán reuniunos aos dous mariñeiros que quedamos. Un barco con tres tripulantes non é un barco, é unha carcasa de baleiro. Dixo que el non é o asasino, así que ten que ser un de nós. Ou René, ou eu. Automaticamente, agarrei a René polo pescozo e apertei ata que a cara se lle puxo violeta mentres lle chamaba asasino e outras glorias que aprendín en alta mar ao longo da última decada. O capitán separounos e logo decidiu encerrarnos a ambos por separado. Non poderemos saír ata que o vento cambie de rumbo.

Océano Polar, 16 de abril. O meu camarote é un lugar deseñado para louquear. O de René tamén. Esta noite empezou a berrar e a golpear as paredes. Volveuse tolo. A súa desesperación conseguiu poñerme a carne de galiña. O capitán sentiuse obrigado a deixalo saír. E a min tamén. O cheiro do sangue flota por riba das nosas cabezas. Ten alma de voitre.

Océano Polar, 17 de abril. René tirouse ao mar nun ataque de loucura cuns pesos amarrados á cintura. O capitán e eu intentamos salvalo, pero foi inutil. Afundiuse e non volveu saír á superficie. Agora mesmo debe de ser un bloque de xeo humano. ¿Poden conxelarse os sentimentos?

Océano Polar, 17 de abril. Aquí remata todo. Durante un instante cheguei a pensar que Fariu Slot era o asasino. Pero esa idea evaporouse cando atopei un rastro de sangue que ía desde o aseo ata a sala de máquinas. Alí xacía o capitán, co peito aberto a coitelo e o extremo dunha víscera asomando desde o seu interior. Miroume con ollos de pánico antes de pechalos para sempre. Intentou dicirme algo, pero a morte non lle deixou tempo para falar. Sobre a miña cama, un coitelo luxado de vermello obsérvame con aire delator. Tamén as miñas mans están empapadas en sangue. Non recordo nada. Só a dimensión do frío atravesándome as costelas igual que aquel día, cando pisamos Grimsey por vez primeira. E a cara de Anne, co seu sorriso de media lúa. Anne, meu amor. Se algo aprendín nos últimos meses é que hai unha deriva peor que a dun barco. A deriva de ti mesmo.

53


PRESENTACIÓN II Eu non rindo falsa adoración ás grandes plumas nin me adscribo a movementos que me impulsen non preciso de atallos nin que sonoras voces me pronuncien coñezo o límite dos meus ollos e a forza do meu verbo sosteño os meus soños cos e as miñas mans co vento É por isto que non mendigo sustento nin arrolo un triste retrinco no meu corpo de neno son libre mensaxeiro dos meus versos defensor do noso asasino do ego forxador do meu tempo

54

AMANTE ROSALÍA

HISTORIA-LINGUA-GALICIA (CARTA A MIÑA FILLA)

Quero que ela, a miña amante, cubra o meu corpo de estrelas e sentir o solpor errante rubindo polas meixelas. Quero cos seus dedos estuden as engurras das miñas costelas trazando mapas que borren da miña pel as fronteiras. Quero morrer nos seus ollos descansar na súa terra habitar nos seus beizos medrar na súa herba. E berrar o seu nome cando a noite nos cega! E berrar o seu nome cando os desleigados nos negan! Quero que ela, a miña amante, encha o meu corpo de bolboretas, e sentir a mañá bocexante acubillada nas miñas pernas. Quero vivir nos seus versos sangrar na súa verba labrar os seus camiños rachar a longa pedra. E murmurear o seu nome para que ninguén a esqueza… E murmurear o seu nome para que ninguén a esqueza… e murmurear o seu nome e murmurear o seu nome

Non fagas caso filla non somos seres estraños nin vivimos nunha illa non lle debemos nada a ninguén nin choramos unha civilización caída somos chama viva da nosa historia, sen cadeas, sen hipotecas, sen medos na mañá nacida. Non fagas caso filla esta terra non está durmida e a súa lingua, a nosa, nin é de pedra nin é palabra rendida. As nosas mans son caudal o noso verbo río, podemos soñar o que queiramos e acadar os soños cos beizos enchidos. A nosa ollada non ten complexos nin ten que buscar permiso… somos Galicia donos de nós deste intre… das nosas caricias. Non fagas caso filla a nosa terra non está morta, está viva!.


poesia /Miguel Ángel Alonso/

O BIENGANO Non me digas quérote! non me digas ámote! co corazón enchido non me digas que é unha gloria estar comigo nesta lagoa dividida non me digas non me digas. Di bicarbonato para dixerir mellor, di bifurcación inda que non haxa alternativa, di bisexual e deixa que nos esmaguen, di bisectriz para que sexan iguais, di bicéfalo, bifocal, bilabial, bi...bi... inda que non saibas o que significa dio!. Pero non me digas terra, nin Galicia, nin meu amor non me digas, non ensucies os teus beizos coa miña verba bendita e o cabo berrarei Gloria, gloria...!!! gloria maldita!!

55


IIcertame

ilustración

“SOCIEDAD VALLE DE ORO” 57 - Javier Ramirez Troncoso 58 - Javier Ramirez Troncoso 59 - Clara Luna Rodríguez 60 - Pablo Silva Fernández 62 - Clara Luna Rodríguez 63 - William Rafael Peña Campaña 64 - Eduardo Pérez Baamonde 65 - Nuria Díaz Berride 66 - Daniel Mercader Yardley 66 - Beatriz Barbero-Gil Vicente

56


57


58


59


60


61


62


63


64


65


66


67


68


Revista Búsola nº 5  

Unha época fascinante na cultura e na sociedade de información mesturouse cunha economía decadente que inflúe nos financiamentos públicos. B...

Read more
Read more
Similar to
Popular now
Just for you