Issuu on Google+

CUMPRIR SOÑOS Na miña cabeza rebulían moitas ideas. Moitas veces escoitei dicir:“eu mando en min e fago o que quero”, pero eu cría que iso non era así. Sabía que non podiamos pensar só en nós mesmos, temos que mirar ó noso redor e ver e comprender todo aquilo que nos rodea. Sabía que se nos preguntaramos o porqué das cousas, teriamos máis empatía, resolveriamos mellor os problemas, non discutiriamos tanto e actuariamos con sentido común. Sabía que tiña que preguntarme a min mesma cousas nas que antes non me fixaba. Un día, nada máis espertar, pregunteime por que me atopaba en Verín e non nunha cidade abandonada no medio de África, e nese mesmo intre, sentín tristeza por moitos nenos. Á hora de xogar, atopábame rodeada de amigos, e seguín preguntándome por que a min me sobrabran amigos e había xente que non tiña ningún, e instintivamente, os meus ollos enchéronse de bágoas, cada unha por cada rapaz que non ten con quen falar, compartir ou xogar. Cando me acostei, o meu pai, a miña nai e máis o meu irmán déronme un bico e pregunteime por que teño unha familia e tanta xente se atopa en centros de acollida. Estas preguntas e moitísimas máis, seguíron rebulindo pola miña cabeza ata ben entrada a madrugada cando atopei unha posible resposta para todas elas: “cada un actúa e fai o que pode e non o que quere”. E con estas verbas quedei sumida nun marabilloso soño no que cada un actuaba como quería e todos eramos felices. Pero despois veu o pesadelo . Eran as oito da mañá e o molesto ruído do espertador, fíxome regresar á realidade. Espertei e outra vez as preguntas comezaron a acadar o seu posto na miña cabeza, e na cabeceira de todas elas, a miña resposta: “Cada un actúa e fai o que pode e non o que quere”. Comprobei que o meu razoamento se cumpría en todas as preguntas . Os nenos que viven en África, non comen o que queren senón o que poden. Aquela persoa que non ten amigos, non pode compartir os seus segredos con alguén aínda que queira. Os


centos de rapaces que non teñen familia, seguramente lles gustaría tela , pero no é así. Pasaron as horas e o día transcorreu con normalidade, pero eu cambei. Non comín chocolate por aqueles rapaces que non poden, non mandei mensaxes aos meus compañeiros por aqueles que non teñen nada e mostreilles o meu cariño ata ós familiares máis lonxanos . O día rematou e pola mañá coloquei a mochila no lombo e dirixinme ó colexio. Nada máis entrar no recinto escolar, falei con aquela rapaza que sempre se atopaba apoiada xunta unha ventá sen ninguén ó lado con quen conversar. No recreo deille un pouco do meu bocadillo a un compañeiro que pasa fame e cando cheguei á casa non rifei con ninguén. Pasaron os días e a miña intención de vivir doutra forma converteuse en algo cotiá, e cando me dei conta, as cousas tornaran. Estaba atenta para compartir cos demais e desta maneira todas as persoas que estaban ó meu redor eran maís felices. Se todos fixeramos un esforzo para evolucionar, no mundo non habería tempo para discutir, pelexar ou mesmo ferir e sobraría tempo para amar, apertar , bicar ou compartir.

LETICIA LOZANO MEIRIÑO 2º B


''Abrín os ollos cun esforzo demoledor e cando os tiven abertos decidín que quería morrer. Si, así de doado me resultou decidir que facer coa miña existencia. Apartei as sabas e erguinme mentres limpaba as bágoas, que corrían torpemente polo meu rostro, cunha man. Abrín a ventá de golpe e asomeime, todo estaba tranquilo, ningunha alma. Perfecto, ninguén o verá, díxenme. Flexionei os xeonllos e caín nunha carreira sen fin...'' Puff..., odiaba as libros que acababan mal, sinceramente non podía entender como os autores podían querer matar e facer desaparecer os seus mellores personaxes, os que os levaran ao cumio do éxito. Nisto pensaba unha mañá de febreiro cando sentín que o frío comezou nos meus pés e percorreu todo o meu corpo nunha carreira sen fin. Cando o frío conseguiu verme abrir os ollos desapareceu, pero non conseguiu que lacazaneara na cama e deixase as miñas tarefas, non señor. Fixen todo o que tiña que facer: limpei, freguei os cacharros que se amontoaban no vertedeiro, fixen a cama, dei de comer ao gato e... lin un libro calquera que a miña man sacau ao chou do ateigado andel do salóncomedor-cociña-cuarto; si, unha rara combinación. Sentei o meu traseiro no mesado da cociña e alí quedei lendo, ata que o insoportable asubío do microondas me sacaba do libro e tiña que apartalo para sacar o meu almorzo, ou o que quedaba del; así ata tres veces seguidas. Por fin desistín de almorzar e subín a escada ata o meu "cuarto", onde me deixei caer na cama mirando fixamente as palabras que o libro me regalaba. Cando cheguei á última páxina os meus dedos crispáronse e un aceno apareceu na miña cara mentres lía as últimas liñas. Apartei o libro e recei para que non acabara mal. Os meus rogos foron escoitados, xa que un sorriso lene se formou na miña cara mentres lía e pechei o libro con actitude oufana. Coloqueino na montaña de libros que se foran acumulando na miña mesa de noite, e baixei. Sacudín as mans nos pantalóns do pixama e pasei un pano polas escaleiras que levaban á plataforma onde a miña cama descansaba. Cando o sol non se encontraba aínda moi alto decidín que rematara. Vestinme coa xa habitual indumentaria de inverno: vaqueiros e xerseis de punto. Amaba os xerseis de punto, as bufandas de punto, os gorros de punto, os calcetíns de punto, os...! Amaba o punto ¡Cando a miña indumentaria se viu completa armeime con todo tipo de bolsos, calquera que fose o suficientemente grande como para transportar un pouco menos dunha ducia de libros servía. Encontrei un que me ía como anel ao dedo, polo que metín todo tipo de títulos, dende poesías ata libros para nenos pequenos; todos valían. Pechei a porta cun golpiño suave e baixei as luminosas escaleiras cun sorriso de boba. Saín á rúa e respirei todo o que me rodeaba, os olores e as cores entraban e saían de min a unha velocidade de vertixe e que ninguén o


suficientemente atento podería ver. Aquel era un día perfecto, soleado e anubrado, neutro, como os que a min me gustaban. Saudei a todos, coñecidos e descoñecidos. Así foi como me crucei co panadeiro, que me deu a xa acostumada bolsa de pan que foi parar ao meu insaciable bolso; coa profesora da universidade, que me regalou un dos seus sabios consellos que sempre me axudaban; coa pitonisa da esquina, que nunca acertaba coas súas predicións, pero polo menos o intentaba; co rapaz que sempre faltaba a clases, que me saudou co seu mirar solitario; co policía do barrio, que nunca pillaba ningún rateiro, pero que era bo home e co Alcalde, que ese día saíra a facer footing, o seu deporte favorito para baixar eses kiliños que lle sobraban. Todos me saudaron amablemente e algún que outro se parou a pedirme axuda, que se o panadeiro perdera a receita das súas tortas, que se o policía quería unha táctica mellor para cazar ladróns, que se o alcalde non sabía resolver unha cuestión municipal...O de sempre. Por suposto resolvín todas e cada unha das súas dúbidas e problemas, como boa cidadá que son. Despois encamiñeime, co meu cegador sorriso, ao supermercado, onde revolvín no bolso ata encontrar a lista: -Tomates. -Peixe conxelado. -Leituga. -Cebola. -Pemento. Mirei e remirei a lista cinco veces ata decidir que non quería nada daquilo, non me gustaba. Así que fixen unha bóla e a tirei na cesta da compra dun home que pasou ao meu lado. Paseei entre os andeis ata que decidín darme un caprichiño, collín o chocolate do seu andel e volvín á caixa. Paguei o acordado e seguín paseando. Camiñando, camiñando, cheguei ata un edificio de aspecto antigo. Encollín os ombreiros e empurrei a pesada porta de cristal á vez que cargaba coa miña xa ateigada mochila. Aquilo resultou ser un vello casarón que se utilizara como parque de bombeiros. Gustoume o sitio, era amplo, con eco, con cousas que os bombeiros deixaran atrás (parecía que aínda seguían aí ). Rín contenta mentres deixaba a mochila no chan e me paseaba tocándoo todo ao meu paso, poñéndome traxes e gorros que encontraba nos despachos, baixando e subindo polas típicas barras de metal, xogando coa alarma...Alí había de todo.


E sentinme feliz, tan feliz que rebordaba alegría por todos os poros do meu corpo. Descubrín que, escoller os libros en vez doutro tipo de vida, non me fixera mal, se non que me fixera mirar a vida dende outra perspectiva: "Non escollín os libros porque quixese estragar a miña vida, senón porque quería vivir máis dunha".

Viaxe por Fantasía. Nunca soñaches con ir a algún lugar fantástico e imaxinario? Non tiveches ganas de viaxar por todos os lugares que aparecen nos libros? Non? Entón non eres humano. Porque sería maravilloso pasear por Narnia, arredor de faunos, centauros e grifos, coñecer a Aslan e falar con Lucy e os seus irmáns. Sería magnífico ir a Terra Media e facer compañía a Frodo na súa viaxe. Ir a Hobbiton, Mordor e adentrarse nas colinas de Emyn Muil. Poder coñecer a Gandalf, Legolas e a Gollum. Poder ir a Hogwarts e coñecer a Harry, Ron e Hermione a vez que aprendes moitísimos feitizos e encantamentos. Despois ir a Hogsmeade, pasando por Honeydukes, a Casa dos Berros, As Tres Vasoiras e Zonko. Viaxar ó futuro e distópico Chicago, elixir Osadía ós dazaséis e compartir facción con Tris e Tobias, ao mesmo tempo que descubres quen es en realidade. Ir a Nación de Panem, ir ós Xogos da Fame, (e saír ileso, a poder ser) para falar con Katniss, Peeta, Gale e moitos máis. Aparecer en Poñente e vagar por Invernalia, ir a súa cripta, pisar ó bosque dos Deuses e rezarlles, ós novos e ós vellos. Ir máis aló do Muro con Jon Nieve, ter dragóns con Daenerys e soportar burlas con Tyrion. Eu sí. Soñei con estes lugares milleiros de veces, pero podo chegar a eles por medio dos libros e a imaxinación, polo tanto, podo dicir que teño viaxado a estes lugares e a moitos máis. E a ti, gustaríate viaxar tamén? Sara


A VERDADEIRA AMIZADE Cando era pequena, a miña avoa contoume unha historia que tiña moita maxia. Segundo di, había unhas rapazas que dende que naceran eran como irmáns. Un día, cando xa tiñan doce anos, Andrea, unha das rapazas tivo que mudar de lugar porque ó seu pai lle deran un traballo mellor na cidade. Os días pasaron, non había noticias dela. Logo pasaron os meses, e xa ninguén recordaba esa familia que se mudara á cidade. Xa non se falaba diso, ninguén o recordaba, pero Natalia, sempre se acordaría deses momentos que pasaran xuntas, das trastadas que gastaran e dos risos que botaran. Os anos pasaron, cada rapaza tiña a súa vida, o seu traballo e o seu marido, e uns nenos preciosos. Un día, cando Natalia iba camiño da comisaria para traballar, foi á cafetaría de sempre coller un café. O que non se esperaba era que nunha cadeira, alí estaba Andrea, a súa mellor amiga, coa que pasara os seus primeiros doce anos. Vinte anos despois, atopáronse de novo. Cando se viron, foi como se unha pequena luz se acendera dentro delas, e o mellor de todo é que ningunha das dúas perdera xamais a esperanza de volver a encontrarse. Laura Guerra 2º ESO B Nº:16


O ÚLTIMO DÍA Ese día , era un día especial , sería o día no que o instituto acabarían as clases e empezaría o verán. Montse , Alex , Cristina e máis eu levantarámonos axiña desexando que o titor dera as notas e poder liscar para á casa. Todos estudiamos moito por iso ninguén estaba preucupado. -Carlos! - Berroume Alex cando chegou á parada. Xa no instituto fomos xunta a Montse e Cristina. Estaban algo nerviosas porque comezaría o verán e pasaríano moi ben. As horas pasaban rapidísimo tanto que xa tocaba ir á clase de matemáticas para que o titor repartira as notas. Aprobaramos todos , menos mal. Xa en casa empezamos a planear a tarde. Iriamos a casa de Alex bañaríamonos na súa piscina merendariamos e finalmente sairiamos a dar unha volta. Ese día foi o primeiro día do verán , dun verán que , máis dun o pasou ben.Eu ,por exemplo, paseino xenial!


Abrín os ollos e sentín o forte brillo das paredes metálicas impactando nos meus ollos. Xa levaba meses aquí, esperando a que me deixaran saír, pero iso non era fácil. Percorrín a habitación coa mirada e albisquei un pequeno paxaro pousado na única ventá da habitación. Era realmente fermoso, vermello e negro, dúas cores que me lembraron o espeso sangue que se vía a cotío polos corredores desta prisión. Todo comezara o día que eles chegaron, baixando de luxosos vehículos, todos traxeados e con maletíns. Nós mostrámonos amables, pero cando empezaron a coller a todos os que pasaban por alí, a cousa cambiou. Ninguén saíu de aquí dende aquela. A única luz que recordo é a que pasa a través da miña pequena ventá, aquela onde está agora o pequeno e indefenso paxaro vermello, ese que non sabe o que sofre una persoa cautiva, ese que voa libre moito máis lonxe de aquí, que coas súas ás pode saír por enriba do valado electrificado que rodea este terrible lugar. Pecho os ollos cando sinto que a porta da miña celda se abre. Un home traxeado zarandéame con forza e agárrame do brazo. Saímos de aí, el camiñando e eu arrastrada, pero non grito. Non. Aprendín que se aquí gritas todo vai ser peor. Lévame a unha desas salas de probas, onde te conectan a unha serie de máquinas e crávanche diversas xiringas polo corpo, para ver como reaccionas, para ver se poden modificar o teu corpo. Non sei o que pretenden conseguir, pero cando me deixa sobre unha cadeira e ata os meus pulsos ós brazos desta, sei que non vai ser nada boº . Outro home chega, achégase a min e ponme un pano no nariz. Intento non respirar, porque sei o que vai suceder, pero remato facéndoo. Antes de caer durmida, na miña mente fórmase a imaxe daquel paxariño vermello e sei o que quero. Quero ser libre, e para conseguilo só podo facer unha cousa. Algo


que non será fácil. Teño que escapar. Sara

O AMULETO PERDIDO Era un tranquilo dia de verán. Os paxaros cantaban alegres e todo o mundo estaba gozando dese día. Xoán paseaba alegre pola rúa. Encantábanlle as series de detectives e policías. El tiña un amuleto que lle daba sorte e ao que lle tiña moitísimo aprecio. Sempre o levaba colgado. Ese día, cando mirou para o seu peito deuse conta de que non levaba o amuleto. Naquel momento non sabía que facer. Púxose moi nervioso. Pero de súpeto, recordou todas as series que lle gustaban e empezou a investigar. Foi ata á súa casa e empezou a recorrer a rúa pola que fora había media hora. Chegou ao parque, alí preguntoulle á xente se viran o amuleto. Ninguén o vira e el empezou a buscar por todos os recunchos do parque. Despois, foi ao bar no que pedira o refresco. Tampouco o atopou alí. Xa cando estaba moi preto de onde quedara, viu unha cousa que reflexaba a luz do sol debaixo dun coche. Cando se agochou descubriu que era o seu amuleto. E cando o atopou, xusto cando o colleu, apareceu a súa nai que viña de mercar. Cando a viu, ela deulle o chocolate que lle mercara. El estaba seguro de que fora grazas ao amuleto. A súa nai non llo negou.

Miguel


Textos concurso