Issuu on Google+

“GRANDES MULLERES DA HISTORIA VISITAN AS AULAS GALEGAS”

IES RIBEIRA DO LOURO-O PORRIÑO


Trátase dun proxecto deseñado para o Día Internacional da Muller e consiste na preparación dunha serie de monólogos teatrais (aproximadamente 16 por tempada) para a súa representación nas aulas. O que se persegue é que as nosas alumnas asuman o papel de mulleres sobranceiras da historia nas diferentes disciplinas do saber co obxectivo de eliminar estereotipos sexistas e discriminatorios, e ao mesmo tempo, practicar o discurso público oral en lingua galega. Moitos manuais de lectura seguen ocultando o extraordinario traballo desenvolvido polas mulleres na arte e na ciencia ao longo da historia e é preciso que dende a escola se reivindique o seu papel, e máis cando aínda en moitos casos seguen a servir como referentes de loitadoras nun mundo inxusto e desigual. Queriamos que os nosos estudantes coñecesen a biografía dalgunhas destas mulleres, a maioría francamente descoñecidas para eles, e que o fixesen dun xeito lúdico a través dunha actividade teatral, moi útil ademais dende o punto de vista da normalización lingüística. Precisamente a actividade xorde como o froito da colaboración entre o Departamento de Filosofía e mais o Equipo de Normalización do IES Ribeira do Louro. A actividade está aberta a todas as alumnas do centro de calquera nivel e nestes catro anos téñese anotado como voluntarias estudantes de 2º, 3º e 4º da ESO, e 1º Bacharelato. Durante o primeiro trimestre do curso constitúese o grupo de participantes e mantéñense xuntanzas para seleccionar os persoeiros históricos e preparar os textos.A partir dalgúns manuais clásicos, GIULIO DE MARTINO / MARÍA BRUZZESE (1996): Las filósofas, Ed. Cátedra Feminismos; CRISTINA SEGURA GRAÍÑO (1998): Diccionario Espasa: Mujeres Célebres. Ed. Espasa; NURIA SOLSONA I PAIRÓ (1997): Mujeres científicas de todos los tiempos, Ed. Talasa), as alumnas sérvense de Internet para facer a elección definitiva das figuras e completar a escolma dos elementos biográficos que máis chaman a súa atención. Unha vez ultimados os textos, durante o segundo trimestre comezan os ensaios semanais dos monógolos e mais a procura do vestiario axeitado á época histórica de cada personaxe. E por fin, durante a semana do 8 de marzo teñen lugar as representacións no noso centro, un día en horario de máñá para o alumnado de diurno e outro en horario de tarde para os estudantes de adultos.Debe terse en conta que, para conseguir un maior impacto, as monologuistas actúan por todas as aulas durante as horas de clase, o que significa multiplicar o número de representacións. Iso si, para que as nosas actrices non se esgoten, decidimos constituír dous grupos duns 8 estudantes cada un, nos que procuramos que figuren


personaxes de distintas épocas históricas, coa finalidade de que se repartan o traballo por aulas. Os monólogos teñen lugar da seguinte maneira: cada un dos profesores coordinadores chama á porta da aula na que un profesor está a impartir a súa clase (evidentemente, este está avisado con semanas de antelación) e activa un tema musical, en concreto, unha danza renacentista que dura aproximadamente 50 segundos; mentres a música soa, as oito actrices que agardan na porta comezan a entrar e a facer un pequeno percorrido pola aula (os espazos prepáranse previamente para que iso sexa posible); en canto a música deixa de soar, os personaxes, de maior a menor antigüidade, comezan a súa actuación. Cada monólogo dura aproximadamente 3 minutos, de xeito que o conxunto das representacións por aula non sobrepasa os 25 minutos e o profesor pode aproveitar o resto da clase para seguir impartindo a súa materia. Figuras históricas seleccionadas e educación en valores Como dicimos, cada ano procúranse preparar uns 16 monólogos nos que as nosas actrices asumen o papel de mulleres sobranceiras para nos explicaren os principais logros destas figuras en distintos eidos: a medicina, as matemáticas, a física, a bioloxía, a filosofía, o dereito, a pintura, a música, a poesía ou o activismo na defensa dos dereitos humanos. Dese xeito, dende que comezamos nesta angueira, volveron a cobrar vida nas nosas aulas un bo feixe de personaxes históricos femininos: Safo (séc. VII a.C), Téano (séc. VI a.C), Aspasia de Mileto (séc. V a.C), Agnodice (séc. IV a.C), María “a Profetisa” (séc. III), Hipatia de Alexandría (séc. IV), Trótula de Salerno (séc. XII), Hildegarda de Bingen (séc. XII), María Soliño (séc. XVI e XVII), Sofía Brahe (1556-1643), Artemisia Gentileschi (1593-1654), Juana Inés de la Cruz (1648-1695), Oliva Sabuco (1562-1622), Olympe de Gouges (1748-1793), Ada Byron (1815-1852), George Eliot (1819-1880), Concepción Arenal (1820-1893), Rosalía de Castro (1837-1885), Clara Shumann (1841-1896), Clara Zetkin (18571933), Marie Curie (1867-1934), Hellen Keller (1880-1968), Clara Campoamor (1888-1972), Victoria Kent (1898-1987), Maruxa Mallo (1902-1995), María Zambrano (1904-1991), Frida Kahlo (1907-1954), Simone de Beauvoir (1908-1986), Rita LeviMontalcini (1909), María Casares (1922-1996), María Wonenburger (1927), Dian Fossey (1932-1985), Susan Sontag (1933-2004), Vandana Shiva (1952), Rigoberta Menchú (1959) e ‘Mulleres de negro’ (o movemento naceu en 1989).


No xornal escolar que editamos no noso instituto (Órbita), que se pode descargar na páxina web, aparecen os discursos íntegros das nosas alumnas durante as súas representacións, o que permite o seu uso directo por calquera centro educativo que queira pór en práctica a actividade sen necesidade de realizar a fase previa de documentación. Como se poderá comprobar, púxose especial coidado na selección dos ata agora 36 personaxes e na preparación dos textos, de xeito que a actividade permitise educar en valores sen alterar o rigor histórico: Dereitos humanos “Durante toda a miña vida traballei coa finalidade de que a situación cambie para os 60 millóns de indíxenas que aínda habitan a nosa América. Queremos que os indíxenas non sufran racismo, que se eliminen os seus arrepiantes índices de mortalidade infantil, de desnutrición, de falta de educación, de analfabetismo, de salarios de exterminio” (Rigoberta Menchú). Pacifismo “En 1968 durante a guerra de Vietnam, no que morreron máis de un millón de persoas, acusei ó meu país, EEUU, de xenocida. O goberno de EEUU e os grandes medios de comunicación que repiten a súa voz acusáronme de traidora e antipatriota, pero non me importou. Sempre me pareceu escandaloso que os occidentais valoremos a vida dos membros da nosa tribo por enriba de todas as demais” (Susan Sontag). “Se as mulleres nos unimos podemos acabar coa violencia e as guerras. O noso movemento naceu en Israel en 1989, cando un grupo de 6000 mulleres israelís, palestinas, europeas e norteamericanas realizamos xuntas unha marcha de protesta co lema: ‘Mulleres camiñan pola paz. Os nosos gobernos son inimigos, pero nós rexeitamos ser inimigas’. A guerra é terrorismo” (Mulleres de negro). Ecoloxismo “Desexamos que se respecten as nosas terras e culturas, entre outras cousas porque temos unha visión da vida que pode dar ideas para salvar a humanidade. Para nós a terra é unha nai porque nos dá a vida, e non só unha mercadoría. Nunca nos consideramos donos da natureza, senón parte integrante dela, por iso sabemos vivir en harmonía con ela, sen sobreexplotar os recursos naturais e sen producir contaminación” (Rigoberta Menchú).


Igualdade de oportunidades: “Debedes lembrar que durante moito tempo as mulleres fomos educadas exclusivamente para casar e coidar dos fillos, e case non podiamos facer outra cousa. Por iso tiven que loitar moito para que a sociedade admitise a miña vocación de escritora, xa que tal cuestión se consideraba como unha proba de excesiva emancipación por parte dunha muller” (Rosalía de Castro). “A pesar do meu excelente expediente, daquela existía unha lei absurda e machista no meu país que nos impedía ás mulleres acceder á universidade” (Marie Curie). “Como non puiden ingresar na universidade por ser muller, tiven que disfrazarme de home e asistín ás aulas de deireito como oínte” (Concepción Arenal). “Parece que só os homes tiñan o dereito a ser intelectualmente brillantes” (María Zambrano). “As miñas obras foron continuamente plaxiadas por médicos homes, que sempre se esquecían de citarme. Como di un escritor contemporáneo voso, Umberto Eco: “Non é que non existisen mulleres que filosofaban, é que os filósofos preferiron esquecelas, logo de apropiarse das súas ideas” (Trótula de Salerno). “A miña actividade principal foi conseguir que as mulleres puidésemos votar e iso levoume a ter que enfrontarme aos meus propios compañeiros de partido. Nese mesmo ano ano de 1931, logrei que se permitise o voto feminino. Aínda me lembro do texto que aprobamos no Parlamento: ‘Os cidadáns dun e doutro sexo, maiores de 23 anos, terán os mesmos dereitos electorais’ “ (Clara Campoamor). “Un bispo mexicano chegou a escribir sobre min: ‘Aínda recoñecendo o talento da autora, recoméndolle que se adique á vida monástica, máis acorde coa condición de monxa e muller, ca á reflexión teolóxica, exercicio reservado ós homes’. Isto provocou a miña indignación e reacción e publiquei un texto no que fixen unha acesa defensa do meu labor intelectual e no que reclamei o dereito da muller á educación” (Juana Inés de la Cruz). “En 1793 guillotináronme acusada de ter intentado sabotar a República cos meus escritos, pero e eu só quería que os dereitos de liberdade, igualdade e fraternidade fosen os mesmos tanto para os homes como para as mulleres” (Olympe de Gouges).


As consecuencias da discriminación “O meu interese polas mulleres marxinadas levoume a sinalar a prostitución como unha consecuencia máis da dependencia económica, debido á imposibilidade de que as mulleres tiveramos unha profesión” (Concepción Arenal). “Na miña cidade había unha lei que prohibía ás mulleres o exercicio da medicina, e mesmo a arte da obstetricia nos era vedado. Isto, ademais de responder á misoxinia da época, tiña consecuencias gravísimas, xa que moitas mulleres no momento do parto sentían pudor á hora de ser auxiliadas por homes e negábanse a recibir axuda, o que acarrexaba moitas mortes, das mulleres e dos seus fetos” (Agnodice). O valor de estudar “No instituto obtiven sempre as mellores cualificacións e dicían que posuía unha virtude moi especial: transmitir aos meus compañeiros e compañeiras o interese por estudar” (Marie Curie). “Si, fun unha apaixonada das matemáticas e dende moi nova traballei con Charles Babbage, a quen se considera o inventor das computadoras” (Ada Byron). O espírito de loita “Cando tiña 18 anos tiven un accidente nun tranvía que case me tronza a columna e que orixinou que a miña vida estivese marcada polo sufrimento físico. A medicina do meu tempo torturaríame con 32 operacións ó longo da miña vida. Con todo, a miña gran forza e enerxía por vivir permitíronme unha importante recuperación” (Frida Kahlo). “Aínda que moitos non me cren, eu sempre digo que a miña é unha intelixencia mediocre. Os meus méritos foron o esforzo e o optimismo. Hai sete anos que perdín a vista, pero agora que vou cumprir cen anos estou a centrar os meus esforzos en asuntos sociais e na formación educativa das mulleres africanas novas. Cando alguén me pregunta se non teño pensado xubilarme sempre respondo o mesmo: endexamais. A xubilación destrúe cerebros. O corpo engrúñase co paso do tempo, é inevitable, pero non o cerebro, e o meu aínda está perfecto” (Rita Levi-Montalcini). O compromiso social “Sartre e mais eu queriamos salvar o mundo. Os seres humanos somos libres, cada un é responsable das súas propias eleccións, e debemos comprometernos socialmente” (Simone de Beauvoir).


A defensa das linguas minorizadas “No meu tempo había moitos señoritos que desprezaban a lingua galega e eu sempre me enfrontei a eles e procurei prestixiar o noso idioma” (Rosalía de Castro). “En Guatemala fálanse 21 linguas diferentes do castelán e desexamos que se respecten e ensinen nas escolas. Agora, para rematar, eu quero darvos as grazas nunha delas, o kakchikel, falada por máis de medio millón de guatemaltecos: Matyox (=Grazas) (Rigoberta Menchú). A mellora dos dereitos laborais “Fun eu a que propuxen que a data do 8 de marzo se considerase o Día Internacional da Muller ou Día da Muller Traballadora, e tal proposta foi aceptada. Por que o 8 de marzo? Porque nesa data, dous anos antes, en 1908, morreran calcinadas 146 mulleres traballadoras da fábrica téxtil Cotton, de Nova York, nun incendio provocado polos propios empresarios, cando as operarias se negaron a abandonar un peche e unha folga, nos que protestaban polos baixos soldos, as aldraxantes condicións laborais que padecían e o traballo infantil” (Clara Zetkin). A autonomía persoal “Na derradeira entrevista que concedín, antes de

finar en 1986, a xornalista

preguntoume: Cal é o xeito que ten a muller de eliminar a opresión á que está sometida?, e eu respondín tallante: ‘Ser independente. Traballar’ ” (Simone de Beauvoir). A semellanza dos sentimentos das persoas “Un dos meus poemas máis famosos é aquel no que describo o que poderían considerarse os ‘síntomas da enfermidade do namoramento’, universal e aplicable a toda persoa namorada” (Safo). O altruismo “O Nóbel concedéronmo por ser unha pioneira no eido da radiactividade. Nunca quixen patentar as miñas descubertas científicas nin facer negocio con elas, un feito que aínda no momentPROFESORA DE LINGUA E LITERATURA GALEGAS NO IES RIBEIRA DO LOURO DO PORRIÑOo en que vivides é aplaudido por todo o mundo, xa que non todos fan o mesmo” (Marie Curie).


A defensa dos animais “En 1983 publiquei o libro Gorilas na brétema, que foi o resultado dos meus 22 anos de estudo con estes animais, e do que despois se faría unha película. Pero eu non só me limitei a estudar a estas criaturas. Tamén me adiquei a crear unha conciencia en contra da caza furtiva que estaba a rematar cos gorilas” (Dian Fossey). O valor da lectura “Comprometinme moito na defensa dos escritores que están no cárcere por escribir o que pensan e no ano 2003, un ano antes de finar, recibín o premio Príncipe de Asturias das Letras. Neste acto pronuciei un apaixonado discurso en defensa da literatura. Por iso anímovos a todos a que leades. A literatura é un dos xeitos fundamentais de nutrir a conciencia, de crear a vida interior, de aumentar a nosa sensibilidade cara a outros seres humanos” (Susan Sontag). A denuncia da biopiratería “Traballamos en moitas frontes e outra das cuestións que máis nos preocupa é a práctica da biopiratería por parte das empresas químicas e farmacéuticas privadas. Hoxe sabemos que moitos dos seus produtos que se venden nos mercados de Occidente non son precisamente o froito da investigación, senón de piratear, de facer seus ilicitamente os coñecementos milenarios das comunidades locais, co obxectivo de facer negocio” (Vandana Shiva).


Mulleres representadas e mulleres representantes no curso 2011-2012 Téano:

Widad Rizki

Agnodice: Raja Rizki María a profetisa: Tamara Iglesia Romero Trótula de Salermo: Karina Holguin Cerón Hildegarda de Binge: Andrea Glez Barbosa María Soliña: Noelia Fdez Vila Artemisa: Aroa Torres Pérez Olimpia de Gouges: María Prado Díaz George Eliot: Dayana Álvarez Dominguez Concepción Arenal: Noelia Lago Ramírez Alice Guy Blanche: Alba Fdez Loureiro Federica Montseny: Clara Avendaño Campos Rosalind Franklin: Alejandra Ledo Diz María xosefa Wonenburguer: Yennifer Teixeira Silva Vandana Shiva: Sara Silva Lorenzo Rigoberta Menchú: Andrea Hermida Estévez


GRANDES MULLERES DA HISTORIA