Page 1

O COUREL Ă rea de interese natural


Situaci贸n

A comarca natural de O Courel at贸pase no surleste da provincia de Lugo, lindando coa provincia de Le贸n.


O Courel ten unha extensión de 21.020 hectáreas, repartidas principalmente entre os concellos de Quiroga, Folgoso do Courel e Pedrafita do Cebreiro. Está constituida esencialmente por unha cadea de montañas pregadas disimetricamente en dirección norleste, moi fracturadas e falladas, nas que alternan fondos vales, cubertos de mesta vexetación, e elevados cumios.


As zonas altas da serra presentan un perfil plano debido á erosión, sendo as súas principais alturas Formigueiros e Pía Paxaro, que superan os 1.600 m. Os materiais xeolóxicos máis frecuentes son as lousas (pizarras) e as areniscas, aínda que os relevos que resaltan na paisaxe son bancos de cuarcita e caliza gris, que permiten a formación de covas. A serra de O Courel é unha das zonas de Galicia onde mellor se aprecia a pegada dos glaciares.

Imaxe de satélite da Serra do Courel


O río Lor ( 54 Km.), afluente do Sil, constitúe a principal arteria fluvial, recibindo as augas doutros ríos menores como o Lóuzara, o Quiroga, o Selmo, o Visuña ou o Valcárcel.


O clima oceánico dos vales transfórmase en clima de montaña nas zonas altas, onde se poden apreciar fortes variacións de temperatura entre inverno e verán,.


A alternancia de solos e a súa situación intermedia entre as rexións bioxeográficas Eurosiberiana e Mediterránea permite a existencia na zona dunha rica variedade de flora, ata o punto de que no Courel atópase o 40% do catálogo florístico galego.

A paisaxe vexetal da serra está protagonizada polas inmensas extensións de matorrais que cubren os outeiros, resultado da acción do lume -de orixe humana ou natural- que foi eliminando ao longo do tempo as árbores autóctonas.


Aínda así, existen amplos espazos de bosque caducifolio, onde atopamos carballos, bidueiros, faias, acivros, avelairas ou castiñeiros, entre outras especies arbóreas propias das zonas húmidas, ou, máis ao Sur, oliveiras e sobreiras, típicas do clima mediterráneo.


A gran diversidade de hábitats existentes na serra convírtena nun enclave natural con lugares de importante interese biolóxico, cun censo de vertebrados dos máis ricos do noroeste da Península Ibérica, entre os que destacamos a aguia real, o lobo, o gato montés ou a marta.


No Courel consérvanse asentamentos castrexos, como os de Torre ou o de Vilar, e da época romana, relacionados coa extracción de ouro, que se realizaba mediante o sistema de “ruina montium”. Entre as minas máis importantes atópanse as de Torubio Oeste, na parroquia de Esperante, e a Mina da Toca. na de Seoane. A finais do séc. VIII, residiu temporalmente o rei Alfonso II El Casto, agochado aquí polos monxes de Sobrado para protexelo da ira do seu tío D. Aurelio, que ocupaba entón o trono. O monarca realizou os seus primeiros estudos na igrexa do mosteiro de Visuña. Da época medieval subsisten templos, caseríos e ruinas de fortalezas, como a de Carbedo, en Esperante.


A meirande parte do territorio de O Courel pertence ao concello lucense de Folgoso, que conta con nove parroquias e 50 núcleos de poboación nos que residían en 2009 arredor de 1.300 persoas. Actualmente, Folgoso detenta a capitalidade da comarca de O Courel.


Toda a arquitectura rural de O Courel conforma, en si mesma, o mellor exemplo históricoartístico, tal como podemos observar nas aldeas de Ferramulín, Esperante e Seceda, coas súas casas apiñadas de lousa, ou en Vilamor, coas súas casas de esquinas redondeadas, tellados de lousas de pizarra e balcóns de madeira. Tamén merecen especial atención outras construccións populares como as ferrerías (Lousadela, Seoane e Visuña), ou os numerosos muíños fariñeiros espallados por todo o concello de Ferramulín


A riqueza mineira da serra propiciou a súa explotación dende moi antigo. A Ferrería Nova, ou ferrería Locay por ser este o apelido do seu último propietario, está situada baixo o pobo de Seoane e permite contemplar hoxe en día unha destas instalacións artesanais no rural. Data de principios do século XIX e foi construida, aproveitando o ferro extraído do monte de Formigueiros, para fabricar armas e municións. Posteriormente sería utilizada como planta eléctrica, que abastecía a sete poboacións do Courel, como muíño e como aserradeiro hidráulico. Actualmente, tras a súa adquisición e restauración pola Xunta de Galicia en 1999, está destinada a museo.


A castaña ten un destacado papel na cultura e na economía do Courel. A colleita dura dende setembro ata mediados de outubro, sendo polo Nadal a época de maior consumo. Chegado o tempo, abanéase o castiñeiro cunhas varas longas –taloura ou bareiro– para tirar o ourizo que encerra de dúas a catro castañas. Logo de apañalas o antes posible para que non perdan peso e calidade, desourízanse para escoller as grandes e redondas, aínda que hai veciños que as pasan por unha criba para clasificalas por calibres. Lévanse ao sequeiro para secalas e afúmanse un pouco ao lume manso duns chotos na caniceira- táboas estreitas e longas cunha separación de 1 cm que, penduradas do teito, deixan pasa-la calor sen que caian as castañas. A seca pode durar de 8 a 15 días. Ao quitalas do sequeiro faise o bandoxo: límpanse a man para separar a puxa –a tona de dentro e a de fóra– e os picois –as pequenas, de pouco valor, que están fendidas ou que teñen o verme chamado coco–. Outro xeito de facer o bandoxo consiste en meter as castañas do sequeiro en sacos e darlle golpes ou pisalos, o que se chama facer a bulla, que tamén se fai na provincia de Ourense. Dise que unha clase de castaña é boa se dá o tercio (de tres partes, en peso, que entran verdes no sequeiro recóllese unha seca). Noutros sitios de Galicia o procedemento tradicional é similar. Na industria aplícaselles un tratamento térmico para debullalas facilmente nas máquinas e logo conxélanse para outras preparacións.


En Parada do Courel, aldea situada a 761 m. de altura, naceu, en xaneiro de 1930 o poeta Uxío Novoneyra. Viviu aquí ata o ano 1945. Regresou entre os anos 1953 e 1962, para recuperarse dunha enfermidade. En 1955 comeza a súa aventura poética con Os eidos, libro co que principia un ciclo que retomará con Os eidos 2. Entre 1962 e 1966 viviu en Madrid e nese mesmo ano regresou a Parada, onde viviu na casa familiar ata 1983, ano no que fixou a súa residencia en Santiago, onde exerceu o cargo de presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega até que faleceu no año 1999. Outros libros seus son: Libro do Courel (1981), Poemas caligráficos (1979), Muller pra lonxe (1987), Do Courel a Compostela, 1956-1986 (1988), Poemas de doada certeza (1994) e Betanzos: Poema dos Caneiros e Estampas (1998).


O Courel: Paisaxes


O Courel: Paisaxes


O Courel: Paisaxes


O Courel: Paisaxes


Para saber máis do Courel… http://www.serradocourel.es/index.htm http://www.youtube.com/watch?v=7EienpYjX6o&feature=player_embedded#!


PARA RESPONDER 1-En que provincia se atopa a comarca natural de O Courel?Con cal limita? 2-Debuxa un mapa de Galicia e sitúaa. 3- Que concellos acolle? 4-Describe a súa constitución 5-Enumera os materiais xeolóxicos que podemos atopar 6-Que río a cruza?Especifica alguna información de interese. 7-Explica a súa climatoloxía. 8-Define os elementos paixasísticos máis característicos. 9- Que Rei estivo nestas paraxes? 10-Cal é a capital da comarca do Courel? 11- Enumera elementos e características arquitectónicas 12- Que é a Ferrería Nova? 13- A castaña do Courel. Como é? que se fai con ela? 14-Que poeta naceu aquí?Cita algún dos seus libros. 15Achega a túa opinión sobre a zona.

O Courel  

Xornada Uxío Novoneyra

Read more
Read more
Similar to
Popular now
Just for you