Page 1

O luns 26 de abril de 1937, día de mercado, ás catro e media da tarde, a aviación nazi (exército alemán na 2ª Guerra Mundial), de conformidade co xeneral Franco (que mandaba as tropas nacionais na Guerra Civil española), arrasou a indefensa vila de Guernica, capital histórica do País Vasco. Dos seus 7000 habitantes, 1654 resultaron mortos e 889 feridos.


O Goberno da República encargou a PICASSO o cadro para a Exposición Internacional de París do ano 1937. O Guernica foi concebido e pintado nun mes escaso no estudio parisino de Pablo Picasso e pretendía ser un berro atroz contra a guerra civil que desangraba España e contra a crueldade do home en xeral.


Trátase dun cadro pertencente ao movemento artístico chamado Cubismo que se caracteriza polo emprego de formas xeométricas, a representación simultánea de diferentes aspectos de obxectos e figuras, a superposición de distintos planos e o uso do Collage.


A primeira imaxe que Picasso recibiu do bombardeo de Guernica chegoulle polos periódicos franceses, e parece ser que foi iso o que motivou que Picasso reflectise a traxedia en negros entintados en nun branco sepulcral. No cadro non vemos aos asesiños nin as armas de destrución. Picasso só pintou a morte e a dor dos inocentes. Todas as figuras expresan a agonía e o medo a través dos xestos dos rostros e as posicións dos corpos.


Co Guernica podemos facer algo máis que “ver” un cadro: podemos “escoitar” un cadro. É posible oír o rincho do cabalo, o alarido da muller que mira ao ceo, o bramido do touro, o terrible xemido da nai e o pranto das mulleres que miran ao cabalo, e ao fondo o crepitar das chamas. No medio dese atroz estrondo, o silencio da flor que nace xunto á espada do guerreiro.


O Guernica é un cadro moi grande, mide 3 metros e medio de alto e case 8 metros de longo, pero non son moitas as figuras e obxectos que vemos nel.

Tentaremos explicar que pode significar cada unha delas, así axudarémoste a comprender mellor este cadro mundialmente coñecido.


O GUERREIRO MORTO

O guerreiro morto ten o brazo dereito e a cabeza separados dun corpo que desapareceu da escea pisoteado polo cabalo. Na súa man dereita empuña aínda unha espada rota da que emerxe, como sinal de vida e esperanza, unha flor.


A NAI CO SEU FILLO MORTO

A lingua da muller, que se asemella a un puñal ou a un fragmento de cristal, representa o pavoroso berro de nai. A súa cabeza contorsiónase cara ao touro, como buscando un imposible consolo. O neno morto, coa cabeza dramáticamente caída parece compoñer a clásica imaxe dunha “piedade”, a suprema dor dunha nai.


O TOURO

O touro é o horrorizado espectador da matanza e a posición do seu corpo forma unha especie de refuxio para a nai. No seu noble rostro poderiamos adiviñar os ollos e as faccións do propio Picasso, e as súas orellas transformáronse en puntas de puñais coas que escoita o son dos berros de dor. O touro podería ser o pintor, a testemuña necesaria para clamar ao mundo a brutalidade da guerra.


A LÁMPADA

É o punto central e máis alto de toda a composición. Está suspendida do teito e difunde luz nun trazado triangular. Parece un gran sol cos seus raios expandidos, pero Picasso deixa claro que é unha luz artificial ao colocar unha grande lámpada, cos seus fíos ben visibles. A luz dun candil que suxeita unha das mulleres do cadro axuda a iluminar a escea.


O CABALO

Ferido de morte, o cabalo revólvese bramando de dor. As súas feridas non son cornadas, foi atacado polo home coa espada e a lanza que atravesa o seu corpo. As súas patas pisotean ao guerreiro morto, e co seu pescozo retorcido, volve a cabeza cara ao touro como se pedira axuda ou unha resposta ante tanto horror. A lingua transformouse nun afiado coitelo, expresión máxima de dor.


A MULLER DO CANDIL

Dende unha ventá, a muller co candil na man estira o seu desorbitado pescozo ata unirse ao grupo do horror. Co seu potente brazo extendido acerca a súa buxía axudando a iluminar a escea. Ese brazo ten o candil fortemente agarrado coma se fose unha arma.


A MULLER ENVOLTA EN CHAMAS

Dende a ventá dunha casa incendiada cae unha muller envolta en chamas. A súa cabeza e o seu rostro adoptan a mesma posición que os da nai, clamando ao ceo dende o horror. Ten os brazos atrozmente levantados, como se aínda puidese atopar algo ao que agarrarse. A súa imaxe recorda a figura central de “Los fusilamientos del 3 de mayo”, famoso cadro de Goya, outro dos mellores pintores mundiais e que tamén é español.


A MULLER DE DIANTE

Saíndo da casa en chamas unha muller corre buscando salvación. Na súa fuxida, diríxese cara á escea central, pero parece quedar petrificada, coa mirada fixa nos terribles acontecementos que alí están a ocorrer. Son as súas pernas, especialmente a enorme perna esquerda, o que chama a atención cara a esta figura, coma se quixese votar raíces no chan. Tamén son moi chamativos os seus pezóns en forma de chupete.


O PAXARO

Xusto diante da boca do cabalo, como se formase parte do berro da besta ferida, atopamos un paxaro que tamén amosa o seu pánico e desesperación. Parece querer fuxir pero non sabe como nin adonde. O seu pescozo retórcese cara ao ceo como o da muller do neno e o da muller da casa en chamas, quedando os tres case á mesma altura. Unha das súas ás mira cara ao chan o que fai pensar que tamén está ferido.

PARA SABER MÁIS DO GUERNICA  

Información sobre as diferentes figuras do famoso cadro de Picasso

Read more
Read more
Similar to
Popular now
Just for you