Page 1

IES PEDRO FLORIANI Departamento de Filosofía

TITORIAL - BUSCAR TRADUCIÓNS DE TEXTOS En filosofía os textos son esenciais: coñecemos a un/ha autor/a polos seus textos, e cando hai dúbidas sobre como interpretar o seu pensamento hai que lelos de novo e discutilos. Pero un texto debe dicirnos algo a nós, e se non sabemos lelo no seu idioma orixinal entón a tradución vólvese esencial tamén. Tradicionalmente non adoitaban existir versións galegas nin das grandes obras filosóficas nin de tantas outras pequenas pero esenciais, e incluso dos propios autores obrigatorios en 2º de Bacharelato había soamente pequenos fragmentos en galego, cheos (como pouco) de erratas e ambigüidades. Pero pouco a pouco vanse traducindo obras á nosa lingua (e incluso escribíndose orixinalmente nela). Neste titorial aprendemos a utilizar a base de datos do ISBN para buscar obras en galego cando coñecemos algún dato delas: o título noutro idioma, a/o autor/a, etc. Dividimos o traballo en tres apartados: 1. A base de datos do ISBN 2. O buscador avanzado 3. Exemplos comentados

1. A base de datos do ISBN O ISBN é un número que se asigna a cada edición de cada libro. Soe estar escrito ao lado do código de barras e consta de 10 ou 13 cifras. Podes atopar información completa e fiable sobre el na Galipedia (ISBN na Galipedia). O ministerio de cultura ten unha páxina web na que se pode consultar a súa base de datos, na que están recollidos todos os libros editados no estado español. Para chegar a ela, busca en Jujel “isbn base de datos” e abre a páxina que está na web do mcu.


Despois pica na ligazón para abrir a base de datos:

Ábrese un buscador no que podes buscar os datos dun libro se coñeces o ISBN ou algún dato (título, autor...):


Por exemplo, podemos escribir “marcelino agis” no cadro de “Texto de busqueda”:

e obtemos unha listaxe dos títulos que ten publicados (pica aquí para consultala), entre os que está Historias da filosofía (Un dos ítulos do itinerario lector de filosofía de 1º Bach., escrito orixinalmente en galego) e moitas outras máis.


2. O buscador avanzado Esta busca que vimos de facer é moi incómoda porque supón que temos que saber datos sobre a/o autor/a dos que ás veces non dispomos (sabemos o título da obra pero non quen a escribiu); ademáis aparecen moitísimas referencias, e están en moitos idiomas cando o queriamos era atopar referencias en galego. A solución está en utilizar un buscador máis preciso, o buscador avanzado:

Aquí aparecen unha serie de filtros que serven para conseguir unha resposta máis axustada ao que busco:


Están sinalados os campos máis importantes para o noso tema: os filtros e a lingua de publicación. En canto á lingua de tradución, é a lingua na que a obra foi escrita orixinalmente. Os filtros son os criterios polos que buscamos a obra (Interésannos especialmente AUTOR, TÍTULO). Lembra utilizar os operadores lóxicos (AND significa que todos os criterios deben cumplirse, OR que debe cumprirse polo menos un e NOT que non pode cumprirse o criterio que se especifica).


3. Exemplos de buscas 3.1. Está editado en galego o libro Fahrenheit 451, de Ray Bradbury? Fai a seguinte busca avanzada: Buscar por: TÍTULO, Texto de búsqueda: Fahrenheit 451 Idioma de publicación: Gallego Discusión: Aparece unha listaxe de edicións do libro en galego. Neste caso, só hai unha, a de Edicións Xerais. Se queres darlle unha indicación precisa a quen te atenda na librería dille que o ISBN que queres é 978-84-9782-310-4. Lembra que un título como este escríbese igual en moitos idiomas (inglés, castelán, galego, francés...). En moitas librerías, se non especificas o idioma, daranche o libro en castelán, así que se o queres en galego non esquezas indicalo. O ISBN evita ese problema. O mesmo pasa con moitos títulos que se escriben igual en varios idiomas: Siddartha, Maus, Robinson Crusoe... 3.2. Que libros de Freud hai editados en galego? Busca avanzada: Buscar por: AUTOR, Texto de búsqueda: Freud Idioma de publicación: Gallego Discusión: Cando se escribe este titorial (maio do 2011) só aparece unha obra de Freud, as Conferencias de introdución á psicanálise, editada pola Universidade de Compostela. En fin, non é moito pero si que é unha obra importante e representativa do autor. Quizais axiña se publiquen máis. Sigue consultando a páxina de vez en cando e verás que aparecen títulos novos. Pódense atopar algunhas obras de Descartes ou de Aristóteles, o Manifesto Comunista de Marx, a Crítica da Razón Pura de Kant... O autor máis representado é Platón, de quen están traducidos moitos diálogos. Está O segundo sexo, de Simone de Beauvoir, pero non hai nada de María Zambrano. Hai varias obras de Sartre e de Camus, entre elas O existencialismo é un humanismo e O estranxeiro, que están no currículo lector de 1º Bach. Nada de Nietzsche, nada de Locke nin de Hume (moitos destes autores terás que estudalos o ano que vén, en 2º Bach., e non hai obras deles traducidas!).


3.3. Un amigo recomendoume “La naranja mecánica”. Está editado en galego? Fai primeiro a seguinte busca para pescudar o nome da/o autor/a: Buscar por: TÍTULO, Texto de búsqueda: La naranja mecánica Atoparás moitos títulos: libros sobre a película de Stanley Kubrick, libros sobre fútbol, sobre violencia e resocialización... Fíxate cal ten o título exacto e toma nota do autor: Burgess, Anthony. Agora volve á busca avanzada e solicita a seguinte: Buscar por: AUTOR, Texto de búsqueda: Burgess, Anthony Idioma de publicación: Gallego Discusión: A base datos dá o segunte AVISO: Non se atopou ningún resultado.

Quere dicir que non se atopou ningún libro de Anthony Burgess en galego. Este libro non está traducido á nosa lingua. PERO É IMPORTANTE QUE PREGUNTES POR EL.Se preguntamos polos libros ao personal das librerías, as editoriais acabarán entendendo que o libro ten demanda e animaranse a traducilo. Cada vez son máis os libros que se traducen ao galego. 3.4. Está editado en galego “Cometas en el cielo”? Este libro non é do currículo lector de filosofía, pero vamos buscalo igual. Repetimos o proceso anterior: Buscar por: TÍTULO, Texto de búsqueda: Cometas en el cielo Anotamos o nome do autor e facemos a busca en galego: Buscar por: AUTOR, Texto de búsqueda: Hosseini, Khaled Idioma de publicación: Gallego Discusión: Aparecen dous títulos! Fíxate que rápido se traduciron estes best sellers ao galego! Oxalá todo o que se escribe ou traduce ao galego estivese tan axiña á nosa disposición! Fíxate con que nome aparece o libro que buscamos: O cazador de papaventos. Poderíamos ter feito a busca “Cometas no ceo” ou incluso “Papaventos no ceo” e o nome non tería aparecido, o que nos fai ver que seguir metodicamente os pasos pode ser máis efectivo que seguir unha secuencia que nos pareza intuitiva.

Titorial - Buscar traducións  

Titorial para 1º Bach. sobre como buscar versións en galego de obras filosóficas

Read more
Read more
Similar to
Popular now
Just for you