Page 1

L E T R A S G A L E G A S

XOSÉ MARÍA DÍAZ CASTRO Bilioteca escolar ceip “a maía” Bertamiráns-ames


Naceu no Vilariño, Os Vilares, Guitiriz, 19-2-1914 (este ano é o seu centenario) e finou en Lugo, 2-101990 nunha familia labrega, terceiro de catro irmáns e fillo do escribente do concello de Trasparga que foi presidente do Sindicato Agrario Católico, home preparado e con moita ascendencia social.

Os irmáns Díaz Castro cun grupo de veciños de Os Vilares e os mestres no 1926


Os catro irmáns: Antonio, María, Xosé María, sentado á esquerda, Serafín, a súa tía, María Manuela, e os mestres de Os Vilares, Vicente e Carme (6-IV-1926)


O poeta naceu na casa "d'arriba", unha das tres que forman a aldea. Son das máis antigas da parroquia. Chamárono "O Vilariño dos Cregos", pois chegou a haber naquelas tres casas ata 9 cregos entre tíos e sobriños. Na capela fundada pola súa familia na carballeira da aldea, axudaba á misa o pequeno Xosé María Díaz Castro, coñecido como Pepe polos veciños. Viviu ligado a paisaxe e contorno a carón da Serra de Montouto na Terra Chá, que era a fonte da súa inspiración poética.


De neno axudaba no campo, sobre todo ía a linda-las vacas, foi un grande afeccionado ó estudo da natureza: plantas, animais, árbores... Na súa casa xa había algúns libros, pero sobre todo preguntaba ós máis maiores os nomes e características de todo o que vía. E, toda a vida xa de maior, Xosé sempre se acompañaba dalgún papel no que ía apuntando e recollendo ditos, pensamentos, cousas curiosas, palabras descoñecidas, etc.


Deixou moitas relacións de palabras desta comarca. Díaz Castro era un dos máis grandes coñecedores dos idiomas occidentais, pois dominaba case tódolos idiomas europeos: sueco, noruego, finlandés, inglés, grego, francés, portugués, italiano, alemán, danés, euskara..., e outros tamén os coñecía como o ruso, húngaro, etc.


• Moi novo foi á escola ó Buriz, mentres non había mestre oficial para Os Vilares. O primeiro mestre de Díaz Castro impartiu clase durante tres anos na casa do poeta. Moito antes xa algún mestre chamado "de ferrado" percorrera ensinando varias casas da parroquia. •

Todos os seus mestres decatáronse da valía do neno, sobre todo en redacción e declamación e tamén en debuxo. Desde os 8 anos está a facer poesía. Serían os veciños dos Vilares emigrantes a Cuba, entre eles dous tíos do poeta, membros da sociedade "Juventud de Villares", os que mandarían os cartos para face-la Escola da Conchada e colaborar así no progreso e educación da parroquia. Foi o párroco dos Vilares, o encargado de administrar as obras da casa escola que no ano 1951 tiña tres aulas: a dos “nenos”, a das “nenas” e unha terceira, mixta.

Escola de indianos dos Vilares


Díaz Castro é un dos poetas máis importantes da Galicia de postguerra. O noso poeta fai unha poesía rural e labrega como é a vida dos seus veciños de aldea. Pero o seu labor máis importante foi o de traductor do Instituto de Cultura Hispánica e do Instituto de Investigacións Científicas de Madrid.

"Adeus ós montes, todos ourizados estrelas de ouro vivo para sempre; adeus ás pedras, coma rosas xa; adeus ás maus, quentiñas para sempre". (Nimbos, "Monumento á ausencia”)


En 1929 ingresou no Seminario de Mondoñedo os 17 anos. Alí escribiu os seus primeiros cadernos de poesía: "Follas Verdes" e "Follas ó Aire" que non quixo editar.

Compañeiros de estudos no seminario de Mondoñedo.

Escribe en varios xornais entre 1931-33, onde publica poemas adicados a natureza na que el gustaba mergullarse cando ía coas vacas: ás formigas, á flor da pasionaria, ó pensamento, etc.


Foi chamado a filas e destinado no corpo de sanidade militar na Coruña como camilleiro e practicante. Na guerra Civil estivo unha semana na fronte de Asturias, e pasou destinado á clínica militar do Hospital de Pontevedra. No ano 1939 volveu ó seminario a estudar o bacharelato, e logo exerceu de profesor de Ensinanza Media en Vilagarcía de Arousa (Pontevedra).


En 1948, tras licenciarse en Filosofía e Letras, trasladouse a Madrid, foi profesor de linguas clásicas e modernas e traballou como tradutor para organismos oficiais e privados, entre eles o Ministerio de Gobernación, en asuntos de seguridade e intelixencia. Tamén traballou no Consello Superior Científico onde acadou o posto de xefe do Servizo de Información e Documentación do Instituto do Frío e no Instituto de Cultura Hispánica ata 1966 onde foi encargado de servizos de tradución de francés, inglés, alemán, italiano, portugués, holandés e linguas escandinavas.


***O

Seminario de Mondoñedo, onde estudou Díaz Castro, vén contribuíndo ás nosas letras, dende hai séculos, cunha intensa achega. Eles mantiveron o noso idioma en séculos de seca na escrita. Ata hoxe é o centro eclesiástico con máis escritores no seu haber. Porque : "unha cidade rica en latín ten moitas posibilidades de ser tamén rica en bos escritores. A razón é esa cultura que se move no Mondoñedo de tempos pasados, arredor do Seminario… Daquela, non é estraño que xa en tempos anteriores ó Rexurdimento da literatura galega, tivera Mondoñedo poetas en galego" (Cita do

profesor de clásicas, Andrés Pociña)


“Xa se fincou nas pereiras a primavera. Sentín o vou – e – non – vou de marzo. ¡Xa non hai piedade pra min! Pasou rispándome a quina dun cabalo que non vin. Brandéuse o ceo de vidro aló por Ponte-Gafín. Crebóuse a paz coma un fío nos dentes frios de abril. Perdido no remuíño, ¡xa no hai piedade para min!. Ti, cabelos de ouro e de aire, nena, ¿en que ceo te vin?

Xosé María e Teresa Zubizarreta Bengoechea natural de Urretxu casaron o 10 de agosto de 1954 e tiveron tres fillos: José Mari, Maite e Íñigo, nados en Urretxu.


Xa moi novo xurde outra das afeccións do poeta, refrexadas no poema "O menhir solitario" que é unha gabanza ó menhir que se erguía en Súa Torre, nese monte que el coñecía moi ben. O poeta paseaba desde neno polos arredores e estudiou os restos arqueolóxicos da zona e co seu irmán Serafín fai unha relación de tódalas mámoas que existen pola Serra de Montouto. Buscaba todo o relacionado coa historia de Guitiriz.


"Remuiño" é un poema inspirado nas camiñatas que facía desde neno ó muiño de Merra en San Salvador . O poeta transmitenos a inseguridade que vivía no mes de abril cando aínda o inverno soplaba e a primavera non daba chegado.


Nas fragas arredor deste río compuxo o poeta os seus versos máis premiados, nos Xogos Florais de 1946 en Betanzos gañando o primeiro premio en idioma galego, con “Nascida dun soño, e en castelán con “El cántico de la ciudad”.


• Díaz Castro adoita ser encadrado dentro da Xeración do 36 . • A súa obra máis coñecida é o poemario NIMBOS editado en Vigo por Galaxia en 1961 de gran influencia nos poetas posteriores pola súa perfección, pola preocupación por Galicia e polos problemas básicos do ser humano, a vida, a morte e o tempo. NIMBOS

• Só quixo publicar o poemario "Nimbos" e ten varios libros inéditos. • Na obra, móstrase unha reflexión sobre o destino humano a través da preocupación existencial e relixiosa e da comuñón coa natureza.

Se é que o poema é só un nimbo de lus que os ollos cegos póñenlles ás cousas soñadas, ou amadas nas tebras, das cousas que xa foron e se foron pro siguen sendo e non se van xa máis, das sombras que, xogando cos meus ollos, na miña vida en lume se enxeriron, eu deixo eiquí os nimbos, coma cinza de rosas que onte encheron de perfume o mundo, morto xove, dalgún soño.


No poema máis coñecido de Nimbos, "Penélope", reflexiona cunha linguaxe rica e exacta sobre unha Galicia que permanece durmida, non refugando, porén, á esperanza para a súa terra.

• Os temas son os da poesía universal: a dor do home, o amor, a paisaxe, os sentimentos relixiosos, a liberdade...


A poesía máis importante ou coñecida de Díaz Castro, "Penélope", é o resume máis importante da historia de Galicia e deixa ben definido que o seu hábitat é a Terra Cha.

Penélope Un paso adiante e outro atrás, Galiza, e a tea dos teus soños non se move. A espranza nos teus ollos se espreguiza. Aran os bois e chove. Un bruar de navíos moi lonxanos che estrolla o sono mol coma unha uva. Pro ti envólveste en sabas de mil anos, e en sonos volves a escoitar a chuva. Traguerán os camiños algún día a xente que levaron. Deus é o mesmo. Suco vai, suco vén, ¡ Xesús María!, e toda cousa ha de pagar seu desmo. Desorballando os prados como sono, o Tempo vai de Parga a Pastoriza. Vaise enterrando, suco a suco, o Outono. ¡ Un paso adiante e outro atrás, Galiza!


"Penélope" foi traducido ó francés , alemán, incluso o árabe ...


Amais de poeta, foi narrador nos anos corenta e practicou o xornalismo literario en medios como El Pensamiento Navarro, o Faro de Vigo ou as revistas Xermolos e Dorna. O seu labor tradutor foi excepcional pola súa calidade e cantidade, pois entre textos en galego e castelán son varios os miles de páxinas nas que o poeta foi vertendo autores e obras das máis diversas latitudes e idiomas.

Elaborou tamén un dicionario de voces galegas, con moitos termos dialectais, sendo como era un políglota consumado e fondo coñecedor da riqueza e amplitude da nosa lingua.


Dominaba máis dunha ducia de linguas, o que lle permitiu traducir ao castelán obras de, entre outros, o sueco Premio Nobel de Literatura en 1916 Verner von Heidenstam , os dinamarqueses Henrik Pontoppidan e Johannes Vilhelm Jensen (premios Nobel de Literatura en 1917 e 1944 respectivamente), o austrohúngaro Rainer Maria Rilke, o irlandés William Butler Yeats (Nobel de Literatura en 1923), os estadounidenses T. S. Eliot e Walt Whitman, os ingleses G. K. Chesterton e Frederick Forsyth, o alemán Friedrich Schiller ou os franceses Arthur Rimbaud, Paul Valéry, Alphonse de Lamartine e Paul Claudel. Traduciu, ao inglés a Federico García Lorca e a Rafael Alberti. Buscando traballo coma tradutor…


E foron varios os artistas, pintores e debuxantes chairegos e doutras comarcas, que fixeron debuxos e pinturas, motivados polos poemas de Díaz Castro. Atopamos entre outros a Magdalena Seixas, a Eduardo Baamonde, a Victorino Pérez, a Xosé Barreiro...


O 3 de outubro do 1990 foi soterrado Xosé María Díaz Castro, no cemiterio de Guitiriz, coa asistencia de numerosos escritores e veciños.

“A beleza feriume para sempre…”

Xosé maría díaz castro  

Vida e obra do poeta Xosé María Díaz Castro a quen se lle adica o Día das Letras Galegas do ano 2014. Unha presentación elaborada polo Equip...

Read more
Read more
Similar to
Popular now
Just for you