Issuu on Google+

A areté na Grecia Clásica Tema feito a partir dos traballos de Carla Darriba, Samuel Figueroa, Raquel Fontán, Ángel López e Raquel Portela, de 2º de Bacharelato Humanístico 2009/10.

O termo areté (en grego αρετή, de αριστος, que significa “mellor”) sufriu ó longo do tempo unha evolución seguindo os cambios do pensamento da época e as filosofías que a partir deste derivan, as diversas formas de coñecer e comprender o mundo. “Areté” é un dos conceptos cruciais da ética e política da Antiga Grecia pero resulta complicado precisar realmente o seu sentido. Nun principio, poderiamos definila como “excelencia” ou “perfección”. Durante a Época Arcaica a areté estaba vinculada especialmente ás virtudes guerreiras da aristocracia militar: a valentía e a forza. O arquetipo sería o heroe da obra homérica, como o propio Aquiles, sempre ansioso por conseguir esa excelencia e que prefire morrer en batalla a algún tipo de deshonra, ou Héctor, que afronta a morte sen vacilar para cumprir o seu deber. Tamén a areté se relaciona coa astucia nas obras de Hesíodo y Homero; se observa cando na Ilíada se encomia a Ulises por ela.

A excelencia considerábase un don divino, que se herda dos pais, e non se pode adquirir por méritos propios. Deste feito deriva o medo destes gregos ó destino, pois é o que determina quen será o posuidor da areté. Efialtes, o traidor das Termópilas, preséntase no cómic e a película “300” como eivado: nunca poderá ter areté; Xerxes ofrécelle praceres e diñeiro, pero iso non pode compensar a agonía dunha vida sen honra.


Xa cara a época clásica cambia o significado deste termo cara algo máis próximo ó que hoxe entendemos por virtude, un concepto máis característico da democracia ateniense. Dentro da súa conformación cobra importancia a paideia (do grego παιδός, que significa “neno”), a preocupación pola educación da xuventude grega, pois son necesarios uns coñecementos importantes para ser virtuoso. Aínda así, levábase a cabo un exhaustivo coidado da forma física mediante a ximnasia e a loita. Outras disciplinas para completar unha correcta formación serían tamén a oratoria, a música ou a filosofía. Nesta época, o século V a. C., chegan a Atenas os chamados “sofistas”. Tratan o problema do sentido da areté e, de acordo co seu estilo, chegan a conclusións contraditorias: “Se tes a virtude, para que queres buscala? E se non a tes, como poderías atopala?” Porén, eles viven de ensinala, polo que cobran grandes cantidades de diñeiro e hai que dicir que aínda que foron desprezados por isto tamén deron un gran pulo á educación. Pola súa parte Sócrates, da mesma época que os anteriores, ensinaba aos seus discípulos, como Platón, que a areté era o coñecemento do fin ou propósito do home, simplemente como home, e invitaba aos que conversaban con el a pensar xuntos en cal é o obxecto do ser humano; pero el mesmo non responde á pregunta. Tan convencido estaba Sócrates de que a areté era coñecemento que lle parecía evidente que se os homes chegaban a entender que era o ben e o xusto escollerían isto, e ninguén escollería conscientemente o mal, a non ser pola ignorancia. En resumo, o coñecemento da virtude implica a súa posesión. Así mesmo, a virtude é, en certo modo, algo innato, pois xa temos o coñecemento no interior, na alma, pois esta contemplou as ideas do “mundo intelixible” antes de nacer; pero, ao atoparse nun corpo, que representa unha prisión, ese coñecemento está esquecido e debe ser lembrado a partir da percepción do “mundo sensible” mediante os sentidos. Este proceso é denominado “reminiscencia”. Esta teoría será desenvolvida en maior profundidade polo discípulo de Sócrates, Platón. O modelo de persoa excelente sería, segundo estas bases, unha persoa (home ou muller) sabia, dedicada ao estudo e á reflexión, carente de interese polas cousas materiais do mundo sensible, que é soamente unha copia do mundo ideal; esta persoa sabia tería o encargo de gobernar o estado, dividindo a sociedade en diferentes estamentos segundo as características dos individuos. Posteriormente, no século IV a. C., Aristóteles, o principal discípulo de Platón defenderá unha teoría diferente acerca das virtudes e da excelencia. Adopta unha postura intermedia, concibíndoa como unha calidade superior da alma pero que, ao mesmo tempo, depende para o seu desenvolvemento duns bos costumes e o hábito ou “ethos” (repetición pola que a virtude se converte en costume). Non se trata só dun problema de coñecemento, senón dun problema “práctico” (a “praxe” é a acción moral das persoas). Aristóteles foi un filósofo de carácter empírico e realista, coñecedor das leis de moitas cidades e da vida de palacio, e entendeu a virtude como algo que se ten por nacemento pero que hai que desenvolver mediante a educación nun entorno culto e elevado, rodeado de persoas que posúan a areté, persoas excelentes. Implica o coñecemento das leis e a participación na vida pública e política, e o modelo de sabio sería un home (varón, na concepción aristotélica), duns 35 ou 40 anos, con experiencia da vida, coa beleza dunha nobre liñaxe. Sería unha persoa prudente: capaz de elixir correctamente os medios para conseguir os fins que se propoña. A excelencia como carácter comporíase dunha serie de excelencias parciais: o valor, a temperanza, a xustiza... que unha persoa virtuosa debe saber combinar harmonicamente na súa actuación ó longo da vida. A virtude sería en xeral un termo medio entre dous vicios (o valor é o termo medio entre a covardía e a temeridade), sempre de acordo á natureza de cada ser. É dicir, cando unha entidade realiza a súa función propia dun modo perfecto dise que é virtuosa e boa. E como o que distingue ó ser humano dos outros animais é a razón, dá un valor especial ás virtudes que chama dianoéticas, como a ciencia ou a prudencia, nas que non se busca un termo medio: canto maiores sexan, máis virtuosa será a persoa.


Unha pregunta interesante é en que medida foi Alexandre Magno, educado por Aristóteles, unha persoa excelente neste sentido, ou nun sentido global que resume toda a evolución do concepto. Foi, como quería o mestre, un gran xestor social, carismático e atractivo, amigo dos seus amigos e pacificador dos territorios que conquistaba, nos que moitas veces deixaba leis máis xustas que as que nunca antes tiveran. Pero faltoulle esta madureza e esta capacidade de gozar da contemplación da natureza e do cosmos, que trocou pola obsesión militarista dun heroe homérico. En todo caso, cando el conquista Atenas morre o ideal do home feliz na preocupación pola súa cidade, posto que a vida no imperio, na que as cidades non teñen xa autarquía e o goberno exérceo un militar descoñecido desde un lugar afastado, borra o sentido da participación política. A areté deixará de ser a ambición dun pobo grego que irá buscando primeiro a felicidade na súa vida íntima, na privacidade dun xardín ou nunha esquina da ágora, e que pouco a pouco irá formulando a idea dunha salvación despois da morte, xa que a vida naquel tempo, case entrando xa na Idade Media, irá deixando de ter sentido.


A areté na Grecia Clásica