“Un medio rural habitable e habitado”
No Centro de Desenvolvemento Rural “O VISO” traballamos no empeño de mudar o medio rural visitable por un medio rural habitable e habitado. Temos como misión acompañar á xente nos diversos procesos de desenvolvemento asumindo o desafío de facer medrar a toda persoa e a todas as persoas cunha estratexia de desenvolvemento integral dirixida á poboación máis vulnerable da comarca da Limia; a través de accións globais e de carácter social, educativas, informativas, económicas, de formación e emprego para que a nosa comunidade permaneza no seu medio, en mellores condicións e cunha maior calidade de vida.
Temos un claro compromiso social cara a nosa infancia e desde os nosos programas traballamos para poñer en valor o papel das nenas e nenos do rural, sostén das nosas aldeas, lingua, cultura. Queremos que sexan escoitados, que poidan seguir medrando coa comunidade, que poidan xogar en liberdade nas canellas e nas airas, que teñan o orgullo da terra e a oportunidade de permanecer nela. O Pobo Escola de Lodoselo, o noso Monte como aula para á educación ambiental, Educación infantil familiar na Limia eo programa Concilia son oportunidades para medrar no rural.