__MAIN_TEXT__
feature-image

Page 1

· ANO 2020-2021 · Nº 1 PUBLICACIÓN TURÍSTICA GRATUÍTA

1


Sumario

Lugares con encanto natural Costa e praias Patrimonio cultural Mapa Conxuntos históricos Pasado industrial Camiño Norte Actividades na natureza Experiencias Gastronomía Aloxamento Festas e eventos

OFICINAS DE TURISMO

4 8 12 14 16 18 19 20 22 24 26 27

· Publicada por: Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense Coordinación e redacción de contidos: Claudia del Pino Martínez Deseño: Eva Veiga Buide Cartografía: Samuel Nájera Bailón Fotografía: Antonio Paz, Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense [excepto, Iván Nespereira: páxinas: 5 b, 18 d, 24 b, 27 b; Carlos Cornide: páxina 23 a; Eduardo De Martís: páxina 24 a, c]. Depósito legal: LU 145-2020


C

on esta nova publicación turística, querémosche presentar A Mariña Lucense e axudarche a descubrir as posibilidades que ofrece para o teu tempo de lecer. Queremos que nos coñezas e que nos escollas. Somos un recanto do mundo á beira do mar Cantábrico, no norte de Galicia. Un espazo meigo e tranquilo, no que a montaña e o mar se abrazan compoñendo largos vales fértiles que agochan verdadeiros tesouros naturais e artísticos. Unha terra auténtica, de xente amable e gastronomía sobresaliente. Un lugar onde podes volver sentir a beleza de viaxar.

As ligazóns lévante a información máis detallada, dirixíndote a espazos web específicos ou con información ampliada.

amarinalucense.gal


Lugares con encanto natural Este territorio reúne atractivos de mundos moi diversos. A beleza das montañas, a paz dunha campía riscada por ducias de ríos e o horizonte infindo da costa cantábrica. As serras litorais e prelitorais ofrecen puntos panorámicos inigualables e conteñen elementos naturais únicos en Galicia, como a extensa superficie de turbeiras da Serra do Xistral. Os ríos, que modelaron os produtivos vales da Mariña, amosan nas súas beiras redutos de bosque autóctono e nos seus esteiros obsérvase unha gran variedade de fauna e vexetación. Pola súa banda, a costa posúe unha enorme diversidade natural e os seus relevantes recursos xeomorfolóxicos achéganlle á paisaxe un engado singular e extraordinario.

Varias zonas protexidas dan proba do valor natural da zona, na que tamén existen extensas masas de cultivo forestal (principalmente eucalipto). Recoñecidas para a súa protección dentro da Rede Natura 2000, están as costas da Mariña Occidental e As Catedrais; as serras de Monte Maior e O Xistral; as rías de Ribadeo, Foz, Viveiro e O Vicedo -O Barqueiro; os ríos Eo, Masma, Ouro e Landro e a fraga de Carballido. Enclaves como o Souto da Retorta e a Praia das Catedrais son Monumentos Naturais.

Neste contexto tan diverso, has atopar un amplo abano de paisaxes e lugares con encanto nos que desconectar e respirar a vida.

SERRA DO XISTRAL

+INFO MAPA ESPAZOS NATURAIS

No interior da Mariña Lucense atópase A Serra do Xistral, un macizo montañoso de interposición entre o mar Cantábrico e a Terra Chá conformado por montañas alombadas que teñen como punto máis alto o pico do Cadramón (1.056 m). Unha paisaxe de carácter salvaxe, malia levar séculos habitada, que permite pasar en escasos quilómetros da campía máis feiticeira a panorámicas que lembran as Highlands escocesas.


Un espazo protexido (ZEC-Rede Natura 2000), abondoso en ventos e onde as brétemas e as precipitacións alimentan ríos que flúen cara a diferentes cuncas e turbeiras consideradas, xunto coas uceiras húmidas existentes, os maiores reservorios de carbono da Europa temperada.

Nas zonas altas, é habitual ver cabalos e vacas, que pacen ceibes ao pé de enormes muíños de vento. A maior parte da poboación habita os vales de menor altitude, dadas as condicións climáticas máis adversas da serra.

Para coñeceres a zona, podes percorrer a LU-P-0101, que une O Valadouro con Abadín, ou profundar en visitas con guías expertos. .

COVA DO REI CINTOLO A 15 minutos de Mondoñedo, preto da aldea de Supena e nunha contorna de evidente beleza, atópase esta cova. É a cavidade máis grande de Galicia, con 6,5 km de desenvolvemento. Un lugar de interese científico, xeolóxico e de referencia para a espeleoloxía en Galicia. A súa constitución, de pedra calcaria e lousa, deu lugar a unhas galerías características con estalactitas, estalagmitas, columnas, coadas e gourdams. Visitable só con reserva. + info 982 507 177.

De maneira regular, o Concello de Mondoñedo ofrece visitas guiadas de espeleoturismo.

SOUTO DA RETORTA Coñecido tamén como o «eucaliptal de Chavín», este Monumento Natural situado en Viveiro garda, ademais de especies de bosque autóctono, enormes eucaliptos centenarios. Árbores plantadas a partir de 1880, que hoxe alcanzan dimensións colosais, tales coma «O Avó», de 126 anos, con 71,4 m de alto e un perímetro de 7,6 m. A súa función era drenar estas terras, próximas ao río Landro, e evitar os repetidos asolagamentos que afectaban á actividade industrial da zona, relacionada co innovador empresario José Barro.

A 7 km de Viveiro, accédese dende a LU-161. Conta con zona de estacionamento.

5


PRAIA DAS CATEDRAIS (Augas Santas) Dentro dun espazo costeiro protexido (ZEC-Rede Natura 2000) de 297 hectáreas, sitúase o Monumento Natural Praia das Catedrais, famoso polos seus enormes arcos furados nun cantil de ata 30 metros de altura que se poden observar dende o areal no devalo da marea. O concello de Ribadeo organiza visitas con expertos polos arredores. O acceso é sinxelo, dende a A-8 e dende a N-634.

FUCIÑO DO PORCO (Punta Socastro) Despois de percorrer unha zigzagueante pasarela de madeira, este recanto bravío e espectacular, situado no Vicedo, na entrada da ría de Viveiro, regálanos unhas fermosas panorámicas do Cantábrico. O acceso está indicado dende a LU862. Podes deixar o vehículo nunha área de estacionamento habilitada, dende a cal se toma a Senda azul procedente da praia de Abrela, que te conducirá ao miradoiro nuns 20 minutos de paseo.

Nos últimos anos, estes dous lugares adquirion un claro protagonismo. En ambos os casos, en épocas de maior afluencia cómpre facer unha reserva previa á visita.

ARTE NA NATUREZA

Espazo Caritel

RESERVA AS CATEDRAIS

RESERVA FUCIÑO DO PORCO

A obra artística do destacado escultor Daniel Caxigueiro, xunto coa súa paixón pola natureza, deron como resultado este fermoso xardín botánico que te sorprenderá pola súa cantidade e variedade de plantas do mundo. Destacan as súas coleccións de camelias e hortensias. Situado fronte á Basílica de San Martiño de Mondoñedo (Foz). + info 982 13 26 94

Finca Galea Grazas a este especial recanto pódeste adentrar no mundo da auga dende unha perspectiva etnográfica e artística. Un lugar ideal para pasear á beira do río Ouro e descubrir os seus diversos atractivos, como o muíño e folón activos, o lago, pequenas canles ou as árbores fosilizadas. Desvío indicado dende a LU-160, na Seara (Alfoz), a menos de 1 km. + info 666 30 48 48


Galicia é o país dos mil ríos, dicía o escritor mindoniense Ál varo Cun queiro. A Mariña Lucense, de certo, non é a excepción. As augas dos seus ríos, regueiros e regatos ofrecen, en combinación coa accidentada orografía do terreo, incontables motivos para a presenza de pozas, saltos e fervenzas de diverso tamaño repartidas por todo o territorio. A Férrea, A Pontenova

A Fervenza, Mondoñedo

Salto do Coro, Mondoñedo

Escouridal, Alfoz-O Valadouro

Pozo da Onza, O Valadouro

Pozo da Ferida, Xove-Viveiro

Xestosa, Ourol

Santo Estevo do Ermo, Barreiros

Guilán, Xove

Na Mariña podes atopar máis de dez fervenzas e pozas espalladas pola paisaxe; algunhas agochadas, outras máis accesibles, algunhas con opción para o baño e, todas elas, con encanto de seu.

7

+INFO


Costa e praias

Espazos ideais para relaxarse e sentirse a gusto.

Os máis de cen quilómetros desta costa verde están definidos polas súas pequenas rías —en comparanza coas do resto de Galicia— e a sucesión de areais e cantís. Unha costa de elevado valor paisaxístico e un espazo rico tamén en patrimonio cultural, cheo de posibilidades para a práctica deportiva, para a observación da natureza, para os que procuran baños e praias de gran calidade... así como para o deleite dos amantes de paseos infinitos polas sendas costeiras ou polos extensos areais.

Na franxa costeira aséntase a maior parte da poboación da Mariña Lucense, que anda polos 72.000 habitantes. É unha zona moi vencellada á pesca —con dous dos portos máis importantes do Cantábrico en Burela e en Viveiro (Celeiro)— e tamén á actividade agropecuaria e forestal. Aquí, o turismo tradicionalmente asociado ao sol e á praia está a dar lugar a experiencias máis integrais, máis demoradas e relaxantes, favorecidas pola variadas posibilidades do territorio.

CULTURA MARIÑEIRA


Cultura mariñeira Para coñeceres mellor o mundo do mar, ademais de visitar os portos e vilas costeiras e de degustar a súa deliciosa gastronomía local, animámoste a visitar: os mercados e lonxas, coma as de Celeiro (Viveiro) e Burela, de moito rebumbio e colorido; os faros —coma Illa Pancha (Ribadeo), Roncadoira (Xove), ou Punta da Atalaia (San Cibrao)—, e outros atractivos da nosa cultura mariñeira que lle ofrecen interesantes propostas ao visitante. É o caso do Barco museo boniteiro «Reina del Carmen» e da nave das redeiras en Burela, ou do Museo Provincial do Mar e o Estaleiro artesanal de Francisco Fra, ambos os dous en San Cibrao (Cervo). Na zona do porto da estival localidade de Foz, no tradicional porto de Rinlo (Ribadeo) ou no Portiño de Morás (Xove), encontrarás tamén pintorescos recunchos con sabor mariñeiro. Entre as pegadas deixadas por unha economía ligada ao mar están as ruínas das fábricas de salga de San Cibrao e da Praia de Caolín (O Vicedo); as cetarias nos arredores de Rinlo (Ribadeo), e os cargadoiros da Ínsua (Viveiro) e Ribadeo; na súa veciñanza tamén atoparás o Forte de San Damián, construído no s. XVII para a defensa da ría e da súa poboación.

9


Praias

A variada oferta de praias de area branca e augas claras con que conta A Mariña Lucense fai imposible que non deas atopado aquí o teu recuncho favorito. Máis de sesenta alternativas entre as que encontrarás praias familiares con múltiples servizos, outras máis illadas e íntimas, ou largos areais que o devalo da marea transforma en infinitos. Neste último ano, 18 praias ostentaron a distinción de BANDEIRA AZUL, que identifica aquelas praias recoñecidas polas súas condicións de seguridade e servizos, a calidade das súas augas e polas accións de información e xestión ambiental que levan a cabo. Nesta costa vas atopar a temperatura da auga máis cálida de Galicia.


Podes percorrer esta costa de varias formas: en coche, con zonas nas que podes conducir á beira do mar por estradas secundarias; en FEVE, un tren de vía estreita con vistas marabillosas e que nas súas liñas regulares ofrece servizos entre O Vicedo e Ribadeo; e outra opción, sen dúbida tentadora, é a que che ofrece o Camiño Natural da Ruta do Cantábrico: ires saboreando paseniño este litoral, andando ou en bicicleta.

+INFO

11


Patrimonio cultural Sobre as pegadas do pasado. Os restos arqueolóxicos encontrados no territorio demostran a presenza de poboación dende o Paleolítico Inferior (achados de restos de útiles en Louselas-Ribadeo) e con continuidade con firmada dende hai uns 10.000 a 8.000 anos a. C. (finais do Paleolítico Superior ou Epipaleolítico). Co paso do tempo, estas poboacións deron lugar á configuración de numerosos poboados castrexos dispersos por todo o territorio. Algúns deles evidencian nas súas estruturas a influencia da súa romanización. Testemuños deste pasado prehistórico son o Dolmen de Santo Tomé (O Valadouro) ou o Círculo lítico A Roda (Barreiros). Para afondar na cultura castrexa, podes visitar o xacemento de San Tirso de Portocelo (Xove), con visita organizada; o Castro costeiro de Fazouro (Foz), moi accesible, de fácil observación e pequenas dimensións, e o Castro de Zoñán (Mondoñedo), de gran tamaño, con orixe no Bronce final e con construcións á vista datadas entre os ss. I e V d. C. Tamén de doado acceso. Na Idade Media (s. XII), Viveiro e Ribadeo vanse consolidando como vilas, e cando a sé episcopal se traslada a Vilamaior do Val de Brea este núcleo convértese na nova cidade de Mondoñedo. Ademais destas grandes poboacións, van xurdindo diversas vilas costeiras (San

+ INFO

Cibrao, Burela e Foz), relacionadas coa industria baleeira, a exportación de madeira e peixe e a importación de viños.

Falar de historia na Mariña Lucense é falar de Pedro Pardo de Cela (1425-1483), gran señor feudal destas terras que morreu axustizado na praza da Catedral de Mondoñedo porque se alzou en contra dos Reis Católicos. Comendeiro do Bispado de Mondoñedo, alcalde de Viveiro, dono de xurisdicións, castelos, fortalezas e pazos, deixou un senlleiro legado cultural en forma de historias, lendas e monumentos. Lugares da zona relacionados coa súa vida inspiraron a Ruta Pardo de Cela, que inclúe os restos do Castelo da Frouseira (Foz-Alfoz), o Castelo de Castro de Ouro (Alfoz), o mosteiro de San Salvador en Lourenzá, a Basílica de San Martiño de Mondoñedo (Foz) e as cidades de Viveiro e Mondoñedo. A Audioguía ficcionada de Alfoz proponche que te mergulles na vida e legado de Pardo de Cela da man dos seus protagonistas.


A uns 5 km de Foz, sitúase este antigo monumento románico levantado no ano 1075 da man do bispo Gonzalo Froilaz. Sé episcopal dende o ano 864, aglutinou as dioceses dumiense e britoniense ata que no s. XII se decide o seu traslado a Vilamaior do Val de Brea, hoxe Mondoñedo. É Monumento Nacional e no seu interior esconde auténticas xoias patrimoniais; entre elas, os seus capiteis historiados, sartegos de antigos bispos e pinturas do s. XVI e do s. XII. Estas últimas son consideradas as máis antigas conservadas dentro do románico galego. Na que fora casa reitoral, atópase hoxe o Centro de Interpretación. Aberta á visita libre e con visita guiada. + info. 982 132 607.

BASÍLICA DE SAN MARTIÑO DE MONDOÑEDO (Foz)

MOSTEIRO DE SAN SALVADOR (Vilanova de Lourenzá)

O antigo mosteiro dúplice, fundado polo conde Osorio Gutiérrez no ano 969, vivirá a partir do s. XVII o seu momento de maior esplendor. A actual Igrexa de Santa María (s. XVIII) é obra de Frei Juan de Samos, rematada por Fernando de Casas Nóvoa, autor da fachada, que se supón foi un ensaio previo á súa obra máis importante, a fachada do Obradoiro. Garda no seu interior: un retablo neoclásico de Ventura Rodríguez, con imaxes de Ferreiro; na sancristía, un impresionante relicario barroco, e na capela de Nosa Señora de Valdeflores, o famoso sarcófago do conde Osorio Gutiérrez («Conde Santo»), obra paleocristiá realizada na Aquitania Francesa no s. VII. O mosteiro acolle o Concello e o Centro de Interpretación da Faba. Aberto á visita libre e con visita guiada. + info: 982 121 006. A 5 km sitúase a Fortaleza de Tovar. + info: 982 121 006.

CASTELO DE CASTRO DE OURO

(Alfoz)

13

Como una atalaia no val do río Ouro, érguese este monumento emblemático de Alfoz que fora ocupado por Pardo de Cela no s. XV. Situado sobre un antigo castro (s. I), consérvase a torre homenaxe da primitiva fortaleza, relacionada coa fundación dun mosteiro familiar no s. XI. No seu interior acolle un punto de información turística, sala de exposición e museo. Ao pé da torre, a Igrexa parroquial de San Salvador, antiga capela do Castelo. Nas proximidades (1,1 km) podes visitar a Finca Galea. + info 982 558 581.


A Mariña Lucense ocupa o norte da provincia de Lugo na costa cantábrica e a súa contorna, entre as rías de Ribadeo e O Vicedo-O Barqueiro. Os seus límites están definidos ao leste polo río Eo e ao oeste polo río Sor; as serras do Xistral, O Pousadoiro e Lourenzá marcan o límite sur, no interior. Está composta por dezaseis municipios que a dotan de atractivos moi diversos: Alfoz, Barreiros, Burela, Cervo, Foz, Lourenzá, Mondoñedo, Ourol, A Pontenova, Ribadeo, Riotorto, Trabada, O Valadouro, O Vicedo, Viveiro e Xove.

+ INFO MAPA


15


Conxuntos históricos de visita imprescindible VIVEIRO

Cidade histórica, rodeada de fermosas paisaxes por mor da súa privilexiada posición no esteiro do río Landro, o seu desenvolvemento como porto comercial veuse favorecido por esta situación. Hoxe é un núcleo turístico de referencia que conserva, nas acolledoras prazas e estreitas rúas da cidade vella, monumentos de notable interese patrimonial, como a Igrexa conventual de San Francisco, de estilo oxival; a Igrexa románica de Santa María; o Convento das Concepcionistas ou a Casa dos Leóns. Destacan tamén tres portas das seis que tivo a antiga muralla: a da Vila, a do Valado — xunto á cal se aprecia o lenzo de muralla mellor conservado—, e a plateresca de Carlos V (s. XVI), situada fronte á ponte da Misericordia. Na praza do Concello réndeselle homenaxe, cunha estatua, ao destacado político e poeta romántico viveirense Nicomedes Pastor Díaz.

MONDOÑEDO Sé episcopal dende o s. XII e capital das sete provincias do antigo Reino de Galicia, Mondoñedo atesoura na maraña das súas estreitas rúas de pedra edificios de importante valor histórico e artístico que teñen na Catedral Basílica da Asunción (s. XIII) a súa cima expresiva. Este monumento, que lle pon marco a unha fermosa praza, foi declarado Patrimonio Mundial pola UNESCO canda o Camiño de Santiago do Norte que atravesa a cidade. Xunto aos seus moitos monumentos, Mondoñedo garda recunchos inesquecibles, coma o Barrio artesanal dos Muíños ou a Alameda dos Remedios. Para empaparte da súa atmosfera cultural, podes visitar a Catedral, o Museo Catedralicio e Diocesano, a Casa Museo de Álvaro Cunqueiro ou o Centro de Interpretación da Imprenta. Dende o 2018, Mondoñedo integra a rede de “Los Pueblos más bonitos de España”.

VILAS HISTÓRICAS

As tres cidades contan con oficinas de turismo de apertura permanente e coas Audioguías ficcionadas da Mariña Lucense.


RIBADEO

SARGADELOS

As dinámicas e elegantes rúas deste centro histórico que domina a ría de Ribadeo amosan unha interesante combinación de estilos construtivos que nos falan do seu puxante pasado. Antigas casas de mariñeiros e artesáns conviven con edificios de grande avoengo, coma as vivendas de ricos fidalgos ou as numerosas casas indianas que lle outorgan o seu carácter definitivo. A praza do Campo ou de España é o centro neurálxico da cidade, e nela érguense a cosmopolita Torre dos Moreno, o Pazo neoclásico de Ibáñez, o Convento de Santa Clara e a Igrexa de Santa María do Campo. A Aduana vella (s. XVIII), o Castelo de San Damián (s. XVIII) ou o «Cargadoiro» completan o percorrido por esta cidade, que lle ofrece ao visitante diversas propostas de interese, como as súas rutas temáticas sobre os Indianos ou o Ribadeo Ilustrado, entre outras.

No concello de Cervo sitúanse as Reais Fábricas de Sargadelos, conxunto histórico referente do turismo industrial en Galicia conformado polas antigas instalacións siderúrxicas; a Casa da Administración, hoxe Museo Histórico (+ info 982 107 654); a Antiga Fábrica de Louza; a Casa do Peso; a presa e o mais o canal —Paseo dos Namorados—; o Pazo de Ibáñez; o Camiño Real; a Igrexa de Santiago, e o cemiterio. Esta iniciativa, dedicada inicialmente á fundición de ferro e logo á louza e vidro, foi obra do ilustrado Antonio Raimúndez Ibáñez (17091809). Tras cesar na súa actividade en 1875, rexorde a mediados do s. XX grazas a Isaac Díaz Pardo e Luís Seoane cunha nova fábrica de cerámica que segue a ser hoxe unha icona da cultura galega, con pezas de identidade inconfundible. No antigo edificio das cortes das bestas, sitúase o Centro de Emprendemento e Artesanía. A fábrica acolle o Museo Sargadelos, que ofrece visitas guiadas. + info: 982 557 841.

17


Os atractivos dun pasado industrial Os atractivos da Mariña Lucense son numerosos e variados. Alén do amplo patrimonio eclesiástico e civil existente, hai un patrimonio industrial moi salientable no cal, ademais de antigas cetarias, fábricas de salga, baleeiras, fábricas de tecido ou centrais eléctricas, destacan sen dúbida o conxunto de Sargadelos e os elementos relacionados coa extracción, transformación e transporte do ferro. A abundancia na zona deste mineral está na orixe das dúas minas de ferro máis grandes de Galicia. Das minas da Silvarosa en Viveiro (1899-1969) consérvase, rehabilitado, o antigo cargadoiro da Ínsua, xunto aos restos das moegas e ao tranvía aéreo que conectaba coa mina a 5 km. Pola súa banda, na cunca do río Eo, a Sociedad Minera Villaodrid comeza en 1900 a explotación de ferro de dous grupos de minas: Vilaoudriz e Boulloso, cada un con cadansúa batería de fornos de calcinación. Tras o seu peche definitivo en 1966, hoxe podes ver rehabilitados un forno en Boulloso e os cinco de Vilaoudriz, no centro da Pontenova, que, cos depósitos do mineral ou as moegas de carga, evidencian o seu portentoso pasado mineiro. Diversas rutas permiten coñecer este patrimonio; entre elas, a Ruta do ferrocarril (Vía Verde), que percorre parte do trazado que unía Vilaoudriz con Ribadeo (O Cargadoiro) para a exportación do mineral. + info: 982 34 21 01 Á beira dos ríos Reigadas e Ferreiravella, proliferaron antigamente ferrerías, mazos e moas. A Ruta do Ferro propón un percorrido de 8 km que parte das Rodrigas, capital de Riotorto —e que podes principiar tamén no Mazo, acurtándoo—, para coñecer o patrimonio asociado á transformación do ferro, incluíndo o rehabilitado mazo da Fraga de Ferreiravella (visitas: 982 161 677). Tamén podes visitar ferrerías nos municipios de Riotorto e A Pontenova da man dos seus ferreiros, que, a golpe de martelo, fabrican fouciñas, coitelos e navallas, mantendo viva a antiga tradición local (consulta as Rutas de Artesanía).

Nas últimas décadas do s. XIX e principios do s. XX, merece destacarse o valioso legado que os indianos (emigrantes retornados tras «faceren as Américas») transmitiron ao territorio... dende as súas grandes e elegantes vivendas ata diversas iniciativas económicas e socioculturais. Nos municipios de Ribadeo, Barreiros, Viveiro e Ourol atoparás numerosas mostras deste patrimonio —disperso tamén por todo o destino—, reflexo da importante emigración que afectou á zona.


Camiño de Santiago do Norte Peregrinar a Santiago é para moitos unha experiencia única e transformadora, unha forma especial de encontro cos lugares polos que se transita e cun mesmo.

O Camiño de Santiago do Norte, que atravesa este destino, foi declarado no 2015 Patrimonio da Humanidade polo seu indubidable valor cultural. É unha vía tan antiga como o Camiño Francés, elixida polos reis europeos da Idade Media para visitar a tumba do Apóstolo. Na actualidade, é o terceiro camiño en Galicia por número de peregrinos, despois do Francés e o Portugués, e é unha vía pouco saturada e de fermosas paisaxes. Entra en Galicia por Ribadeo, cruzando a Ponte dos Santos e continuando a través de Barreiros. Ou, máis ao sur, por Trabada dende Santiago de Abres. Tras o seu paso por Lourenzá e Mondoñedo, o Camiño continúa cara a Abadín, xa na Terra Chá, tras salvar un importante desnivel. Ademais da oferta de albergues públicos, nos últimos anos novas propostas arrequentaron e completaron a oferta de aloxamentos deste Camiño co que poderás coñecer o noso importante patrimonio eclesiástico e civil, as intimidades da nosa paisaxe —que se aprecian mellor cando viaxas a pé—, a nosa rica gastronomía e a fonda amabilidade do carácter mariñán. Bo Camiño!

En Mondoñedo podes visitar o Centro de Interpretación do Camiño Norte.

+INFO

19


Actividades na natureza A diversidade xeográfica deste destino ábreche as portas a gozar do medio natural con variadas propostas que van dende a súa observación e descuberta ata alternativas moi dinámicas para os máis destemidos. As rías forman abeiros naturais perfectos para a práctica de actividades náuticas todo o ano e a accesibilidade e orientación das súas numerosas praias fan delas un paraíso para o surf. Instalacións náutico-deportivas, concellos, guías especializados e máis de vinte empresas de actividades deportivas e de aventura ofrecen interesantes opcións e facilitan a práctica destas actividades para debutantes e iniciados.

Surf, windsurf, kitesurf, paddle-surf, vela lixeira...

Paseos e rutas marítimas guiadas.

Alugueiro de embarcacións.

Snorkel e Mergullo.

Canoas e Kayak de travesía (rutas e excursións).

Esquí náutico, wakeboard.

Sendeirismo; Trail running; Rutas para BTT.

Rutas a cabalo

Espeleoturismo. Parapente. Barranquismo.

Escalada; Rapel.

Pesca marítima de recreo e pesca fluvial.

Visitas guiadas por expertos en todo o territorio relacionadas co patrimonio cultural e natural da zona e rutas específicas micolóxicas, ornitolóxicas e xeolóxicas.

TURISMO ORNITOLÓXICO

Na Mariña Lucense existen interesantes zonas para a observación de aves. Dende os seus numerosos cabos pódese contemplar a migración anual de milleiros de aves mariñas, en especial en Cabo Burela. Doutra banda, os seus tres espazos declarados Zona de Especial Protección para as Aves (ZEPA) son fundamentais para a conservación de varias especies, ben porque moitas aves acuáticas atopan neles abeiro nas súas viaxes migratorias, ben porque se reproducen alí.


A Costa da Mariña Occidental é refuxio de colonias de aves mariñas, cunha importante poboación de gabita euroasiática. A Ría de Foz acolle unha comunidade heteroxénea de aves acuáticas no inverno e no paso outonal: cullereiro, gaivotas, anátidos e limícolas. No esteiro concéntranse poboacións invernantes de mazarico real e mazarico rubio de importancia nacional. A Ría de Ribadeo é lugar de descanso para as aves acuáticas e destaca pola invernada do asubiador e do pato rabudo. No interior, na Serra do Xistral, crían especies de paxaros de montaña escasas a nivel galego, como o verderolo serrano, o úbalo e o bicotorto común.

XEOTURISMO Este destino, de visita imprescindible do xeoturismo en España, posúe singulares formas na súa costa que evidencian a evolución do relevo por mor da interacción de diversos factores, como: o substrato rochoso, a forza das ondas, a influencia das mareas ou a acción do salitre sobre as rochas. Predominan cuarcitas, lousas, xistos, gneis e granitos que, ás veces, presentan grandes fallas e dobramentos, como poderás observar en Burela, que posúe o conxunto de dobramentos mellor conservado de Galicia. A erosión deses substratos e o transporte e depósito dos sedimentos crea covas marítimas ou furnas, bufadores («ollos»), illas, illotes e arcos característicos desta costa, que ten o seu máximo expoñente na Praia das Catedrais. Diversos concellos, entre os que Burela e Ribadeo son pioneiros, promoven rutas xeolóxicas para comprender a orixe, formación e evolución desta terra.

SENDEIRISMO Porque poñer as botas e lanzarse a andar resulta moi saudable, natural e agradecido para coñecer a contorna, animámoste a percorrer os nosos sendeiros, espallados por todo o territorio e con diversas propostas de duración, dificultade e paisaxe. Trabada, O Vicedo e A Pontenova contan con sendeiros homologados e en case todos os municipios terás alternativas para adentráreste nas nosas fragas autóctonas e de ribeira e en contornas de serra e de costa. Hai na Mariña dous Camiños Naturais: o da Ruta do Cantábrico, que che propón percorrer en 131 km —7 etapas— toda a nosa costa, e o de San Rosendo, que conec ta Mondoñedo con Foz en 32 km pasando pola Basílica de San Martiño.

21

SENDEIROS A MARIÑA


Experiencias Para enriqueceres a túa vida.

Ser un destino pouco masificado e con gran personalidade é a razón de que A Mariña Lucense integre, xunto co xeodestino Ferrolterra-Rías Altas, a marca Turismo Slow Norte de Galicia, que aglutina persoas e empresas que apostan polo desenvolvemento dun turismo sostible e responsable socialmente; anfitrións que estarán encantados de recibirte e de facilitarche a estadía. Un xeito de dar a coñecer a esencia do territorio, os contrastes, a gastronomía, os lugares secretos e recantos naturais… rutas para se perder e opcións para impregnarse das tradicións locais.

Todo isto resumido nunha web —enlazada nesta páxina— que reúne propostas para recrearse nun destino que o ten todo; para que vivas a túa experiencia slow.

TURISMO SLOW AUDIOGUÍAS FICCIONADAS

Unha proposta amena e suxestiva que te convida a descubrir, ademais do patrimonio máis salientable, a esencia máis íntima dos lugares; a súa voz e a voz das súas xentes; as súas historias e lendas; o seu ambiente e as súas lembranzas a través de voces narradoras, escenas dramatizadas, entrevistas, música ou mapas sonoros. Ribadeo, Mondoñedo, Viveiro, Alfoz e Lourenzá contan xa con este produto, deseñado e elaborado con rigor e agarimo por unha das compañías de teatro máis relevantes de España: o Grupo Chévere. No caso de Ribadeo, Mondoñedo e Viveiro están dispoñibles en inglés, francés, galego e castelán, mentres que en Alfoz e Lourenzá actualmente só en galego. Para poderes escoitar as audioguías ficcionadas, só tes que descargalas de forma gratuíta e… divírtete con elas!


Rutas de Artesanía da Mariña Lucense

O importante legado cultural relacionado coa artesanía que posúe este destino fixo xermolar hai anos un proxecto vitalista, de recuperación e posta en valor do traballo artesanal, que pon o foco non só na obra, senón tamén no propio artesán; ese mago capaz de transformar, co seu saber, a materia prima en forma de obxectos que facilitan e enfeitan a vida. As rutas de artesanía son itinerarios turístico-culturais pensados para que visites o territorio dende unha perspectiva slow, tranquila e coa profundidade necesaria para captar a personalidade e diversidade do territorio. Propostas onde os artesáns son os principais protagonistas e que che darán a coñecer, ademais dos atractivos da contorna, obradoiros e oficios artesanais dende a fase de deseño ata a comercialización. Unha fórmula excelente para penetrar no corazón da Mariña.

Ruta de Regal Cerámica Ruta de Asteleiros Fra Ruta de Redeiras Cabo Burela

Ruta do Espazo Caritel Ruta do Barrio dos Muíños de Mondoñedo Ruta dos Ferreiros da Pontenova e Riotorto

É un proxecto que pon á disposición do visitante unha serie de rutas —de entre 2 e 3 horas de duración— para que coñeza, da man de guías profesionais e axentes locais, os valores naturais e culturais dos municipios abrindo pequenas fiestras con vistas aos lugares más marabillosos da Mariña Lucense.

23

RUTAS DE ARTESANÍA A MARIÑA EN RUTA


Gastronomía A calidade das nosas materias primas, xunto coa tradición e a habelencia dos nosos cociñeiros son, de seguro, un reclamo excelente para que goces da nosa gastronomía. Pratos creados pola cultura, a historia e a economía da zona que representan unha oportunidade inigualable para conectar co territorio. As zonas costeiras proporcionan produtos como a pescada do pincho de Celeiro —con selo de calidade—; o bonito do norte de Burela —capturado de forma tradicional—; os percebes de Rinlo; as cadeluchas e ourizos de mar; lagosta; santiaguiños; cáncaros; boi de mar e polbo, entre outras moitas lambiscadas mariñas procedentes da pesca diaria no Cantábrico, que asegura a súa frescura e calidade. Da gandaría do territorio, podes degustar excelentes carnes de Tenreira Galega ou cachena e de porco celta.

As condicións climáticas e organolépticas dos vales permiten a plantación de produtos de recoñecida calidade, como a famosa Faba de Lourenzá, con Indicación Xeográfica Protexida (I. X. P.), e outros destacados produtos da horta, como a faba verdina, os grelos suaves, tomates, allos porros, espinacas ou leitugas, que deron orixe a marcas identitarias como Horta de Mondoñedo ou Verdina de Galicia. Castañas, cogomelos e meles multiflorais son outros excelentes produtos locais que forman parte activa da nosa cociña, igual que a fariña, coa que se fan pan e empanadas artesanais moi recoñecidos, ou pratos tan de noso como a enfariñada de Trabada, que na Pontenova recibe o nome de faragullos. Na repostería, a améndoa é un ingrediente estrela das exquisitas Torta de Mondoñedo, Colineta de Viveiro ou Torta de Riotorto. O chocolate artesán e doces típicos segundo a época do ano, coma na Semana Santa ou no Entroido, completan a deliciosa oferta habitual das nosas panadarías e pastelerías.

Consulta restaurantes:

+INFO


Esta ruta proponche vivir unha experiencia única de arte, natureza e gastronomía no corazón do fértil val de Lourenzá, territorio de condicións idóneas para o crecemento desta raíña dos legumes galegos que se estende por toda A Mariña Lucense. A ruta ofrecer coñecer de primeira man o artesanal proceso de produción da faba visitando os agricultores nas súas plantacións, así como a Cooperativa Terras da Mariña e o Centro de Interpretación da Faba. Tamén poderás degustar o seu delicioso sabor en combinación con outros produtos estrela da zona e achegarte ao Mosteiro de San Salvador, o Pazo de Tovar, a área do Muíño do Pereiro e o Miradoiro da Valiña.

Dentro desta ruta visitarás o Pazo-Fortaleza de Tovar, mansión señorial fortificada de estilo gótico isabelino que Antonio de Tovar construíu sobre a torre de Canedo no s. XV e que hoxe acolle o Museo do Liño, o Rincón do Xoguete Tradicional e un restaurante. + info: 676 92 23 89.

Este proxecto promove os valores da nosa gastronomía local dándolles visibilidade aos produtores e produtos agroalimentarios, divulgando videorreceitas de profesionais e organizando un concurso aberto de receitas elaboradas con alimentos do territorio. O seu obxectivo é propiciar unha produción agroalimentaria baseada na biodiversidade local e a produción sostible. Para coñeceres a fondo o proxecto, podes acceder á súa web dende a ligazón desta páxina e descubrir as nosas receitas e os produtos e produtores que as fan posibles.

RUTA DA FABA COCIÑANDO A MARIÑA

25


Aloxamento Opcións ideais para o teu descanso.

A Mariña Lucense dispón dunha gran variedade de alternativas entre as que poderás atopar a túa opción de descanso ideal para planificar a túa estadía. Establecementos cunha excelente relación calidade-prezo e de diversa tipoloxía, como hoteis, pensións, casas de turismo rural, albergues públicos e privados, apartamentos turísticos, etc. Nas zonas costeiras a oferta é moi ampla e diversa e nas zonas de interior tamén encontrarás interesantes opcións con establecementos de turismo rural distribuídos por todo o territorio e outros tipos de aloxamento máis concentrados nas capitais de municipio. Ao longo do Camiño Norte podes atopar, á parte de albergues públicos de peregrinos, albergues privados, pensións, hoteis e establecementos de turismo rural.

Consulta aloxamentos:

+INFO


Festas e eventos A oferta cultural e lúdica da Mariña Lucense é moi intensa e variada. Ademais da programación regular de cada municipio e dos seus mercados e feiras semanais ou quincenais, hai citas festivas gravadas con lume no calendario mariñán. Festas, feiras, eventos e festividades ao longo de todo o ano, destacando algunhas de tipo gastronómico, máis dunha ducia de festas que contan coa declaración de «Festa de Interese Turístico de Galicia», celebracións como a Semana Santa de Viveiro de «Interese Turístico Internacional» ou o Resurrection Fest. Entre as Festas de Interese Turístico de Galicia no ámbito gastronómico teñen este recoñecemento a Feira do bonito de Burela e as Festas da Faba de Lourenzá; a da pescada do pincho de Celeiro; a da troita na Pontenova, e da o ourizo en Cervo. Vencelladas á tradición cabalar da zona, tamén contan con esta distinción a Rapa das Bestas de Candaoso en Viveiro ou as famosas feiras de San Lucas de Mondoñedo, con máis de 800 anos de historia. As festas patronais de todos os municipios adoitan ser multitudinarias e moi coloridas, e entre elas a de San Lourenzo en Foz está declarada como de interese turístico de Galicia. Romarías coma as de Santa Cruz en Ribadeo ou a do Naseiro en Viveiro, e festas coma a Maruxaina de San Cibrao; a Queimada popular de Cervo; a Festa internacional do emigrante de Barreiros; a festa Romaxe das Cruces de Ponte de Arante (Ribadeo), ou o Mercado Medieval de Mondoñedo completan este abano de propostas que contan con esta denominación honorífica entre a manchea de eventos existentes. Con carácter relixioso son relevantes a Semana Santa de Mondoñedo e a Semana Santa de Viveiro, esta última declarada de Interese Turístico Internacional.

Para coñeceres a axenda completa, podes consultar a web da Mariña Lucense Turismo e animarte a participar con nós nestes motivos para o encontro e a celebración da vida, porque ben axiña todos poderemos volver compartir e festexar.

27

AXENDA


A Mariña Lucense Turismo


A Mariña Lucense Turismo


ANEXOS


Espazos naturais Neste territorio existen, dentro da área de protección REDE NATURA 2000, nove espazos clasificados como Zonas de Especial Conservación (ZEC), repartidos ao longo do territorio, e tres Zonas de Especial Protección para as Aves (ZEPA): Costa da Mariña Occidental, a Ría de Foz e a Ría de Ribadeo (Zona Húmida RAMSAR). Tamén protexidos, pero neste caso coa figura de Monumento Natural, están o Souto da Retorta en Viveiro e a Praia das Catedrais en Ribadeo. As Reservas da Biosfera Terras do Miño e Río Eo, Oscos e Serra do Burón inclúen extensas zonas da Mariña.

ZONA DE ESPECIAL CONSERVACIÓN

As Zonas de Especial Conservación (ZEC) son áreas de interese medioambiental para a conservación da diversidade e designadas polos Estados membros da Unión Europea para formaren parte da Rede Natura 2000, a aposta máis importante en materia de conservación realizada pola Unión Europea.

ZEC-Rede natura 2000 AS CATEDRAIS ZEC-Rede natura 2000 CARBALLIDO ZEC-Rede natura 2000 MONTE MAIOR ZEC-Rede natura 2000 RÍO EO ZEC-Rede natura 2000 RÍO LANDRO ZEC-Rede natura 2000 RÍO OURO ZEC-Rede natura 2000 SERRA DO XISTRAL +info ZEC-Rede natura 2000 RÍA DE FOZ-MASMA ZEC-Rede natura 2000 COSTA DA MARIÑA OCCIDENTAL

ZONA DE ESPECIAL PROTECCIÓN PARA AS AVES As Zonas de Especial Protección para as Aves (ZEPA) son áreas de interese medioambiental designadas para a conservación tanto das aves migratorias coma das sedentarias. Espazos catalogados polos Estados membros da Unión Europea para formaren parte da Rede Natura 2000. Zona Especial Protección para as Aves (ZEPA)-Rede natura 2000 COSTA DA MARIÑA OCCIDENTAL Zona Especial Protección para as Aves (ZEPA)-Rede natura 2000 RÍA DE FOZ Zona Especial Protección para as Aves (ZEPA)-Rede natura 2000 RIBADEO Zona Húmida (RAMSAR) RÍA DO EO Podes encontrar información interesante relacionada coa observación ornitolóxica en Galicia na que se inclúe esta zona na seguinte ligazón: Galicia birding.


MONUMENTO NATURAL

Son espazos protexidos pola normativa autonómica de conservación da natureza (Lei 9/2001, do 21 de agosto) que define esta figura como «espazos ou elementos da natureza constituídos basicamente por formacións de notoria singularidade, rareza ou beleza que merecen ser obxecto dunha protección especial».

Monumento natural SOUTO DA RETORTA +info Monumento natural AS CATEDRAIS +info

RESERVA DA BIOSFERA

Son ecosistemas terrestres ou costeiros/marítimos onde a conservación dos re cursos biolóxicos convive co desenvolvemento cultural, social e económico da poboación local e que están recoñecidos internacionalmente no marco do Programa sobre o Home e a Biosfera (MAB) da UNESCO. Reserva da biosfera TERRAS DO MIÑO Reserva da biosfera RÍO EO, OSCOS E TERRAS DE BURÓN + info


Fervenzas da Mariña Lucense A Férrea, A Pontenova

A visita á fervenza inclúese na Ruta da Férrea, que se pode realizar a pé dende A Pontenova ou en coche, a uns 3 km. Partindo dende A Pontenova, seguimos a N-640, dirección Ribadeo, ata a rotonda da saída do núcleo urbano. Alí dirixímonos ao polígono industrial percorrendo a rúa principal ata o final (nave industrial Recense). Viramos á esquerda, seguindo as indicacións da ruta, e nos seguintes cruzamentos sempre á dereita, ata chegar á estrada local, que nos leva ao principio da ruta, na curva de Torrentas. Preto encóntrase unha pequena zona de estacionamento situada a uns 300 m da parte baixa da freixa. O regato de Parada descende con moita forza formando pequenos saltos de auga e deixando escuma e auga vaporizada ao seu paso. O máis importante é a Fervenza da Férrea, con dous saltos de 8 metros e cambios importantes segundo a estación do ano.

A Fervenza de Viloalle, Mondoñedo

Situada a uns 3 km de Mondoñedo, está sinalizada dende esta cidade, saíndo pola LU-160 en dirección Alfoz. Tras atravesar o Barrio de San Lázaro, se queremos chegar en coche, a uns 2 km debemos coller un desvío á esquerda. Atravesamos unha ponte e volvemos virar á esquerda por unha pista estreita que, tras ascender uns 300 m, chega a unha pequena zona de estacionamento. O acceso tamén se pode realizar a pé: dende a LU-160, onde se sitúa un panel informativo (fronte a unha fonte), sae un carreiro que nos permitirá chegar á Fervenza a través dunha bonita ponte peonil.

O río Tronceda, que nace na Serra do Xistral e é afluente do Masma, forma unha serie de pozas e saltos de auga bastante caudalosos. Nesta zona hai unha área recreativa formada por unha poza natural, arrodeada de grandes penedos e eucaliptos, e unha piscina fluvial. Tamén hai unha zona apropiada para merendas e unha ponte de madeira, a «Ponte dos Carabullos». Este lugar aparece incluído nunha ruta de homenaxe ao escritor Leiras Pulpeiro, e nos arredores está rehabilitándose unha antiga fábrica de luz.


Salto do Coro, Mondoñedo

Saíndo de Mondoñedo polo pintoresco Barrio dos Muíños, collemos a estrada DP-3102, dirección Cova do Rei Cintolo. A 2,4 km hai un desvío á man dereita que, logo dunha pista estreita de 1 km, chega ata o camiño de acceso ao salto. A partir deste punto hai que seguir a pé por unha pendente duns 600 m bastante pronunciada. Tras unha ponte e unhas escaleiras, chegamos ao salto. A zona de estacionamento é escasa e, daquela, en épocas de maior afluencia é recomendable acceder ao salto a pé a través da Ruta da Auga que parte da Fonte Vella, no centro da cidade. Ou facendo, con coidado, o camiño indicado para coche dende o Barrio dos Muíños (arredor de 50 minutos). O rego de Escourido, ao pasar polos montes das Bouzas, salva un desnivel duns 10 m de altura cun salto de auga que forma unha pequena poza de augas cristalinas, o Salto do Coro. Un lugar máxico ao que se accede camiñando por un carreiro de terra, pedras e madeira, envolto na flora autóctona e típica dunha paisaxe fluvial: fentos, liques, carrizas, ameneiros, abeleiras, nogueiras...

Escouridal, O Valadouro-Alfoz O acceso está sinalizado. Dende A Seara (capital de Alfoz), na estrada LU-160, collemos —no semáforo— a estrada LU-CP-0202, cara á Casa do Concello, e continuamos por ela uns 8 km, ata chegarmos ao cruzamento coa estrada LU-P-0204. Aquí, collemos á dereita e seguimos un 3,5 km ata outro cruzamento no que temos que virar á dereita pola DP6360, dirección Cadramón/Escouridal, e continuar 1,2 km ata un panel informativo. Uns metros máis adiante, á man esquerda, hai un vieiro que sinala o camiño que debemos seguir a pé. Onda empeza este camiño hai unha zona onde pode aparcar algún coche. O vieiro remata nuns chanzos de madeira que levan á parte baixa da fervenza, dende onde é posible vela perfectamente. Podémonos achegar aínda máis e observala en todo o seu esplendor colléndonos a unha corda colocada sobre unha rocha, sempre con precaución. Esta cascada está próxima a la ruta de la Pena Abaladoira. A fervenza de Escouridal fórmase ao salvar o río Guilfonso (afluente do río Ouro) un afloramento de grandes rochas graníticas cun salto de 80 m de altura. A mellor época para contemplar este espectacular salto de auga é a primavera, cando o caudal do río recolle as augas das precipitacións acumuladas na Serra do Xistral.


O Pozo da Onza, O Valadouro

Saíndo dende Ferreira de Valadouro, pola estrada LU-162 en dirección a Burela, a 1,4 km dende a rotonda, atopamos a estrada LUP-1502, que collemos á man esquerda, dirección Ferreira. Seguimos uns 200 m, ata un indicador que sinala o Pozo da Onza, á man dereita. Dende aí, continuamos 1,5 km (o camiño estréitase a partir de San Cristovo) ata chegar a un último cruzamento, onde collemos á esquerda e cara abaixo, uns 100 m. Neste punto non hai zona específica de aparcadoiro, mais hai posibilidade de arrimar algo o coche á beira da estrada. Seguimos a pé uns 200 m por unha senda sinalizada pola marxe esquerda do río. O Pozo da Onza é unha sonora freixa do concello do Valadouro e o punto máis atractivo da Ruta dos Pozos. A fervenza fórmase no regato Val dos Infernos, afluente do río Ouro, e ten unha caída duns 15 m de altura, entre cuarcitas tapizadas pola carriza e os fentos. Na súa base forma un pozo de augas transparentes.

Pozo da Ferida, Xove-Viveiro O acceso realízase dende a LU-P-2604 e está sinalizado dende Xove e dende Viveiro. De Xove dista uns 12 km pola LU-P-2604, e dende Viveiro uns 14 km, primeiro pola LU-540, dirección Ourol/Muras, ata coller o desvío pola LU-161 (Viveiro-Mondoñedo) e, posteriormente, o desvío que indica Valcarría/A Ferida pola LU-P-6607 / LU-P-2604. Dende a LU-P-2604 veremos o desvío indicado e poderemos continuar por unha pista asfaltada ata un cruzamento, que nos indica a poza á dereita. Alí pódese aparcar para seguir a pé, conforme as indicacións. Dende aquí, a fervenza queda a 1,2 km (20´ de paseo), primeiro por un camiño asfaltado, que logo é de terra e que, tras uns 900 m (15´), conduce ao desvío que leva cara á dereita á senda que chega á zona da fervenza. Ao final desta, cara á dereita, pódese ver un muíño abandonado e unha fermosa poza que forma o río, e tirando á esquerda, por un camiño duns 300 m, chégase a este fermoso cadoiro vertical. O Pozo da Ferida é unha fervenza situada entre os municipios de Xove e Viveiro. Neste punto, o río Loureiro, tributario do Landro, encáixase e forma este salto de máis de 30 m de altura. Na súa base orixinouse unha poza circular arrodeada de vexetación autóctona: bidueiros, ameneiros, salgueiros, carballos, algún teixo e acivro e fentos. Un fermoso lugar rodeado de lendas


Fervenza de Guilán, Xove

O acceso efectúase pola LU-P-2604, que se pode coller nun cruzamento que está indicado na estrada LU-862, no centro de Xove. Pola LU-P-2604, e a uns 600 m, despois de pasar por baixo da vía de alta capacidade da Costa Norte CG.2.3., veremos sinalado o camiño á dereita. Podes deixar o vehículo nas proximidades. Dende aquí parte un camiño forestal entre plantacións de eucaliptos, paralelo á vía de alta capacidade e que ten indicados os desvíos cara á fervenza. Tras uns 2 km de paseo, está o desvío á esquerda, que indica o ascenso ao cadoiro por un camiño de pedras bastante pino. Tras uns 250 m de subida, está o último desvío (que actualmente [nov/2020] non está sinalado) ao pé dunha torre. Dende aquí, a uns 300 m, encóntrase esta fermosa fervenza. O acceso pódese facer tamén por un camiño un chisco máis curto, que parte dos arredores do polígono industrial, pero que actualmente carece de sinalización. Neste caso, saímos dende Xove pola estrada LU-862, dirección Viveiro. Á altura do quilómetro 94, antes do Polígono Industrial de Camba, entramos polo primeiro desvío á man esquerda. Seguimos a senda de terra arredor de 1 quilómetro e, cando o camiño empeza a subir, tomamos o carreiro de pedras á man dereita. Tras un último desvío á dereita, xa estará próxima e á vista a ruxidoira. As augas do regato de Guilán descenden paseniño dende o seu nacemento ata que topan na zona da Panda cun medio máis fragoso. Neste punto, as súas augas realizan un salto duns 70 m no que se abre unha bonita freixa, larga e escumante, sobre todo en inverno.

Fervenza da Xestosa, Ourol Para chegar a esta fervenza, imos pola estrada de Ourol a Muras LU-540. A 6 km do centro de Ourol, collemos o desvío Chao da Roca/Xerdiz/Miñotos, continuando pola vella estrada. Antes de volvermos pasar por baixo dunha ponte da LU-540, á man esquerda, podemos deixar o coche nunha pequena área de descanso. Próxima, a menos de 500 m, na mesma estrada, está a sinalización que indica o acceso a pé á fervenza, a través dun carreiro que baixa entre un piñeiral e que leva ata a súa base.

A Fervenza da Xestosa recibe este nome do río Xestosa, coñecido tamén como Xanceda, e é tributario do Landro. Conta con distintos saltos que rematan nunha gran caída final de máis de 20 m de altura, precipitando as súas caudalosas augas con grande estrondo, especialmente en épocas de máis chuvias.


Santo Estevo do Ermo, Barreiros

Dende Barreiros pódese facer unha ruta circular a pé duns 6,5 km partindo dende o Concello. Tamén nos podemos achegar en bicicleta ou coche, collendo un desvío dende a estrada nacional N-634 —situado a uns 100 m da Casa do Concello— que indica cara á Insua. Logo duns 800 m, chegamos ao cruzamento coa LP-1603, que collemos cara á dereita, dirección Trabada, durante 1,5 km aproximadamente, ata atopar un sinal á man dereita que nos conduce a un último tramo. Descendemos 1 km por un camiño de grixo e terra que en tempada de choivas é bastante irregular, con regos profundos provocados pola auga das precipitacións, ata unha zona onde hai sitio para deixar o coche, aínda que non sexa un aparcadoiro coma tal.

O regato de Santo Estevo precipítase en caída vertical uns 15 m nuns arredores de gran riqueza natural. Preto da fervenza, atópanse a Ermida de Santo Estevo do Ermo, dúas fontes milagreiras e unha área recreativa ben integrada no medio, conformando un espazo atractivo e de gran valor etnográfico.

Na Mariña Lucense existen outros saltos e cadoiros atractivos que completan esta serie de recunchos con encanto natural, pero visitalos pode resultar máis complexo por diversos factores, tales como o estacionamento, a sinalización e o estado xeral de carreiros e estradas que nos levan a eles.


Son lugares feiticeiros, como, por exemplo, a Fervenza de Torez, situada no Valadouro —dende Ferreira do Valadouro, dirección ao Cadramón, e indicada con sinais de madeira—, e a Fervenza do río Lexoso, en Ribadeo, incluída no itinerario chamado «Ruta do Encanto», cun panel situado na LU-133, onde principia o sendeiro duns 200 m que chega ao río (non ten zona de estacionamento próxima). Tamén atractivo resulta o Pozo das Moscas (O Valadouro), incluído na Ruta dos Pozos. O seu acceso é doado dende os arredores de Penas de Alaxe por Camiño Portela A- Tras os Ríos ata unha área recreativa (400 m), dende onde arrinca o vieiro (200 m) que nos leva deica o pozo pola beira do río. Conta a lenda que en San Xoán as meigas xúntase arredor del para se repartir as moscas que despois lles levarán os veciños co fin de atormentalos.

Fervenza de Torez

Fervenza do río Lexoso

Pozo das Moscas

Paseo dos Namorados

Non podemos obviar a pequena freixa do Paseo dos Namorados en Sargadelos (Cervo), conformada grazas á presa construída no s. XVIII que lle fornecía a auga ao complexo industrial. Está incluída na «Ruta do Río Xunco», que parte dende a Praza do Souto en Cervo.


A Mariña Lucense ocupa o norte da provincia de Lugo na costa cantábrica e a súa contorna, entre as rías de Ribadeo e O Vicedo-O Barqueiro. Os seus límites están definidos ao leste polo río Eo e ao oeste polo río Sor; as serras do Xistral, O Pousadoiro e Lourenzá marcan o límite sur interior. Está composta por dezaseis municipios que a dotan de atractivos moi diversos: Alfoz, Barreiros, Burela, Cervo, Foz, Lourenzá, Mondoñedo, Ourol, A Pontenova, Ribadeo, Riotorto, Trabada, O Valadouro, O Vicedo, Viveiro e Xove, conformando unha área de 1.462 km ² unida por lazos físicos, humanos e económicos, cunha intensa dualidade costa-interior. No territorio defínense tres comarcas: A Mariña Occidental, A Mariña Central e A Mariña Oriental.

CLIMA: A influencia da costa incide en que o clima sexa suave, sen grandes oscilacións térmicas, o que fai posible viaxar en calquera época do ano. Pola súa banda, a auga do mar posúe as temperaturas máis cálidas de Galicia, con medias que andan polos 20 ºC no verán.

COMO CHEGAR:

Para chegar ao noso destino, os aeroportos máis próximos son os de Santiago-Rosalía de Castro, A Coruña e Asturias. Por estrada, a autovía A-8 e, paralela, a estrada N-634, conectan A Mariña Central e Oriental directamente co resto da España Verde polo norte, e coa meseta e mais o eixo atlántico polo sur a través da A-6. O acceso á Mariña Occidental tamén é posible dende a LU-540, que se une coa A-8 a través da AG-64 (Vilalba-Ferrol). Para moverte dentro do destino, a estrada N-634 ao leste e as N-642 e LU-862 cara ao oeste enlazan as cidades costeiras. Tamén podes optar pola pintoresca liña de ferrocarril de vía estreita FEVE Ferrol-Xixón. No interior, diversas estradas das redes primaria e secundaria conectan as vilas interiores entre si e coa costa, facilitando a visita a todos os recursos do destino.

INFORMACIÓN TURÍSTICA:

A Mariña Lucense conta cun espazo de Información turística virtual no edificio do CENIMA (Paseo da Ribeira, 1) e a xestión turística depende da Mancomunidade de Municipios da Mariña Lucense, propietaria da web amarinalucense.gal


Dende os municipios, presentámosche páxinas webs oficiais ou específicas de turismo, onde atoparás información turística de cada un deles. Algúns concellos contan con Oficinas de Información Turística de apertura permanente (durante todo o ano); outros con oficinas de apertura temporal (normalmente, entre Semana Santa e ata finais do verán). No caso das oficinas de turismo temporal, cando estas pechan o servizo de información é asumido normalmente polo propio Concello nas súas dependencias, igual que acontece todo o ano en municipios sen oficina de turismo. Alfoz Capital: A Seara – Poboación: 1.659 habitantes Oficina de Turismo permanente. Castelo de Castro de Ouro s/n. 27776. Alfoz 982 558 581 - turismo@concellodealfoz.com Barreiros Capital: San Cosme de Barreiros – Poboación: 2.925 habitantes Oficina de turismo (temporal). Atención actual en Rúa Veiga. s/n. 27790. San Cosme. 982 124 002 – turismo@concellodebarreiros.gal Burela Capital: Burela – Poboación: 9.498 habitantes Oficina de turismo (temporal). Rúa do Porto s/n. Burela. 27880 982 l888 506 / 982 58 60 00 – oficinadeturismo@burela.org Cervo Capital: Cervo – Poboación: 4.218 habitantes Oficina de turismo (temporal). Avenida da Mariña, 60. 27890. San Cibrao. 982 595 157 – turismo@concellodecervo.com Foz Capital: Foz – Poboación: 10.016 habitantes Oficina de turismo permanente. Av. da Ribeira s/n. 27780. Foz. 982 132 426 - turismo@concellodefoz.es Lourenzá Capital: Vilanova de Lourenzá – Poboación: 2.139 habitantes Oficina de turismo temporal. Centro de Interpretación da Faba. 27760. Vilanova de Lourenzá 982 121 006 – lourenzaturismo@outlook.es

Mondoñedo Capital: Mondoñedo – Poboación: 3.539 habitantes Oficina de turismo permanente. Praza da Catedral S/N. 27740. Mondoñedo 982 507 177 - turismo@concellomondonedo.es Ourol Capital: Ourol - Poboación: 995 habitantes 982 559 109


A Pontenova Capital: A Pontenova - Poboación: 2.201 habitantes Oficina de turismo permanente. Estrada a Taramundi, 2. 27720. A Pontenova 982 342 101 – turismo@concellodapontenova.org Ribadeo Capital: Ribadeo. Poboación: 9.860 habitantes Oficina de turismo permanente. R/ Dionisio Gamallo Fierros, 7. 27700. Ribadeo 982 128 689 - turismo@ribadeo.org Riotorto Capital: As Rodrigas – Poboación: 1.235 habitantes Teléfono de información: 982 346 222 (Concello de Riotorto) Trabada Capital: Trabada – Poboación: 1.127 habitantes Teléfono de información: 982 135 011 (Concello de Trabada) O Valadouro Capital: Ferreira do Valadouro – Poboación: 1.978 habitantes Teléfono de información: 982 574 000 (Concello do Valadouro) O Vicedo Capital: O Vicedo – Poboación: 1.656 habitantes Oficina de turismo: temporal. Travesía da Mariña, 57. 27860. O Vicedo Teléfono de información: 982 590 195 / 982 590 029 – turismovicedo@gmail.com Viveiro Capital: Viveiro – Poboación: 15.391 habitantes Oficina de turismo permanente. Av. Ramón Canosa 3. 27869. Viveiro. 982 560 879 – oficinaturismo@viveiro.es Xove Capital: Xove – Poboación: 3.277 habitantes Oficina de turismo temporal. Av. Deputación s/n. 27870. Xove. 982 592 632 - 982 592 001 – oficinaturismoxove@gmail.com

Os datos de Poboación corresponden ás cifras oficiais de poboación, resultantes da revisión do

Padrón municipal a 1 de xaneiro de 2021, ofrecidas polo Instituto Nacional de Estatística (INE).


Camiño de Santiago do Norte

O Camiño de Santiago do Norte, declarado Patrimonio da Humanidade no 2015, en tra en Galicia por dous lugares: Ribadeo, procedente de La Caridad (Asturias), e o municipio de Trabada, máis ao sur, dende Santiago de Abres, tamén procedente de La Caridad por Vegadeo. En ambos os casos, converxen en Mondoñedo para continuar a Abadín. Segundo a distancia que se queira e poida percorrer e a dispoñibilidade de aloxamentos, na Mariña Lucense realízanse normalmente dúas ou tres etapas, se se peregrina a pé.. O itinerario está sinalizado cunha placa de cerámica cunha vieira que completa a indicación da frecha marela, e nas vilas históricas de Galicia encontrarás tamén cunchas de bronce colocadas directamente no chan. Para aloxarse en calquera albergue da Rede Pública de Albergues do Camiño de Santiago en Galicia, xestionados pola S. A. de Xestión do Plan Xacobeo, cómpre formalizar unha reserva previa en: https://alberguesxacobeo.gal. Na actualidade (xaneiro do 2021), e a raíz da crise sanitaria vinculada ao COVID-19, algúns municipios do Camiño poden ver afectada a súa oferta de hostalería por restricións temporais e algúns albergues públicos están pechados. Xa que logo, recomendámosche que te informes da situación actualizada ao organizares a túa peregrinación. Máis información do Camiño.


POR RIBADEO: RIBADEO: é unha bonita cidade histórica, comercial e de servizos que conta cunha ampla oferta de aloxamentos, ademais de albergue público municipal. Dende aquí hai, seguindo o Camiño, 190,7 km ata Santiago. Sae de Ribadeo en dirección Ove/ Vilela e, tras deixar atrás a parroquia de San Pedro de Arante, onde se sitúa o Santuario de Nosa Señora das Virtudes, con fermosos frescos tardo-medievais, entra no municipio de Barreiros pasando por Vilamartín Pequeno, Vilamartín Grande, Gondán (refuxio municipal) e San Xusto (albergue público municipal). Algúns peregrinos a pé optan por parar nalgún destes pequenos núcleos con oferta de aloxamento; outros continúan ata VILANOVA DE LOURENZÁ, co seu gran Mosteiro de San Salvador e a fermosa Igrexa de Santa María. Ten albergues, público e privado, e outra variada oferta de servizos. O Camiño continúa por MONDOÑEDO, pequena cidade histórica e monumental cunha fermosa Catedral e unha ampla oferta de servizos. A vía de peregrinación prosegue dende esta vila a Abadín, xa na Terra Chá, como se indica abaixo. Ribadeo - Vilanova de Lourenzá: 28 km Ribadeo - Gondán: 20,9 km Vilanova de Lourenzá - Abadín: 21,8 km Gondán - Mondoñedo: 15,6 km


POR TRABADA: Os peregrinos que antigamente querían evitar cruzar a ría en balsa optaban por acceder a Galicia bordeando a ría de Ribadeo, transitando polo que hoxe se coñece como o Camiño Histórico. Dende Vegadeo, e tras cruzar a ponte por Santiago de Abres (Asturias), continúase cara a TRABADA, a 19 km. Nos arredores do Camiño hai algunha oferta de servizo. Dende Trabada, saíndo por Trapa, chégase a Santo Tomé de Lourenzá (oferta de servizos, e dende alí o camiño continúa a Mondoñedo superando dous altos. Nesta última cidade entra a través da histórica Ponte do Pasatempo, polo Barrio dos Muíños, ata a praza da Catedral. O Camiño continúa por MONDOÑEDO, pequena cidade histórica e monumental cunha fermosa Catedral e unha ampla oferta de servizos. A vía de peregrinación prosegue dende esta vila a Abadín, xa na Terra Chá, como se indica abaixo.

Vegadeo - Trabada: 19 km Trabada - Mondoñedo: 19,2 km

DENDE MONDOÑEDO: Dende Mondoñedo o Camiño vai cara a ABADÍN (Terra Chá) a través de dúas opcións: o Camiño Oficial pola Infesta ou o Camiño oficial complementario por Maariz/Lousada. Ambas están sinalizadas, presentan unha paisaxe atractiva e entrañan certa dificultade, xa que cómpre salvar un desnivel considerable entre Mondoñedo e Abadín (de 140 m a 560 m de altura). O Camiño que pasa pola Infesta sae xunto ao barroco Santuario dos Remedios. É un camiño máis curto, pero bastante dificultoso e desprovisto de servizos. O Camiño complementario, que sae dende a praza da Catedral pola Fonte Vella, é máis longo, pero tamén máis doado, xa que salva de forma progresiva o desnivel existente nesta etapa e ofrece, ademais, algún servizo. Este camiño transita gran parte por asfalto. Para bicicleta, dende Mondoñedo recoméndase percorrer o Camiño complementario (estrada a Maariz) ata a súa saída á N-634.

Mondoñedo Abadín por Lousada (Camino Complementario): 16,6 km Mondoñedo - Abadín por la Infesta: 12,2 km

Profile for amarinalucense

A Mariña Lucense ao descuberto  

Advertisement
Advertisement
Advertisement

Recommendations could not be loaded

Recommendations could not be loaded

Recommendations could not be loaded

Recommendations could not be loaded